DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Martes, 19 de xullo de 2005 Páx. 12.809

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

A Lei estatal 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, configurou os centros especiais de emprego como unidades produtivas que, participando regularmente no mercado, teñen como finalidade primordial a integración laboral das persoas con discapacidade, así como a prestación dos servizos de axuste persoal e social que estes traballadores requiran.

Posteriormente, en virtude das competencias que con carácter exclusivo ten asumidas a Comunidade Autónoma de Galicia no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía en materia de asistencia social, aprobouse a Lei autonómica 4/1993, do 14 de abril, que veu ordenar e estruturar o sistema integrado de servizos sociais da Comunidade Autónoma de Galicia, englobando os centros especiais de emprego como equipamentos propios dos servizos de atención especializada dirixidos a persoas con discapacidade.

Por outra banda, a citada norma estatal está desenvolvida por medio do Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, que establece, entre outros aspectos, que a creación destes centros exixe a súa inscrición nun rexistro administrativo dependente da Administración xeral do Estado ou da correspondente comunidade autónoma, segundo o ámbito competencial, e o artigo 32.3º da Lei 4/1993, do 14 de abril, tamén prescribe de que todas as entidades prestadoras de servizos sociais haberán de estar inscritas, con carácter previo ao inicio das súas actividades nun rexistro administrativo creado para o efecto.

Por medio do Real decreto 1928/1984, do 12 de setembro, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia da Unidade Administradora do Fondo Nacional de Protección ao Traballo, transferíronse á nosa comunidade autónoma as funcións e servizos inherentes ás competencias estatutariamente asumidas en materia de centros especiais de emprego, atribuíndoselle o seu exercicio á consellería competente en materia de traballo polo Decreto 168/1984, do 15 de novembro.

As sucesivas consellerías competentes nesta materia xestionaron o Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego aplicando substancialmente o Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, poñéndose de manifesto co transcurso do tempo a necesidade de complementar as súas previsións mediante unha norma que regule a organización e funcionamento daquel, para conseguir unha maior eficacia na prestación do servizo público.

Aspectos como o procedemento para a declaración de centros sen ánimo de lucro e de cancelación da inscrición no rexistro, que requiren unha regulación completa e actualizada; xunto coa conveniencia de

recompilar nunha norma a experiencia da práctica administrativa consolidada e introducir as novas tecnoloxías na súa xestión, aconsellan complementar a normativa actual regulando a organización e funcionamento do Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xullo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e adscrición do rexistro.

1. O presente decreto ten por obxecto a regulación da autorización e inscrición nun rexistro administrativo especial dos centros especiais de emprego. Este rexistro estará adscrito á dirección xeral con competencia en materia de relacións laborais.

2. Os centros especiais de emprego están incardinados como equipamentos propios dos servizos sociais de atención especializada na área de actuación das persoas con discapacidade, no marco da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais.

Artigo 2º.-Concepto de centro especial de emprego.

1. Os centros especiais de emprego son aqueles que realizan un traballo produtivo, participando regularmente nas operacións do mercado e tendo por finalidade o asegurar un emprego remunerado e a prestación dos servizos de axuste persoal e social que requiran os seus traballadores con discapacidade, á vez que sexa un medio de integración do maior número de persoas con discapacidade ao réxime de traballo normal.

A súa estrutura e organización debe axustarse aos das empresas ordinarias, sen prexuízo da súa función social e peculiares características. O seu cadro de persoal estará constituído polo maior número de traballadores con discapacidade que permita a natureza do proceso produtivo. En todo caso, como mínimo, o 70 por 100 do cadro de persoal estará constituído por traballadores con discapacidade, sen que se computen para estes efectos o persoal dedicado á prestación de servizos de axuste persoal e social.

2. Consonte a Lei de integración social dos minusválidos e a normativa reguladora da relación laboral de carácter especial destes traballadores nos centros especiais de emprego, e para os efectos previstos no presente decreto, consideraranse como traballadores con discapacidade, aquelas persoas que teñan recoñecido polo órgano competente un grao de minusvalidez igual ou superior ao 33 por cento.

Capítulo II

Autorización e inscrición dos centros especiais

de emprego

Artigo 3º.-Requisitos para súa posta en funcionamento.

1. A posta en funcionamento ou o recoñecemento dos centros especiais de emprego requirirá autoriza

ción administrativa e inscrición no rexistro administrativo especial, que será outorgada pola dirección xeral competente en materia de relacións laborais logo de solicitude do interesado e acreditación do cumprimento dos requisitos establecidos na normativa vixente.

2. Os centros poderán ser creados por administracións públicas ou por persoas físicas, xurídicas ou comunidades de bens, que teñan capacidade xurídica e de obrar para ser empresarios. A creación dun novo centro de traballo por titulares de centros que figurasen inscritos, requirirá a súa autorización e inscrición a través do procedemento previsto neste decreto.

A posta en funcionamento ou recoñecemento de centros especiais de emprego creados pola Administración local requirirá autorización administrativa nos termos previstos neste decreto. A documentación prevista na letra a) do número 1 do artigo 5º substituirase por certificación expedida polo secretario da entidade local, onde consten os acordos de creación do centro e de solicitude da autorización.

Artigo 4º.-Requisitos para a autorización e inscrición.

1. Poderán ser autorizados como centros especiais de emprego aqueles centros de traballo que cumpran os seguintes requisitos:

a) Acreditar a personalidade do titular do centro.

b) Xustificar mediante o oportuno estudo económico as posibilidades de viabilidade e subsistencia do centro, para o cumprimento dos seus fins.

c) O seu cadro de persoal debe estar constituído por traballadores con discapacidade, en número non inferior ao previsto no artigo 2, con contrato laboral formalizado por escrito conforme a normativa reguladora da relación laboral de carácter especial.

d) Prever a integración do persoal técnico e de apoio coa titulación profesional adecuada que a actividade do centro precise, no seu cadro de persoal.

2. Deberán acreditarse así mesmo as seguintes circunstancias:

a) A adecuación das persoas con discapacidade que integren o cadro de persoal e dos postos de traballo, determinando as súas posibilidades de integración real e capacidade de traballo.

b) O centro deberá contar cunha estrutura e organización empresarial propia, independente e debidamente diferenciada doutras actividades do titular ou de persoas vinculadas por calquera título a este.

Artigo 5º.-Procedemento.

1. O titular do centro poderá solicitar a autorización e inscrición como centro especial de emprego, mediante solicitude dirixida á dirección xeral competente en materia de relacións laborais, que poderá presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada da escritura de constitución ou documento fundacional do titular debidamente inscrito no rexistro público correspondente e DNI do representante legal para as persoas xurídicas, ou DNI no caso de persoas físicas.

b) Fotocopia compulsada da alta na seguridade social como empresa.

c) Memoria e estudo económico sobre as posibilidades de viabilidade e subsistencia do centro, que deberá especificar os seguintes extremos:

-Obxectivos e actividades que desenvolve o centro.

-Características e circunstancias organizativas e materiais, explicitando todos os recursos que contribúan ao sostemento do centro.

-Resultados económicos previstos para o exercicio corrente e os cinco seguintes, con detalle das estimacións realizadas.

-Previsións de integración do persoal técnico e de apoio.

d) Certificación relativa aos centros de traballo para os que se solicita a cualificación, especificando a súa localización, actividade e relación nominal do cadro de persoal do centro, indicando se se trata de traballadores con discapacidade. No caso de existir persoal dedicado a prestación de servizos de axuste persoal e social, deberán identificarse e detallar o labor que realizan.

e) Contratos de traballo do persoal con discapacidade, segundo o modelo oficial establecido pola normativa específica.

f) Resolución motivada dos equipos de valoración na que se determinen as posibilidades de integración real e capacidade de traballo do persoal con discapacidade en relación coas funcións do posto de traballo.

g) Xustificante de pagamento de taxas por inscrición en rexistros oficiais.

2. O procedemento instruirase e resolverase segundo o previsto na normativa do procedemento administrativo común. Poderase requirir do solicitante a información ou documentación adicional que teña unha especial relevancia para a resolución do procedemento.

Así mesmo, e no caso de considerarse necesario, na fase de instrución do expediente poderase solicitar informe á inspección de traballo e seguridade social sobre todos aqueles extremos que podan incidir na autorización como centro especial de emprego.

Artigo 6º.-Resolución e efectos.

1. O procedemento de autorización finalizará por medio de resolución do titular da dirección xeral competente en materia de relacións laborais, pola que se autorice ou se denegue a inscrición como centro especial de emprego no rexistro administrativo, que deberá ser notificada no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte á data de entrada da solicitude no rexistro da devandita dirección xeral. Contra a resolución, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada. Transcorrido o devandito prazo sen que fose notificada resolución expresa, o interesado poderá entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. A autorización e inscrición no rexistro non levará aparellado a obtención de subvencións, axudas ou calquera tipo de compensacións económicas públicas, se ben será requisito indispensable para o acceso a elas.

A inscrición lexitima o titular para solicitar as axudas previstas para este tipo de centros, pero non supón en modo ningún compromiso de concesión, para o que será necesario que reúna os requisitos previstos na normativa reguladora das referidas axudas.

3. As autorizacións caducarán polo transcurso dun ano, desde a súa concesión, no caso de non se iniciaren as actividades neste prazo.

Artigo 7º.-Novas autorizacións e comunicacións.

1. A inscrición de novos centros creados por titulares que conten con algún outro xa inscrito, requirirá autorización do titular da dirección xeral competente en materia de relacións laborais. Coa solicitude deberá acompañarse a documentación indicada no artigo 5º, agás aquela que xa conste no rexistro.

2. Requirirá, así mesmo, autorización expresa a ampliación ou cambio de actividades, o cambio de localización do centro de traballo, ou calquera outra circunstancia que altere significativamente as condicións de cualificación iniciais.

Coa solicitude deberá presentarse memoria explicativa dos cambios efectuados, que xustifique o cumprimento dos requisitos necesarios para manter a autorización como centro especial de emprego, achegando a documentación acreditativa, de ser o caso.

3. Todas as autorizacións tramitaranse e resolveranse polo procedemento indicado nos anteriores artigos, en canto resulte procedente, resultando precisa a xustificación do pagamento das taxas por modificación da primeira inscrición en rexistros oficiais.

4. Os titulares de centros especiais de emprego deberán comunicar ao rexistro administrativo calquera circunstancia que altere as condicións de autorización no prazo máximo dun mes desde que se produzan, en especial ás que poidan ser causa de descualificación do centro ou de cancelación do recoñecemento da carencia de ánimo de lucro. As variacións no cadro de persoal que non diminúan a porcentaxe inicial de traballadores con discapacidade ocupados serán obxecto de comunicación a través da memoria anual.

5. Así mesmo e nos termos previstos na normativa especifica, os referidos titulares deberán comunicar ao rexistro administrativo a realización de enclaves laborais, remitindo os contratos subscritos e as súas prórrogas.

O rexistro fará constar na correspondente folla de inscrición a existencia e características dos enclaves laborais, e dará traslado da documentación recibida á Inspección de Traballo e Seguridade Social para a emisión do informe de control.

Artigo 8º.-Memoria anual.

1. No prazo de catro meses a partir do peche do exercicio económico, os titulares dos centros especiais de emprego deberán presentar unha memoria anual comprensiva dos seguintes extremos:

a) Identificación dos centros: titularidade, localización, actividade principal e complementaria, así como as características dos enclaves laborais no caso de que existan.

b) Composición do cadro de persoal de cada centro, especificando os traballadores con discapacidade e as altas e baixas producidas durante o exercicio.

c) Documentación económica: liquidación do orzamento, balance de situación, conta de explotación e proxecto de orzamento do exercicio seguinte.

d) Cumprimento dos obxectivos económicos e de axuste persoal e social.

e) Os centros sen ánimo de lucro deberán achegar as contas anuais do seu titular e certificación da súa aprobación pola asemblea xeral ou órgano equivalente, coas sinaturas lexitimadas notarialmente, que conteña o acordo referido á distribución ou imputación de resultados do centro. A devandita certificación debera facer constar, así mesmo, a transcrición literal das modificacións estatutarias e outros acordos sociais do titular que poidan afectar ao recoñecemento como centro sen ánimo de lucro, ou a inexistencia deles se é o caso.

2. Os titulares de centros con ánimo de lucro que non recibiran subvencións, axudas ou outro tipo de compensacións económicas das administracións públicas, calquera que sexa a súa natureza, non virán obrigados a incluír as letras c) e d) anteriores na memoria anual.

3. O incumprimento da presentación da memoria anual poderá ser causa de descualificación e cancelación da inscrición no rexistro, que se tramitará conforme o previsto no seguinte artigo.

Artigo 9º.-Cancelación da inscrición.

1. A autorización administrativa poderá ser revogada por algunha das seguintes causas:

a) Perda dos requisitos ou variación substancial das circunstancias necesarias para a cualificación como centro especial de emprego.

b) Inactividade durante máis dun ano.

c) Incumprimento das obrigas previstas legalmente, en particular a de presentación da memoria anual.

d) Incumprimento das obrigas derivadas da concesión de axudas, subvencións ou calquera tipo de compensacións económicas das administracións públicas.

2. A cancelación da inscrición por cesamento voluntario da actividade requirirá autorización previa, que deberá ser solicitada expresamente polo titular do centro.

3. O expediente de cancelación iniciarase de oficio ou por instancia de parte e tramitarase e resolverase consonte as normas reguladoras do procedemento administrativo común, se ben deberá emitir informe preceptivo á Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Se a resolución acordase a cancelación, practicarase o correspondente asento no rexistro administrativo e pecharase a súa folla rexistral.

3. Será órgano competente para acordar a cancelación o titular da dirección xeral competente en materia de relacións laborais e a súa resolución poderá ser obxecto de recurso de alzada.

Capítulo III

Centros sen ánimo de lucro

Artigo 10º.-Centros sen ánimo de lucro.

1. Poderán ser recoñecidos como centros especiais de emprego sen ánimo de lucro aqueles cuxa titu

laridade corresponda a algunha das seguintes persoas xurídicas:

a) Cooperativas de carácter non lucrativo.

b) Sociedades de responsabilidade limitada nas que a maioría do capital social sexa propiedade dalgunha das entidades sinaladas nas letras a) e c) deste número ou doutras de carácter público, directa ou indirectamente. No caso de sociedades de responsabilidade limitada laborais, poderá admitirse unha menor participación das devanditas entidades, sempre que acade a máxima permitida legalmente.

c) Asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, que contemplen expresamente nos seus estatutos sociais a irrepartibilidade do seu patrimonio, agás a favor de entidades do mesmo carácter.

2. Estes centros deben cumprir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Os seus titulares deben ter como finalidade primordial a integración laboral de persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

b) Os posibles beneficios ou excedentes obtidos da explotación da súa actividade deben reinvestirse na súa totalidade no propio centro ou noutros centros especiais de emprego que carezan de ánimo de lucro.

Artigo 11º.-Recoñecemento e inscrición de centros sen ánimo de lucro.

1. Os titulares de centros de nova creación que carezan de ánimo de lucro poderán instar o recoñecemento desta circunstancia, ao tempo de solicitar a autorización e inscrición como centro especial de emprego, achegando para estes efectos certificación literal dos seus estatutos sociais vixentes, expedida polo rexistro onde figure inscrita a entidade, así como das entidades que participen indirectamente, de ser o caso, e memoria explicativa do destino previsto para os posibles beneficios xerados pola actividade do centro.

2. O recoñecemento da carencia de ánimo de lucro inscribirase no rexistro administrativo e deberá constar na resolución pola que se autorice o centro especial de emprego.

3. A carencia de ánimo de lucro dos centros preexistentes, que figurasen inscritos no rexistro administrativo, poderá recoñecerse logo de solicitude do titular e polo procedemento indicado anteriormente, en canto resulte procedente.

4. O rexistro manterá actualizada unha relación de centros que teñan recoñecida a carencia de ánimo de lucro, no ámbito da comunidade autónoma.

Artigo 12º.-Descualificación como centro especial de emprego sen ánimo de lucro.

1. Producirase a descualificación como centro sen ánimo de lucro, pola perda dos requisitos ou incumprimento das condicións necesarias para a consideración como tal e, en particular, polas seguintes causas:

a) Incumprir a obriga de destinar anualmente os beneficios ou excedentes ao reinvestimento no propio centro ou noutros do mesmo carácter, ou aplicalos a finalidades distintas.

b) As modificacións estatutarias, fusións, absorcións, transformacións e calquera outro acordo social do titular, que alteren as condicións iniciais do recoñecemento, sen que medie autorización expresa da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

2. Poderá ser descualificado, así mesmo, por solicitude expresa do titular do centro.

3. O expediente de descualificación tramitarase consonte o previsto no artigo anterior, en canto resulte procedente.

A resolución que poña fin ao procedemento acordará a descualificación ou o mantemento do recoñecemento da carencia de ánimo de lucro e non implicará necesariamente a cancelación da inscrición como centro especial de emprego. Non obstante, se durante a tramitación do expediente se aprecian causas para a adopción desta última medida, a resolución tamén deberá pronunciarse sobre ela e, de ser o caso, acordar a cancelación cos efectos previstos no artigo anterior.

Capítulo IV

Organización do rexistro

Artigo 13º.-Funcionamento do rexistro.

1. O Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego terá carácter público e levarase por medios informáticos.

2. Asignarase a cada titular un número de inscrición propio e exclusivo, con independencia dos centros creados baixo a súa titularidade e corresponderalle, así mesmo, unha única folla de inscrición, identificada cun número formado polo ordinal que lle corresponda seguido das letras GZ.

3. Na folla de inscrición deberán constar, como mínimo, os seguintes datos:

-Número de folla.

-Identificación do titular: nome ou denominación social, NIF ou CIF e domicilio social.

-Centros de traballo autorizados, expresando a súa localización, actividades económicas e número de traballadores, especificando o de persoas con discapacidade.

-Data da resolución de inscrición inicial, así como das resolucións de autorizacións posteriores, cancelacións e outros asentos, con reseña do seu contido.

-A existencia de enclaves laborais, indicando a empresa colaboradora e centro de traballo, a actividade económica, o número de traballadores con discapacidade ocupados e a data de inicio e finalización.

-A carencia de ánimo de lucro e a data de resolución de recoñecemento, de ser o caso.

4. A consellería facilitará o acceso por vía telemática ao contido básico actualizado do rexistro, para lles proporcionar aos interesados un medio de consulta áxil e eficaz.

Artigo 14º.-Asentos e arquivos.

1. As inscricións, cancelacións e outros asentos practicaranse de forma sucinta, identificando a resolución que as ordena, de ser o caso, e numerándose correlativamente.

2. Con todos os documentos relativos aos centros dun mesmo titular formarase un único expediente que estará incorporado ao arquivo do rexistro, onde figurarán ordenados polo número da folla de inscrición.

3. As inscricións de centros especiais de emprego serán comunicadas ao Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, para a súa toma de razón, cando proceda.

Disposicións adicionais

Primeira.-Aos centros creados polas administracións públicas resultaralles de aplicación o previsto no presente decreto, en canto resulte compatible co seu carácter público.

Segunda.-Respecto de prazos, recursos, comparecencia e representación e demais materias non reguladas expresamente neste decreto rexerá o disposto na normativa especial reguladora dos centros especiais de emprego, na regulación do procedemento administrativo común e demais normas que resulten de aplicación.

Terceira.-Anualmente remitirase ao Comité Autonómico de Emprego unha lista actualizada dos centros especiais de emprego, con ou sen ánimo de lucro, que consten inscritos no rexistro administrativo.

Disposicións transitorias

Primeira.-A presente norma resultará de aplicación aos centros especiais de emprego actualmente inscritos no rexistro administrativo dependente da Dirección Xeral de Relacións Laborais, que se incorporarán de oficio ao novo sistema de rexistro, asignándolle o número de folla de inscrición que lles corresponda segundo a data da súa creación.

Segunda.-Os expedientes en materia de rexistro de centros especiais de emprego, que estean en trámite no momento da entrada en vigor deste decreto, resolveranse de conformidade coas disposicións vixentes no momento da súa iniciación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o titular da consellería competente en materia de relacións laborais para ditar as disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións

Laborais