DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 30 de abril de 2004 Páx. 6.110

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 14 de abril de 2004 de regulación da formación do persoal que realiza operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose e o procedemento para a autorización das entidades de formación.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establece a obriga das administracións públicas sanitarias de orientar as súas actuacións prioritariamente á promoción da saúde e á prevención das enfermidades.

O Real decreto 865/2003, do 4 de xullo (BOE nº 171, do 18 de xullo), como norma básica ditada ao abeiro do artigo 149.1.16ª da Constitución española, determina os criterios hixiénico-sanitarios para a prevención e o control da lexionelose, establece no seu artigo 13 que todo o persoal que traballe nas operacións de mantemento hixiénico-sanitario, ben sexa dunha entidade ou servizo externo contratado, ou ben sexa persoal propio da instalación, deberá realizar os cursos que para tal efecto homologue o Ministerio de Sanidade e Consumo por proposta das comunidades autónomas correspondentes e das cidades de Ceuta e Melilla.

A Orde SCO/317/2003, do 7 de febreiro, pola que se regula o procedemento para a homologación dos cursos de formación do persoal que realiza as operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións obxecto do Real decreto 865/2003, do 4 de xullo, establece as condicións que deben cumprir os cursos para ser autorizados polas comunidades autónomas segundo o modelo homologado polo Ministerio de Sanidade e Consumo. Nesta orde regú

lase, así mesmo, o contido mínimo do programa de formación, a súa duración e o contido mínimo dos certificados de aproveitamento do curso.

No artigo quinto da Orde SCO/317/2003 establécese que lles corresponde ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla, a través dos seus órganos competentes, o control das actividades das entidades que realicen estes cursos, os contidos, o profesorado e a expedición dos certificados e calquera outra circunstancia que consideren conveniente.

O artigo terceiro establece, así mesmo, que estas entidades quedarán sometidas ás normas de vixilancia e inspección que establezan ao respecto cada comunidade autónoma ou as cidades de Ceuta e Melilla.

Mediante esta orde establécese o marco normativo no ámbito da Comunidade Autónoma galega, en canto aos requisitos mínimos que se deben cumprir tanto para a formación do persoal que se dedique ao mantemento hixiénico-sanitario das instalacións obxecto do Real decreto 865/2003, como para as entidades de formación autorizadas.

Polo exposto, no uso das competencias que a Consellería de Sanidade ten atribuídas en materia de saúde pública, e no uso das facultades que me foron conferidas polo artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular, na Comunidade Autónoma de Galicia, as condicións da formación

do persoal que realiza as operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións que utilicen auga no seu funcionamento, produzan aerosois e se atopen situadas no interior ou exterior de edificios de uso colectivo, instalacións industriais ou medios de transporte, que poidan ser susceptibles de se converter en focos para a propagación da enfermidade, durante o seu funcionamento, probas de servizo ou mantemento.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O disposto nesta norma resultará de aplicación ao persoal que realiza as operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións susceptibles de se converter en focos de propagación da legionella e ás entidades de formación deste persoal que exerzan a súa actividade nesta comunidade autónoma.

Artigo 3º.-Definicións.

1. Entidade de formación autorizada. É a entidade legalmente constituída que, cumprindo os requisitos regulados nesta orde, estea autorizada para impartir cursos de formación ao persoal que realiza as operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións ás que se refire o artigo 1º desta norma.

2. Responsable das instalacións. Os titulares das instalacións incluídas no ámbito de aplicación desta norma serán os responsables do cumprimento da normativa que lles sexa de aplicación e disporán da documentación que acredite a formación que se lle impartise ao persoal propio de mantemento das instalacións a que se refire o artigo 1º desta orde.

Se o mantemento destas instalacións correse a cargo de empresas externas ao seu titular, aquelas serán as responsables do cumprimento da normativa, e disporán da documentación que acredite a formación impartida ao persoal de mantemento.

Artigo 4º.-Entidades de formación.

1. As universidades, centros docentes ou servizos oficiais interesados en exercer actividades de formación do persoal que realiza as operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións a que se refire esta norma están suxeitas á obtención da previa e preceptiva autorización administrativa.

2. Para a obtención da autorización administrativa, as referidas entidades acreditarán o cumprimento dos seguintes extremos:

a) Dispoñer dunha estrutura organizativa e xerarquización axeitadas para o desenvolvemento das accións formativas.

b) Dispoñer dun proxecto de formación, recursos materiais e persoal adecuado para realizar as actividades de formación, de conformidade cos contidos e duración establecidos no anexo III desta norma.

c) Dispoñer dun sistema continuado de formación do persoal formador/docente que asegure a perma

nente adecuación deste ás funcións que se van realizar.

Artigo 5º.-Solicitude de autorización administrativa.

1. A solicitude para a obtención da autorización administrativa, segundo o modelo normalizado determinado no anexo I, poderase presentar nos lugares indicados no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como na delegación provincial da Consellería de Sanidade que corresponda segundo o domicilio social da entidade interesada.

2. Xunto coa solicitude normalizada presentarase a seguinte documentación:

a) Copia cotexada do CIF e/ou DNI, segundo corresponda, da entidade solicitante ou do seu representante legal.

b) Copia cotexada da escritura de constitución da entidade e estatutos debidamente rexistrados.

c) Copia cotexada da titulación e experiencia profesional do responsable da dirección, coordinación e desenvolvemento das accións formativas, e do persoal encargado de impartilas.

d) Memoria descritiva das actividades formativas, que conteña:

-Programa docente, que especifique polo menos: os obxectivos establecidos, cursos que se van impartir, número de horas teóricas e prácticas, número de alumnos, e recursos didácticos e técnicos que se van utilizar.

-Descrición do equipo formativo con indicación de nome e acreditación, mediante copia cotexada, da titulación e experiencia profesional.

-Descrición e características dos locais destinados a impartir a formación.

-Método de avaliación dos coñecementos adquiridos.

e) Modelo de certificado de acreditación da formación, que deberá conter, polo menos, a seguinte información:

-Nome e apelidos do alumno.

-Número de DNI.

-Centro docente.

-Denominación do curso.

-Entidade de formación.

-Número de horas teóricas e prácticas.

-Data de expedición.

-Sinatura do coordinador do curso, ou do titular do centro docente.

-Selo da entidade de formación.

-Referencia á resolución administrativa de autorización.

3. No caso de faltar algunha documentación da exixida nesta normativa, por parte da delegación provincial procederase a outorgarlle un prazo de 10 días ao interesado para a súa corrección, cos efectos previstos no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Autorización.

1. A resolución do procedemento de autorización correspóndelle ao director xeral de Saúde Pública, por proposta do delegado provincial correspondente.

2. A resolución do director xeral de Saúde Pública notificaráselle ao interesado de conformidade co previsto nos artigos 58 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. O prazo máximo para resolver estas solicitudes será de tres meses; transcorrido o dito prazo sen resolución expresa, entenderase concedida a autorización.

Artigo 7º.-Revogación.

1. Por proposta do delegado provincial da Consellería de Sanidade, de oficio ou por instancia de parte, o director xeral de Saúde Pública poderá revogar a autorización administrativa, tanto por incumprimento dos requisitos en que se baseou o outorgamento da autorización, como por incumprimento de calquera outro dos exixidos nesta orde ou na Orde SCO/317/2003, do 7 de febreiro, ou norma que a substitúa.

2. Constitúen, en calquera caso, causas de revogación da autorización as seguintes:

a) O non-mantemento das condicións ou contidos baixo os cales se autorizou o curso de formación.

b) A non-superación do control de calidade.

c) O exercicio das facultades de inspección e control por parte da Administración poderá levar aparellada a revogación da autorización administrativa concedida cando o resultado daquel exercicio poña de manifesto deficiencias ou incumprimentos da normativa aplicable.

3. A resolución de revogación notificaráselle ao interesado, segundo o regulado no punto 2 do artigo 6º desta orde.

Artigo 8º.-Recursos.

As resolucións do órgano competente non poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes ante o conselleiro de Sanidade, de conformidade co disposto nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9º.-Vixencia e renovación da autorización.

1. A vixencia da autorización das entidades de formación será de cinco anos contados a partir da data da resolución de autorización.

2. Dentro dos tres meses anteriores á expiración do prazo de vixencia da autorización, os interesados poderán solicitar a renovación ante a delegación provincial da Consellería de Sanidade correspondente, segundo o modelo normalizado que figura no anexo II.

No caso de manterse as condicións que motivasen a autorización, xuntaráselle á solicitude unha declaración onde se faga constar que aquelas se manteñen. No caso de que se producise algún cambio con respecto á solicitude de autorización, presentarase a documentación que acredite a dita modificación. Todo isto sen prexuízo das facultades de inspección e comprobación que lle corresponden á Administración autorizante.

Artigo 10º.-Programa de formación.

1. O programa de formación do persoal que realiza operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións susceptibles de se converter en focos de propagación da lexionelose, deseñarase e impartirase de acordo cos obxectivos especificados, e segundo os contidos mínimos e duración establecidos no modelo homologado polo Ministerio de Sanidade e Consumo, por petición da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, establecido no anexo III desta orde.

2. O programa de formación terá que ser impartido por persoal que teña formación e experiencia profesional acreditada e axeitada aos contidos establecidos nesta orde.

3. O persoal que realiza operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións susceptibles de se converter en focos de propagación da lexionelose deberá realizar un curso cada cinco anos, co obxecto de adecuar os seus coñecementos teórico-prácticos aos avances científico-técnicos dos contidos do anexo III.

Este curso terá unha duración mínima de 10 horas e incluirá a actualización dos seus coñecementos sobre a lexislación vixente en materia de saúde

pública e saúde laboral, identificación de puntos críticos e elaboración de programas de control.

Artigo 11º.-Certificados.

1. O persoal que realiza as operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións susceptibles de se converter en focos de propagación da legionella, que supere o programa de formación, acreditará a súa formación mediante certificación individual expedida pola entidade de formación autorizada.

O certificado conterá, como mínimo, os datos recollidos no artigo 5.2º e) desta orde.

2. Os certificados expediranse no prazo de dous meses, contados a partir da data de remate das probas de avaliación, e terán unha vixencia de cinco anos.

Rematado o prazo de vixencia citado na aliña anterior, e para obter un novo certificado persoal, o interesado terá que realizar e superar o curso a que se refire o artigo 10.3º desta orde.

Artigo 12º.-Obrigas e responsabilidades.

As entidades de formación serán responsables do cumprimento das obrigas seguintes:

a) Dispoñer da preceptiva autorización administrativa para o seu funcionamento.

b) Dispoñer do persoal, instalacións, equipamento e documentación necesarios para cumprir debidamente cos requisitos establecidos nesta orde.

c) Comunicarlle á delegación provincial da Consellería de Sanidade correspondente calquera cambio nos datos e/ou documentación presentada coa solicitude para obter a autorización administrativa, así como o cesamento da actividade.

d) Elaborar unha memoria anual das actividades realizadas, que será presentada no primeiro mes do ano ante a delegación provincial da Consellería de Sanidade correspondente, que conterá como mínimo a denominación ou razón social da entidade autorizada, o número de horas teóricas e prácticas dos cursos impartidos, número de alumnos, identificación do director ou coordinador dos cursos e número de edicións.

e) Comunicarlle á delegación provincial da Consellería de Sanidade correspondente, cun mínimo dunha semana de antelación, o lugar e a data de realización das accións formativas autorizadas.

Artigo 13º.-Inspección e control.

Correspóndelle á Dirección Xeral de Saúde Pública a inspección e o control do cumprimento das obrigas exixibles ás entidades de formación autorizadas. Para tal efecto, a Dirección Xeral de Saúde Pública poderá:

a) Someter a auditorías periódicas as entidades autorizadas, en relación ao cumprimento das obrigas e requisitos exixibles no desenvolvemento da súa actividade formativa.

b) Supervisar calquera das accións formativas realizadas polas entidades autorizadas.

Artigo 14º.-Réxime sancionador.

1. As infraccións ao disposto nesta orde terán carácter de infraccións administrativas á normativa sanitaria, de conformidade co disposto na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, séndolle aplicable o réxime de infraccións e sancións contido no título IX da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia. Tamén será de aplicación, no que proceda, o Real decreto 865/2003, do 4 de xullo, que establece os criterios hixiénico-sanitarios para a prevención e control da lexionelose.

2. Detectada a infracción ou incumprimento, incoarase o oportuno expediente, segundo o previsto no título IX da Lei 7/2003 antes citada, na respectiva delegación provincial da Consellería de Sanidade, de conformidade co disposto no artigo 15.3º g) do Decreto 44/2002, do 8 de febreiro, que estableceu a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, segundo a redacción dada polo Decreto 253/2003, do 2 de maio. Instruído o expediente, daráselle traslado ao órgano competente para resolver.

Disposicións adicionais

Primeira.-As entidades que, con anterioridade á entrada en vigor desta orde, impartiron cursos de formación para o persoal que realiza as operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións susceptibles de se converter en focos de propagación da legionella, poderanlle solicitar a súa validación á Dirección Xeral de Saúde Pública nun prazo de tres meses contados desde a entrada en vigor desta orde.

Segunda.-A Dirección Xeral de Saúde Pública será o órgano competente para os efectos do recoñecemento mutuo de cursos, recollido no artigo 4 da Orde SCO/317/2003, do 7 de febreiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2004.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO III

Programa do curso para o mantemento hixiénico-sanitario das instalacións de risco fronte á legionella.

1. Duración: 25 horas.

2. Contido teórico-práctico do curso.

1. Importancia sanitaria da lexionelose (tres horas).

Bioloxía e ecoloxía do axente causal.

Cadea epidemiolóxica da enfermidade.

Sistemas de vixilancia epidemiolóxica.

Instalacións de risco.

2. Ámbito lexislativo (tres horas).

Introdución ás bases xurídicas da responsabilidade das empresas na prestación de servizos para a prevención da lexionelose, incluíndo a formación actualizada dos seus traballadores.

Normativa relacionada coa prevención e control da lexionelose, as substancias e os preparados perigosos.

Auga de consumo humano, praguicidas e biocidas, instalacións térmicas de edificios e verteduras industriais.

3. Criterios xerais de limpeza e desinfección (tres horas).

Coñecementos xerais da química da auga.

Boas prácticas de limpeza e desinfección.

Tipos de produtos: desinfectantes, antiincrustantes, antioxidantes, neutralizantes, etc.

Rexistro de produtos. Desinfectantes autorizados.

Outros tipos de desinfección: físicos e fisicoquímicos.

4. Saúde pública e saúde laboral (dúas horas).

Marco normativo.

Riscos derivados do uso de produtos químicos.

Danos para a saúde derivados do uso de produtos químicos. Medidas preventivas.

5. Instalacións de risco incluídas no ámbito de aplicación do Real decreto 856/2003 (catro horas).

Deseño, funcionamento e modelos.

Programa de mantemento e tratamento.

Toma de mostras.

Controis analíticos.

6. Identificación de puntos críticos. Elaboración de programas de control (dúas horas).

7. Prácticas (sete horas).

Visitas ás instalacións.

Tomas de mostras e medicións in situ.

Interpretación da etiqueta de produtos químicos.

Preparación de disolucións de produtos a distintas concentracións.

Formalización de follas de rexistro de mantemento.

8. Avaliación.

Proba escrita sobre os contidos do curso (unha hora).

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA