DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Luns, 13 de xuño de 2005 Páx. 10.219

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 157/2005, do 26 de maio, sobre ordenación e funcionamento do Servizo de Gardacostas de Galicia.

O Servizo de Gardacostas de Galicia, creado pola Lei 2/2004, do 21 de abril, ten encomendado e vén realizando, anteriormente como Servizo de Protección de Recursos creado pola Lei 6/1993, do 11 de maio, de regulación e ordenación da pesca marítima de Galicia, funcións de inspección, prevención e de corrección en materia de pesca, marisqueo e acuicultura, desde a súa primeira fase de produción e explotación ata a fase de comercialización nas súas diversas formas, realizando as actuacións necesarias para a protección dos recursos marítimo-pesqueiros e acuícolas co fin de garantir unha explotación racional deles.

Así mesmo, este servizo ten encomendadas funcións ou atribucións en materia de salvamento marítimo, velando polo cumprimento das normas de seguridade e actuando en caso de accidentes, sinistros ou emerxencias de calquera tipo que se producen no ámbito marítimo, e excepcionalmente noutros ámbitos que requiren a súa colaboración e participación, sendo durante moitos anos a única comunidade autónoma que prestaba e segue prestando na actualidade, ese servizo á sociedade galega e demais cidadáns que precisan da súa intervención.

Xuntamente coas tarefas ou funcións anteriores, e non menos importantes, este servizo ten encomendada en virtude da súa Lei de creación 2/2004, do 21 de abril, a realización de actuacións necesarias en materia de loita contra a contaminación mariña accidental, a través da prevención, detección, minoración e eliminación das verteduras ao mar empregando todos os medios apropiados nestas actuacións.

As particularidades das actuacións que levarán a cabo os membros deste servizo exixen que no desenvolvemento do seu traballo e no cumprimento das funcións que teñen asignadas, estes teñan un tratamento específico en canto ao seu réxime de traballo, de dispoñibilidade, de nocturnidade, de traballo a quendas, de perigosidade e penosidade, de celeridade nas súas actuacións, de identificación e de compensacións económicas, que modaliza o réxime xeral dos traballadores e traballadoras da función pública galega.

Por todo o exposto é polo que, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, de conformidade co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de maio de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a ordenación e a regulación do funcionamento do Servizo de Gardacostas de Galicia ao que lle corresponde exercer a vixilancia do cumprimento da lexislación vixente en materia de pesca, marisqueo, acuicultura, control do medio mariño, prevención e loita contra a contaminación mariña e salvamento marítimo consonte o réxime competencial constitucional e estatutariamente establecido, sendo os seus principios básicos de actuación os sinalados no artigo 2 da súa lei de creación.

Artigo 2º.-Da colaboración.

O conselleiro competente en materia de pesca poderá asinar convenios de colaboración, acordos ou protocolos de actuación con outras administracións, entidades ou empresas co obxecto de levar a cabo unha actuación coordinada para o exercicio das funcións establecidas neste decreto, en especial coas forzas e corpos de seguridade.

Artigo 3º.-Das relacións funcionais.

O Servizo de Gardacostas de Galicia adecuará a súa organización e funcionamento ao principio de xerarquía. Os seus membros deberán respecto e obediencia ás autoridades e superiores xerárquicos, acatar as súas ordes con exacta disciplina, tratar con esmerada corrección ao público e aos funcionarios subordinados e facilitarlles a estes o cumprimento das súas obrigas.

Capítulo II

Organización

Artigo 4º.-Da estrutura operativa.

1. O Servizo de Gardacostas de Galicia queda adscrito á Consellería competente en materia de pesca co rango de subdirección xeral.

2. O Servizo de Gardacostas estruturarase en servizos centrais e periféricos, organizándose estes en xefaturas territoriais das que dependerán funcionalmente as unidades operativas.

3. Correspóndelles aos órganos centrais, ademais das funcións que lles corresponden a todos os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia, as seguintes:

a) O establecemento das estratexias e directrices do Servizo de Gardacostas.

b) A programación xeral das actuacións do Servizo de Gardacostas, en todos os seus aspectos.

c) O seguimento, coordinación e control das actividades programadas.

d) A programación e colaboración de actividades formativas dirixidas aos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia.

e) A elaboración, revisión e actualización de protocolos de actuacións nas operacións en que participen ou teñan atribuídas os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia.

f) En xeral, a execución, coordinación e seguimento de actuacións ou actividades que se poidan encomendar ao Servizo de Gardacostas de Galicia por razón da materia atribuída por lei a este departamento.

4. Correspóndelles aos órganos periféricos do Servizo de Gardacostas de Galicia ademais das funcións que lles corresponden a todos os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia, e dentro do ámbito de actuación que teñan encomendado, as seguintes funcións:

a) Cumprir a programación establecida.

b) Dar conta, segundo se estableza no protocolo de actuación, aos servizos centrais das súas actuacións.

c) Colaborar cos servizos de asistencia técnica-científica nas actividades de recollida de información no medio marítimo e na realización de campañas oceanográficas e pesqueiras, nas augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Todas aquelas que lles sexan encomendadas, de acordo coa súa escala de pertenza, pola autoridade competente co fin de garantir o cumprimento da legalidade nas materias que lle son propias ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

Excepcionalmente, por causa de forza maior ou razón grave asimilable, poderán realizar funcións fóra do seu ámbito territorial de actuación.

Artigo 5º.-Dos tipos de persoal.

O Servizo de Gardacostas contará con persoal de Administración especial pertencente ás escalas técnica, executiva e de axentes, e con persoal de Administración xeral chamado a desenvolver funcións administrativas e de apoio.

O persoal de Administración especial do Servizo de Gardacostas de Galicia está formado por tres escalas:

a) A escala técnica.

b) A escala executiva

c) A escala de axentes.

Os postos reservados a estas escalas terán a denominación de: inspector xefe ou inspectora xefa, inspector ou inspectora, subinspector ou subinspectora maior, subinspector ou subinspectora, oficial de gardacostas e axente de gardacostas.

Artigo 6º.-Da escala técnica.

1. Corresponderalle á escala técnica do Servizo de Gardacostas de Galicia o desempeño das funcións de dirección, planificación e execución das actuacións do Servizo de Gardacostas.

2. En concreto, son funcións do persoal da escala técnica:

a) Ordenar as actuacións que se realizarán nas materias de custodia, protección, vixilancia, defensa e control dos recursos mariños de Galicia, salvamento e loita contra a contaminación mariña, impartindo as instrucións necesarias para a súa efectiva execución.

b) Obter e transmitirlles aos superiores xerárquicos a información necesaria para a programación das actuacións que realizará o Servizo de Gardacostas no cumprimento das súas funcións.

c) Proporlles aos seus superiores xerárquicos a adopción das medidas preventivas ou paliativas que procedan.

d) Dirixir a execución das actuacións das escalas executiva e de axentes, impartindo as instrucións que procedan para a súa efectiva realización.

e) Transmitirlles ás escalas executiva e de axentes as ordes de execución de actos administrativos cando así se estableza por disposición ou resolución expresa do órgano competente.

f) Executar materialmente as actuacións que, pola súa complexidade técnica, deban ser asumidas por esta escala.

g) Calquera outra que lle poida corresponder consonte a lexislación vixente

Artigo 7º.-Da escala executiva.

1. Corresponderalle á escala executiva o desempeño das funcións de coordinación, participación e execución das actuacións do Servizo de Gardacostas.

2. En concreto, son funcións do persoal da escala executiva:

a) Executar as misións de custodia, protección, vixilancia, defensa e control dos recursos mariños de Galicia, salvamento e loita contra a contaminación mariña que lles sexan encomendadas.

b) Dirixir á escala de axentes na realización das súas funcións.

c) Acadar e transmitirlles aos seus superiores xerárquicos a información necesaria para a planificación dos servizos.

d) Participar na formulación dos obxectivos e estratexias do Servizo de Gardacostas de Galicia.

e) Calquera outra que lle poida corresponder consonte a lexislación vixente.

Artigo 8º.-Da escala de axentes.

1. Corresponderá á escala de axentes o desempeño das funcións de execución, colaboración e apoio ás escalas técnica e executiva.

2. En concreto, son funcións do persoal da escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia:

a) Custodiar, protexer, vixiar e defender os recursos mariños de Galicia, e controlar o aproveitamento destes recursos.

b) Vixiar e previr a contaminación mariña, participando nas tarefas de eliminación, coordinando e dirixindo ao persoal e medios ao seu cargo.

c) Participar nos labores de salvamento marítimo.

d) Vixiar o funcionamento ordinario de centros e instalacións relacionadas coa produción acuícola e en xeral coa conservación do medio mariño.

e) Informar e asesorar os cidadáns e a Administración en asuntos relacionados coa conservación do medio mariño.

f) Dirixir e controlar as actividades, traballos, persoal e medios encomendados polos seus superiores, ocupándose de manter os medios asignados ao servizo en óptimas condicións de funcionamento, agás aqueles que exixan unha especialización técnica que requira a participación de terceiras persoas.

g) Efectuar denuncias polas infraccións establecidas na lexislación de protección dos recursos marítimos, e realizar as inspeccións que se lles encomenden.

h) Proceder á execución dos actos da Administración cando así se estableza por disposición ou resolución expresa do órgano competente.

i) Calquera outra que lle poida corresponder consonte a lexislación vixente

Artigo 9º.-Das funcións da Subdirección Xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Correspóndenlle á Subdirección Xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, ademais das funcións establecidas no decreto de estrutura orgánica, as seguintes:

a) Dirixir, planificar, coordinar e avaliar as actividades e operacións do servizo.

b) Administrar o orzamento anual do Servizo de Gardacostas de Galicia.

c) Establecer os controis internos necesarios para garantir a eficacia do servizo.

d) Velar pola adecuación das funcións do servizo ao marco legal vixente.

e) Coordinar o exercicio das funcións do Servizo de Gardacostas co resto das administracións públicas e corpos e forzas de seguridade do Estado.

f) Representar o mando único e dirixir as misións de loita contra a contaminación mariña accidental no litoral galego, sen prexuízo das competencias establecidas na normativa vixente en materia de loita contra a contaminación.

g) A xefatura do persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia.

h) Aquelas outras que se lle poidan atribuír pola normativa vixente en materia de protección de recursos, loita contra a contaminación e salvamento marítimo.

Artigo 10º.-Das funcións das xefaturas territoriais.

Correspóndelles ás xefaturas territoriais do Servizo de Gardacostas, ademais das funcións establecidas no decreto de estrutura orgánica, as seguintes:

a) Desenvolver e coordinar, dentro do seu ámbito territorial, as accións encomendadas pola xefatura do Servizo de Gardacostas de Galicia.

b) Informar periodicamente sobre as accións, misións e sucesos que se produzan no seu ámbito territorial relativos a asuntos competencia desa unidade.

c) Coordinar as distintas xefaturas de unidade operativa que pertenzan ao seu ámbito territorial.

d) Avaliar periodicamente o estado dos medios destinados para o exercicio das funcións do Servizo de Gardacostas.

e) Aprobación das misións, horarios e quendas do persoal das unidades operativas, logo de petición da xefatura de unidade operativa, e co visto e prace da Xefatura do Servizo de Gardacostas.

f) Aquelas outras que se lles poidan atribuír pola normativa vixente en materia de protección de recursos, loita contra a contaminación e salvamento marítimo.

Artigo 11º.-Das funcións das xefaturas das unidades operativas.

Correspóndenlles as xefaturas das unidades operativas as seguintes funcións:

a) Desenvolver e coordinar, dentro do seu ámbito territorial, as accións encomendadas pola xefatura territorial do Servizo de Gardacostas de Galicia.

b) Informar periodicamente á xefatura territorial sobre as accións, misións e sucesos que se produzan no seu ámbito territorial relativos a asuntos competencia desa unidade.

c) Elaborar unha proposta de misións, horarios e quendas para o persoal da súa unidade, debendo elevala á xefatura territorial.

d) Aquelas outras que se lles poidan atribuír pola normativa vixente en materia de protección de recursos, loita contra a contaminación e salvamento marítimo.

Artigo 12º.-Dos postos de traballo.

Os postos de traballo de carácter administrativo terán como misión levar e xestionar toda a documentación, orzamentos, e contratacións vinculados ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

Os postos de traballo de carácter operativo terán como misión a organización, seguimento, desenvolvemento e execución das actuacións que debe levar a cabo o Servizo de Gardacostas de Galicia.

Os postos de traballo de carácter operativo serán cubertos, en exclusiva, polo persoal do Servizo de Gardacostas, conforme os sistemas de provisión establecidos na Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Os postos de traballo do persoal administrativo e de apoio serán cubertos polo funcionariado de Administración xeral, sen prexuízo da reserva establecida para o pase a segunda actividade.

Capítulo III

Do persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia

Sección primeira

Funcións e procedementos de actuación

Artigo 13º.-Das funcións.

O persoal deste servizo para a protección e explotación racional dos recursos marítimo-pesqueiros e naturais desde a fase de produción ata a fase de comercialización, para previr, minorar e combater situacións de contaminación ou agresión ao medio mariño natural procedentes de verteduras de terra ou mar, e nos casos de accidente, sinistros, emerxencias ou salvamento marítimo realizará cantas funcións sexan necesarias para preservar a vida e a integridade das persoas e dos seus bens.

Artigo 14º.-Do cumprimento das funcións.

Cando para o cumprimento das súas funcións, os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia formen parte da tripulación dunha embarcación asumirán as responsabilidades e obrigas que as boas prácticas e usos mariñeiros establecen, con especial atención ao diario de navegación, libro de motores e demais documentación do barco. Cando para o cumprimento das súas funcións formen parte da tripulación dun vehículo ou dun medio aéreo observarán, así mesmo, as boas prácticas que os usos destes medios establezan.

Artigo 15º.-Tipos de procedementos de actuación.

No exercicio das súas funcións, o funcionariado do Servizo de Gardacostas de Galicia poderá actuar en cumprimento de plans ou programas de actuación

ordinarios ou extraordinarios, ou en virtude de denuncias, requirimentos, propia iniciativa ou orde dos superiores xerárquicos.

Tamén poderán actuar por solicitude doutras autoridades que, polo procedemento regulamentariamente previsto e no exercicio das súas competencias, demanden a colaboración do Servizo de Gardacostas de Galicia cando concorran graves circunstancias excepcionais e imprevistas.

Cando a natureza dunha determinada actuación requira da colaboración doutros colectivos, os responsables de cada unidade deberán solicitala, con comunicación á xefatura do departamento.

Sección segunda

Da identificación

Artigo 16º.-Da identificación.

Os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia desempeñarán as súas funcións, con carácter xeral, provistos do correspondente uniforme, e portarán o carné profesional e placa insignia cos que acreditarán a súa personalidade ante os cidadáns, as autoridades, organismos, entidades, empresas e profesionais.

Ao inicio de cada actuación, e con carácter previo ao seu desenvolvemento sempre que for posible, os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia deberán identificarse á persoa responsable do buque, establecemento ou dependencia que van inspeccionar, mostrando a súa placa e carné profesional.

As obrigas contidas nos números anteriores soamente se poderán excepcionar naquelas actuacións nas cales sexa preciso garantir o segredo da operación para o mellor resultado e eficacia.

Artigo 17º.-Dos elementos identificativos.

1. Os elementos identificativos dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia serán o uniforme, a placa insignia, o número e o carné profesional, sen prexuízo de que, mediante orde, se poida establecer outro elemento.

2. Uniforme: o uniforme identificará a persoa usuaria como membro do Servizo de Gardacostas de Galicia e a escala á que pertence, determinándose mediante orde as súas pezas de composición, a cor, a situación dos elementos identificativos e demais elementos que se coiden precisos para facilitar a súa correcta identificación.

3. Placa: a placa identificativa representará o escudo do Servizo de Gardacostas de Galicia, debendo conter o número do ou da axente. Mediante orde establecerase o escudo, dimensións e demais características que deberá contar a placa.

4. Número identificativo: cada membro do Servizo de Gardacostas terá atribuído un número identificativo que deberá figurar en todos os demais elementos identificativos, que garantirá o segredo da súa identidade en todas as actuacións.

5. Carné profesional: o carné dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia deberá conter o anagrama da Xunta de Galicia e do Servizo de Gardacostas de Galicia, así como a identificación do ou da axente, e demais características que se determinen mediante orde.

Sección terceira

Do réxime de traballo e das compensacións

Artigo 18º.-Dos horarios.

Os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia realizarán o seu traballo entre as 00.00 horas e as 24.00 horas, todos os días do ano, en función das quendas rotatorias que establezan as persoas responsables operativas, e que se axustarán aos horarios que se fixen en virtude de orde da consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos.

Salvo circunstancias excepcionais ou de forza maior, o total de horas de traballo non excederán o máximo semanal, que será o establecido con carácter xeral para o funcionariado da Xunta de Galicia, computadas como media en períodos que se determinarán mediante orde e distribuídas diariamente en diferentes quendas.

Cada quenda rotatoria de traballo terá unha duración máxima de oito horas de xeito continuado, salvo casos de forza maior ou circunstancias excepcionais, en que poderá prolongarse a xornada de traballo o tempo necesario ata un máximo de catro horas.

Este persoal non poderá realizar máis dun quenda dentro da mesma xornada de traballo. Establécese un descanso semanal mínimo de 48 horas consecutivas.

Artigo 19º.-Das compensacións.

En virtude de orde da consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos determinarase o réxime de compensacións polas funcións realizadas.

Estas compensacións poderán ser económicas, que se axustarán ao réxime establecido para o funcionariado da Comunidade Autónoma de Galicia, ou de días de descanso.

Artigo 20º.-Do réxime disciplinario.

O réxime disciplinario dos funcionarios pertencentes ao Servizo de Gardacostas de Galicia axustarase ao disposto na súa Lei de creación 2/2004, do 21 de abril, considerándose como faltas graves e leves as que así aparezan definidas na normativa aplicable ao funcionariado da Administración pública galega.

Sección cuarta

Da segunda actividade

Artigo 21º.-Das especifidades retributivas da segunda actividade.

Os membros do Servizo de Gardacostas que accedan, de conformidade co disposto nos artigos 9, 10

e 11 da Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia, á segunda actividade, terán dereito a percibir:

a) A totalidade das retribucións básicas e complementarias que viñeran percibindo antes do pase a esa situación. No caso de que o posto que pasen a ocupar teña asociados complementos retributivos de diferente importe aos que viñesen percibindo, terán dereito, en todo caso, aos de maior contía. Todo isto sen prexuízo do previsto no artigo 62.3º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

b) As retribucións ou complementos de carácter persoal que teñan recoñecidos.

c) Aquelas compensacións económicas que se puidesen determinar para o persoal administrativo do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Artigo 22º.-Da porcentaxe de postos reservados á segunda actividade.

A consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos determinará, na súa relación de postos de traballo, segundo dispoñibilidades de persoal e orzamentarias, os postos reservados á segunda actividade, que en ningún caso superarán o 5% do total dos postos do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Capítulo IV

Réxime das actuacións do servizo

Sección primeira

Das funcións de control

Artigo 23º.-Das funcións de xestión e inspectora.

O Servizo de Gardacostas poderá actuar tanto en funcións de xestión, comprobando e verificando as actividades dos particulares sen prexuízo das competencias atribuídas nesta materia a outros órganos administrativos, como en funcións de inspección e investigación, someténdose na súa actuación aos límites propios de cada unha destas funcións consonte a lexislación vixente.

Artigo 24º.-Das actuacións no exercicio da función inspectora.

A función inspectora terá por obxecto velar polo cumprimento da legalidade vixente nas fases de produción, extracción, manipulación, distribución e comercialización dos produtos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas, mediante o exercicio das funcións administrativas de investigación, realización de actuacións de obtención de información, comprobación dos datos exixidos para a obtención de beneficios, incentivos, axudas e subvencións en materias competencia da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, información aos administrados con motivo das actuacións inspectoras sobre os seus dereitos e obrigas e as demais que se establezan noutras disposicións ou que se lles encomenden as autoridades competentes. Para tal fin poderán ins

peccionar embarcacións, vehículos, establecementos de acuicultura en terra ou mar, lonxas ou centros de venda, industrias transformadoras, transportes, establecementos comerciais e de hostalaría, instalacións portuarias, especialmente os que funcionen sen as autorizacións preceptivas, sen prexuízo das competencias doutras consellerías.

Artigo 25º.-Dos tipos de actuacións inspectoras.

A actuación dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia no exercicio das súas funcións inspectoras desenvolverase principalmente mediante:

a) Inspeccións ou actuacións de presenza física nas dependencias ou lugares onde se desenvolvan actividades sobre as que a consellería competente en materia de pesca y asuntos marítimos teña atribuídas competencias.

b) Citacións e requirimentos.

c) Exame da documentación, libros ou outro tipo de soporte documental relacionada coa súa actividade.

d) Declaración das persoas interesadas ou denunciantes, non estando obrigados a revelar a identidade das denunciantes que desexen permanecer no anonimato.

e) Datos e antecedentes que afecten o asunto ou o inspeccionado obtidos doutras persoas ou entidades.

f) Datos ou informes obtidos doutros organismos, administracións ou entidades.

g) Cantos datos, informes ou antecedentes poidan procurarse legalmente.

Artigo 26º.-Das visitas da inspección.

Os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia, poderán en calquera momento realizar visitas a todas aquelas empresas, actividades e establecementos de calquera tipo dedicados a materias propias da consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos, para a práctica das súas funcións, sen necesidade de comunicación previa.

Cando no exercicio das actuacións inspectoras sexa necesario entrar no domicilio constitucionalmente protexido do administrado requirirase o seu consentimento ou, no seu defecto, a oportuna autorización xudicial.

Durante a visita, os membros do Servizo de Gardacostas poderán:

a) Inspeccionar o local e as súas dependencias, realizando as verificacións e comprobacións que procedan.

b) Solicitar a exhibición da documentación, libros e rexistros que o administrado teña a obriga legal de levar e teñan relación co obxecto da investigación,

a fin de examinalos e obter as copias ou reproducións necesarias, con independencia do soporte que as conteña.

c) Solicitar declaración, datos ou antecedentes da persoa titular, responsable ou representante da empresa ou actividade, e acadar información dos empregados ou clientes sobre cuestións relacionadas co obxecto da inspección, cando exista a obriga legal de facilitalos.

d) Realizar medicións, tomar mostras, facer fotos, filmacións ou gravacións co fin de deixar constancia do lugar, obxecto ou circunstancias da inspección, procurando preservar, no posible, a eventual intimidade dos espazos obxecto da filmación ou gravación.

Os funcionarios actuantes deberán informar a persoa responsable do establecemento, actividade, empresa ou dependencia da finalidade da visita e recoller na acta a eventual negativa do suxeito responsable a que se practique a inspección.

Para os efectos do previsto no artigo 11.a.1 da Lei 8/2004, do 30 de xullo, de protección, control, infraccións e sancións en materia marítimo-pesqueira de Galicia, poderá entenderse como obstrución aos labores de inspección toda conduta que atrase ou dificulte a entrada no local ou establecemento que se vai inspeccionar, así como a que dilate ou entorpeza a función inspectora, non entendéndose como tal a demora ou dilación implícitas no dereito do administrado a solicitar autorización xudicial.

Artigo 27º.-Das citacións.

Os membros do Servizo de Gardacostas poderán efectuar citacións a fin de que as persoas titulares ou representantes legais das empresas, actividades ou establecementos de calquera tipo comparezan no lugar que se sinale, para os efectos de facilitar o desenvolvemento da función inspectora, achegar a documentación precisa e canta información sexa necesaria.

A citación, que poderá realizarse no momento da inspección mediante o levantamento dunha acta ou por escrito redactado para o efecto, deberá conter, como mínimo:

a) O lugar, o día e a hora da comparecencia.

b) Obxecto da comparecencia.

c) Documentación, informes ou datos que deberá presentar.

d) Identificación do membro do servizo que realiza a citación.

A incomparecencia á citación poderá entenderse como obstrución aos labores de inspección, debendo facer constar tal extremo na citación.

A citación será fixada polo membro do Servizo de Gardacostas procurando, sen menoscabo do labor inspector, a compatibilidade da citación coas obrigas

laborais ou profesionais da persoa citada, que poderá acudir acompañada das que asesoren, debendo estas acreditar a súa condición ante o membro do Servizo de Gardacostas.

Cando a persoa que compareza o solicite, faráselle entrega dun certificado acreditativo dela, expedido polo membro do Servizo de Gardacostas ante o que realizou a comparecencia.

Artigo 28º.-Requirimentos.

Os membros do Servizo de Gardacostas no exercicio das súas funcións están facultados para requirir dos interesados ou interesadas a presentación ou remisión de documentos ou a execución das actuacións necesarias para o esclarecemento dos feitos obxecto de inspección ou control.

O incumprimento do requirimento poderá entenderse como obstrución aos labores de inspección, debendo facer constar tal extremo no requirimento.

Cando da actuación levada a cabo polos membros do Servizo de Gardacostas resultasen simples inobservancias de exixencias ou requirimentos facilmente responsables, das que non deriven danos ou prexuízos inmediatos para os cidadáns, os recursos ou o medio mariño, poderáselles requirir ás persoas titulares ou representantes da empresa, vehículo, embarcación ou calquera outro tipo de establecemento a súa reparación co fin de acadar a súa efectiva adecuación á normativa vixente.

Neste último caso, o requirimento deberá recoller obrigatoriamente as anomalías, deficiencias ou irregularidades observadas, con indicación de prazo para a súa emenda e con apercibimento de que no caso de non atender o requirimento procederase ao levantamento da correspondente acta de infracción.

O requirimento farase por calquera medio que permita deixar constancia del.

Sección segunda

Da documentación das actuacións no exercicio

da función inspectora

Artigo 29º.-Dos tipos de documentos.

As actuacións dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia documentaranse en actas, comunicacións, dilixencias e informes.

Tales documentos só son de obrigada formalización polos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia, nos termos establecidos neste decreto.

Artigo 30º.-Das actas.

1. As actas son documentos que redacta o funcionariado do Servizo de Gardacostas en que se recolle o resultado da función inspectora de vixilancia e verificación do cumprimento das disposicións e normativa en materia marítimo-pesqueira durante as visitas de inspección. Os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia estarán obrigados a levantar

acta de todas e cada unha das actuacións que desenvolvan, con independencia de se a actuación pode derivar na apertura ou non dun expediente sancionador.

2. A acta deberá conter como mínimo, os seguintes datos:

a) Identificación do buque, vehículo, empresa, entidade ou organismo obxecto da actuación.

b) Identificación das persoas responsables obxecto da actuación.

c) Breve descrición dos feitos.

d) Breve descrición da actuación.

e) Indicación do lugar, ano, mes, día e da hora de comezo e final da actuación.

f) Identificación dos ou das axentes actuantes mediante o seu número.

g) Medidas adoptadas como consecuencia da presunta infracción.

3. Mediante orde establecerase o modelo de acta, que poderá recoller outros aspectos, ademais dos contidos no parágrafo anterior.

4. As actas levantadas teñen natureza de documentos públicos e fan proba dos feitos que motiven a súa formalización, agás que se acredite o contrario.

5. No caso de actuacións que supoñan a inspección dunha colectividade redactarase unha acta única da actuación levada a cabo, sen prexuízo de levantar un acta individual naqueles supostos de infracción.

6. No suposto de que do levantamento dunha acta derive a apertura dun expediente sancionador, os ou as axentes actuantes emitirán un informe ampliatorio e aclaratorio dos feitos e circunstancias da actuación, no prazo dunha semana, logo de ser requiridos polo instrutor ou instrutora do expediente.

7. As actas levantaranse en presenza da persoa obxecto da actuación, agás naqueles supostos de actas levantadas polos membros do Servizo de Gardacostas que vaian a bordo dunha aeronave ou helicóptero, da concorrencia de condicións climatolóxicas adversas ou circunstancias similares, ou en situacións de alteración da orde pública ou de perigo para a integridade dos membros do servizo. Nelas poderán recollerse as incidencias que eventualmente se produzan con ocasión da entrada e rexistro, particularmente que a persoa que franquea o acceso presta o seu consentimento expreso ou tácito, cando se trate de espazos ou lugares que o requiren, e sucintamente as manifestacións que realice a persoa obxecto da inspección, sen prexuízo da súa ulterior precisión mediante escrito separado se o xulga oportuno para a defensa dos seus intereses.

8. As actas serán asinadas polo membro do Servizo de Gardacostas actuante e da persoa coa que se entendan as actuacións. O asinamento da acta acreditará o coñecemento do seu contido e en ningún

caso suporá a súa conformidade, agás cando así o recoñeza expresamente a persoa interesada.

9. Das actas redactadas entregarase sempre un exemplar á persoa coa que se entendan as actuacións. No suposto de que esta se negue a asinar ou recibir a acta ou que non sexa posible a entrega, farase constar tal extremo nela.

Artigo 31º.-Das comunicacións.

Son comunicacións os medios documentais mediante os que os membros do Servizo de Gardacostas se relacionan unilateralmente con calquera persoa, no exercicio das súas funcións.

Nas comunicacións poderase poñer os feitos ou circunstancias en coñecemento das persoas interesadas nas actuacións, así como realizar a estas as citacións ou efectuar os requirimentos que procedan.

Artigo 32º.-Dilixencias.

Son dilixencias os documentos que redactan os membros do Servizo de Gardacostas no curso do procedemento de actuación para facer constar calquera feito, circunstancia ou manifestación con relevancia para a actuación.

As dilixencias teñen natureza de documento público e constituirán a proba dos feitos que motiven a súa formalización, agás que se acredite o contrario.

As dilixencias serán asinadas polos membros do Servizo de Gardacostas actuantes e pola persoa coa que se entendan as actuacións. Se esta se nega a asinar a dilixencia farase constar tal circunstancia. Cando a natureza das actuacións recollidas na dilixencia non requira a presenza de ningunha persoa, a dilixencia será asinada unicamente polos membros do Servizo de Gardacostas.

Das dilixencias que se redacten entregarase sempre un exemplar á persoa coa que se entendan as actuacións. Se se negase a recibilo, remitiráselle por calquera dos medios legalmente admitidos.

Artigo 33º.-Informes.

Os membros do Servizo de Gardacostas, de oficio, por petición dos superiores xerárquicos ou do instrutor ou instrutora dos procedementos sancionadores están obrigados á emisión de informes sobre as actuacións levadas a cabo, nos cales obrigatoriamente deberán constar a identidade das persoas actuantes, os suxeitos da actuación, os feitos, as conclusións da actuación, así como calquera aclaración ou complemento da actuación desenvolvida.

Sección terceira

Da función preventiva e paliativa

Artigo 34º.-Da función preventiva e paliativa.

No exercicio da función preventiva e paliativa os membros do Servizo de Gardacostas estarán obrigados:

a) A solicitar, valorar e transmitir aos seus superiores xerárquicos cantas informacións e datos sexan

de interese para protexer e preservar a vida, os bens, o medio natural, os recursos e a súa explotación racional.

b) A realizar sen demora as actuacións que procedan para auxiliar as persoas que se atopen en situación de risco ou demanden a súa axuda, para asegurar a conservación dos bens e recursos que se atopen en perigo de perda ou deterioración, adoptando cantas medidas sexan necesarias para protexelos.

c) A realizar cantas actuacións sexan necesarias para previr e, se é o caso, minorar ou remediar, situacións de contaminación mariña accidental procedente de terra ou do mar que poidan afectar o medio mariño ou os recursos pesqueiros, marisqueiro e acuícolas.

d) A manter nas mellores condicións de uso os medios destinados pola Administración autonómica para a loita contra a contaminación, constatando, así mesmo, a vixencia e operatividade dos plans de continxencia para facer fronte a episodios contaminantes que teñan aprobados as industrias, establecementos ou axentes con risco potencial de producir contaminación.

e) A prestar a súa colaboración ás institucións e servizos públicos, especialmente para restablecer a normalidade en situacións de catástrofe, podendo realizar temporalmente, nestes casos, funcións propias doutros servizos alleos ao seu ámbito de actuación, sen que isto supoña asumir as súas competencias.

Disposicións adicionais

Primeira.-A consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos habilitará, en virtude de resolución do seu conselleiro, como persoal de apoio as persoas contratadas para tripular as embarcacións, conducir os vehículos ou pilotar os helicópteros.

Os informes elaborados por este persoal deberán entregarse no prazo máximo de dous días á xefatura da unidade á que estea adscrito o medio utilizado, quen será a responsable de tramitala.

Este persoal será, sempre e en todo caso, citado en todos os expedientes nos que figure a súa intervención.

O persoal habilitado non estará sometido ao réxime laboral e retributivo do persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia, senón ao que se determine no contrato asinado para o efecto.

Segunda.-A consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos promoverá que os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia obteñan a formación necesaria para cumprir as súas funcións de conformidade cos programas de formación que para este colectivo se establezan.

Terceira.-A consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos promoverá o cumprimento e adopción de todas aquelas medidas necesarias para garantir o cumprimento da normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais no exercicio das funcións establecidas neste decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Integración do persoal do Servizo de Protección de Recursos.

1. Condicións para as integracións.

O funcionariado adscrito ao extinguido Servizo de Protección de Recursos poderá, no prazo de tres meses desde a entrada en vigor deste regulamento, optar por integrarse nas escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia, sempre que cumpran algunha das seguintes condicións:

1.-Os funcionarios ou funcionarias pertencentes á escala de Inspección Pesqueira, grupo A, poderán optar por integrarse na escala técnica do Servizo de Gardacostas de Galicia, grupo A.

2.-Os funcionarios ou funcionarias pertencentes á escala técnica de Vixilancia Pesqueira, grupo B, poderán optar por integrarse na escala executiva do Servizo de Gardacostas de Galicia, grupo B, ou poderán optar pola súa integración na escala técnica do Servizo de Gardacostas de Galicia, grupo A, sempre que no momento da entrada en vigor da Lei 2/2004, do 21 de abril, tivesen a titulación exixida e contasen cunha antigüidade no Servizo de Protección de Recursos de, polo menos, cinco anos.

3.-Os funcionarios ou funcionarias pertencentes á escala de Subinspección Pesqueira, grupo C, e a escala de titulados náutico-pesqueiros de Vixilancia Pesqueira, grupo C, poderán optar por integrarse na escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, grupo C, ou poderán optar pola súa integración na escala executiva do Servizo de Gardacostas de Galicia, grupo B, sempre que á entrada en vigor da Lei 2/2004, do 21 de abril, tivesen a titulación exixida e contasen cunha antigüidade no Servizo de Protección de Recursos de, polo menos, cinco anos.

4.-Os funcionarios ou funcionarias pertencentes á escala básica de Vixilancia Pesqueira, grupo D, poderán optar pola súa integración na escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, grupo C, sempre que no momento da entrada en vigor da Lei 2/2004, do 21 de abril, tivesen a titulación esixida.

2. Solicitudes e resolucións de integración.

A solicitude de integración realizarase a través de escrito dirixido á Dirección Xeral da Función Pública en que, de acordo coa súa escala de pertenza, a persoa solicitante manifeste a opción que elixe

entre as enumeradas no punto anterior, acreditando, de ser o caso, a titulación requirida.

Sen prexuízo do anterior, no caso de que, pola pertenza á súa escala de orixe e polas súas particulares condicións, a persoa solicitante considere que reúne os requisitos para poder integrarse en máis dunha das novas escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia, poderá, na súa solicitude, facer constar tal circunstancia, establecendo a orde de preferencia das opcións que considera poder exercer.

Recibida a solicitude, e logo da instrución do correspondente expediente administrativo, ditarase resolución motivada na cal, en caso de que proceda, se acorde a integración solicitada, ou, de non ser así, se denegue. No primeiro destes supostos, redactarase a correspondente dilixencia no título administrativo do funcionario ou funcionaria.

Só serán tidas en conta as opcións que expresamente se exerzan nas solicitudes, dentro do prazo fixado no punto primeiro. De non resolverse favorablemente estas, procederase de acordo co disposto no punto cuarto.

3. Permanencia do persoal integrado no Servizo de Gardacostas de Galicia nos seus postos de traballo.

A integración dos funcionarios ou funcionarias, de conformidade cos puntos anteriores no Servizo de Gardacostas de Galicia, non implicará a perda dos postos de traballo que viñesen ocupando, que seguirán desempeñando nas mesmas condicións en canto á súa forma de provisión, realizando as funcións inherentes á súa nova escala de pertenza.

Sen prexuízo do anterior, a consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos poderá propoñer a adaptación das súas relacións de postos de traballo ás necesidades de organización e funcionamento do Servizo de Gardacostas de Galicia.

4. Persoal non integrado no Servizo de Gardacostas de Galicia.

Os funcionarios ou funcionarias que non exerzan a súa opción de integración no prazo sinalado no punto primeiro ou aos que lles fose denegada a integración solicitada, quedarán integrados no corpo de Administración xeral da Xunta de Galicia correspondente ao seu grupo de pertenza.

A citada integración farase efectiva coa obtención por parte do persoal afectado dun posto de traballo reservado á Administración xeral por algún dos sistemas de provisión previstos na Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia. Producida esta circunstancia, redactarase a correspondente dilixencia no título administrativo do funcionario ou funcionaria.

Mentres non se produza a efectividade da integración do citado persoal no corpo de Administración xeral que lles corresponda, seguirán desempeñando

os postos de traballo aos que estivesen adscritos, coas funcións a estes postos inherentes.

5. Persoal da escala básica de Vixilancia Pesqueira.

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores e de conformidade co previsto na disposición transitoria segunda da Lei 2/2004, do 21 de abril, os funcionarios ou funcionarias da escala básica de Vixilancia Pesqueira do Servizo de Protección de Recursos, grupo D, que non poidan optar pola súa integración na escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, grupo C, manterán o seu dereito a integrarse nela durante un período de cinco anos desde a entrada en vigor da citada lei.

Durante este período transitorio, en que seguirán desempeñando os postos de traballo aos que estivesen adscritos, coas funcións a estes postos inherentes, os ditos funcionarios ou funcionarias poderán elixir entre:

a) Optar pola súa integración na escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, grupo C, sempre que acrediten ter a titulación exixida. Neste caso procederase de conformidade co establecido no punto segundo.

b) Obter un posto de traballo reservado ao corpo auxiliar de Administración xeral da Xunta de Galicia, grupo D, de acordo co previsto no punto cuarto e cos efectos que nel se sinalan.

Transcorrido o período citado, o funcionariado da escala básica de Vixilancia Pesqueira do Servizo de Protección de Recursos, grupo D, que non exercese a súa opción de integración ou aquel ao que, solicitándoa, lle fose denegada, quedarán integrados, en todo caso, no corpo auxiliar de Administración xeral da Xunta de Galicia, grupo D, de acordo co previsto no punto cuarto e cos efectos que nel se sinalan.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango que contradigan o disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de pesca para ditar as disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de maio de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos