DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 08 de marzo de 2005 Páx. 3.875

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 9 de febreiro de 2005 pola que se modifica a do 14 de abril de 2004 pola que se regula a formación do persoal que realiza operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose e o procedemento para a autorización das entidades de formación.

A Orde do 14 de abril de 2004 -publicada no Diario Oficial de Galicia, nº 83, do venres 30 de abril- regula a formación do persoal que realiza operacións de mantemento hixiénico-sanitario das instalacións susceptibles de propagar a lexionelose e o procedemento para a autorización das entidades de formación.

O artigo 5 desta norma establecía o procedemento de solicitude para a obtención da oportuna autorización administrativa das entidades, universidades, centros docentes ou servizos oficiais, que desexasen exercer actividades de formación do antedito persoal.

Após a publicación e posterior aplicación da orde púxose en evidencia que a norma non preveu o suposto de determinar a qué unidade administrativa da Consellería de Sanidade debían dirixirse aquelas entidades con razón social noutras comunidades autónomas que presentasen solicitude para obter a autorización administrativa, así como, para remitir a memoria anual da actividade realizada e os posibles cambios na documentación ou a solicitude de renovación da autorización.

Por outra banda, unha vez publicada a Orde do 22 de xullo de 2004 de regulación da formación do persoal que realiza prácticas de tatuaxe, micropigmentación e piercing e o procedemento para a autorización das entidades de formación -publicada no DOG do venres 6 de agosto de 2004-, considerouse necesario unificar os criterios establecidos nas ordes que regulan a formación en diferentes materias, para que os procedementos administrativos sexan realizados do mesmo xeito co fin de facilitar os trámites aos usuarios e a xestión interna da organización.

Tendo en conta o anterior, coa finalidade de harmonizar os criterios establecidos para as solicitudes de autorización e renovación dos cursos e clarificar o procedemento administrativo, cómpre modificar a orde citada do 14 de abril de 2004.

Para tal fin, de acordo coas atribucións que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modíficase o punto primeiro do artigo 5, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. A solicitude para a obtención da autorización administrativa deberá ir dirixida ao delegado provincial da Consellería de Sanidade que corresponda segundo

o domicilio social da entidade interesada, ou ao director xeral de Saúde Pública no caso de que o dito domicilio social estea fóra de Galicia. A devandita solicitude formularase segundo o modelo normalizado determinado no anexo I desta orde.

A solicitude e maila documentación a que se refire o seguinte punto deste artigo, deberanse presentar no rexistro xeral da delegación provincial da Consellería de Sanidade que corresponda, segundo o domicilio social da entidade interesada, ou no rexistro xeral da Consellería de Sanidade no caso das solicitudes dirixidas ao director xeral de Saúde Pública, así como nos lugares indicados no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

Artigo 2º

Engádese un novo número ao artigo 5, que queda redactado do seguinte xeito:

«3. As solicitudes dirixidas ao director xeral de Saúde Pública, por estar situado o domicilio social da entidade interesada fóra de Galicia, serán remitidas á delegación provincial da Consellería de Sanidade que se considere competente para a súa proposta».

Artigo 3º

Modifícase a numeración do número 3 do artigo 5 substituíndoo polo número 4.

Artigo 4º

Modifícase o número 2 do artigo 9º, que queda redactado da seguinte forma:

«2. Dentro dos tres meses anteriores á expiración do prazo de vixencia da autorización, os interesados poderán solicitar a renovación ante a delegación provincial da Consellería de Sanidade correspondente ou ante a Dirección Xeral de Saúde Pública, no caso das entidades cuxo domicilio social estea situado fóra de Galicia segundo o modelo normalizado que figura no anexo II.

No caso de mantérense as condicións que motivasen a autorización, xuntaráselle á solicitude unha declaración onde se faga constar que aquelas se manteñen. No caso de que se producise algún cambio con respecto á solicitude de autorización, presentarase a documentación que acredite a dita modificación, todo isto sen prexuízo das facultades de inspección e comprobación que lle corresponden á Administración autorizante».

Artigo 5º

Engádese un parágrafo final ao artigo 12, que queda redactado do seguinte xeito:

«Nas alíneas c), d) e e), as referencias á delegación provincial da Consellería de Sanidade entenderanse feitas á Dirección Xeral de Saúde Pública, no caso das entidades cuxo domicilio social estea situado fóra de Galicia».

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2005.

José M. González Álvarez

Conselleiro de Sanidade