DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 15 de febreiro de 2005 Páx. 2.561

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 4 de febreiro de 2005 de aprobación definitiva do proxecto de modificación do Plan especial de ordenación do porto de Marín e ría de Pontevedra (Pontevedra).

O porto de Marín e ría de Pontevedra conta co Plan especial do porto de Marín-Pontevedra aprobado definitivamente por Resolución do 3 de outubro de 2000, do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (DOG nº 221, do 15 de novembro).

A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra promove a modificación do dito plan especial de tal xeito que, logo de diversas actuacións, remite, en xuño de 2003, un proxecto de modificación a esta consellería, instando a súa tramitación; o dito proxecto foi aprobado inicialmente por resolución do 1 de agosto de 2003 e sometido a información pública, polo prazo dun mes, mediante anuncios publicados en sendos xornais os días 4 e 5 de iguais mes e ano, así como no número 166 do Diario Oficial de Galicia correspondente ao 28 de agosto do mesmo ano, formulándose diversas alegacións que constan no expediente. Así mesmo, tal proxecto foi remitido a distintos organismos para os efectos de emisión dos informes sectoriais.

A referida autoridade portuaria instante, logo de que lle foran enviadas a totalidade das alegacións formuladas e os informes sectoriais daquela existentes, contesta a estes co informe do 11 de marzo de 2004. Posteriormente, en abril de 2004, abriuse un período de consulta aos concellos afectados (Marín e Pontevedra), dándolles traslado da totalidade do expediente e proxecto; tales concellos formularon cadansúas observacións que, á súa vez, foron contestadas polos servizos técnicos da dita autoridade portuaria o 14 de xullo de 2004. Tras iso, e logo de diversas actuacións, a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, por medio do escrito do 3 de febreiro de 2005, presenta un documento

en que, como resultado da tramitación levada a cabo, se inclúen varias modificacións e se dá cumprimento ao informe, do 22 de decembro de 2004, da Dirección Xeral de Urbanismo.

Constan no expediente os seguintes informes sectoriais: os remitidos o 21 de outubro de 2003 pola Secretaría Xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, de datas 30 de setembro e 6 de outubro de igual ano; da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, con data do 24 de novembro de 2003; da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, do 1 de setembro de 2003, que foi trasladado a este departamento pola Delegación do Goberno en Galicia por medio do escrito do 4 de novembro de igual ano; da Subdirección Xeral de Patrimonio, da Dirección Xeral de Infraestrutura do Ministerio de Defensa, do 7 de outubro de 2003, tamén remitido a esta consellería por igual escrito da dita Delegación do Goberno.

Este proxecto de modificación, redactado pola Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra e tramitado pola súa instancia, formúlase en atención co disposto nos artigos 71 da Lei 9/2002, 145 do Regulamento de planeamento e 18 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da Mariña Mercante, co fin de atender os mandatos de tal articulado, cualificando a zona de servizo do porto de razón como sistema xeral portuario a través da figura dun plan especial.

A modificación existente ten por obxecto, de modo xeral e específico, darlles ordenada resposta ás necesidades e exixencias impostas polo forte incremento de tráfico no porto de Marín e Ría de Pontevedra, así como ás demandas empresariais do solo e servizos, todo iso dentro do marco da dita Lei 27/1992, de portos do Estado e da Mariña Mercante.

Este obxectivo concrétase nas seguintes actuacións: previsión e obtención de novos peiraos cos calados suficientes para as necesidades dos buques que utilizan o porto; previsión de superficies para o almacenamento cuberto e descuberto de mercadorías; ordenación e separación das distintas actividades portuarias: comercial, pesqueira, de reparación naval e de embarcacións menores, deportivas e de recreo; completar a rede viaria interior, de xeito que o enlace cos distintos peiraos se faga sen interferencia coa rede urbana exterior; establecemento de ordenanzas de edificación e uso coa necesaria flexibilidade para a súa adaptación ás cambiantes situacións do mercado e necesidades de explotación: adaptación das instalacións aos continuos cambios tecnolóxicos da explotación: mellora e definición dos accesos por estrada, e por ferrocarril; habilitación na zona de servizo do porto de espazos para uso cidadán e reordenación da fachada portuaria, de maneira que se harmonice co contorno

urbano; desafectación da praia de Placeres: supresión de calquera vertedura portuaria de carácter residual ao mar.

En consonancia co disposto nos artigos 148 do Regulamento de planeamento urbanístico; 82, 86, 89 e concordantes da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, correspóndelle ao conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda a competencia para outorgar a aprobación definitiva desta modificación do plan especial citado toda vez que este afecta os municipios de Marín e Pontevedra.

Habida conta do anteriormente exposto, e xa que foron debidamente cumpridos os trámites legal e regulamentariamente sinalados, así como entendendo que o contido do proxecto responde á natureza propia do instrumento que a lexislación portuaria demanda para regular o sistema xeral portuario, e que o dito contido é coherente cos fins urbanísticos, así como que as modificacións introducidas con respecto ao documento aprobado inicialmente non son obstáculo para o outorgamento da aprobación definitiva, cómpre estimar a procedencia do proxecto remitido en febreiro de 2005 pola Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra.

Así mesmo, dado que o dito proxecto contén tanto as modificacións que se introducen con respecto do plan aprobado o 3 de outubro de 2000 como aquelas determinacións que non sofren variación, en aras de facilitar a lectura, comprensión e aplicación do plan, cómpre deixar sen efecto o documento aprobado definitivamente no ano 2000 e que agora se modifica, evitando así que se produza unha innecesaria duplicidade documental, no que atinxe ás determinacións inalteradas, ao quedar deste xeito refundidas nun só documento todas as determinacións do plan especial.

En mérito do predito, de conformidade co establecido na dita Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desta mesma data,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobar definitivamente o proxecto de modificación do Plan especial de ordenación do porto de Marín e ría de Pontevedra (xaneiro 2005), presentado pola Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra en febreiro deste ano.

Artigo 2º.-Deixar sen efecto, simultaneamente, o Plan especial do porto de Marín-Pontevedra (Pontevedra) que fora aprobado definitivamente por resolución, do 3 de outubro de 2000, desta consellería (DOG nº 221, do 15 de novembro).

Artigo 3º.-De conformidade co disposto polo artigo 92 da dita Lei 9/1992, a normativa e ordenanzas da modificación do plan especial que agora se aproba deberán ser publicadas no BOP de Pontevedra.

Disposición derradeira

Segundo o disposto no artigo 85.9º da citada Lei 9/2002, contra esta orde non cabe recurso en vía

administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2005.

Alberto Núñez Feijóo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda