DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 10 de febreiro de 2004 Páx. 1.717

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 29/2004, do 29 de xaneiro, polo que se modifican os estatutos da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A.

A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. (Turgalicia) é unha sociedade pública, constituída o día 22 de setembro de 1992, como instrumento primordial da política do turismo en Galicia, encargada de realizar unha adecuada promoción dos recursos turísticos da nosa Comunidade Autónoma.

Para levar a cabo estas actuacións, dotouse a Turgalicia dun amplo obxecto social que lle permitía a realización de toda clase de tarefas de promoción, fomento e impulso do turismo, pero non se recollía a función de información turística nin a nivel nacional nin internacional, que seguía sendo propia da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Neste momento e sendo a actividade de información turística un dos labores máis importantes que se poden desenvolver desde unha sociedade como Turgalicia, faise preciso modifica-los estatutos da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., aprobados polo Decreto 198/1991, do 27 de marzo.

Polo que de conformidade co disposto nos artigos 45 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e no artigo 111 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve, e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintenove de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-O artigo 2 dos estatutos da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. (Turgalicia), aprobados polo Decreto 198/1991, do 27 de marzo, queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 2º

Constitúe o obxecto da sociedade a realización das seguintes actividades:

a) A promoción da oferta turística de Galicia nos mercados nacionais e internacionais.

b) A coordinación, o impulso, a xestión e a execución das actividades de promoción turística interior e exterior.

c) O fomento e impulso das actividades de sector turístico para a promoción do turismo galego.

d) Os labores de información turística tanto a nivel nacional como internacional.

e) O establecemento de convenios e concertos con institucións públicas e privadas para a creación, coordinación e o desenvolvemento de accións encamiñadas á información e promoción turística interior e exterior.

f) Desenvolvemento e xestión de plans de calidade para aplicar en destinos e/ou establecementos turísticos.

g) Editar folletos, libros e producir vídeos promocionais ou material audiovisual.

h) Tódalas operacións que sexan preparatorias, auxiliares ou complementarias das mencionadas.

Tamén constitúe o obxecto da sociedade, sen prexuízo das competencias que corresponden en materia de educación e ensinanzas turísticas ós órganos correspondentes da Administración central e Xunta de Galicia, a creación e o funcionamento dun Centro Superior de Hostalería que levará a cabo as seguintes actividades:

1) Reciclaxe de profesionais do sector turístico.

2) Formación teórica e práctica de alumnos no campo da hostalería, restauración, turismo e actividades complementarias.

3) Organización e xestión de seminarios, conferencias, banquetes, catering e actividades similares.

4) Xestión e explotación de establecementos de hostalería, restauración e bebidas abertos ó público.

5) Actividades de asesoramento e consultoría ó sector turístico.

Así mesmo, será obxecto da sociedade a creación e funcionamento dunha central de reservas que atenda debidamente a demanda turística en Galicia, fundamentalmente no sector do turismo rural».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de xaneiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda