DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 28 de maio de 2004 Páx. 7.579

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 103/2004, do 13 de maio, polo que se regula o exercicio das competencias de pesca, marisqueo e acuicultura no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Mediante Lei 15/2002, do 1 de xullo, decláranse os arquipélagos das illas Cíes, Ons, Oza, Sálvora e Cortegada parque nacional marítimo-terrestre, considerándose a súa conservación de interese xeral da nación e integrándose na Rede de Parques Nacionais de acordo co previsto no artigo 22 da Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres.

Precisamente por ser un parque nacional marítimo-terrestre, o espazo físico que comprende inclúe non só o espazo terrestre das illas senón tamén o espazo marítimo, augas interiores e mar territorial, que rodea as ditas illas, razón pola que na regulación do parque nacional van confluír o Estado e a Comunidade Autónoma galega no exercicio das competencias en materia de ambiente e espazos naturais protexidos e en materia de pesca, marisqueo e acuicultura.

Así, no territorio do Parque Nacional das Illas Atlánticas é á Comunidade Autónoma de Galicia e ao Estado, conxuntamente, a quen lles corresponde a xestión e o financiamento do parque conforme as competencias en materia de ambiente e espazos protexidos.

No mar territorial, o Estado poderá exercer as súas competencias exclusivas en materia de pesca marítima que lle atribúe o artigo 149.1.19ª da CE, sinalando a disposición adicional única do Real decreto 1803/1999, do 26 de novembro, polo que se aproba o Plan Director da Rede de Parques Nacionais, e o artigo 18 da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado que, nas augas exteriores dos espazos naturais protexidos, as limitacións ou prohibicións da actividade pesqueira serán fixadas polo Goberno de conformidade cos criterios establecidos na normativa ambiental.

Tratándose da pesca en augas interiores, resulta necesario entender, con base nas competencias exclusivas da Comunidade Autónoma de Galicia, que é a ela a quen lle corresponde establecer o réxime de protección dos recursos pesqueiros e marisqueiros conforme os criterios ambientais que se establezan, razón pola que resulta preciso regular a necesaria intervención da consellería competente en

materia de pesca, finalidade á que se dirixe o presente decreto.

Por todo iso, de acordo co disposto no artigo 27.15º que lle atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de pesca nas rías e demais augas interiores costeiras, o marisqueo e a acuicultura, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de maio de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O presente decreto ten por obxecto determinar o réxime do exercicio das competencias en materia de pesca, marisqueo e acuicultura no ámbito das augas interiores do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, de acordo coa súa normativa reguladora.

Artigo 2º

No ámbito das augas interiores do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia correspóndelle á Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de pesca, marisqueo e acuicultura:

a) Establecer o réxime de protección dos recursos mariños nas augas interiores do parque de conformidade cos obxectivos xerais da Lei 15/2002, do 1 de xullo, que declara o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

b) Outorgar os títulos habilitantes para o exercicio da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

c) Autorizar actividades de investigación mariña no ámbito das súas competencias en materia de pesca, marisqueo e acuicultura.

d) Realizar as funcións de vixilancia e inspección das actividades sinaladas nos dous puntos anteriores.

Artigo 3º.-Infraccións e sancións.

A realización da actividade enumerada nas letras b) e c) do artigo anterior sen a preceptiva autorización da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou en condicións distintas ás autorizadas pola mesma consellería, serán sancionadas, sen prexuízo da aplicación da normativa ambiental, de conformidade co previsto na lexislación autonómica de infraccións en materia de protección dos recursos pesqueiros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro competente en materia de pesca para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de maio de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL