DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Xoves, 30 de decembro de 2004 Páx. 18.478

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 309/2004, do 11 de novembro, polo que se regula o Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia.

Exposición de motivos

A Xunta de Galicia, desde 1990, emprendeu unha política activa de seguridade no mar, seria e decidida, dentro do marco competencial actual. O que outorga as competencias principais para este cometido á Administración central do Estado. Isto fai que o labor emprendido pola Xunta de Galicia sexa o de colaborar activamente cos servizos marítimos de todo tipo da Administración do Estado, sen renunciar en ningún caso a ter a súa política propia.

O Parlamento de Galicia aprobou a Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia, que culmina o labor de máis dun decenio de traballo e actividade nesta área, e que racionaliza e serve de base para a modernización duns servizos que seguen así a pauta dos servizos deste tipo noutras nacións e que é de novo pioneiro neste tipo de institucións a nivel rexional non só en España senón en Europa.

É necesario agora dar un paso máis na tradición dos países que dispoñen de institucións semellantes, que faciliten a participación dos cidadáns e institucións que voluntariamente queiran colaborar nas tarefas de loita contra a contaminación e de salvamento.

Dadas as peculiaridades do mundo do mar e a necesidade de formación e organización que requiren estes labores, nos países de longa tradición mariñeira a colaboración articúlase a través de servizos auxiliares ligados ao sistema de gardacostas oficial, co fin de asegurar unha correcta coordinación e eficacia nestas misións.

Por todo o exposto é polo que, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de novembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Natureza e obxectivos do servizo

Artigo 1º.-Constitución e carácter do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia.

Terán a consideración de Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia aquelas organizacións sen fin de lucro, que pretendan colaborar coa consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos nas actividades de busca e salvamento marítimo e a promoción da seguridade en todas as embarcacións que sucan as augas do ámbito territorial de Galicia, e a prevención dos accidentes e a evitar na medida do posible as perdas de vidas no mar así como colaborar na loita contra a contaminación mariña.

Artigo 2º.-Composición do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia.

O Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia estará composto por unidades e poderán ter tal consideración as confrarías de pescadores, agrupacións de voluntarios de Protección Civil e entidades de acción voluntaria dos concellos costeiros de Galicia, agrupacións e asociacións vencelladas ao mundo do mar, clubs náutico-deportivos e outras organizacións sen fin de lucro que posúan instalacións fixas e permanentes que poidan dar o adecuado servizo, se comprometan a manter os estándares de calidade máximos e que estean capacitados para manter adecuadamente o equipamento que se poña á súa disposición.

Artigo 3º.-Do ámbito de actuación.

1. O Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia poderá prestar os seus servizos en toda a costa do litoral galego e nas augas interiores da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Excepcionalmente, e cando as circunstancias así o requiran, e sempre que se dispoña dos medios humanos e materiais necesarios, poderán actuar noutros ámbitos por requirimento das autoridades competentes.

Capítulo II

Das unidades do Servizo Auxiliar de Gardacostas

de Galicia

Artigo 4º.-Das unidades do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia.

O Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia comporase de unidades para a realización de actividades de busca e salvamento marítimo e a promoción da seguridade en todas as embarcacións que sucan as augas do ámbito territorial de Galicia, e a prevención dos accidentes e a evitar na medida do posible as

perdas de vidas no mar así como colaborar na loita contra a contaminación mariña.

Artigo 5º.-Da composición das unidades do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia.

1. Cada unidade comprenderá un conxunto axeitadamente organizado de persoas que pola súa actividade ordinaria e, se é o caso, pola súa preparación complementaria, están especificamente formadas, adestradas e equipadas para o desenvolvemento daquelas actividades e actuacións que se lles encomende.

2. Cada unidade estará composta por un número mínimo de 12 persoas, cunha estrutura xerarquizada axeitada.

3. As unidades que opten a formar parte do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia comprométense a que as tripulacións e membros de cada unidade estean debidamente formados de acordo co esquema de formación básica que será proporcionado e controlado polo Servizo de Gardacostas de Galicia.

Artigo 6º.-Da actuación das unidades.

1. As actuacións das unidades do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia realizaranse seguindo sempre as directrices e protocolos que son establecidas polo Servizo de Gardacostas de Galicia.

2. Para o desenvolvemento das súas actuacións estas unidades asinarán os correspondentes protocolos e convenios de colaboración coa Administración autonómica.

3. A actuación de cada unidade estará coordinada polo Servizo de Gardacostas de Galicia nas súas actividades e apoiado mediante os oportunos convenios de cooperación ao respecto e prestará o seu apoio ao mesmo cando este o solicite na medida da capacidade de resposta que cada unidade do servizo lle poida proporcionar.

4. As unidades do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia encargaranse de maneira especial de supervisar e levar a cabo os labores de seguridade e salvamento nas competicións deportivas e culturais náuticas de todo tipo e das de calquera outra actividade de espallamento que lle puidese ser encomendada por parte da Administración ou das entidades privadas.

5. Poderán, así mesmo, e no nome do Servizo de Gardacostas de Galicia, realizar demostracións de equipamentos de seguridade e salvamento, cursos de seguridade marítima e realizar visitas de cortesía a embarcacións de recreo e pesca artesanal para asesorar sobre materias de seguridade marítima.

Artigo 7º.-Das normas de funcionamento das unidades.

1. Con independencia dos estatutos que regulen as organizacións recollidas no artigo 2º deste decreto, as unidades terán normas de funcionamento interno, relativas ao seu grao de compromiso cos labores que se vaian realizar e o seu grao de cooperación

co Servizo de Gardacostas de Galicia, que deberá de ser suficiente como para acadar a aprobación e recoñecemento como unidade.

2. Estas normas deberán recoller de maneira explícita os dereitos e deberes dos membros que integran a unidade e serán validadas polo Servizo de Gardacostas de Galicia nos aspectos relativos ás funcións do servizo auxiliar recollidas neste decreto.

Artigo 8º.-Do recoñecemento das unidades do Servizo Auxiliar de Gardacostas.

1. O recoñecemento do carácter de unidade do Servizo Auxiliar de Gardacostas efectuarase en virtude de resolución do conselleiro competente en materia de pesca e asuntos marítimos.

2. A resolución sinalada no punto anterior determinará o ámbito territorial asignado a cada unidade.

Artigo 9º.-Do funcionamento das unidades.

1. Cada unidade estará a cargo dun comodoro que será elixido de acordo coas normas desa unidade.

2. As unidades son organicamente independentes da Xunta de Galicia, excepto no relativo ao seu recoñecemento e no que fai referencia ao seu funcionamento.

Artigo 10º.-Dos membros das unidades.

1. Os membros das unidades serano con carácter voluntario, a título gratuíto e a súa incorporación haberá de formalizarse por escrito, comprometéndose a cumprir as obrigas asumidas pola unidade, de conformidade coa normativa vixente en materia de voluntariado.

2. Os membros do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia quedarán cubertos polos seguros establecidos pola consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos para os profesionais da pesca cando estean en misión SAR (salvamento e rescate) recoñecida polo Servizo de Gardacostas de Galicia.

3. Os membros das unidades poderán ser reembolsados polos gastos que lles poida ocasionar o exercicio da actividade regulada neste decreto, dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

4. Os membros do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia non terán a consideración de axente de autoridade e a súa actuación realizarase por orde e baixo a dirección do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Artigo 11º.-Dos medios do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia.

1. O material que con carácter permanente utilicen as unidades do servizo poderá ser propiedade dos centros en que se apoian estas ou de propietarios privados que o poñan á disposición das unidades

do servizo, ademais do material cedido polo Servizo de Gardacostas de Galicia, por outras administracións ou de calquera outra orixe.

2. Todos os buques e demais material permanente que estea adscrito ás unidades deben de observar os máis estritos estándares de seguridade segundo o que dispoña a consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos para seren admitidos á frota auxiliar das unidades.

3. As unidades e os seus membros serán responsables de que o material estea debidamente mantido e conservado, incluído o material especializado de salvamento e rescate.

4. No caso de producírense circunstancias extraordinarias que aconsellen unha acción especial pola súa natureza, derivadas de accidente, catástrofe ou calamidade, poderanse incorporar aos medios permanentes, embarcacións ou outro material, así como, excepcionalmente, persoas voluntarias que se integrarán na unidade territorial do seu ámbito e que actuarán baixo a autoridade do Servizo de Gardacostas de Galicia ou baixo a autoridade doutras administracións segundo os termos dos convenios de cooperación que entre a Xunta de Galicia e outras administracións se poidan establecer.

Artigo 12º.-Do uniforme e das divisas.

As embarcacións, vehículos e outro material do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia poderán utilizar os uniformes e divisas que regulamentariamente sexan establecidos pola consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos.

Capítulo III

Do Consello Xeral do Servizo Auxiliar

de Gardacostas de Galicia e dos establecementos

cooperadores

Artigo 13º.-Do Consello Xeral do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia.

1. En virtude deste decreto créase, con carácter consultivo, operativo e asesor, o Consello Xeral do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia, que estará integrado por representantes de todas as unidades do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia recoñecidas na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O consello xeral estará obrigado a elaborar os seus propios estatutos e a determinar, como mínimo, a sede social, o seu réxime interno de funcionamento, os deberes e dereitos, a súa duración e o réxime económico e financeiro.

3. O presidente do consello xeral terá a denominación de comodoro xeral do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia que será elixido entre os comodoros das distintas unidades.

Artigo 14º.-Dos establecementos cooperadores de gardacostas.

1. Ademais das Unidades, e como parte integrante do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia, créase a figura de establecemento cooperador do gardacostas, onde poderán integrarse todas aquelas entidades de calquera natureza xurídica que cooperen financeiramente co citado servizo ou que presten apoio loxístico de calquera tipo ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

2. Os establecementos cooperadores de gardacostas de Galicia clasificaranse en:

a) Establecementos cooperadores de apoio loxístico: serán aquelas organizacións, entidades ou empresas que acheguen unha base loxística onde depositar os medios do Servizo de Gardacostas de Galicia e do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia.

b) Establecementos cooperadores de carácter financeiro: terán esta consideración aquelas organizacións, entidades ou empresas que colaboran mediante achegas económicas ou materiais destinadas á dotación ou financiamento do funcionamento das unidades do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia.

3. Os establecementos cooperadores de gardacostas estarán representados no consello xeral na medida en que se recolla nos seus estatutos e terán dereito a que a súa condición se recoñeza de maneira expresa e visible en calquera lugar, utilizando para iso as divisas e símbolos do servizo.

Artigo 15º.-Dos beneficios e preferencias dos establecementos cooperadores de gardacostas.

1. Os establecementos cooperadores de gardacostas de apoio loxístico terán prioridade para impartir os cursos auspiciados pola consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos e mesmo ser financiados, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, para iso nas condicións que se establezan regulamentariamente.

2. Estes establecementos cooperadores de gardacostas poderán, así mesmo, ser habilitados e facultados para impartir os cursos de titulacións náutico-deportivas que se establezan regulamentariamente dentro da normativa xeral, sempre que cumpran os requisitos exixidos polas normas reguladoras de tales titulacións.

Artigo 16º.-Do recoñecemento dos establecementos cooperadores.

O recoñecemento do carácter de establecemento cooperador efectuarase en virtude de resolución do conselleiro competente en materia de pesca e asuntos marítimos.

Capítulo IV

Doutras disposicións

Artigo 17º.-Da formación.

1. As consellerías competentes en materia de pesca e asuntos marítimos e voluntariado poderán esta

blecer programas específicos de formación e preparación dos membros das unidades, que poderán incluir cursos de formación complementaria e exercicios de adestramento e coordinación en función da especialidade que se vaia desempeñar.

2. Os participantes nos programas de formación e nos exercicios que se desenvolvan recibirán certificados acreditativos da súa participación, expedidos pola consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos.

Artigo 18º.-Do rexistro.

No departamento competente en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación levarase un Rexistro das Unidades do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia e dos establecementos cooperadores de gardacostas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Da salvagarda das competencias do Servizo de Gardacostas de Galicia.

O disposto neste decreto entenderase sen prexuízo das competencias atribuídas ao Servizo de Gardacostas de Galicia pola Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia.

Segunda.-Do carácter das actividades realizadas polos membros das unidades do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia.

As actividades realizadas polos membros das unidades do Servizo Auxiliar de Gardacostas de Galicia enténdense realizadas como consecuencia dunha decisión propia e libremente adoptada, sen que responda a unha obriga persoal ou deber xurídico e que se leven a cabo de forma desinteresada e sen que se busque beneficio material.

Terceira.-Da normativa do voluntariado.

O disposto neste decreto entenderase sen prexuízo da normativa vixente en materia de voluntariado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultades de desenvolvemento e aplicación.

Facúltase o conselleiro competente en materia de pesca e asuntos marítimos para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de novembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA