DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Mércores, 23 de novembro de 2005 Páx. 18.710

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 21 de novembro de 2005 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigas da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 200 millóns de euros.

Con base no artigo 28 da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, o Consello

da Xunta de Galicia, polo Decreto 2/2005, do 13 de xaneiro, polo que se regula a débeda da Comunidad Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio 2005, autorizou a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos, facultando, así mesmo, o conselleiro de Economía e Facenda para que estableza as condicións das ditas operacións e dite as disposicións necesarias para tal efecto.

Mediante acordos do Consello de Ministros de datas 25 de febreiro e 28 de outubro de 2005, obtívose a autorización establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Emitir débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe de 200 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de obrigas da Xunta de Galicia, representada mediante anotacións en conta, ao abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, coas modificacións introducidas pola Lei 44/2002, do 22 de novembro, de medidas de reforma do sistema financeiro, e da Lei 41/1999, do 12 de novembro, sobre sistemas de pagamento e liquidación de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza a presente orde terá as características que se detallan a seguir:

Importe: 200 millóns de euros.

Data de emisión: 28 de novembro de 2005.

Data de desembolso: 28 de novembro de 2005.

Prezo da emisión: á par, libre de gastos para o subscritor.

Nominal das obrigas: 1.000 euros.

Subscrición: será realizada directamente polas entidades financeiras aseguradoras da emisión, actuando en nome propio ou por conta de terceiras persoas, o día 25 de novembro de 2005.

Cupón: o pagamento do cupón será anual e vencerá o día 30 de novembro de cada ano. Nos casos en que, de acordo coa lexislación vixente, sexa aplicable a devolución da retención practicada nos cupóns desta emisión, será o Banco de España quen xestione o correspondente procedemento, segundo se establece na orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de xuño de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o día 18 de xuño de 2004.

Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública no mercado de débeda pública en anotacións, Iberclear, S.A., na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, de mercado de valores, e nos demais preceptos legais aplicables na materia.

Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.

Amortización: dunha soa vez á par, aos 30 anos da data da emisión.

Tipo de xuro: 4,025%.

Liquidez: as entidades aseguradoras garanten durante a vida da emisión a liquidez das obrigas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2005.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES