DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2005 Páx. 4.623

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 7 de marzo de 2005 pola que se modifica o regulamento da denominación de orixe Valdeorras e do seu consello regulador.

Por Orde do 24 de febreiro de 1977, o Ministerio de Agricultura aprobou o regulamento da denominación de orixe Valdeorras e do seu consello regulador para os viños producidos nesta bisbarra vitivinícola, que foi modificado posteriormente pola orde do 2 de febreiro de 2000, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, unha vez producido o traspaso das competencias do Estado á comunidade autónoma.

Transcorridos estes anos o ámbito de actuación da denominación de orixe foi medrando de xeito ordenado o que lle permitiu acadar, no momento presente, un axeitado desenvolvemento nas súas estruturas produtivas, tanto do sector vitícola como do industrial.

Resulta polo tanto necesario que o regulamento da denominación de orixe Valdeorras e do seu consello regulador, se adapte ás condicións produtivas actuais mediante unha actualización no relativo ás variedades aptas para a vinificación.

En consecuencia, tras o pedimento do sector interesado, unha vez emitidos e avaliados os informes técnicos necesarios e de conformidade co artigo 30.I.3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia, e

no uso das competencias que me confire a Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 5 do regulamento da denominación de orixe Valdeorras e do seu consello regulador, aprobado pola orde do Ministerio de Agricultura do 24 de febreiro de 1977, que queda redactado como se expresa a continuación:

«Artigo 5:

A elaboración dos viños protexidos realizarase exclusivamente con uva das seguintes variedades:

-Variedades recomendadas:

* Brancas: Dona Branca (Moza Fresca) e Godello.

* Tintas: Brancellao, Mencía, Merenzao (María Ardoña ou Bastardo) e Sousón.

-Variedades autorizadas:

* Brancas: Palomino.

* Tintas: Garnacha tintoreira, Gran Negro e Tempranillo.

O consello regulador poderá propoñerlle á consellería competente en materia de agricultura que sexan autorizadas novas variedades que, logo dos ensaios e experiencias convenientes se comprobe que producen mostos de calidade aptos para a elaboración de viños protexidos, determinándose en cada caso a súa inclusión como recomendada ou como autorizada».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguiente ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2005.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria e

Desenvolvemento Rural