DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 06 de agosto de 2004 Páx. 11.234

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 22 de xullo de 2004 de regulación da formación do persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing e o procedemento para a autorización das entidades de formación.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establece a obriga das administracións públicas sanitarias de orientar as súas actuacións prioritariamente á promoción da saúde e a prevención das enfermidades.

O Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro, polo que se establecen os requisitos técnicos e condicións sanitarias mínimas aplicables ás prácticas de tatuaxes, micropigmentacións e piercing, establece no seu artigo 8 que os aplicadores de tatuaxe, micropigmentacións e piercing deben dispoñer dun nivel de coñecementos suficientes para realizar unha prevención efectiva dos riscos para a saúde asociados a este tipo de actividades. Para estes efectos, deberán estar, como mínimo, en posesión da titulación de ciclo superior en estética ou calquera diplomatura ou licenciatura en ciencias da saúde, ou ben, acreditar a superación dun curso de formación continuada, dun mínimo de 25 horas de duración. O programa debe axustarse aos contidos reflectidos no anexo II do devandito decreto.

Mediante a presente orde establécese o marco normativo aplicable no ámbito da Comunidade Autónoma Galega, en canto aos requisitos mínimos que se deben cumprir tanto para a formación do persoal dos establecementos de tatuaxes, micropigmentacións e piercing, como para as entidades de formación autorizadas.

Tendo en conta o anterior, en virtude do disposto na disposición derradeira primeira do Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro, e de acordo coas facultades que me foron conferidas polo artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regular as condicións da formación do persoal dos establecementos que realizan practicas de tatuaxe, micropigmentación, e piercing que desenvolvan a súa actividade nesta comunidade autónoma de acordo co previsto no artigo 8 do Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O disposto nesta norma resultará de aplicación ao persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing en establecementos non sanitarios e as entidades de formación deste persoal, que exerzan a súa actividade nesta comunidade autónoma.

Artigo 3º.-Definicións.

Para efectos desta orde enténdese por:

a) Entidade de formación autorizada. É a entidade legalmente constituída que, cumprindo os requisitos mínimos regulados na presente orde, estea autorizada para impartir cursos de formación ao persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing.

b) Establecemento de tatuaxe, micropigmentación e piercing. Establecemento non sanitario onde se levan a cabo actividades de tatuaxe, micropigmentación, e piercing, xa sexa con carácter exclusivo ou integrado en centros onde se realizan outras actividades.

c) Aplicador de tatuaxe, micropigmentación e piercing. Persoal que realiza actividades que implican a perforación da pel, mucosas e/ou outros tecidos.

Todo isto sen prexuízo das outras definicións contidas no artigo 3 do Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro.

Artigo 4º.-Entidades de formación.

1. As entidades, públicas ou privadas, interesadas en exercer actividades de formación de aplicadores de tatuaxe, micropigmentación e piercing na Comunidade Autónoma de Galicia, están suxeitas á obtención da previa autorización administrativa.

2. Para a obtención da autorización administrativa, as referidas entidades acreditarán o cumprimento dos seguintes extremos:

a) Dispoñer dunha estrutura organizativa e xerárquica axeitada para o desenvolvemento das accións formativas con descrición de responsabilidades, funcións e campos de actuación obxecto das súas actividades.

b) Dispoñer dun programa de formación, así como dos recursos materiais e persoal adecuado para realizar as actividades de formación, de conformidade co artigo 8 e o anexo II do Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro.

c) Dispoñer dun sistema continuado de formación do persoal formador/docente que asegure a permanente adecuación deste ás funcións que se vaian realizar.

Artigo 5º.-Solicitude de autorización administrativa

1. A solicitude para a obtención da autorización administrativa deberá ir dirixida ao delegado provincial da Consellería de Sanidade que corresponda segundo o domicilio social da entidade interesada, ou ao director xeral de Saúde Pública no caso de que o dito domicilio social estea fóra de Galicia. A devandita solicitude formularase segundo o modelo normalizado determinado no anexo I desta orde, no pé do cal se indicará o órgano ao que se dirixe.

A devandita solicitude e mais a documentación a que se refire o seguinte apartado deste artigo, deberanse presentar no rexistro xeral da delegación provincial da Consellería de Sanidade que corresponda segundo o domicilio social da entidade interesada,

ou no rexistro xeral da Consellería de Sanidade no caso das solicitudes dirixidas ao director xeral de Saúde Pública, así como nos lugares indicados no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude normalizada presentarase a seguinte documentación:

a) Copia cotexada do CIF e/ou DNI, segundo corresponda, da entidade solicitante ou do seu representante legal.

b) Copia cotexada da escritura de constitución da entidade e estatutos debidamente rexistrados.

c) Copia cotexada da titulación do responsable da dirección, coordinación e desenvolvemento das accións formativas, e do persoal encargado de impartilas.

d) Memoria descritiva das actividades formativas, que conteña:

-Programa docente, que especifique polo menos: obxectivos establecidos, cursos para impartir, número de edicións, número de horas, número de alumnos, datas de celebración e recursos persoais, didácticos e técnicos que se van utilizar.

-Descrición e características dos locais destinado a impartir a formación.

-Método de avaliación dos coñecementos adquiridos.

e) Modelo de certificado de acreditación da formación que deberá conter polo menos a seguinte información :

-Nome e apelidos do alumno.

-Número de DNI.

-Denominación do curso.

-Entidade de formación.

-Número de horas.

-Data de expedición.

-Sinatura do coordinador do curso ou do titular da entidade.

-Selo da entidade de formación.

-Referencia á resolución administrativa de autorización.

f) Documentación do sistema continuado de formación do persoal docente.

3. As solicitudes dirixidas ao director xeral de Saúde Pública, por estar situado o domicilio social da entidade interesada fóra de Galicia, serán remitidas á delegación provincial da Consellería de Sanidade que se considere competente para a súa proposta.

4. Se a solicitude ou a documentación presentada non reúnen os requisitos que sinala este artigo, ou non se presenta toda a documentación necesaria, por parte da delegación provincial requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indi

cación de que, se así non o fixera, teráselle por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 6º.-Resolución de autorización.

1. A resolución do procedemento de autorización correspóndelle ao director xeral de Saúde Pública, por proposta do delegado provincial correspondente.

2. A devandita resolución notificaráselle ao interesado de conformidade co previsto nos artigos 58 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O prazo máximo para resolver e notificar estas solicitudes será de 3 meses; transcorrido o dito prazo sen resolución expresa entenderase concedida a autorización.

Artigo 7º.-Recursos.

As resolucións do órgano competente non poñen fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes ante o conselleiro de Sanidade, de conformidade co disposto nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 8º.-Revogación.

1. Por proposta do delegado provincial da Consellería de Sanidade, de oficio ou por instancia de parte, o director xeral de Saúde Pública poderá revogar a autorización administrativa, tanto por incumprimento dos requisitos nos que se baseou o outorgamento da autorización como por incumprimento de calquera outro dos exixidos nesta orde ou no Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro.

2. Constitúen, en calquera caso, causas de revogación da autorización as seguintes:

a) O non mantemento das condicións ou contidos baixo os que se autorizou á entidade a realización dos cursos de formación.

b) As deficiencias ou incumprimentos da normativa aplicable postas de manifesto durante o exercicio das facultades de inspección e control por parte da Administración.

3. A resolución de revogación notificaráselle ao interesado, de conformidade co previsto nos artigos 58 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 9º.-Vixencia e renovación da autorización.

1. A vixencia da autorización das entidades de formación será de cinco anos contados a partir da data de resolución de autorización.

2. Dentro dos tres meses anteriores á expiración do prazo de vixencia da autorización, os interesados poderán solicitar a renovación ante a delegación provincial da Consellería de Sanidade correspondente, ou ante a Dirección Xeral de Saúde Pública no caso das entidades cuxo domicilio social estea situado fóra de Galicia, segundo o modelo normalizado que figura no anexo II.

No caso de manterse as condicións que motivaron a autorización, acompañarase á solicitude unha declaración xurada onde se faga constar que aquelas se manteñen. No caso de que se producise algún

cambio con respecto á solicitude de autorización, presentarase a documentación que acredite a dita modificación. Todo isto, sen prexuízo das facultades de inspección e comprobación que corresponden á Administración autorizante.

Artigo 10º.-Programa de formación.

1. O programa de formación do persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing, deseñarase e impartirase de acordo cos obxectivos, contidos mínimos e duración establecidos no Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro.

2. O programa de formación terá que ser impartido por persoal coa seguinte formación acreditada: licenciatura en medicina e cirurxía, licenciatura en farmacia e/ou diplomatura en enfermaría.

3. Os aplicadores de tatuaxe, micropigmentación e piercing deberán realizar un curso cada dez anos, co obxecto de adecuar os seus coñecementos aos avances científico-técnicos dos contidos do anexo II do antedito decreto.

Artigo 11º.-Certificados.

1. Os aplicadores de tatuaxe, micropigmentación e piercing que superen o programa de formación acreditarán a súa formación mediante certificación individual expedida pola entidade de formación autorizada.

O certificado conterá, como mínimo, os datos recollidos no artigo 5º.2 e) da presente orde.

2. Os certificados expediranse no prazo de dous meses, contados a partir da data de remate das probas de avaliación e terán unha vixencia de dez anos.

Rematado o prazo de vixencia citado no parágrafo anterior e para obter un novo certificado persoal, o interesado terá que realizar e superar o curso a que se refire o artigo 10º.3 desta orde.

Artigo 12º.-Obrigas e responsabilidades.

As entidades de formación serán responsables do cumprimento das obrigas seguintes:

a) Dispoñer da preceptiva autorización administrativa para o seu funcionamento.

b) Dispoñer do persoal, instalacións, equipamento e documentación necesaria para cumprir debidamente cos requisitos establecidos nesta orde.

c) Comunicarlle á delegación provincial da Consellería de Sanidade calquera cambio dos datos e/ou documentación presentada coa solicitude para obter a autorización administrativa, así como o cesamento da actividade.

d) Elaborar unha memoria anual das actividades realizadas, que será presentada no primeiro trimestre ante a delegación provincial da Consellería de Sanidade correspondente, que deberá conter, como mínimo, a denominación ou razón social da entidade autorizada, número de horas dos cursos impartidos, número de alumnos, identificación do director ou coordinador dos cursos, e número de edicións.

e) Comunicarlle á delegación provincial da Consellería de Sanidade correspondente cun mínimo dunha semana de antelación, o lugar e a data de celebración das accións formativas autorizadas.

Nas letras c), d) e e), as referencias á delegación provincial da Consellería de Sanidade entenderanse feitas á Dirección Xeral de Saúde Pública no caso das entidades cuxo domicilio social estea situado fóra de Galicia.

Artigo 13º.-Inspección e control.

1. A Consellería de Sanidade levará a cabo as funcións de inspección, así como o control do cumprimento das obrigas exixibles ás entidades de formación autorizadas. Para tal efecto, a devandita consellería poderá:

a) Someter a inspeccións ou controis periódicos as entidades autorizadas, en relación ao cumprimento das obrigas e requisitos exixibles no desenvolvemento da súa actividade formativa.

b) Supervisar calquera das accións formativas realizadas polas entidades autorizadas.

2. Os delegados provinciais poderá habilitar, mediante a correspondente credencial, ao persoal que consideren necesario para exercer as ditas funcións.

Artigo 14º.-Réxime sancionador.

As infraccións ao disposto na presente orde terán carácter de infraccións administrativas á normativa sanitaria, de conformidade co disposto na Lei 14/1986, de 25 de abril, xeral de sanidade, e na Lei 7/2003, do 9 decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, séndolle aplicable o réxime de infraccións e sancións contido nas devanditas leis. Tamén será de aplicación, no que proceda, o Decreto 13/2004, do 15 de xaneiro.

Disposición adicional

As entidades de formación de aplicadores de tatuaxe, micropigmentación e piercing, autorizadas noutras comunidades autónomas poderán desenvolver e impartir programas de formación na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que acrediten a devandita autorización, cumpran as condicións exixidas na presente orde e o soliciten mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Saúde Pública.

Así mesmo, a devandita dirección xeral poderá validar a formación dos aplicadores de tatuaxe, micropigmentación e piercing realizada noutras comunidades autónomas, sempre que o acrediten debidamente e o programa de formación sexa equivalente ao desta comunidade autónoma, tanto en contido como en número de horas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do establecido na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2004.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade