DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Mércores, 18 de maio de 2005 Páx. 8.324

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 118/2005, do 28 de abril, polo que se regula o sistema de compensacións en caso de cesamento, peche ou suspensión temporal da actividade pesqueira, marisqueira ou acuícola como consecuencia de contaminación mariña accidental.

Exposición de motivos

A Xunta de Galicia, como consecuencia do accidente do buque petroleiro Prestige, inmediatamente despois do accidente habilitou unha serie de compensacións de carácter económico dirixida aos profesionais do mar que viron suspendida a súa actividade.

Estas compensacións trataban de paliar ou minguar os efectos do citado accidente nas economías familiares dos distintos colectivos que máis directamente foron afectadas polas distintas resolucións de peche da actividade extractiva.

Xunto ás medidas adoptadas no seu día pola Administración autonómica, as distintas administracións foron adoptando outra serie de medidas de carácter lexislativo e económico que se sumaron ás medidas inicialmente adoptadas pola Xunta de Galicia, entre elas, os reais decretos lei 7 e 8/2002, do 22 de novembro e do 13 de decembro, do Goberno central, completadas posteriormente polo Real decreto lei 4/2003, do 20 de xuño, sobre actuacións para o aboamento de indemnizacións en relación cos danos ocasionados polo accidente do buque Prestige, o Real decreto 1053/2003, do 1 de agosto, polo que se aproban as normas de desenvolvemento do citado real decreto lei e o Real decreto lei 4/2004.

Do estudo da diversa normativa existente en materia de adopción de medidas para paliar as consecuencias dos danos causados que poidan xerarse no desenvolvemento dunha actividade económica relacionada con produtos mariños, xa sexa por accidentes como no caso do Prestige, como de catástrofes naturais, como inundacións, temporais ou incendios, compróbase que en ningunha comunidade autónoma, nin na Administración do Estado, existe unha previsión normativa que considere, a priori, as medidas e criterios que se van adoptar en caso de que aconteza algunha destas circunstancias.

Ante esta situación, e en previsión de que nun futuro poida acontecer un non desexable novo acci

dente que provoque contaminación mariña accidental nas costas do litoral de Galicia, é necesario contar cunha norma que articule automaticamente os resortes necesarios para que a atención aos distintos afectados, e sempre dentro do ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia, sexa o máis áxil e eficaz posible, guiándose por criterios plenamente obxectivos e de aplicación inmediata.

Trátase, con esta norma, de regular as situacións de compensacións a aqueles colectivos cuxa actividade estea regulada directamente pola consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos, sen que alcance os demais colectivos que directa ou indirectamente poden resultar afectados polo cesamento, peche ou prohibición de actividade que poderán ter a súa regulación propia.

Neste decreto regúlanse as compensacións que deberá aboar a Xunta de Galicia, con independencia das fontes de financiamento e de procedencia dos fondos, que poderá, loxicamente reclamar o seu reintegro, que pretenden facer fronte aos períodos de inactividade e, por tanto, de falta de ingresos para garantir unhas condicións mínimas aos colectivos afectados.

Por todo o exposto é polo que, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de abril de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Do obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular o sistema de compensacións en caso de cesamento, peche ou suspensión da actividade económica dos suxeitos dedicados á actividade da pesca, do marisqueo e da acuicultura recollidos no artigo 4º deste decreto, como consecuencia de episodios ou accidentes que provoquen contaminación mariña accidental, non sendo aplicable a outros sectores ou suxeitos sometidos á regulación doutros departamentos autonómicos ou doutras administracións.

Artigo 2º.-Da definición das compensacións.

1. As compensacións teñen como finalidade atender e darlles cobertura ás necesidades dos afectados con carácter inmediato ante a falta de actividade económica e de ingresos derivados desta.

2. Os demais danos sobre os bens, así como as perdas e os gastos nos que se incorrese, de toda índole, e que teñan esa consideración de conformidade coa normativa internacional vixente na materia, deberán ser avaliados con base no valor real do dano causado ou dos bens ou medio afectado

que poida ser acreditado convenientemente e de acordo coas normas e principios xurídicos e referido ao momento previo ao suceso orixe da contaminación mariña accidental.

3. Con independencia do disposto neste decreto, a Xunta de Galicia poderá reclamar dos responsables da contaminación ou noutros ámbitos o importe de todos os gastos e danos en que incorra como consecuencia do accidente de contaminación mariña accidental.

Artigo 3º.-Do ámbito.

1. Este decreto será de aplicación a aquelas zonas e persoas que resulten afectadas polas resolucións de declaración de zona afectada que levará consigo o peche, cesamento ou suspensión da actividade pesqueira, marisqueira ou acuícola.

2. Para os efectos deste decreto, entenderase por peche, cesamento ou suspensión as decisións administrativas adoptadas pola consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña accidental que supoñan a prohibición ou limitación para o exercicio da actividade económica extractiva ou acuícola como consecuencia dun episodio de contaminación mariña accidental.

Artigo 4º.-Dos suxeitos.

1. O disposto neste decreto será de aplicación a aquelas persoas, físicas ou xurídicas independentes e/ou agrupadas por vínculo de natureza xurídica, que resulten afectadas polas resolucións administrativas de declaración de zona afectada.

2. Terán a consideración de afectados as persoas establecidas no parágrafo anterior e que cumpran os seguintes requisitos:

a) As mariscadoras e os mariscadores a pé que, antes do día no que sucedeu o accidente ou orixe da contaminación mariña accidental, estean en posesión do permiso de explotación de marisqueo a pé en vigor, que figure de alta no réxime especial da Seguridade Social do Mar e que sexa socio/a dunha das confrarías que teñan os seus plans de explotación, concesións ou autorizacións dentro da zona declarada afectada.

No suposto de persoas que se atopasen en situación de baixa por calquera das situacións recollidas na normativa da Seguridade Social, este decreto soamente será de aplicación a partir do momento de resolución de alta ditada polo órgano competente.

b) Os e as tripulantes das embarcacións que, antes do día no que sucedeu o accidente ou orixe da contaminación mariña accidental, se atopen debidamente enrolados nunha embarcación que teña o permiso de explotación en vigor, teñan contrato en vigor, estea inscrita no Rexistro de Buques de Galicia e que teña porto base na zona declarada afectada ou poidan demostrar mediante a súa inclusión no plan de explotación correspondente ou outro medio de

proba indubitado que demostre que pesca na dita zona habitualmente.

c) Os armadores das embarcacións que, antes do día no que sucedeu o accidente ou orixe da contaminación mariña accidental, dispoñan dunha embarcación que teña o permiso de explotación en vigor, estea inscrita no Rexistro de Buques de Galicia, estivera despachada para o exercicio da actividade e o rol debidamente cuberto e que teña porto base na zona declarada afectada.

d) Os titulares e traballadores de viveiros flotantes que, antes do día no que sucedeu o accidente ou orixe da contaminación mariña accidental, foran titulares de viveiros flotantes ou estiveran contratados como traballadores na zona declarada afectada. No caso de ser titular dunha embarcación auxiliar da 4ª lista, esta estivera despachada para o exercicio da actividade e que teña porto base na zona declarada afectada.

e) Os traballadores das granxas, piscifactorías, depuradoras e parques de cultivo que tivesen que pechar a súa empresa ou actividade como consecuencia da declaración de zona afectada, sempre e cando a empresa estivese situada na zona.

f) Persoal de lonxas, confrarías, cooperativas e outras organizacións do sector extractivo que visen prohibido o desenvolvemento da súa actividade na zona declarada afectada, que estiveran contratados de conformidade coa normativa vixente na materia e con anterioridade ao día do accidente.

g) As redeiras que estean dadas de alta no réxime da Seguridade Social que lles corresponda e que desenvolvan a súa actividade nos portos que se atopen dentro da zona declarada afectada.

4. Non poderán obter a condición de suxeito beneficiario aquelas persoas nas que concorran algunha das causas previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Excepcionalmente, e en virtude de orde, poderanse determinar outros colectivos que se poderán acoller a este decreto, segundo a incidencia do episodio de contaminación mariña accidental.

Capítulo II

Do procedemento de declaración de zona afectada

Artigo 5º.-Da declaración de zona afectada.

1. Para os efectos deste decreto, correspóndelle ao conselleiro competente en materia de loita contra a contaminación mariña accidental, logo de informe do Servizo de Gardacostas de Galicia, en virtude de resolución, declarar a zona ou zonas afectadas pola contaminación mariña accidental.

2. A resolución de declaración de zona afectada non será obrigatoria en todos os supostos de episodios de contaminación mariña accidental.

Artigo 6º.-Do contido da declaración de zona afectada.

1. Esta resolución de declaración de zona afectada deberá comprender, como mínimo:

a) O ámbito territorial, tanto en costa como no mar, en que se prohíbe a actividade pesqueira, marisqueira e acuícola.

b) As distintas modalidades de pesca ou marisqueo que se prohíben.

c) A hora, o día e o lugar que se dita a resolución.

d) O peche, cesamento ou suspensión da actividade pesqueira, marisqueira ou acuícola.

e) Os plans de explotacións que quedan en suspenso.

2. Estas declaracións serán modificadas atendendo á evolución da contaminación mariña accidental.

Artigo 7º.-Da declaración de zona non afectada.

1. Declarada unha zona como afectada, para o levantamento da dita declaración, será preciso a elaboración de informe polo Servizo de Gardacostas de Galicia e do Instituto Tecnolóxico de Control do Medio Mariño que garantan que non existe ningún risco para o consumo humano nin para o exercicio da actividade como consecuencia da contaminación mariña accidental.

2. Esta resolución de declaración de zona non afectada deberá comprender, como mínimo:

a) O ámbito territorial, tanto en costa como no mar, en que se levanta a prohibición de exercicio da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola.

b) As distintas modalidades de pesca ou marisqueo que se permiten.

c) A hora, o día e o lugar en que se dita a resolución.

d) Os plans de explotacións aos que se levanta a suspensión.

e) As resolucións de declaración de zona afectada que quedan sen validez.

Artigo 8º.-Da publicidade da resolución.

1. Unha vez asinada a resolución de declaración de zona afectada ou de zona non afectada, seralles comunicada, nun prazo non superior ás seis horas desde a súa adopción, ás organizacións do sector así como aos medios de comunicación de máis implantación nos municipios costeiros de Galicia para a súa maior difusión.

2. A resolución deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia o día hábil seguinte ao da súa adopción, agás naqueles supostos que polo momento da adopción da resolución sexa imposible publicala neste prazo, debendo facerse coa maior brevidade posible.

Capítulo III

Das compensacións económicas aos afectados pola declaración de zona afectada

Artigo 9º.-Da dotación orzamentaria.

A dotación dos créditos necesarios para a atención das continxencias previstas neste decreto, que non

alcancen ser financiadas con cargo aos orzamentos vixentes, levarase a cabo a través dos mecanismos establecidos nos artigos 62.1º, e 64.1º e) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 10º.-Da contía das compensacións.

1. Declarada zona afectada un determinado ámbito e actividade, os suxeitos establecidos no artigo 4º terán dereito a percibir unha compensación financeira con base nos seguintes criterios:

a) Importe neto medio por ámbitos zonais (contidos no anexo I) obtido nos tres últimos anos e nas mesmas datas de peche, suspensión ou prohibición, por cada colectivo de profesionais, nas súas distintas actividades.

Este importe será calculado en función da información estatística de primeira venda facilitada polos responsables das lonxas galegas de que dispoña a consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos.

Este importe actualizarase segundo o IPC aplicable aos distintos períodos de referencia. O importe así calculado será rateado para o período afecto ao suceso de contaminación mariña.

b) No momento da declaración de zona non afectada, e pola posible perda de confianza do mercado respecto do produto ofertado polos colectivos afectados polo peche, darase unha compensación resultante dunha porcentaxe que se vaia determinar en relación ao punto a) deste artigo, que terá en conta un máximo de quince días desde o reinicio da actividade.

Excepcionalmente, e cando non se producise unha normalización dos prezos, poderase ter en conta un período máximo de 30 días.

Así mesmo, e atendendo á evolución dos prezos, poderase non outorgar esta compensación, sempre e cando estean normalizados os prezos dos produtos nos mercados.

2. Naqueles colectivos de traballadores do mar e mariscadores que non se acadase o SMI de conformidade co punto a) deste artigo, a suma total que vaian percibir non poderá superar en máis dun 1,5% o SMI.

3. Naqueles colectivos de traballadores do mar e mariscadores que acadasen o SMI, a suma total que vaian percibir mensualmente aplicando o criterio do punto a) non poderá superar en máis dun 2,5% o SMI.

4. Os armadores, a suma total que vaian percibir non excederá do 1,5% dos ingresos declarados, de conformidade co punto 1 a) deste artigo despois de aplicarlle as porcentaxes correctoras.

Para os efectos do disposto no punto a) deste artigo, terase en consideración aquela arte para a que máis

días estivese despachada cada embarcación por ano ou a que lle resultara máis rendible, segundo as súas declaracións de venda en lonxa.

5. Respecto das persoas contratadas haberá que aterse á media das tres últimas nóminas anteriores ao accidente sen que en ningún caso a compensación poida superar en máis dun 2,5% o SMI.

6. Respecto dos suxeitos recollidos no artigo 4º d) e e) haberá que aterse ao disposto nos puntos 4 e 5 deste artigo.

7. Respecto ás redeiras, haberá que aterse aos mesmos criterios recollidos nos puntos 2 e 3 deste artigo.

8. Anualmente publicarase no Diario Oficial de Galicia e por resolución do conselleiro competente en materia de pesca e asuntos marítimos a validación das estatísticas de primeira venda, que servirán para a determinación do baremo que se vaia aplicar a aqueles colectivos que se dediquen á actividade extractiva e que aparecen recollidos no artigo 4 a), b) e c).

Artigo 11º.-Do pagamento das compensacións.

1. Os suxeitos establecidos no artigo 4º terán dereito a percibir as compensacións mentres dure a declaración de zona afectada e o pagamento realizarase en devengos quincenais, debendo solicitar o afectado a compensación.

2. Correspóndelle á Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca dependente da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña accidental a xestión e pagamento das compensacións.

3. A compensación pretende atender as necesidades económicas de subsistencia inmediatas do sector e, en ningún caso, o pagamento destas compensacións suporá recoñecemento de responsabilidade pola Xunta de Galicia das consecuencias da contaminación mariña accidental. O pagamento, en todo caso, realizarase, sen prexuízo do dereito da Xunta de Galicia para reclamar dos responsables da contaminación ou noutros ámbitos o importe das compensacións aboadas.

Artigo 12º.-Das solicitudes.

1. Os afectados que pretendan acollerse ás compensacións económicas reguladas neste decreto deberán presentar, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia a resolución de declaración de zona afectada, no prazo máximo de dez días, a solicitude e documentación que se determine en virtude de orde.

Artigo 13º.-Do prazo e dos efectos da resolución das solicitudes.

1. Presentadas as solicitudes, a consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña accidental resolverá nun prazo máximo de dez días, sen prexuízo de que en caso de observarse

deficiencias emendables se aplicará o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A resolución, ditada polo conselleiro competente en materia de loita contra a contaminación mariña accidental, producirá efectos económicos desde a data de declaración de zona afectada.

3. Os pagamentos efectuaranse, como mínimo, o 1 e o 15 de cada mes que permaneza vixente a declaración de zona afectada.

4. O conselleiro poderá delegar no director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca a resolución das solicitudes reguladas neste artigo.

5. A concesión da compensación é compatible coa percepción doutras axudas, subvencións, ingresos ou recursos.

6. Os beneficiarios deberán facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

7. Nos supostos de alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da compensación poderase proceder á modificación da resolución desta.

8. Contra a resolución de concesión, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa recepción, ante o xulgado contencioso-administrativo competente, de conformidade co disposto no artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, con anterioriedade e con carácter potestativo, pode interpoñer recurso de reposición, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación ante o conselleiro competente en materia de loita contra a contaminación mariña accidental.

Artigo 14º.-Dos pagamentos indebidos ou incorrectos.

1. De conformidade coa normativa vixente, as cantidades percibidas falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen deberán reintegrarse, cos xuros de demora correspondentes.

2. A devolución poderase reclamar sempre que non transcorresen máis de catro anos desde o aboamento ao beneficiado.

Artigo 15º.-Da comisión de avaliación das solicitudes.

1. Co obxecto de avaliar aquelas solicitudes sobre as que existan dúbidas, e calquera outras cuestións derivadas do pagamento e seguimento deste, e como órgano de apoio ao director xeral de Estruturas, cons

tituirase unha comisión de avaliación con carácter permanente unha vez declarada unha zona como afectada, e que se disolverá unha vez se declare a totalidade do litoral galego e das actividades como non afectados.

2. Esta comisión estará composta polo:

a) Director xeral de Estruturas e Comercio, que actuará de presidente.

b) Xefe do Servizo de Marisqueo.

c) Xefe do Servizo de Pesca.

d) Xefe do Servizo de Frota.

e) Xefe do Servizo de Estudos Pesqueiros.

f) Xefe do Servizo Técnico-Xurídico, que actuará como secretario.

3. O funcionamento desta comisión rexerase polas normas establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para o funcionamento dos órganos colexiados.

Disposición transitoria

Única.-Ata que se proceda á publicación prevista no artigo 10º.8 deste decreto haberá que aterse ás contías aprobadas pola Orde do 18 de novembro de 2002 pola que se establecen medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige, actualizadas polo IPC vixente en cada momento.

Disposicións adicionais

Primeira.-As compensacións reguladas neste decreto entenderanse sen prexuízo doutros tipos de axudas, beneficios fiscais ou exencións que se poidan establecer.

Segunda.-No suposto de pasamento dalgún beneficiario, serán beneficiarias, nas contías ás que tería dereito este, e sempre que cumpran os requisitos exixidos ao falecido, as persoas que acrediten dependencia económica dos ingresos do falecido nas porcentaxes que viñan percibindo antes do falecemento, sen prexuízo doutras axudas, subvencións, pensións ou prestacións asistenciais derivadas da situación de falecemento.

Terceira.-As indemnizacións ás que poidan ter dereito os afectados polos episodios de contaminación mariña accidental rexeranse pola normativa vixente na materia, non sendo obxecto de regulación deste decreto ao tratarse de reclamación de danos entre particulares.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de loita contra a contaminación mariña accidental para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de abril de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO

Ámbitos zonais:

a) Costa lucense.

b) Coruña norte.

c) Ría de Ferrol.

d) Arco Ártabro.

e) Costa noroeste.

f) Ría de Muros.

g) Ría de Arousa.

h) Ría de Pontevedra.

i) Ría de Vigo.

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL