DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 29 de decembro de 2004 Páx. 18.276

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 308/2004, do 11 de novembro, polo que se crea a Escola Galega de Gardacostas.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 31 establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

Así mesmo, polo Real decreto 4189/1992, do 29 de decembro, asúmense por parte da Comunidade Autónoma de Galicia as transferencias en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

Pola Lei 2/2004, do 21 de abril, créase o Servizo de Gardacostas de Galicia e establécense as escalas do dito servizo. O novo servizo, pola súa natureza multidisciplinar, fai necesario que todos os seus compoñentes teñan un corpo común de coñecementos, así mesmo tamén é necesario que os integrantes das distintas escalas teñan unha formación mínima necesaria para o cumprimento das súas funcións.

De acordo coa Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1993, do 27 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de novembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación e adscrición.

Créase a Escola Galega de Gardacostas, adscrita á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e dependente da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, que terá a súa sede no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, sen prexuízo de que as ensinanzas se poidan impartir noutros centros dependentes da Xunta de Galicia ou outras institucións por persoal docente propio ou alleo.

Artigo 2º.-Funcións.

A función da Escola Galega de Gardacostas será impartir a formación requirida ao persoal adscrito ás distintas escalas do Servizo de Gardacostas para o desenvolvemento das súas funcións. Así mesmo, ofertarase unha formación contínua para actualización e perfeccionamento destes.

Na Escola Galega de Gardacostas poderase impartir tamén formación aos membros de corpos análogos doutras comunidades autónomas e aos membros do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia.

Artigo 3º.-Formación para cada escala.

A formación profesional e coñecementos técnicos mínimos que se impartirán aos membros adscritos ao Servizo de Gardacostas de Galicia serán:

a) Na escala de axentes do Servizo de Gardacostas, grupo C: curso para a obtención do título profesional de patrón local de pesca; curso para a obtención do certificado profesional de Formación básica; e os cursos de Loita contra contaminación mariña, Coñecemento do medio, Bioloxía pesqueira e Seguridade alimentaria, Lexislación pesqueira de infraccións, Normativa de policía marítima, Normativa sobre costas e usos do litoral.

b) Na escala executiva do Servizo de Gardacostas, grupo B: curso para a obtención título profesional de patrón costeiro polivalente; curso para a obtención do certificado profesional de Formación básica; Loita avanzada contra incendios e os cursos de Loita contra contaminación mariña, Coñecemento do medio, Bioloxía pesqueira, Seguridade alimentaria, Procedemento sancionador, Lexislación e normativa marítimo-pesqueira.

c) Na escala técnica de Servizo de Gardacostas, grupo A: curso para a obtención do título profesional

de patrón costeiro polivalente, curso para a obtención do certificado de Formación básica, Loita avanzada contra incendios, e os cursos de Loita contra contaminación mariña, Coñecemento do Medio, Bioloxía Pesqueira, Seguridade alimentaria, Procedemento sancionador, Lexislación e normativa marítimo-pesqueira.

Artigo 4º.-Período de internado.

Dentro da formación de gardacostas incluirase un período de internado de 3 meses como mínimo na Academia Galega de Seguridade onde se impartirán as materias relativas á seguridade.

Artigo 5º.-Áreas de formación.

1. As áreas formativas que se impartirán na Escola Galega de Gardacostas, segundo programas que se desenvolverán regulamentariamente serán:

a) Formación náutica e marítima profesional.

b) Formación en seguridade marítima.

c) Formación en loita contra contaminación mariña.

d) Formación en coñecemento do medio e bioloxía pesqueira.

e) Formación en seguridade alimentaria.

f) Formación en mergullo profesional.

2. A impartición de cursos de formación, promoción e perfeccionamento na área de formación administrativa para o persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia corresponderalle, sempre e en todo caso, á Escola Galega de Administración Pública, en virtude de convenio ou acordo asinado para o efecto entre esta e a consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos.

Artigo 6º.-Acreditación.

1. A Escola Galega de Gardacostas expedirá aos alumnos o diploma acreditativo de ter superados os

cursos e módulos das distintas áreas formativas, segundo se especifica no cadro dos anexos I e II.

2. Establécense as seguintes acreditacións básicas:

a) Para a escala de axentes do Servizo de Gardacostas, diploma acreditativo de gardacostas de grao básico.

b) Para a escala executiva do Servizo de Gardacostas, diploma acreditativo de gardacostas de grao medio.

c) Para a escala técnica do Servizo de Gardacostas, diploma acreditativo de gardacostas de grao superior.

3. Así mesmo, establécense as seguintes acreditacións de especialización:

a) Especialización en seguridade e salvamento marítimo.

b) Especialización en loita contra contaminación mariña.

c) Especialización en actividades subacuáticas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once do novembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

Acreditacións básicas

Área/escalaÁrea náutica

marítimo-pesqueira

Área seguridade

marítima

Área coñecemento

do medio

Área administrativaÁrea de seguridade

alimentaria

Diploma acreditativo

AxentePatrón local de pescaCertificado Formación básicaMódulos de:

Coñecemento do medio

Bioloxía pesqueira

Módulos de:

Lexislación pesqueira de infraccións

Normativa de policía marítima

Normativa sobre costas e usos do litoral

Módulo de:

Seguridade alimentaria

Gardacosta de grao básico

ExecutivaPatrón costeiro polivalenteCertificado Formación básica

Loita avanzada contra incendios

Módulos de:

Coñecemento do medio

Bioloxía pesqueira

Módulos de:

Procedemento sancionador

Lexislación e normativa marítimo-pesqueira

Módulo de:

Seguridade alimentaria

Gardacosta de grao medio

TécnicaPatrón costeiro polivalenteCertificado Formación básica

Loita avanzada contra incendios

Módulos de:

Coñecemento do medio

Bioloxía pesqueira

Módulos de:

Procedemento sancionador

Lexislación e normativa marítimo-pesqueira

Módulo de:

Seguridade alimentaria

Gardacosta de grao superior

ANEXO II

Acreditacións de especialización

Especialización

Subacuática

Especialización

Seguridade e salvamento

Especialización

Loita contra contaminación

Terceiro nivel-Inicio ao mergullo profesional-Certificado de botes de gran velocidade ou substentación dinámica1º nivel da clasificación OMI

Segundo nivel-Mergullador profesional de 2ª clase restrinxido-Certificado de botes de rescate non rápidos-Certificado de avanzado contraincendios-Certificado de botes de gran velocidade ou substentación dinámica.2º nivel da clasificación OMI

Primeiro nivel-Mergullador profesional de 2ª clase restrinxido, ou-Mergullador de 2ª clase-Certificado de botes de rescate non rápidos-Certificado de avanzado contraincendios-Certificado de botes de gran velocidade ou substentación dinámica-Certificado de botes de rescate rápidos3º nivel da clasificación OMI