DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Luns, 26 de xaneiro de 2004 Páx. 1.131

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 13/2004, do 15 de xaneiro, polo que se establecen os requisitos técnicos e condicións sanitarias mínimas aplicables ás prácticas de tatuaxes, micropigmentacións e piercing.

As prácticas de tatuaxes, micropigmentacións e de piercing estanse a converter na forma máis estendida de arte corporal na sociedade actual, o que dá lugar á aparición de establecementos que se dedican á realización destas prácticas, nun ámbito non sanitario. Hai que ter en conta que as deficiencias nas instalacións, nas materias e nas prácticas poden dar lugar a patoloxías diversas, destacando entre elas as producidas polos virus da inmunodeficiencia humana (VIH), da hepatite B (VHB), da hepatite C (VHC) e, en menor medida, da hepatite A (VHA), xa que estas técnicas implican a perforación da pel ou mucosas e existe a posibilidade de transmisión destes virus por vía sanguínea, especialmente se non se realizan por persoal con formación e cos medios e condicións hixiénicas adecuados.

Todo isto fai necesaria a regulación destas actividades, para protexe-la saúde dos usuarios destes establecementos.

Os titulares destes establecementos son os responsables do mantemento da hixiene e, polo tanto, este decreto atribúelles tamén as tarefas de autocontrois continuados dos riscos para a saúde asociados ás diferentes actividades que se poidan desenvolver. Así mesmo, os órganos administrativos competentes son os responsables dos controis oficiais periódicos, que unidos ós autocontrois deben conseguir aumenta-lo nivel de protección da saúde de usuarios.

O goberno galego, en función das competencias en materia sanitaria que lle confiren o Estatuto de autonomía no seu artigo 33 e a Constitución española no seu artigo 43, que recoñece o dereito de tódolos cidadáns á protección da saúde e a competencia dos poderes públicos para organizar e tutela-la saúde pública, así como o artigo 24 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, que regula a intervención pública nas actividades públicas ou privadas que, directa ou indirectamente poidan ter consecuencias negativas para a saúde, decide dicta-lo seguinte decreto, para establece-los requisitos técnicos e condicións sanitarias mínimas dos establecementos que realizan tatuaxes, micropigmentacións e piercing.

Tendo en conta o anterior, por proposta do conselleiro de Sanidade, oído o Consello Consultivo, Dictame 658/2003, do 22 de outubro, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto establece-las normas sanitarias aplicables ás prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de:

a) Protexe-la saúde dos usuarios destes establecementos, especialmente do contaxio de enfermidades de transmisión por vía sanguínea.

b) Regula-las funcións de control e verificación do cumprimento destas normas sanitarias, así como as medidas hixiénico-sanitarias básicas que deberán observa-los profesionais que as realicen.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. O presente decreto será de aplicación a aqueles establecementos non sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, nos que, de xeito permanente, temporal ou esporádico se practiquen técnicas de tatuaxe, micropigmentación e piercing, así como calquera outra práctica de decoración corporal que implique a perforación da pel, mucosas ou tecidos.

2. Para a realización das técnicas dispostas no punto anterior, será requisito previo e indispensable a notificación de actividade, por parte do titular do establecemento, á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade que corresponda en función da situación deste, que deberá comunicarllo á Dirección Xeral de Saúde Pública.

Cando os responsables do establecemento cursen a devandita notificación de realización de actividade, deberán atoparse en condicións de acredita-lo cumprimento dos requisitos técnicos e condicións sanitarias mínimos esixibles, de conformidade cos artigos seguintes.

Artigo 3º.-Definicións.

Para efectos deste decreto enténdese por:

a) Tatuaxe: procedemento de decoración do corpo humano con debuxos, que consiste na introducción de pigmentos colorantes na pel, por medio de puncións, incluída a técnica de micropigmentación.

b) Micropigmentación ou dermopigmentación: consiste nunha leve introducción baixo a pel, en zonas concretas como os beizos, as cellas ou o contorno dos ollos, de diminutas partículas de diversas substancias antialérxicas previamente coloreadas.

c) Piercing: procedemento de decoración do corpo humano con xoias ou ornamentos, xeralmente metálicos, que consiste na suxeición destas ó corpo atravesando a pel, mucosas e/ou outros tecidos corporais.

d) Establecemento de tatuaxe, piercing e micropigmentacións: establecemento non sanitario onde se levan a cabo actividades de tatuaxe, micropigmentacións e piercing, xa sexa con carácter exclusivo ou integrado en centros onde se realizan outras actividades.

e) Área de traballo: dependencia do establecemento onde especificamente se realizan as actividades de tatuaxe, micropigmentacións e piercing.

f) Aplicadores de tatuaxes, micropigmentacións e piercing: persoal que realiza actividades que implican a perforación da pel, mucosas e/ou outros tecidos.

g) Esterilización: eliminación ou destrucción de tódolos microorganismos dun obxecto, material ou producto.

h) Desinfección: proceso de eliminación dos microorganismos patóxenos pero non necesariamente de tódalas formas microbianas.

Artigo 4º.-Instalacións.

1. As instalacións dos establecementos onde se levan a cabo actividades de tatuaxe, micropigmentacións e piercing deben garanti-la prevención de riscos sanitarios para os usuarios destas.

2. Tódalas áreas deberán estar limpas, desinfectadas e en bo estado. Limparanse, alomenos, dia

riamente -ó remata-la xornada laboral-e sempre que exista sucidade aparente, con auga e deterxente. Realizarase tamén unha desinfección de tódalas súas superficies de maneira periódica.

3. No caso de compartir locais con espacios dedicados a vivenda, comercio ou a outras prácticas de atención persoal, a área de traballo deberá diferenciarse claramente, mediante separación física e funcional.

4. A área de traballo deberá dispoñer dun lavamáns equipado con auga corrente, xabón e toallas dun só uso.

Artigo 5º.-Equipamentos e materiais.

1. Tódolos utensilios e materiais empregados na práctica profesional e que entren en contacto coas persoas deberán de estar limpos, desinfectados e en bo estado de conservación.

2. Os dispositivos destinados directamente a atravesa-la pel, as mucosas ou outros tecidos, como son agullas, electrodos, coitelas, xiringas e semellantes, deberán ser dun só uso e estériles e estar envasados e selados para garanti-la súa esterilidade.

3. Os utensilios de rasurado e afeitado deberán ser dun só uso. Non se poderán utiliza-las navallas tradicionais ou outros utensilios de follas non desbotables.

4. Os obxectos cortantes ou punzantes que se desboten introduciranse en recipientes opacos, ríxidos, imperforables e impermeables.

5. Queda prohibida a utilización dos denominados lapis cortasangue, que poderán ser substituídos por hemostáticos líquidos.

6. Os materiais utilizados que entren en contacto coa pel, peluxe ou coiro cabeludo, que non sexan dun só uso deben permiti-lo seu lavado, esterilización ou desinfección, segundo os métodos especificados no anexo I, e deben ser gardados en condicións axeitadas ata o momento da súa utilización.

7. Os hisopos para aplica-las cremas e xeles tamén serán dun só uso, para a súa aplicación individualizada.

8. A tinta necesaria para cada cliente porase nun recipiente individualizado. Desbotarase a sobrante do procedemento, para garanti-la ausencia de contaminación.

9. Calquera obxecto ou superficie con manchas de sangue deberá ser limpado e desinfectado.

10. No caso de que o instrumental caia ó chan debe esterilizarse ou desinfectarse, segundo proceda, antes de usalo novamente.

11. O mantemento dos aparellos de esterilización será realizado por un servicio técnico competente, coa periodicidade recomendada polo fabricante, levando un rexistro das operacións de mantemento.

12. Deben gardarse no establecemento as fichas de seguridade e/ou técnicas dos productos químicos e desinfectantes utilizados.

13. Os elementos utilizados para o piercing serán de material hipoalerxénico, como o ouro, alomenos de 14 ou 16 quilates, titanio, aceiro inoxidable ou plástico, e permitirán a súa esterilización.

14. Os aparellos, dispositivos e productos utilizados deberán adecuarse ó disposto no Real decreto 414/1996, do 1 de marzo, dos productos sanitarios, e ó Real decreto 1662/2000, do 29 de setembro, sobre productos sanitarios para o diagnóstico in vitro, así como calquera outra lexislación que lle sexa aplicable.

15. Os productos para tatuaxe e micropigmentación deberán dar cumprimento ó establecido na disposición adicional segunda do Real decreto 1599/1997, do 17 de outubro, sobre productos cosméticos, Real decreto 414/1996, do 1 de marzo, e Real decreto 1662/2000, do 29 de setembro, e dispoñer do seu correspondente rexistro sanitario pola Dirección Xeral de Farmacia e Productos Sanitarios.

16. Estes establecementos deben dispoñer do material necesario para garanti-la asistencia de primeiros auxilios ós usuarios.

17. Cando, con motivo de feiras, congresos ou outros acontecementos semellantes se realicen estas actividades en instalacións non estables, estas deberán cumpri-las condicións sanitarias equivalentes ás establecidas neste decreto.

Artigo 6º.-Prácticas de hixiene.

1. Os aplicadores de tatuaxes, micropigmentacións e piercing deberán estar vacinados da hepatite B e do tétanos.

2. Estes profesionais deben lava-las mans con auga e xabón antes de calquera actuación e ó remata-la actividade, como tamén cada vez que se reemprenda a actividade se hai unha interrupción.

3. Nestes procedementos usaranse sempre guantes de tipo cirúrxico, dun só uso, para manipula-las agullas ou utensilios que han de entrar en contacto directo coa pel ou mucosas do usuario.

4. Se sofren lesións da pel por feridas, queimaduras ou enfermidades infecciosas ou inflamatorias deben cubri-las lesións con material impermeable. Cando isto non sexa posible deben absterse de realizar servicios en contacto directo cos clientes ata a súa curación.

5. Os aplicadores deben usar roupa limpa e específica para o seu traballo, que será substituída inmediatamente sempre que se manche de sangue e/ou fluídos corporais, e desinfectala antes da súa reutilización.

6. Queda prohibida a entrada de persoas alleas á actividade, así como de animais, na área de traballo. Tampouco se poderá comer, beber e fumar nestas áreas.

Artigo 7º.-Protección do menor.

Para a realización de tatuaxes, micropigmentacións e piercing ós menores de idade e incapacitados é obrigatorio informar debidamente o seu representante legal quen deberá da-lo seu consentimento por escrito. En todo caso, aterase ó cumprimento das disposicións establecidas para a protección do menor ou incapacitado.

Artigo 8º.-Formación dos profesionais.

Os aplicadores de tatuaxes, micropigmentacións e piercing deben dispoñer dun nivel de coñecementos suficientes para realizar unha prevención efectiva dos riscos para a saúde asociados ás actividades obxecto deste decreto. Para estes efectos, deberán estar, como mínimo, en posesión da titulación de ciclo superior en estética ou calquera diplomatura ou licenciatura en ciencias da saúde, ou ben acredita-la superación dun curso de formación continuada, dun mínimo de 25 horas de duración. O programa debe axustarse ós contidos reflectidos no anexo II.

Artigo 9º.-Responsabilidades.

1. Os titulares dos establecementos regulados no presente decreto son os responsables da hixiene e seguridade das actividades que neles se realicen, así como do mantemento das instalacións, o equipamento e o instrumental nas condicións que se fixan neste decreto e na restante normativa de aplicación.

2. Os titulares deben identificar calquera aspecto da actividade que sexa determinante para garanti-la protección tanto da saúde dos usuarios dos seus servicios como dos aplicadores e deben adopta-las medidas correctoras oportunas.

3. Os profesionais dedicados ás prácticas obxecto da presente regulamentación deberán contar e poñer á disposición do cliente protocolos de preparación da zona anatómica onde se realizará a tatuaxe, micropigmentación e piercing, así como sobre procedementos dos coidados posteriores. Deberá quedar constancia escrita de que o usuario ou o seu representante legal, de se-lo caso, recibiu a dita información e que dá o seu consentimento previo.

4. Todo establecemento que realice estas técnicas disporá dun rexistro de clientes, consistente nun libro debidamente encadernado coas páxinas numeradas sucesivamente, ou ben un rexistro informático. Tanto nun caso coma no outro farase consta-lo nome e apelidos da persoa, idade, representante legal se é o caso, dirección e teléfono, práctica realizada, data de realización, pigmentos utilizados ou accesorios implantados e identificación do profesional que realizou o tratamento.

Artigo 10º.-Infraccións.

1. As infraccións ó establecido no presente decreto son sancionables de conformidade co que establece a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, no seu título I, capítulo VI, sen menoscabo das sancións que poidan derivarse do incumprimento doutras normativas.

2. De conformidade co anterior tipifícanse as seguintes infraccións sanitarias:

2.1. Faltas leves:

a) Infraccións de formalidades ou trámites administrativos das que non derive perigo ou dano ningún para a saúde individual ou colectiva.

b) A falta de mantemento e control das instalacións, equipamentos e material que produzan riscos leves para a saúde.

c) Todas aquelas infraccións que non se tipifiquen como faltas graves ou moi graves.

2.2. Faltas graves:

a) O incumprimento do preceptuado neste decreto respecto ás instalacións, ó equipamento, ós materiais e ó persoal.

b) O incumprimento, por parte do persoal, das normas que este decreto establece respecto ás prácticas hixiénicas.

c) O incumprimento, por primeira vez, de requirimentos específicos da autoridade sanitaria.

d) A resistencia a facilitar datos ou outra información, ou a negativa a colaborar coa autoridade sanitaria.

e) O incumprimento de ordes concretas da autoridade sanitaria, dentro da súa competencia.

f) Tódalas infraccións que constitúan un risco, ou que teñan como consecuencia un dano directo para a saúde dalgunha persoa por mor de irregularidades neste tipo de actividades.

g) As que sexan concorrentes con outras infraccións sanitarias leves, ou sirvan para facilitalas ou encubrilas.

h) A reincidencia na comisión de infraccións leves nos tres últimos meses cando así fose establecido por resolución firme.

2.3. Faltas moi graves:

a) As infraccións realizadas de forma consciente e deliberada que produzan un dano grave ós usuarios dos establecementos.

b) O incumprimento reiterado dos requisitos esixidos polas autoridades competentes.

c) As que sexan concorrentes con outras infraccións sanitarias graves, ou sirvan para facilitar ou encubri-la súa comisión.

d) A resistencia, coacción, ameaza, desacato ou outra forma de presión exercida sobre a autoridade sanitaria ou os seus axentes.

e) A reincidencia na comisión de infraccións graves nos últimos cinco anos cando así fora establecido por resolución firme.

Artigo 11º.-Graduación da sanción.

Na graduación da sanción terase en conta, consonte o disposto no artigo 131.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro:

a) A existencia de intencionalidade ou reiteración.

b) A natureza dos prexuízos causados.

c) A reincidencia, nos termos expresados nos puntos 2 e 3 do artigo anterior.

Artigo 12º.-Órganos competentes sancionadores.

1. Os órganos competentes, no ámbito das súas atribucións, para a imposición de sancións, no marco das respectivas competencias e nas contías previstas na Lei 14/1986, xeral de sanidade, serán os seguintes:

a) Os delegados provinciais, para as sancións que se impoñan pola comisión de faltas leves, recollidas no artigo 10.2º.1. deste decreto.

b) O director xeral de Saúde Pública, para as sancións que se impoñan pola comisión de faltas graves, sinaladas no artigo 10.2º.2. deste decreto, logo da proposta de resolución da Delegación Provincial de Sanidade.

c) O conselleiro de Sanidade, para as sancións que se impoñan pola comisión de faltas moi graves, recollidas no artigo 10.2º.3., coa excepción do acordo de peche temporal do establecemento, que lle corresponderá ó Consello da Xunta de Galicia.

2. Todo isto sen prexuízo das facultades inspectoras e sancionadoras que lles correspondan ós concellos en virtude do disposto nos artigos 32 a 37 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e demais disposicións que sexan de aplicación, nos termos previstos na disposición adicional quinta da Lei estatal 31/1990, do 27 de decembro.

Disposicións adicionais

Primeira.-O establecido no presente decreto enténdese sen prexuízo das competencias de autorización e rexistro que poidan corresponderlle ós concellos de acordo co establecido na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e na Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia, así como as doutras administracións públicas.

Segunda.-O disposto neste decreto non se aplicará á perforación da orella que se realice con sistemas

de cravado e abrochado de forma automática, estériles e dun só uso, salvo o disposto nos artigos 7 e 9.3º.

Disposición transitoria

Os titulares dos establecementos que na data de entrada en vigor deste decreto estean desenvolvendo actividades de aplicación de tatuaxes, micropigmentacións e piercing, disporán dun prazo de 6 meses, contado a partir da súa entrada en vigor, para adecuarse ás condicións establecidas neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para adopta-las medidas necesarias para a aplicación deste decreto no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xaneiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Como requisito básico, antes de calquera perforación, procederase á desinfección da pel con povidona iodada ou clorhexidina. Todo material que vaia ser esterilizado ou desinfectado debe lavarse previamente con auga e deterxente, de forma minuciosa, e secarse por completo despois.

1. Métodos de esterilización.

Todo o material que permita a súa esterilización debe someterse a procedementos desta índole.

Poderá empregarse calquera dos procedementos seguintes, durante o tempo e ás temperaturas indicadas a continuación, tendo ademais en conta as condicións de uso recomendadas polo fabricante.

-Esterilización por vapor (autoclave):

A 121º durante 20 minutos e a unha atmosfera de presión, ou 135º durante 5-10 minutos.

-Calor seca (fornos, estufas):

A 180º durante unha hora, ou 170º durante unha hora e media.

2. Métodos de desinfección.

O material non desbotable será desinfectado por un ou varios dos seguintes métodos:

-Inmersión do material nunha solución de hipoclorito sódico durante 30 minutos nunha proporción

de: unha parte de lixivia (nunha concentración de 50 gramos de cloro activo por litro) por catro de auga. A solución prepararase inmediatamente antes de ser utilizada pola progresiva perda de actividade.

A solución de hipoclorito sódico será de elección para a limpeza de superficies.

-Inmersión do material nunha solución de glutaraldehido ó 2% durante 30 minutos. A solución empregada desbotarase diariamente despois da súa utilización.

ANEXO II

Contido básico dos cursos de formación para os aplicadores de tatuaxes, micropigmentacións, piercing e/ou outras técnicas semellantes (25 horas lectivas, mínimo).

1. Pel e mucosas.

-Anatomía e fisioloxía básica da pel e as mucosas.

2. Microbioloxía básica.

-Concepto de infección.

-Microorganismos patóxenos e oportunistas.

-Microorganismos de transmisión hemática.

-Microorganismos de transmisión cutánea.

3. Conceptos de desinfección e asepsia.

-Desinfección de pel e mucosas.

-Campos cirúrxicos.

4. Enfermidades de transmisión hemática.

-Hepatite.

-SIDA.

5. Riscos destes procedementos.

6. Prevención e protección persoal.

-Recomendacións xerais.

-Limpeza de mans.

-Protección de feridas e lesións da pel.

-Vacinas.

-Seguridade no traballo.

7. Medidas preventivas na aplicación de tatuaxes, micropigmentación e piercing.

-Normas sanitarias.

-Pautas de actuación ante posibles complicacións: vómitos, afogamento, síncope, etc.

-Soporte vital básico.

8. Locais e instalacións.

-Condicións hixiénico-sanitarias.

-Limpeza e desinfección dos locais.

9. Utensilios e material de uso.

-Pistolas.

-Agullas e xiringas.

-Rasurado e afeitado.

-Limpeza e desinfección dos utensilios.

10. Residuos.

-Concepto.

-Tipoloxía.

-Xestión.

11. Esterilización e desinfección.

-Métodos de esterilización.

-Métodos de desinfección.