DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Xoves, 05 de maio de 2005 Páx. 7.559

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 97/2005, do 14 de abril, polo que se regula o Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia conforme o disposto nos artigos 27.15º e 28.5º do Estatuto de

autonomía de Galicia ten, entre outras, competencia exclusiva en materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura e, competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de ordenación do sector pesqueiro.

A Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, establece a necesidade de contar co correspondente permiso de explotación para pescar, mariscar ou recolectar algas e vincula a posibilidade de exercer a actividade pesqueira, á inscrición definitiva no censo de embarcacións pesqueiras e auxiliares de acuicultura de Galicia.

En desenvolvemento desta lei ditouse o Decreto 425/1993, do 17 de decembro, que refunde a normativa vixente sobre permisos de explotación establecendo como requisito para obter o permiso de explotación a inscrición no Rexistro de Buques da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. O Decreto 420/1993, do 17 de novembro, refunde a normativa vixente en materia de rexistros de buques e de empresas halioalimentarias.

Pola súa parte, a Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado no título II adicado á ordenación do sector pesqueiro establece, no seu artigo 57, un Rexistro de Buques Pesqueiros, no cal constarán os buques con expresión dos seus datos de interese para a aplicación da normativa en materia de ordenación do sector pesqueiro. Dispón así mesmo que o seu contido forma parte do Rexistro Comunitario de Buques Pesqueiros e que a execución levarase a cabo polas comunidades autónomas.

O Regulamento (CE) nº 26/2004 da comisión do 30 de decembro de 2003 relativo ao Rexistro Comunitario da Frota Pesqueira, fixa as características dos buques, ás obrigas dos estados membros, a recollida de datos, a transmisión e a súa inclusión no rexistro comunitario.

O 18 de maio de 2004 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 4 de maio da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos pola que se dispón a publicación da relación de buques incluídos no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia logo de realizar unha depuración e actualización dos datos existentes.

Todo isto leva a unha nova consideración do Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, que continuando coa súa función de instrumento básico para o coñecemento da realidade e a evolución da frota galega, convértese de feito no rexistro único de Galicia para todas as administracións pesqueiras, o que obriga a garantir unha concordancia permanente deste co Rexistro de Matrícula de Buques e Empresas Navieiras xestionado pola Mariña Mercante, en conexión permanente coa Administración Pesqueira do Estado de acordo cos reais decretos 1027/1989 e 798/1995, e a Lei 3/2001, de pesca marítima do Estado.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de abril de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia.

Este decreto regula a inscrición das embarcacións pesqueiras e auxiliares no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia. O seu contido forma parte do Rexistro de Buques Pesqueiros do Estado Español e do Rexistro Comunitario da Frota Pesqueira.

O Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia queda adscrito á consellería competente en materia de pesca.

Artigo 2º. Finalidade do rexistro.

O Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia ten como fins:

a) Fixar os datos mínimos relativos ás características principias a nivel estrutural e de esforzo pesqueiro e acontecementos dos buques que deben figurar no rexistro.

b) Fixar as obrigas da Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa recollida, validación e transmisión dos datos aos demais rexistros nacionais e comunitarios.

c) Colaborar para que os datos do Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma de Galicia sirvan de referencia para a aplicación das normas de política pesqueira galega, nacional e comunitaria.

Artigo 3º.-Inscrición.

Deberán inscribirse no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia as embarcacións pesqueiras e auxiliares das listas terceira e cuarta do Rexistro de Matrícula de Buques con porto base en Galicia, que estean operativas.

Para os efectos da súa inclusión considerarase buque operativo aquel que estando matriculado nas listas terceira e cuarta do Rexistro de Matrícula de Buques e inscrito no Rexistro Mercantil, fose despachado para labores de pesca marítima ou para labores auxiliares de pesca marítima ou explotacións de acuicultura, como mínimo unha vez nos últimos vinte e catro meses e que manteña ademais a capacidade de permanecer en servizo.

A inscrición no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia non eximirá do cumprimento do deber de inscrición da embarcación no Rexistro Mercantil nin noutros rexistros públicos que puidesen existir.

Artigo 4º.-Requisitos de inscrición.

Para que un buque poida ser inscrito no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia deberá cumprir os seguintes requisitos:

Ter o seu porto base en Galicia.

Ser un buque operativo de acordo co establecido no artigo 3º.

Estar inscrito no Rexistro Mercantil e na correspondente lista de Rexistros de Matrícula de Buques.

Estar dedicado a unha actividade de pesca ou acuicultura de carácter profesional e gozar do permiso de explotación para o exercicio da actividade extractiva ou da correspondente habilitación administrativa no caso de actividade non extractiva, e que os títulos non perdesen a súa vixencia.

En todo caso requirirase a alta no réxime especial da seguridade social dos traballadores do mar da empresa que explote comercialmente o buque e a do persoal enrolado neste.

Artigo 5º.-Obriga rexistral.

Os armadores e os propietarios dos buques pesqueiros ou auxiliares de nova construción, os importados ou os provenientes doutras listas do Rexistro de Matrícula de Buques que cumpran os requisitos establecidos no artigo anterior están obrigados a efectuar a inscrición da embarcación no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Todo buque con porto base en Galicia que non estea inscrito no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma, non poderá ser despachado para o exercicio da actividade pesqueira ou auxiliar, percibir axudas estruturais nin poderá efectuar as súas descargas en ningún porto de Galicia.

Artigo 6º.-Datos e procedemento de inscrición.

6.1. Datos.

No rexistro constarán os seguintes datos:

Datos do buque: nome, matrícula, folio, porto base, principais características estruturais, baixas achegadas etc...

Datos do armador e do propietario, no seu caso: nome, NIF, enderezo.

Asociación do armador, ou non, a algunha confraría de pescadores, organización de produtores, cooperativa ou asociación.

Modalidade de pesca utilizada.

Caladoiro habitual.

6.2. Procedemento de inscrición.

Para efectuar a inscrición no Rexistro de Buques de Galicia deberá presentarse a seguinte documen

tación, en orixinal e unha copia, dirixida á delegación territorial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos segundo as formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común:

Solicitude de inscrición normalizada.

Fotocopia cotexada do DNI, pasaporte ou documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

Documento acreditativo da inscrición no Rexistro Mercantil actualizada ou certificación acreditativa desta inscrición.

Folla de asento do buque actualizada.

Rol de despachos relativo aos dous últimos anos cando non se trate de buques novos.

Xustificante do aboamento das taxas por inscricións en rexistros oficiais

Artigo. 7º.-Inscrición provisional.

Malía o disposto no artigo anterior, poderase realizar unha inscrición provisional por un período máximo de tres meses presentando a seguinte documentación:

a) Solicitude de inscrición normalizada.

b) As certificacións de navegabilidade e arqueo en GT.

c) Inscrición da persoa solicitante no Rexistro Mercantil (aínda que teña carácter provisional).

d) A acreditación da disposición dunha autorización para pescar (aínda que teña carácter provisional) expedida pola autoridade pesqueira competente.

e) No caso de novas construcións, a xustificación da retirada definitiva da actividade pesqueira das baixas achegadas mediante a entrega da patente de navegación e o rol.

f) Se o buque vén dun porto base doutra comunidade autónoma, a concesión do cambio de porto base para un porto da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Xustificante do aboamento das taxas por inscricións en rexistros oficiais

Transcorrido o prazo de tres meses sen que a persoa interesada presente a documentación restante para facer efectiva a inscrición definitiva, procederase de oficio a dar de baixa no rexistro a inscrición provisional, isto leva aparellado a devolución de axudas estruturais, se procede; a imposibilidade de ser despachado para o exercicio da actividade pesqueira ou auxiliar e a imposibilidade de efectuar as descargas en portos da Comunidad Autónoma de Galicia.

Artigo 8º.-Número de identificación.

Cada buque constará no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia cun número propio. O número de identificación, que deberá adaptarse ás disposicións comunitarias nese senso, identificará a cada buque pesqueiro inscrito nel, e figurará como identificativo nas transmisións de datos no ámbito nacional e comunitario.

Este número atribuirase definitivamente con ocasión da primeira inscrición do buque, e non poderá modificarse nin atribuírse a outro buque.

Artigo 9º.-Modificacións dos datos contidos no rexistro.

Os datos que figuran no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e sexan modificados mediante resolución administrativa e comunicación feita por algún dos servizos con procedementos administrativos en materia de embarcacións, da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, ou calquera outra administración competente na materia, serán actualizados de oficio.

As modificacións realizadas no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia serán transmitidas ás administracións interesadas nos ámbitos nacional e comunitario coa periodicidade establecida nas disposicións comunitarias en vigor.

Artigo 10º.-Baixas provisionais.

Os buques incluídos no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia perderán a operatividade cando transcorran dous anos sen ser despachados para a pesca ou a acuicultura e pasarán á situación de baixa provisional.

Todo armador dun buque en situación de baixa provisional poderá solicitar o seu pase a situación de alta no prazo máximo de dous anos contando desde a data en que o buque perdeu a operatividade, acreditando a navegabilidade da embarcación, a profesionalización da actividade e a posesión dun permiso de explotación para embarcacións de acordo coa normativa pola que se regulan os procedementos de expedición, renovación, traslado e transmisión dos permisos de explotación para embarcacións.

Artigo 11º.-Baixas definitivas.

Transcorridos dous anos en situación de baixa provisional sen que se producise a reactivación do buque, este causará baixa definitiva no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Rexistro Comunitario de Buques Pesqueiros, circunstancia da que se lle dará conta ao armador ou propietario do buque.

Causarán baixa definitiva de oficio no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, sen que sexa necesario que transcorra o prazo de catro anos, os buques que sexan manifestamente irrecuperables, é dicir, aqueles en situación de despezamento, afundimento, perda total por

accidente, exportación ao estranxeiro, cambios de lista, asignación definitiva á conservación do patrimonio histórico ou asignación para a realización de actividades de investigación ou de formación pesqueira en organismos públicos ou análogos.

No caso de perda total por accidente ou afundimento, os dereitos inherentes ao buque terán un período de validez de doce meses contados a partir da data en que se produciu o accidente, para os efectos de poderen ser empregados como baixa para unha nova construción.

Artigo 12º.-Acceso á información.

O rexistro, que é de carácter público e administrativo, non obsta para garantir a salvagarda e protección daqueles datos que afecten á intimidade persoal.

Poderase facilitar a información contida sobre cada embarcación no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia de xeito que se faga axustándose ás disposicións relativas á protección de datos de carácter persoal derivadas do regulamento CE 45/2001 en particular o seu artigo 8º.

O público terá acceso de xeito telemático a unha versión do rexistro que non poderá conter datos de carácter persoal.

As solicitudes de acceso aos datos de carácter persoal incluídos no rexistro serán tratadas de acordo co disposto no regulamento CE 45/2001 e demais disposicións que lle sexan de aplicación e deberán dirixirse á Secretaría Xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Disposición adicional

Os buques incluídos na Resolución do 4 de maio de 2004 pola que se dispón a publicación da relación de buques incluídos no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes respectivamente á terceira e cuarta lista de buques extractivos e auxiliares, incorporaranse de oficio ao actual rexistro e aplicaráselles a normativa contida neste decreto a partir da súa entrada en vigor.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os buques inmersos no proceso de actualización de buques irregulares de acordo co artigo 113 da Lei 62/2003 de medidas fiscais, administrativas e de orde social e co capítulo II do Real decreto 499/2004, do 1 de abril, sobre reactivación de buques non inscritos no censo da frota pesqueira operativa, e a actualización de buques irregulares, manterán as características anotadas no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, ata que non remate o procedemento.

Segunda.-Mentres non se publique o desenvolvemento normativo deste decreto permanece en vigor o establecido na Orde do 8 de maio de 2002 pola que se actualiza o Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen normas sobre a súa xestión e control.

Disposición derrogatoria

Á entrada en vigor deste decreto quedan derrogadas todas as disposicións, de igual ou inferior rango, agás o disposto na disposición transitoria segunda, que se opoñan ao previsto neste, e en especial ao capítulo I e capítulo II do Decreto 420/1993, do 17 de novembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de rexistros de buques e de empresas halioalimentarias, no que ao rexistro de buques se refire.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para ditar as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de abril de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos