DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 30 de xuño de 2006 Páx. 10.461

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais.

Preámbulo

Os incendios forestais son unha ameaza que afecta, hoxe en día, de xeito xeral non só ao patrimonio de millóns de propietarios forestais e de comunidades de montes veciñais, senón aos recursos naturais e ao mantemento e desenvolvemento da actividade humana no medio rural.

Durante os dez últimos anos houbo en Galicia unha media de 10.000 incendios, que representan o 50% de todo o Estado español, atinxindo en 2005 ao 33% da superficie estatal, con preto de 12.000 incendios forestais e 58.000 ha queimadas.

Esta situación evidencia a necesidade dun novo enfoque na loita contra os incendios forestais en Galicia, a partir dun tratamento que contemple os diversos factores que interveñen neste fenómeno.

Malia o escaso tempo transcorrido desde a publicación do Decreto 21/2005, do 20 de xaneiro, de prevención de incendios e regulación de aproveitamentos forestais, detéctanse nel insuficiencias que atinxen, entre outras cousas, aos mecanismos de protección e conservación dos montes, sinaladamente aqueles que teñen que ver coa loita contra os incendios forestais.

Cómpre un novo enfoque global na actuación preventiva ante os incendios forestais, de xeito que as medidas que se implementen abrangan todo o territorio aínda que, para unha maior eficacia do uso dos recursos, hai que priorizar as zonas clasificadas polo Goberno galego como zonas de alto risco de incendio de acordo cos seus plans de protección de bosques.

Xa que logo, o presente decreto, tendo en conta o previsto nos artigos 27.10º do Estatuto de autonomía de Galicia; 148.1.8º e 149.1.23º da Constitución de 1978; 43, 44.3º, 48 e 50 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, modificada pola Lei 10/2006, do 28 de abril; 80.2º c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e 25.2º c) da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, vén desenvolver normativamente un novo marco na regulación e prevención en materia de incendios forestais, de acordo cos seguintes obxectivos:

1. Establecer un marco normativo común, con obxectivos claros e integradores que refunda a normativa de carácter non coxuntural, como forma de intervención na prevención dos incendios forestais.

2. Dispór por parte da Administración de instrumentos axeitados que permitan a regulación das actividades que poden ter incidencia nos incendios forestais.

3. A ordenación dos usos das superficies agroforestais buscando un equilibrio entre os aproveitamentos agrícola, gandeiro e forestal no marco da prevención de incendios no medio rural.

4. A mellora da calidade do medio rural, e o reforzo de todos os resortes para que as actividades que se desenvolven no medio rural, especialmente a agricultura e a silvicultura se integren no medio natural, con responsabilidades directas na súa conservación.

5. A corresponsabilidade de toda a sociedade na política de prevención como principio básico dun sistema de dereitos e deberes.

Así, as novidades máis importantes que presenta este decreto son as seguintes:

a) O establecemento de novas medidas en relación coa protección do espacio rural fronte a incendios forestais, plasmadas na configuración das faixas de especial protección e dos planos de prevención e defensa aplicables ás zonas de alto risco de incendios;

b) A regulación do réxime de comunicacións e autorizacións de queimas en canto que medidas preventivas contra incendios forestais;

c) A regulación de repoboacións forestais nos perímetros de asentamentos de poboación.

Finalmente, a entrada en vigor da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, recompilou no seu título VII o réxime sancionador nesa materia, sen prexuízo do que dispoña ao respecto a lexislación autonómica. Non obstante, a norma antes citada non establece atribucións competenciais concretas para a imposición das sancións e medidas que prevé, limitándose no seu artigo 73.1º a conter unha indicación recoñecendo a facultade aos órganos da comunidade autónoma que teñan atribuída a competencia en cada caso. Tendo en conta esta circunstancia, faise necesario realizar o desenvolvemento regulamentario de tal atribución competencial no presente decreto.

Xa que logo, no uso das atribucións concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa concordante, e por proposta da Consellería do Medio Rural, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e dous de xuño de dous mil seis,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto:

1. Actuar nos montes e áreas colindantes mediante tratamentos axeitados da biomasa residual, co obxecto de levar adiante unha política preventiva contra os incendios forestais.

2. Compatibilizar e regular os aproveitamentos e transformacións do monte e zonas agrarias colindantes coa finalidade de evitar os incendios.

3. Establecer as condicións para a protección dos núcleos rurais respecto dos incendios forestais, no marco dunha política integral de desenvolvemento rural.

4. Regular as repoboacións forestais co propósito de ordenar as novas repoboacións nos perímetros dos asentamentos de poboación.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos do presente decreto, defínense os seguintes termos:

1. Monte ou terreo forestal: todo terreo en que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de mato ou herbáceas, sexa espontaneamente ou procedan de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas ou recreativas.

Teñen tamén a consideración de monte ou terreo forestal os demais terreos descritos no artigo 5 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Non terán a consideración de monte ou terreo forestal os terreos dedicados ao cultivo agrícola, o solo urbano, os núcleos rurais e o solo urbanizable delimitado, incluíndo a canle e a zona de dominio público hidráulico destes solos, e aqueles outros excluídos pola normativa vixente, así como os terreos rústicos de protección agropecuaria.

2. Incendio forestal: o lume que se estende sen control sobre combustibles forestais situados no monte.

3. Queima: lume que se estende de xeito controlado sobre terreos agrícolas e forestais nos que sexa imprescindible facer uso del.

4. Terreos queimados: aqueles que fosen afectados por un incendio forestal.

5. Forestal: todo o relativo aos montes.

6. Repoboación forestal: introdución de especies forestais nun terreo mediante sementeira ou plantación. Pode ser forestación ou reforestación.

7. Forestación: repoboación, mediante sementeira ou plantación, dun terreo que era agrícola ou estaba dedicado a outros usos non forestais.

8. Reforestación: a reintrodución de especies forestais, por medio de sementeira ou plantación, en terreos que xa estiveron poboados forestalmente ata épocas recentes mais que quedaron rasos por mor de cortas, incendios, vendavais, pragas, enfermidades ou outros motivos.

9. Restos capaces de producir un risco de incendio: aqueles materiais de fácil combustión e elevada inflamabilidade que poidan orixinar ou facilitar a propagación dun incendio forestal, tales como as leñas, pólas, cortizas ou similares que se xeren logo do aproveitamento das masas forestais.

10. Devasa natural: zona formada por unha masa arbórea madura composta por especies frondosas caducifolias rodeada por outras especies de maior potencial pirofítico, así como as pradarías naturais ou artificiais presentes no monte.

11. Planos de prevención e defensa: documentos nos cales se determina o conxunto de medidas de vixilancia, prevención e extinción aplicables a zonas ameazadas por incendios forestais e que son redactados baixo as directrices do Plan Infoga pola consellería competente en materia forestal ou, se é o caso, da lexislación correspondente en materia de protección civil polos concellos que correspondan.

12. Corta: operación silvícola de derruba de árbores coa finalidade de mellorar a masa ou de procurar a súa rexeneración.

13. Época de alto risco de incendios forestais: aqueles períodos, segundo declaración da dirección xeral competente en materia forestal, nos cales as condicións metereolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendio.

Capítulo II

Prevención de incendios forestais

Sección primeira

Dos aproveitamentos forestais, agrícolas

e gandeiros

Artigo 3º.-Autorización de arroteamento.

1. O arroteamento de calquera terreo forestal para a implantación de cultivos agrícolas ou pasteiros exixirá a obtención de autorización pola delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de política forestal, despois do informe favorable emitido polo Servizo Técnico Agrario da mesma delegación.

Para os efectos de facilitar a presentación da solicitude de autorización, a Administración forestal proporcionará os impresos oportunos, recollidos no anexo I deste decreto.

No caso de que o arroteamento de terreos forestais se vaia efectuar en terreos cualificados, segundo o artigo 9 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, como espazos naturais protexidos ou se atopen delimitados dentro de hábitats para a conservación de aves silvestres, conforme prevé a Directiva 79/409/CEE, do Consello, do 2 de abril de 1979, relativa á conservación de aves silvestres e o Real decreto 439/1980, do 30 de marzo, polo que se regula o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas, a autorización estará suxeita a informe previo favorable da consellería competente en materia de ambiente.

2. Cando se producise un incendio forestal nos tres anos anteriores á solicitude, a autorización para o arroteamento previsto no punto anterior darase só excepcionalmente e en atención a circunstancias especiais.

3. Se non se emite resolución expresa sobre a solicitude de autorización de arroteamento de terreos forestais no prazo de tres meses, esta entenderase estimada por silencio administrativo.

4. Cando se produza un incendio despois da autorización e deste xeito se faga constar mediante informe emitido, para tales efectos, por técnicos dos Servizos de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, a delegación provincial da consellería competente en materia de política forestal poderá paralizar a realización dos labores de implantación do novo uso ou revogar definitivamente a autorización, todo isto logo de incoación do oportuno expediente administrativo e dando curso ao trámite de audiencia ao interesado.

Artigo 4º.-Da prohibición ou condicionamento dos aproveitamentos de pastos nos terreos forestais.

1. O titular do monte é o propietario dos aproveitamentos forestais producidos nel.

2. O aproveitamento polo gando de pastos en terreos forestais é un aproveitamento forestal, e deberá estar, se é o caso, regulado expresamente no correspondente instrumento de xestión forestal ou no plan de ordenación de recursos forestais en cuxo ámbito se atope o monte.

3. Nos montes xestionados pola Administración forestal o pastoreo poderá ser prohibido por instancia do titular da propiedade ou da Administración forestal; neste último caso, será necesaria a conformidade do propietario.

4. Nos montes veciñais en man común que non conten cun instrumento de xestión aprobado pola Administración, a prohibición ou regulación do aproveitamento dos pastos terá que ser aprobada pola asemblea xeral conforme os seus estatutos. No caso de que se acorde unha regulación do aproveitamento de pastos, esta recollerase nun plan de aproveitamento forestal.

5. O propietario dos pastos en terreo forestal que prohiba ou regule o seu aproveitamento poderá solicitar á dirección xeral competente en materia forestal a inclusión destes montes no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, adscrito á consellería competente en materia forestal, e que recolle os terreos forestais onde o pastoreo estea prohibido ou regulado.

-A solicitude de inscrición no mencionado rexistro conterá como mínimo os seguintes datos:

a) Nome do propietario.

b) Nome do monte afectado.

c) Localización.

d) Superficie.

e) Condicións do aproveitamento de pastos, se o sometemento a condicións deles fose a opción elixida.

-A solicitude de inscrición no rexistro deberá ir acompañada de:

a) A documentación que acredite o dereito de propiedade sobre o terreo forestal do titular do aproveitamento de pastos.

b) Un plan de aproveitamento gandeiro cando se trate dunha regulación do aproveitamento de pastos nun monte veciñal en man común. Este plan de aproveitamento gandeiro terá, como moito, os contidos que se incluirán na documentación que deseguido se enumera:

1. Condicións e prazo ao que se axustará o aproveitamento.

2. Plano da parcela que se utilizará para o aproveitamento indicando a superficie destinada ao pastoreo.

3. Xustificación da carga gandeira que soportará a parcela.

6. A dirección xeral competente en materia forestal, unha vez comprobados os datos contidos na solicitude, procederá á inscrición do monte no rexistro, do que dará conta ao solicitante. Esta inscrición suporá a ratificación da prohibición realizada polo propietario do monte. Se o devandito órgano non emite resolución expresa sobre a solicitude de inscrición no prazo de seis meses, esta entenderase estimada por silencio administrativo.

7. O rexistro completarase coa información subministrada polos instrumentos de xestión aprobados pola Administración forestal, que non poderá entrar en contradición co contido dunha solicitude de inscrición no rexistro. En caso de discrepancia prevalecerá o disposto no instrumento de xestión aprobado pola Administración, podéndose, en todo caso, proceder, por instancia do propietario, á súa modificación.

8. A dirección xeral competente en materia forestal poderá suspender de xeito temporal o aproveitamento inscrito naqueles casos en que a situación epidemiolóxica dunha determinada zona, na cal previamente se autorizase o pastoreo e figure inscrita no rexistro, así o precise, e logo da solicitude dos servizos con competencia en sanidade animal. Esta suspensión manterase ata que tal situación se normalice, e así o declare a dirección xeral competente en materia forestal.

Artigo 5º.-Aproveitamento de pastos onde estean prohibidos ou onde se realicen sen seguir os condicionantes establecidos polo propietario.

1. O aproveitamento de pastos onde estean prohibidos ou onde se realicen sen seguir os condicionantes establecidos polo propietario constitúe unha infracción tipificada no artigo 67 j) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

2. Ante a presenza continuada de gando no monte onde o aproveitamento de pastos estea prohibido ou onde se realice sen seguir as condicións e requisitos establecidos polo propietario, e constando deste xei

to inscrito no rexistro previsto no 4.5, este deberá poñer o feito inmediatamente en coñecemento da Administración forestal que procederá a verificar a autenticidade dos feitos.

3. Unha vez comprobados os feitos, antes da apertura do correspondente expediente sancionador e como actuación previa, anunciarase no taboleiro de anuncios da delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de sanidade animal e política forestal, do concello respectivo e en lugares da parroquia en que se produciron os feitos, a apertura dun prazo de cinco días naturais para que o propietario do gando ou o titular da explotación gandeira á que pertencen proceda á retirada dos animais.

4. No caso de non producirse a retirada dos animais, a delegación provincial correspondente da consellería competente poderá acordar o comiso dos animais ben con carácter provisional e previo ao expediente sancionador, ou ben como medida cautelar durante a tramitación do expediente. De facerse con carácter previo, a medida cautelar deberá ser confirmada, modificada ou levantada no acordo de inicio do procedemento, que deberá efectuarse dentro dos quince días seguintes á adopción da medida cautelar e poderá ser obxecto de recurso de alzada.

Sección segunda

Actividades en terreos queimados

Artigo 6º.-Aproveitamento de madeira queimada.

1. Os aproveitamentos de madeira queimada, con independencia da especie forestal, requirirán a autorización previa da delegación provincial da consellería competente en materia forestal, que será solicitada polo propietario do terreo ou o titular dos aproveitamentos.

2. A solicitude de autorización de aproveitamento irá acompañada dos datos do comprador e do prezo de venda cando proceda. Para os efectos de facilitar a presentación dos datos requiridos para as solicitudes de autorización, a delegación provincial correspondente proporcionará os impresos oportunos, recollidos no anexo II.

3. Se a delegación provincial que corresponda non emitise resolución expresa no prazo dun mes, entenderase estimada, por silencio administrativo, a autorización de aproveitamento.

4. Cando a delegación provincial correspondente considere que para unha axeitada restauración e reparación dos danos ocasionados aos montes, e por razóns de sanidade vexetal, política forestal ou de seguridade, deba ser extraída a madeira queimada ou as árbores afectadas por anteriores incendios, requirirá o propietario, mediante a oportuna resolución, para que nun prazo de dous meses proceda á extracción da dita madeira. O incumprimento desta obriga constitúe unha infracción administrativa tipificada no artigo 67 m) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes. A instrución do correspon

dente expediente sancionador realizarase sen prexuízo da execución subsidiaria da antedita resolución.

Artigo 7º.-Limitacións ao pastoreo.

1. Con carácter xeral, prohíbese o pastoreo en todas as áreas arboradas e de monte raso que resulten afectadas por incendios forestais, nun prazo mínimo de tres anos a partir da data en que se produza o lume e ata que as axeitadas condicións de restauración da masa arborizada o permitan. Neste caso, e despois do informe favorable dos distritos forestais, o exercicio do pastoreo poderá ser autorizado pola delegación provincial da consellería competente en materia forestal.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, en casos excepcionais nos que se acrediten perdas de difícil reparación pola prohibición do pastoreo ou a inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas por incendios forestais dentro da mesma comarca, e logo do informe favorable do distrito forestal, poderá ser autorizado o pastoreo pola delegación provincial da consellería competente en materia forestal antes de que transcorra o prazo mínimo de tres anos.

No suposto de que a actividade do pastoreo se desenvolva en terreos cualificados, segundo o artigo 9 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, como espazos naturais protexidos ou se atopen delimitados dentro de hábitats para a conservación de aves silvestres, conforme prevé a Directiva 79/409/CEE, do consello, do 2 de abril de 1979, relativa á conservación de aves silvestres, e o Real decreto 439/1980, do 30 de marzo, polo que se regula o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas, exixirase ademais informe previo favorable da consellería competente en materia de ambiente.

2. Para os efectos de facilitar a presentación da solicitude de autorización, a Administración forestal proporcionará os impresos oportunos, recollidos no anexo III.

3. O prazo para ditar a resolución de autorización á que se refire este artigo será de dous meses desde que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano para resolver sobre ela. Se a Administración forestal non emitise resolución expresa no prazo citado, entenderase estimada por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Obrigas urbanísticas.

1. As autorizacións para construción de instalacións en solo rústico queimado previstas na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, requirirá, durante un prazo de tres anos contados desde a data en que tivo lugar o incendio forestal cando o incendio fose superior a unha hectárea, do informe favorable da consellería competente en materia forestal. Exceptúanse do previsto neste punto as instalacións previstas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal regulado polo Decreto

80/2000, do 23 de marzo, así como aqueles proxectos sometidos á avaliación de impacto ambiental.

2. Para os efectos anteriores, a consellería competente en materia forestal facilitaralle ao órgano competente para a concesión daquelas autorizacións a identificación mediante sistemas xeorreferenciados e cartografía a escala axeitada, dos solos que, por teren sufrido os efectos do lume, deban considerarse como solo rústico de protección forestal.

Artigo 9º.-Limitacións á actividade cinexética.

1. Os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados quedan prohibidos durante un período de tres anos desde a data do incendio, agás autorización expresa da dirección xeral competente en materia cinexética, logo de informe favorable da consellería competente en materia forestal.

2. Nos terreos cinexeticamente ordenados, cando o número de incendios forestais ou a suma de superficies queimadas ao longo do ano así o aconselle, a dirección xeral competente en materia cinexética poderá, logo de solicitude motivada da consellería competente en materia forestal, acordar a revisión do contido dos plans de ordenación de aproveitamento cinexético ou ben suspender temporalmente a actividade cinexética.

3. O reinicio da actividade cinexética logo da suspensión temporal prevista no número dous deste artigo, será acordado pola dirección xeral competente en materia cinexética, oído o comité de caza correspondente e os titulares do aproveitamento, logo do informe favorable da consellería competente en materia forestal.

Artigo 10º.-Outras limitacións.

Nos terreos arborados queimados prohíbese a realización de actividades cuxa viabilidade estea directamente relacionada coa desaparición do arborado, agás autorización expresa da dirección xeral competente en materia forestal. Esta autorización outorgarase, logo de solicitude do interesado, conforme o anexo IV, no prazo de tres meses desde a súa presentación nas delegacións provinciais da consellería competente en materia forestal, entendéndose estimada por silencio administrativo de non recaer resolución expresa no dito prazo.

Sección terceira

Limitacións e medidas preventivas contra

incendios forestais

Artigo 11º.-Limitacións á utilización de explosivos.

1. Cando se empreguen explosivos para aperturas de estradas, traballos de canteiras, prospeccións mineiras e outras actividades que inclúan o uso dos citados materiais en terreos forestais, deberán establecerse medidas e persoal con dotación de material para a extinción dos incendios forestais que eventualmente se puidesen producir, de conformidade coas normas ditadas pola dirección xeral competente

en materia forestal. Esta obriga esténdese a aquelas actividades complementarias de sinalización e mantemento que empreguen elementos con chama ou produtos de restos incandescentes.

2. Deberase comunicar cun prazo mínimo de 15 días de antelación aos servizos provinciais de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais a execución de tales traballos, que se poderán limitar ou prohibir cando o índice de perigo de incendios o faga necesario.

Artigo 12º.-Prohibicións e regulacións de carácter xeral.

1. Con carácter xeral, prohíbense as seguintes actividades:

a) Botar mistos ou cigarros en terreos con risco de incendio forestal, entendéndose por tales os montes e as áreas rurais situadas nunha franxa de 400 metros arredados daqueles.

b) Botar lixo, residuos industriais ou de calquera clase que supoñan perigo de incendio forestal.

c) Lanzar, en terreos forestais e nas áreas rurais situadas nunha franxa de 400 metros arredor daqueles, foguetes, globos ou calquera outro artefacto que poida producir ou conter lume, así como prender fogueiras nos mesmos terreos, agás en festas locais ou de arraigada tradición cultural, para o que se requirirá, en ambos os dous casos, autorización previa polo concello na cal figurarán, en todo caso, as medidas de seguridade e prevención aprobadas. Esta autorización será comunicada nun prazo máximo de cinco días naturais polo concello ao Servizo Provincial de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. O concello, por iniciativa propia ou por instancia do Servizo Provincial de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, poderá revogar a autorización nos casos en que non sexa posible garantir medidas de seguridade e prevención dos incendios por estaren os medios dispoñibles dentro do Distrito Forestal realizando traballos de extinción de incendios forestales declarados nese

ámbito, ou exista un número de incendios declarados no devandito ámbito que aconsellen a súa mobilización de xeito preferente a atallar os lumes declarados. A autorización outorgada non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos e perdas a que houber lugar no caso que concorra neglixencia ou imprudencia.

d) Facer fogueiras por parte de excursionistas ou grupos de acampadas fóra das zonas habilitadas para tal fin.

e) A utilización, nas épocas de alto risco de incendios, nos montes e nas áreas rurais situadas nunha franxa de 400 metros arredados daqueles, de maquinaria non forestal nin agrícola con ferramentas que poidan producir chispas ou soldaduras de calquera tipo, agás autorización expresa da dirección xeral competente en materia forestal, logo de solicitude presentada segundo o modelo do anexo V na cal se achegará unha memoria explicativa dos traballos

e as medidas previstas de prevención e extinción de incendios. A autorización virá condicionada en todo o caso ao cumprimento das devanditas medidas.

Cando esta maquinaria se empregue en obras públicas, o adxudicatario deberá remitirlle á dirección xeral competente en materia forestal, nun prazo de dez días hábiles anteriores ao efectivo comezo das obras, a memoria explicativa dos traballos e as medidas previstas de prevención e extinción de incendios. Se non se manifestase oposición por parte da dita dirección xeral, poderase dar comezo á obra no prazo sinalado, sen prexuízo da responsabilidade en que se poida incorrer no caso de incumprimento das medidas comunicadas.

Non obstante, a utilización de maquinaria forestal ou agrícola, tanto a pesada como a lixeira, en traballos forestais ou agrícolas dentro das áreas antes establecidas, non suporá a exención do estrito cumprimento das medidas de prevención e extinción de incendios, así como das responsabilidades que puidesen contraer polo uso neglixente ou imprudente da maquinaria.

f) A utilización do lume na práctica apícola para a sedación das poboacións de abellas no caso en que haxa presenza de vento e/ou temperaturas altas nas horas centrais do día. Cando non concorra ningunha desas circunstancias poderase utilizar o lume para esa finalidade en exclusiva, debendo contar o apicultor ou apicultora con medios de extinción necesarios para a realización destas tarefas. Esta práctica non eximirá en ningún caso das responsabilidades que puidesen contraer polo uso neglixente ou imprudente do lume nas devanditas actividades apícolas.

2. No caso de que as actividades descritas nas letras c), e) e f) do punto anterior se desenvolvan en terreos cualificados, segundo o artigo 9 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, como espazos naturais protexidos ou se atopen delimitados dentro de hábitats para a conservación de aves silvestres, conforme prevé a Directiva 79/409/CEE, do consello, do 2 de abril de 1979, relativa á conservación de aves silvestres e o Real decreto 439/1980, do 30 de marzo, polo que se regula o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas, a autorización estará suxeita a informe previo favorable da consellería competente en materia de ambiente.

3. Os organismos, empresas ou particulares responsables de ferrocarrís, vías de comunicación, liñas eléctricas ou instalacións de calquera tipo, temporais ou permanentes, sen prexuízo de que xa se adoptasen as medidas de seguridade de carácter xeral previstas na normativa vixente, deberán executar aquelas medidas preventivas recollidas nos plans de defensa, nos prazos e formas que se sinalen.

4. No caso de que as empresas e particulares a que se refire o punto anterior non cumprisen o disposto neste decreto e normas que o desenvolvan, no caso de que a dirección xeral competente en materia forestal considere urxente a súa execución, requi

rirá os interesados para que realicen o ordenado nos termos que lles sinale, apercibíndoos de que noutro caso se procederá á súa execución subsidiaria pola súa conta, sen prexuízo de instruír o oportuno expediente sancionador.

5. A utilización de fitocidas para a eliminación de vexetación, co conseguinte aumento da combustibilidade da vexetación tratada, non eximirá das posteriores medidas de limpeza desta.

6. Os concesionarios de gasolineiras, propietarios de industrias pirotécnicas, de almacéns de materiais inflamables e similares situados a menos de 100 m dunha zona de monte, sen prexuízo dos dispositivos de seguridade que lle correspondan segundo a súa lexislación sectorial, manterán a súa propiedade limpa de vexetación nunha zona perimetral arredor dela cun fondo de 50 metros. A distancia fixada medirase tomando como referencia a parede máis externa das instalacións de almacenamento e distribución dos ditos materiais. Se a extensión da propiedade non acadase o fondo de 50 metros, esta obriga estenderase ata o límite desta. No suposto das de nova instalación, exixirase por parte da administración competente para a súa autorización, a disposición desta zona perimetral.

7. Así mesmo, as instalacións a que se refire o parágrafo anterior deben establecer un sistema de autoprotección contra incendios forestais.

8. A inobservacia das prohibicións establecidas neste artigo serán constitutivas das infraccións sinaladas nas letras e), d), n) e q), do artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Artigo 13º.-Restos forestais.

1. Nos aproveitamentos forestais, operacións silvícolas ou traballos de monte en que se produzan restos capaces de producir un risco de incendio, os servizos provinciais dependentes da Dirección Xeral de Montes, naqueles supostos en que a Administración leve directamente a xestión dos predios, tomará as medidas necesarias para eliminar tal risco polo procedemento máis axeitado, dispoñéndoo para o efecto nos oportunos pregos de condicións que sirvan de base para a contratación ou encomenda dos traballos ou sinalándoo expresamente en cada caso.

2. Cando os montes non sexan xestionados directamente pola Administración forestal, os propietarios dos aproveitamentos tratarán tales restos de xeito que minimice o risco de incendio, dando prioridade aos tratamentos que supoñan quer a incorporación dos restos ao ciclo produtivo agroforestal, quer o aproveitamento de biomasa forestal residual nas súas distintas variantes.

3. Só cando non sexa posible acometer os tratamentos descritos nos parágrafos anteriores, poderase proceder á súa queima, observando as condicións de comunicación ou autorización establecidas no artigo 15º do presente decreto e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 14º.-Autorización de corta de masas arbóreas que constitúen devasas naturais.

1. A corta de masas arbóreas con predominio de especies frondosas caducifolias autóctonas que polas súas características constitúan unha devasa natural, requirirá autorización administrativa previa por parte da delegación provincial da consellería competente en materia forestal.

2. A dita autorización poderá denegarse polo valor preventivo desas masas arbóreas fronte ao lume, sen prexuízo doutras consideracións a que haxa lugar de acordo coa Orde do 28 de setembro de 2004, da Consellería de Medio Ambiente, que regula estes aproveitamentos.

3. No caso de que a delegación provincial correspondente non emitise resolución expresa no prazo de tres meses, entenderase estimada por silencio administrativo a autorización de corta regulada no presente artigo.

4. A consellería competente en materia forestal poderá instrumentar liñas de axuda para o mantemento destas masas arbóreas.

Artigo 15º.-Comunicacións e autorizacións de queima.

1. Para a realización de traballos en terreos agrícolas situados a menos de 400 metros do monte e en terros forestais nos cales sexa imprescindible facer uso do lume, será obrigatorio, respectivamente, dispor de comunicación de queima ou de autorización de queima. Para a concesión da autorización de queima teranse en conta os riscos derivados da vulnerabilidade do terreo en relación coa erosión, pendente e superficie que se vai queimar.

2. A comunicación de queima precisarase para a queima de restos agrícolas amoreados en terreos agrícolas situados a menos de 400 metros do monte, que se presentará cunha antelación mínima de dous días ante a dirección xeral competente en materia forestal, nas oficinas provinciais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, nas oficinas dos distritos forestais, na delegación provincial da consellería competente en materia forestal ou nos lugares que se habiliten para tal efecto, facilitándose ademais a súa presentación por medios telefónicos ou telemáticos. Se a comunicación se presentase en calquera dos rexistros a que fai referencia o artigo 38.4º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, deberase realizar cunha antelación mínima de dez días.

3. A autorización de queima precisarase para queimas de restos forestais, ben estean amoreados ou non e con independencia de que estas teñan lugar nun terreo agrícola ou forestal, para queimas controladas en matogueiras, pasteiros, cercados ou similares e calquera outro tipo de queima que non estea comprendida no punto anterior.

A solicitude de autorización para queima presentarase cunha antelación mínima de sete días, perante a dirección xeral competente en materia forestal, nas oficinas provinciais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, nas oficinas dos distritos forestais, na delegación provincial da consellería competente en materia forestal ou nos lugares que se habiliten para tal efecto. Se a solicitude de autorización se presentase en calquera dos rexistros a que fai referencia o artigo 38.4º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, deberase realizar cunha antelación mínima de quince días.

Estas autorizacións outorgaraas, se procede, o delegado provincial que corresponda, sen prexuízo do emprego de calquera dos mecanismos previstos no capítulo I, do título II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, establecéndose nestas o día ou días nos cales se autoriza a realización da queima.

Cando as autorizacións de queima se refiran a terreos cualificados, segundo o artigo 9 da Lei 9/2001, de 21 de agosto, de conservación da natureza, como espazos naturais protexidos ou se atopen delimitados dentro de hábitats para a conservación de aves silvestres, conforme prevé a Directiva 79/409/CEE, do consello, do 2 de abril de 1979, relativa á conservación de aves silvestres e o Real decreto 439/1980, do 30 de marzo, polo que se regula o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas, situados en espazos naturais protexidos, serán informadas, no prazo de tres días, pola Conselllería de Medio Ambiente.

4. Tanto no caso das comunicacións como das autorizacións, o prazo para realizar as queimas será regulado pola dirección xeral competente en materia forestal.

5. Toda queima que se realice, tanto agrícola como forestal, deberá aterse ás seguintes prescricións:

a) A queima non se iniciará antes de saír o sol e quedará totalmente extinguida dúas horas antes do momento da súa posta.

b) Previamente ao seu inicio, farase unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa de polo menos cinco metros de largo, rodeando o perímetro que se vai queimar.

c) Non poderá iniciarse ningunha queima cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento. Así mesmo, se iniciados os traballos se producise a aparición de vento, suspenderase inmediatamente a operación procedendo a apagar o lume.

d) Non se abandonará a vixilancia da zona queimada, ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen dúas horas sen que se observen lapas ou brasas.

e) En toda queima autorizada deberase contar co persoal e co material suficiente para o seu debido control. Dado o elevado risco que supoñen este tipo de queimas para a seguridade e saúde do persoal que as leva a cabo, en ningún caso se poderán realizar individualmente, mesmo no caso de que a súa extensión sexa pequena e en principio se considere que o risco é mínimo.

6. O Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais poderá suspender temporalmente as comunicacións e autorizacións de queima, se as condicións meteorolóxicas así o aconsellan.

Así mesmo, o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais ou dos distritos forestais poderá suspender a realización de calquera queima ou prescribir calquera outra disposición de seguridade que estime, a teor das circunstancias do momento.

En caso de que as circunstancias climatolóxicas e do servizo o aconsellen, poderanse establecer días para realizar as queimas por parroquias cando tres ou máis veciños solicitasen as queimas.

7. A comunicación das queimas ou a autorización de queimas outorgada de acordo co previsto neste artigo non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos e perdas a que houber lugar no caso de producirse un incendio forestal polo uso do lume cando concorra neglixencia ou imprudencia.

8. Na época de alto risco de incendios non se procederá a tramitar as comunicacións de queima nin a autorizar as queimas, agás cando concorran circunstancias excepcionais e así o autorice a dirección xeral competente en materia de montes.

Sección cuarta

Zonas de alto risco de incendios forestais

Artigo 16º.-Declaración de zonas de alto risco de incendios forestais.

1. Por proposta das delegacións provinciais da consellería competente en materia de política forestal, a dirección xeral competente en materia forestal poderá declarar como zonas de alto risco de incendio consonte o artigo 48.1º da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, aquelas áreas nas cales a frecuencia ou virulencia dos incendios forestais e a importancia dos valores ameazados fagan necesarias medidas especiais de protección contra os incendios. As medidas especiais farán fincapé nas accións de prevención, vixilancia e investigación co obxecto de eliminar a situación de risco.

Periodicamente publicarase a relación das devanditas zonas, mediante orde da consellería competente en materia de política forestal, indicando os concellos en que estean situadas.

2. Así mesmo, e tendo en conta a importancia dos valores ameazados nas faixas de especial protección reguladas na sección quinta deste decreto, decláranse, consonte o antedito artigo 48.1º da Lei 43/2003, zonas de alto risco de incendios forestais.

3. Nos concellos onde se sitúen zonas de alto risco de incendios forestais priorizaranse accións de pre

vención contra incendios forestais, con independencia das especificadas no resto do territorio.

Artigo 17º.-Limitacións en zonas de alto risco.

1. Nas zonas de alto risco de incendios forestais incluídas na relación que se publique anualmente, queda prohibida a utilización do lume para eliminar restos de aproveitamentos forestais e de tratamentos silvícolas, agás xustificación técnica de inexistencia doutras alternativas viables, caso en que a delegación provincial da consellería competente en materia de política forestal poderá autorizar a utilización do lume, logo de solicitude presentada conforme o anexo VI.

2. Se a Administración forestal non emitise resolución expresa no prazo dun mes, entenderase estimada por silencio administrativo.

3. A resolución que autorice a utilización do lume, sexa expresa ou presunta, non exime da solicitude da correspondente autorización de queima a que fai referencia o artigo 15º do presente decreto.

Artigo 18º.-Perímetros de preferente ordenación para o pastoreo.

1. Nas zonas de alto risco de incendios forestais poderanse declarar perímetros de preferente ordenación para o pastoreo. O pastoreo nestes perímetros, unicamente se poderá realizar no interior de cercados axeitados ao gando.

A contravención desta limitación levará aparellada o inicio do procedemento descrito nos apartados 2 e 3 do artigo 5º deste decreto.

2. Unha vez declarado un perímetro de preferente ordenación para o pastoreo, manterase a dita declaración, independentemente do mantemento do seu contorno como zona de alto risco de incendios.

3. A Administración forestal colaborará, a través da concesión de axudas e incentivos aos propietarios dos montes e aos titulares do gando, para a redacción de plans de aproveitamento de recursos forestais, a creación de peches para o gando e outras accións de mellora nestas zonas de alto risco de incendio.

4. A consellería competente en materia de ambiente emitirá informe previo cando nos perímetros de preferente ordenación se inclúan terreos cualificados, segundo o artigo 9 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, como espazos naturais protexidos ou se atopen delimitados dentro de hábitats para a conservación de aves silvestres, conforme prevé a Directiva 79/409/CEE, do consello, do 2 de abril de 1979, relativa á conservación de aves silvestres, e o Real decreto 439/1980, do 30 de marzo, polo que se regula o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas.

Artigo 19º.-Autorizacións de competicións deportivas.

1. A utilización do territorio incluído en zonas de alto risco de incendios forestais para competicións automobilísticas, de motocrós, de quads e similares,

deberá ser autorizada pola delegación provincial da consellería competente en materia forestal. Esta autorización deberá abranguer tanto a competición en si mesma como os adestramentos previos a ela.

2. Os promotores das devanditas competicións deberán achegar xunto coa solicitude de autorización o correspondente permiso do propietario ou propietarios do terreo forestal. En caso de que non se achegue, requiriranse os promotores para emendar o defecto, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e de non facelo, considerarase desistido da súa petición, sen prexuízo da oportuna resolución ditada de conformidade co artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Para os efectos de facilitar a presentación da solicitude de autorización, a Administración forestal proporcionará os impresos oportunos que se achegan no anexo VII.

4. Se a delegación provincial da consellería competente en materia forestal non emitise resolución expresa no prazo dun mes, entenderase estimada por silencio administrativo.

Artigo 20º.-Plans de prevención e defensa.

1. Ao abeiro das directrices sinaladas no Plan Infoga, a consellería competente en materia forestal elaborará, logo de audiencia dos respectivos concellos, un plan de prevención e defensa aplicable a cada unha das zonas de alto risco de incendios forestais, onde se determinarán:

a) As medidas e traballos preventivos aplicables a elas. Estes traballos preventivos incluirán devasas, vías de acceso e puntos de auga que deben realizar os propietarios dos montes da zona, así como os prazos e modalidades de execución.

b) Os usos, costumes e actividades que poidan existir na zona e que se manifesten a través da provocación reiterada de lumes ou do uso neglixente do lume, así como a determinación das épocas do ano de alto risco de lumes forestais.

c) O establecemento e dispoñibilidade de medios de vixilancia e extinción necesarios para dar cobertura a toda a superficie forestal da zona, coas previsións para o seu financiamento.

d) A regulación dos aproveitamentos e usos que poidan dar lugar a risco de lumes forestais.

2. A elaboración dos devanditos plans de prevención e defensa deberán contar con informe previo favorable da consellería competente en materia de ambiente cando abrangan terreos incluídos en zonas de alto risco que estean cualificados, segundo o artigo 9 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, como espazos naturais protexidos ou se atopen delimitados dentro de hábitats para a conservación de aves silvestres, conforme prevé a Directiva 79/409/CEE, do consello, do 2 de abril de 1979,

relativa á conservación de aves silvestres, e o Real decreto 439/1980, do 30 de marzo, polo que se regula o Catálogo Nacional de Especies Ameazadas.

3. Os traballos incluídos nos plans de prevención e defensa en zona de alto risco de incendios forestais poderán ser declarados de interese para a execución dos traballos incluídos neles, de acordo co previsto no artigo 48.4º da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Sección quinta

Protección do espazo rural e dos asentamentos

de poboación en particular

Artigo 21º.-Faixas de especial protección.

Co obxecto de protexer especialmente o espazo rural e os núcleos de poboación dos incendios, establécense faixas de especial protección naqueles terreos dedicados a monte e as áreas colindantes, consonte o artigo 44.3º da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, que abranguen:

a) A totalidade das parcelas que se atopen, fóra do monte, a unha distancia inferior a 25 metros do seu perímetro.

b) A totalidade dos terreos forestais, rasos ou arborados, que se sitúen, dentro do monte, a unha distancia inferior a 10 metros do seu perímetro.

c) Unha franxa de 25 metros arredor de calquera edificación, urbanización, obras, instalacións industriais, eléctricas ou infraestruturas de transporte, situadas a menos de 400 metros do monte.

Artigo 22º.-Plans de prevención e defensa das faixas de especial protección.

1. Nas faixas de especial protección formularanse, de acordo coa directriz básica de planificación de protección civil de emerxencia por incendios forestais, plans de prevención e defensa, que conterán, ademais das medidas establecidas no artigo 20º deste decreto, a relación de parcelas, referenciadas segundo o Sistema de Información Xeográfico (SIXPAC), incluídas dentro das faixas, indicando as que, en función do seu uso e estado, deberán ser obxecto do programa de rozas ou mantemento.

2. A elaboración dos plans de prevención e defensa nas zonas a que fai referencia o artigo 21.1º a) e b) será realizada pola consellería competente en materia forestal.

3. No caso da zona a que fai referencia o artigo 21.1º c), a redacción dos devanditos plans será competencia municipal e estes pasarán a formar parte dos plans municipais de protección civil, segundo a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, de protección civil. A consellería competente en materia forestal colaborará cos concellos na elaboración dos plans de prevención que se indican neste punto.

Artigo 23º.-Execución dos traballos de prevención e defensa nas faixas de especial protección.

1. Decláranse de interese xeral todos os traballos incluídos nos plans de prevención e defensa aso

ciados ás faixas de especial protección e a outras zonas que se declaren de alto risco de incendios forestais e determinarase, en cada caso, o carácter oneroso da execución subsidiaria pola Administración, que repercutirá os custos dos traballos derivados da limpeza e roza de vexetación aos propietarios. A execución subsidiaria por parte da Administración non impide a instrución do correspondente expediente sancionador que, se é o caso, proceda.

2. A consellería competente en materia forestal e os concellos, no ámbito das súas respectivas competencias, ordenarán a execución dos traballos preventivos das faixas de especial protección no caso de incumprimento das obrigas reguladas no artigo 25.1º do presente decreto, indicando o prazo de realización que en ningún caso superará os 30 días naturais.

3. Rematado o prazo especificado no punto anterior sen que por parte dos titulares dos terreos se realizasen os traballos preventivos, procederase á execución subsidiaria dos traballos por parte dos concellos, sen prexuízo da correspondente resolución e logo do oportuno apercibimento previo.

4. Para tal fin, a dirección xeral competente en materia forestal, prevención e extinción dos incendios forestais prestaralles a súa colaboración ás entidades locais, quer a través de medios de prevención e extinción de incendios propios, quer por medio de mecanismos de apoio económico para a prevención e extinción de incendios forestais.

Así mesmo, nos casos en que exista un elevado risco de incendio polo incumprimento das obrigas reguladas no artigo 25.1º do presente decreto e os concellos non ordenen a execución dos oportunos traballos preventivos, os servizos de Prevención e Extinción de Incendios Forestais da dirección xeral competente en materia forestal poderán ordenar directamente a súa execución, comunicándollo ao concello.

5. O Goberno galego incluirá nos orzamentos xerais da comunidade autónoma dotacións económicas para a sinatura de convenios de colaboración cos concellos para esa finalidade, así como impulsará acordos de cooperación económica con outras administracións.

6. Os custos derivados da limpeza e roza de vexetación nas faixas de especial protección serán repercutidos, se é o caso, aos propietarios dos terreos procedendo, de ser o caso, ao reembolso ás administracións que sufragaron os devanditos gastos.

7. A consellería competente en materia forestal poderá articular liñas de axuda dirixidas aos traballos incluídos nos plans de prevención e defensa asociados ás faixas de especial protección, dentro dos seus programas de silvicultura preventiva.

Artigo 24º.-Dereito de acceso aos predios incluídos nas faixas de especial protección.

Os titulares de terreos incluídos nas faixas de especial protección deberán permitir o acceso, durante

o tempo necesario, aos servizos de extinción co fin de efectuar os traballos de limpeza precisos para evitar o risco de incendios forestais.

O incumprimento desta obriga será constitutivo da infracción prevista no artigo 67 l) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Artigo 25º.-Obrigas dos propietarios.

1. De xeito concreto, os propietarios dos terreos situados nas faixas de especial protección a que se refire o artigo 21º do presente decreto, ademais de asumir as obrigas que lles veñan impostas polos plans básicos de protección e defensa que sexan aprobados polas autoridades competentes en materia de protección civil, deberán cumprir as seguintes medidas de prevención de incendios forestais:

a) Asegurar que os terreos que abrangue a faixa de especial protección se atopen libres de vexetación accesoria á masa principal e coa masa arbórea rareada, de acordo coa normativa existente ou que desenvolva a Administración forestal, ou os concellos, no seu respectivo ámbito de competencias.

b) Manter limpas de vexetación as vías de titularidade privada, así como as gabias.

c) Colaborar coas administracións competentes en materia de prevención e extinción de incendios forestais e de protección civil.

2. A Xunta de Galicia velará por que as obrigas dos propietarios no mantemento dos terreos en estado axeitado se cumpran, instruíndo os oportunos expedientes sancionadores e, se é o caso, procedendo á execución subsidiaria regulada no artigo 23º do presente decreto.

3. O incumprimento destas obrigas será constitutivo das infraccións previstas nas letras o), p) e q) do artigo 67 da Lei 43/2003, de montes, en relación co disposto no seu artigo 44.3º.

Artigo 26º.-Actuacións da Xunta de Galicia para asegurar a protección dos asentamentos de poboación.

A Xunta de Galicia, a través consellería competente en materia de política forestal, asumirá, alén do xa previsto nos números 4 e 5 do artigo 23º do presente decreto, os seguintes cometidos:

a) Colaborar cos concellos na elaboración dos plans de protección e defensa das faixas de especial protección.

b) Realizar directamente, na medida do posible e acudindo á execución subsidiaria, os traballos preventivos nas faixas de especial protección, que non se fixesen por parte dos propietarios obrigados, ou por parte dos concellos, repercutindo os custos a quen lle corresponda.

c) Proceder á execución directa de traballos preventivos nas faixas de especial protección, sen necesidade de requirimento previo, cando se declarase un incendio forestal que supoña un risco inminente para as persoas e os bens.

d) A actuación inspectora sobre a realización efectiva dos traballos incluídos nos plans de protección e defensa das faixas de especial protección e a instrución dos expedientes sancionadores que, se é o caso, proceda.

Capítulo III

Regulación das repoboacións forestais

Artigo 27º.-Ordenación das repoboacións forestais.

1. As repoboacións forestais que linden con terreos rústicos de protección agropecuaria deberán gardar, como mínimo, 10 metros de distancia respecto deles.

2. Establécense as seguintes distancias mínimas para as repoboacións forestais en todo tipo de terreos e respecto das edificacións que se indican:

a) Para especies de crecemento rápido, recollidas no anexo VIII:

-Con vivendas ou instalacións preexistentes: 50 metros. En calquera caso, as axudas para as repoboacións forestais condicionaranse a que na superficie que estea a menos de 100 metros desde calquera vivenda ou edificación do núcleo rural non se introduzan tales especies.

b) Para o resto das especies:

-Con vivendas ou instalacións preexistentes: 25 metros.

-Con industrias ou instalacións perigosas preexistentes: 50 metros.

3. As distancias anteriores non serán de aplicación en casos de plantacións de pés illados ou setos de especies ornamentais.

4. As distancias mediranse desde o límite exterior da repoboación, entendendo por tal o exemplar dela máis próximo á propiedade veciña, ata o límite medianeiro coa outra propiedade.

5. Os propietarios dos predios que teñan realizadas repoboacións forestais colindantes con outros predios, respectando as distancias mínimas establecidas na lexislación vixente, deberán manter limpas de pólas as súas masas arbóreas, sen que se estendan sobre os predios colindantes.

6. As ordenanzas municipais poderán incrementar as distancias reguladas no presente artigo, en función das especiais características de cada municipio, logo de informe da dirección xeral competente en materia forestal.

7. En todo caso, estarán suxeitas á declaración de impacto ambiental as repoboacións forestais nos supostos previstos no anexo I do Decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, e no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental de Galicia.

Así mesmo, no caso das repoboacións forestais recollidas no anexo II do Decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, a consellería competente en materia de ambiente determinará, logo de solicitude do interesado, a necesidade de someterse ou non á avaliación de impacto ambiental.

Artigo 28º.-Usos prohibidos.

1. Non se poderán mudar os usos primarios dos terreos recollidos nos plans xerais de ordenación municipal, ou aqueles que tradicionalmente se veñan realizando nunha zona concreta aínda que non estea así recollido nos devanditos plans xerais.

2. Establécense as seguintes prohibicións:

a) Prohíbense as repoboacións forestais en solo urbano e núcleos rurais.

b) Prohíbense as repoboacións forestais en zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos.

c) Prohíbese a realización de repoboacións forestais coas especies que se recollen no anexo IX deste decreto.

3. En zonas incluídas nun proceso de concentración parcelaria, os usos deberanse adaptar ao plan de ordenación de cultivos ou forestal, tal e como prevé a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, coas súas sucesivas modificacións.

4. Poderán admitirse, no caso que exista un plan de ordenación de cultivos ou forestal, un cambio de uso de terras agrícolas, sempre que non interfira no desenvolvemento agrario da zona. Para a aprobación desta forestación será obrigado que esta se realice con frondosas caducifolias, priorizando o aproveitamento integral do uso.

Artigo 29º.-Mantemento das repoboacións forestais.

1. Os propietarios están obrigados a manter en todo momento as franxas de terreo resultantes da salvagarda das distancias mínimas indicadas no artigo 27º limpas de maleza, restos e xermolos de árbores.

2. As repoboacións forestais deberán manterse en todo momento limpas, en condicións e características axeitadas para a prevención e mellor defensa contra os incendios forestais.

Capítulo IV

Réxime sancionador

Artigo 30º.-Potestade sancionadora e órganos competentes.

1. A potestade sancionadora en materia de montes e de incendios forestais axustarase ao disposto na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

2. Os órganos competentes para a imposición de sancións en materia de montes e de incendios forestais son os seguintes:

a) O delegado provincial da consellería competente en materia forestal para a imposición de sancións leves.

b) O director xeral competente en materia forestal para a imposición de sancións graves.

c) O conselleiro que teña asignada a competencia en materia forestal para a imposición de sancións moi graves.

Artigo 31º.-Redución da sanción.

Poderá reducirse a sanción ou a contía da sanción, sempre e cando o infractor procedese a corrixir a situación creada pola comisión da infracción no prazo que se sinale no correspondente requirimento efectuado polo axente denunciante, polo órgano competente para a incoación do expediente sancionador ou polo órgano competente para a súa resolución.

Artigo 32º.-Multas coercitivas e execución subsidiaria.

O órgano ao que lle corresponde impór a sanción é o competente para efectuar o correspondente requirimento e acordar a imposición de multas coercitivas ou a execución subsidiaria, para o suposto de que os infractores non procedesen á reparación do dano causado ou á indemnización a que se refire o artigo 77 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Artigo 33º.-Comiso.

De conformidade co previsto no artigo 79 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, o órgano competente para a imposición da sanción poderá acordar o comiso, como sanción accesoria, tanto dos produtos forestais ilegalmente obtidos como dos instrumentos e medios utilizados na comisión da infracción.

Disposición adicional

Única.-Os terreos forestais incendiados manterán o seu carácter forestal, de acordo co previsto no artigo 50.1º da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, na redacción vixente dada pola Lei 10/2006, do 28 de abril, sen prexuízo de que por parte da dirección xeral competente en materia forestal, e de acordo coa aptitude agroforestal dos terreos, se poida autorizar, con carácter singular, o cambio do uso forestal a uso agrario ou gandeiro extensivo daqueles montes non arborados con especies autóctonas, incultos ou en estado de abandono.

Disposicións transitorias

Primeira.-Aos procedementos sancionadores iniciados con anterioridade á entrada en vigor do presente decreto, que se atopen pendentes da proposta de resolución, seranlles de aplicación as normas procedementais establecidas na presente disposición.

Segunda.-No prazo de seis meses desde a entrada en vigor do presente decreto os concesionarios de gasolineiras, propietarios de industrias pirotécnicas, de almacéns de materiais inflamables e similares situados a menos de 100 m dunha zona de monte deberán contar coa zona perimetral limpa de vexetación segundo o disposto no artigo 12º.6 do presente decreto.

O incumprimento desta obriga será constitutivo da infracción sinalada na letra q) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Así mesmo, para os efectos do disposto no artigo 12º.7, establécese un prazo dun ano desde a entrada en vigor do presente decreto para que as citadas

instalacións dispoñan dun sistema de autoprotección de incendios forestais, que será notificado os órganos da Administración galega competentes en materia forestal e de protección civil.

Terceira.-Incorpóranse ao Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, regulado no artigo 4º do presente decreto, as inscricións realizadas ata a actualidade ao abeiro do artigo 15.4º do Decreto 21/2005, do 20 de xaneiro, de prevención de incendios e regulación de aproveitamentos forestais.

Cuarta.-As plantacións forestais existentes á entrada en vigor do presente decreto que, como consecuencia da súa aplicación, se atopen a unha distancia inferior ás reguladas no seu artigo 27, disporán dun período de cinco anos para adaptarse á citada disposición.

O incumprimento desta obriga constitúe infracción tipificada no artigo 67 q) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

No caso de que a adaptación ás distancias reguladas neste decreto supoña a corta total ou parcial de repoboacións que se realizasen ao abeiro de axudas públicas que condicionan a permanencia das plantacións por un período superior aos cinco anos a que fai referencia o punto anterior, os beneficiarios deberán solicitar da dirección xeral competente en materia forestal, dentro dos catro anos seguintes á entrada en vigor deste decreto, a autorización para a corta dos exemplares que incumpran as distancias a que fai referencia o artigo 27º desta disposición.

A consellería competente en materia forestal regulará os requisitos para a concesión da antedita autorización.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogado o Decreto 21/2005, do 20 de xaneiro, de prevención de incendios e regulación de aproveitamentos forestais.

Segunda.-Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango que contradigan ou se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro do Medio Rural para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e cumprimento do disposto neste decreto e especialmente para a actualización da relación de especies prohibidas a que se refire o artigo 28.2º c) desta norma.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xuño de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO VIII

Relación de especies de crecemento rápido

(artigo 27.2º A)

Incluiranse as especies dos xéneros: Eucalyptus e Populus.

ANEXO IX

Relación de especies forestais prohibidas

(artigo 28.2º c)

Acacia melanoxylum.

Acacia dealbata.

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA