DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2006 Páx. 4.547

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 50/2006, do 23 de marzo, de modificación do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 27.29º do seu Estatuto de autonomía, ten a competencia exclusiva en materia de confrarías de pescadores, debendo axustar a súa organización e competencias aos principios e regras básicas establecidas na lexislación do Estado para estas entidades.

No exercicio destas competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, desenvolvida mediante o Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións.

Mediante o presente decreto modifícase o antedito Decreto 261/2002, do 30 de xullo, co fin de mellorar a dinámica dos procesos electorais nestas entidades, vista a experiencia acumulada nestes últimos anos nos que xa se celebraron numerosas eleccións en moitas das confrarías de pescadores galegas. Neste sentido, redúcense algúns prazos do desenvolvemento do proceso electoral recollido na normativa que se vai modificar, e mellórase a actualización anual do censo de afiliados das confrarías, censo que servirá de base para a configuración dos posteriores censos electorais.

Polo exposto, por proposta da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, oídas as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de marzo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións.

O Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións, queda modificado como segue:

Un. O artigo 45 queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 45.-Actualización e aprobación do censo.

1. O censo de afiliados deberá ser actualizado polo cabido da confraría de pescadores no primeiro trimestre de cada ano.

2. Actualizado o censo, exporase publicamente no taboleiro de anuncios da confraría durante un prazo de quince días. Durante o período de información pública os interesados poderán presentar alegacións das que emiritá informe o cabido.

3. Concluído o período de información pública, a xunta xeral da confraría aprobará o censo de afiliados. A aprobación do censo será comunicada á consellería competente en materia de pesca polo secretario da confraría, xunto coa certificación do acordo adoptado pola xunta xeral.

4. Contra o acto de aprobación do censo de afiliados, os interesados poderán, nun prazo de dez días, presentar recurso de alzada perante a/o conselleira/o competente en materia de pesca. A resolución do recurso poñerá fin á vía administrativa».

Dous. O artigo 94 no seu punto 1 queda redactado do seguinte modo:

«Unha vez acordada a celebración de eleccións, no prazo máximo de tres días constituirase a comisión electoral».

Tres. O artigo 95, no seu punto 1, queda redactado do seguinte modo:

«1. A Comisión electoral elaborará as normas e o plan electoral no prazo máximo de cinco días desde a data da súa constitución, e someterao á aprobación do cabido no prazo de tres días, quen o remitirá a consellería competente en materia de pesca para a súa ratificación no prazo de tres días».

Catro. O artigo 96 queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 96.-Censo electoral.

1. Dentro dos dous días naturais seguintes á data da súa constitución, a comisión electoral expoñerá, durante oito días, o censo de afiliados elaborado con anterioridade de acordo co establecido no artigo 45 deste decreto, e que deberá ser facilitado polo secretario dos órganos de goberno da confraría. Durante este prazo, os afiliados poderán efectuar reclamacións sobre a súa inclusión ou exclusión.

2. A comisión electoral deberá resolver as reclamacións no prazo de dous días contados desde a finalización do período de exposición ao público do referido censo. Contra a resolución das reclamacións poderá interpoñerse recurso ante a/o conselleira/o competente en materia de pesca, nun prazo de tres días naturais a partir da notificación. Unha vez resoltas no prazo máximo de tres días as reclamacións en vía administrativa, o censo de afiliados converterase en censo electoral, sen que nun momento posterior se poida impugnar este censo».

Cinco. O artigo 102 no seu punto 1 queda redactado do seguinte modo:

«As candidaturas para participar no proceso electoral presentaranse ante a comisión electoral dentro dos sete días naturais seguintes á publicación do censo electoral definitivo».

Seis. O artigo 103 no seu punto 4 queda redactado do seguinte modo:

«No prazo de tres días naturais desde a proclamación de candidatos, poderase interpoñer recurso de alzada contra o acordo da comisión electoral ante a/o conselleira/o competente en materia de pesca, que resolverá no prazo de tres días. A partir da proclamación definitiva das candidaturas comezará a campaña electoral, que rematará ás cero horas do día inmediatamente anterior á votación».

Sete. O artigo 105 no seu punto 5 queda redactado do seguinte modo:

«As actas serán entregadas, dentro do día seguinte hábil, polo secretario da mesa electoral á comisión electoral e á consellería competente en materia de pesca. As ditas actas serán expostas no taboleiro de anuncios da confraría durante dous días naturais, podéndose nese prazo presentar reclamacións ante a comisión electoral, que resolverá no prazo de dous días. Contra a resolución da comisión electoral, dentro dos dous días seguintes á súa notificación, cabe recurso de alzada perante a/o conselleira/o, que resolverá no prazo de tres días».

Oito. O artigo 106 queda redactado do seguinte modo:

«106.-Proclamación dos membros da xunta xeral.

1. Dentro dos tres días naturais seguintes á resolución dos recursos contra as actas, a comisión electoral proclamará os membros que formarán parte da xunta xeral.

2. Contra o acordo de proclamación efectuado pola comisión electoral, poderase interpoñer, no prazo de tres días naturais, recurso de alzada perante a/o conselleira/o competente en materia de pesca, que resolverá nun prazo de tres días».

Nove. O artigo 107 queda redactado do seguinte modo:

«107.-Constitución da xunta xeral.

Os membros electos das candidaturas tomarán posesión dos seus cargos de vogais da xunta xeral, na súa sesión constitutiva, que terá lugar na sede da confraría no prazo de cinco días desde a súa proclamación».

Dez. O artigo 108 queda redactado do seguinte modo:

«108.-Elección do patrón maior, vicepatrón maior primeiro e segundo e cabido.

1. Na sesión constitutiva da xunta xeral, a mesa electoral será a mesma que a constituída para a elección de vogais da xunta xeral.

2. Os membros da xunta xeral elixirán, por maioría simple en primeira volta, o patrón maior entre os candidatos presentados. No caso de empate, repetiranse as votacións en segunda volta; de manterse aquel, resolverase a favor do de maior antigüidade na confraría, e no caso de persistir o empate, a favor do de maior idade.

3. Elixido o patrón maior, o primeiro suplente da agrupación á que pertenza o patrón maior entrará a formar parte da xunta xeral. A continuación, e no mesmo acto, a xunta xeral elixirá de entre os seus membros os vicepatróns maiores primeiro e segundo e os vogais do cabido, respectando a paridade e proporcionalidade que se estableceu para a xunta xeral.

4. Rematadas as eleccións a patrón maior, vicepatróns e vogais do cabido, e levantada a acta correspondente polo secretario da mesa, esta expoñerase no taboleiro de anuncios da confraría durante dous días naturais, podéndose presentar nese prazo de exposición reclamación ante a comisión electoral que resolverá no prazo de dous días. Contra esa resolución,

e no prazo de dous días desde a súa notificación, caberá interpoñer recurso de alzada perante a/o conselleira/o competente en materia de pesca, que se resolverá nun prazo de tres días.

5. Resoltos os recursos, a comisión electoral procederá á proclamación do patrón maior e vogais do cabido nun prazo de dous días naturais desde a notificación das resolucións».

Disposición transitoria

Aqueles procesos electorais iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto continuarán a súa tramitación de conformidade coa normativa vixente no momento da súa convocatoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira competente en materia de pesca para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de marzo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos