DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 28 de decembro de 2006 Páx. 18.906

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Exposición de motivos.

A Comunidade Autónoma de Galicia, consonte o artigo 30.1.4 do seu Estatuto de autonomía, posúe competencia exclusiva en materia de comercio interior, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia, nos termos do disposto nos artigos 38, 131 e 149.1.11 da Constitución española.

A lexislación actualmente en vigor, en materia de horarios comerciais, vén configurada polos artigos 13 e 44.3 da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de comercio interior de Galicia, e mais polo Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Logo de transcorrer máis dunha década desde a antedita regulación legal, é evidente que o sector comercial experimentou numerosos cambios que aconsellan unha actualización e posta ao día na regulamentación existente. Neste sentido, o Goberno galego, por iniciativa da Consellaría de Innovación e Industria e no exercicio das competencias estatutarias actualmente recoñecidas, considera preciso establecer un novo réxime de horarios comerciais que incorpore os elementos oportunos para atender de forma adecuada as necesidades do sector comercial de Galicia, no que se conxuguen os diferentes intereses e sensibilidades e garanta o nivel axeitado de oferta aos consumidores.

Esta lei quere preservar o modelo comercial galego, que se caracteriza pola relevante presenza do comercio retallista no tecido produtivo do país. Este elemento exerce unha función social moi importante, pois, por unha banda, constitúe un elemento esencial na configuración do territorio e na vertebración das vilas, cidades e barrios de Galicia, configurándoos como máis habitables e seguros, e, por outra banda, garante o abastecemento das persoas, especialmente, as que, por idade e outras circunstancias, teñen dificultades de mobilidade.

Este comercio urbano de proximidade, integrado maioritariamente por pequenas empresas familiares, desenvolve tamén unha función económica importante, ao representar un factor clave na creación de traballo autónomo estable e na redistribución da renda e da riqueza. A súa defensa constitúe un sistema eficaz para loitar contra a desertización dos centros urbanos e o desemprego.

Neste contexto, a regulación dos horarios preséntase como un elemento esencial na ordenación do comercio como instrumento que permite facer posible o equilibrio entre as grandes empresas de distribución e o conxunto de pequenas e medianas empresas comerciais.

Outra das finalidades desta lei é a de procurar o necesario equilibrio entre abastecemento comer

cial e conciliación da vida familiar e laboral, para o que contén medidas encamiñadas a fomentar o descanso de todos os cidadáns e cidadás -sen excepción- nos festivos máis significados.

Así mesmo, a lei arbitra medidas para lles posibilitar aos concellos a elección dos domingos e festivos que consideren máis interesantes para o exercicio da actividade comercial, así como a de vixiaren condutas que se opoñan ao disposto nesta lei, coa atribución dunha importante función inspectora que, como administración máis próxima aos cidadáns e cidadás, poden desenvolver con maior control e eficacia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de horarios comerciais de Galicia.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1.-Obxecto.

Esta lei ten por obxecto a regulación dos horarios de apertura e pechamento dos establecementos comerciais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia co fin de favorecer e de lles garantir o desenvolvemento harmónico do comercio galego e un mellor servizo aos consumidores.

Artigo 2.-Ámbito de aplicación.

1. Esta lei seralles aplicable ás actividades comerciais de carácter retallista que se desenvolvan no ámbito territorial de Galicia. Enténdese por actividade comercial de carácter retallista, para os efectos desta lei, a definida como tal pola correspondente lei reguladora da actividade comercial de Galicia.

2. Quedan excluídas do ámbito desta lei aquelas actividades comerciais que, por razón do seu obxecto, estivesen reguladas por unha lexislación especial; en particular, farmacias e estancos, aos que esta lei lles será aplicable de forma supletoria.

Capítulo II

Réxime xeral de horarios

Artigo 3.-Publicidade de horarios.

En todos os establecementos comerciais deberá figurar a información aos consumidores dos horarios de apertura e pechamento, que se exporá en lugar visible desde o exterior, mesmo cando o local estivese pechado.

Artigo 4.-Horario xeral.

1. Recoñécese a liberdade dos comerciantes para fixaren os horarios dos seus establecementos comerciais, dentro das limitacións establecidas nesta lei.

2. O horario no que os establecementos comerciais poderán desenvolver a súa actividade será, como máximo, de doce horas ao día e de setenta e dúas horas á semana.

3. A franxa horaria na que se desenvolverá a actividade comercial será entre as 8.00 e as 24.00 horas. Porén, os días 24 e 31 de decembro, para o caso de seren laborais, o horario de pechamento dos establecementos comerciais realizarase, como máximo, ás 20.00 horas.

4. Cada comerciante, dentro do límite máximo establecido neste artigo, determinará libremente o horario de apertura e pechamento do establecemento e arbitrará todas as medidas necesarias para que as traballadoras e os traballadores, segundo as súas necesidades persoais e familiares, poidan acceder a calquera das modalidades de xornada e horarios previstos legalmente. Todo isto sen que as posibles opcións exercidas, tanto na modalidade de xornada coma na modalidade horaria, poidan afectar negativamente a igualdade de dereitos e prestacións de traballadoras e traballadores.

Artigo 5.-Réxime de domingos e días festivos.

1. Os domingos e días festivos nos que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ao público serán, como máximo, de oito ao ano.

2. Os establecementos comerciais deberán permanecer pechados os días 1 de xaneiro, 1 de maio, 17 de maio, 25 de xullo e 25 de decembro.

3. O tempo máximo entre a apertura e o pechamento en domingos e días festivos autorizados será de doce horas.

Artigo 6.-Procedemento de determinación dos domingos e días festivos hábiles comercialmente.

1. Os domingos e festivos de apertura serán determinados para cada período anual mediante orde da consellaría que posúa as competencias en materia de comercio, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, antes do 15 de outubro do ano anterior ao da súa aplicación, logo de consulta ás asociacións de consumidores máis representativas con implantación en toda a comunidade, ao Consello Galego de Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e Navegación de Galicia e ás demais organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas de Galicia.

2. Con independencia do establecido na alínea anterior e co obxectivo de protexer os intereses comerciais nos diferentes concellos, así que fosen publicadas no Diario Oficial de Galicia as datas ás que fai referencia este artigo, calquera concello poderá solicitar da consellaría competente en materia de comercio a modificación de dúas datas para o seu termo municipal. Esta solicitude deberá ser motivada e realizarse antes do 15 de novembro, tendo que se presentar acompañada dos informes emitidos pola cámara de comercio, industria e navegación da zona e polas organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas. A consellaría resolverá no prazo de quince días, contados desde a presentación da solicitude. De transcorrer o devandito prazo sen resolución expresa, considerarase estimada a petición. Con anterioridade

ao 15 de decembro serán publicados no Diario Oficial de Galicia os cambios que se tivesen aprobado.

Artigo 7.-Día das Letras Galegas.

Autorízanse os establecementos dedicados á venda de libros para que abran o día 17 de maio de cada ano, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.

Capítulo III

Réxime especial de horarios

Artigo 8.-Establecementos con liberdade horaria.

1. As limitacións ás que se refiren os artigos 4 e 5 non afectan os seguintes casos:

a) Os establecementos dedicados esencialmente á venda de produtos de pastelaría, repostaría, churraría, pan, pratos preparados, prensa, flores e plantas e mais as chamadas tendas de conveniencia.

b) Os establecementos instalados en puntos fronteirizos, estacións e medios de transporte terrestre, marítimo e aéreo. Para o suposto da existencia de centros comerciais orientados a atraeren unha demanda comercial allea á propia de tales puntos de venda, aplicaránselles, en canto ao seu horario, as limitacións dos artigos 4 e 5.

c) Os establecementos dedicados, principalmente, á venda de combustibles e carburantes. Para o caso de existir establecementos comerciais cuxa oferta principal non estivese vinculada á venda de combustibles e carburantes, aplicaránselles, en canto ao seu horario, as limitacións dos artigos 4 e 5.

d) Os establecementos comerciais situados en zonas de grande afluencia turística, consonte o establecido polo artigo 9.

e) Os establecementos comerciais situados no contorno inmediato da celebración de feiras e mercados tradicionais, durante o mesmo horario no que teña lugar o devandito mercado.

Os concellos deben autorizar a apertura destes establecementos, así como a delimitación da área correspondente. Para a delimitación da área de apertura requirirase informe previo favorable da cámara de comercio, industria e navegación da zona, así como das organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas. A autorización así acordada débelle ser comunicada á Dirección Xeral de Comercio. Para o caso de non existir acordo entre as referidas entidades, respecto da delimitación da área de apertura, será a Dirección Xeral de Comercio a que autorice tal delimitación, logo de valoración obxectiva dos informes emitidos polas devanditas entidades.

f) Os establecementos comerciais situados en locais ou recintos de afluencia turística, como museos, monumentos e centros recreativos turísticos, e aos cales estean directamente vinculados polo produto comercializado. No suposto de existir centros comerciais orientados a atraeren unha demanda comercial allea á propia de tales puntos de venda, aplicaránselles, en canto ao seu horario, as limitacións dos artigos 4 e 5.

g) Os establecementos comerciais situados en establecementos hoteleiros, sempre e cando a actividade que desenvolvan teña carácter permanente e non poida accederse a eles directamente desde a rúa. Non se inclúen neste suposto as actividades comerciais ocasionais levadas a cabo en salas de hoteis, restaurantes e similares habilitadas para este efecto, que deben rexerse consonte o artigo 4.

h) Os establecementos comerciais que dispoñan dunha superficie útil para a exposición e a venda ao público de ata 150 metros cadrados, excluídos os pertencentes a empresas ou grupos de distribución que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa, segundo a lexislación vixente, ou que operen baixo o mesmo nome comercial dos devanditos grupos ou empresas.

2. Para os efectos do establecido por esta lei, enténdese por tenda de conveniencia o establecemento comercial cuxa superficie útil de venda e exposición ao público non supera os 500 metros cadrados e distribúe a súa oferta de maneira semellante entre todos e cada un dos seguintes grupos de artigos: libros, xornais e revistas; produtos de alimentación; discos e vídeos; xoguetes, agasallos e artigos diversos. Estes establecementos deben permanecer abertos ao público, como mínimo, dezaoito horas ao día durante todo o ano. A oferta alimentaria será menor do trinta por cento das referencias e do vinte e cinco por cento da superficie de exposición e venda do establecemento.

3. Os establecementos situados en zonas de grande afluencia turística e os establecementos aos que se refire a letra h) da alínea 1 deben adiantar tamén o seu horario de pechamento ás 20.00 horas os días 24 e 31 de decembro. Así mesmo, tales establecementos deberán permanecer pechados os días 1 de xaneiro, 1 de maio, 17 de maio, 25 de xullo e 25 de decembro.

Malia o anterior, para o caso daqueles establecementos referidos na letra h) da alínea 1 nos que algún dos cinco días de pechamento obrigatorio coincida coa celebración de feira ou mercado tradicional na vila na que estean radicados, estes poderán proceder á apertura dos seus establecementos, dentro do horario habitual de mercado.

Artigo 9.-Determinación das zonas de grande afluencia turística.

1. Para determinar as zonas de grande afluencia turística, exceptuadas do réxime xeral, é precisa a proposta motivada do concello directamente afectado, que será aprobada por maioría absoluta do pleno, a cal deberá especificar se a exclusión se pide para a totalidade do municipio ou só para unha parte deste, e indicar o período ou os períodos do ano aos que se circunscribe a solicitude e mais a franxa horaria de apertura diaria solicitada, e á que deben achegarse os seguintes informes:

a) Informe da cámara de comercio do ámbito territorial afectado.

b) Informe das asociacións ou agrupacións de comerciantes retallistas máis representativas do sector comercial no ámbito territorial afectado.

c) Informe das asociacións de consumidores e usuarios máis representativas no ámbito territorial afectado.

d) Informe das organizacións sindicais máis representativas no ámbito territorial afectado.

2. A consellaría competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a proposta á que se refire a alínea 1, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

3. De proceder a modificación da resolución ditada, con base na necesariedade obxectiva dos consumidores, abrirase de novo o procedemento establecido na alínea 1 coa participación das asociacións e organizacións subliñadas nela e cos informes preceptivos do concello, se é o caso, e da dirección xeral competente en materia de turismo.

4. A proposta á que se refire a alínea 1 considerarase aprobada de non se ditar resolución expresa no prazo tres meses, contados desde a súa presentación xunto con toda a documentación preceptiva.

5. A declaración de zona de grande afluencia turística, para os efectos desta lei, terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellaría competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan na alínea 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Capítulo IV

Establecementos con venda de bebidas alcohólicas

Artigo 10.-Limitación de venda de bebidas alcohólicas.

Os concellos, no ámbito do seu termo municipal, poderán acordar de maneira singularizada, por razóns de orde pública, imporlles aos establecementos comerciais que inclúan na súa oferta bebidas alcohólicas a prohibición de expenderen este tipo de bebidas desde as 22.00 horas deica as 9.00 horas do día seguinte, con independencia do réxime de apertura que lles fose aplicable. A imposición desta prohibición deberalle ser comunicada á dirección xeral competente en materia de comercio.

Capítulo V

Réxime sancionador

Artigo 11.-Clasificación das infraccións.

As infraccións tipificadas por esta lei clasifícanse en leves, graves ou moi graves.

Artigo 12.-Infraccións leves.

Son infraccións leves:

a) A apertura do establecemento comercial en horario non autorizado.

b) O incumprimento do tempo máximo de apertura do establecemento comercial.

c) A falta de exposición do horario de apertura do establecemento comercial de maneira visible ao público, mesmo co establecemento pechado.

d) O incumprimento das obrigas establecidas nesta lei ou nas normas ditadas para o seu desenvolvemento, que non sexan obxecto de sanción específica.

Artigo 13.-Infraccións graves.

Son infraccións graves:

a) A apertura do establecemento comercial en domingo ou día festivo non incluído no calendario anual dos hábiles comercialmente.

b) A reincidencia na comisión de infraccións cualificadas de leves, dentro dun período de dous anos consecutivos ou de catro alternativos.

c) As infraccións a esta lei se a empresa infractora fai publicidade, mediante calquera medio de difusión, da apertura non autorizada.

d) A venda de bebidas alcohólicas en horario prohibido.

Artigo 14.-Infraccións moi graves.

Son infraccións moi graves a reincidencia na comisión de infraccións cualificadas como graves dentro dun período de dous anos consecutivos ou de catro anos alternativos, sempre e cando non fose como consecuencia de reincidencia na comisión de infraccións leves.

Artigo 15.-Sancións.

1. As infraccións tipificadas por esta lei, logo da instrución do correspondente expediente administrativo, serán sancionadas mediante a aplicación das seguintes multas:

a) As infraccións leves, cunha multa de ata 60.000 euros.

b) As infraccións graves, cunha multa de entre 60.001 euros e 300.500 euros.

c) As infraccións moi graves, cunha multa de entre 300.501 euros e 600.000 euros.

2. Para graduar o importe da sanción teranse en conta:

a) A superficie de venda do establecemento.

b) A pertenza a unha grande empresa ou grupo empresarial.

c) O volume de vendas.

d) A contía do beneficio ilícito obtido como consecuencia da actuación infractora.

e) O grao de intencionalidade da infracción.

f) O prazo de tempo durante o cal se estivese a cometer a infracción.

g) A reincidencia.

Artigo 16.-Reincidencia.

Para os efectos do establecido nesta lei, considérase que concorre reincidencia se, ao cometer unha infracción, o culpable fose sancionado anteriormente mediante unha resolución administrativa firme. Non se considerarán os antecedentes infractores cancelados.

Artigo 17.-Cancelación de antecedentes.

1. Considéranse cancelados os antecedentes infractores cando teñan transcorrido:

a) Dous anos, nas infraccións leves.

b) Tres anos, nas infraccións graves.

c) Cinco anos, nas infraccións moi graves.

2. Os prazos establecidos na alínea anterior comezan a contar ao día seguinte do día no que resultase firme a resolución sancionadora.

Artigo 18.-Inspección, procedemento e órganos sancionadores.

1. Co fin de velar polo cumprimento desta lei, as funcións inspectoras serán compartidas pola consellaría competente en materia de comercio conxuntamente cos concellos.

En todo caso, as actas de inspección iniciadas polos respectivos concellos serán remitidas, nun prazo máximo de quince días, á delegación provincial correspondente da consellaría competente en materia de comercio, co fin de proceder á tramitación regulamentaria do procedemento sancionador.

2. A resolución de expedientes sancionadores correspóndelles:

a) Nas infraccións leves, aos delegados ou delegadas da consellaría competente en materia de comercio, segundo o órgano que acordase a iniciación do expediente sancionador.

b) Nas infraccións graves, ao conselleiro ou conselleira competente en materia de comercio.

c) Nas infraccións moi graves, ao Consello da Xunta.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo caso, o establecido nesta lei en materia de apertura e pechamento de establecementos comerciais deberá respectar a lexislación laboral vixente.

Segunda.-A consellaría competente en materia de comercio poderá, excepcionalmente, de maneira motivada, e mediante consulta previa ás cámaras de comercio, industria e navegación, así como ás organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativo, declarar hábil comercialmente algún día, a maiores dos previstos neste texto legal, co obxectivo de evitar un posible falta de abastecemento da poboación, por mor da concorrencia de varios días comercialmente inhábiles ou por declararse laborable algún dos días aos que

fan alusión a alínea 2 do artigo 5 e a alínea 3 do artigo 8 desta lei.

Disposición transitoria

Para os efectos da liberdade de apertura dos establecementos comerciais, no momento de entrada en vigor desta lei, as zonas que teñan a consideración de grande afluencia turística manterán esta cualificación.

Disposición derrogatorias

Quedan derrogados os artigos 13 e 44.3º da Lei 10/1988, do 20 de xullo, de comercio interior de Galicia; o Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 98/1998, do 20 de marzo, e todas as normas que se opoñan ao regulado nesta lei.

Disposicións derradeira

Primeira.-Desenvolvemento.

Autorízase a Xunta de Galicia para ditar as normas precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES