DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 30 de maio de 2007 Páx. 8.939

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 95/2007, do 3 de maio, polo que se crea a categoría de enfermeiro especialista en Saúde Mental.

O Real decreto 992/1987, do 3 de xullo, polo que se regulou a obtención do título de enfermeiro especialista, e moi especialmente a Orde do 24 de xuño de 1998, de desenvolvemento do anterior, supuxeron a implantación da formación programada, supervisada e coordinada, en unidades docentes acreditadas, de enfermeiros especialistas en saúde mental, e a posterior posta á disposición dos servizos de saúde de persoal especialmente cualificado.

A entrada en vigor da Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, determinou a necesidade de proceder a unha nova regulamentación das especialidades en ciencias da saúde; regulamentación que, no caso das especialidades de enfermaría, se fixo efectiva co Real decreto 450/2005, do 22 de abril, sobre especialidades de enfermaría, que derrogou o anteriormente citado.

Este desenvolvemento normativo, e a necesidade de potenciar a prestación de servizos de persoal especializado nos dispositivos de saúde mental, fan oportuno neste momento, unha vez finalizado o proceso extraordinario de consolidación de emprego tramitado en execución da Lei 16/2001, do 21 de novembro, abordar a creación da categoría de enfermeiro especialista en saúde mental en exercicio das competencias atribuídas nos artigos 14 e 15 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde. Esta creación permitirá a progresiva dotación de prazas de diplomados especialistas, en atención á planificación de necesidades e aos recursos dispoñibles de persoal titulado, e a incorporación deste último ás ditas prazas en condicións de pleno recoñecemento normativo e profesional.

O presente decreto dítase tras a preceptiva negociación na Mesa Sectorial.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, de acordo co ditame número 879/2006, do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación no Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de maio de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase no Servizo Galego de Saúde, dentro do grupo de persoal de formación universitaria, subgrupo de diplomados con título de especialista en ciencias da saúde, a categoría estatutaria de enfermeiro especialista en saúde mental.

Esta creación non afectará as funcións e facultades profesionais propias dos diplomados universitarios en enfermaría como enfermeiros responsables de coidados xerais, nin ao desempeño de postos de traballo que non teñan a denominación de especialista.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

A relación do persoal desta categoría co Servizo Galego de Saúde regularase pola Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco e a normativa de desenvolvemento e complementaria aplicable ao persoal estatutario do organismo.

En particular, a regulación da xornada de traballo e retribucións será a vixente para o persoal xa vinculado ás institucións hospitalarias como persoal diplomado en enfermaría especialista, con aplicación das mesmas retribucións básicas e complementarias.

Artigo 3º.-Acceso.

Para o acceso á categoría de enfermeiro especialista en saúde mental, como persoal estatutario fixo ou temporal, será requisito indispensable estar en posesión do título de enfermeiro especialista en saúde mental.

A superación das probas de selección, convocadas en execución dunha oferta pública de emprego, será requisito para acceder á condición de persoal estatutario fixo da categoría.

A selección de persoal temporal efectuarase polo procedemento establecido logo de negociación na Mesa Sectorial.

Artigo 4º.-Funcións.

Correspóndelles aos enfermeiros especialistas en saúde mental o desempeño, baixo a dirección da institución sanitaria e sen menoscabo da competencia, responsabilidade e autonomía dos profesionais doutras categorías, das funcións inherentes as competencias profesionais especificadas no programa de formación da especialidade aprobado consonte a normativa reguladora das profesións sanitarias.

Estas funcións desenvolveranse nos termos anteriormente expostos:

a) Nos ámbitos asistencial, docente, de xestión clínica, de administración, investigador, de prevención e de información e educación sanitarias.

b) Para os individuos, grupos ou familias, na institución sanitaria ou no seu domicilio.

c) Con participación nas accións de coordinación sociosanitaria que se determinen.

d) Con especial atención á rehabilitación psiquiátrica e psicosocial dos pacientes e á continuidade de coidados.

e) Nos eidos que se determinen no Plan Galego de Saúde Mental.

Artigo 5º.-Cadro de personal.

Correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde determinar o número de efectivos de persoal da nova categoría que poden prestar servizos con carácter estrutural. Esta medida farase efectiva mediante a adecuación dos cadros de persoal das institucións sanitarias, coas limitacións e consonte as previsións establecidas nas disposicións orzamentarias en vigor.

Artigo 6º.-Formación continuada.

Ao persoal da categoría de enfermeiro especialista en saúde mental ofértaselle anualmente, e de conformidade coas disposicións emanadas da Comisión de Formación Continuada ao abeiro da Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, un plan de formación continuada conforme os intereses funcionais que o Sergas considere oportunos para a categoría creada, ou ben en función das necesidades formativas formuladas pola devandita categoría.

Disposición transitoria

Valoración de servizos prestados.

Os servizos prestados en desenvolvemento das actividades propias da especialidade de enfermaría de saúde mental con anterioridade á entrada en vigor do presente decreto, e debidamente certificados, terán a consideración de prestados na categoría de enfermeiro especialista en saúde mental nos procesos de selección, para persoal temporal ou fixo, que se formalicen para o acceso a prazas da dita categoría.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde para adoptar as medidas pertinentes, no ámbito das súas competencias, para o desenvolvemento e aplicación do disposto no presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de maio de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade