DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 17 de novembro de 2005 Páx. 18.422

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE PONTEVEDRA

ANUNCIO da aprobación definitiva do Plan Especial de Reforma Interior da unidade de actuación número 1 do Plan Xeral de Ordenación Urbana do camiño da Torre, rúa Francisco Asorey e avenida de Compostela, formulado por Construcuatro, S.A.

O Pleno da Corporación, na sesión que tivo lugar o 26-8-2005, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro.-Prestar aprobación definitiva ao Plan Especial de Reforma Interior da unidade de actuación nº 1 do Plan Xeral de Ordenación Urbana deste termo municipal -polígono delimitado polo camiño da Torre, rúa Francisco Asorey e avenida de Compostela-, formulado, mediante iniciativa particular, por Construcuatro, S.A. e redactado polos arquitectos Eugenio Jiménez Passolas e Gustavo Pérez Álvarez, texto refundido e adaptado á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e a súa modificación Lei 15/2004, do 29 de decembro, con visado da Delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia do 21-7-2004.

Segundo.-Notificar este acto administrativo aos titulares e entidades propietarias afectadas polo ámbito do PERI e demais entidades e organismos interesados co ofrecemento do réxime procedente de recursos, con comunicación á Unidade de Pontevedra da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Fomento e á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda nos termos do artigo 92 Louga, dándoselle traslado a esta última dunha copia autenticada de dous exemplares do instrumento aprobado definitivamente con todos os planos e documentos que integran o plan sobre os que recaese o acordo de aprobación definitiva, debidamente dilixenciados pola Secretaría Xeral do Concello, facendo constar a dita circunstancia.

Terceiro.-Dispoñer a publicación de anuncio do acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia facendo constar a remisión da documentación á consellería, e a publicación do documento que conteña a normativa e as ordenanzas no BOP para lograr a súa eficacia e executividade, de acordo co establecido na lexislación de réxime local, concretamente artigos 70.2º e 65 LRBRL.

Cuarto.-Facer constar que consonte co informe da Unidade de Pontevedra da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Fomento, o proxecto de urbanización terá que ter informe dese organismo e deberá recoller que a iluminación dos tramos de estrada, se é o caso, deberá deseñarse e executarse conforme as recomendacións para a iluminación de estradas e tuneis publicadas polo Ministerio de Fomento do 1999, que se deberán deseñar os sistemas de recollida e evacuación de

augas de maneira que a urbanización non leve caudais de escorrentía aos elementos da drenaxe da estrada, e que, así mesmo, prevexa recollida e evacuación dos caudais procedentes dos sistemas de drenaxe da propia estrada interceptados polas accións urbanizadoras en desenvolvemento do planeamento e que calquera obra ou instalación tanto no dominio público da estrada, como no ámbito da zona de afección que se pretenda realizar deberá obter previamente autorización por parte do Ministerio de Fomento, e en concreto o proxecto de urbanización que ordene a franxa comprendida entre a edificación e a estrada deberá ser obxecto de autorización; en ningún caso se poderán establecer na zona de dominio público aparcamentos contiguos á plataforma da estrada, prohibindo o artigo 24.1º da Lei 25/1988, do 29 de xullo, de estradas a realización de publicidade visible desde a zona de dominio público da estrada, sen prexuízo do disposto na sección 5ª do Regulamento relativo a rótulo e anuncios, e as

competencias municipais nos tramos urbanos e por elemento funcional ao servizo da estrada enténdese o definido no artigo 21.2º desa Lei de estradas.

Faise constar expresamente que se remitiu a documentación á que se refire o artigo 92.3º da Lei 9/2002 á CPTOPT, tendo entrada nese organismo en data 8-11-2005.

O que se fai público para a súa executividade, significándose que contra este acto, que esgota a vía administrativa, poderase interpor directamente por aqueles que se consideran lexitimados o recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación do texto íntegro da disposición impugnada, consonte co establecido nos artigos 10.1º 6) e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que os interesados coiden procedente conforme dereito, significándolle que o artigo 107.3º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, de modificación da anterior, non admite a interposición de recursos en vía administrativa contra as disposicións administrativas de carácter xeral.

Pontevedra, 9 de novembro de 2005.

P.D.

Xosé Cesáreo Mosquera Lorenzo

Tte. alcalde delegado da Área de Urbanismo

e Medio Ambiente

Adolfo Castro Pérez

Vicesecretario