DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 23 de xuño de 2006 Páx. 10.078

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 101/2006, do 8 de xuño, de modificación do Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco.

O Regulamento CEE número 2847/1993, do consello, do 12 de outubro, polo que se establece un réxime de control aplicable á política pesqueira común e as súas posteriores modificacións, fundamentalmente o Regulamento CE número 2846/1998, do consello, do 17 de decembro, así como o Real decreto 2064/2004, do 15 de outubro, polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros, estableceron un novo marco xurídico das relacións nas vendas e adquisición dos produtos pesqueiros, partindo dunha liberalización nos sistemas de comercialización.

A normativa anteriormente citada non recolle a obriga de poxar os produtos da pesca e do marisqueo, e moito menos que a poxa sexa á baixa, mantendo unicamente a obriga de que as transaccións comerciais se formalicen nas lonxas ou centros de venda e se constaten documentalmente, para os efectos de control das descargas e condicións da venda.

O Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco, na súa redacción actual, establece a obriga de poxar todos os produtos da pesca mediante o sistema de poxa á baixa, obriga que na actualidade carece de xustificación, pois limita a posibilidade de empregar para os produtos pesqueiros todas as fórmulas transaccionais de adquisición e venda utilizadas noutros sectores e, ademais, imposibilita a repercusión dos custos de explotación que os produtores teñen que soportar no exercicio da súa actividade, tal e como se pode comprobar cada vez que existe un incremento dos prezos do combustible ou de calquera outra alteración das condicións nas cales se desenvolve o traballo da frota e dos mariscadores ou mariscadoras.

Ante esta situación estímase necesario liberalizar, ao igual que establece a normativa estatal e comunitaria, o sistema de venda, admitindo calquera modalidade de transacción que pola súa vez permita un control estatístico e de produción dos produtos da pesca e do marisqueo.

Así mesmo, establécese a posibilidade de que as entidades de interese colectivo definidas na Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, poidan adquirir os produtos da pesca ou marisqueo nas lonxas ou centros de venda autorizados, o que permitirá a realización e desenvolvemento de proxectos colectivos que redunden en todos os produtores, apostando por darlle valor engadido ao resultado da súa actividade.

De conformidade co anterior, unha vez consultado o sector afectado, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, por proposta da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos e logo de deliberación

do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xuño de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco.

O Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco queda modificado como segue:

Un. O artigo 7 º queda redactado do seguinte modo:

«1. A pesca en fresco e os produtos do marisqueo descargados nos portos e centros de descarga da Comunidade Autónoma de Galicia terán que ser vendidos obrigatoriamente nas lonxas ou centros de venda autorizados regulamentariamente.

2. O control das descargas e da primeira venda será levado a cabo pola entidade de que dependan as respectivas lonxas e centros autorizados, a cal será responsable de que se cumpra a normativa establecida para a comercialización dos produtos descargados».

Dous. O artigo 9 queda redactado do seguinte modo:

«Permítese a venda directa e demais modalidades de venda que os produtores pretendan levar a cabo, sempre que esta se realice a través das lonxas ou centros de venda».

Tres. O número 1 do artigo 10º queda redactado do seguinte modo:

«Efectuada a descarga, procederase á venda na lonxa ou centro de venda do porto de descarga. Non obstante, se o propietario das especies descargadas decide vender estas nunha lonxa ou centro de venda distintos do porto de descarga, poderá facer o transporte das ditas especies por vía terrestre ata a lonxa ou centro de venda de destino, coa obtención previa da guía de descarga e baixo as condicións de transporte que se especifican no artigo seguinte».

Catro. O parágrafo primeiro do artigo 11º terá a seguinte redacción:

«O transporte das especies desembarcadas ata a lonxa ou centro de venda, tanto se proceden de centros de descarga como se proceden de portos onde o propietario da descarga decidiu non realizar a venda, farase baixo as seguintes condicións:».

Cinco. O artigo 12º terá a seguinte redacción:

«Descargado o produto da pesca ou achegado o produto do marisqueo, con independencia da realización da venda, o propietario do produto estará obrigado a aboar as taxas, prezos públicos e canons aplicables nos portos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os titulares das lonxas ou os concesionarios destas estarán obrigados a facer as retencións das taxas, prezos públicos e canons aplicables nos portos da Comunidade Autónoma de Galicia pola actividade nelas desenvolvida, de conformidade, se é o caso, co título concesional e nas formas previstas regulamentariamente».

Seis. A alínea b) do número 1 do artigo 14º terá a seguinte redacción:

«b) Os comerciantes retallistas de produtos frescos da pesca.»

Sete. Engádese unha nova alínea e) no número 1 do artigo 14º, que terá a seguinte redacción:

«e) As entidades de interese colectivo definidas na disposición adicional segunda, número 26, da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, sempre que obteñan as licenzas e permisos necesarios para exercer a actividade de compra e venda».

Oito. O número 3 do artigo 14º queda redactado do seguinte modo:

«Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores e logo de autorización das entidades concesionarias das lonxas ou responsables dos centros de venda, os particulares poderán adquirir directamente na lonxa ou centro de venda ata unha cantidade non superior a tres quilogramos de produto».

Nove. O artigo 15º queda redactado do seguinte modo:

«Os vendedores poderán expoñer os seus produtos con carácter previo á realización da venda, podendo exixir o comprador a comprobación da calidade dos produtos que vai adquirir».

Dez. O artigo 17º queda redactado do seguinte modo:

«1. Rematada a venda, calquera que fose a modalidade da transacción, a entidade concesionaria da lonxa ou responsable do centro de venda deberá cubrir a nota de venda nos termos que establece o Real decreto 2064/2004, do 15 de outubro. A consellería competente en materia de pesca determinará o modelo de nota de venda, así como a súa estrutura informática.

2. No caso de que os produtos pesqueiros, unha vez efectuada a primeira venda, se transporten a un lugar distinto do de desembarque ou descarga, o transportista deberá probar en todo momento a transacción efectuada, mediante copia da nota da primeira venda, albará ou outro documento que o acredite, incluíndo a factura.

3. En calquera caso, en cumprimento da normativa sanitaria aplicable, cada lote de moluscos bivalvos vivos deberá ir acompañado durante o seu transporte do documento de rexistro establecido no Real decreto 571/1999, do 9 de abril. O documento de rexistro cubrirase no modelo e de acordo co procedemento establecido pola consellería competente en materia de pesca».

Once. O artigo 21º queda sen contido.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 7 de agosto de 2003, pola que se establece o procedemento para a obtención da autorización necesaria para a realización das poxas previas establecidas do Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco, así como todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que contraveñan ou se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da consellería competente en materia de pesca para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xuño de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos