DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 10 de xaneiro de 2007 Páx. 416

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

Preámbulo

Non cabe dúbida do valor do libro como poderoso vehículo de comunicación do noso tempo. Na época da sociedade da información, o libro e a lectura seguen sendo instrumentos fundamentais para a difusión do saber, por convivir e complementarse coas tecnoloxías audiovisuais e os sistemas multimedia que teñen dado lugar a novos soportes. A defensa e o apoio do libro e da lectura, entendida esta na súa dimensión individual, fonte de formación e lecer, e colectiva, garante dunha sociedade libre e democrática, constitúen un deber das administracións públicas, en virtude do mandato constitucional de promover un acceso igualitario de todos e todas á cultura.

Así mesmo, este apoio institucional expreso ao libro e á lectura obedece á súa condición de instrumentos indispensables para a transmisión da cultura e o desenvolvemento da identidade de noso, así como á súa importancia no proceso de normalización dos usos sociais e públicos da lingua propia de Galicia.

Ao longo da historia, o libro ten desempeñado diversas funcións sociais, favorecendo a transmisión de información e o desenvolvemento de novas ideas, a capacidade de razoamento e o pensamento abstracto, a creatividade, a sensibilidade e o espírito crítico. Entre os indicadores do nivel de vida dunha sociedade, aqueles que sinalan as posibilidades de acceso das persoas aos bens culturais teñen unha importancia capital. O apoio ao libro, á lectura e á industria que o sustenta é hoxe máis necesario que nunca, ao detectarse tendencias proclives á pasividade no consumo de produtos culturais. Defender e facilitar o achegamento da poboación á cultura, e ao libro como o seu referente fundamental, garante o desenvolvemento democrático e solidario da sociedade, así como a participación activa, crítica e creadora da cidadanía. O libro é, en definitiva, unha fonte de liberdade persoal que posibilita unha actividade intelectual plena e fomenta o respecto á pluralidade e á diversidade cultural da

humanidade e das súas culturas e linguas.

Ademais da súa dimensión de ben cultural que cómpre preservar e promover, o libro é tamén un ben económico que debe ser regulamentado e apoiado, e debe garantirse que a súa produción, difusión e gozo se realice consonte a súa condición de dereito cultural de todos os galegos e galegas e as esixencias de pluralismo e diversidade propios dunha sociedade libre.

A Constitución española, no seu artigo 44.1, recolle a obriga dos poderes públicos de promover e tutelar o acceso á cultura que, como dereito, teñen todos os españois. O Estatuto de Galicia, no seu artigo 27, apartados 19 e 20, recolle pola súa vez as competencias do Goberno autónomo en materia de cultura, fomento do uso da lingua propia de Galicia e apoio ao sector industrial. En virtude destas competencias,

a Xunta de Galicia establece mediante esta Lei do libro e da lectura as bases para unha intervención integral na sociedade galega, que permita un desenvolvemento do sector relacionado co libro e outros soportes culturais e a formación progresiva dunha armazón cultural que favoreza a lectura como actividade prestixiada e valorada, fonte de formación individual e medio para a consecución dos obxectivos da colectividade. A defensa e a promoción da lectura son básicas para o enriquecemento persoal da cidadanía e para o fortalecemento dunha sociedade libre que exerza con plenitude os seus dereitos civís e democráticos.

Tendo en conta as características propias da nosa comunidade, esta lei recoñece o libro e a lectura como instrumentos indispensables para a transmisión da cultura e para o desenvolvemento da identidade de noso. Ademais, procura a promoción do libro galego e da súa lectura polo que supoñen de contribución xenuína de Galicia ao marco mundial da cultura, xa que son dúas pezas básicas para configurar as achegas que o noso país está chamado a facer. Entre os seus obxectivos está o de incrementar os índices de lectura da poboación, facendo especial fincapé nos tramos de idade máis novos e nos sectores menos sensibilizados, na procura dunha equiparación coas comunidades do noso contorno. Estes índices de lectura deben ser considerados como indicadores de benestar, de calidade no desenvolvemento comunitario e de conciencia cívica. Particularmente, a lei busca incrementar os índices de lectura en lingua galega, por entender que o libro galego é tanto un vehículo como un instrumento no

fortalecemento do sistema literario e cultural galegos, na difusión da cultura galega no exterior e no proceso de normalización lingüística, razón pola que se ha procurar tamén unha especial incidencia nos ámbitos sociais onde a práctica e o fomento da lectura teñan unha dimensión substancial, xunto con aqueloutros que precisen do libro e da lectura como elementos indispensables para acadar un desenvolvemento intelectual das persoas que mellore a súa integración e convivencia.

Cómpre non esquecer que a promoción do libro e o fomento da lectura son procesos que esixen unha planificación, na que se debe implicar todos os axentes que converxen e contribúen, desde os seus respectivos ámbitos, a espertar nas persoas a necesidade de ler para comunicarse, para coñecer, para participar na sociedade, en definitiva, para vivir, así como a estender a percepción da lectura como actividade enriquecedora. Desde esta perspectiva, esta lei é froito do debate e da reflexión de todos os colectivos vinculados á súa materia que en sucesivas sesións foron contribuíndo, con achegas que expresan as súas preocupacións e intereses, á redacción do texto que se recolle a seguir e que inclúe diferentes medidas para estimular e potenciar o crecemento e o desenvolvemento deste sector estratéxico e que promovan a lectura. Estas medidas son susceptibles de se complementar con outras normas regulamentarias ou actuacións concretas, que lles confiran maior profundidade e eficacia na

aplicación práctica.

Contémplanse nesta lei medidas que perseguen artellar unha política de promoción dos creadores e creadoras galegos; potenciar a tradución á nosa lingua; establecer liñas de axudas destinadas aos diferentes axentes, particularmente encamiñadas á renovación tecnolóxica e á modernización da industria do libro e das estruturas de distribución; colaborar coas editoras galegas e as súas asociacións profesionais; sancionar edicións clandestinas e copias non autorizadas de libros; regulamentar a actividade editorial pública e a distribución e venda de publicacións oficiais; dotar convenientemente as bibliotecas e favorecer as relacións entre estas e as librarías; apoiar a creación de clubs do libro; favorecer a cooperación na edición de publicacións de interese para a cidadanía; participar nas actividades feirais nacionais e internacionais; apoiar as iniciativas tendentes á apertura de novos mercados; favorecer o acceso á información sobre axudas e medidas de promoción; facilitar o

achegamento do lectorado aos libros; establecer canles de colaboración cos medios de comunicación social; apoiar as asociacións e publicacións que teñen como finalidade a promoción do libro galego, e conceder premios, bolsas e outros recoñecementos.

Tamén se persegue co articulado da lei estruturar e racionalizar as edicións promovidas polos poderes públicos de Galicia, que se rexerán polos criterios de necesidade administrativa, utilidade social e austeridade. Ademais disto, de acordo co establecido nos artigos 5, 27.19, 27.20, 32 e 34 do Estatuto de autonomía de Galicia, nos artigos 6.3, 18 e 20.3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e no preámbulo da Lei 5/1988, do 21 de xuño, do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, estas edicións realizaranse usualmente en lingua galega, sen prexuízo de que, cando as súas finalidades o aconsellasen, se impriman, tamén, noutras linguas oficiais ou estranxeiras.

A estruturación da lei contempla sete capítulos. O capítulo I contén as disposicións directivas xerais que regulan o obxecto da lei, o ámbito de aplicación e os plans e programas de actuación dirixidos a cubrir as necesidades de planificación. O capítulo II dedícase a expoñer as medidas que afectan aos diferentes axentes que participan no sector do libro. Os capítulos III e IV conságranse ás medidas de promoción e fomento do sector do libro e da lectura. O capítulo V prevé a creación do Consello Asesor do Libro, organismo dedicado ao estudo e ao asesoramento á Administración autonómica no referente ás políticas relacionadas cos contidos desta lei. O capítulo VI regula o depósito legal coa finalidade de recompilar o material bibliográfico, gráfico, sonoro, audiovisual, electrónico ou realizado en calquera soporte editado na Comunidade Autónoma galega con fins de difusión. Finalmente, o capítulo VII recolle aspectos referidos ao control de edicións e á protección dos dereitos de

propiedade intelectual, medidas que velarán polo apoio ás asociacións galegas dos diferentes colectivos implicados na creación, produción e difusión do libro, pola formación permanente de todos os axentes do libro e pola posta en marcha de proxectos que incidan na difusión dos produtos editoriais galegos.

Esta lei non pode entenderse como a atribución á Administración autonómica galega dunha función exclusiva, dirixista ou interventora na materia. Nace coa aspiración de regulamentar as funcións de apoio, colaboración e axuda ao sector do libro e á promoción da lectura e garántelles a todos os axentes implicados aquí consignados (creadores e creadoras, tradutores, mediadores culturais, editoras, profesionais das artes gráficas e reprodución dos soportes, distribuidoras, librarías, clubs do libro e bibliotecas) a participación e o asesoramento no desenvolvemento das súas funcións e aos lectores e lectoras a preservación dos seus dereitos como tales. Así mesmo, confíalle á administración as tarefas de planificación, información e coordinación arredor do libro e da lectura, co fin de favorecer a sociedade galega, protagonista indiscutible do desenvolvemento da nosa cultura.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei do libro e da lectura de Galicia.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1.-Obxecto.

Esta lei ten como obxecto:

a) Promover a extensión social da lectura.

b) Promocionar o libro e a lectura en galego.

c) Definir un marco xurídico para promover o proceso de creación ou preparación do libro, como xeito de garantir a variedade, calidade e accesibilidade do libro galego ou editado en Galicia e de realizar un fomento eficaz da lectura.

d) Así mesmo, este marco xurídico orientarase cara á modernización e á posta en valor de todos os axentes implicados na existencia e difusión do libro e a procurar o crecemento e a diversificación do sector editorial galego e dos seus produtos.

e) Regular o depósito legal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Apoiar a ampliación da oferta editorial en lingua galega naqueles eidos onde presenta maiores carencias temáticas ou de tipoloxías de edición.

g) Favorecer todas as accións tendentes a incrementar a coordinación entre todos os axentes do libro.

Artigo 2.-Recoñecemento do libro como elemento identificador de Galicia.

A Xunta de Galicia recoñecerá o carácter estratéxico e prioritario do sector do libro pola súa importancia cultural, social e económica, como instrumento para a expresión do dereito á creación, á promoción e á divulgación da cultura, da historia e da lingua de Galicia.

Artigo 3.-Ámbito de aplicación.

Os preceptos desta lei seranlles aplicables ás publicacións que se fagan en Galicia, periódicas ou non, tanto impresas como editadas en calquera soporte sus

ceptible de lectura, así como aos materiais complementarios e paratextos que se editen conxuntamente co libro.

Artigo 4.-Plans e programas.

1. Co fin de programar e coordinar as medidas de promoción do libro e do fomento da lectura previstos nesta lei, a Xunta de Galicia, a través da consellaría competente, elaborará e aprobará, logo de lles dar audiencia aos axentes do libro, ou en colaboración con eles, plans e programas de actuación, anuais ou plurianuais, coa dotación orzamentaria adecuada. Os resultados e a avaliación destes presentaranse bienalmente no Parlamento.

2. A Xunta de Galicia realizará investigacións e estudos sobre os diversos aspectos que rodean o libro e a lectura para poñelos ao alcance dos profesionais implicados e para basear os programas e plans propios.

Capítulo II

Dos axentes do libro

Artigo 5.-Dos creadores e creadoras.

1. Para o obxecto desta lei enténdese por creadores e creadoras as persoas que interveñen no proceso de creación do libro, nos correspondentes labores de escritura, tradución, edición, impresión, produción, elaboración, deseño gráfico, diagramación e ilustración do libro.

2. A Xunta de Galicia articulará unha política de promoción dos creadores e creadoras galegos, en todas as súas modalidades e xéneros, poñendo especial atención en acrecentar aqueles tipos de edición máis deficitarios segundo se manifeste nos estudos que se realicen. Esta promoción abranguerá desde o ámbito social da comunidade ata aqueloutros ámbitos estatais e internacionais nos que se considere conveniente.

3. A Xunta de Galicia apoiará a difusión e promoción do traballo de novos creadores/as.

Artigo 6.-Dos tradutores e tradutoras.

1. Co obxecto de promover o uso do galego e enriquecer o noso patrimonio cultural, a Xunta de Galicia potenciará a tradución á nosa lingua e da nosa lingua a outras linguas. Con este fin elaborará unha liña de axudas periódicas e fomentará a tradución mediante convenio coas editoras e asociacións de tradutores e tradutoras. Promoverase especialmente a tradución de obras da literatura universal, así como daqueles textos que se consideren de referencia obrigada nos distintos ámbitos científicos e técnicos ou dos que se poidan empregar como manuais de estudo nas universidades galegas.

2. Como medida de apoio ás persoas que trasladan para o galego textos orixinariamente redactados noutras linguas, a Xunta de Galicia poderá colaborar coas editoras galegas na tradución de clásicos da literatura universal e doutras obras de publicación recomendable que, pola súa natureza ou alto custo, precisen de axudas públicas.

Artigo 7.-Das editoras.

1. Os poderes públicos colaborarán coas editoras galegas e as súas asociacións profesionais, ás que apoiarán no seu funcionamento, naquelas actuacións que se articulen arredor da actividade editorial, no seu dobre aspecto de ben cultural e de ben industrial e económico.

2. A Xunta de Galicia potenciará a produción editorial en galego. Con este fin elaborará unha liña de axudas de carácter anual ou bienal que, atendendo todos os tipos de edición, sexan no soporte tradicional de papel, en edición dixital ou en rede, asegure tanto a presenza das novidades editoriais en lingua galega na rede bibliotecaria pública como a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas áreas nas que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a vehicular da súa aprendizaxe. Con esta finalidade constituiranse comisións de asesoramento e valoración para o estudo das diferentes solicitudes de axuda, nas que estarán presentes, ademais dos membros das diferentes administracións convocantes, representantes dos diferentes subsectores profesionais implicados e do Consello Asesor do Libro.

Artigo 8.-Da actividade editorial pública.

1. Os poderes públicos de Galicia, no ámbito das súas competencias, promoverán unha actividade editorial co obxecto de fomentar a lectura, recompilar normas xurídicas emanadas dos seus órganos e informar a cidadanía sobre o traballo das diferentes administracións ou sobre cuestións consideradas de interese xeral.

2. A Xunta de Galicia organizará a súa actividade editorial por medio dun Servizo Central de Publicacións, que se creará e regulará por medio de normativa específica ditada polo Goberno galego, por iniciativa da consellaría competente en materia de cultura. No desenvolvemento da súa actividade editorial, o Servizo Central de Publicacións procurará a colaboración cos editores privados en Galicia e fomentará o sistema de coedicións ou de creación editorial concertada. Estas modalidades promoveranse, especialmente, para as edicións de proxectos de carácter literario ou relacionados coas diferentes artes.

3. O Servizo Central de Publicacións da Xunta de Galicia publicará anualmente un catálogo dos seus fondos e manterá esta información actualizada no espazo web da Xunta de Galicia. A Libraría das Publicacións da Xunta de Galicia, prevista nesta lei, dependerá deste servizo.

4. Os servizos centrais de publicacións das universidades galegas sostidas con fondos públicos, respectando o ámbito da súa autonomía, velarán por manter unha actividade editorial coordinada, dentro do espírito de racionalidade das publicacións institucionais que anima esta lei.

5. A Xunta de Galicia promoverá unha liña específica de axudas de carácter anual ou bienal para potenciar a edición universitaria en lingua galega realizada polos servizos centrais de publicacións das universidades galegas sostidas con fondos públicos en colaboración cos editores privados establecidos en Galicia.

Artigo 9.-Do sector das artes gráficas e reprodución dos soportes.

A Xunta de Galicia incentivará a modernización técnica do sector das artes gráficas, para aumentar a súa competitividade.

Artigo 10.-Das distribuidoras.

1. A Xunta de Galicia apoiará aquelas iniciativas das distribuidoras que propicien unha mellor organización profesional e unha coordinación máis fluída coas editoras, bibliotecas e librarías.

2. Na medida en que beneficie a difusión do libro galego, tanto na Comunidade galega como fóra dela, a Xunta de Galicia favorecerá a organización e actividade das distribuidoras galegas.

3. A Xunta de Galicia centralizará a distribución de todas as publicacións oficiais, de calquera departamento ou organismo do Goberno galego, con garantía de consulta e de envío a calquera punto da nosa comunidade. As bibliotecas públicas e escolares galegas recibirán puntual información de todas estas publicacións e seranlles distribuídas gratuitamente se as solicitan.

Artigo 11.-Das librarías.

1. Os libreiros son as persoas naturais ou xurídicas que, debidamente autorizadas, se dedican, exclusiva ou parcialmente, á venda de libros en establecementos mercantís de libre acceso ao público.

2. A Xunta de Galicia, mediante as campañas adecuadas, promoverá a imaxe da libraría como punto esencial de venda de libros, así como axente cultural activo indispensable para que a industria do libro manteña a súa pluralidade e creatividade, e para a consolidación do tecido cultural da sociedade.

3. A Xunta de Galicia fomentará as iniciativas do sector libreiro cara a unha maior presenza, atención e tratamento do libro en galego nas librarías.

4. A Xunta de Galicia creará unha Libraría Institucional do Servizo de Publicacións da Xunta de Galicia na que se ofrezan todas as publicacións oficiais de calquera departamento ou organismo do Goberno.

5. Crearase un rexistro de librarías, no que deberán inscribirse todas as librarías de Galicia rexentadas por persoas que cumpran os requisitos aos que se refire o artigo 11.1.

6. A Xunta de Galicia promoverá a implantación e o desenvolvemento dos soportes electrónicos, informáticos e telemáticos nas relacións comerciais do sector das librarías.

Artigo 12.-Dos clubs do libro.

1. Os clubs do libro, como agrupacións voluntarias de lectores e lectoras, serán apoiados pola Xunta de Galicia.

2. A Xunta de Galicia promoverá a implantación e o desenvolvemento dos soportes electrónicos, informáticos e telemáticos que se utilicen nos clubs do libro.

Artigo 13.-Das bibliotecas.

1. Considéranse as bibliotecas públicas como centros esenciais de información e axentes culturais activos, garantes do acceso igualitario e democrático á cultura.

2. A Xunta de Galicia articulará unha política de promoción das bibliotecas galegas co fin de achegalas e dalas a coñecer á cidadanía. Promoverá, mediante as campañas adecuadas, a imaxe da biblioteca como institución indispensable para o acceso igualitario e democrático á cultura.

3. Ademais do previsto na Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas, a Xunta de Galicia consignará anualmente, dun xeito específico, as asignacións orzamentarias para que as bibliotecas públicas e escolares poidan adquirir fondos bibliográficos e recursos técnicos que permitan manter unha colección actualizada, variada, equilibrada e de calidade nos diferentes tipos de soportes.

4. A Xunta de Galicia facilitaralles ás bibliotecas galegas a información suficiente sobre novidades do libro galego nos distintos tipos de soporte, así como das súas empresas distribuidoras.

Artigo 14.-Dos lectores e lectoras.

1. Co fin de garantir o acceso democrático á cultura de toda a cidadanía da Comunidade Autónoma, a Xunta de Galicia promoverá o acceso igualitario aos libros e outros soportes con finalidade semellante, á lectura, ás bibliotecas públicas e escolares, aos arquivos e aos centros de información, documentación e difusión literaria.

2. Para favorecer a información e a difusión do libro e do traballo dos creadores e creadoras galegos entre o lectorado, a Xunta de Galicia fomentará o desenvolvemento da crítica literaria e actividades conexas nos medios de comunicación.

Capítulo III

Promoción do libro

Artigo 15.-Axudas á promoción do sector do libro.

1. Para difundir e promover a lingua e a cultura de Galicia, das que o sector editorial é unha peza clave, a Xunta de Galicia destinará axudas ás iniciativas de renovación tecnolóxica e modernización da creación, da actividade tradutora, do sector editorial, das librarías e da venda do libro, incluídas as que se refiren á utilización de medios informáticos e audiovisuais e redes de telecomunicación, e prestaralle especial atención á implantación e desenvolvemento do telepedimento como instrumento fundamental na modernización do sector, sempre que tales axudas sexan compatibles co dereito comunitario e co resto do ordenamento xurídico.

2. A Xunta de Galicia colaborará coas editoras galegas mediante accións específicas encamiñadas á promoción do libro galego tanto en Galicia como fóra dela. Tamén apoiará as iniciativas que posibiliten novos mercados do libro editado na nosa comunidade con especial relevancia no que afecta á Unión Europea e á área iberoamericana.

Artigo 16.-Cooperación na edición.

1. Como medida para impulsar e axilizar a edición, a Xunta de Galicia, a través de convenios, cooperará con outras administracións públicas, institucións e entidades públicas e privadas para a creación, tradución, edición, difusión, distribución e comercialización de libros e outros materiais que teñan por finalidade a difusión da cultura e do patrimonio galego, e a edición de libros e materiais de lectura tanto de ficción como de información, de acordo coas prioridades que se establezan en cada caso, dentro do marco da lexislación vixente.

2. A Xunta de Galicia promoverá os procesos de I+D na edición do libro galego, en todos os soportes, especialmente no que se refire ao libro de información, ao libro de divulgación científica e ao libro de coñecemento, así como libros para persoas con discapacidade, adoptando as medidas necesarias para contribuír ao perfeccionamento deste proceso e do seu produto.

3. A Xunta de Galicia comprométese a adquirir, con periodicidade estable, para a súa difusión en todas as bibliotecas públicas, escolares e de centros universitarios, os produtos editoriais galegos segundo criterios de selección e idoneidade dos profesionais responsables destas.

Artigo 17.-Participación da Xunta de Galicia en feiras nacionais e internacionais do libro.

A Xunta de Galicia, coa colaboración do sector editorial e libreiro, promoverá a participación nas feiras nacionais e internacionais relacionadas co libro e poderá integrarse nos comités organizadores das que se desenvolvan no seu territorio, de acordo coa lexislación aplicable en cada caso.

Artigo 18.-Promoción de actividades feirais no sector.

1. A Xunta de Galicia establecerá axudas económicas e prestará asistencia técnica, na forma e cos requisitos que en cada caso se determinen, para a promoción e realización de actividades feirais relacionadas co libro nos municipios do seu territorio, xa sexa a favor de entidades locais ou dos organismos e institucións que teñan esa finalidade.

2. A Xunta de Galicia, mediante convocatorias anuais de axuda, apoiará aquelas iniciativas das asociacións de libreiros que posibiliten a organización de feiras do libro e outras actividades de promoción.

3. A Xunta de Galicia fomentará a asistencia das empresas galegas do sector do libro e dos creadores e creadoras a feiras ou exposicións que se desenvolvan fóra do seu ámbito territorial, incluídos os certames internacionais, sempre que estes teñan interese para a comercialización ou difusión das publicacións ou servizos das empresas, ou sexan de interese para o país.

4. A Xunta de Galicia realizará unha política de apoio para a apertura de novos mercados do libro galego, cunha atención especial para os mercados en lingua portuguesa.

Artigo 19.-Creación da Cámara do Libro de Galicia.

A Xunta de Galicia comprometerase a apoiar o sector editorial privado e o Consello Galego de Cámaras de Comercio na creación dunha Cámara do Libro de Galicia, que terá como obxectivo promover a exportación do libro editado en Galicia.

Artigo 20.-Información sobre as axudas e medidas de promoción do libro.

A Xunta de Galicia elaborará e manterá actualizada a relación das axudas, subvencións e medidas de promoción do libro vixentes en cada momento. Esta relación será pública e comunicaráselles periodicamente ás organizacións empresariais e profesionais do sector. Así mesmo, facilitaralles información actualizada aos interesados sobre as axudas establecidas por outras administracións públicas e pola Unión Europea para o fomento e promoción do libro e da lectura ou de actividades relacionadas con este obxectivo.

Artigo 21.-De premios, bolsas e outros recoñecementos.

A Xunta de Galicia outorgará, en colaboración cos axentes do sector, os premios da edición de Galicia ás mellores obras publicadas en galego de cada ano -narrativa, poesía, teatro, ensaio e literatura infantil e xuvenil-, á mellor tradución, ás obras mellor editadas e aos mellores labores editorial e de fomento da lectura, ás obras mellor ilustradas e outros. Así mesmo, convocará bolsas e outros posibles recoñecementos para estimular as actividades e os produtos do sector na promoción do libro tanto no seu aspecto material como de contidos.

Capítulo IV

Fomento da lectura

Artigo 22.-Fomento da lectura nas bibliotecas.

1. Dado o seu primordial papel no fomento da lectura, a Xunta de Galicia planificará a superación das carencias existentes no sistema bibliotecario de Galicia tanto de profesionais (auxiliares técnicos e técnicos bibliotecarios) como de fondos, ao asegurar a presenza das novidades editoriais en lingua galega e procurar a súa dotación e actualización, sempre tendo en conta as recomendacións e os regulamentos comunitarios.

2. A Xunta de Galicia, en coordinación coas bibliotecas públicas, coas bibliotecas escolares e coas de interese público do país, elaborará programas de fomento da lectura, xa sexa para o conxunto da poboación ou dirixidos a sectores específicos desta.

3. A Xunta de Galicia, en coordinación coas bibliotecas, elaborará programas de presentacións de libros e promocións de creadores e creadoras.

4. A Xunta de Galicia desenvolverá o sistema de bibliotecas escolares de Galicia para que lideren o fomento da lectura nas escolas e garantan o acceso ao libro desde as primeiras idades. De acordo con este modelo, as bibliotecas escolares proporcionan apoio ao programa de estudos, reúnen todos os soportes de información dos centros de ensino, fomentan a lectura de todo tipo de linguaxes e soportes documentais, forman na busca e análise da documentación e da

información e contribúen á corrección das desigualdades de orixe do alumnado. Ademais de atender as necesidades dos centros escolares, han de relacionarse coa comunidade en que estean situados os centros educativos. A Xunta de Galicia promoverá a lectura nas bibliotecas escolares.

5. A Xunta de Galicia destinará axudas aos proxectos e iniciativas de fomento da lectura elaborados polas bibliotecas integrantes do sistema bibliotecario de Galicia, e as bibliotecas escolares, nas formas e termos que se determinen en cada caso. Prestará especial atención á difusión de obras de divulgación científica, de creación literaria e de tradución á lingua galega, ao potenciar a presenza dos escritores/autores literarios e plásticos e dos tradutores.

6. A Xunta de Galicia realizará actuacións para universalizar a rede informatizada dos centros bibliotecarios que conforman o sistema bibliotecario de Galicia.

7. A Xunta de Galicia fomentará a adecuada relación entre as bibliotecas e as librarías galegas, co fin de garantir que o libro teña unha difusión conveniente e equilibrada en todo o territorio galego. Así mesmo impulsará a colaboración entre as bibliotecas públicas e as librarías para desenvolver programas e campañas de fomento da lectura nos ámbitos da súa actividade. Con este fin elaborará unha liña de axudas que terán carácter anual.

8. A Xunta de Galicia, en coordinación coas bibliotecas do sistema bibliotecario galego e co sector educativo, elaborará programas de fomento da lectura, tanto para o conxunto da poboación como para sectores específicos desta.

9. A Xunta de Galicia promoverá a formación e actualización de profesionais no fomento da lectura.

Artigo 23.-Medios de comunicación social.

1. A Xunta de Galicia cooperará cos medios de comunicación social da Comunidade Autónoma galega na produción de programas de difusión do libro, da lectura, da creación e da tradución. Daráselles un tratamento especial aos creadores, tradutores, títulos e editores da Comunidade e á produción en galego. Así mesmo iniciará campañas de sensibilización e fomento da lectura a través dos medios de comunicación social.

2. A Xunta de Galicia, a través dos organismos competentes, establecerá acordos con Radiotelevisión de Galicia para a realización de programas que propicien o fomento do libro e da lectura e o coñecemento das novidades literarias, especialmente entre a infancia e a mocidade.

3. A Xunta de Galicia establecerá un sistema de axudas destinado aos medios de comunicación privados que editen suplementos semanais dedicados á promoción da literatura galega e a outro tipo de publicacións (en papel ou en calquera outro tipo de soporte) destinadas á promoción e á crítica literaria da produción editorial en lingua galega.

4. A rede de radio e televisión da Comunidade Autónoma dentro dos seus espazos destinados a publi

cidade outorgará unha redución de canto menos o 60% das súas tarifas para a publicidade do libro galego.

Artigo 24.-Outras accións de promoción e fomento.

1. A Xunta de Galicia, co obxecto de fomentar a lectura e a normalización da presenza do libro en todos os sectores da sociedade, confeccionará anualmente o Calendario do libro galego, que regulará a celebración das efemérides fundamentais de promoción do libro galego en todos os ámbitos e competencias dependentes da Administración pública da Comunidade Autónoma: 2 de abril, Día do Libro Infantil; 23 de abril, Día do Libro; 17 de maio, Día das Letras Galegas; 24 de outubro, Día da Biblioteca; mes de decembro, Libros para o Nadal.

2. A Xunta de Galicia promoverá medidas que aseguren a edición de libros en sistemas de lectura accesibles ás persoas con discapacidade e outros colectivos con necesidades especiais. A Xunta de Galicia promoverá que as bibliotecas públicas e escolares da Comunidade dispoñan das ferramentas e dos recursos necesarios que faciliten o acceso á lectura, á información e ao libro das persoas con discapacidade.

3. A Xunta de Galicia promoverá campañas de sensibilización para a creación de bibliotecas familiares, dada a importancia do fomento da lectura nos fogares e o papel determinante que nais, pais e outros membros da familia poden exercer como iniciadores ou modelos na temperá adquisición do hábito lector. Promoverá así mesmo as escolas de nais e pais.

4. A Xunta de Galicia poderá asinar convenios de colaboración coas deputacións provinciais e cos concellos galegos para a realización de plans de mellora e modernización das bibliotecas públicas.

5. A Xunta de Galicia outorgará subvencións e axudas para a realización de actuacións ou accións piloto destinadas ao fomento da lectura emprendidas polas entidades locais, centros públicos de ensino, universidades, asociacións ou organizacións sen fins de lucro, ao lle prestar especial atención ao fomento da lectura e escritura nos plans de estudo e deseño curriculares.

6. Para tal efecto, a Xunta de Galicia poderá asinar convenios de colaboración con outras administracións e coas institucións educativas existentes no seu territorio, así como coas organizacións profesionais culturais e sociais interesadas ou con entidades privadas que desexen cooperar na realización dos mesmos fins, dentro do marco da lexislación vixente. En especial, apoiarase a subscrición de xornais e revistas culturais e pedagóxicas por parte das bibliotecas públicas e dos centros públicos de ensino para fomentar a lectura e coadxuvar á igualdade de oportunidades e ao fomento da lectura e escritura nos plans de estudo, nos deseños curriculares das diferentes etapas e na práctica docente.

Capítulo V

Do Consello Asesor do Libro

Artigo 25.-Do Consello Asesor do Libro.

Créase o Consello Asesor do Libro como organismo permanente de estudo sobre o sector do libro e de

asesoramento á Administración autonómica no referente ás políticas relacionadas co sector do libro galego e do fomento da lectura en Galicia.

Artigo 26.-Das funcións do Consello Asesor do Libro.

1. Serán funcións do Consello Asesor do Libro:

a) Elaborar informes de seguimento anual ou bienal dos índices de lectura da poboación galega e da produción editorial realizada en Galicia e en lingua galega.

b) Elaborar propostas de actuación para o fomento da lectura e para a mellora dos diferentes subsectores da edición e comercialización do libro.

c) Elaborar unha guía de recursos para o fomento da lectura.

d) Promover foros de intercambio e debate entre os diferentes axentes do libro en Galicia.

e) Organizar con carácter trianual o Congreso do Libro Galego.

f) Editar anualmente a Axenda do libro galego, como compilación actualizada da información sobre todos os subsectores da edición e do comercio do libro.

g) Elaborar informes e estratexias para a promoción do libro galego e da literatura galega no exterior.

h) Participar na comisión de seguimento do plan anual de publicacións do Servizo Central de Publicacións da Xunta de Galicia.

2. O Consello Asesor do Libro deberá emitir informe en todas aquelas cuestións relacionadas con:

a) Planificación da política do libro.

b) Desenvolvemento daqueles regulamentos que haberán de rexer e desenvolver a política do libro.

Capítulo VI

Do depósito legal

Artigo 27.-Finalidade do depósito legal.

O depósito legal da Comunidade Autónoma galega ten por finalidade recompilar o material bibliográfico, gráfico, sonoro, audiovisual, electrónico ou realizado en calquera soporte editado no seu territorio con fins de difusión.

Artigo 28.-Constitución do depósito.

Unha vez rematada unha obra obxecto de depósito e antes de proceder á súa distribución e venda, deberá ser entregada na oficina correspondente da consellaría competente en materia de cultura, polas persoas físicas ou xurídicas que resulten obrigadas, nos termos que se establezan regulamentariamente.

Artigo 29.-Inspección.

1. A consellaría competente en materia de cultura realizará as funcións inspectoras en materia de depósito legal.

2. O funcionariado designado para os labores de inspección gozará para todos os efectos da condición de autoridade no exercicio de tales funcións.

Artigo 30.-Infraccións.

1. Serán consideradas infraccións administrativas en materia de depósito legal e estarán suxeitas a sanción as accións ou omisións tipificadas nesta lei.

2. As infraccións previstas nesta lei clasificaranse en leves e graves.

3. Constitúe infracción leve a non constitución do depósito dos exemplares establecidos de obras suxeitas a tal obriga nos prazos previstos, polas persoas, físicas ou xurídicas, obrigadas a iso.

4. Constitúen infraccións graves:

a) A distribución e venda de exemplares de obras suxeitas a depósito legal que carezan do número correspondente.

b) Toda declaración falsa na tramitación ou utilización do depósito legal.

c) A comisión de dúas ou máis infraccións leves no período de dous anos.

d) A obstrución da función inspectora que se regula no artigo 29 desta lei.

Artigo 31.-Sancións.

1. As infraccións contempladas nesta lei darán lugar á imposición das seguintes sancións:

a) Infraccións leves: multa de ata 1.500 euros.

b) Infraccións graves: multa desde 1.501 euros ata 30.000 euros.

2. A gradación das sancións atenderá o principio de proporcionalidade, e considerarase especialmente a reiteración, a natureza e contía dos prexuízos causados e a reincidencia.

3. O inicio dun procedemento sancionador ou a imposición de sancións non exime da obriga de constituír o depósito legal.

Artigo 32.-Competencia e procedemento.

1. Será competente para incoar e resolver os procedementos sancionadores nos casos contemplados nesta lei a consellaría competente en materia de cultura.

2. O procedemento sancionador tramitarase de acordo co disposto no título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto.

Capítulo VII

Outras disposicións

Artigo 33.-Control de edicións.

1. Para os efectos de facilitar a localización, catalogación e difusión das obras, en todo libro editado será obrigatorio consignar os seguintes datos: o título da obra, o nome do autor, compilador, coordinador, tradutor e ilustrador, se o houber, o número da edición, o nome do impresor, o lugar e a data de impresión, o nome e o enderezo do editor, o número do depósito legal e o ISBN. Considerarase como unha omisión

contraria á promoción e á difusión do libro galego a non inclusión no libro dos datos requiridos ou a súa inclusión de maneira incompleta ou inexacta, que impedirá a percepción de axudas da Xunta de Galicia para a edición da obra e mais a compra de exemplares por parte da Administración autonómica.

2. As infraccións ás que se refire o punto anterior sancionaranse con multa leve.

Artigo 34.-Apoio ás asociacións.

A Xunta de Galicia apoiará as asociacións galegas dos diferentes colectivos implicados na creación, produción e difusión do libro naquelas iniciativas que potencien a súa actividade, difusión e coñecemento interno e externo.

Artigo 35.-Apoio á formación.

A Xunta de Galicia organizará e apoiará os cursos de formación e posta ao día, congresos, seminarios e foros de debate co obxecto de que todos os axentes do libro manteñan un axeitado nivel profesional actualizando a súa formación.

Asemade, a Xunta de Galicia promoverá a formación de mesas e grupos de traballo interdisciplinarios nos que os profesionais poderán discutir e propoñer liñas de investigación, xornadas de reflexión ou impulsar a elaboración e deseño de plans e propostas en prol da lectura, o seu fomento e os hábitos lectores da nosa comunidade.

Artigo 36.-Difusión.

1. A Xunta de Galicia editará unha guía anual do libro galego con todo o publicado durante o ano natural e un directorio con todos os axentes que participan.

2. A Xunta de Galicia facilitaralles ás librarías galegas a información suficiente sobre novidades do libro galego, así como das súas empresas distribuidoras, e elaborará periodicamente o Mapa de librarías galegas.

3. A Xunta de Galicia elaborará e publicará, periodicamente, o Mapa do sistema bibliotecario galego.

Disposicións adicionais

Primeira.-Plan de fomento da lectura.

Nun prazo máximo de seis meses, contados a partir do día de entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia presentará perante o Parlamento de Galicia un Plan de fomento da lectura, no que, ademais de se recolleren obxectivos e medidas, se determine unha periodización e o orzamento necesario para o seu desenvolvemento.

Segunda.-Composición e funcionamento do Consello Asesor do Libro.

1. O Consello Asesor do Libro estará formado por un máximo de quince membros, dos cales polo menos oito serán elixidos polos diferentes axentes do libro

e de fomento da lectura en Galicia como os escritores, os tradutores, os ilustradores, os editores, as artes gráficas, os distribuidores, os libreiros e os bibliotecarios. O resto serán designados polo conselleiro ou conselleira competente en materia de cultura entre expertos no mundo do libro e membros das diferentes administracións públicas.

2. A Xunta de Galicia proporcionaralle ao Consello Asesor do Libro o apoio necesario para realizar as súas actividades e cumprir as súas finalidades.

3. O regulamento de funcionamento será desenvolvido mediante decreto pola consellaría que asuma as competencias relativas á cultura.

4. O Consello Asesor do Libro constituirase no prazo de seis meses despois da entrada en vigor desta lei.

Terceira.-Disposicións vixentes respecto do depósito legal.

Declárase vixente o Decreto 43/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do depósito legal.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Segunda.-Protección dos dereitos de propiedade intelectual.

1. Dentro do seu ámbito competencial, e no marco das competencias estatais e comunitarias de salvagarda dos dereitos de autor, a Xunta de Galicia fomentará e apoiará as iniciativas necesarias para a salvagarda dos dereitos de propiedade intelectual dos creadores e creadoras.

2. Así mesmo, a Xunta de Galicia promoverá aquelas accións que tendan a sensibilizar a opinión pública a favor dos dereitos dos creadores e creadoras e dos tradutores e tradutoras, e promoverá a identificación e o rexeitamento de calquera iniciativa que lesione eses dereitos.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de decembro de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente