DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Luns, 06 de novembro de 2006 Páx. 16.266

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 6/2006, do 23 de outubro, de modificación da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Preámbulo.

A Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, foi o froito da asunción de competencias que fixo nesta materia o Estatuto de autonomía de Galicia. No seu momento, supuxo non só o exercicio da competencia lexislativa que se lle transferira a Galicia, senón tamén a oportunidade de regular a caza desde unha perspectiva máis próxima e, polo tanto, máis axeitada ao sentido de entendela no noso país.

Nestes últimos anos produciuse unha transformación moi importante da agrariedade galega. Un cambio propiciado por circunstancias de diversa índole social e económica, que transformou a superficie de labor e os seus cultivos e que tivo unha repercusión profunda nos ecosistemas e, da súa man, nas poboacións e nas especies vinculadas ao mundo de caza.

Reclamados polas novas circunstancias, tamén se produciron cambios lexislativos en ámbitos suprautonómicos, que inciden directamente no noso sistema xurídico e que obrigan ao seu cumprimento. Reformas en materias que son de competencia estatal e que informan, con carácter básico, a regulación autonómica. Neste sentido, cómpre lembrar a Lei 17/2005, do 19 de xullo, pola que se regula o permiso e a licenza de condución por puntos e se modifica o texto articulado da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, que no seu artigo único, apartado vinte, incorpora unha disposición adicional novena cunha incidencia directa no ámbito da responsabilidade por danos ocasionados polas especies cinexéticas, prevista no artigo 23 da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Noutro ámbito de cousas, tamén se procede á inclusión de determinadas matizacións no articulado desta lei, en concreto relativas á definición da acción de cazar, no que se substitúe a expresión «dar morte» pola de «cobralos», á especificación da caza en zonas de seguridade, á posibilidade de autorización de caza menor con arma longa raiada ou á concreción da actividade de granxa cinexética. Así mesmo, incorpórase un novo artigo dedicado á actividade da taxidermia e establécense determinadas previsións relativas ás probas de detección alcohólica ou de substancias psicotrópicas ás que se poden someter os cazadores.

Preténdese con esta modificación legal darlles unha nova redacción a determinados preceptos legais da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, así como incorporar novos preceptos relativos á actividade da taxidermia e ás probas de detección alcohólica ou de substancias psicotrópicas, mantendo

tanto as liñas básicas fixadas pola devandita Lei 4/1997 coma a maioría do seu articulado.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de modificación da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Artigo primeiro.-Modificacións no título preliminar da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Modifícase o contido do artigo 2, que a seguir se relaciona, do título preliminar da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 2.-Acción de cazar.

Considérase acción de cazar a actividade exercida polas persoas, mediante o uso de armas, artes ou outros medios autorizados, para buscar, atraer, perseguir ou acosar os animais que se declaren como pezas de caza, co fin de cobralos, apropiarse deles ou facilitar a súa captura por un terceiro».

Artigo segundo.-Modificacións no título I da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Modifícanse os artigos que a seguir se relacionan do título I da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, que quedan redactados como segue:

Un.-Modifícase o contido do apartado 2 do artigo 8, que quedará redactado como segue:

«2. Exclúense desta consideración todos aqueles que constitúen núcleos urbanos ou rurais, vilas, xardíns, parques destinados ao uso público, recintos deportivos, instalacións fabrís ou industriais, estradas, vías férreas ou calquera outro lugar que sexa declarado non cinexético en razón das súas especiais características e no que o exercicio da caza deba estar permanentemente prohibido».

Dous.-Modifícase o contido do apartado 2 do artigo 13, que quedará redactado como segue:

«2. A superficie mínima e continua dos tecor será de dúas mil hectáreas, e a duración do seu réxime especial será a do prazo de cesión dos dereitos cinexéticos, que en ningún caso será menor de cinco anos, nin superará os vinte e cinco anos, ao cabo dos que se extinguirá o tecor, agás que se proceda á súa renovación, de acordo co que se dispoña regulamentariamente.

O réxime cinexético especial dos tecor manterase, malia a perda de dereitos cinexéticos sobre determinados terreos que o integren, sempre que a superficie restante non sexa inferior á mínima sinalada no parágrafo anterior. Sen prexuízo do disposto anteriormente, calquera cambio na titularidade cinexética da totalidade ou parte dos terreos comprendidos no tecor deberalle ser comunicado á administración no prazo e nas condicións previstos regulamentariamente.

Co fin de fomentar as poboacións cinexéticas, os tecor manterán como vedado de caza unha superficie mínima do 10% dos seus terreos. Estes vedados de caza deberán manter os mesmos lindeiros, polo menos, durante dous anos consecutivos».

Tres.-Modifícase o contido do apartado 3 do artigo 21, que quedará redactado como segue:

«3. Nas explotacións cinexéticas de carácter comercial, que deberán constituírse como empresas mercantís, poderá exercitarse a caza sobre animais procedentes de granxas cinexéticas ou doutros establecementos autorizados, tales como parques de voo, cercados de aclimatación, biótopos, etc., de conformidade cos plans establecidos e previamente aprobados pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

A superficie mínima para poder autorizar este tipo de explotacións é de cincuenta hectáreas, se se dedican a caza menor, e de cen hectáreas cando o obxecto da explotación sexa a caza maior.

Os titulares destas explotacións deberán de sinalizalas de acordo coa normativa regulamentaria, que para tal efecto se dite, e, en todo caso, están obrigados a sinalizar os terreos que se atopen dentro do perímetro da explotación e dos que non se dispoña de autorización expresa dos seus titulares, para o seu aproveitamento cinexético.

Para autorizar unha explotación cinexética comercial é imprescindible contar coa titularidade cinexética da totalidade dos terreos, en superficie continua, sobre os que pretende constituírse. Cando estas autorizacións afecten espazos naturais protexidos, o promotor deberá presentar un proxecto para efectos de que o órgano ambiental decida en cada caso, consonte co previsto no artigo 1.2 da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, de xeito motivado e público e consonte cos criterios do anexo III deste real decreto, se estes proxectos deben someterse ou non a unha avaliación de impacto ambiental.

Por vía regulamentaria determinaranse as condicións nas que esta actividade poida desenvolverse, e en especial as referentes a controis xenéticos e sanitarios, requisitos para realizar as soltas, época e frecuencia destas, marcaxe das pezas, modalidades de caza, requisitos para o seu transporte e cantas outras se consideren pertinentes».

Catro.-Modifícase o contido do artigo 23, que quedará redactado como segue:

«Artigo 23.-Indemnizacións por danos.

1. En accidentes de tráfico ocasionados por atropelo de especies cinexéticas os danos persoais e patrimoniais ateranse ao disposto na normativa estatal en materia de seguridade vial existente ao respecto.

2. Os titulares de aproveitamentos cinexéticos de terreos suxeitos a réxime cinexético especial responderán nos demais casos dos danos ocasionados polas especies cinexéticas.

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, logo da instrución do correspondente expediente de valoración, indemnizará os danos efectivamente producidos polas especies cinexéticas dos terreos cinexéticos de aproveitamento común, dos tecor autonómicos da súa administración, das reservas de caza, dos refuxios de fauna e de calquera outro terreo no que a administración e xestión lle correspondan».

Cinco.-Modifícase o contido do artigo 25, que quedará redactado como segue:

«Artigo 25.-Descrición das zonas de seguridade.

1. Para os efectos do establecido no artigo 8.3 desta lei, consideraranse zonas de seguridade:

a) As marxes e zonas de servidume que se atopen cercadas das vías e camiños de uso público e as vías férreas.

b) As augas públicas, incluídos os seus leitos e marxes, nunha franxa de cinco metros do límite das maiores enchentes ordinarias.

c) Os perímetros dos núcleos urbanos e rurais e doutras zonas habitadas.

d) Os perímetros das vilas, edificios habitables illados, xardíns e parques públicos, áreas recreativas, zonas de acampada, recintos deportivos e calquera outro lugar que polas súas características sexa declarado como tal en razón do previsto no artigo 8.3.

2. Malia o previsto no apartado anterior, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, logo de petición dos titulares cinexéticos interesados, poderá autorizar a caza nas vías e nos camiños de uso público, así como nos leitos e nas marxes dos ríos, regatos e canles que atravesen terreos cinexéticos ou constitúan o límite entre eles. Nas resolucións que se diten para o efecto, se son afirmativas, fixaranse as condicións aplicables en cada caso para exercitar a caza baixo a responsabilidade dos titulares da autorización.

3. Calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, poderalle solicitar, fundadamente, á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a declaración como zona de seguridade dun determinado lugar cando concorran as circunstancias previstas no artigo 8.3. As ditas zonas, no caso de seren así declaradas, deberán ser sinalizadas polo promotor conforme se determine regulamentariamente».

Seis.-Engádese un artigo 25 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 25 bis.-A caza nas zonas de seguridade.

1. Queda prohibido circular con armas de caza cargadas e usalas no interior dos núcleos urbanos

e rurais e noutras zonas habitadas ata o límite que acaden as últimas edificacións ou instalacións habitables, ampliado nunha franxa de cen metros en todas as direccións.

2. No caso de vilas, edificios habitables illados, recintos deportivos, xardíns e parques destinados ao uso público, áreas recreativas e zonas de acampada, o límite da prohibición ao que se refire o apartado anterior será o dos propios terreos onde se atopen instalados, ampliado nunha franxa de cen metros en todas as direccións.

3. Prohíbese circular con armas de caza cargadas e usalas no caso de autoestradas, autovías, vías rápidas, corredores, estradas nacionais, autonómicas e locais, nunha franxa de cincuenta metros de ancho a ambos os dous lados da zona de seguridade. En ningún caso se poderá disparar en dirección a outros camiños de uso público ou vías férreas.

Nas marxes das vías non incluídas no parágrafo anterior, se as condicións daquelas permiten o exercicio seguro da caza, poderase cazar ou situar os postos para os zapeos, ganchos ou montarías.

Nos carreiros e camiños rurais pouco transitados, destinados ao paso a pé e ao uso agrícola ou forestal, poderase cazar sempre que as condicións de seguridade o permitan».

Artigo terceiro.-Modificacións no título III da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Un.-Modifícase o contido do número 24 do apartado 1 do artigo 34, que quedará redactado como segue:

«24) Cazar con arma longa raiada, salvo que expresamente se autorice, ou empregar cartuchos de bala ou postas para especies de caza menor ou utilizar municións de perdigóns ou postas para a caza maior».

Dous.-Engádese un número 29 ao contido do apartado 1 do artigo 34, co seguinte texto:

«29) Cazar baixo a influencia de estupefacientes, alcohol, substancias psicotrópicas ou calquera outra droga que altere sensiblemente as facultades normais do cazador ou a súa capacidade de reacción».

Tres.-Engádese un artigo 35 bis, co seguinte texto:

«Artigo 35 bis.-Taxidermia.

Por vía regulamentaria regularase a actividade da taxidermia, na que se preverá, en todo caso, a obriga de levar un libro rexistro no que conste a procedencia do animal e a obriga de absterse de recibir e preparar a peza que non veña acompañada da documentación e dos precintos acreditativos da súa orixe».

Artigo cuarto.-Modificacións no título IV da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Engádese un apartado 4 ao artigo 45, co seguinte contido:

«4. Os cazadores que sexan sorprendidos cazando con síntomas de atoparse baixo a influencia de estu

pefacientes, alcohol, substancias psicotrópicas ou calquera outra droga deberán someterse ás probas de detección, cando sexan requiridos para isto polos axentes ou membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado e polo persoal das escalas de axentes forestais e axentes facultativos medioambientais da Xunta de Galicia. Por vía regulamentaria determinaranse o procedemento, as dilixencias que se van levar a cabo e, en xeral, as regras ás que deberá de axustarse esta actuación».

Artigo quinto.-Modificacións no título VII da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Modifícase o contido do artigo 54, que quedará redactado como segue:

«Artigo 54.-Granxas cinexéticas.

1. As granxas cinexéticas teñen a consideración de explotacións gandeiras, consonte prevén a Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e o Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras.

2. A autorización e o rexistro das granxas cinexéticas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras corresponderalle á Consellería do Medio Rural, sen prexuízo da necesidade de informe previo e favorable ao dito rexistro da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

3. A Consellería do Medio Rural poñerá en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o rexistro das granxas cinexéticas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, para os efectos do exercicio das facultades de control na actividade cinexética correspondentes á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Neste sentido remitiráselle, xunto coa notificación do rexistro da granxa, unha copia íntegra do expediente».

Artigo sexto.-Modificacións no título IX da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Un.-Engádese un apartado 41 ao contido do artigo 58, co seguinte texto:

«41) Incumprir a obriga establecida para os talleres de taxidermia, no artigo 35 bis, de levanza dun libro rexistro no que conste a procedencia do animal e mais a obriga de absterse de recibir e preparar a peza que non veña acompañada da documentación e dos precintos acreditativos da súa orixe».

Dous.-Modifícase o contido do apartado 11 do artigo 59, co seguinte texto:

«11) Cazar baixo a influencia de estupefacientes, alcohol, substancias psicotrópicas ou calquera outra droga que altere sensiblemente as facultades normais do cazador ou a súa capacidade de reacción, cando así o acrediten as probas previstas, ou negarse a realizar as correspondentes probas para a súa detección requiridas polos axentes da autoridade».

Disposición transitoria única.-Aplicación do prazo máximo de cesión dos dereitos cinexéticos.

As previsións contidas no apartado dous do artigo segundo desta lei, relativas á fixación dun prazo de cesión dos dereitos cinexéticos que non superará os vinte e cinco anos, tan só serán aplicables aos tecor de nova aprobación, así como a aqueles nos que se proceda á renovación da cesión.

Disposición derradeira única.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de outubro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA