DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Xoves, 02 de xuño de 2005 Páx. 9.545

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 27 de maio de 2005 pola que se regula a descarga, transporte e primeira venda dos produtos pesqueiros e acuícolas dos que non sexa obrigada a súa primeira venda en lonxa, e se establece o procedemento para a autorización.

O Regulamento (CEE) nº 2847/93, do Consello, do 12 de outubro de 1993 e as súas posteriores modificacións, polo que se establece un réxime de control aplicable á política pesqueira común, introduce no seu título II, control de capturas, artigo 13, a obriga de que todos os produtos da pesca desembarcados ou importados na comunidade, e para os que non presentaran unha nota de venda, nin unha declaración de recollida, e que se transporten a un lugar distinto do desembarque ou importación, deberán ir acompañados dun documento ata que se efectúe a primeira venda.

No artigo 9 do citado Regulamento 2847/1993 establécese que cando os produtos non se poñan á venda ou se destinen a unha venda posterior deberán presentar ás autoridades competentes unha declaración de recollida.

Estes regulamentos trasládanse parcialmente á lexislación nacional, co obxecto de establecer a normativa básica en materia de ordenación do sector

pesqueiro que atribúe ao Estado o artigo 149.1.19ª da Constitución mediante o Real decreto 2064/2004, do 15 de outubro, polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros, que ten por obxecto regular a primeira venda dos produtos pesqueiros con ocasión do desembarque e descarga no territorio nacional, incluíndo as importacións, para produtos da pesca, do marisqueo ou acuicultura, vivos, frescos, refrixerados, conxelados e ultraconxelados, sen transformar ou transformados a bordo, ou en instalacións da acuicultura, envasados ou non.

Este real decreto establece no seu artigo 2 que os produtos pesqueiros só poderán ser descargados nos portos delimitados polas comunidades autónomas, e nos peiraos o lugares designados polas autoridades portuarias.

No seu artigo 3.B) di que a primeira venda de determinados produtos conxelados, ultraconxelados o transformados a bordo ou en instalacións de acuicultura realizarase nos centros o establecementos autorizados polas comunidades autónomas.

Ademais e dado o carácter de recurso da flora mariña e o auxe no consumo que existe destes produtos é necesario regular tamén a primeira venda da mesma, ao igual que o real decreto antes citado.

O Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco, regula no ámbito da comunidade autónoma a descarga e primeira venda dos produtos da pesca que se leva a cabo nas lonxas ou centros de venda autorizados.

Pero a nivel da comunidade autónoma non está regulada a primeira venda dos recursos pesqueiros dos que non é obrigada a súa primeira venda en lonxa; e dada a importancia da comercialización destes produtos e, que tanto a nivel da Comunidade Europea como a nivel nacional, está recollida, é preciso regular no noso ámbito esta actividade.

De acordo co anteriormente disposto, logo da consulta aos sectores pesqueiro e comercializador afectados, e en virtude das facultades que teño conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito.

O obxecto desta orde é regular, no ámbito territorial da comunidade autónoma, a descarga e transporte e primeira venda dos produtos pesqueiros e acuícolas dos que non sexa obrigada dita venda na lonxa, incluíndo a flora mariña.

Para os efectos do disposto nesta orde, establécese o procedemento de autorización dos establecementos ou centros que realicen, ou pretendan realizar a primeira venda dos ditos produtos.

Artigo 2º.-Lugar de desembarque e descarga.

Os produtos pesqueiros conxelados ou ultraconxelados, transformados ou non, e os produtos da acuicultura serán desembarcados nos portos designados pola consellería competente en materia pesqueira, e nos peiraos ou lugares delimitados polas autoridades portuarias.

No caso, de que non sexan desembarcados en porto, serán descargados nos lugares autorizados pola consellería competente en materia pesqueira.

Artigo 3º.-Solicitude de autorización.

Establecementos. Aqueles centros ou establecementos que realicen ou pretendan realizar primeira venda de produtos da acuicultura que non son obxecto de venda en lonxa, produtos conxelados, ultraconxelados ou transformados a bordo ou en instalacións de acuicultura, deberán solicitar a correspondente autorización á consellería competente en materia pesqueira, segundo o modelo do anexo I desta orde.

Xunto coa solicitude establecida no anexo I, presentarase a solicitude de alta no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias segundo o establecido no Decreto 420/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de Rexistro de Buques e de Empresas Halioalimentarias, cando non estea xa inscrito.

Calquera cambio nas condicións sinaladas na solicitude deberá ser comunicado á consellería competente en materia pesqueira.

Artigo 4º.-Requisitos dos establecementos.

Para os efectos desta orde, todas as empresas ou centros onde se realicen primeiras vendas deberán figurar no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias regulado polo decreto da Xunta de Galicia 420/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de Rexistro de Buques e de Empresas Halioalimentarias.

Ademais deberán dispoñer de equipos informáticos suficientes e adecuados para a obtención e transmisión á consellería competente en materia pesqueira, de todas as transaccións efectuadas en primeira venda.

Artigo 5º.-Prazo de solicitude.

Aqueles que efectúen na actualidade primeira venda dos produtos pesqueiros e acuícolas obxecto desta orde terán un prazo de 60 días naturais para solicitar a autorización, a partir do día seguinte da entrada en vigor da mesma.

As solicitudes poderán presentarse nos lugares establecidos no artigo 4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo para resolver será de 3 meses dende o día seguinte á presentación de solicitudes. A non notificación da resolución no prazo máximo para resolver entenderase estimada por silencio administrativo.

Artigo 6º.-Resolución.

A resolución de autorización correspóndelle ao conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, que poderá delegar a competencia no director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca.

En todo caso, a dita resolución pon fin á vía administrativa.

Artigo 7º.-Transmisión de datos.

O propietario da embarcación, ou seu representante autorizado, conforme o artigo 3 desta orde, enviará os datos das transaccións efectuadas, en primeira venda, á consellería competente en materia pesqueira, segundo o establecido na normativa reguladora vixente.

Artigo 8º.-Declaración de recollida.

Aqueles produtos pesqueiros conxelados ou ultraconxelados, ou da acuicultura, transformados ou non, que sexan desembarcados o descargados, e non se poñan á venda, ou se poñan con posterioridade, o seu propietario ou representante cubrirá o documento declaración de recollida, sendo responsable da súa presentación ante a consellería competente en materia pesqueira.

A declaración de recollida deberá conter, polo menos, os seguintes datos:

a) Denominación comercial e científica de cada especie, zona xeográfica de captura o cría, segundo o Regulamento comunitario 2065/2001, da Comisión.

b) Para cada especie, o peso desagregado por cada forma de presentación do produto.

c) O nome, marcas de identificación externa, e pavillón do buque pesqueiro para os produtos desembarcados de buques comunitarios, e o número interno que figura no rexistro comunitario de buques de pesca, se é o caso.

d) O nome, marcas de identificación externa, o indicativo internacional de raio e pavillón do buque pesqueiro para os produtos capturados por buques de terceiros países.

e) O nome do armador ou do capitán do buque pesqueiro.

f) O porto e a data de desembarco ou lugar e data de importación ou lugar e data de descarga.

g) O lugar ou lugares onde estean almacenados os produtos.

h) Se é o caso, referencia o documento de transporte o documento DUA, ou EUR 1, no que consten as cantidades transportadas.

Cando a comercialización sexa obxecto dun prezo contractual o un prezo a tanto alzado, fixado para un período determinado, o propietario dos produtos, ou o seu representante deberá cubrir tamén este documento.

Artigo 9º.-Documento de transporte.

Os produtos pesqueiros e acuícolas obxecto desta orde que non fosen vendidos, nin se fixera a declaración de recollida, e que se transporten a un lugar distinto do desembarque ou de descarga, deberán ir acompañados ata o lugar de venda, almacenamento ou transformación, dun documento de transporte.

O propietario da mercadoría ou o seu representante autorizados conforme o artigo 3º emitirán un documento de transporte, que acompañará ao produto en todo momento ata a primeira venda, do que deberá remitir unha copia á consellería competente en materia pesqueira, e que conterá os seguintes datos e o formato do anexo II:

a) O nome, as marcas de identificación externa e pavillón do buque pesqueiro para os produtos desembarcados procedentes de buques comunitarios, así como o numero interno do buque que figura no rexistro comunitario de buques de pesca, se é o caso.

b) O nome, as marcas de identificación externa, o indicativo internacional de raio e pavillón do buque para os produtos desembarcados procedentes de buques de terceiros países.

c) No caso de importacións que non se realicen por barco, o lugar donde se realizou a importación, segundo o establecido no artigo 13.2º a) do Regulamento comunitario 2847/1993, do consello.

d) O nome do armador ou do capitán do buque pesqueiro.

e) O nome do consignatario, o lugar e data da carga.

f) O lugar de destino do produto e a identificación do vehículo de transporte.

g) As cantidades de peixe de cada especie transportadas expresadas, se é o caso, en kg de peso transformado, a denominación científica e comercial de cada especie, e zona xeografica de captura ou cría segundo o Regulamento 2065/2001, da comisión, do 21 de outubro.

O transportista entregará unha copia do documento de transporte á persoa responsable do centro de destino a que comprobará a veracidade do mesmo.

Segundo o establecido no Regulamento comunitario 2847/1993, do 12 de outubro, este documento poderá ser substituído por algún dos seguintes documentos, dos que será remitida unha copia á consellería competente en materia pesqueira, no prazo de 48 horas desde o desembarque.

-Por una copia da declaración de desembarco na que consten, como mínimo, as cantidades desembarcadas, de cada unha das especies, así como, a zona da captura das mesmas.

-Por unha copia do documento T2M, no que conste a orixe das cantidades transportadas.

Artigo 10º

Tanto o documento de transporte, como a declaración de recollida, serán remitidos á consellería competente en materia pesqueira no prazo de 48 horas desde a súa emisión.

A consellería competente en materia pesqueira adxudicará unha clave, xunto coa autorización, que permitirá a emisión destes documentos de forma informática, o que eximirá da presentación documental establecida neste artigo.

Artigo 11º

Cando os produtos pesqueiros e acuícolas foron vendidos, e se transportan a outro lugar, o transportista deberá poder probar, en todo momento, a transacción efectuada, mediante nota de venda, albará ou outro documento que o acredite, incluída a factura.

Disposicións adicionais

Primeira.-As infraccións ao disposto nesta orde serán obxecto de sanción, de acordo coa Lei 8/2004, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección dos recursos marítimo-pesqueiros.

Segunda.-Para os efectos desta orde, considérase primeira venda a que se realiza por primeira vez dentro do territorio da Unión Europea e na que se acredite documentalmente o prezo do produto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor aos 60 días seguintes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2005.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos