DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Martes, 03 de febreiro de 2004 Páx. 1.496

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 12 de xaneiro de 2004 pola que se fixan os horarios do período de cesamento diario da pesca de arrastre previsto no Plan de pesca do Estado.

O Real decreto 1441/1999, do 10 de setembro, que regula o exercicio da pesca con artes de arrastre de fondo no caladoiro nacional do Cantábrico e Noroeste, dispón no seu artigo 9, que o período autorizado para exerce-la pesca de arrastre de fondo será, para cada buque, de cinco días por semana e que, en todo caso, o período de descanso semanal será de corenta e oito horas continuadas.

Pola súa parte, a disposición derradeira primeira do dito real decreto establece que tal regulación do descanso semanal constitúe normativa básica de ordenación do sector pesqueiro, dictada ó abeiro do artigo 149.1.19ª da Constitución.

Na disposición derradeira segunda da norma referida, facúltase o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación para regular plans de pesca, con normativa específica e establecer vedas e fondos, xustificados polo estado dos recursos, todo isto de conformidade co informe previo do Instituto Español de Oceanografía.

No uso da dita habilitación apróbase a orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 2 de xaneiro de 2002, pola que se establece un plan de pesca para a pesquería de arrastre de fondo no Caladoiro Nacional do Cantábrico e Noroeste, e que determina que o período máximo autorizado para o exercicio da pesca de arrastre será de dezaoito horas diarias, de sorte que o cesamento diario da actividade será de seis horas, que deberán corresponder co período nocturno.

Pois ben, o citado período nocturno revélase distinto en función da zona litoral de que se trate debido ás diferencias dos horarios no solpor, polo que procede, respectando a extensión determinada polo Estado do cesamento diario da actividade da pesca de arrastre, localiza-las horas de descanso na Comunidade galega en función do solpor na dita comunidade.

Tal medida de localización ou concreción dos períodos obrigatorios de descanso, cunha extensión que foi fixada polo Estado con carácter básico e de conformidade coa doutrina sentada polo Tribunal Constitucional, nas súas sentencias 68/1992, do 30 de abril e 147/1991, do 4 de xullo, encádrase dentro da materia de ordenación do sector pesqueiro, correspondendo á Xunta de Galicia o seu desenvolvemento normativo e execución.

En consecuencia, de conformidade co artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no exercicio das competencias da Xunta de Galicia en materia

de pesca, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos procede, a través desta norma, a localiza-lo cesamento da actividade de seis horas obrigatorias fixadas polo Estado para a pesca de arrastre.

Por todo isto, e en virtude das facultades conferidas no artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e o seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e a Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia

DISPOÑO:

Artigo 1º

Esta orde ten por obxecto localizar, no ámbito da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e, en desenvolvemento do artigo 2 da O.M. do 2 de xaneiro de 2002, o período nocturno no que haberá que cesa-la actividade da pesca de arrastre durante seis horas diarias.

Artigo 2º

Na Comunidade Autónoma de Galicia fíxase o período nocturno de cesamento da actividade pesqueira de arrastre entre as dezaoito horas da tarde e as nove horas da mañá.

Artigo 3º

Para efectos do disposto nesta orde considérase cesamento da actividade pesqueira o momento en que a arte é virada e abandona o contacto coa plataforma marítima, ata o momento no que a arte fai novamente firme na dita plataforma.

Artigo 4º

1. Á vista dos futuros cambios horarios que afectarán os períodos nocturnos e dos estudios científicos pertinentes, este horario poderá variarse, establecéndose un novo período de cesamento da actividade.

2. Para os ditos efectos, o período nocturno establecido nesta orde rexerá durante catro meses contados desde a súa entrada en vigor.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto nesta orde e, en especial, a orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 4 de xuño de 2003, pola que se fixan os horarios do período de cesamento diario da pesca de arrastre previsto no Plan de pesca do Estado.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o secretario xeral para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos