DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 15 de xuño de 2007 Páx. 10.280

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 116/2007, do 31 de maio, polo que se crean centros públicos de educación e promoción de adultos con sede nos centros penitenciarios de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 31 e o Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, establecen a competencia desta en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dedica o capítulo IX do título II á educación das persoas adultas, establecendo no seu artigo 67.6º a garantía de acceso da poboación reclusa a estas ensinanzas; e a Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 5 que, para o logro dos seus fins, a Xunta de Galicia fomentará a relación e coordinación das accións que en materia de educación, promoción e formación laboral de adultos realicen as distintas consellerías e institucións da comunidade autónoma, así como as dos organismos e entidades públicas e privadas no seu ámbito competencial, e no seu artigo 14 determina que lle corresponde á Xunta de Galicia a creación dos centros de educación e promoción de adultos.

Tendo en conta o Decreto 88/1999, do 11 de marzo, polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros que, en coherencia coas dúas leis citadas, ten a vontade de desenvolver con garantías plenas o dereito á educación das persoas adultas, cunha oferta de calidade para todas e todos sen discriminación.

Considerando que o disposto no Real decreto 1203/1999, do 9 de xullo, polo que se integran no corpo de mestres ás funcionarias e funcionarios pertencentes ao corpo de profesores de educación xeral básica de institucións penitenciarias e se dispoñen normas de funcionamento das unidades educativas dos establecementos penitenciarios, habilita para a sinatura do convenio de colaboración do 23 de marzo de 2007, BOE do 11 de abril, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Interior, para o desenvolvemento de programas de formación da poboación reclusa que se realizarán nos centros de educación de persoas adultas localizados en cada un dos centros penitenciarios de Galicia.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de maio de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créanse os centros públicos de educación e promoción de adultos que figuran no anexo ao presente decreto, con sede nos centros penitenciarios de Galicia, integrándose na rede pública de centros e sometidos á vixencia do convenio de colaboración entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Interior. A súa organización e funcionamento será obxecto dunha regulamentación específica.

Artigo 2º

Estes centros terán como finalidade facer efectivo o disposto no artigo 67.6º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, sobre o acceso das persoas internas en establecementos penitenciarios ás ensinanzas de persoas adultas.

Artigo 3º

Intégranse nestes centros as mestras e mestres con destino nas unidades educativas dos respectivos centros penitenciarios que foron asumidos pola Comunidade Autónoma de Galicia e asignados á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria mediante o Decreto 322/1999, do 16 de decembro, de asunción da ampliación de medios da Administración do Estado, realizada polo Real decreto 1751/1999, do 19 de novembro, en materia de educación.

Disposición adicional

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará os cadros de persoal docente para cada un dos centros públicos creados neste decreto.

Disposiciones derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de maio de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria