DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 13 de xuño de 2005 Páx. 10.210

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de abril de 2005 pola que se regula a xornada de traballo dos funcionarios integrados nos servizos provinciais da Inspección Educativa da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 27.8º da Constitución española encoméndalles aos poderes públicos a responsabilidade da inspección do sistema educativo.

En aplicación do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e de acordo co establecido no Estatuto de autonomía, o Decreto 135/1993, do 24 de xuño, polo que se regulan as funcións e organización da Inspección Educativa na Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, fundamentalmente no seu título VII, e máis en concreto no Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia, recóllese neste último, no seu artigo 2, que á Inspección Educativa correspóndelle a inspección de todos os centros docentes, servizos, programas e actividades que integran o sistema educativo de Galicia, tanto de titularidade pública como privada, en todos os niveis educativos, co fin de asegurar o cumprimento das leis, contribuír á

mellora do sistema educativo, á calidade do ensino, así como á garantía dos dereitos e á observancia dos deberes de cantos participan nos procesos de ensino e aprendizaxe e no artigo 3 as funcións que debe desenvolver a Inspección Educativa desta comunidade.

A concreción anual das actividades previstas para desenvolver as citadas funcións regúlase mediante o plan anual de traballo da Inspección Educativa, previsto nos artigos 9 e 10 do citado Decreto 99/2004.

O desempeño eficaz das funcións encomendadas á Inspección Educativa demanda que as actividades necesarias para o seu desenvolvemento deban levarse a cabo fundamentalmente nos centros docentes, a través da visita de inspección, pero tamén a función de asesoramento require a presenza dos inspectores en lugares e horas coñecidos polos diversos demandantes dela.

O artigo 17 do devandito Decreto 99/2004 así o recoñece sinalando que a xornada de traballo dos inspectores de Educación estruturarase coa flexibilidade necesaria para que permita o contacto coa comunidade educativa dos centros docentes.

Todo o anterior supón unhas especiais exixencias aos inspectores de Educación que fan imprescindible unha regulamentación específica da súa xornada de traballo.

Co fin de atender a singularidade no desempeño da función inspectora e en virtude do establecido

no punto 2º do artigo 1 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A xornada semanal de traballo dos funcionarios que desempeñan postos de inspectores de Educación nos servizos provinciais de Inspección nas súas distintas sedes será a establecida con carácter xeral para os demais funcionarios públicos, coas adecuacións ás que se refire a presente orde.

Artigo 2º

En aplicación do establecido no artigo 17 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia, os funcionarios que desempeñen postos de inspectores de Educación nos servizos provinciais de Inspección nas distintas sedes desenvolverán as súas funcións a través dunha xornada de traballo flexible que permita o contacto coa comunidade educativa dos centros docentes.

Artigo 3º

Co obxecto de atender as demandas de información e asesoramento requiridas e as posibles incidencias que puidesen xurdir, os xefes dos servizos provinciais de Inspección Educativa proporanlle, ao delegado provincial correspondente, para a súa aprobación, un horario de mañá a tarde, de luns a venres, que abranga o tramo horario de maior incidencia nos centros docentes da provincia. Na dita proposta deberase recoller a forma e, se é o caso, as sedes do servizo provincial en que o dito horario vai ser atendido polos inspectores adscritos ao servizo.

Artigo 4º

Para a atención do horario previsto no artigo anterior, cada un dos xefes dos servizos provinciais de Inspección Educativa establecerá as quendas necesarias entre todos os funcionarios que desempeñan postos de inspectores de Educación no seu servizo, de xeito que cada un destes funcionarios teña como mínimo un 20% da súa xornada semanal destinada para tal fin, acreditando a súa presenza mediante o emprego da tarxeta individual de identificación nos centros administrativos dotados de medios necesarios ou mediante a sinatura nos partes correspondentes naqueles centros que non dispoñan de tales medios.

Artigo 5º

Os funcionarios que desempeñan os postos de inspectores de Educación nos servizos provinciais de Inspección Educativa teñen incluída na súa xornada de traballo semanal as visitas aos centros, como procedemento de actuación habitual da inspección para desenvolver as súas funcións nos centros educativos, tal e como sinala o artigo 6 da Orde do 13 de decembro de 2004, pola que se desenvolve o Decreto 99/2004, do 21 de maio, antes citado, e con aqueloutras actividades necesarias para o eficaz desempeño das funcións encomendadas, actuando de acordo co previsto na circular 3/94, do 11 de novembro, da Inspección Xeral de Servizos e xustificando as

súas ausencias, cando a natureza do traballo así o requira, o delegado provincial ou persoa en quen delegue, de acordo co cadro de horarios aprobado polo delegado provincial a que se refire o artigo 3º da presente orde.

Artigo 6º

1. Despois de cada actividade, prevista ou non, os funcionarios que desempeñan postos de inspectores de Educación nos servizos provinciais de Inspección Educativa entregaranlle ao xefe do servizo provincial respectivo, independentemente do informe a que puidese dar lugar, unha ficha debidamente cuberta, segundo o modelo que se sinala no anexo I, na que se recollerán sinteticamente as características do servizo realizado, computándose como horario realizado o comprendido desde a hora de saída ata a de regreso.

2. En todo caso, a suma do horario previsto nos artigos 4º e 5º deberá acadar a duración da xornada ordinaria de traballo dos funcionarios públicos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Persoal e de Centros e Ordenación Educativa para ditar as normas que cumpran para o desenvolvemento do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria