DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Mércores, 31 de marzo de 2004 Páx. 4.515

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 17 de marzo de 2004 pola que se regulan os prezos privados dos produtos de difusión do Instituto Galego de Estatística.

A Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, regula a actividade estatística para os fins da Comunidade Autónoma e sinala entre as funcións do Instituto Galego de Estatística (IGE) a de publicar e difundir os resultados das súas estatísticas.

En cumprimento da indicada función, o IGE vén ofertándolles productos e servizos aos usuarios que o solicitan, aplicando os prezos regulados na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia que, no seu artigo 51, sinala a obriga de que os prezos privados sexan fixados polas consellerías correspondentes, logo de informe favorable da Consellería de Economía e Facenda e publicados no Diario Oficial de Galicia.

Para cumprir este mandato e despois de emitido o preceptivo informe favorable da Dirección Xeral de Tributos desta consellería,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a fixación dos prezos dos seguintes produtos e servizos, que o IGE lles subministra aos usuarios que o soliciten:

1. Producción estándar. Consiste en libros, folletos ou CD-ROM onde se presentan organizadamente os resultados das actividades estatísticas que o IGE realiza e que figuran no catálogo de publicacións.

2. Extraccións de información de ficheiros ou bases de datos. Consisten en seleccións de información de ficheiros ou bases de datos, das distintas actividades estatísticas de produción propia, que residan nos sistemas informáticos do IGE.

3. Explotacións a medida. Consisten en peticións que requiren unha elaboración específica, a partir da información das distintas actividades estatísticas de produción propia, que residan nos sistemas informáticos do IGE. Esta elaboración implica un traballo de estudo ou programación, así como un tempo de execución en procesos informáticos.

4. Copias de documentos. Consisten en copias parciais ou totais de publicacións ou outros documentos elaborados en cumprimento do Plan Galego de Estatística. Estas copias serán realizadas normalmente por sistemas reprográficos ou por impresión de textos ou táboas arquivados en soporte informático.

Artigo 2º.-Determinación dos prezos.

Os prezos privados dos produtos de difusión do IGE determinaranse segundo o produto ou servizo de que se trate.

1. Prezos da produción estándar.

Neste punto regúlanse tan só as publicacións en papel:

a) Con carácter xeral os prezos de venda ao público das publicacións editadas polo IGE fíxanse en función do número de páxinas:

* De 50 a 150 páxinas 6 euros.

* De 150 en adiante 9 euros.

b) As publicacións editadas polo IGE de menos de 50 páxinas serán gratuítas.

c) Os prezos das publicacións que o IGE realice en colaboración con outros organismos virán determinados por acordo entre as partes.

d) Por resolución do director do IGE determinarase a distribución gratuíta de publicacións, atendendo a criterios institucionais ou de interese público.

2. Prezos das extraccións de información de ficheiros ou bases de datos.

A información entregarase ao usuario en ficheiros facilmente tratables e no formato que o IGE estime máis conveniente.

a) No suposto de rexistros de directorios ou ficheiros preparados especificamente para a súa venda o prezo será:

* Primeiros 100 rexistros a 0,6 euros/rexistro.

* Do rexistro 101 ó 1.000 a 0,3 euros/rexistro.

* Do rexistro 1.001 en adiante a 0,03 euros/rexistro.

O custo mínimo por petición será de 60 euros.

b) Para os supostos recollidos no artigo 30.2º da Lei de estatística de Galicia (favorecer a investigación científica) o prezo será:

* Primeiros 5.000 rexistros a 0,03 euros/rexistro.

* Do rexistro 5.001 ó 10.000 a 0,02 euros/rexistro.

* Do rexistro 10.001 en adiante a 0,01 euros/rexistro.

c) Para a copia en soporte informático de táboas estatísticas xa difundidas e que non se atopen á venda, nos formatos que o IGE estime máis conveniente o prezo será:

* As primeiras 10 táboas a 0,3 euros/táboa.

* Da táboa 11 en diante a 0,05 euros/táboa.

O custo mínimo por petición será de 3 euros.

3. Prezos das explotacións a medida.

Para as explotacións a medida de datos estatísticos o prezo será o resultado da suma de dúas compoñentes:

a) Por datos subministrados: o importe en euros obterase redondeando a dous decimais a suma das cantidades que se relacionan a continuación.

* Primeiros 100 datos a 0,1 por dato.

* Do dato 101 ó 5.000 a 0,02 por dato.

* Do dato 5.001 ó 50.000 a 0,005 por dato.

* Do dato 50.001 en adiante a 0,0005 por dato.

O custo mínimo por petición será de 10 euros. Para estes efectos, considérase que un dato é cada cela numérica de cada unha das táboas estatísticas que integran a petición.

b) Polas horas dedicadas polo persoal técnico estatístico ou informático que a petición puidese requirir, 40 euros/(hora/persoa) incrementado coa fracción correspondente no caso de que a petición requira máis dunha hora.

Para as explotacións de datos estatísticos xa difundidos dos que o usuario tan só solicite unha presentación diferente da xa difundida, o prezo será o que resulte da aplicación da letra b).

A realización destes traballos estará suxeita ás dispoñibilidades de recursos e ao interese estatístico da petición, reservándose o IGE o dereito a entregar a información no formato que estime máis conveniente.

4. Prezos das copias de documentos.

O prezo dos servicios derivados da reprodución parcial mediante fotocopia, copia de microficha ou copia por impresora, realizada polos usuarios, será:

a) Fotocopia simple:

* Formato DIN A4: 0,03 euros/copia.

* Formato DIN A3: 0,06 euros/copia.

b) Fotocopias remitidas por correo:

* 1ª páxina: 0,30 euros/copia.

* 2ª páxina e seguintes: 0,15 euros.

c) Fotocopias enviadas por fax:

* 1ª folla que inclúe a cabeceira da mensaxe: 0,90 euros.

* 2ª folla e seguintes: 0,45 euros.

Artigo 3º.-Descontos e bonificacións.

1. O IGE fará un desconto sobre o prezo dos seus produtos ou servizos derivados tanto das extraccións de información de ficheiros ou bancos de datos recollidas nos puntos 2a) e 2c) do artigo 2º desta orde coma nas explotacións a medida, por importe dun 25% aos peticionarios que o soliciten en representación da:

-Administración xeral.

-Administración local.

-Universidades.

-Departamentos universitarios.

-Centros de investigación recoñecidos.

Deberase facer constar o fin para o que se solicitan os datos.

2. Ás extraccións de información de ficheiros ou bases de datos recollida nos puntos 2a) e 2c) do artigo 2º desta orde e ás explotacións a medida, aplicaranse as seguintes bonificacións.

Táboa 1. Bonificacións:

Gratuidade total:

* Órganos das administracións aos que se refire o artigo 3 da Lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

* Altos cargos con rango igual ou superior a secretario de Estado.

* Congreso dos Deputados e Senado.

* Defensor do Pobo.

* Consello Xeral do Poder Xudicial.

* INE e órganos estatísticos das CC.AA.

500 euros ao ano:

* Persoas físicas ou xurídicas, representadas no Consello Galego de Estatística, a título particular.

* Unidades administrativas que realicen actividades estatísticas contidas no Plan Galego de Estatística, non incluídas no suposto de gratuidade total.

* Informantes periódicos do IGE.

* Medios de comunicación.

* Centrais sindicais.

* Organizacións empresariais.

* Tribunal de Contas.

* Partidos políticos.

No suposto de informantes periódicos do IGE a Subdirección Xeral de Coordinación Técnica e Planificación Estatística do IGE terá que certificar a colaboración na obtención da información solicitada.

Para os casos de bonificacións que non impliquen a gratuidade total, ao importe das peticións aplicaránselle ás bonificacións que correspondan ata o tope fixado. A partir dese momento o resto das peticións do ano facturaranse aplicando os descontos establecidos no punto 1.

Non se poderán trasladar saldos dun ano a outro.

Deberase facer constar o fin para o que se solicitan os datos.

Artigo 4º.-Condicións de subministración de información.

O IGE poderá limitar a cesión de datos e establecer restricións de uso ou condicións de compromiso para a información entregada. Co fin de garantir a protección do segredo estatístico o usuario asinará un documento de aceptación destas condicións con carácter previo á entrega.

Artigo 5º.-IVE.

Os prezos aos que se refire esta orde entenderanse, se é o caso, con IVE incluído.

Artigo 6º.-Forma de pagamento.

A xestión, regulación e recadación dos prezos privados establecidos nesta orde axustarase ao disposto na Lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2004.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda