DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Martes, 19 de decembro de 2006 Páx. 18.370

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Exposición de motivos

1

O Estatuto de autonomía da Comunidade Autónoma de Galicia, na alínea 26 do artigo 27, confírelle a competencia exclusiva á Xunta de Galicia en materia de fundacións de interese galego. Pola súa banda, a Constitución española, no seu artigo 34.1, recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei, mentres que o artigo 53.1 do texto constitucional lle reserva á lei a regulación do exercicio dos dereitos e das liberdades recoñecidos no capítulo segundo do título I, entre os cales se encontra o de fundación, por especificar que tales normas legais deben, en todo caso, respectar o contido esencial destes dereitos e liberdades.

A teor da competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia ditáronse diversas disposicións sobre este ámbito, entre as cales destacan a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego. A devandita normativa complementábase co ordenamento xurídico vixente no ámbito estatal, que recentemente foi modificado, do que algún dos seus preceptos é de aplicación xeral, ao abeiro do previsto no artigo 149.1 da Constitución española.

O obxectivo desta lei é dotar a nosa comunidade autónoma dun texto normativo actualizado, que se adapte á realidade e á actualidade do fenómeno fundacional, como consecuencia da súa crecente importancia e da súa actuación en múltiples áreas de actividade.

A través do seu articulado introdúcense aspectos dirixidos a facilitar a actividade das fundacións de interese galego e a promover, respectando a súa autonomía, os fins de interese xeral para os cales se constituíron, considerando que a súa acción se debe entender como unha tarefa compartida entre os diferentes poderes públicos e a sociedade civil.

Con estrito respecto ao marco constitucional, estatutario e legal, esta norma pretende regular as fundacións de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de promover, estimular e protexer estas entidades, dado o dinamismo e a vitalidade da sociedade galega para acadar no noso territorio fins de interese xeral.

Resulta imprescindible destacar a institución das fundacións como un instrumento adecuado de participación da sociedade galega na acción social, cultural, científica e doutros ámbitos, o que se manifesta como unha expresión creativa do ánimo altruísta e

solidario dos seus membros. En definitiva, son entidades non lucrativas cun papel propio e diferenciado dentro do marco do Estado social e democrático de dereito. Así, cómpre recoñecer a importancia vital das fundacións neste eido, como medio fundamental de coparticipación e de colaboración da cidadanía no sector público.

Neste sentido, a Comunidade Autónoma de Galicia entende que se debe estimular a iniciativa privada na realización de actividades de interese xeral, prestándolle apoio e cobertura ao protagonismo que a sociedade reclama e exerce a través dunha variada gama de entidades sen ánimo de lucro, para o cal se flexibiliza o seu réxime xurídico nos aspectos que máis adiante se relacionan.

No entanto, e como consecuencia do anterior, é necesario someter as fundacións á tutela e á protección dos poderes públicos, como garantía de cumprimento da vontade fundacional, plasmada nunha finalidade de interese xeral. Por iso a normativa que as regule no seu conxunto debe ser non unicamente de carácter civil senón tamén de carácter administrativo.

2

Esta lei pretende regular as fundacións declaradas de interese galego coa finalidade de potenciar a creación destas entidades, o seu desenvolvemento, a súa adscrición ao ámbito desta e, polo tanto, a consecución no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de fins de interese xeral que constitúan o seu obxecto fundacional.

Defínese un marco regulador que intenta responder ás necesidades de flexibilidade e de autonomía acordes coa realidade actual. Neste sentido, esta normativa configúrase como pouco intervencionista, polo que o protectorado desempeña un maior número de funcións de asesoramento e de apoio en detrimento de medidas de fiscalización, mediante a simplificación de trámites administrativos, a redución dos actos de control do protectorado e a reforma do réxime de organización e de funcionamento do padroado, entre outras.

A lei articúlase en dez capítulos, formados por sesenta e tres artigos, catro disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e mais dúas disposicións derradeiras.

Na súa redacción, e segundo se concreta na disposición adicional primeira, algúns artigos están redactados de conformidade cos preceptos de aplicación xeral da Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións, coa única finalidade de dotar o texto de sentido e intelixibilidade.

O capítulo I (artigos 1 a 8) contén as disposicións xerais que definen o obxecto da lei, o concepto de fundación de interese galego e o seu réxime xurídico. Ademais, regúlanse neste capítulo aspectos relacionados cos fins e os beneficiarios, a personalidade xurídica, a denominación e o domicilio das fundacións, así como os aspectos principais das fundacións estranxeiras.

O capítulo II (artigos 9 a 14), relativo á constitución da fundación, recolle as normas que regularán a capacidade para crear estas entidades e as modalidades de constitución, así como os requisitos da escritura pública de constitución, dos estatutos e da dotación fundacional.

O capítulo III (artigos 15 a 25), dedicado ao goberno da fundación, recolle disposicións relacionadas coa definición, a composición e o funcionamento do órgano do padroado da fundación, así como os dereitos, os deberes e as responsabilidades dos seus membros.

O capítulo IV (artigos 26 a 30) refírese ao réxime económico da fundación. Nel recóllense as normas relativas á composición do patrimonio, entendido como o conxunto de bens, dereitos e obrigas susceptibles de valoración económica, así como o réxime de disposición e gravame deles, diferenciando entre os actos sometidos a un réxime de comunicación ao protectorado e aqueloutros sometidos a información deste mediante a súa inclusión na memoria anual.

O capítulo V (artigos 31 a 40) regula os principios xerais de funcionamento, de actividade e de xestión económica da fundación. Os dous primeiros principios refírense ás actividades fundacionais, entre as cales se inclúen, ademais das realizadas pola fundación para cumprir os seus fins fundacionais, as de carácter mercantil, cos requisitos exixidos. Na área de xestión económica regúlanse os libros de contabilidade e o plan de actuación anual que debe levar a fundación, e que describen o contido e os procedementos de elaboración, de aprobación e de presentación perante o protectorado para a súa verificación, o depósito posterior e o rexistro.

O capítulo VI (artigos 41 a 46) regula os procedementos de modificación estatutaria, de fusión e de escisión das fundacións, así como os relativos á extinción e á liquidación delas.

O capítulo VII (artigos 47 a 51) dedícase ao protectorado e establece as normas relativas á súa organización e atribucións, entre as cales destacan as funcións de impulso, de apoio e de asesoramento, tanto para as fundacións xa constituídas coma para as que se encontren en proceso de constitución. Así mesmo, tamén se regula o procedemento de intervención xudicial temporal no caso de irregularidade grave na xestión económica da fundación.

O capítulo VIII (artigos 52 a 55) regula as normas básicas de actuación do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, que será único e establecerá os principios, os actos que se deben inscribir e a obrigatoriedade de inscrición para todas as fundacións que desenvolvan, principalmente, as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia e para aqueloutras que teñan unha delegación aberta nela.

O capítulo IX (artigos 56 e 57) regula a natureza e o funcionamento do Consello Superior de Fundacións de Galicia, creado por esta lei como órgano de carácter consultivo e coa finalidade de asesorar,

informar e ditaminar sobre as disposicións que afecten as fundacións de interese galego, así como de formular propostas e planificar actuacións necesarias para promover e fomentar as devanditas fundacións.

O capítulo X (artigos 58 a 63) define o réxime aplicable ás fundacións incluídas no sector público de Galicia e establece as limitacións e os requisitos exixidos pola natureza especial destas entidades, tendo especialmente en conta a integración activa da dimensión da igualdade entre mulleres e homes, consonte o establecido na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

En canto ás disposicións adicionais, a primeira refírese aos preceptos redactados de conformidade coa lei estatal; a segunda, ás fundacións sanitarias públicas; a terceira, ás obrigas dos notarios de lle comunicaren ao protectorado o contido das escrituras na constitución e as súas modificacións posteriores; por último, a cuarta refírese á aplicación -para as fundacións reguladas nesta lei- das normas previstas no Plan xeral de contabilidade para as entidades sen ánimo de lucro, así como as establecidas para elaborar o plan de actuación.

E a disposición transitoria fixa un prazo para adaptar, cando proceda, os estatutos das fundacións xa constituídas.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de fundacións de interese galego.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1.-Obxecto da lei.

Esta lei ten por obxecto regular as fundacións de interese galego, de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto no artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Artigo 2.-Concepto.

1. Son fundacións de interese galego aquelas organizacións constituídas sen fin de lucro que, por vontade dos seus creadores, teñan afectado de modo duradeiro o seu patrimonio á realización de fins de interese xeral para Galicia e desenvolvan principalmente as súas actividades e teñan o seu domicilio no territorio da comunidade autónoma.

2. Sen prexuízo do disposto na alínea precedente, as fundacións de interese galego poderán establecer relacións instrumentais con terceiros en diferente ámbito territorial.

Artigo 3.-Réxime xurídico.

As fundacións de interese galego rexeranse pola vontade da persoa fundadora, polos seus estatutos e, en todo caso, pola lei.

Artigo 4.-Fins e beneficiarios.

1. As fundacións ás que se refire esta lei deberán perseguir fins de interese xeral, como poden ser: os de defensa dos dereitos humanos, das vítimas do terrorismo, de actos violentos e doutros acontecementos catastróficos, a asistencia social e a inclusión social; fins cívicos, educativos, culturais -e, particularmente, a promoción, o fomento e a difusión da lingua e da cultura galegas-, científicos, deportivos, sanitarios, laborais, de fortalecemento institucional de Galicia, de cooperación para o desenvolvemento, de promoción do voluntariado, de apoio á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, de promoción da acción social, de defensa do medio natural de Galicia, e de fomento da economía social e de desenvolvemento da economía produtiva de Galicia, de promoción e de atención ás persoas en risco de exclusión por razóns físicas, sociais ou culturais, de promoción dos valores constitucionais, estatutarios e de defensa dos principios democráticos, de fomento da tolerancia, de

desenvolvemento da sociedade da información, ou de investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico e outros fins de interese xeral para Galicia que sexan de análoga natureza.

2. A finalidade fundacional debe beneficiar a colectividades xenéricas de persoas. Terán esta consideración os colectivos de traballadores dunha ou de varias empresas e os seus familiares.

3. Non se poderán constituír en ningún caso fundacións coa finalidade principal de destinar as súas prestacións ao fundador ou aos membros do padroado, aos cónxuxes ou a persoas ligadas con análoga relación de afectividade, ou aos seus parentes ata o cuarto grao inclusive, así como ás persoas xurídicas singularizadas que non persigan fins de interese xeral. Non obstante, poderán ser beneficiarios das actividades da fundación sempre que formen parte das colectividades xenéricas de persoas destinatarias da finalidade fundacional.

4. Non se inclúen na alínea anterior as fundacións cuxa finalidade exclusiva ou principal sexa a conservación e a restauración de bens do patrimonio cultural galego ou do patrimonio histórico español, sempre que cumpran as exixencias establecidas pola normativa autonómica e estatal, en particular, respecto dos deberes de visita e exposición pública dos devanditos bens.

Artigo 5.-Personalidade xurídica.

1. As fundacións reguladas por esta lei terán personalidade xurídica desde a inscrición da escritura pública da súa constitución no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A inscrición só poderá ser denegada, mediante resolución motivada, cando a escritura de constitución non se axuste ás prescricións da lei.

3. Só aquelas entidades inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego poderán utilizar a denominación de Fundación de Interese Galego.

Artigo 6.-Denominación.

1. A denominación das fundacións axustarase ás seguintes regras:

a) Deberá figurar a palabra «Fundación», e non poderá coincidir ou asemellarse de maneira que poida crear confusión con ningunha outra previamente inscrita nos rexistros de fundacións.

b) Non se poderán incluír termos ou expresións que resulten contrarios ás leis ou que poidan vulnerar os dereitos fundamentais das persoas.

c) Non se poderá formar exclusivamente co nome de España, de Galicia, das demais comunidades autónomas ou das entidades locais, nin utilizar o nome de organismos oficiais ou públicos, tanto nacionais coma internacionais, agás que se trate do propio das entidades fundadoras.

d) A utilización do nome ou do pseudónimo dunha persoa física ou da denominación ou do acrónimo dunha persoa xurídica distintos do fundador deberá contar co seu consentimento expreso ou, no caso de ser incapaz, co do seu representante legal.

e) Non se poderán adoptar denominacións que fagan referencia a actividades que non correspondan cos fins fundacionais ou induzan a erro ou confusión respecto da natureza ou a actividade da fundación.

f) Observaranse as prohibicións e as reservas de denominación previstas na lexislación vixente.

2. Non se admitirá ningunha denominación que incumpra calquera das regras establecidas na alínea anterior ou conste que coincide con ou se asemella á dunha entidade preexistente inscrita noutro rexistro público ou á dunha denominación protexida ou reservada a outras entidades públicas ou privadas pola súa lexislación específica.

Artigo 7.-Domicilio.

1. Deberán estar domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia as fundacións de interese galego que desenvolvan principalmente as súas actividades dentro do seu territorio.

2. As fundacións terán o seu domicilio estatutario no lugar onde se encontre a sede do seu padroado ou ben no lugar onde se leven a cabo principalmente as súas actividades.

Artigo 8.-Fundacións estranxeiras.

1. As fundacións estranxeiras que pretendan exercer as súas actividades de forma estable e desenvolvan principalmente as súas actividades no territorio da comunidade autónoma deberanse inscribir no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como manter unha delegación no seu territorio, que constituirá o seu domicilio para os efectos desta lei.

2. A fundación estranxeira que pretenda a súa inscrición deberá acreditar perante o devandito rexistro que foi constituída segundo a súa lei persoal.

A inscrición poderase denegar cando non se acredite a circunstancia sinalada no parágrafo anterior, así como cando os fins non sexan de interese xeral de acordo co ordenamento autonómico.

3. As delegacións en Galicia de fundacións estranxeiras estarán sometidas ao protectorado ao que se refire o capítulo VII desta lei, polo que se lles aplicará o réxime xurídico previsto para as fundacións de interese galego.

4. As fundacións estranxeiras que contraveñan os requirimentos establecidos neste artigo non poderán utilizar a denominación de «Fundación».

Capítulo II

Constitución da fundación

Artigo 9.-Capacidade para fundar.

1. Poderán constituír fundacións as persoas físicas e as persoas xurídicas, sexan estas públicas ou privadas.

2. As persoas físicas requirirán da capacidade para disporen gratuitamente, inter vivos ou mortis causa, dos bens e dos dereitos nos que consista a dotación.

3. As persoas xurídicas de índole asociativa requirirán o acordo expreso do órgano competente para disporen gratuitamente dos seus bens, consonte os seus estatutos ou a lexislación que lles sexa aplicable. As de carácter institucional deberán contar co acordo expreso do seu órgano reitor.

4. As persoas xurídico-públicas terán capacidade para constituír fundacións, agás que as súas normas reguladoras establezan o contrario.

Artigo 10.-Modalidades de constitución.

1. A fundación poderase constituírse por actos inter vivos ou mortis causa.

2. A constitución da fundación por acto inter vivos realizarase mediante escritura pública, co contido que determina o artigo seguinte.

3. A constitución da fundación por acto mortis causa realizarase testamentariamente, cumpríndose no testamento os requisitos establecidos no artigo seguinte para a escritura de constitución.

4. Se na constitución dunha fundación por acto mortis causa o testador se limitase a establecer a súa vontade de crear unha fundación e de dispor dos bens e dos dereitos da dotación, a escritura pública na que se conteñan os demais requisitos exixidos por esta lei será outorgada polo testamenteiro e, no seu defecto, polos herdeiros testamentarios. No caso de estes non existiren ou de contraviren esta obriga, a escritura será outorgada polo protectorado ao que fai referencia o artigo 47 desta lei, logo de autorización xudicial.

Artigo 11.-Escritura de constitución.

A escritura de constitución dunha fundación deberá conter, polo menos, os seguintes extremos:

a) Nome, apelidos, idade e estado civil do fundador ou fundadora, ou dos fundadores ou fundadoras, se son persoas físicas, e a súa denominación ou razón social, se son persoas xurídicas. En ambos os dous casos, a súa nacionalidade, o domicilio e o número de identificación fiscal.

b) A vontade de constituír unha fundación.

c) A dotación, a valoración e mais a forma e a realidade da súa achega.

d) Os estatutos da fundación, cuxo contido se axustará ás prescricións do artigo seguinte.

e) A identificación das persoas que integran o padroado, así como a súa aceptación, no caso de se efectuar no momento fundacional.

Artigo 12.-Estatutos.

1. Nos estatutos da fundación farase constar:

a) A denominación da entidade.

b) Os fins fundacionais.

c) As principais actividades encamiñadas ao cumprimento dos devanditos fins.

d) O domicilio da fundación e o ámbito territorial no que desenvolverá principalmente as súas actividades.

e) As regras básicas para a aplicación dos recursos co fin de cumprir os fins fundacionais e para determinar as persoas beneficiarias.

f) A composición do padroado, as regras para a designación e a substitución dos seus membros, as causas do cesamento, as súas atribucións e mais a forma de deliberar e de adoptar acordos.

g) As causas da súa disolución e o destino dos bens e dos dereitos resultantes da súa liquidación.

h) Calquera outra disposición e condición lícita que a persoa fundadora ou as persoas fundadoras queiran establecer.

2. Toda disposición dos estatutos da fundación ou manifestación da vontade do fundador ou fundadora que sexa contraria á lei considerarase por non posta, agás que afecte a súa validez constitutiva. Neste último caso, non procederá inscribir a fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 13.-Dotación da fundación.

1. A dotación, que poderá consistir en bens e dereitos de calquera clase, terá que ser adecuada e suficiente para o cumprimento dos fins fundacionais. Presumirase suficiente a dotación cuxo valor económico alcance os 30.000 euros.

Cando a dotación sexa de inferior valor, a persoa fundadora deberá xustificar a súa adecuación e suficiencia aos fins fundacionais mediante a presentación do primeiro programa de actuación, xunto cun estudo económico que acredite a súa viabilidade coa utilización exclusiva dos devanditos recursos.

2. Se a achega é en cartos, poderase efectuar en forma sucesiva. En tal caso, o desembolso inicial será, polo menos, do 25 por cento, e o resto deberase facer efectivo nun prazo non superior a cinco anos, contados desde o outorgamento da escritura pública de constitución da fundación.

Se a achega non é en cartos, deberase incorporar á escritura de constitución a taxación realizada por un experto independente.

Nun e noutro caso, deberase acreditar ou garantir a realidade das achegas perante o notario autorizante, nos termos que regulamentariamente se establezan.

3. Aceptarase como dotación o compromiso de achegas de terceiros, sempre que a devandita obriga conste en títulos dos que comportan execución.

4. Formarán tamén parte da dotación os bens e os dereitos de contido patrimonial que durante a existencia da fundación acheguen en tal concepto a persoa fundadora ou terceiras persoas, ou que afecte o padroado, con carácter permanente, aos fins fundacionais.

5. Non se considerará en ningún caso dotación o mero propósito de recadar donativos.

Artigo 14.-Fundacións en proceso de formación.

1. Ao ser outorgada a escritura fundacional, e mentres se procede á inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o padroado da fundación realizará, ademais dos actos necesarios para a inscrición, unicamente aqueloutros que resulten indispensables para a conservación do seu patrimonio e os que non admitan demora sen prexuízo para a fundación, os cales se entenderán automaticamente asumidos por esta cando obteña personalidade xurídica.

2. Despois de transcorrer seis meses desde o outorgamento da escritura pública fundacional sen que os patróns instasen a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado disporá o cesamento dos patróns, que responderán solidariamente das obrigas contraídas no nome da fundación e polos prexuízos que ocasione a falta de inscrición.

Así mesmo, o protectorado procederá a nomear novos patróns, logo de autorización xudicial, que asumirán a obriga de inscribir a fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Capítulo III

Goberno da fundación

Artigo 15.-Padroado.

1. En toda fundación deberá existir, coa denominación de padroado, un órgano de goberno e de representación dela, que adoptará os seus acordos por maioría nos termos establecidos nos estatutos.

2. Correspóndelle ao padroado cumprir os fins fundacionais e administrar con dilixencia os bens e os dereitos que integran o patrimonio da fundación, mantendo o seu rendemento e a súa utilidade.

Artigo 16.-Composición do padroado.

1. O padroado é un órgano colexiado que estará integrado polo número de membros que determinen os seus estatutos, cun mínimo de tres. O padroado contará cun presidente.

2. Ao presidente do padroado, que deberá ser un membro del, correspóndelle presidir as xuntanzas do padroado e dirixir os debates, así como repre

sentar a fundación perante todo tipo de persoas ou entidades, agás naqueles supostos concretos nos que o padroado delegue tal representación nalgún dos seus membros ou outorgue un poder notarial para tal efecto.

3. Así mesmo, o padroado debe nomear un secretario, cargo que poderá recaer nunha persoa allea a aquel, caso no que terá voz pero non voto, e a quen lle corresponderá a certificación dos acordos do padroado co visto e prace do presidente.

4. O fundador ou os fundadores que sexan persoas físicas poderán reservar para si con carácter vitalicio o exercicio de todas as competencias asignadas ao órgano de goberno da fundación. Neste caso, a persoa fundadora deberá exercer as súas funcións dándolle conta previamente o padroado. Este poderá exercer a acción de responsabilidade fronte a aquel nos termos establecidos no artigo 22. No suposto de seren varias as persoas fundadoras, entenderase que actúan sempre mancomunadamente, a non ser que os estatutos ou a escritura de constitución da fundación mencionen outro sistema de administración.

Artigo 17.-Capacidade dos membros do padroado.

1. Poderán ser membros do padroado da fundación tanto as persoas físicas coma as xurídicas.

2. As persoas físicas que sexan membros do padroado deberán ter plena capacidade de obrar, e non poderán estar inhabilitadas para o exercicio de cargos públicos.

3. Os membros do padroado que sexan persoas xurídicas deberán nomear a persoa ou as persoas físicas que os representen, de acordo coas súas normas de funcionamento, os cales deben deixar constancia da súa aceptación nas formas previstas no artigo 19 desta lei.

4. O cargo de membro do padroado que recaia nunha persoa física deberá ser exercido persoalmente. Non obstante, poderá actuar no seu nome e representación outro membro do padroado designado por el. Esta actuación será sempre para actos concretos e deberase axustar ás instrucións que, de ser o caso, o representado formule por escrito.

5. No suposto de que o membro do padroado o sexa por razón do cargo que ocupe, poderá actuar no seu nome a persoa á que legalmente lle corresponda a súa substitución.

Artigo 18.-Delegación e apoderamentos.

1. Agás prohibición expresa dos estatutos da fundación, o padroado poderá delegar as súas facultades nun ou en máis dos seus membros, con funcións mancomunadas, solidarias ou colexiadas segundo se determinen. Non serán, en ningún caso, delegables:

a) A aprobación das contas anuais e do plan de actuación.

b) A modificación dos estatutos.

c) O acordo de fusión, extinción ou liquidación da fundación.

d) Todos aqueles actos que requiran autorización do protectorado.

2. Sempre que o volume de xestión ou calquera outra circunstancia o aconselle, o padroado poderá acordar constituír comisións formadas polo número de membros do padroado que determine e coa denominación que crea conveniente. Nas devanditas comisións poderanse delegar as funcións e as competencias que o padroado considere oportuno, coas limitacións previstas na alínea 1 deste artigo.

3. O padroado, de así o preveren os estatutos, poderá crear outros órganos, como consellos asesores e de estudo, para o mellor desenvolvemento das funcións que lle correspondan, coas excepcións previstas na alínea 1 deste artigo. A constitución destes órganos deberáselle notificar ao protectorado.

4. Así mesmo, o padroado poderá outorgar ou revogar poderes xerais e especiais, agás que os estatutos dispoñan o contrario.

5. No Rexistro de Fundacións de Interese Galego deberanse inscribir os nomeamentos e os cesamentos dos membros do padroado, as delegacións, os apoderamentos xerais e a súa revogación, así como os órganos creados ao amparo das alíneas segunda e terceira deste artigo, consonte as condicións e os requisitos que se establezan regulamentariamente.

Artigo 19.-Aceptación.

1. Os membros do padroado iniciarán a súa xestión despois de aceptaren o cargo. Tal aceptación formalizarase dalgunha das seguintes formas:

a) Na propia carta fundacional ou en escritura pública independente.

b) En documento privado, con sinatura lexitimada por un fedatario público.

c) Mediante comparecencia realizada para tal efecto no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

d) Perante o padroado, acreditándose mediante certificación expedida polo secretario co visto e prace do presidente.

2. En todo caso, a aceptación notificaráselle formalmente ao protectorado e inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 20.-Duración do cargo de patrón.

O cargo de patrón terá a duración que se estableza nos estatutos ou na carta fundacional.

Artigo 21.-Dereitos e deberes dos membros do padroado.

1. Son dereitos dos membros do padroado:

a) Recibir a convocatoria que conteña a orde do día e asistir ás xuntanzas dos órganos dos que formen parte.

b) Exercer o seu dereito de voto.

c) Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.

2. Son deberes dos membros do padroado, ademais dos que os estatutos poidan establecer, os seguintes:

a) Cumprir e facer cumprir fielmente os fins fundacionais, de acordo co disposto nesta lei, na lexislación estatal aplicable e nos estatutos da fundación.

b) Administrar os bens e os dereitos que integran o patrimonio da fundación, mantendo plenamente o rendemento, a utilidade e a produtividade deles, segundo os criterios económico-financeiros dun bo xestor.

c) Asistir ás xuntanzas do padroado e velar pola legalidade dos acordos que nelas se adopten.

d) Realizar os actos necesarios para inscribir a fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 22.-Responsabilidade dos patróns.

1. Os patróns deberán desempeñar o seu cargo coa dilixencia dun representante leal.

2. Os patróns responderán solidariamente fronte á fundación dos danos e das perdas que causen por actos contrarios á lei ou aos estatutos, ou polos actos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeñar o cargo. Quedarán exentos de responsabilidade os que votasen en contra do acordo e os que proben que, non intervindo na súa adopción e execución, descoñecían a súa existencia ou, coñecéndoa, fixeron todo o conveniente para evitar o dano ou, polo menos, se opuxeron expresamente a aquel.

3. A acción de responsabilidade iniciarana, perante a autoridade xudicial e en nome da fundación:

a) O propio órgano de goberno da fundación, logo de acordo motivado, na adopción do cal non participará o patrón ou os patróns afectados.

b) O protectorado, nos termos establecidos no artigo 47.

c) Os patróns disidentes ou ausentes, nos termos da alínea 2 deste artigo, así como a persoa fundadora cando non fose patrón.

Artigo 23.-Gratuidade do cargo de patrón.

1. Os membros do padroado exercerán o seu cargo gratuitamente, sen que poidan percibir ningunha retribución, nin en cartos nin en especie, por desempeñaren as súas funcións. Non obstante, terán dereito a ser resarcidos dos gastos debidamente xustificados que o cargo lles ocasione no exercicio da súa función.

2. Agás que a persoa fundadora dispuxese o contrario, o padroado poderalles fixar unha retribución adecuada a aqueles membros do padroado que lle presten á fundación servizos distintos dos que implica o desempeño das funcións que lles corresponden como membros do padroado, do que se lle dará conta ao protectorado no prazo máximo dun mes.

Artigo 24.-Substitución, cesamento e suspensión do cargo de patróns.

1. A substitución dos patróns producirase na forma prevista nos estatutos. Cando isto non fose posible procederase de conformidade co disposto no artigo 41 desta lei, e o protectorado queda facultado, ata que a modificación se produza, para a designación da persoa ou das persoas que integren pro

visionalmente o órgano de goberno e representación da fundación.

2. De ser o número de patróns nalgún momento inferior a tres, os subsistentes, nun prazo de trinta días, deberán restablecer o número mínimo de patróns ou, nos dez días seguintes a rematar o devandito prazo, deberanllo comunicar ao protectorado, que poderá exercer calquera das seguintes opcións:

a) Concederlle un prazo novo ao padroado para que restableza o número dos seus membros.

b) Completar por si mesmo o número mínimo de patróns.

c) Instar a extinción da fundación, só se se apreciase a súa inviabilidade.

3. De faltar nalgún momento da vida da fundación todos os membros do padroado, por calquera causa, o protectorado, cando coñeza isto, deberá nomear novos patróns ou ben instar a extinción da fundación.

4. O cesamento dos patróns dunha fundación producirase nos supostos seguintes:

a) Por morte ou declaración de falecemento da persoa física, así como por extinción da persoa xurídica.

b) Por incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido na lei.

c) Por cesamento no cargo por razón do cal foron nomeados os membros do padroado.

d) Por non desempeñar o cargo coa dilixencia prevista na alínea 1 do artigo 22, de así ser declarado por resolución xudicial.

e) Por resolución xudicial que acolla a acción de responsabilidade polos actos mencionados no artigo 22.2 desta lei.

f) Por transcorreren seis meses desde o outorgamento da escritura pública fundacional sen instar a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

g) Por transcorrer o período do seu mandato, de teren sido nomeados por tempo determinado.

h) Por renuncia, que poderá levarse a cabo por calquera dos medios e mediante os trámites previstos para a aceptación.

i) Polas causas establecidas validamente para o cesamento nos estatutos.

5. A suspensión dos patróns poderá ser acordada cautelarmente polo xuíz cando se interpoña contra eles a acción de responsabilidade.

6. A substitución, o cesamento e a suspensión dos patróns inscribiranse no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 25.-Xestión da fundación.

Dentro dos límites establecidos nesta lei, o padroado, se así está previsto nos seus estatutos, poderalle encargar o exercicio da xestión ordinaria ou administrativa das súas actividades a un xerente ou cargo

semellante, que poderá ser unha persoa física ou xurídica, pero sempre con solvencia técnica acreditada respecto diso, e coa remuneración axustada ás funcións desempeñadas.

Capítulo IV

Réxime económico da fundación

Artigo 26.-Patrimonio das fundacións.

O patrimonio da fundación está formado por todos os bens, dereitos e obrigas susceptibles de valoración económica que integren a dotación, así como por aqueles que adquira a fundación con posterioridade á súa constitución, aféctense ou non á dotación.

Artigo 27.-Administración e disposición do patrimonio.

A administración e a disposición do patrimonio das fundacións correspóndenlle ao padroado e faranse consonte o estipulado nos seus estatutos e con suxeición ao establecido nesta lei e nas demais disposicións aplicables.

Artigo 28.-Publicidade do patrimonio.

Os bens ou os dereitos que integran o patrimonio das fundacións deberán figurar ao seu nome e constar nos seus inventarios.

Os que sexan susceptibles de inscrición inscribiranse nos rexistros correspondentes.

Os fondos públicos e os valores mobiliarios deberán ser depositados ao seu nome en establecementos financeiros.

O órgano de goberno promoverá, baixo a súa responsabilidade, a inscrición ao nome da fundación dos bens e dos dereitos que integran o seu patrimonio nos rexistros públicos correspondentes.

Artigo 29.-Alleamento e gravame.

1. O alleamento e o gravame dos bens e dos dereitos que formen parte da dotación ou estean directamente vinculados ao cumprimento dos fins fundacionais, así como aqueles cuxo importe, con independencia do seu obxecto, sexa superior ao 20 por cento do activo da fundación que resulte do último balance aprobado, deberanlle ser comunicados polo padroado ao protectorado no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa realización.

Enténdese que os bens e os dereitos da fundación están directamente vinculados ao cumprimento dos fins fundacionais cando tal vinculación está contida nunha declaración de vontade expresa, xa sexa do fundador, do padroado da fundación ou da persoa física ou xurídica, pública ou privada, que realice unha contribución voluntaria á fundación, e sempre respecto dos bens e dos dereitos achegados ou nos que se materialicen as contribucións percibidas.

Así mesmo, a vinculación á que se refire o parágrafo anterior poderase realizar por resolución motivada do protectorado ou da autoridade xudicial.

2. Os restantes alleamentos ou gravames faranse constar anualmente na memoria presentada ao protectorado.

3. Os alleamentos ou os gravames aos que se refire este artigo faranse constar anualmente no Rexistro de Fundacións de Interese Galego ao remate do exercicio económico.

4. O protectorado poderá exercer as accións de responsabilidade que correspondan contra os patróns cando os acordos do padroado fosen lesivos para a fundación nos termos previstos na lei.

Artigo 30.-Herdanzas e doazóns.

1. A aceptación de herdanzas pola fundación entenderase feita sempre a beneficio de inventario. Os patróns serán responsables fronte á fundación da perda do beneficio de inventario polos actos aos que se refire o artigo 1024 do Código civil.

2. A aceptación de legados con cargas ou doazóns onerosas ou remuneratorias e a repudiación de herdanzas, doazóns ou legados sen cargas seranlle comunicadas polo padroado ao protectorado no prazo máximo dos dez días hábiles seguintes, e este poderá exercer as accións de responsabilidade que correspondan contra os patróns de os actos do padroado seren lesivos para a fundación, nos termos previstos nesta lei.

Capítulo V

Funcionamento e actividade da fundación

Artigo 31.-Principios de actuación das fundacións.

As fundacións deberán actuar de acordo cos seguintes principios:

a) Destinar efectivamente o patrimonio e as súas rendas, de acordo con esta lei e cos estatutos da fundación, aos seus fins fundacionais.

b) Dar información suficiente dos seus fins e actividades para que sexan coñecidos polos seus eventuais beneficiarios e os demais interesados.

c) Actuar con criterios de imparcialidade e non-discriminación na determinación dos seus beneficiarios.

d) Respectar o código de conduta das entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 32.-Funcionamento.

1. A organización, o funcionamento e o réxime de adopción de acordos das fundacións axustaranse ao disposto nos seus estatutos e, de ser o caso, ás normas de réxime interno que para tal efecto aprobe o seu órgano de goberno, con suxeición ao preceptuado no ordenamento xurídico vixente.

2. As fundacións deberán contar cun libro de actas que recolla as actas das reunións do padroado e das comisións que teñan delegadas funcións e competencias deste, asinadas polo secretario e co visto e prace do presidente. O libro de actas deberá estar legalizado nos termos establecidos na alínea 7 do artigo 36.

Artigo 33.-Financiamento.

1. A fundación poderá ser financiada por calquera medio lícito.

2. A fundación, para o desenvolvemento das súas actividades, financiarase cos rendementos que proveñan do seu patrimonio e, de ser o caso, con aqueloutros procedentes das axudas, as subvencións, as doazóns, as herdanzas e os legados, realizados por persoas físicas ou xurídicas, sexan públicas ou privadas.

3. As fundacións poderán desenvolver actividades económicas cuxo obxecto estea relacionado cos fins fundacionais ou sexan complementarias ou accesorias delas, con sometemento ás normas reguladoras da defensa da competencia.

Ademais, poderán intervir en calquera actividade económica a través da súa participación en sociedades, consonte o previsto nas seguintes alíneas.

4. As fundacións poderán participar en sociedades mercantís nas que non se responda persoalmente das débedas sociais. Cando esta participación sexa maioritaria deberallo comunicar ao protectorado en canto tal circunstancia se produza. Así mesmo, as fundacións con participación igual ou superior ao 20 por cento nestas sociedades deberán informar o protectorado, a través da memoria anual, da devandita participación.

5. Se a fundación recibise por calquera título, quer como parte da dotación inicial quer nun momento posterior, algunha participación en sociedades nas que deba responder persoalmente das débedas sociais, deberá allear a devandita participación, agás que, no prazo máximo dun ano, se produza a transformación de tales sociedades noutras nas que quede limitada a responsabilidade da fundación.

6. Para tal efecto, enténdese por participación maioritaria aquela que represente máis do 50 por cento do capital social ou dos dereitos de voto, polo que se computarán tanto as participacións maioritarias que se adquiran nun único acto coma as adquisicións sucesivas de participacións minoritarias cuxa acumulación dea lugar a que a fundación ocupe unha posición dominante na sociedade da que se trate.

Artigo 34.-Obtención de ingresos.

As fundacións poderán obter ingresos polas actividades que desenvolvan ou polos servizos que lles presten aos seus beneficiarios, sempre que:

a) Non desvirtúe o interese xeral para a comunidade autónoma.

b) Non sexan contrarios á vontade fundacional.

c) Non implique unha limitación inxustificada do ámbito dos seus posibles beneficiarios.

Artigo 35.-Destino dos ingresos das fundacións.

1. Deberase destinar á realización dos fins fundacionais polo menos o 70 por cento das rendas e dos ingresos obtidos, por calquera título ou causa, logo de deducir os gastos realizados para a obtención de tales rendas e ingresos.

2. Para calcular os gastos realizados para a obtención das rendas e dos ingresos aos que se refire a alínea anterior poderase deducir, de ser o caso,

a parte proporcional dos gastos por servizos exteriores, dos gastos de persoal, doutros gastos de xestión, dos gastos financeiros e dos tributos, excluíndo do devandito cálculo os gastos realizados para cumprir os fins estatutarios.

3. Deberase destinar a incrementar a dotación ou as reservas, segundo o acordo do padroado, o resto de rendas e ingresos que non se deban destinar a cumprir a obriga establecida na alínea 1 deste artigo, unha vez deducidos os gastos de administración, cuxa contía máxima se determinará regulamentariamente.

Os gastos de administración serán aqueles directamente ocasionados aos órganos de goberno pola administración dos bens e dos dereitos que integran o patrimonio da fundación, e aos que os membros do padroado teñen dereito a ser reembolsados por desempeñaren o seu cargo, segundo o disposto nesta lei.

4. Para o cálculo das rendas e dos ingresos aos que se refire a alínea 1 deste artigo non se incluirán as contribucións ou as doazóns recibidas en concepto de dotación patrimonial, no momento da constitución ou nun momento posterior, nin as ganancias obtidas na transmisión de bens ou dereitos afectados á dotación fundacional, sempre que se reinvistan en bens dotacionais.

Así mesmo, non se incluirán os ingresos obtidos na transmisión onerosa de bens inmobles nos cales a entidade desenvolva a actividade propia do seu obxecto ou finalidade específica, sempre que o importe da citada transmisión se reinvista en bens inmobles nos que concorra a devandita circunstancia.

5. O prazo máximo previsto para cumprir a obriga contida na alínea 1 deste artigo será de catro exercicios económicos a partir do momento da súa obtención, e o inicial será o seguinte a aquel no que se xeraron.

Artigo 36.-Contabilidade.

1. As fundacións levarán unha contabilidade ordenada e axeitada á súa actividade, que permita un seguimento cronolóxico das operacións realizadas. Para iso levarán necesariamente un libro diario e un libro de inventarios e contas anuais.

2. O padroado da fundación elaborará, en referencia ao anterior exercicio económico, as contas anuais, que comprenden o balance de situación, a conta de resultados e a memoria. Estes documentos forman unha unidade e deben ser redactados con claridade e mostrar a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e dos resultados da fundación. O exercicio económico coincidirá co ano natural, a non ser que nos estatutos se estableza un período anual diferente.

No balance de situación expresaranse os bens e os dereitos que conforman o activo da entidade e as obrigas e os fondos propios que forman o seu pasivo.

A conta de resultados comprenderá os ingresos e os gastos do exercicio e, por diferenza, o seu resultado.

A memoria completará, ampliará e comentará a información contida no balance de situación e na conta de resultados, relativa ao último exercicio cerrado, e deberá incluír:

a) Unha descrición das actividades fundacionais realizadas, nos termos que regulamentariamente se desenvolvan.

b) Un inventario dos elementos patrimoniais, cuxo contido se desenvolverá regulamentariamente, onde conste a valoración dos bens, os dereitos e as obrigas da fundación integrantes do seu balance.

c) O detalle do grao de cumprimento das regras establecidas no artigo 35 desta lei.

d) Información relativa á liquidación do plan de actuación do exercicio rematado, onde se especifique o grao exacto de cumprimento deste, diferenciando entre ingresos e gastos e mais describindo os recursos empregados, a súa procedencia, o número de beneficiarios en cada unha das distintas actuacións realizadas e os convenios que, de ser o caso, se levasen a cabo con outras entidades para o cumprimento da finalidade fundacional.

e) Información sobre as variacións patrimoniais e os cambios nos órganos de goberno, dirección e representación da fundación durante o exercicio.

f) O cadro de financiamento.

g) O detalle das sociedades participadas, con indicación da porcentaxe de participación.

3. Os documentos referidos ás contas anuais deberanse elaborar seguindo os modelos, as normas e os criterios establecidos na adaptación sectorial do Plan xeral de contabilidade para as entidades sen fins lucrativos.

4. As fundacións poderán presentar as súas contas anuais nos modelos abreviados cando cumpran os requisitos establecidos respecto diso para as sociedades mercantís. A referencia ao importe neto da cifra anual de negocios, establecida na lexislación mercantil, entenderase realizada ao importe do volume anual de ingresos pola actividade propia máis, de proceder, a cifra de negocios da actividade mercantil.

5. Nos termos que se determinen regulamentariamente poderase establecer un modelo simplificado de contabilidade daquelas fundacións no que, ao pechamento do exercicio, se cumpran polo menos dúas das seguintes circunstancias:

a) Que o total das partidas do activo non supere 150.000 euros. Para estes efectos entenderase por total activo o total que figura no modelo de balance.

b) Que o importe do volume anual de ingresos pola actividade propia máis, de ser o caso, o da cifra de negocios da súa actividade mercantil sexa inferior a 150.000 euros.

c) Que o número medio de traballadores empregados durante o exercicio non sexa superior a 5.

6. A contabilidade das fundacións axustarase ao disposto no Código de comercio, cando realicen actividades económicas, e deberán presentar contas anuais consolidadas cando a fundación se atope en calquera dos supostos previstos no citado código para a sociedade dominante.

7. Os libros que deberán levar as fundacións, descritos na alínea 1 deste artigo, teñen que ser legalizados polo Rexistro de Fundacións de Interese Galego. Estes libros poderanse legalizar antes de ser utilizados ou ben despois de realizar os asentos e as anotacións por procedementos informáticos e outros pertinentes. Neste último caso, téñense que legalizar dentro do prazo de presentación das contas anuais do ano correspondente.

Artigo 37.-Auditoría.

1. Someteranse a auditoría externa as contas anuais das fundacións cando, durante dous exercicios consecutivos, concorran na data de pechamento delas, polo menos, dúas das seguintes circunstancias:

a) Que o total das partidas de activo sexa superior a 2.400.000 euros.

b) Que o importe neto do volume anual de ingresos pola actividade propia máis, de ser o caso, o da cifra de negocios da súa actividade mercantil sexa superior a 2.400.000 euros.

c) Que o número de traballadores empregados durante o exercicio sexa superior a 50.

d) Que o valor das vendas e dos gravames de bens e de dereitos da fundación realizados durante o exercicio económico supere o 50 por cento do valor total do seu patrimonio.

2. As fundacións que se atopen no primeiro exercicio económico desde a súa constitución ou fusión cumprirán o disposto na alínea anterior se reúnen, no momento do pechamento do devandito exercicio, polo menos dúas das catro circunstancias que se especifican.

3. Tamén se someterán a auditoría externa aquelas contas que, a xuízo do padroado da fundación ou do protectorado, presenten circunstancias especiais que o aconsellen en relación coa contía do patrimonio ou co volume de xestión. No suposto de que sexa o protectorado o que solicite a realización da auditoría externa das contas anuais da fundación, deberá emitir unha xustificación onde conste o motivo dela, e nomeará auditores de acordo co establecido regulamentariamente.

4. A auditoría contratarase e realizarase segundo establece a Lei 19/1988, do 12 de xullo, de auditoría de contas, e a lexislación complementaria, polo que os auditores disporán dun prazo mínimo dun mes, a partir do momento no que lles entregasen as contas anuais formuladas, para realizaren o informe de auditoría.

5. Estes informes presentaránselle ao protectorado tras a súa emisión ou xunto coa presentación das contas anuais. O protectorado, logo do seu exame e a comprobación da súa adecuación á normativa vixente, depositaraas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 38.-Aprobación e presentación das contas.

1. As contas anuais serán aprobadas polo padroado dentro dos seis meses seguintes á data de pechamento do exercicio, e serán asinadas polo presidente ou pola persoa á cal, conforme os estatutos da fundación ou o acordo adoptado polos seus órganos de goberno, lle corresponda formulalas.

2. As contas anuais presentaránselle ao protectorado no prazo dos vinte días hábiles, contados desde a súa aprobación polo padroado, acompañadas de certificación do secretario. De ser o caso, achegarase o informe da auditoría.

3. Non poderán percibir subvencións nin axudas públicas da Xunta de Galicia aquelas fundacións que non cumpran coa obriga de lle presentar as contas ao protectorado.

4. Para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos na documentación presentada, o protectorado poderá, en calquera momento, dirixirlle requirimentos ao padroado da fundación para que, no prazo sinalado, achegue a documentación acreditativa correspondente.

5. O protectorado, tras examinar e comprobar a súa adecuación formal á normativa vixente, depositaraas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. Calquera persoa poderá obter información dos documentos depositados, nos termos establecidos regulamentariamente.

6. O protectorado, no xeito establecido no artigo 50, tenlle que solicitar á autoridade xudicial que ordene a intervención temporal da fundación que non presente as contas anuais durante dous exercicios consecutivos. Mentres que a autoridade xudicial non dite resolución ao respecto, o protectorado non pode inscribir ningún documento relativo á fundación que se lle presente, agás o cesamento de patróns, a revogación de delegacións de facultades, a revogación ou a renuncia de poderes, a extinción da fundación, os nomeamentos de liquidadores e os asentos ordenados pola autoridade xudicial.

7. A obriga de lle presentar as contas anuais ao protectorado, a súa anotación posterior e o depósito no Rexistro de Fundacións de Interese Galego establecerase, con independencia da obriga de depositar as mencionadas contas no rexistro mercantil, nos casos nos que así o dispoña a regulación deste.

Artigo 39.-Plan de actuación.

1. O padroado elaborará e remitiralle ao protectorado, nos últimos tres meses de cada exercicio, un plan de actuación, no que queden reflectidos os obxectivos, as actividades que se prevexan desenvolver durante o exercicio seguinte, unha previsión das partidas de ingresos e gastos calculados e mais

unha memoria explicativa do mesmo plan de actuación.

2. Este plan de actuación deberáselle presentar ao protectorado acompañado da certificación de aprobación por parte do padroado da fundación, que as depositará no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 40.-Autocontratación.

Os membros do padroado poderán contratar coa fundación, xa sexa en nome propio ou dun terceiro, do que lle darán conta ao protectorado.

Capítulo VI

Modificación dos estatutos. Fusión, escisión e extinción da fundación

Artigo 41.-Modificación dos estatutos.

1. O padroado poderá acordar a modificación dos estatutos da fundación sempre que resulte conveniente polo interese desta, agás que a persoa fundadora o prohibise.

2. Cando as circunstancias que presidiron a constitución da fundación variasen, de maneira que esta non poida actuar satisfactoriamente de acordo cos seus estatutos, o padroado deberá acordar a súa modificación, agás que para este suposto o fundador prevese a extinción da fundación.

3. Se o padroado non lle dá cumprimento ao previsto na alínea anterior, o protectorado requirirao para que o cumpra, e no caso contrario solicitará da autoridade xudicial que resolva sobre a procedencia da modificación de estatutos requirida.

4. A modificación ou a nova redacción dos estatutos deberá ser formalizada en escritura pública e inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. A modificación da nova redacción dos estatutos acordada polo padroado teralle que ser comunicada ao protectorado, que só se poderá opor por razóns de legalidade, no prazo máximo de tres meses, contado desde a citada notificación.

Artigo 42.-Fusión.

1. As fundacións, sempre que non o prohibise o fundador, poderanse fusionar logo de o acordaren os respectivos padroados, o que se lle comunicará ao protectorado, coa achega dunha memoria acreditativa das circunstancias que aconsellan a fusión fronte a outras posibles alternativas e da información das condicións pactadas coas fundacións afectadas.

2. A fusión de fundacións responderá á conveniencia de cumprir mellor os fins fundacionais e poderase realizar:

a) Pola absorción doutra ou doutras que se extinguen.

b) Pola creación dunha nova fundación, á cal se lle transmitirán en bloque os patrimonios das fusionadas que se extinguen.

3. O protectorado poderase opor á fusión por razóns de legalidade e mediante un acordo motivado, no

prazo máximo dun mes, que comezará a contar desde a notificación a el dos respectivos acordos das fundacións interesadas. O protectorado poderá comunicar en calquera momento, dentro deste prazo e de forma expresa, a súa conformidade ao acordo de fusión.

4. A fusión requirirá o outorgamento de escritura pública e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. A devandita escritura pública conterá os estatutos da fundación resultante da fusión, así como a identificación dos membros do seu primeiro padroado. Se da fusión resulta unha nova fundación cuxa inscrición constitutiva corresponda inscribir no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, deberanse efectuar simultaneamente as inscricións de extinción por fusión e de constitución da nova entidade.

5. Cando unha fundación resulte incapaz de alcanzar os seus fins, o protectorado poderaa requirir para que se fusione con outra de fins análogos que manifestase perante o protectorado a súa vontade favorable á devandita fusión, sempre que o fundador non o prohibise. Fronte á oposición daquela, o protectorado poderalle solicitar á autoridade xudicial que ordene a referida fusión.

Artigo 43.-Escisión.

1. A escisión ou a creación doutra ou doutras fundacións mediante a segregación dunha parte ou de varias partes do seu patrimonio, que se lle transmite a outra ou a outras fundacións, exixe que non conste a vontade contraria do fundador e que se xustifique o mellor cumprimento dos fins fundacionais da escindida.

2. A escisión con creación dunha nova fundación requirirá o acordo motivado do padroado, o que se lle comunicará ao protectorado, e o cumprimento do previsto nesta lei para constituír unha fundación.

3. A escisión con transmisión do escindido a outra ou a outras fundacións xa existentes require o acordo motivado dos padroados respectivos, o outorgamento da escritura pública, a autorización do protectorado e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

4. En calquera caso de escisión, o protectorado poderase opor por razóns de legalidade e mediante un acordo motivado no prazo máximo dun mes, que comezará a contar desde que se lle notificase o acordo de escisión. O protectorado poderá comunicar en calquera momento, dentro do devandito prazo e de forma expresa, a súa conformidade co acordo de escisión.

Artigo 44.-Causas e formas de extinción.

1. A fundación extinguirase:

a) Cando expire o prazo polo que foi constituída.

b) Cando se realizase integramente o fin fundacional.

c) Cando sexa imposible realizar o fin fundacional, sen prexuízo do disposto nos artigos 41 e 42 desta lei.

d) Cando así resulte da fusión e da escisión ás que se refiren os artigos anteriores.

e) Cando concorra calquera outra causa prevista no acto constitutivo ou nos estatutos.

f) Cando concorra calquera outra causa establecida nas leis.

2. No suposto da alínea 1.a), a fundación extinguirase de pleno dereito.

3. Nos supostos das alíneas 1.b), c) e e), a extinción da fundación requirirá o acordo do padroado ratificado polo protectorado. Se non houbese acordo do padroado ou este non fose ratificado polo protectorado, a extinción da fundación requirirá a resolución xudicial motivada, que poderá ser instada polo protectorado ou polo padroado, segundo os casos.

4. No suposto da alínea 1.d), requirirase que se cumpran os requisitos establecidos nos artigos 42 e 43 desa lei.

5. No suposto da alínea 1.f), requirirase unha resolución xudicial motivada.

6. O acordo de extinción ou, de ser o caso, a resolución xudicial inscribiranse no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 45.-Destino dos bens no caso de extinción.

1. Aos bens e aos dereitos resultantes da liquidación dunha fundación extinguida daráselles o destino previsto polo fundador ou decidido polo padroado cando teña recoñecida esta facultade na carta fundacional.

2. De non existir previsión do fundador nin facultade do padroado, corresponderalle ao protectorado destinar tales bens e dereitos ás fundacións, ás entidades non lucrativas privadas ou ás entidades públicas que persigan fins de interese xeral, que desenvolvan principalmente as súas actividades en Galicia e que teñan afectados os seus bens, incluso no suposto de disolución, á consecución de tales fins.

Artigo 46.-Liquidación.

1. A extinción da fundación, agás nos supostos nos cales teña lugar como consecuencia dunha fusión, determinará a apertura do procedemento de liquidación, que deberá ser realizado polo padroado co control e o asesoramento do protectorado. No caso de inexistencia do padroado, o protectorado designará de oficio os liquidadores.

2. O padroado -como órgano de liquidación- deberá realizar as seguintes actuacións:

a) Confección do inventario e do balance de situación da fundación na data de inicio do procedemento de liquidación.

b) Finalización das operacións de xestión que estaban iniciadas ao acordar a extinción, así como de novas que se deban levar a cabo coas limitacións previstas.

c) Cobramento de créditos pendentes, cancelación de débedas cos acredores de todo tipo e pola orde de prelación establecida.

d) Calquera outra actuación que sexa conveniente ou necesaria para os interesados no procedemento.

3. O protectorado poderalle solicitar ao órgano de liquidación información periódica do proceso e información adicional da documentación facilitada, e deberá impugnar perante o xuíz ou o tribunal competente os actos de liquidación que considere contrarios ao ordenamento ou aos estatutos, logo do requirimento de emenda nos casos nos que se dea esta posibilidade.

4. Tras seren aprobadas as actuacións de liquidación polo padroado e de adxudicar o haber resultante, de acordo co previsto no artigo anterior, estas seranlle comunicadas ao protectorado, que verificará as cancelacións e promoverá as inscricións que procedan, entre elas a extinción da fundación, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Capítulo VII

O protectorado

Artigo 47.-O protectorado.

1. O protectorado é o órgano administrativo de asesoramento, apoio técnico e control das fundacións que velará polo exercicio correcto do dereito de fundación e pola legalidade da súa constitución e funcionamento.

2. O protectorado será exercido polos departamentos da Xunta de Galicia que teñan atribuídas as competencias correspondentes aos fins das fundacións. De estaren atribuídas as competencias sobre os fins fundacionais a varios departamentos da Xunta de Galicia, o protectorado será exercido polo departamento competente en materia de fundacións.

3. O protectorado exerce as funcións que lle atribúe esta lei e a demais lexislación aplicable, respecto das fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Artigo 48.-Funcións.

1. Son funcións do protectorado:

a) Asesorar as fundacións que se atopen en proceso de constitución sobre a normativa aplicable ao devandito proceso e as fundacións xa inscritas sobre aquelas cuestións que se refiren tanto ao seu réxime xurídico, económico-financeiro e contable coma ás actividades que cómpre realizar en cumprimento dos seus fins.

b) Informar sobre a adecuación e a suficiencia da dotación e sobre a idoneidade dos fins das fundacións en proceso de constitución.

c) Velar polo cumprimento adecuado dos fins fundacionais de acordo coa vontade do fundador e tendo en conta a consecución do interese xeral, así como interpretar, suplir e integrar a vontade do fundador cando fose necesario, conforme esta lei.

d) Velar pola integridade, a suficiencia e o rendemento do patrimonio fundacional e verificar se os recursos económicos das fundacións foron aplicados para cumprir os fins fundacionais, nos termos previstos nos estatutos e na lexislación vixente,

podendo solicitar do padroado a información necesaria para tal efecto.

e) Difundir a existencia e as actividades das fundacións.

f) Exercer provisionalmente as funcións do padroado de por calquera motivo faltaren todas as persoas chamadas a integralo, así como nos supostos de intervención temporal acordados polo órgano xudicial competente designar novos membros do padroado ou, nos casos establecidos na lexislación, instar a extinción da fundación.

g) Exercer a acción de responsabilidade dos membros do padroado nos supostos establecidos nesta lei.

h) Garantir a legalidade das modificacións estatutarias, das fusións e das extincións das fundacións, instando, de ser o caso, as accións xudiciais correspondentes.

i) Impugnar os actos e os acordos do padroado contrarios ao ordenamento xurídico vixente, ao establecido nos estatutos ou ao interese xeral.

j) Controlar o proceso de liquidación das fundacións.

k) Procurar a utilización efectiva e adecuada da denominación «Fundación» e denunciar, de ser o caso, perante a autoridade competente a súa utilización por outra clase de entidades.

l) Resolver as solicitudes de autorización ou de aprobación que, consonte o disposto nesta lei, a precisen.

m) Cooperar, ao servizo do interese xeral e da sociedade civil, coas asociacións de fundacións ou con outros entes análogos.

n) Calquera outra función que se lle atribúa nesta lei e no ordenamento xurídico vixente.

No exercicio das funcións ás que se refiren as alíneas anteriores solicitarase asesoramento ao Servizo de Igualdade cando fose necesario ou conveniente para os efectos de integrar activamente a dimensión da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, e, especialmente, cando as funcións de protectorado se exerzan respecto dunha fundación entre cuxas finalidades se atope o apoio á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

2. En todo caso, o protectorado está lexitimado para exercer a correspondente acción de responsabilidade polos actos relacionados no artigo 22.2 e para instar o cesamento dos membros do padroado no suposto previsto na alínea d) do artigo 24.4.

Así mesmo, está lexitimado para impugnar os actos e os acordos do padroado que sexan contrarios aos preceptos legais ou estatutarios polos que se rexe a fundación.

3. De o protectorado apreciar a existencia de indicios de ilicitude penal na actividade dunha fundación, remitiralle testemuño ao ministerio fiscal ou ao órgano xurisdicional competente e comunicaralle esta circunstancia á fundación interesada.

Artigo 49.-Réxime das autorizacións.

1. As autorizacións que, de acordo con esta lei, lle corresponda efectuar ao protectorado entenderanse concedidas de non se recibir resolución expresa no prazo dun mes, contado desde a presentación da solicitude. O prazo para resolver interromperase cando a solicitude non reúna os requisitos necesarios ou non se presente debidamente documentada e o protectorado así o considere mediante acto motivado que lle notificará ao padroado. O prazo comezará a contar de novo desde o momento no que tales defectos ou omisións fosen reparados.

2. Os certificados que deba emitir o protectorado no curso dos diferentes procedementos, así como os de acreditación de todo tipo de feitos e circunstancias que soliciten os interesados, deberanse expedir no prazo de dez días desde a recepción da solicitude.

Artigo 50.-Intervención temporal.

1. Se o protectorado advertise unha irregularidade grave na xestión económica que poña en perigo a subsistencia da fundación ou unha desviación grave entre os fins fundacionais e a actividade realizada, requirirá do padroado, unha vez oído este, a adopción das medidas que considere pertinentes para a corrección daquela.

2. Se o requirimento ao que se refire a alínea anterior non fose atendido no prazo que para o efecto se sinale, o protectorado poderalle solicitar á autoridade xudicial que acorde, logo de audiencia do padroado, a intervención temporal da fundación. Despois de ser autorizada xudicialmente a intervención da fundación, o protectorado asumirá todas as atribucións legais e estatutarias do padroado durante o tempo que determine o xuíz. A intervención quedará alzada ao rematar o prazo establecido, agás que se acceda a prorrogala mediante unha nova resolución xudicial.

3. A resolución xudicial que acorde a intervención temporal da fundación inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. Así mesmo, será inscrita a demanda que se interpoña para solicitar aquela.

Artigo 51.-Recursos.

Contra os acordos do protectorado suxeitos a dereito administrativo poderase interpor recurso na vía administrativa e, de ser o caso, perante a xurisdición contencioso-administrativa.

Capítulo VIII

O Rexistro de Fundacións de Interese Galego

Artigo 52.-Rexistro de fundacións.

1. O Rexistro de Fundacións de Interese Galego será único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia e estará adscrito á consellaría competente en materia de fundacións.

Sen prexuízo da unicidade á que se refire o parágrafo anterior, o rexistro contará con tantas seccións

como departamentos integren a Xunta de Galicia, en cada un dos cales se levará un rexistro auxiliar.

2. A estrutura e o funcionamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como os prazos de inscrición, serán determinados regulamentariamente.

3. A inscrición das fundacións, que deberá conter os requisitos exixidos no artigo 11 desta lei, requirirá, en todo caso, un informe favorable do protectorado, en canto á idoneidade dos fins de interese galego e á determinación da suficiencia da dotación.

4. Serán funcións do rexistro:

a) A inscrición das fundacións declaradas de interese galego e dos actos inscritibles descritos no artigo 54 desta lei e na demais normativa vixente.

b) O depósito e o arquivo da documentación á que se refiren esta lei e as súas normas regulamentarias.

c) A legalización dos libros que deban levar as fundacións reguladas nesta lei.

d) Comunicarlle ao rexistro de fundacións de competencia estatal, para constancia e publicidade xeral, as inscricións de constitución de fundacións ou, de ser o caso, de extinción delas.

e) Calquera outra función que se lle atribúa regulamentariamente.

Artigo 53.-Principios rexistrais.

1. O Rexistro único de Fundacións de Interese Galego será público. A publicidade dos actos inscritos farase efectiva mediante a certificación dos asentos expedida polo responsable do rexistro, mediante nota simple informativa ou copia compulsada dos asentos e dos documentos depositados no rexistro. Só as certificacións terán carácter de documento público.

2. Os documentos orixinais depositados e os arquivados poderán ser consultados logo de se identificar o solicitante e acreditar o seu interese, consonte o previsto na normativa vixente en materia de protección de datos.

3. Os actos inscritos no rexistro presúmense válidos e o protectorado consideraraos para fundamentar as súas decisións. Respecto dos documentos depositados e dos arquivados que non causasen inscrición tan só se presumirá a súa regularidade formal.

4. Os actos suxeitos a inscrición no rexistro e non inscritos non prexudicarán a terceiros de boa fe. A boa fe do terceiro presúmese mentres non se probe que coñecía o acto suxeito á inscrición e non inscrito.

5. Todas as actividades rexistrais poderanse facer en calquera dos dous idiomas oficiais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Cando o rexistro encontre indicios racionais de ilicitude penal na constitución dunha fundación, este ditará unha resolución motivada e remitiralle toda a documentación ao ministerio fiscal ou ao órgano xurisdicional competente. Así mesmo, comunicaralle esta circunstancia á fundación interesada e quedará

suspendido o procedemento de inscrición ata que sexa dada unha resolución xudicial firme.

7. No rexistro levarase unha sección de denominacións, polo que se informará das que vaian adoptando as fundacións inscritas no Rexistro Estatal de Fundacións, consonte o disposto no artigo 36.3 da Lei 50/2002, do 26 de decembro.

8. O disposto neste artigo enténdese sen prexuízo da normativa reguladora doutros rexistros públicos existentes.

Artigo 54.-Actos inscritibles.

No Rexistro único de Fundacións de Interese Galego débese deixar constancia dos actos e dos documentos seguintes:

a) A carta fundacional.

b) Os estatutos e os acordos de modificación.

c) O nomeamento, a suspensión, o cesamento e a renuncia dos membros do padroado e, de proceder, dos liquidadores.

d) As delegacións de facultades, a súa revogación e os apoderamentos xerais.

e) A constitución, a modificación, a fusión, a escisión e a extinción de fundacións.

f) A adquisición, o alleamento, o gravame e o arrendamento de bens nos supostos establecidos nesta lei.

g) A delegación das fundacións sometidas a outra lexislación que actúan en Galicia.

h) As accións de responsabilidade contra os membros do padroado e a resolución xudicial correspondente.

i) Con carácter preventivo, as intervencións temporais e as solicitudes de intervención temporal sobre as fundacións, que serán canceladas automaticamente no caso de seren concedidas ou denegadas por parte da autoridade xudicial.

j) Calquera outro que se estableza nesta lei, na súa normativa de desenvolvemento e no ordenamento xurídico vixente.

k) A prórroga de fundacións constituídas por un prazo determinado.

Artigo 55.-Obrigatoriedade da inscrición.

A inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego é obrigatoria para todas as fundacións definidas no artigo 2 e para as estranxeiras que teñan unha delegación aberta nesta comunidade.

Capítulo IX

Do Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 56.-Consello Superior de Fundacións.

1. Créase o Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á consellaría competente en materia de fundacións, como órgano consultivo.

2. Regulamentariamente estableceranse a estrutura e a composición do Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia, no cal estarán representadas a Administración da Xunta de Galicia e as fundacións obxecto desta lei, atendendo á existencia de asociacións de fundacións con implantación en Galicia.

Artigo 57.-Funcións.

Serán funcións do Consello Superior de Fundacións da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Asesorar, informar e ditaminar, cando así se solicite, sobre calquera disposición legal ou regulamentaria que afecte directamente as fundacións.

b) Formularlle as propostas que considere convenientes, neste ámbito, á consellaría competente en materia de fundacións.

c) Planificar e propor as actuacións necesarias para promover e fomentar as fundacións de interese galego.

d) As demais funcións que lle poidan atribuír as disposicións vixentes.

Capítulo X

Das fundacións do sector público de Galicia

Artigo 58.-Concepto.

1. Enténdese por fundacións do sector público de Galicia aquelas fundacións constituídas maioritariamente ou na súa totalidade por achegas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, os seus organismos públicos e as demais entidades ou empresas do sector público autonómico ou aquelas cuxos ingresos proveñan maioritariamente de subvencións con cargo aos orzamentos da comunidade autónoma, sempre que neste último caso a comunidade autónoma forme parte dos seus órganos de goberno ou de dirección.

2. As fundacións do sector público de Galicia integrarán activamente, na súa organización e nas súas actividades, a dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os ámbitos e a todos os niveis.

Artigo 59.-Creación e extinción.

1. A creación e a extinción das fundacións do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, a adquisición e a perda da representación maioritaria, así como a modificación dos seus estatutos, deberán ser autorizadas por acordo do Consello da Xunta, que determinará as condicións xerais que deben cumprir todos estes actos e designará a persoa que deba actuar por ela no acto de constitución e, de ser o caso, o seu representante ou representantes no padroado.

2. No expediente de autorización incluirase unha memoria, que deberá ser informada polo departamento da Xunta de Galicia que exerza as competencias correspondentes aos fins da fundación, na cal se xustifiquen suficientemente as razóns polas que se considera que existirá unha mellor conse

cución dos fins de interese xeral perseguidos a través dunha fundación que mediante outras formas xurídicas previstas na normativa vixente.

3. Deberase presentar, igualmente, unha memoria económica, que requirirá o informe da consellaría competente en materia de economía, na cal se xustificará a suficiencia da dotación inicialmente prevista para comezar a actividade da fundación e, de ser o caso, os compromisos futuros que garantan a súa continuidade.

4. O Parlamento poderá exercer o control da creación deste tipo de fundacións, nos termos establecidos no seu regulamento, dentro do control da acción da Xunta de Galicia.

Artigo 60.-Réxime xurídico.

1. As fundacións do sector público da comunidade autónoma non poderán exercer potestades públicas. Unicamente poderán realizar actividades relacionadas co ámbito competencial das entidades fundadoras, que deberán contribuír á consecución dos fins delas, sen que isto supoña a asunción da titularidade das súas competencias, agás previsión legal expresa.

2. O protectorado destas fundacións exercerao o departamento da Xunta de Galicia que exerza as competencias correspondentes aos fins da fundación.

3. As fundacións públicas cuxa dotación fundacional fose totalmente achegada pola Xunta de Galicia, ou nas cales esta teña un control análogo ao que exerce sobre os seus propios servizos ou unidades, terán a consideración de medio propio e instrumental para os efectos previstos no artigo 3 da Lei de contratos das administracións públicas. Nestes casos, a Xunta de Galicia poderalles encomendar a execución de obras, subministracións ou servizos públicos da súa competencia. As encomendas instrumentaranse a través de encargos de realización obrigatoria, cuxa execución supervisará o ente encomendante. Nos casos nos que para a efectividade da encomenda a fundación pública precisase prestacións por parte de terceiros, a súa adxudicación quedará sometida á Lei de contratos das administracións públicas nos termos previstos nesta lei.

4. En materia de orzamentos, contabilidade e auditoría de contas, as fundacións previstas neste capítulo rexeranse polo disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 61.-Contratación.

1. Á contratación de persoal ao servizo das fundacións reguladas neste título seranlle aplicables as disposicións da Lei de función pública de Galicia e das normas regulamentarias que a desenvolvan relativas a:

a) Composición e funcionamento dos tribunais ou das comisións de selección.

b) Bases das convocatorias.

c) Probas de selección.

En todo caso, respectaranse os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade da convocatoria. A consellaría competente en materia de función pública deberá emitir informe previo sobre o contido das bases da convocatoria.

2. En materia de contratación de obras, de subministracións, de servizos ou de asistencia será aplicable o disposto na lexislación de contratos das administracións públicas.

Artigo 62.-Control financeiro.

As fundacións reguladas neste capítulo estarán suxeitas ao control financeiro que realizará a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, sen prexuízo das competencias que nesta materia lle correspondan ao Consello de Contas de Galicia.

Artigo 63.-Principios e procedementos en materia de subvencións.

Seranlles aplicables na súa integridade ás fundacións do sector público de Galicia os principios e os procedementos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Seralles aplicable ás fundacións do sector público de Galicia o previsto na disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposicións adicionais

Primeira.

O contido dos artigos 2.1, 5 ao 15, 22, 24, 26, 30, 41, 42.1.4 e 5, 44, 47.1, 48.2, 50 e 53.8 desta lei están redactados de conformidade cos preceptos de aplicación xeral da Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións.

Segunda.

Sen prexuízo da súa condición de fundacións do sector público de Galicia, as fundacións públicas sanitarias ás que se refire a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, seguirán a regularse pola súa normativa específica, polo que se lles aplicará o establecido no capítulo X desta lei con carácter supletorio.

Terceira.

Os notarios deberanlle comunicar ao protectorado o contido das escrituras, no referente á constitución das fundacións e ás súas modificacións posteriores, mediante a remisión de copia simple das citadas escrituras.

No caso de que a fundación se constituíse en testamento, a referida obriga será cumprida cando o notario habilitado coñecese o falecemento do testador.

Cuarta.

Seranlles aplicables ás fundacións reguladas nesta lei as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade para as entidades sen ánimo de lucro e

as normas de elaboración do plan de actuación das devanditas entidades.

Disposición transitoria

Única.

1. No prazo de dous anos, contados desde a entrada en vigor desta lei, as fundacións xa constituídas e que se atopen no ámbito de aplicación desta lei deberán adaptar os seus estatutos, cando proceda, ao disposto na devandita lei, agás o relativo ao establecido no artigo 2, e presentalos no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. A dotación das devanditas fundacións non se someterá ao réxime previsto no artigo 13 desta lei.

De maneira excepcional, o protectorado poderá prorrogar ata un máximo dun ano máis o citado prazo, logo de solicitude razoada do padroado e sempre que consten acreditadas as circunstancias que obxectivamente así o xustifiquen.

2. Logo de transcorrer o prazo ao que se refire a alínea anterior sen se producir a adaptación de estatutos, cando sexa necesario, non se inscribirá ningún documento da fundación no Rexistro Único de Fundacións de Interese Galego ata que a adaptación sexa verificada, e sen prexuízo do disposto nos artigos 41.3 e 42.5 desta lei.

3. O incumprimento das obrigas previstas nesta disposición por algunha fundación provocará que esta non poida obter subvencións ou axudas públicas da Xunta de Galicia, sen prexuízo das responsabilidades nas cales, conforme a lexislación vixente, puidese incorrer.

4. As condicións estatutarias contrarias a esta lei das fundacións constituídas a fe e en conciencia consideraranse non postas.

Disposición derrogatoria

Única.

Quedan derrogadas a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de modificación da anterior, así como todas as disposicións de rango igual ou inferior no que contradigan ou se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Autorízase a Xunta de Galicia para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.

Segunda.

Esta lei entrará en vigor ao mes da súa publicación completa no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA