DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Xoves, 02 de novembro de 2006 Páx. 16.132

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 188/2006, do 26 de outubro, polo que se modifica o Decreto 180/2006, do 19 de outubro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas nos días 2 e 3 de outubro en Galicia.

Téndose producido con posterioridade á aprobación do Decreto 180/2006, do 19 de outubro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas nos días 2 e 3 de outubro en Galicia, novas inundacións que están a devastar o territorio da Comunidade Autónoma galega, e tendo en conta a magnitude dos feitos, as súas consecuencias obrigan, desde o principio constitucional de solidariedade e por aplicación dos principios de equidade e igualdade de trato, á adopción de medidas e axudas para reparar e paliar, na medida do posible, os danos sufridos.

Na súa virtude, por proposta dos conselleiros de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, de Economía e Facenda, de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, de Innovación e Industria, de Medio Rural, de Pesca e Asuntos Marítimos, de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e de Vivenda e Solo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de outubro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o Decreto 180/2006, do 19 de outubro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas nos días 2 e 3 de outubro en Galicia consonte o disposto nos seguintes puntos:

Un. Modifícase o título do Decreto 180/2006, do 19 de outubro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas nos días 2 e 3 de outubro en Galicia, que queda como segue «Decreto 180/2006, do 19 de outubro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas no mes de outubro en Galicia».

Dous. Suprímese a referencia aos días 2 e 3 na exposición de motivos.

Tres. Dáse nova redacción ao artigo 1 que queda como segue:

«1. As axudas establecidas neste decreto aplicaranse á reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas durante o mes de outubro de 2006 no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia

nos termos que se conteñen neste decreto e polas contías que nel e nas disposicións que o desenvolvan se establezan.

2. Os termos municipais e núcleos de poboación afectados aos que concretamente sexan de aplicación as ditas axudas fixaranse nos instrumentos de desenvolvemento deste decreto».

Catro. Engádese no artigo 8 «ou marisqueiras» quedando coa seguinte redacción:

«Artigo 8. Axudas por danos nas explotacións agrícolas, gandeiras ou marisqueiras.

Serán obxecto de axudas os danos causados polas inundacións nas explotacións agrícolas, gandeiras ou marisqueiras que non fosen cubertas polas medidas que puidesen adoptar outras administracións ou por calquera fórmula de aseguramento, público ou privado».

Catro. Engádese na disposición derradeira primeira:

-Axudas por danos nas explotacións marisqueiras, a Consellería de Pesca e Asunto Marítimos.

Disposicións derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de outubro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES