DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Xoves, 21 de decembro de 2006 Páx. 18.607

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

DECRETO 232/2006, do 23 de novembro, polo que se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os órganos da Consellería de Innovación e Industria e se determinan normas de tramitación dos procedementos sancionadores nas materias da súa competencia.

O artigo 127.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece que o exercicio da potestade sancionadora correspóndelles aos órganos administrativos que a teñan expresamente atribuída por disposición de rango legal ou regulamentario.

Por outra banda, o artigo 10.1º do Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, determina que, para os efectos del, son órganos administrativos competentes para a iniciación, instrución e resolución dos procedementos sancionadores as unidades administrativas ás cales cada administración lles atribúa estas competencias. E o punto 2 do dito precepto dispón que os referidos órganos son os expresamente previstos nas normas sancionadoras e, no seu defecto, os que resulten das normas sobre atribución e exercicio de competencias establecidas no capítulo primeiro do título II da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ante a ausencia dunha disposición de carácter xeral que establecese os órganos competentes para a iniciación, instrución e resolución dos procedementos sancionadores no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, as sucesivas consellerías de Industria e Comercio, de Innovación,

Industria e Comercio e de Innovación e Industria regularon tal extremo nos decretos polos que se estableceron as estruturas orgánicas delas, sen prexuízo do disposto ao respecto na normativa sectorial de aplicación en materia de comercio, consumo, turismo e seguridade industrial.

No que atinxe ao procedemento, a potestade sancionadora nas materias de investigación, desenvolvemento e innovación, industria, seguridade industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía, minas, artesanía, telecomunicacións e sociedade da información e do coñecemento, comercio interior, consumo e turismo exércese actualmente de conformidade co establecido no título IX da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora. E isto sen prexuízo das especialidades procedimentais recollidas na normativa sectorial de aplicación en materia de seguridade industrial, consumo e turismo.

Non obstante, os órganos xurisdicionais da nosa comunidade autónoma manteñen criterios contraditorios en canto ao procedemento sancionador que resulta de aplicación ás infraccións administrativas leves xa que uns inclínanse pola necesidade de tramitar o procedemento simplificado establecido para o efecto no capítulo V do devandito regulamento e outros confirman as sancións impostas tras a tramitación do procedemento xeral previsto nos capítulos II, III e IV daquel.

Este decreto pretende, pois, reforzar a seguridade xurídica optando pola tramitación, en todo caso, do procedemento sancionador xeral, máxime cando o prazo dun mes establecido para resolver o simplificado e notificar a súa resolución aos interesados resulta insuficiente na práctica para tramitalo con todas as garantías.

A regulación que este decreto emprende atopa o seu fundamento, polo que atinxe ao ámbito competencial, no disposto no artigo 149.1.18 da Constitución española, segundo o cal as comunidades autónomas poden establecer especialidades procedementais en materia sancionadora en función das súas peculiaridades organizativas, respectando, en todo caso, os principios xerais previstos no título IX da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, os artigos 65 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e 115 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, recollen expresamente a posibilidade de establecer regulamentariamente especialidades de procedemento para a imposición das sancións previstas nas devanditas leis.

E co fin de evitar a dispersión normativa nesta materia, este decreto distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os distintos órganos da Consellería de Innovación e Industria e determina as normas de tramitación dos pro

cedementos sancionadores nas materias da súa competencia, recollendo as especialidades competenciais e procedementais recollidas na normativa sectorial de aplicación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de novembro de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto deste decreto é establecer os órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora nas materias de investigación, desenvolvemento e innovación, industria, seguridade industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía, minas, artesanía, telecomunicacións e sociedade da información e do coñecemento, comercio interior, consumo e turismo, así como determinar as normas de tramitación dos procedementos sancionadores nas ditas materias.

Artigo 2º.-Órganos competentes para a iniciación e instrución dos procedementos sancionadores.

1. A competencia para iniciar os procedementos sancionadores obxecto deste decreto correspóndelles ás delegacións provinciais da consellería competente por razón da materia.

Non obstante, a dita competencia correspóndelles ás direccións xerais competentes na materia de que se trate nos casos de infraccións administrativas que afecten o ámbito territorial de dúas ou máis provincias da Comunidade Autónoma de Galicia. Para tal efecto, poderá tramitarse un único expediente como consecuencia de infraccións cometidas por unha mesma persoa física ou xurídica en dúas ou máis provincias.

2. A instrución dos referidos procedementos sancionadores correspóndelles ás unidades administrativas das delegacións provinciais ou, se é o caso, das direccións xerais que sexan competentes por razón da materia de que se trate.

3. A competencia para iniciar, instruír e tramitar os procedementos sancionadores en materia de defensa do consumidor e do usuario correspóndelles ao Servizo de Protección ao Consumidor do Instituto Galego de Consumo e aos servizos provinciais do dito organismo autónomo.

4. A instrución dos procedementos sancionadores en materia de turismo correspóndelles ás unidades de turismo das delegacións provinciais.

Artigo 3º.-Órganos competentes para a resolución dos procedementos sancionadores.

1. Sen prexuízo das especialidades que se establecen no punto seguinte, a competencia para a resolución dos procedementos sancionadores a que fai referencia o artigo 1º deste decreto correspóndelles:

a) Nas infraccións leves, ás delegacións provinciais da consellería competente por razón da materia

cando afecten unicamente o seu respectivo ámbito territorial e ás direccións xerais competentes na materia no caso previsto no segundo parágrafo do punto 1 do artigo anterior.

b) Nas infraccións graves, á persoa titular da consellería competente na materia.

c) Nas infraccións moi graves, ao Consello da Xunta de Galicia.

2. Os órganos competentes para resolver os procedementos sancionadores nas materias de comercio, defensa do consumidor e do usuario e turismo, de conformidade co establecido na súa normativa sectorial de aplicación, son os seguintes:

A) Comercio:

a) Nas infraccións leves, as delegacións provinciais.

b) Nas infraccións graves, a dirección xeral competente en materia de comercio.

c) Nas infraccións moi graves, a persoa titular da consellería para a imposición de sancións de multa desde 30.001 A ata 300.000 A e o Consello da Xunta de Galicia desde 300.001 A ata 1.200.000 A.

B) Defensa do consumidor e do usuario:

a) As delegacións provinciais do Instituto Galego de Consumo, para a imposición de sancións de multa de ata 3.005,06 A.

b) A Presidencia do Instituto Galego de Consumo, desde 3.005,07 A ata 15.025,30 A.

c) O/a titular da consellería, para a imposición de sancións superiores a 15.025,31 A.

d) O Consello da Xunta de Galicia, para a imposición de sancións que leven consigo a clausura dun establecemento.

C) Turismo:

a) Os delegados ou delegadas provinciais, para a imposición das sancións de apercibimento e de multa de ata 601,01 A.

b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de turismo, para as sancións de multa comprendidas entre 601,02 A e 6.010,12 A.

c) O/a titular da consellería, para as sancións de multa comprendidas entre 6.010,13 A e 60.101,21 A.

d) O Consello da Xunta de Galicia, para as que supoñan o pechamento dos establecementos autorizados pola Administración turística ou a suspensión da dita autorización ou do título-licenza.

Artigo 4º.-Tramitación dos procedementos sancionadores.

1. Sen prexuízo das especialidades que se establecen nos puntos seguintes, os procedementos sancionadores nas materias recollidas no artigo 1º deste decreto, xa sexan por infraccións leves, graves ou moi graves, tramitaranse conforme o procedemento xeral previsto no Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. Os procedementos sancionadores en materia de consumo tramitaranse tamén de conformidade co disposto no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, ou na norma que o substitúa.

3. A tramitación dos procedementos sancionadores en materia de turismo axustarase, así mesmo, ao disposto no artigo 100 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo de Galicia.

4. O prazo para resover os procedementos sancionadores en materia de seguridade industrial é dun ano contado desde a data da súa incoación, de acordo co establecido no artigo 35.2º da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia.

5. Transcorrido o prazo máximo para resolver os procedementos sancionadores sen que recaese resolución, producirase a caducidade deles. No caso de que a infracción non prescribise, deberá iniciarse un novo procedemento sancionador.

Disposición transitoria

Os procedementos sancionadores iniciados antes da entrada en vigor deste decreto tramitaranse e resolveranse de conformidade co disposto nel.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Innovación e Industria para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de novembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria