DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Venres, 23 de abril de 2004 Páx. 5.777

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 17 de marzo de 2004 pola que se acorda a fusión das confrarías de pescadores de Ribadeo e Rinlo por petición propia.

Vista a solicitude presentada polas confrarías de pescadores de Ribadeo e Rinlo para que de común acordo se proceda á fusión de ambas as dúas confrarías nunha soa.

Comprobado que se cumpren os requisitos que establece o artigo 67.1º do Decreto 261/2002, do 30 de xullo polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións.

Esta consellería aproba o acordo de fusión entre ambas as dúas entidades, que terá as seguintes consecuencias:

1. A confraría de pescadores de Rinlo deixa de existir como tal, e os seus dereitos, obrigas, patrimonio e membros intégranse na confraría de pescadores de Ribadeo.

2. A nova confraría resultante da fusión denominarase confraría de pescadores de Ribadeo.

3. O ámbito territorial da confraría de pescadores de Ribadeo comprende dende a desembocadura do río Eo ata punta Promontorio.

4. Extínguense as seguintes concesións e autorizacións marisqueiras:

Consesións outorgadas por Orde do Ministerio de Comercio do 12-5-1971 (BOE nº 135, do 7 de xuño):

-Concesión de 45.000 m para banco natural de ameixas na ría de Ribadeo, entre punta Secadoira e o extremo da enseada das Aceñas.

-Concesión de 50.000 m para banco natural de ostra na ría de Ribadeo, entre punta Costal e punta Secadoira.

-Concesión de 40.000 m para banco natural de ostra na ría de Ribadeo, entre punta da Cova e punta do peirao de Mirasol.

-Concesión de 2.000 m para banco natural de ameixas na ría de Ribadeo, entre o extremo oeste da praia dos bloques e punta da enseada de Vilavella.

-Concesión de 55.000 m para banco natural de ameixas na ría de Ribadeo entre punta Salmón e punta Puntal.

Autorización marisqueira para percebe outorgada conxuntamente ás confrarías de Ribadeo e Rinlo por orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 9-10-1989 (DOG 233, do 5 de decembro) e que abrangue os bancos de percebe nas zonas comprendidas entre a illa Pancha e punta Promontorio, illas Portelas, e punta Corbeira ata illa Pancha todo corrido.

5. Disólvense desde esta data os órganos rectores das confrarías de pescadores de Ribadeo e Rinlo, e así mesmo, cesarán todos os membros das respectivas xuntas xerais, constituíndose unha comisión xestora que terá encomendada as funcións descritas no artigo 29 do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións, e estará formada polas seguintes persoas, por proposta das confrarías que se extinguen:

Pola confraría de Ribadeo:

Domingo Fernández Fernández.

Manuel Mario Rivas Nogueira.

Pola confraría de Rinlo:

Victoria Amor Fernández.

Antonio López González.

6. A nova confraría de pescadores de Ribadeo deberá modificar os seus estatutos e inscribirse no Rexistro de Confrarías de Galicia.

7. Co obxecto de garantir a continuidade na explotación dos recursos mariños nos ámbitos territoriais das confrarías extinguidas, en tanto non se determine

definitivamente o seu novo réxime xurídico, adóptanse as seguintes medidas:

a) A explotación do percebe no ámbito territorial da nova confraría de Ribadeo será realizada polas persoas legalmente habilitadas para facelo correspondentes á dita confraría, e suxeitarase ás normas establecidas no plan de explotación para o percebe na zona de autorización marisqueira da confraría de Ribadeo, recollido na Orde do 30 de decembro de 2003 pola que se aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o 2004.

b) Modifícase o plan de explotación para ourizo en libre marisqueo da confraría de Ribadeo, recollido na Orde do 30 de decembro de 2003 pola que se aproba o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o 2004, que pasará a ter como zona de traballo a comprendida entre a desembocadura do río Eo e punta Promontoiro, e permitirá o acceso a un máximo de 21 mariscadores pertencentes á nova confraría de Ribadeo.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL