DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 19 de marzo de 2007 Páx. 4.275

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de marzo de 2007 pola que se regula o procedemento para a admisión do alumnado no segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos.

O Decreto 30/2007, do 15 de marzo, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece os criterios de admisión do alumnado nos devanditos centros, garantindo o dereito á educación, o acceso en condicións de igualdade e a liberdade de elección de centro por pais, nais e titores legais.

Todo o alumnado será admitido nos centros docentes sostidos con fondos públicos sen máis limitacións cás derivadas dos requisitos de idade e, se é o caso, dos requisitos académicos exixidos polo ordenamento xurídico para o nivel educativo e curso ao que se pretende acceder. Só no suposto dos centros onde non existan prazas suficientes para atender todas as solicitudes se aplicarán os criterios de admisión regulados no artigo 16 do Decreto 30/2007, do 15 de marzo, garantindo unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

Resulta necesario regular o procedemento de admisión do alumnado nos centros sostidos con fondos públicos.

Na súa virtude, no uso das facultades conferidas na disposición derradeira primeira do Decreto 30/2007, do 15 de marzo, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto desenvolver o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos, a excepción dos universitarios, de conformidade co establecido no Decreto 30/2007, do 15 de marzo, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. A presente orde será de aplicación en todos os centros docentes públicos e privados concertados que impartan algunha das seguintes ensinanzas: segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

2. Non están incluídos no ámbito de aplicación da presente orde os procedementos de admisión do alumnado nas ensinanzas de formación profesional de grao medio e superior e nas de réxime especial.

Artigo 3º.-Principios xerais.

1. Todo o alumnado ten dereito a unha praza escolar que lle garanta a educación obrigatoria e gratuíta. O alumnado ten dereito, así mesmo, a un posto gratuíto no segundo ciclo da educación infantil.

2. Os pais, nais ou titores legais dos alumnos e alumnas e, se é o caso, estes cando sexan maiores de idade, teñen dereito a elixir centro docente de entre a oferta de centros sostidos con fondos públicos. Cando o número de postos escolares ofertados nun centro sostido con fondos públicos sexa inferior ao número de solicitantes, a admisión rexerase polos criterios establecidos na presente orde.

3. Na admisión do alumnado integrarase activamente a dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e en ningún caso haberá discriminación na admisión do alumnado por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, nin poderá exixirse a formulación de declaracións que poidan afectar a intimidade, crenzas ou convicións destes.

4. Para garantir a posibilidade de escolarizar todo o alumnado sen discriminación por motivos socioeconómicos, en ningún caso, poderán os centros públicos ou privados concertados percibir cantidades das familias por recibir as ensinanzas de carácter gratuíto, impoñer ás familias a obriga de facer achegas a fundacións ou asociacións nin establecer servizos obrigatorios, asociados ás ensinanzas, que requiran achega económica por parte das familias do alumnado. No marco do disposto no artigo 51 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, quedan excluídas desta categoría as actividades extraescolares, as complementarias e os servizos escolares, que, en todo caso, terán carácter voluntario e non discriminatorio.

Artigo 4º.-Áreas de influencia.

1. Os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria delimitarán, oídos os consellos escolares municipais, a xunta provincial de directores e unha representación dos titulares dos centros privados concertados, e logo de informe da inspección educativa, as áreas de influencia dos centros co obxecto de aplicar a puntuación que corresponda por proximidade do domicilio.

2. De non estar constituído o consello escolar municipal, oírase ao concello ou concellos afectados.

3. Para determinar a área de influencia de cada centro terase en conta a súa capacidade e a poboación que hai que escolarizar do seu contorno, tendo en conta á hora de fixalas que se lles poida ofrecer aos solicitantes polo menos un centro público e, sempre que sexa posible, un centro privado concertado.

4. Ademais do previsto no parágrafo anterior, para determinar a área de influencia de cada centro deberá terse en conta que os centros públicos adscritos a outros centros públicos, que impartan etapas diferentes, se consideran un só centro para os efectos de aplicación dos criterios de admisión do alumnado previstos na presente orde.

5. Os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria delimitarán, así mesmo, as áreas limítrofes ás de influencia, para os efectos do disposto nos artigos 28 e 29 da presente orde.

6. Nos centros que impartan bacharelato, a delimitación das áreas de influencia e limítrofes será realizada por cada unha das modalidades.

7. As áreas de influencia e limítrofes terán unha vixencia de cinco anos prorrogables, sen prexuízo de que se poida proceder á súa modificación en calquera momento por variacións dos postos escolares ou da poboación para escolarizar do contorno ou porque así o aconselle a experiencia acadada na súa aplicación.

Artigo 5º.-Adscrición de centros docentes.

1. Para os efectos de escolarización de alumnos e alumnas, sen necesidade de novo proceso de admisión, os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coa planificación previamente realizada para atender as necesidades de escolarización, oídos os consellos escolares municipais, a xunta provincial de directores, e logo do informe da inspección educativa, adscribirán cada un dos centros públicos de educación infantil a centros públicos nos que se imparta educación primaria, e cada un dos centros públicos nos que se imparta educación primaria a centros públicos nos que se imparta educación secundaria obrigatoria.

2. A petición dos titulares dos centros privados concertados, os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adscribirán os centros de educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria a centros privados concertados que pertenzan ao mesmo titular, sempre que se encontren na mesma área de influencia.

3. Se non mediase solicitude dos titulares ou o centro concertado non tivera outro centro privado ao que adscribirse conforme ao disposto no parágrafo anterior, os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, oídos os centros afectados, efectuarán unha adscrición a centros públicos ou privados concertados, de acordo co procedemento previsto no punto 1 deste artigo.

4. Para os efectos de adscrición nos centros concertados, o número de prazas entenderase referido á capacidade destes, recollida na correspondente autorización administrativa dos centros, e ó número de unidades concertadas coas que conten.

Artigo 6º.-Cambio de curso, ciclo, nivel ou etapa.

1. De conformidade co establecido nos artigos 5.1º e 16.4º do Decreto 30/2007, do 15 de marzo, unha

vez admitido un alumno ou alumna nun centro docente público ou privado concertado, queda garantida a súa permanencia nel ata a finalización das ensinanzas sostidas con fondos públicos que o centro estea autorizado a impartir, sen prexuízo do que a normativa vixente establece sobre requisitos académicos e de idade, de permanencia na etapa e sobre dereitos e deberes do alumnado, de tal xeito que o cambio de curso, ciclo, nivel ou etapa non requirirá un novo procedemento de admisión, agás que coincida cun cambio de centro.

2. Os pais, nais ou titores legais do alumnado ou os alumnos e alumnas cando sexan maiores de idade deberanlle remitir ao centro educativo, se é o caso, unha copia da solicitude que formulen para ser admitido noutro centro.

3. A admisión do alumnado nun novo centro implicará a perda do dereito de permanencia establecido no apartado 1 deste artigo.

4. O establecido no parágrafo 1 deste artigo non será de aplicación para o alumnado que vaia cursar ciclos formativos de grao medio ou de grao superior de formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, que se rexerán pola súa normativa específica.

Artigo 7º.-Cambio dun centro a outro ao que se estea adscrito.

1. De conformidade co prescrito no artigo 16.2º do Decreto 30/2007, do 15 de marzo, nos procedementos de admisión do alumnado en centros que impartan educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou bacharelato, cando non existan prazas suficientes, terán prioridade aqueles alumnos ou alumnas que procedan dos centros de educación infantil, educación primaria ou educación secundaria obrigatoria, respectivamente, que teñan adscritos.

2. Para os efectos de reserva de praza, os pais, nais ou titores legais do alumnado presentarán o documento que se publica como anexo I á presente orde no centro de adscrición no que pretenden continuar estudos, do 1 ao 15 de febreiro de cada ano.

3. As direccións dos centros públicos e os titulares dos centros privados concertados remitiranlle ao centro ao que están adscritos unha relación do alumnado susceptible de matricularse nel para o vindeiro curso.

4. No suposto de que exista máis demanda que oferta de postos escolares, as direccións dos centros comunicaranlles aos interesados, a través do taboleiro de anuncios do propio centro, que deberán presentar a solicitude establecida no artigo 8 da presente orde, xunto coa documentación xustificativa para a aplicación do baremo, no prazo establecido no artigo 9.

Capítulo II

Solicitude de admisión

Artigo 8º.-Solicitude de admisión.

1. As solicitudes axustaranse ao modelo oficial que se publica como anexo II a esta orde.

2. Este impreso será facilitado gratuitamente nos correspondentes centros docentes e poderá descargarse na páxina web da Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria. Xunto coa solicitude os interesados e interesadas presentarán a documentación acreditativa do requisito de idade e de estar en disposición de reunir os requisitos académicos exixidos en cada nivel educativo ou etapa.

3. Cada solicitante presentará unha única solicitude, dirixida á dirección do centro, no caso dos centros públicos, e ao titular, no caso dos concertados.

4. A solicitude presentarase no centro que se solicita en primeiro lugar. Nela poderán relacionarse ata seis centros, por orde de preferencia, que serán considerados posteriormente, no caso de que o interesado ou interesada non se admita no centro ao que vai dirixida a solicitude.

5. Na mesma solicitude os pais, nais ou titores legais deberán manifestar se desexan ou non utilizar o servizo complementario de comedor.

6. Se o alumno ou alumna non obtivese praza no centro solicitado en primeiro lugar, a dirección do mesmo ou o titular, no caso dos centros privados concertados, remitiralle a solicitude, xunto coa correspondente documentación, á comisión de escolarización, que procederá a escolarizar este alumnado de acordo co que se dispón nesta orde.

7. Sen prexuízo do sinalado no apartado 4 deste artigo, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán dispoñer que, en determinadas localidades, as solicitudes se presenten nun único centro ou dependencia.

8. Os interesados e interesadas, entregada a solicitude, terán dereito a que se lles expida unha copia ou xustificante, con data e selo, que acredite a súa petición.

Artigo 9º.-Prazo de solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes de admisión será do 1 de marzo ao 31 de marzo de cada ano, ambos os dous inclusive.

2. Cando o último día do prazo coincida con día non lectivo prorrogarase automaticamente ata o día inmediatamente seguinte que sexa lectivo.

Artigo 10º.-Solicitudes fóra de prazo.

1. As solicitudes presentadas fóra de prazo perderán prioridade en relación coas presentadas no prazo establecido e serán remitidas polo centro educativo á comisión de escolarización.

2. Os centros situados en ámbitos xeográficos sobre os que non estenda a súa competencia unha comisión de escolarización admitirán o alumnado que fixo a solicitude fóra de prazo, sempre que dispoñan de postos escolares vacantes.

3. As solicitudes de admisión fóra de prazo poderán presentarse directamente ante a comisión de escolarización ou, no seu defecto, ante o Servizo Provincial da Inspección Educativa.

Artigo 11º.-Solicitude de admisión do alumnado con necesidades educativas específicas.

1. Na solicitude os pais, nais ou titores legais deberán manifestar se optan a unha praza para alumnado

con necesidades educativas específicas, achegando, se for o caso, a documentación que acredite as circunstancias alegadas. No caso de alegar situación desfavorecida como consecuencia de factores sociais, económicos ou culturais, achegarán informe dos servizos sociais oficiais competentes que acredite as circunstancias alegadas.

2. Os centros remitirán copia das solicitudes de praza para o alumnado con necesidades educativas específicas de apoio educativo derivadas de discapacidade física, psíquica ou sensorial, de sobredotación intelectual, ou de trastornos graves da conduta ao presidente da Comisión de Escolarización ou, no seu defecto, ao titular da delegación provincial, no prazo máximo de cinco días hábiles a partir do día seguinte da súa presentación, xunto coa avaliación psicopedagóxica inicial realizada no centro, para que solicite informe do equipo de orientación específica.

3. Os centros remitirán, asemade, copia das solicitudes de praza para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo por encontrarse en situación desfavorecida como consecuencia de factores sociais, económicos ou culturais ao presidente da Comisión de Escolarización ou, no seu defecto, ao titular da Delegación Provincial, no prazo máximo de cinco días hábiles a partir do día seguinte ao da súa presentación, xunto coa avaliación psicopedagóxica inicial realizada no centro, para que poida solicitar informe do equipo de orientación específica.

4. A comisión de escolarización ou, no seu defecto, o titular da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria remitirá aos centros educativos, antes da celebración das reunións dos consellos escolares para decidir sobre a admisión do alumnado, as solicitudes ás que se refire este artigo co informe vinculante de se procede ou non a súa escolarización con cargo á reserva de prazas prevista no artigo 15.2º desta orde.

Artigo 12º.-Ineficacia da solicitude.

1. Será ineficaz a solicitude presentada nos casos seguintes:

a) Cando se presente máis dunha solicitude para unhas mesmas ensinanzas no mesmo centro ou en centros diferentes.

b) Cando se comprobe a falsidade ou uso fraudulento da documentación achegada polo interesado ou interesada.

2. Nestes supostos non se terá en conta a solicitude ou solicitudes presentadas, realizándose a escolarización pola Comisión de Escolarización ou, no seu defecto, polo Servizo Provincial de Inspección Educativa.

Artigo 13º.-Presentación de documentación acreditativa dos criterios alegados.

1. Naqueles centros e para as ensinanzas nas que exista máis demanda que oferta de postos escolares, as direccións dos centros abrirán un prazo do 1 de abril ao 20 de abril, ambos os dous inclusive, para que os pais, nais ou titores legais do alumnado pre

senten a documentación xustificativa dos méritos por eles alegados para a aplicación dos criterios de admisión do alumnado, junto cunha copia del anexo II presentado anteriormente.

2. A presentación dos xustificantes dos criterios de baremación ten carácter voluntario. A non presentación dalgún deles suporá a renuncia explícita a ser baremado no criterio correspondente.

3. O consello escolar dos centros docentes públicos e o titular no caso dos centros privados concertados poderán requirir de forma motivada dos solicitantes documentación complementaria á establecida nesta orde, para a xustificación das situacións e circunstancias alegadas. No caso de que a devandita documentación non sexa achegada no prazo de dez días, entenderase que se renuncia á puntuación prevista no punto correspondente do baremo.

Artigo 14º.-Información ao alumnado e aos pais, nais ou titores legais.

1. Os centros docentes farán público o seu proxecto educativo e facilitaranlles ao alumnado e aos pais, nais ou titores legais canta información favoreza unha maior participación da comunidade educativa. Así mesmo, informarán dos recursos específicos ou especiais e dos servizos complementarios de que dispoñan.

2. Os titulares dos centros privados concertados informarán, ademais, do seu carácter propio no caso de que o tivesen definido, de acordo co artigo 115 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. A matriculación do alumnado nun centro público ou privado concertado suporá respectar o seu proxecto educativo, sen prexuízo dos dereitos recoñecidos ao alumnado e ás súas familias nas leis e no establecido no punto 3 do artigo 84 da Lei orgánica de educación. Así mesmo, informarán, se é o caso, do réxime de financiamento con fondos públicos das ensinanzas concertadas, así como das actividades extraescolares e actividades complementarias, servizos complementarios e outros servizos de carácter voluntario e non lucrativo que ofrecen, coa indicación estimativa do prezo e da correspondente aprobación nos casos que sexa preceptiva.

3. Todos os centros docentes sostidos con fondos públicos facilitaranlles aos pais, nais ou titores legais que o soliciten e exporán no seu taboleiro de anuncios e en todos os sistemas de información pública de que dispoñan, durante o proceso de admisión do alumnado, polo menos a seguinte información:

a) Normativa reguladora da admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos.

b) Oferta de postos escolares en cada un dos cursos das ensinanzas sostidas con fondos públicos para o curso académico ao que se refire o proceso de admisión.

c) Área de influencia de cada unha das ensinanzas e da adscrición do centro, se existe, a outro ou outros centros.

d) Centros que ten adscritos.

e) Prazo de presentación de solicitudes.

f) Prazo de presentación da documentación xustificativa dos criterios de baremación alegados.

g) Servizos complementarios que ofrece o centro e normativa reguladora deles.

h) Calendario que inclúa a data de publicación das listaxes do alumnado admitido e os prazos para presentación de reclamación e, se é o caso, recursos.

i) Prazo para a formalización da matrícula.

k) Nota informativa na que se recorde que só se pode presentar unha única solicitude no centro no que se solicita praza en primeiro lugar e a ineficacia de todas as solicitudes no caso de incumprimento desta norma.

Artigo 15º.-Postos escolares vacantes.

1. Os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta das direccións dos centros públicos e dos titulares dos centros privados concertados, determinarán o número de postos escolares vacantes en cada centro, de acordo coa planificación previamente elaborada e a capacidade deste, así como co establecido no seu réxime de autorización e o número de unidades concertadas no caso dos centros privados concertados.

2. De acordo co establecido nos apartados 5 e 6 do artigo 26 do Decreto 30/2007, do 15 de marzo, as direccións dos centros públicos e os titulares dos centros privados concertados, porán á disposición das comisións de escolarización ou, no seu defecto, do Servizo Provincial da Inspección, tres postos escolares por unidade para a escolarización do alumnado con necesidade específica de apoio educativo, que serán asignados conforme se establece nesta orde.

3. Para a determinación dos postos escolares vacantes do centro ou centros docentes en cuxas áreas de influencia quede comprendido o domicilio dunha Residencia Escolar ou dunha Escola Fogar, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá un número de postos vacantes nos devanditos centros, suficientes para garantir a escolarización nos mesmos do alumnado residente.

Artigo 16º.-Número de alumnos por unidade escolar.

Os números de alumnos e alumnas por unidade escolar que se utilizarán para a estimación de vacantes en cada un dos niveis son as que se subliñan a continuación:

a) Segundo ciclo de educación infantil e educación primaria: 25 alumnos por unidade. Non obstante, os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán aplicar un número de 20 alumnos por grupo, sempre que se garanta a atención á demanda no centro e non se supere o número de alumnos que poidan ser escolarizados na educación primaria nese centro.

b) Educación secundaria obrigatoria: 30 alumnos por grupo.

c) Bacharelato: 33 alumnos por grupo.

Capítulo III

Admisión do alumnado

Artigo 17º.-Acceso por primeira vez a un centro.

1. O procedemento de admisión que se regula neste capítulo aplicarase a aqueles alumnos e alumnas que accedan por primeira vez aos centros docentes públicos ou privados concertados para cursar ensinanzas correspondentes á educación infantil, á educación primaria, á educación secundaria obrigatoria e ao bacharelato.

2. De conformidade co previsto no punto 5º do artigo 84 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, nos centros públicos que ofrezan varias etapas educativas o procedemento inicial de admisión realizarase ao comezo da que corresponda á menor idade.

3. De acordo co establecido no punto 8º do artigo 84 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, nos centros privados concertados, que impartan varias etapas educativas, o procedemento inicial de admisión realizarase ao comezo da oferta do curso que sexa obxecto de concerto e que corresponda á menor idade.

Artigo 18º.-Criterios xerais de prioridade para a admisión do alumnado.

1. Naqueles centros sostidos con fondos públicos onde houbese suficientes prazas dispoñibles para atender todas as solicitudes, serán admitidos todos os alumnos e alumnas que cumpran os requisitos de idade e, se é o caso, os académicos exixidos polo ordenamento xurídico vixente, para o nivel educativo e curso ao que se pretende acceder.

2. Neste caso, o centro educativo comunicará á correspondente comisión de escolarización ou, no seu defecto, á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o número de prazas adxudicadas e, se é o caso, as vacantes resultantes en cada curso.

3. Nos procedementos de admisión do alumnado, cando non existan prazas suficientes, terá prioridade o alumnado que proceda dos centros que teñan adscritos, conforme prevé o artigo 7.1º desta orde.

4. Naqueles centros sostidos con fondos públicos onde non existan prazas suficientes para atender todas as solicitudes, e adxudicadas, se é o caso, as prazas que proceda en aplicación do establecido no parágrafo anterior, o proceso de admisión será rexida polos seguintes criterios prioritarios:

a) Existencia de irmáns matriculados no centro ou pais, nais ou titores legais que traballen neste.

b) Proximidade do domicilio familiar ou do lugar de traballo do pai, nai ou titor que teña a custodia legalmente atribuída, ou dos alumnos ou alumnas maiores de idade ou menores emancipados.

c) Rendas anuais da unidade familiar.

d) Concorrencia de discapacidade no alumno ou alumna, ou no seu pai, nai, titor legal ou nalgún irmán.

e) A condición de familia numerosa.

f) Ademais, para as ensinanzas do bacharelato terase en conta o expediente académico do alumno ou alumna.

5. De conformidade co artigo 17.4º do Decreto 30/2007, do 15 de marzo, os centros públicos adscritos a outros centros públicos, que impartan etapas diferentes, consideraranse centros únicos para os efectos de aplicación dos criterios de admisión establecidos no parágrafo anterior.

6. Os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerán os centros nos que se imparte educación secundaria nos que terá prioridade para ser admitido o alumnado que siga programas deportivos de alto rendemento ou que curse simultaneamente ensinanzas de música ou danza e ensinanzas de educación secundaria.

Artigo 19º.-Definición e acreditación de irmáns matriculados no centro.

1. Para a consideración de irmáns matriculados no centro, só se terán en conta os que vaian continuar escolarizados no mesmo durante o curso escolar para o que se solicita a admisión.

2. No caso de centros docentes privados concertados será necesario, ademais, que estes teñan subscrito concerto para o nivel educativo no que cursará estudos o irmán ou os irmáns matriculados.

3. Para os efectos do previsto nesta orde, terán a consideración de irmáns os supostos seguintes:

a) As persoas sometidas a tutela ou acollemento familiar permanente ou preadoptivo legalmente constituído dentro da mesma unidade familiar.

b) Os fillos das familias formadas por pais ou nais separados ou divorciados, aínda que non sexan fillos comúns.

4. Así mesmo, nos casos de irmáns que naceran dun parto múltiple, se lles outorgará a cada un deles a puntuación que se establece no artigo 26.a) da presente orde, sempre que todos solicitarán o mesmo centro e obtiveran a máxima puntuación pola proximidade do domicilio.

5. A acreditación de irmáns no centro farase mediante copia completa do libro ou libros de familia e certificación da dirección do centro.

Artigo 20º.-Definición e acreditación de pais, nais ou titores legais que traballen no centro.

1. Para a consideración de pais, nais ou titores legais que traballen no centro, teranse en conta aqueles que no prazo de solicitude de admisión teñan unha relación laboral ou funcionarial neste e que esta vaia continuar durante o curso escolar para o que se solicita a admisión.

2. A condición de traballador do propio centro acreditarase, no caso de centros adscritos, nos supostos centros públicos, mediante certificación da dirección do propio centro e, no caso de centros privados concertados, mediante certificación do titular do centro visada pola inspección educativa, cando se trate de persoal docente. No suposto de persoal non docente dos centros privados a condición de traballador acreditarase mediante certificación da dirección do centro e unha copia do contrato de traballo.

Artigo 21º.-Definición e acreditación do domicilio familiar e do lugar de traballo.

1. O solicitante poderá demandar que se teña en conta o domicilio familiar ou o lugar de traballo, non sendo acumulables as puntuacións polos dous criterios. A opción que se realice será única para todos os centros demandados na solicitude de admisión.

2. O domicilio ou lugar de traballo do propio alumno, se procede, será considerado por instancia do solicitante no caso de admisión a ensinanzas do bacharelato.

3. Considérase como domicilio familiar o habitual de residencia do pai, nai ou titores legais do alumnado ou, se é o caso, o dos alumnos e alumnas maiores de idade ou menores emancipados se viven en domicilios distintos dos daqueles e excepcionalmente o daqueles familiares cos que o menor efectivamente conviva sempre que esa convivencia real se probe mediante certificación específica expedida, para tales efectos, polo concello. Cando o pai, nai ou titores legais vivan en domicilios diferentes, considerarase como domicilio familiar o daquel que teña a garda e custodia legalmente atribuída por sentenza firme, por convenio regulador ou por acollemento familiar preadoptivo.

4. O domicilio familiar acreditarase mediante certificado do Padrón municipal. Os directores dos centros docentes públicos ou os titulares dos centros privados concertados solicitarán, ao día seguinte do remate do prazo de presentación de documentos, á delegación provincial correspondente que verifique que os datos de identificación fiscal, emitidos pola Axencia Estatal Tributaria no ano no que se solicita praza escolar, coinciden cos aportados no certificado do Padrón municipal. Para tal fin, de conformidade co establecido no apartado 10º do artigo 84 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e nos artigos 95.1º, epígrafe k) e 95.2º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, na solicitude de inscrición os pais, nais ou titores legais autorizarán expresamente a utilización da información de carácter tributario que se precisa para a acreditación do domicilio fiscal, que será subministrada á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola Axencia Estatal de

Administración Tributaria, a través de medios informáticos ou telemáticos.

Polo tanto, aquelas persoas interesadas que non presenten a autorización expresa para que a Axencia Estatal de Administración Tributaria subministre a información, a que se refire o punto anterior á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, terán cero puntos neste criterio de admisión.

De non coincidir os domicilios familiar e fiscal, os interesados deberán presentar a seguinte documentación complementaria: copia autenticada do título que lexitime a ocupación da vivenda declarada como domicilio familiar (escritura de compravenda ou doazón, contrato de aluguer) e contrato de alta de recibos actualizados de subministracións (auga, luz, gas) a nome do solicitante da praza.

5. De conformidade co establecido no artigo 84.2º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o lugar de traballo do pai, da nai ou titores legais poderá ser alegado para os efectos da determinación da puntuación que proceda por proximidade do domicilio. Así mesmo, os alumnos e alumnas maiores de idade ou menores emancipados poderán optar, se é o caso, porque se considere o domicilio do seu lugar de traballo.

6. Cando se teña en conta o lugar de traballo, no caso dos traballadores que realizan a súa actividade por conta allea, a proximidade do lugar de traballo ao centro acreditarase mediante a achega dun certificado expedido para o efecto polo titular da empresa ou polo responsable de persoal desta e unha copia do contrato laboral. No caso de traballadores por conta propia, a proximidade do lugar de traballo ao centro acreditarase mediante alta censal inicial perante a Axencia Estatal Tributaria, con todas as posibles modificacións posteriores e alta na Tesourería Xeral no Réxime da Seguridade Social correspondente.

Os funcionarios presentarán a certificación expedida pola xefatura de persoal respectiva.

Artigo 22º.-Acreditación da renda da unidade familiar.

1. De conformidade co establecido no punto 10 do artigo 84 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación e nos artigos 95.1º, epígrafe k e 95.2º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, na solicitude de admisión os pais, nais ou titores legais autorizarán expresamente a utilización da información de carácter tributario que se precisa para a acreditación da renda anual da unidade familiar, que será subministrada directamente á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, a través de medios informáticos ou telemáticos, no marco de colaboración entre ambas. A dita información será a que corresponda ao exercicio fiscal anterior en dous anos ao ano natural no que se presenta a solicitude.

Polo tanto, aquelas persoas interesadas que non presenten a autorización expresa para que a Axencia Estatal de Administración Tributaria subministre a información, a que se refire o punto anterior, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria terán cero puntos neste criterio de admisión.

2. Para os efectos desta orde, considerase que a unidade familiar está integrada polos cónxuxes non separados legalmente e, se os houber, por:

a) Os fillos e fillas menores de idade, con excepción dos que, co consentimento dos seus pais ou nais, vivan independentemente.

b) Os fillos e fillas maiores de idade incapacitados.

3. Nos casos de nulidade, separación ou divorcio entendérase por unidade familiar a formada polo pai ou nai e todos os fillos que residan habitualmente cun ou outro, que reúnan os requisitos subliñados no parágrafo anterior. Nos casos de custodia compartida, entenderase como unidade da renda familiar á unidade correspondente co domicilio familiar.

4. Tanto que se optase por unha tributación conxunta como por unha tributación individual, a autorización concederase por ambos os dous cónxuxes. Nos casos de separación legal, nulidade, divorcio ou cando non existise vínculo matrimonial, a autorización concederaa o que teña a garda e custodia. Achegase, ademais, copia da sentenza de separación, nulidade ou divorcio, ou o libro de familia que acredite a inexistencia de vínculo matrimonial.

5. Para a valoración da renda da unidade familiar, os interesados deberán facer constar na solicitude a suma da base liquidable de todos os declarantes da unidade familiar, unha vez reducidos os seguintes mínimos: mínimo persoal e familiar, mínimo do contribuínte, mínimo por descendentes, mínimo por ascendentes e mínimo por discapacidade.

6. No caso de que a Axencia Estatal de Administración Tributaria non dispoña de datos da declaración da renda das persoas físicas dos suxeitos integrantes da unidade familiar, estes deberán achegar certificación de haberes, ou calquera outro documento de cada un deles, correspondente ao exercicio fiscal ao que se refire o punto 1 deste artigo, que permita aplicar o baremo que se establece nesta orde.

7. A información á que se refire este artigo só poderá ser utilizada para a finalidade prevista nesta orde.

As persoas que teñan acceso á mencionada información, en razón do proceso de admisión que teñen a obriga de realizar, terán o mesmo deber de sixilo que os funcionarios e funcionarias da Administración tributaria.

Artigo 23º.-Acreditación de discapacidade.

Para os efectos desta orde puntuaranse as discapacidades en grao igual ou superior ao 33 por 100. No suposto de que se alegue unha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, do alumno ou alumna, ou da súa nai, pai ou titores legais ou algún dos seus irmáns, esta deberá acreditarse mediante a certificación do ditame emitido polo órgano competente da Xunta de Galicia ou, se é o caso, doutras administracións públicas.

Artigo 24º.-Acreditación da condición de familia numerosa.

Esta circunstancia acreditarase mediante fotocopia compulsada do título oficial de familia numerosa que deberá estar en vigor ou da solicitude de recoñecemento ou renovación do referido título oficial debendo, neste último caso, achegar este ou a súa renovación con anterioridade á resolución do procedemento de admisión do alumnado.

Artigo 25º.-Acreditación do expediente académico.

No suposto de admisión nas ensinanzas do bacharelato, a nota do expediente académico irá referida ao terceiro curso da educación secundaria obrigatoria ou, se é o caso, da titulación que se alegue para o ingreso, e acreditarase mediante unha certificación académica persoal.

Artigo 26º.-Valoración da existencia de irmáns no centro.

a) Por un irmán matriculado no centro: 5 puntos.

b) Polo segundo e seguintes irmáns matriculados no centro: 2 puntos por cada un.

Artigo 27º.-Valoración por ser traballador do propio centro.

A valoración por ser traballador do propio centro será de cinco puntos e non será acumulable no suposto de que ambos os dous pais, ou titores legais traballen no mesmo centro.

Artigo 28º.-Valoración da proximidade do domicilio familiar ao centro.

A valoración da proximidade do domicilio familiar dos alumnos ou alumnas ao centro, realizarase aplicando o seguinte baremo:

a) Se o domicilio familiar se encontra na área de influencia do centro: 5 puntos.

b) Se o domicilio familiar se encontra nas áreas limítrofes á área de influencia do centro: 2 puntos.

c) Se o domicilio familiar se encontra noutras áreas: 0 puntos.

Artigo 29º.-Valoración da proximidade do lugar de traballo.

A valoración da proximidade do lugar de traballo realizarase aplicando o seguinte baremo:

a) Lugar de traballo do pai, nai ou titor legal, situado dentro da área de influencia do centro: 3 puntos.

b) Lugar de traballo do pai, nai ou titor legal, situado nas áreas limítrofes á área de influencia do centro: 1 punto.

c) Lugar de traballo do pai, nai ou titor legal, situado noutras áreas: 0 puntos.

Artigo 30º.-Valoración da renda anual da unidade familiar.

Na valoración da renda anual da unidade familiar terase en conta as especificidades que para o seu cálculo se aplican ás familias numerosas.

a) Ingresos iguais ou inferiores ao indicador público de renda de efectos múltiples: 3 puntos.

b) Ingresos superiores ao indicador público de renda de efectos múltiples e inferiores ao duplo do devandito indicador: 2 puntos.

c) Ingresos superiores ao duplo do indicador público de renda de efectos múltiples e inferiores ao triplo de dito indicador: 1 punto.

d) Ingresos iguais ou superiores ao triplo do indicador público de renda de efectos múltiples: 0 puntos.

Artigo 31º.-Valoración da discapacidade.

A valoración da discapacidade á que fai referencia o artigo 23º da presente orde, realízase aplicando o seguinte baremo:

a) Por discapacidade do alumno ou alumna: 3 puntos.

b) Por discapacidade da nai, pai, ou titor legal: 2 puntos por cada un deles.

c) Por discapacidade nalgún dos irmáns do alumno ou alumna: 1 punto por cada un deles.

Artigo 32º.-Valoración da pertenza a familia numerosa.

Por pertencer a familia numerosa outorgarase 1 punto.

Artigo 33º.-Valoración do expediente académico.

Para o acceso ás ensinanzas do bacharelato, o expediente académico na titulación alegada para o ingreso terá a seguinte valoración:

a) Nota media de sobresaliente: 1 punto.

b) Nota media de notable: 0,50 puntos.

c) Por nota media de ben: 0,25 puntos.

Artigo 34º.-Puntuación total e criterios de desempate.

1. A puntuación total que obteñan os alumnos e alumnas, aplicando os baremos establecidos nos artigos precedentes, decidirá a orde de admisión.

2. No caso de empate na puntuación final, aplicaranse sucesivamente os seguintes criterios de desempate:

a) Maior puntuación no punto de ter irmáns matriculados no centro.

b) Ter ao pai, nai ou titor legal traballando no centro.

c) Maior puntuación no punto de proximidade do domicilio familiar ou laboral.

d) Maior puntuación no punto de discapacidade.

e) Maior puntuación no punto de renda da unidade familiar.

f) No caso de bacharelato, maior puntuación no expediente académico.

g) Ter a condición da familia numerosa.

3. Se unha vez aplicados estes criterios se mantén o empate, este resolverase aplicando o resultado dun sorteo público, que se realizará anualmente na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o día 1 de marzo ou, de non ser lectivo, o día lectivo inmediatamente seguinte, ás doce horas.

No sorteo extraeranse dúas letras de prioridade do primeiro e segundo apelido. Terán preferencia aqueles alumnos e alumnas que inicien o seu apelido polas dúas letras resultantes nos sorteo continuando na terceira letra pola orde alfabética. No caso de igualdade no primeiro apelido desempatarase pola prioridade no segundo, en función das letras resultantes no sorteo. De non haber ningunha persoa cos apelidos das dúas primeiras letras pasarase á segunda letra inmediatamente seguinte.

Nos casos de irmáns que nacesen dun parto múltiple garantirase que todos eles son escolarizados no mesmo centro incrementando para tal fin, se fose necesario, o número de alumnos por unidade establecido no artigo 16º desta orde.

Artigo 35º.-Resolución provisional de admitidos e non admitidos.

1. Realizada a baremación de acordo co establecido nos artigos anteriores, procederase a publicar no taboleiro de anuncios de cada centro a relación nominal de todo o alumnado admitido e non admitido por curso, mediante listaxes ordenadas por orde de puntuación, nas que deberá constar a puntuación asignada a cada alumno polos distintos criterios establecidos no baremo, así como a puntuación total obtida.

2. Estas listaxes, que deberán publicarse con anterioridade ao 30 de abril, terán un carácter provisional e poderán ser obxecto de reclamación ante o consello escolar do centro público ou titular do centro privado concertado no prazo de cinco días hábiles.

3. As reclamacións resolveranse no prazo de cinco días hábiles.

Artigo 36º.-Resolución definitiva de admitidos e non admitidos.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas publicaranse as listaxes definitivas de alumnado admitido e non admitido, ordenadas por puntuación, no taboleiro de anuncios dos centros.

Artigo 37º.-Adxudicación de vacantes pola comisión de escolarización ou polos titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

1. As direccións dos centros públicos e os titulares dos centros privados concertados remitirán á comisión de escolarización e, no seu defecto, aos titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo das corenta e oito horas seguintes a exposición da listaxe definitiva de admitidos, a seguinte documentación:

a) Copia das listaxes definitivas de admitidos.

b) Número de postos escolares non cubertos, detallados por cursos e niveis.

c) Listaxe do alumnado que non resultou admitido no centro, xunto coa documentación presentada.

2. Recibida a documentación anterior nas comisións de escolarización ou, no seu defecto, nas delegacións provinciais, ábrese o proceso de adxudicación das prazas vacantes, respecto das solicitudes que non resul

taron admitidas nos centros demandados en primeiro lugar.

3. No caso de producirse vacantes nalgún centro docente con posterioridade á data da resolución definitiva, estás serán comunicadas á comisión de escolarización que as ofertará aos solicitantes que, por puntuación, lles corresponderían. En calquera caso, esta asignación de vacantes deberá producirse con anterioridade ao inicio do prazo de matrícula.

4. As prazas que xurdan con posterioridade ao inicio do prazo de matrícula serán comunicadas á comisión de escolarización ou, no seu defecto, aos titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que procederán, se é o caso, a súa adxudicación.

Artigo 38º.- Servizos complementarios

O alumnado que solicite e obteña praza nun centro distinto ao que lle corresponda, segundo a distribución das áreas de influencia establecida polos titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, non terán dereito a ningún dos servizos complementarios establecidos con carácter gratuíto e sufragados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Capítulo IV

Escolarización do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

Artigo 39º.- Escolarización do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nos centros ordinarios.

1. Os consellos escolares dos centros públicos e os titulares dos centros privados concertados adxudicarán as prazas reservadas no artigo 15.2º desta orde a aqueles alumnos ou alumnas co informe vinculante ao que fai referencia o artigo 11.3º.

De existir máis solicitudes que prazas reservadas adxudicaranse estas aos peticionarios con maior puntuación. As restantes concorrerán en igualdade de condicións con todas as demais, sen prexuízo da limitación prevista no parágrafo 5º deste artigo.

2. As direccións dos centros públicos e os titulares dos centros privados concertados comunicarán ás comisións de escolarización ou, no seu defecto, aos titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as solicitudes de alumnado con necesidade específica de apoio educativo que non resultasen admitidas na resolución definitiva a que fai referencia o artigo 36 desta orde, e, se é o caso, as prazas vacantes reservadas a este alumnado.

3. As comisións de escolarización ou, no seu defecto, os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procederán a distribuír este alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, non admitido na resolución definitiva entre os centros públicos e privados concertados da localidade que teñan vacantes reservadas para este alumnado, de acordo cos seguintes criterios:

a) A elección de centro formulada pola familia.

b) Existencia de irmáns no centro.

c) Dispoñibilidade de prazas nos centros da área de influencia, por non ter cuberta a reserva destinada ao alumnado con necesidades educativas específicas de apoio educativo.

d) Garantía dunha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado.

4. Os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán determinar centros en que polas súas características, dotación e recursos o alumnado con necesidades educativas específicas terá unha escolarización preferente. En particular, no relativo ao alumnado con necesidades educativas especiais asociadas a discapacidade psíquica, motórica ou sensorial, os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán adoptar medidas que permitan a súa escolarización en centros ordinarios dotados de medios físicos, técnicos e profesionais adecuados.

5. Con carácter xeral, o número de alumnos e alumnas con necesidades educativas específicas a que se refire o artigo 11º.1 desta orde en cada un dos centros públicos e privados concertados non será superior a 3 por unidade, agás nos centros de escolarización preferente.

Artigo 40º.-Admisión en unidades ou centros de educación especial.

A escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais en unidades ou centros de educación especial, que poderá estenderse ata os vinte e un anos, só se levará a cabo cando as súas necesidades non poidan ser atendidas no marco das medidas de atención á diversidade nos centros ordinarios.

Capítulo V

Órganos competentes para resolver os procesos de admisión

Artigo 41º.-Consellos escolares e titulares dos centros privados concertados.

1. Nos centros públicos o órgano competente para decidir sobre a admisión do alumnado é o consello escolar do centro, con suxeición a esta orde e ás normas que o desenvolvan.

2. Nos centros privados concertados, os seus titulares serán os responsables do cumprimento estrito das normas xerais sobre a admisión de alumnos. O consello escolar do centro participará no proceso de admisión de alumnado, garantindo a suxeición ás normas sobre este.

Artigo 42º.-Comisións de escolarización

1. Os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán constituír comisións de escolarización de ámbito municipal, coa finalidade de garantir e supervisar o cumprimento das normas sobre admisión de alumnado e o exercicio dos dereitos recoñecidos nesta

orde, así como adoptar as medidas oportunas para a adecuada escolarización de todos os alumnos e alumnas.

2. As comisión de escolarización constituiranse, en todo caso, cando a demanda de prazas dalgún centro educativo do seu ámbito de actuación supere a oferta.

Artigo 43º.-Composición das comisións de escolarización.

1. Cada comisión de escolarización estará constituída polos seguintes membros, nomeados polo titular do delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

a) Un inspector ou inspectora de educación que exercerá a presidencia.

b) Un director ou directora dun centro público do ámbito de actuación da comisión de escolarización, nomeado por proposta da xunta provincial de directores.

c) Un ou unha titular de centros concertados do ámbito de actuación da comisión de escolarización, nomeado por proposta das organizacións de titulares en función da súa representatividade. No caso de que non haxa centros concertados na zona, acumularase este posto a un segundo representante dun centro público.

d) Un representante do concello comprendido no ámbito de actuación da comisión de escolarización.

e) Dous representantes das nais ou pais dos alumnos dos centros do ámbito de actuación da comisión de escolarización, un deles dun centro público e outro dun centro privado concertado, nomeados por proposta das federacións e asociacións respectivas. No caso de que non haxa centros concertados na zona, acumularase este representante a un centro público.

f) Dous representantes do profesorado, un deles dun centro público por proposta da xunta de persoal docente e outro por proposta das organizacións sindicais con representación no ensino concertado. No caso de que non haxa centros concertados na zona, acumularase este representante a un centro público.

g) Unha funcionaria ou un funcionario designado ou designada polo delegado provincial, e que actuará como secretaria ou secretario, con voz e sen voto.

2. Os titulares da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nomearán libremente, de acordo cos criterios e proporcións establecidas nos puntos anteriores, os membros da comisións de escolarización cando non formule ningunha proposta o sector correspondente, procurando unha representación equilibrada de ambos os sexos entre os membros que deba elixir da comisión de escolarización.

Artigo 44º.-Funcións das comisións de escolarización.

1. As comisións de escolarización terán as seguintes funcións:

a) Informar, segundo o procedemento que se estableza, os pais, nais ou titores legais do alumnado e

a este sobre os centros docentes públicos e privados concertados e sobre as prazas dispoñibles neles.

b) Distribuír entre os diferentes centros ao alumnado con necesidades educativas específicas de apoio educativo

c) Establecer actuacións para verificar que cada solicitante presentou unha única instancia e, se é o caso, dar cumprimento ao previsto no artigo 12º desta orde.

d) Supervisar o proceso de admisión de alumnado e o cumprimento das normas que o regulan propoñendo, se é o caso, aos titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a adopción das medidas que consideren adecuadas. Para o cumprimento desta función, o presidente da comisión poderá solicitar informe do inspector do centro.

e) Distribuír aqueles alumnos ou alumnas que non obteñan posto escolar no centro solicitado en primeiro lugar entre os centros que conten con prazas vacantes, tendo en conta, cando sexa posible, as preferencias dos representantes legais do alumnado e os criterios de admisión establecidos nesta orde, garantindo a escolarización de todo o alumnado.

f) Adoptar as medidas necesarias para a escolarización das solicitudes efectuadas fóra de prazo.

g) Calquera outra que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en relación coa aplicación das normas sobre admisión de alumnado en centros sostidos con fondos públicos.

2. As comisións de escolarización poderán recibir dos centros educativos, dos concellos ou das unidades competentes das delegacións provinciais, toda a documentación que coiden necesaria para o exercicio das súas funcións.

3. Iniciado o curso académico, os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinarán a data en que as comisións de escolarización se disolven, asumindo as súas funcións a inspección educativa.

Capítulo VI

Procedemento de admisión nas comisións de escolarización

Artigo 45º.-Procedemento nas comisión de escolarización ou nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

1. A comisión de escolarización ou, no seu defecto, o servizo provincial de inspección asignará praza a aqueles alumnos e alumnas que non obteñan posto escolar no centro solicitado en primeiro lugar nos centros onde teñan vacantes, tendo en conta, cando sexa posible, as preferencias dos pais, nais ou titores legais explicitadas na solicitude e a puntuación obtida por aplicación do baremo.

2. As solicitudes de praza que resultasen ineficaces por incorrer nalgún dos supostos previstos no artigo 12 desta orde e as presentadas fóra de prazo serán atendidas ao rematar o proceso regulado no parágrafo anterior, téndose en conta as súas preferencias só no caso das vacantes dispoñibles.

3. As adxudicacións realizadas pola comisión de escolarización ou polo servizo provincial de inspección exporanse nos taboleiros de anuncios dos centros nos que se obtivo praza e das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 46º.-Solicitudes fóra do proceso de admisión.

1. Son solicitudes fóra do proceso de admisión as presentadas con posterioridade á publicación das adxudicación de vacantes previstas no artigo anterior.

2. Os servizos provinciais de inspección adxudicarán praza a estas solicitudes, seguindo a orde de entrada delas e en función das prazas vacantes dispoñibles despois dos prazos de matrícula establecidos nesta orde.

3. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptarán, se é o caso, as medidas necesarias para garantir a escolarización do alumnado de ensinanza obrigatoria.

Artigo 47º.-Cambios de centro derivados de actos de violencia ou acoso escolar.

Os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asegurarán a escolarización inmediata das alumnas ou alumnos que se vexan afectados por cambios de centro derivados de actos de violencia de xénero ou acoso escolar. Igualmente, facilitarán que os centros educativos presten especial atención a este alumnado.

Artigo 48º.- Escolarización por traslado dos pais, nais ou titores legais.

Os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asegurarán a escolarización do alumnado que, unha vez iniciado o curso académico, se vexa afectado polo traslado a diferente localidade dos seus pais, nais ou titores legais respectando, sempre que haxa vacantes, o dereito de elección de centro dos pais.

Artigo 49º.-Alumnado de incorporación tardía ao sistema educativo.

De conformidade co disposto no artigo 16.6º do Decreto 30/2007, do 15 de marzo, correspóndelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria favorecer a incorporación ao sistema educativo do alumnado que, por proceder doutros países ou por calquera outro motivo, se incorpore de forma tardía ao sistema educativo español. Para tal fin, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizar un incremento de ata un dez por cento do número máximo de alumnos e alumnas por unidade nos centros públicos e privados concertados dunha mesma área e escolarización para atender as necesidades inmediatas de escolarización que se produzan.

Capítulo VII

Recursos e denuncias

Artigo 50º.-Recursos contra as decisións dos consellos escolares dos centros públicos, das comisións de escolarización e do servizo provincial de inspección.

As resolucións definitivas na admisión do alumnado ditadas polos consellos escolares dos centros públicos, as comisións de escolarización e os servizos provinciais de inspección poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o titular da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Artigo 51º.-Denuncia contra decisión dos titulares dos centros privados concertados.

No caso dos centros privados concertados, os acordos definitivos sobre admisión de alumnado que adopten os titulares poderán ser obxecto de denuncia polos interesados no prazo dun mes perante o titular da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, cuxa resolución porá fin á vía administrativa.

Contra as resolucións das reclamacións por parte dos titulares dos centros privados concertados poderá presentarse denuncia ante os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por incumprimento das normas que regulan a admisión do alumnado. A resolución dos titulares das delegacións provinciais porá fin á vía administrativa.

Capítulo VIII

Matrícula do alumnado

Artigo 52º.-Formalización da matrícula.

1. O alumnado admitido en cada centro educativo mediante calquera dos procesos descritos nos artigos anteriores desta orde formalizará a súa matrícula nel.

2. Os prazos de formalización de matrícula serán os seguintes:

a) Do 20 ao 30 de xuño para o alumnado de educación infantil e primaria.

b) Do 25 de xuño ao 10 de xullo para o alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

c) Prazo extraordinario do 1 ao 10 de setembro para o alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

3. Se finalizado o prazo de matrícula, non se formalizase esta, decaerá o dereito á praza obtida.

4. O alumnado de educación secundaria obrigatoria admitido en centros distintos ao de adscrición deberán solicitar do centro de primaria un certificado en que conste a superación desa etapa educativa para os efectos de formalizar a matrícula.

5. A dirección dos centros en que se imparte educación secundaria solicitará ás direccións dos colexios de educación infantil e primaria ou primaria a docu

mentación correspondente ao alumnado que formalizou a matrícula no centro que dirixe. Mentres tanto, toda a documentación quedará depositada no colexio de educación infantil e primaria ou primaria.

Artigo 53º.-Comunicación de vacantes posteriores á formalización da matrícula.

Transcorridos os prazos de matrícula, as direccións dos centros públicos e os e as titulares dos centros privados concertados comunicarán á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o número de prazas escolares vacantes especificando curso e nivel educativo. Así mesmo, comunicaranse todas as vacantes que se produzan ao longo do curso académico.

Artigo 54º.-Anulación de matrícula.

1. As direccións dos centros docentes, por petición razoada do alumnado ou, se é menor de idade, dos seus pais, nais ou titores legais, antes de finalizar o mes de abril de cada curso, cando as causas alegadas imposibiliten a asistencia do alumno ou alumna a clase, poderán deixar sen efecto a súa matrícula no bacharelato.

2. Neste caso, a matrícula non será computada para os efectos do número máximo de anos de permanencia no bacharelato.

Artigo 55º.-Alumnado estranxeiro.

O establecido nesta orde en relación coa escolarización será aplicable ao alumnado estranxeiro nos termos establecidos na Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, modificada pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro, e na normativa que as desenvolva.

Artigo 56º.-Escolarización en centros que impartan parte das materias en linguas estranxeiras.

Os criterios de admisión establecidos nesta orde serán de aplicación nos centros autorizados a impartir parte das materias do currículo en linguas estranxeiras.

Artigo 57º.-Datos de carácter persoal.

1. En relación cos datos de carácter persoal que sexan tratados durante o proceso de admisión do alumnado previsto nesa orde, aplicarase o disposto na disposición adicional 23ª da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. De maneira específica, as persoas que no desenvolvemento do proceso de admisión do alumnado accedan a datos de carácter persoal, deberán gardar sixilo sobre eles. No caso contrario, procederase á apertura do correspondente procedemento administrativo, para os efectos de determinar as posibles responsabilidades en que se puidese ter incorrido.

Artigo 58º.-Confidencialidade da información tributaria.

Todas as informacións as que se refire esta orde só poderán ser utilizadas para os fins previstos nela.

As persoas que teñan acceso ás mencionadas informacións terán o deber de sixilo e confidencialidade.

Artigo 59º.-Incumprimento en centros públicos.

O incumprimento das normas sobre admisión de alumnado polos centros docentes públicos, dará lugar á apertura do correspondente procedemento administrativo, para os efectos de determinar as posibles responsabilidades en que se puidese ter incorrido.

Artigo 60º.-Incumprimento en centros privados concertados.

O incumprimento das normas sobre admisión de alumnado polos centros privados concertados é causa de incumprimento grave do concerto por parte do titular do centro e poderá dar lugar ás sancións previstas no artigo 62, punto 5º e 6º da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación.

Disposición adicional

Utilización de medios informáticos.

De conformidade co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 30/2007, do 15 de marzo, a xestión dos procesos de admisión de alumnos poderá realizarse a través de procedementos telemáticos, seguindo as instrucións que, se é o caso, se diten pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Disposición transitoria

No procedemento de admisión de alumnos e alumnas para o curso académico 2007-2008, os prazos previstos nesta orde serán os seguintes:

a) Reserva de praza no centro de adscrición: do 19 de marzo ao 30 de marzo.

b) Sorteo público previsto no artigo 34: 30 de marzo.

c) Publicación de vacantes: 10 de abril.

d) Presentación de solicitudes: do 10 ao 30 de abril.

e) Presentación de documentación acreditativa dos criterios de admisión: do 2 de maio ao 18 de maio.

f) Publicación das listaxes provisionais de admitidos e non admitidos: con anterioridade ao 31 de maio.

g) Os prazos de formalización de matrícula serán os establecidos no artigo 52 desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria