DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 04 de abril de 2007 Páx. 5.381

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 20 de marzo de 2007 pola que se establecen os distintivos de identificación e uniformidade dos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia.

A Lei 2/2004, do 31 de abril, creou o Servizo de Gardacostas de Galicia, con carácter de servizo público e asignoulle ao seu persoal funcións que implican o control da actividade profesional en todos os ámbitos físicos onde se desenvolva e en relación con todas as materias encomendadas que comprenden o control de actividades pesqueiras en todas as súas facetas, a colaboración en actividades de salvamento marítimo e as relacionadas coa prevención e loita contra a contaminación mariña.

Por esta razón resulta conveniente que os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia, os seus equipamentos e medios de transporte, tanto terrestres coma marítimos ou aéreos, resulten facilmente recoñecibles e identificables, para o que, mediante orde, se dota o servizo duns signos identificativos externos que poidan ser empregados polas persoas ou medios materiais, a xeito de imaxe corporativa, que os vencellen facilmente coa pertenza ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

O artigo 3.1º da Lei 2/2004 establece a consideración de axentes da autoridade no desempeño das súas funcións aos membros do Servizo de Gardacostas de Galicia, polo que ademais do recoñecemento deste persoal como integrante del, faise precisa unha identificación persoal que acredite a condición de axente da autoridade vencellada concretamente a cada un dos membros, para o que se dotarán dunha placa e carné profesional.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

Para os efectos desta orde entenderase por uniforme de traballo, o conxunto de pezas de roupa proporcionadas pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ao persoal que preste servizos, en calidade de membro das escalas do Servizo de Gardacostas de Galicia, que permita a súa identificación como tal.

Artigo 2º

No Servizo de Gardacostas de Galicia utilizarase habitualmente uniforme de traballo que se empregará en todos os servizos, sen prexuízo de que ademais se poida autorizar o uso doutras pezas e equipamentos de protección específicos para a realización de determinados traballos.

En función das circunstancias do servizo que desenvolvan poderán tamén actuar sen uniforme. A valoración de tales circunstancias e a conseguinte decisión correspóndelles aos xefes de unidade operativa ou superiores, en cada ocasión.

Artigo 3º

Todos os uniformes levarán obrigatoriamente o emblema ou escudo do Servizo de Gardacostas de Galicia situado na parte superior esquerda do peito e a lenda e anagramas previstos na parte superior da manga esquerda.

Artigo 4º

Os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia cando presten servizo, con ou sen uniforme, acreditarán a súa condición de axentes da autoridade mediante a exhibición da súa placa e carné profesional que exhibirán ao comenzo de cada servizo en que teñan contacto con persoas alleas ao propio servizo e en todo caso cando sexan requiridos para identificarse polos cidadáns.

Artigo 5º

O uso indebido da identificación ou distintivos profesionais será considerado abuso de autoridade e sancionado disciplinariamente.

Capítulo II

Distintivos de identificación

Artigo 6º.-Emblema.

1. O emblema ou escudo do Servizo de Gardacostas de Galicia componse dos elementos que se describen a seguir, dispostos consonte se representa na figura do anexo I.

2. A parte central está formada pola bandeira e escudo de Galicia nas súas cores, rodeados dun cordón marrón disposto de forma ovalada; na parte inferior simetricamente ao eixo vertical, cortando o cordón, duas áncoras de patente en bronce; a ambos os lados do conxunto, dúas pólas verdes unidas polos seus talos na parte inferior; sobre todo iso a coroa real nas súas cores.

3. Este emblema poderá usarse en todos os medios e efectos adscritos ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

Artigo 7º.-Carné de identificación profesional.

Axustarase ao modelo que se reproduce como anexo II e ás seguintes características:

Dimensións: 86 mm de alto por 55 mm de largo.

Anverso: sobre fondo branco levará impreso na parte superior a lenda GARDACOSTAS DE GALICIA, distribuída en tres liñas, á esquerda o anagrama institucional da Xunta de Galicia e á dereita o emblema do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Centrado levará un recadro perforado de 36 x 28 milímetros para a colocación da fotografía do titular, que será en cor, de fronte e sen lentes escuras.

Na parte inferior constará o número de identificación.

Reverso: sobre fondo branco levará impreso na parte superior a lenda Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. A continuación os seguintes datos, cada un nunha liña:

-Primeiro apelido.

-Segundo apelido.

-Nome.

-Número de documento nacional de identidade.

-Data de expedición.

-Debaixo, a continuación, o anteasinado coa lenda O/A Conselleiro/a.

Artigo 8º.-Placa insignia.

1. Será dunha peza metálica, a fronte pulida e esmaltadas as cores da bandeira e do escudo de Galicia, o resto do conxunto en cor ouro sobre fondo azul mariño. Na parte superior levará a lenda Gardacostas de Galicia e na inferior o número de identificación, segundo se representa no anexo III.

Usarase na correspondente carteira portadistintivos xunto co carné profesional.

2. As dimensións serán as seguintes:

-Altura: 70 mm.

-Largo: 53 mm.

-Grosor máximo: 2 mm.

-Franxa da lenda: 5 mm de ancho.

-Franxa do número de identificación: 5 mm de ancho.

Artigo 9º.-Distintivos uniforme.

Os distintivos comúns a todos os uniformes, segundo o disposto no artigo 3º desta orde, serán:

1. Escudo ou emblema situado na parte superior esquerda do peito das pezas de roupa exteriores. Terá as mesmas dimensións e cores previstas para a placa insignia descrita graficamente no anexo III, pero sen que nela figure o número de identificación previsto no último lugar.

2. O distintivo da parte superior da manga esquerda estará composto pola lenda Gardacostas de Galicia en caracteres dourados, disposta en forma de arco de circunferencia; debaixo unha composición formada pola bandeira de Galicia e centrado baixo este conxunto o gallardete de inspección pesqueira, todo iso nas súas cores e coas dimensións que constan no gráfico do anexo IV.

3. Os conxuntos descritos nos puntos 1 e 2 deste artigo estarán confeccionados en PVC inxectado ou similar, para o seu uso nas pezas de roupa exteriores de materiais sintéticos. A fixación será por fusión, pegado ou cosido.

Disposicións transitorias

Primeira.-A implantación da uniformidade que se establece nesta orde realizarase de forma progresiva, mentres, os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia poderán seguir utilizando os anteriores uniformes do extinguido Servizo de Protección de Recursos ou calquera outra roupa de traballo proporcionada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Segunda.-As disposicións previstas nesta orde seranlle igualmente de aplicación aos membros das

extinguidas escalas de Protección de Recursos que presten servizo no Servizo de Gardacostas de Galicia, mentres non se proceda á súa integración.

Disposición derrogatoria

Á entrada en vigor desta orde queda derrogada a Orde do 22 de xullo de 2005, pola que se establecen os distintivos de identificación, divisas e uniformes do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2007.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos