DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 10 de maio de 2007 Páx. 7.563

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 3 de maio de 2007 pola que se modifica a Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia prevé que todas as embarcacións en Galicia poderán dispoñer dun número máximo de 5 artes de pesca no seu permiso de explotación que se manterán, con carácter xeral, ata a renovación do citado permiso, en cuxo momento o armador poderá solicitar o cambio de arte baixo determinados requisitos.

Así mesmo é posible revisar as artes dos permisos de explotación antes da súa renovación, logo do ditame do Comité Científico Galego de Pesca.

Porén, non se dispón dun mecanismo áxil e flexible que permita outorgar cambios de modalidade de pesca que teñan en conta o estado dos recursos, a evolución e o grao de consumo de cotas de pesca asignadas a España pola Unión Europea, o nivel de esforzo pesqueiro, a situación socioeconómica do sector pesqueiro e as condicións do mercado, todo iso en tempo real.

Por outro lado, é conveniente dar un trato diferenciado aos supostos de cambio de artes derivados da participación nun plan de explotación, xa que este sistema de xestión permite dispor de información máis directa e fiable acerca da evolución das pesqueiras, o que facilita a asignación de artes de pesca en función dos resultados da campaña. Así, a autorización para participar nun plan de explotación pasa por unha avaliación previa na que se soliciten informes de viabilidade desde o punto de vista técnico, biolóxico e legal, logo da cal a autorización para o emprego da arte debería ser automática.

Con base no exposto considérase necesario establecer as disposicións necesarias que permitan cambiar temporalmente a modalidade de pesca en función das condicións de cada momento, así como recoñecer as peculiaridades na asignación de artes sometidas a plans de explotación.

Por todo o anterior, unha vez consultado o sector e con base nas atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Engádense os artigos 2 bis e 2 ter á Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción:

«Artigo 2º bis: artes sometidas a plan de explotación.

A inclusión nun plan de explotación dos regulados no Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños, ou no Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, suporá a autorización para o emprego da arte a que se refira o dito plan. Se a embarcación contase no seu permiso de explotación con 5 artes distintas á utilizada no plan, o armador deberá renunciar a unha delas para que se autorice a súa inclusión no plan de explotación. A renuncia terá os seus efectos durante a vixencia do plan de explotación, e unha vez finalizado este recuperarase a arte renunciada de xeito automático.

Artigo 2º ter: cambios temporais de modalidade.

1. A Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos poderá autorizar cambios temporais a modalidades ou artes de pesca distintos aos que figuran no permiso de explotación, en función do estado dos recursos e da idoneidade das embarcacións, consultado o sector pesqueiro, por períodos de tempo non superiores a 6 meses. Non obstante, en casos excepcionais e sempre que o estado dos recursos o permita, estas autorizacións poderán prorrogarse a solicitude do interesado.

2. Durante o período de vixencia desta autorización non poderá utilizarse ningunha outra arte. O retorno á modalidade de orixe producirase polo transcurso do prazo da autorización ou da súa prórroga ou ben mediante o emprego de calquera das artes incluídas no permiso de explotación, o cal deixará automaticamente sen efecto a autorización para cambio de modalidade.

3. As modalidades ás que se pode solicitar cambio de modalidade son:

a) Aparellos de anzol: liña e palangrillo.

b) Artes de enmalle: trasmallos, miños e betas».

Artigo 2º

Modifícase o parágrafo 1 do artigo 7 da Orde do 26 de outubro de 2004 pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia, que quedará redactado como segue:

«1.Cando un patrón ou armador que teña varias artes no seu permiso de explotación desexe pescar cunha delas diferente á que está usando, solicitará da confraría de pescadores á que estea asociado a inscrición da arte no libro de rexistro da actividade pesqueira. O cambio de modalidade, así como o retorno á modalidade de orixe, anotarase no libro de rexistro nas mesmas condicións que as demais artes autorizadas no permiso de explotación».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Dirección Xeral de Recursos Mariños para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2007.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNES PÚBLICAS

E XUSTIZA