DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 25 de xuño de 2007 Páx. 10.919

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Exposición de motivos

I A concesión de subvencións constitúe hoxe un instrumento básico e indispensable para a consecución dos obxectivos fixados na política social e económica do Goberno da Comunidade Autónoma. A súa complexidade e variación, así como a importancia dos recursos afectados, require a súa consideración desde varias perspectivas, como actividade administrativa, como modalidade de gasto público e incluso como instrumento de planificación económica, pero con trazos propios desta área que sosteñen a súa regulación nun marco xurídico único, cuxas características xerais se establezan mediante lei do Parlamento de Galicia.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, incide na regulación autonómica existente coa vocación de lle outorgar un tratamento homoxéneo á relación xurídica subvencional nas diferentes administracións públicas, o que fundamentou a dotación de carácter básico de gran parte dos seus preceptos. Pero a ordenación dun réxime xurídico común desta relación, como finalidade nuclear da citada lei, debe conciliarse, dentro do respecto á regulación básica, co desenvolvemento do réxime xurídico propio correspondente ao ámbito competencial autonómico. Neste sentido, é obxecto desta lei o establecemento dunha regulación congruente coas peculiaridades da organización da Administración da Comunidade Autónoma e dos seus mecanismos de financiamento, impulsora da xestión eficaz e eficiente dos seus recursos, pero que, ao tempo, profunde na salvagarda do interese público.

Esta lei é tamén aplicable ás entidades locais de Galicia, aínda que cunha previsión de adaptación regulamentaria que atende ás específicas condicións de organización e funcionamento delas.

A lei procura, ao longo do seu articulado, a aplicación de principios xurídicos básicos na materia subvencional, mediante a adopción de medidas concretas axeitadas aos seus enunciados. A transparencia, eficacia e eficiencia na xestión fundamentan, entre outras, as obrigas de publicidade en distintos momentos dos procedementos, a asunción a nivel legal das directrices básicas dos rexistros de subvencións, o fomento do uso intensivo das tecnoloxías da información e das comunicacións na tramitación administrativa e a implantación do procedemento abreviado de concesión.

II

A lei divide o seu articulado en cinco títulos, integrados por sesenta e oito artigos, oito disposicións adicionais, tres disposicións transitorias e unha derrogatoria.

O título preliminar recolle a definición do ámbito de aplicación da norma, o concepto de subvención, as figuras do beneficiario e as entidades colaboradoras e as obrigas derivadas de tal condición, a forma de aprobación das bases reguladoras e o seu contido, así como a publicidade das subvencións concedidas. Neste título establécense os principios reitores da xestión das subvencións, cuxas manifestacións aparecen ao longo do texto legal.

No que respecta ao órgano concedente para a concesión das subvencións no ámbito da Administración da Xunta de Galicia, a competencia atribúeselles con carácter xeral aos titulares das consellarías, aínda que será necesaria a autorización do Consello da Xunta cando se supere determinado límite cuantitativo.

A extensa enumeración dos extremos integrantes das bases reguladoras responde á necesidade de configuralas como o elemento básico definitorio da relación que se constitúa entre a administración xestora e o beneficiario da subvención, para o que se procurará o pleno coñecemento dos dereitos e deberes que lle corresponden e a instauración da relación con plena seguridade xurídica.

Co fin de avanzar nos obxectivos de transparencia mediante a transición dos procedementos tradicionais da chamada administración electrónica, prevese o establecemento nas bases reguladoras da tramitación telemática dos procedementos administrativos.

III

O título I destínase a regular os procedementos de concesión e xestión das subvencións.

O procedemento ordinario de concesión será o de concorrencia competitiva. Non obstante, a lei flexibiliza a aplicación do réxime naqueles supostos nos que a propia natureza da subvención fai innecesaria a comparación nun único procedemento das solicitudes presentadas e cuxa concesión se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos nas bases reguladoras, permitindo o establecemento de prazos de solicitude abertos de forma continuada ata o esgotamento do crédito orzamentario.

O procedemento de concesión directa, excluído das previsións da lei no referente á aplicación dos principios de publicidade e concorrencia, só será aplicable nos supostos nos que exista dotación nominativa nos orzamentos xerais da Comunidade, nos que se impoñan por norma de rango legal ou cando, con carácter excepcional, se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública.

Este título ocúpase finalmente da regulación da xustificación e xestión orzamentaria das subvencións.

IV

O título II aborda o réxime xurídico da invalidez, a revogación e o reintegro de subvencións e establece as súas causas. A iniciación e resolución dos procedementos correspóndelle ao órgano xestor das subvencións.

O prazo de prescrición en materia de reintegro regúlase especificamente na lei, e redúcese, de xeito equiparable ao establecido en materia sancionadora, a catro anos para lograr unha maior coherencia entre ambos os dous procedementos.

A lei regula expresamente as figuras da compensación e retención de pagamentos para unha máis áxil recuperación dos recursos públicos.

V

O título III dedícase ao control financeiro sobre a concesión e aplicación das subvencións, e esta modalidade de control prima sobre os previos que se establecen nas anteriores fases de xestión. O control da concesión e aplicación das subvencións cobra plena substantividade como procedemento administrativo, ao se constituír unha relación administrativa funcional de carácter singular entre o órgano que controla, pertencente á esfera administrativa, e o beneficiario ou a entidade suxeitos ao control. Neste sentido, refórzanse as facultades do persoal controlador e o deber de colaboración nas actuacións, ao tempo que se manteñen as garantías de procedemento establecidas en defensa dos dereitos dos beneficiarios. Trátase, en definitiva, de conciliar os seus lexítimos intereses particulares coa axilidade nos procedementos de control e reintegro para velar pola recuperación ou polo resarcimento dos intereses públicos.

Para finalizar, o título IV regula a potestade sancionadora no ámbito subvencional, no que se establecen as enumeracións de infraccións e sancións consonte a normativa básica estatal. A lei reforza o principio de tipicidade que rexe no dereito sancionador coa delimitación máis precisa da ponderación dos criterios de graduación en relación co importe da sanción, e reduce as marxes de discrecionalidade do órgano competente para sancionar a prol dunha maior seguridade xurídica.

A lei establece a publicidade das resolucións sancionadoras graves ou moi graves, firmes na vía xudicial, que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, e así mesmo todas as sancións administrativas firmes figurarán no Rexistro Público de Subvencións con expresión das persoas físicas ou xurídicas afectadas, da normativa infrinxida e do importe da sanción.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de subvencións de Galicia.

Título preliminar

Disposicións xerais

Capítulo I

Do ámbito de aplicación da lei

Artigo 1.-Obxecto.

Esta lei ten por obxecto a regulación do réxime xurídico propio das subvencións cuxo establecemento e xestión lles corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, organismos e demais entidades vinculadas ou dependentes desta, así como tamén ás entidades locais de Galicia, incluídos os organismos e entidades dependentes delas.

Artigo 2.-Concepto.

1. Enténdese por subvención, para os efectos desta lei, toda disposición dineraria realizada pola Administración da Comunidade Autónoma, ou por unha entidade vinculada ou dependente dela, a favor de persoas públicas ou privadas, e que cumpra os seguintes requisitos:

a) Que a entrega se realice sen contraprestación directa dos beneficiarios.

b) Que a entrega estea suxeita ao cumprimento dun determinado obxectivo, á execución dun proxecto, á realización dunha actividade, á adopción dun comportamento singular, xa realizados ou por desenvolver, ou á concorrencia dunha situación, e o beneficiario debe cumprir as obrigas materiais e formais que se establecesen.

c) Que o proxecto, a acción, a conduta ou a situación financiada teña por obxecto o fomento dunha actividade de utilidade pública ou interese social ou a promoción dunha finalidade pública.

2. Non teñen o carácter de subvencións:

a) As prestacións previstas no artigo 2.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, destinadas a persoas físicas, e as prestacións autonómicas de natureza similar a estas ou de carácter asistencial.

b) Os beneficios fiscais a favor dos usuarios de bens e de servizos públicos aplicables nos prezos correspondentes.

c) As achegas dinerarias a favor doutras administracións e a favor dos organismos e das entidades dependentes da Administración da Comunidade Autónoma sometidos ao ordenamento autonómico destinadas a financiar global ou parcialmente a súa actividade con carácter indiferenciado.

d) As achegas dinerarias a favor doutras administracións públicas ou das súas entidades dependentes, establecidas mediante norma legal ou regulamentaria e destinadas a financiar actividades da súa competencia ou impostas por unha norma emanada da administración outorgante.

3. Serán aplicables os preceptos desta lei aos actos ou negocios xurídicos que de acordo coa súa verdadeira natureza impliquen a concesión de subvencións consonte o disposto no apartado primeiro deste artigo, con independencia da forma ou denominación que lle desen as partes.

Artigo 3.-Ámbito de aplicación.

1. A lei é aplicable ás subvencións establecidas ou xestionadas por:

a) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os organismos autónomos e as entidades de dereito público do artigo 12. 1.b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

c) As entidades locais de Galicia, incluídos os organismos e entes dependentes delas.

2. Serán aplicables os principios de xestión contidos no artigo 5.2 desta lei e os de información aos que fai referencia o artigo 16 ás achegas dinerarias sen contraprestación que realicen os demais entes vinculados ou dependentes da Xunta de Galicia e das entidades locais galegas. En todo caso, as achegas gratuítas terán relación directa co obxecto da actividade contido na norma de creación ou nos seus estatutos. A concesión destas achegas deberá axustarse ás normas de procedementos elaboradas polas entidades en aplicación dos citados principios.

3. As subvencións establecidas pola Unión Europea, o Estado ou outro ente público, cuxa xestión lle corresponda, total ou parcialmente, á Administración da Comunidade Autónoma, así como o financiamento complementario das ditas subvencións que poida outorgar esta administración, rexeranse polo réxime xurídico do ente que as estableza, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento propios da Administración da Comunidade Autónoma. En calquera caso, esta lei aplicarase con carácter supletorio respecto da normativa reguladora das subvencións financiadas pola Unión Europea.

Artigo 4.-Exclusións do ámbito material de aplicación.

1. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta lei os seguintes supostos:

a) Os premios que se outorguen sen previa solicitude do beneficiario.

b) As subvencións previstas na lexislación de réxime electoral e na lexislación de financiamento dos partidos políticos, as subvencións aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia e as achegas percibidas polos grupos políticos das entidades locais, que se rexerán pola súa normativa específica.

2. Os créditos concedidos a particulares sen xuro ou con xuro inferior ao do mercado así como as subvencións aos xuros dos créditos concedidos a particulares rexeranse pola súa normativa específica e no seu defecto polas prescricións desta lei que sexan axeitadas á natureza de tales operacións, en particular, os principios xerais, os requisitos e as obrigas de beneficiarios e entidades colaboradoras e o procedemento de concesión.

Capítulo II

Disposicións comúns ás subvencións públicas

Artigo 5.-Principios xerais.

1. Os órganos da administración que propoñan o establecemento de subvencións, con carácter previo, deberán concretar nun plan estratéxico de subvencións os obxectivos e efectos que se pretenden coa súa aplicación, o prazo necesario para a súa consecución, os custos previsibles e as súas fontes de financiamento, e supeditaranse, en todo caso, ao cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria.

2. A xestión das subvencións a que se refire esta lei realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 6.-Requisitos para o outorgamento das subvencións.

1. Naqueles casos nos que, de acordo co disposto nos artigos 87 a 89 do Tratado constitutivo da Unión Europea, deban comunicarse os proxectos para o establecemento, a concesión ou a modificación dunha subvención deberán notificárselle á Comisión Europea de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, nos termos que se establezan regulamentariamente.

2. Con carácter previo ao outorgamento das subvencións, deberán aprobarse as bases reguladoras de concesión nos termos establecidos nesta lei.

3. As bases reguladoras de cada tipo de subvención publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do órgano concedente.

4. Adicionalmente, o outorgamento dunha subvención debe cumprir os seguintes requisitos:

a) A competencia para outorgala do órgano administrativo concedente.

b) A existencia de crédito axeitado e suficiente para atender as obrigas de contido económico que derivan da concesión da subvención.

c) A tramitación do procedemento de concesión de acordo coas normas que resulten aplicables.

d) A fiscalización previa dos actos de contido económico, nos termos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

e) A aprobación do gasto polo órgano competente.

Artigo 7.-Órganos competentes para a concesión de subvencións.

1. Os conselleiros, os presidentes ou directores dos organismos autónomos e os órganos reitores dos demais entes, de acordo coas súas leis de creación ou normativa específica dentro do seu ámbito de competencia, serán competentes para conceder subvencións.

2. Non obstante, requirirá autorización do Consello da Xunta a concesión de subvencións que superen a contía de 3.000.000 de euros por beneficiario. A autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para a concesión da subvención.

3. As facultades dos órganos competentes para a concesión de subvencións poderán ser desconcentradas ou delegadas nos termos fixados nas normas sobre a atribución e o exercicio de competencias.

4. A competencia para conceder subvencións nas entidades locais correspóndelles aos órganos que a teñan atribuída na súa normativa específica.

Artigo 8.-Beneficiarios.

1. Terá a consideración de beneficiario de subvencións a persoa que deba realizar a actividade que fundamentou o seu outorgamento ou que se atope na situación que lexitima a súa concesión.

2. Cando o beneficiario sexa unha persoa xurídica, e sempre que así se prevexa nas bases reguladoras, os membros asociados do beneficiario que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamentan a concesión da subvención en nome e por conta do primeiro terán igualmente a consideración de beneficiarios.

3. Cando se prevexa expresamente nas bases reguladoras, poderán acceder á condición de beneficiario as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 desta lei.

Artigo 9.-Entidades colaboradoras.

1. Será entidade colaboradora aquela que, actuando en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, lles entregue e distribúa os fondos públicos aos beneficiarios cando así se estableza nas bases reguladoras, ou colabore na xestión da subvención sen que se produza a previa entrega e distribución dos fondos recibidos. Estes fondos en ningún caso se considerarán integrantes do seu patrimonio.

Igualmente terán esta condición os que sendo denominados beneficiarios conforme a normativa comunitaria teñan encomendadas, exclusivamente, as funcións enumeradas no parágrafo anterior.

2. Poderán ser consideradas entidades colaboradoras os organismos e demais entes públicos, as sociedades mercantís participadas íntegra ou maioritariamente polas administracións públicas, os organismos ou entes de dereito público e as asociacións ás que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, así como as demais persoas xurídicas públicas ou privadas que reúnan as condicións de solvencia e eficacia que se establezan.

3. A Administración xeral do Estado, outras comunidades autónomas e as corporacións locais poderán actuar como entidades colaboradoras das subvencións concedidas pola Comunidade Autónoma de Galicia ou os seus organismos públicos e demais entes que teñan que axustar a súa actividade ao dereito público. De igual forma, e nos mesmos termos, a Comunidade Autónoma e os seus organismos públicos poderán actuar como entidades colaboradoras respecto das subvencións concedidas pola Administración xeral do Estado, outras comunidades autónomas e as corporacións locais.

Artigo 10.-Requisitos para obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora.

1. Poderán obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora as persoas ou entidades que se atopen na situación que fundamenta a concesión da subvención ou nas que concorran as circunstancias previstas nas bases reguladoras e na convocatoria.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora das subvencións reguladas nesta lei as persoas ou entidades nas que concorra algunha das circunstancias seguintes, salvo que pola natureza da subvención se exceptúe pola súa normativa reguladora:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declarados insolventes en calquera procedemento, acharse declarados en concurso, estar suxeitos a intervención xudicial ou ser inhabilitados conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declarados culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non acharse ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos que regulamentariamente se determinen.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non acharse ao corrente de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determine.

h) Ser sancionado mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo esta lei ou a Lei xeral tributaria.

Non poderán acceder á condición de beneficiarios as agrupacións previstas no segundo parágrafo do apartado 3 do artigo 8 desta lei cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

3. En ningún caso poderán obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora das subvencións reguladas nesta lei as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos apartados 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

Tampouco poderán obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora as asociacións respecto das que se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, en tanto non recaia resolución xudicial firme en cuxa virtude poida practicarse a inscrición no correspondente rexistro.

4. As prohibicións contidas nas letras b), d), e), f) e g) do apartado 2 e no apartado 3 deste artigo apreciaranse de forma automática e subsistirán mentres concorran as circunstancias que, en cada caso, as determinen.

5. As prohibicións contidas nas letras a) e h) do apartado 2 deste artigo apreciaranse de forma automática. O alcance da prohibición será o que determine a sentenza ou resolución firme. Na súa falta, o alcance fixarase de acordo co procedemento determinado regulamentariamente, sen que poida exceder de cinco anos no caso de que a prohibición non derive de sentenza firme.

6. A apreciación e o alcance da prohibición contida na letra c) do apartado 2 deste artigo determinaranse de acordo co establecido no artigo 21, en relación co artigo 20.c) do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.

7. A xustificación por parte das persoas ou entidades de non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora, sinaladas nos apartados 2 e 3 deste artigo, poderá realizarse mediante testemuño xudicial, certificados telemáticos ou transmisións de datos, de acordo co establecido na normativa correspondente ou mediante certificación administrativa, segundo os casos. O dito documento poderá ser substituído por unha declaración responsable.

Artigo 11.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas do beneficiario:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan esixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no apartado 3 do artigo 15 desta lei.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 desta lei.

Artigo 12.-Obrigas das entidades colaboradoras.

Son obrigas da entidade colaboradora:

a) Entregarlles aos beneficiarios os fondos recibidos de acordo cos criterios establecidos nas bases reguladoras da subvención e no convenio subscrito coa entidade concedente.

b) Comprobar, se é o caso, o cumprimento e a efectividade das condicións ou dos requisitos determinantes para o seu outorgamento, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

c) Xustificar a entrega dos fondos percibidos ante o órgano concedente da subvención e, se é o caso, entregar a xustificación presentada polos beneficiarios.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que respecto da xestión dos devanditos fondos poida efectuar o órgano concedente, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto estatais coma comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 13.-Convenio de colaboración con entidades colaboradoras.

1. Formalizarase un convenio de colaboración entre o órgano administrativo concedente e a entidade colaboradora no que se regularán as condicións e obrigas asumidas por esta.

2. O convenio de colaboración deberá conter, como mínimo, os seguintes extremos:

a) Definición do obxecto da colaboración e da entidade colaboradora.

b) Identificación da normativa reguladora especial das subvencións que van ser xestionadas pola entidade colaboradora.

c) Prazo de duración do convenio de colaboración.

d) Medidas de garantía que sexa preciso constituír a favor do órgano administrativo concedente, medios de constitución e procedemento de cancelación.

e) Requisitos que debe cumprir e facer cumprir a entidade colaboradora nas diferentes fases do procedemento de xestión das subvencións.

f) En caso de colaboración na distribución dos fondos públicos, determinación do período de entrega dos fondos á entidade colaboradora e das condicións de depósito dos fondos recibidos ata a súa entrega posterior aos beneficiarios.

g) En caso de colaboración na distribución dos fondos públicos, condicións de entrega aos beneficiarios das subvencións concedidas polo órgano administrativo concedente.

h) Forma de xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento das condicións para o outorgamento das subvencións e dos requisitos para a verificación desta.

i) Prazo e forma da presentación da xustificación das subvencións achegada polos beneficiarios e, en caso de colaboración na distribución dos fondos públicos, de acreditación por parte da entidade colaboradora da entrega dos fondos aos beneficiarios.

j) Determinación dos libros e rexistros contables específicos que debe levar a entidade colaboradora para facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas.

k) Obriga de reintegro dos fondos no suposto de incumprimento dos requisitos e das obrigas establecidas para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 desta lei.

l) Obriga da entidade colaboradora de someterse ás actuacións de comprobación e control previstas na letra d) do artigo 12 desta lei.

m) Compensación económica que, se é o caso, se fixe a favor da entidade colaboradora.

3. Cando a Administración xeral do Estado, a administración doutras comunidades autónomas ou as corporacións locais actúen como entidades colaboradoras, a Administración da Comunidade Autónoma ou os organismos públicos vinculados ou dependentes dela subscribirán con aquelas os correspondentes convenios nos que se determinen os requisitos para a distribución e entrega dos fondos e os criterios de xustificación e de rendición de contas.

4. Cando as entidades colaboradoras sexan persoas suxeitas a dereito privado, seleccionaranse previamente mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación e a colaboración formalizarase mediante convenio, salvo que por obxecto da colaboración resulte de aplicación plena o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.

O contrato, que incluirá necesariamente o contido mínimo previsto no apartado 2 deste artigo, así como o que resulte preceptivo de acordo coa normativa reguladora dos contratos administrativos, deberá facer mención expresa ao sometemento do contratista ao resto das obrigas impostas ás entidades colaboradoras por esta lei.

Artigo 14.-Bases reguladoras da concesión das subvencións.

1. Sen prexuízo de que o Consello da Xunta determine os criterios básicos, os órganos concedentes establecerán con carácter previo á disposición dos créditos as bases reguladoras aplicables á concesión.

As citadas bases serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do órgano concedente, e conterán, como mínimo, os seguintes extremos:

a) Definición precisa do obxecto da subvención.

b) Requisitos que deberán reunir os beneficiarios para a obtención da subvención e, se é o caso, dos membros das entidades previstas no apartado 2 e segundo parágrafo do apartado 3 do artigo 8, prazo e forma de acreditalos e prazo e forma nos que deben presentarse as solicitudes.

c) Criterios obxectivos de adxudicación da subvención e, se é o caso, ponderación deles.

d) Contía individualizada da subvención ou criterios para a súa determinación.

e) Procedemento de concesión da subvención.

f) Órganos competentes para a ordenación, instrución e resolución do procedemento de concesión e prazo no que será notificada a resolución.

g) Composición, se é o caso, do órgano colexiado avaliador previsto no artigo 21 desta lei.

h) Prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención ou a axuda pública e da aplicación dos fondos percibidos.

i) No suposto de prever a posibilidade de realizar aboamentos á conta e anticipados, prazos, modo de pagamento e réxime particular de garantías que, se é o caso, deban achegar os beneficiarios, así como aqueloutras medidas de garantía a favor dos intereses públicos que poidan considerarse precisas.

j) Obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

k) Obriga do beneficiario de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

l) Se é o caso, condicións de solvencia e eficacia que teñan que reunir as entidades colaboradoras.

m) Circunstancias que, como consecuencia da alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, poderán dar lugar á modificación da resolución.

n) Criterios de graduación dos posibles incumprimentos de condicións impostas con motivo da concesión das subvencións. Estes criterios resultarán aplicables para determinar a cantidade que finalmente teña que percibir o beneficiario ou, se é o caso, o importe que vai reintegrar, e deberán responder ao principio de proporcionalidade.

ñ) Información aos interesados da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos extremos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Así mesmo, deberán prever a posibilidade de que os interesados fagan constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do apartado 2 do artigo 15 desta lei.

o) Expresión dos recursos que procedan contra a resolución da concesión, con indicación do órgano administrativo ou xudicial perante o que teñan que presentarse, prazo para interpoñelos e demais requisitos esixidos pola normativa xeral aplicable.

p) Compatibilidade ou incompatibilidade con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. As bases reguladoras deberán prever o uso e a aplicación de medios telemáticos nos procedementos de concesión e xustificación das axudas e subvencións e de presentación e resolución de recursos sobre elas. Nestes supostos deberán indicar os trámites que poden ser cumpridos por esta vía e os medios electrónicos e sistemas de comunicación utilizables, que deberán axustarse ás especificacións establecidas pola consellaría competente en materia de economía e facenda.

Artigo 15.-Publicidade das subvencións concedidas.

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario ao que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

2. Non será necesaria a publicación nos seguintes supostos:

a) Cando as subvencións públicas teñan asignación nominativa nos orzamentos.

b) Cando o seu outorgamento e a súa contía, a favor de beneficiario concreto, resulten impostos en virtude de norma de rango legal.

c) Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros. Neste suposto, as bases reguladoras deberán prever a utilización doutros procedementos que, de acordo coas súas especiais características, contía e número, aseguren a publicidade dos beneficiarios destas e deberán, en todo caso, publicarse na páxina web oficial do órgano administrativo concedente nos termos establecidos na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

d) Cando a publicación dos datos do beneficiario en razón do obxecto da subvención poida ser contraria ao respecto e salvagarda do honor e á intimidade persoal e familiar das persoas físicas en virtude do establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, e sexa previsto na súa normativa reguladora.

3. Os beneficiarios deberán dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención, nos termos regulamentariamente establecidos.

Artigo 16.-Rexistro Público de Subvencións

1. O Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios, e mais o de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006, terán o contido e a forma que regulamentariamente se determinen.

2. O Rexistro Público de Subvencións haberá de servir, polo menos, aos seguintes fins:

a) A ordenación e o coñecemento da actividade subvencional da Comunidade Autónoma.

b) A coordinación coas bases de datos establecidas pola Unión Europea, a Administración xeral do Estado e outras entidades públicas.

c) A elaboración de estudos e análise sobre a actividade subvencional da Comunidade Autónoma.

d) A colaboración cos órganos e institucións de control deste tipo de actividade.

3. Os suxeitos previstos no artigo 3 desta lei deberán facilitarlle á consellaría competente en materia de economía e facenda información sobre as subvencións por eles xestionadas nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 17.-Financiamento das actividades subvencionadas.

1. A normativa reguladora da subvención poderá esixir un importe de financiamento propio para cubrir a actividade subvencionada. A achega de fondos propios ao proxecto ou acción subvencionada terá que ser acreditada nos termos previstos no artigo 28 desta lei.

2. A normativa reguladora da subvención determinará o réxime de compatibilidade ou incompatibilidade para a percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo do disposto no apartado seguinte.

3. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos establecidos na normativa reguladora da subvención.

5. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada, salvo que, por razóns debidamente motivadas, se dispoña o contrario nas bases reguladoras da subvención.

Este apartado non será aplicable nos supostos nos que o beneficiario sexa unha administración pública.

Artigo 18.-Réxime de garantías.

O réxime das garantías, os medios de constitución, o depósito e a cancelación que teñan que constituír os beneficiarios ou as entidades colaboradoras estableceranse regulamentariamente.

Título I

Procedementos de concesión e xestión das subvencións

Capítulo I

Do procedemento de concesión

Artigo 19.-Procedementos de concesión.

1. O procedemento ordinario de concesión de subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Para efectos desta lei, terá a consideración de concorrencia competitiva o procedemento mediante o cal a concesión das subvencións se realiza a través da comparación das solicitudes presentadas, co fin de establecer unha prelación entre estas de acordo cos criterios de valoración previamente fixados nas bases reguladoras e na convocatoria e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios.

2. As bases reguladoras poderán excepcionar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

3. Excepcionalmente, sempre que así se prevexa nas bases reguladoras, o órgano competente procederá ao rateo, entre os beneficiarios da subvención, do importe global máximo destinado ás subvencións.

4. Poderán concederse de forma directa as seguintes subvencións:

a) As previstas nominativamente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma nos termos recollidos nos convenios e na normativa reguladora destas subvencións.

b) Aquelas cuxo outorgamento ou contía lles veñan impostos á administración por unha norma de rango legal, que seguirán o procedemento de concesión que lles resulte aplicable de acordo coa súa propia normativa.

c) Con carácter excepcional, aqueloutras subvencións nas que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública.

Capítulo II

Dos procedementos de concesión en réxime de concorrencia competitiva

Artigo 20.-Iniciación.

1. O procedemento para a concesión de subvencións iníciase de oficio, no caso de concesión en réxime de concorrencia competitiva, agás nos supostos que regula o artigo 19.2 desta lei.

2. A iniciación de oficio realizarase sempre mediante convocatoria aprobada polo órgano competente, que desenvolverá o procedemento para a concesión das subvencións convocadas segundo o establecido neste capítulo e de acordo cos principios da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e terá necesariamente o seguinte contido:

a) Indicación da disposición que estableza, se é o caso, as bases reguladoras e do diario oficial no que está publicada, salvo que en atención á súa especificidade estas se inclúan na propia convocatoria.

b) Créditos orzamentarios aos que se lles imputa a subvención e contía total máxima das subvencións convocadas dentro dos créditos dispoñibles ou, no seu defecto, contía estimada das subvencións.

c) Obxecto, condicións e finalidade da concesión da subvención.

d) Expresión do réxime no que se efectuará a concesión.

e) Requisitos para solicitar a subvención e forma de acreditalos.

f) Indicación dos órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento.

g) Prazo de presentación de solicitudes, ás que lles serán aplicables as previsións contidas no apartado 3 deste artigo.

h) Prazo de resolución e notificación.

i) Documentos e informacións que deben achegarse á petición.

j) Se é o caso, posibilidade de reformulación de solicitudes de conformidade co disposto no artigo 25 desta lei.

k) Indicación de se a resolución pon fin á vía administrativa e, no caso contrario, órgano ante o que se interpoñerá recurso de alzada.

l) Criterios de valoración das solicitudes, se é o caso. Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda.

m) Prazo de xustificación da subvención.

n) Medio de notificación ou publicación, de conformidade co previsto no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As solicitudes dos interesados acompañarán os documentos e as informacións determinados na norma ou convocatoria, salvo que os documentos esixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellaría competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, cando así se prevexa nas bases reguladoras.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. Para efectos do disposto nos apartados anteriores, a normativa reguladora da subvención poderá admitir a substitución da presentación de determinados documentos por unha declaración responsable do solicitante. Neste caso, con anterioridade á proposta de resolución de concesión da subvención deberase requirir a presentación da documentación que acredite a realidade dos datos contidos na citada declaración, nun prazo non superior a quince días.

5. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na norma de convocatoria, o órgano competente requirirá ao interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que se non o fixese se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 21.-Instrución.

1. A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ao órgano que se indique na convocatoria.

2. O órgano competente para a instrución realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. As actividades de instrución comprenderán:

a) Petición de cantos informes estime necesarios para resolver ou que sexan esixidos polas normas que regulan a subvención. Na petición farase constar, se é o caso, o carácter determinante daqueles informes que sexan preceptivos. O prazo para a súa emisión será de dez días, salvo que o órgano instrutor, atendendo ás características do informe solicitado ou do propio procedemento, solicite a súa emisión nun prazo menor ou maior, sen que neste último caso poida exceder de dous meses.

b) Cando no prazo sinalado non se emitise o informe cualificado por disposición legal expresa como preceptivo e determinante, ou, se é o caso, vinculante, poderá interromperse o prazo dos trámites sucesivos.

c) Avaliación das solicitudes ou peticións, efectuada conforme os criterios, as formas e as prioridades de valoración establecidos na norma reguladora da subvención ou, se é o caso, na convocatoria.

A norma reguladora da subvención poderá prever a posibilidade de establecer unha fase de preavaliación na que se verificará o cumprimento das condicións impostas para adquirir a condición de beneficiario da subvención.

4. Unha vez avaliadas as solicitudes, o órgano instrutor deberá emitir informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

No suposto de que as bases previsen a existencia dun órgano avaliador diferente do instrutor, será este o competente para emitir o informe previsto no parágrafo anterior. O órgano instrutor elevaralle o informe xunto coa proposta de resolución ao órgano de resolución.

Cando as bases reguladoras así o establezan, o órgano instrutor, á vista do expediente e, se é o caso, do informe do órgano avaliador, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que se lles deberá notificar aos interesados na forma que estableza a convocatoria, e concederase un prazo de dez días para presentar alegacións.

Poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Examinadas as alegacións aducidas se é o caso polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva, que deberá expresar o solicitante ou a relación de solicitantes para os que se propón a concesión da subvención, e a súa contía, e especificaranse a súa avaliación e, se é o caso, os criterios de valoración seguidos para efectuala.

O expediente de concesión de subvencións conterá o informe do órgano instrutor no que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para acceder a elas.

5. A proposta de resolución definitiva notificaráselles aos interesados que fosen propostos como beneficiarios na fase de instrución unicamente cando a dita notificación sexa obrigada segundo o previsto nas bases reguladoras.

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

6. As propostas de resolución provisional e definitiva non crean dereito ningún a favor do beneficiario proposto fronte á administración mentres non se lle notificase a resolución de concesión.

Artigo 22.-Procedemento abreviado.

As subvencións cuxa concesión se realice polo procedemento previsto no artigo 19.2 desta lei poderán tramitarse por un procedemento abreviado no que a proposta de concesión lla formulará ao órgano concedente directamente o órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención, polo que non intervirá en ningún caso o órgano avaliador ao que se refire o artigo anterior.

Artigo 23.-Resolución.

1. Unha vez aprobada a proposta de resolución definitiva, e de acordo co previsto no artigo 89 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, se é o caso, na correspondente norma ou convocatoria, o órgano competente resolverá o procedemento.

2. A resolución motivarase de conformidade co que dispoñan as bases reguladoras da subvención, polo que deben, en todo caso, quedar acreditados no procedemento os fundamentos da resolución que se adopte.

3. A resolución, ademais de conter o solicitante ou a relación de solicitantes aos que se lles concede a subvención, fará constar, se é o caso, de maneira expresa, a desestimación do resto das solicitudes.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de nove meses, salvo que unha norma con rango de lei estableza un prazo máximo ou así veña previsto na normativa da Unión Europea. O prazo computarase a partir da publicación da correspondente convocatoria, salvo que esta pospoña os seus efectos a unha data posterior.

No suposto de subvencións tramitadas por outras administracións públicas nas que lles corresponda a resolución á Administración da Xunta de Galicia ou ás entidades de dereito público vinculadas ou dependentes desta, este prazo computarase a partir do momento no que o órgano outorgante dispoña da proposta ou da documentación que a norma reguladora da subvención determine.

5. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

Artigo 24.-Notificación da resolución.

A resolución do procedemento notificaráselles aos interesados de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A práctica da dita notificación ou publicación axustarase ás disposicións contidas no artigo 59 da citada lei.

Artigo 25.-Reformulación das solicitudes.

1. Cando a subvención teña por obxecto o financiamento de actividades que vaia desenvolver o solicitante e o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar do beneficiario, se así se prevé nas bases reguladoras, a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. Unha vez que a solicitude mereza, de ser o caso, a conformidade da comisión de valoración, remitiráselle o actuado ao órgano competente para que dite a resolución.

3. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes ou peticións.

Capítulo III

Do procedemento de concesión directa

Artigo 26.-Concesión directa.

1. A resolución de concesión e, se é o caso, os convenios a través dos cales se canalicen estas subvencións establecerán as condicións e os compromisos aplicables de conformidade co disposto nesta lei.

Os convenios serán o instrumento habitual para canalizar as subvencións previstas nominativamente.

2. As propostas de acordo ou resolución de concesión, ou o instrumento do convenio que se autorice a subscribir, deberán axustarse ás previsións contidas nesta lei, salvo no que afecte a aplicación dos principios de publicidade e concorrencia, e conterán como mínimo os seguintes extremos:

a) Definición do obxecto das subvencións, con indicación do carácter singular delas e as razóns que acreditan o interese público, social, económico ou humanitario e aquelas que xustifican a dificultade da súa convocatoria pública.

b) Réxime xurídico aplicable.

c) Beneficiarios e modalidades de axuda.

d) Réxime de xustificación da aplicación dada ás subvencións polos beneficiarios e, se é o caso, polas entidades colaboradoras.

3. A concesión de subvencións por importe superior a 150.000 euros, ou o que determinen as leis anuais de orzamentos, requirirá a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia.

Capítulo IV

Do procedemento de xestión e xustificación de subvencións

Artigo 27.-Subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios.

1. Para os efectos desta lei, enténdese que un beneficiario subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos nos que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

2. O beneficiario unicamente poderá subcontratar, total ou parcialmente, a actividade cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa. A actividade subvencionada que o beneficiario subcontrate con terceiros non excederá da porcentaxe que se fixe nas bases reguladoras da subvención. No suposto de que tal previsión non figure, o beneficiario poderá subcontratar ata unha porcentaxe que non exceda do 50 por cento do importe da actividade subvencionada.

En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

3. Cando a actividade concertada con terceiros exceda do 20 por cento do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a entidade concedente da subvención na forma que se determine nas bases reguladoras.

4. Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos esixidos no apartado anterior.

5. Os contratistas quedarán obrigados soamente ante o beneficiario, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á administración.

6. Para efectos do previsto no apartado anterior, os beneficiarios serán responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiros se respecten os límites que se establezan na normativa reguladora da subvención en canto á natureza e contía de gastos subvencionables, e os contratistas estarán suxeitos ao deber de colaboración previsto no artigo 45 desta lei para permitir a axeitada verificación do cumprimento dos ditos límites.

7. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 desta lei.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores nos que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1.ª) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2.ª) Que se obteña a previa autorización do órgano concedente nos termos que se fixen nas bases reguladoras.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

Artigo 28.-Xustificación das subvencións.

1. A xustificación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención documentarase da maneira que se determine regulamentariamente, podendo revestir a forma de conta xustificativa do gasto realizado ou acreditarse o dito gasto por módulos ou mediante a presentación de estados contables, segundo se dispoña na normativa reguladora.

2. O rendemento da conta xustificativa constitúe un acto obrigatorio do beneficiario ou da entidade colaboradora, na que se deben incluír, baixo responsabilidade do declarante, os xustificantes de gasto ou calquera outro documento con validez xurídica que permitan acreditar o cumprimento do obxecto da subvención pública. A forma da conta xustificativa e o seu prazo de rendemento virán determinados polas correspondentes bases reguladoras das subvencións públicas.

A falta de previsión das bases reguladoras, a conta deberá incluír declaración das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo, co detalle de cada un dos gastos incorridos, e a súa presentación realizarase, como máximo, no prazo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización da actividade.

3. Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, nos termos establecidos regulamentariamente.

A acreditación dos gastos tamén poderá efectuarse mediante facturas electrónicas, sempre que cumpran os requisitos esixidos para a súa aceptación no ámbito tributario.

Regulamentariamente, establecerase un sistema de validación e estampillado de xustificantes de gasto que permita o control da concorrencia de subvencións.

4. Cando o beneficiario estea suxeito ao réxime de contabilidade empresarial, a presentación das contas do exercicio onde se reflictan as operacións relacionadas coa subvención concedida, elaboradas segundo normas de contabilidade recollidas nas disposicións aplicables, constituirán un medio de xustificación.

5. Nas subvencións concedidas a outras administracións públicas ou entidades vinculadas ou dependentes daquelas e ás universidades, a xustificación poderá consistir na certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

6. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

7. No suposto de adquisición de bens inmobles, ademais dos xustificantes establecidos no apartado 3 deste artigo, debe achegarse certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

8. Os membros das entidades previstas no apartado 2 e segundo parágrafo do apartado 3 do artigo 8 desta lei virán obrigados a cumprir os requisitos de xustificación respecto das actividades realizadas en nome e por conta do beneficiario, do modo que se determina nos apartados anteriores. Esta documentación formará parte da xustificación que vén obrigado a render o beneficiario que solicitou a subvención.

9. As subvencións que se concedan en atención á concorrencia dunha determinada situación no perceptor non requirirán outra xustificación que a acreditación por calquera medio admisible en dereito da dita situación previamente á concesión, sen prexuízo dos controis que puidesen establecerse para verificar a súa existencia.

10. O incumprimento da obriga de xustificación da subvención nos termos establecidos neste capítulo ou a súa xustificación insuficiente levará aparellado o reintegro nas condicións previstas no artigo 33 desta lei.

Artigo 29.-Gastos subvencionables.

1. Considéranse gastos subvencionables, para os efectos previstos nesta lei, aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido polas diferentes bases reguladoras das subvencións. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Salvo disposición expresa en contrario nas bases reguladoras das subvencións, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultaría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

4. No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, seguiranse as seguintes regras:

a) As bases reguladoras fixarán o período durante o cal a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens.

No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, debendo ser obxecto estes extremos de inscrición no rexistro público correspondente.

b) O incumprimento da obriga de destino referida na letra anterior, que se producirá en todo caso co alleamento ou o gravame do ben, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33, quedando o ben afecto ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor, salvo que resulte ser un terceiro protexido pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título ou en establecemento mercantil ou industrial, en caso de bens mobles non inscritibles.

5. Non se considerará incumprida a obriga de destino referida no anterior apartado cando:

a) Tratándose de bens non inscritibles nun rexistro público, fosen substituídos por outros que sirvan en condicións análogas ao fin para o que se concedeu a subvención e este uso se manteña ata completar o período establecido, sempre que a substitución fose autorizada pola administración concedente.

b) Tratándose de bens inscritibles nun rexistro público, o cambio de destino, alleamento ou gravame sexa autorizado pola administración concedente. Neste suposto, o adquirente asumirá a obriga de destino dos bens polo período restante e, no suposto de incumprimento desta, do reintegro da subvención.

6. As bases reguladoras das subvencións establecerán, se é o caso, as regras especiais que se consideren oportunas en materia de amortización dos bens inventariables. Non obstante, o carácter subvencionable do gasto de amortización estará suxeito ás seguintes condicións:

a) Que as subvencións non contribuísen á compra dos bens.

b) Que a amortización se calcule de conformidade coas normas de contabilidade xeralmente aceptadas.

c) Que o custo se refira exclusivamente ao período subvencionable.

7. Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos son subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a axeitada preparación ou execución desta, e sempre que así se prevexa nas bases reguladoras. Con carácter excepcional, os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionados cando así o prevexa a normativa reguladora da subvención.

En ningún caso serán gastos subvencionables:

a) Os xuros debedores das contas bancarias.

b) Os xuros, as recargas e as sancións administrativas e penais.

c) Os gastos de procedementos xudiciais.

8. Os tributos son gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

9. Os custos indirectos formarán parte da xustificación da subvención, sempre que as bases reguladoras así o prevexan, sempre que se imputasen polo beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo con principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida na que tales custos correspondan ao período no que efectivamente se realiza a actividade.

Artigo 30.-Comprobación de subvencións.

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da administración coma polo beneficiario.

A comprobación material definida no parágrafo anterior poderáselle encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

3. Excepcionalmente, a comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

4. A entidade colaboradora, se é o caso, realizará, en nome e por conta do órgano concedente, as comprobacións previstas.

5. A administración concedente poderá comprobar o valor de mercado dos gastos subvencionables por un ou varios dos seguintes medios:

a) Prezos de mercado.

b) Cotizacións de mercados nacionais e estranxeiros.

c) Estimación por referencia aos valores recollidos nos rexistros oficiais de carácter fiscal.

d) Ditame de peritos da administración.

e) Taxación pericial contraditoria.

f) Calquera outro medio de proba admitido en dereito.

Capítulo V

Do procedemento de xestión orzamentaria

Artigo 31.-Procedemento de aprobación do gasto e pagamento.

1. Con carácter previo á convocatoria da subvención ou á súa concesión directa, deberá efectuarse a aprobación do gasto nos termos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Non poderán outorgarse subvencións por contía superior á que se determine na convocatoria sen que se realice unha nova convocatoria, salvo que se produza o incremento dos créditos derivado de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. A resolución de concesión da subvención levará aparellada a aprobación do compromiso do gasto correspondente.

4. Cando o procedemento administrativo establecido non leve aparellado o esgotamento do crédito nun só acto de concesión, senón que a súa disposición se realice en actos sucesivos, o órgano xestor deberá publicar, na forma que regulamentariamente se estableza, o esgotamento da partida orzamentaria asignada e a inadmisión de posteriores solicitudes destinadas a participar del, salvo que proceda o previsto no apartado 2 deste artigo.

5. O pagamento da subvención realizarase logo de xustificación, polo beneficiario, da realización da actividade, do proxecto, do obxectivo ou da adopción do comportamento para o que se concedeu nos termos establecidos na normativa reguladora da subvención.

Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 desta lei.

6. Cando a natureza da subvención así o xustifique, poderán realizarse pagamentos a conta. Os devanditos pagamentos a conta poderán supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada.

Tamén se poderán realizar pagamentos anticipados que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención. Sen prexuízo do seu desenvolvemento regulamentario, a devandita posibilidade e o réxime de garantías deberán establecerse, se é o caso, expresamente nas bases reguladoras da subvención.

En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a beneficiarios cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declarados insolventes en calquera procedemento, se atopen declarados en concurso, estean suxeitos a intervención xudicial ou fosen inhabilitados conforme a Lei concursal 22/2003, do 9 de xullo, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso, fosen declarados en quebra, en concurso de acredores, insolvente fallido en calquera procedemento ou suxeito a intervención xudicial, se iniciase expediente de quitación e espera ou de suspensión de pagamentos ou se presentase solicitude xudicial de quebra ou de concurso de acredores, mentres, se é o caso, non fosen rehabilitados. A realización de pagamentos a conta ou pagamentos anticipados, así como o réxime de garantías, deberán preverse expresamente na normativa reguladora da subvención.

7. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

As normas reguladoras das subvencións poderán establecer un réxime simplificado de acreditación destas circunstancias nos seguintes casos:

a) As outorgadas a favor da Comunidade Autónoma e das súas sociedades públicas e fundacións do sector público autonómico, así como dos órganos estatutarios de Galicia.

b) As outorgadas a favor das universidades.

c) As outorgadas a favor das corporacións locais e dos seus organismos autónomos.

d) As bolsas e axudas destinadas expresamente a financiar estudos en centros de formación públicos ou privados, cando as perciban directamente as persoas individuais beneficiarias.

e) As subvencións con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo IV, “Transferencias correntes”, destinadas a familias e institucións sen fins de lucro.

f) As que non superen os 3.000 euros individualmente e se concedan con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, “Transferencias de capital”, destinadas a familias e institucións sen fins de lucro.

g) As que se concedan con cargo aos programas orzamentarios nos que así se sinale na correspondente lei de orzamentos.

h) Aquelas axudas ou subvencións nas que, por concorrer circunstancias debidamente xustificadas, derivadas da natureza, do réxime ou da contía da subvención, así se estableza mediante orde da consellaría competente en materia de economía e facenda.

i) As subvencións destinadas a financiar proxectos ou programas de acción social e cooperación internacional que se concedan a entidades sen fins lucrativos, así como a federacións, confederacións ou agrupacións delas.

Título II

Do reintegro de subvencións

Capítulo I

Do reintegro

Artigo 32.-Invalidez da resolución de concesión.

1. Son causas de nulidade da resolución de concesión:

a) As indicadas no artigo 62.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) A carencia ou insuficiencia de crédito, de conformidade co establecido no artigo 57 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Son causas de anulabilidade da resolución de concesión as demais infraccións do ordenamento xurídico e, en especial, das regras contidas nesta lei, de conformidade co disposto no artigo 63 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Cando o acto de concesión incorrese nalgún dos supostos mencionados nos apartados anteriores, o órgano concedente procederá á súa revisión de oficio ou, se é o caso, á declaración de lesividade e ulterior impugnación, de conformidade co establecido nos artigos 102 e 103 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulación levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

5. Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra algunha das causas de reintegro previstas no artigo seguinte.

Artigo 33.-Causas de reintegro.

1. Tamén procederá o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 28 desta lei, e se é o caso nas normas reguladoras da subvención.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no apartado 3 do artigo 15 desta lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 desta lei, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo no que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas impostas pola administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

2. Cando o cumprimento polo beneficiario ou, se é o caso, pola entidade colaboradora se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e acrediten estes unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, a cantidade que se vai reintegrar virá determinada pola aplicación dos criterios enunciados na letra l) do apartado 1 do artigo 14 desta lei.

3. Igualmente, no suposto previsto no apartado 3 do artigo 17 desta lei procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a esixencia do xuro de demora correspondente.

Artigo 34.-Natureza dos créditos que se van reintegrar e dos procedementos para a súa esixencia.

1. As cantidades que se van reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, e resultará aplicable para o seu cobramento o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. O xuro de demora aplicable en materia de subvencións será o xuro legal do diñeiro incrementado nun 25 por cento, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente e do previsto para os fondos procedentes da Unión Europea na súa lexislación específica.

3. O destino dos reintegros dos fondos da Unión Europea terá o tratamento que se é o caso determine a normativa comunitaria.

4. Os procedementos para a esixencia do reintegro das subvencións terán sempre carácter administrativo.

Artigo 35.-Prescrición.

1. Prescribirá aos catro anos o dereito da administración a recoñecer ou liquidar o reintegro.

2. Este prazo computarase, en cada caso:

a) Desde o momento no que venceu o prazo para presentar a xustificación por parte do beneficiario ou da entidade colaboradora.

b) Desde o momento da concesión, no suposto previsto no apartado 9 do artigo 28.

c) No suposto de que se establecesen condicións ou obrigas que debesen ser cumpridas ou mantidas por parte do beneficiario ou da entidade colaboradora durante un período determinado de tempo, desde o momento no que venceu o dito prazo.

3. O cómputo do prazo de prescrición interromperase:

a) Por calquera acción da administración, realizada con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora, que conduza a determinar a existencia dalgunha das causas de reintegro.

b) Pola interposición de recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de culpa á xurisdición penal ou pola presentación de denuncia ante o ministerio fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora no curso dos ditos recursos.

c) Por calquera actuación fidedigna do beneficiario ou da entidade colaboradora conducente á liquidación da subvención ou do reintegro.

Artigo 36.-Obrigados ao reintegro.

1. Os beneficiarios e as entidades colaboradoras, nos casos previstos no artigo 33 desta lei, deberán reintegrar a totalidade ou parte das cantidades percibidas máis os correspondentes xuros de demora, sen prexuízo do disposto na letra b) do apartado 5 do artigo 29 desta lei. Esta obriga será independente das sancións que, se é o caso, resulten esixibles.

2. Os membros das persoas e entidades previstas no apartado 2 e no segundo parágrafo do apartado 3 do artigo 8 desta lei responderán solidariamente da obriga de reintegro do beneficiario en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a efectuar.

Responderán solidariamente da obriga de reintegro os representantes legais do beneficiario cando este carecese de capacidade de obrar.

Responderán solidariamente os membros, partícipes ou cotitulares das entidades ás que se refire o apartado 3 do artigo 8 en proporción ás súas respectivas participacións, cando se trate de comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

3. Responderán subsidiariamente da obriga de reintegro os administradores das sociedades mercantís, ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas, que non realizasen os actos necesarios que fosen da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas infrinxidas, adoptasen acordos que fixesen posibles os incumprimentos ou consentisen os de quen deles dependan.

Así mesmo, os que exerzan a representación legal das persoas xurídicas, de acordo coas disposicións legais ou estatutarias que lles resulten aplicables, que cesasen nas súas actividades responderán subsidiariamente en todo caso das obrigas de reintegro destas.

4. No caso das sociedades ou entidades disoltas e liquidadas, as súas obrigas de reintegro pendentes transmitiránselles aos socios ou partícipes no capital que responderán delas solidariamente e ata o límite do valor da cota de liquidación que se lles adxudicase.

5. No caso de falecemento do obrigado ao reintegro, a obriga de satisfacer as cantidades pendentes de restitución transmitiráselles aos seus habente-causas, sen prexuízo do que estableza o dereito civil común, foral ou especial aplicable á sucesión para determinados supostos, en particular para o caso de aceptación da herdanza a beneficio de inventario.

Capítulo II

Do procedemento de reintegro

Artigo 37.-Competencia para a resolución do procedemento de reintegro.

O órgano concedente será o competente para esixir do beneficiario ou da entidade colaboradora o reintegro de subvencións mediante a resolución do procedemento regulado neste capítulo, cando aprecie a existencia dalgún dos supostos de reintegro de cantidades percibidas establecidos no artigo 33 desta lei, sen prexuízo das facultades atribuídas a outros órganos para a execución do acordo.

Artigo 38.-Procedemento de reintegro.

1. O procedemento de reintegro de subvencións rexerase polas disposicións xerais sobre procedementos administrativos contidas no título VI da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo das especialidades que se establecen nesta lei e nas súas disposicións de desenvolvemento.

2. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa, ben como consecuencia de orde superior, por petición razoada doutros órganos ou por denuncia. Tamén se iniciará a consecuencia do informe de control financeiro emitido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

3. Na tramitación do procedemento garantirase, en todo caso, o dereito do interesado á audiencia.

4. Cando o procedemento de reintegro se inicie como consecuencia de informe de control financeiro da intervención xeral e, como consecuencia do trámite de audiencia, o órgano xestor se vaia separar do ditame do informe de control, antes de ditar a resolución do procedemento, formulará discrepancia de acordo co procedemento que se determine regulamentariamente.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento de reintegro será de doce meses desde a data do acordo de iniciación. O dito prazo poderá suspenderse e ampliarse de acordo co previsto nos apartados 5 e 6 do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se transcorre o prazo para resolver sen que se notificase resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento, sen prexuízo de continuar as actuacións ata a súa terminación e sen que se considere interrompida a prescrición polas actuacións realizadas ata a finalización do citado prazo.

6. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa.

Artigo 39.-Retención de pagamentos.

1. Unha vez acordada a iniciación do procedemento de reintegro, como medida cautelar, o órgano concedente pode acordar, por iniciativa propia ou dunha decisión da Comisión Europea ou por proposta da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a suspensión dos libramentos de pagamento das cantidades pendentes de lle aboar ao beneficiario ou á entidade colaboradora, sen superar, en ningún caso, o importe que fixen na proposta ou resolución de iniciación do expediente de reintegro, cos xuros de demora devengados ata aquel momento.

2. A imposición desta medida cautelar debe acordarse por resolución motivada, que se lle debe notificar ao interesado, con indicación dos recursos pertinentes. Así mesmo, comunicaráselle ao órgano competente para a ordenación de pagamentos, que fará efectiva a retención do pagamento ata o importe obxecto de retención.

3. En todo caso, procederá a suspensión se existen indicios racionais que permitan prever a imposibilidade de obter o resarcimento, ou se este pode verse frustrado ou gravemente dificultado e, en especial, se o perceptor fai actos de ocultación, gravame ou disposición dos seus bens.

4. A retención de pagamentos estará suxeita, en calquera dos supostos anteriores, ao seguinte réxime xurídico:

a) Debe ser proporcional á finalidade que se pretende conseguir e en ningún caso debe adoptarse se pode producir efectos de difícil ou imposible reparación.

b) Debe manterse ata que se dite a resolución que pon fin ao expediente de reintegro, e non pode superar o período máximo que se fixe para a súa tramitación, incluídas prórrogas.

c) Malia o disposto no parágrafo anterior, debe levantarse cando desaparezan as circunstancias que a orixinaron ou cando o interesado propoña a substitución desta medida cautelar pola constitución dunha garantía que se considere suficiente.

Artigo 40.-Compensación de débedas.

Nos supostos e cos requisitos que se establezan regulamentariamente, poderán extinguirse total ou parcialmente por compensación as débedas de natureza pública a favor da facenda da Comunidade Autónoma que se atopen en fase de xestión recadatoria, tanto voluntaria coma executiva, cos créditos recoñecidos por aquela en favor do debedor.

Título III

Do control financeiro de subvencións

Artigo 41.-Control financeiro de subvencións.

O control financeiro de subvencións exercerase sobre:

a) As subvencións da Unión Europea percibidas pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou polos organismos ou as entidades vinculadas ou dependentes daquela.

b) Os beneficiarios e, se é o caso, as entidades colaboradoras por razón das subvencións outorgadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e os organismos ou as entidades vinculadas ou dependentes daquela con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia ou aos fondos da Unión Europea.

Artigo 42.-Competencia para o exercicio do control financeiro de subvencións.

1. A competencia para exercer o control de subvencións correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, sen prexuízo das funcións que a Constitución española e as leis lles outorgan ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas de Galicia e do disposto no artigo 3 desta lei.

2. Para a realización do control financeiro, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá demandar a colaboración de empresas privadas de auditoría, nas mesmas condicións ca as establecidas no artigo 107.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, para o control financeiro ordinario, e correspóndelle á intervención xeral, en todo caso, a realización daquelas actuacións que supoñan o exercicio de potestades administrativas.

Artigo 43.-Compatibilidade entre controis realizados por diversos órganos.

1. As actuacións de control efectuadas polos diversos órganos competentes na materia de calquera das administracións interesadas no procedemento de concesión da subvención serán compatibles entre si.

2. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma promoverá cantas actuacións estean ao seu alcance para que as actividades que vaian realizar os diversos órganos competentes, sen menoscabo das actuacións e dos obxectivos do control, se efectúen da forma máis eficaz, evitando duplicidades e actuacións redundantes, sen valor engadido.

Artigo 44.-Obxecto do control financeiro de subvencións.

1. O control financeiro de subvencións da Unión Europea percibidas pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou polos organismos ou as entidades vinculadas ou dependentes daquela verificará o cumprimento das normas establecidas nas disposicións comunitarias.

No cumprimento da normativa comunitaria, os órganos de control poderán levar a cabo controis e verificacións dos procedementos de xestión dos distintos órganos xestores que interveñan na concesión, xestión e pagamento das axudas cofinanciadas con fondos comunitarios, que permitan garantir a correcta xestión financeira dos fondos comunitarios.

2. O control financeiro de subvencións terá como obxecto verificar:

a) A axeitada e correcta obtención da subvención por parte do beneficiario.

b) O cumprimento por parte de beneficiarios e entidades colaboradoras das súas obrigas na xestión e aplicación da subvención.

c) A axeitada e correcta xustificación da subvención por parte de beneficiarios e entidades colaboradoras.

d) A realidade e a regularidade das operacións que, de acordo coa xustificación presentada por beneficiarios e entidades colaboradoras, foron financiadas coa subvención.

e) O axeitado e correcto financiamento das actividades subvencionadas, nos termos establecidos no apartado 3 do artigo 17 desta lei.

f) A existencia de feitos, circunstancias ou situacións non declaradas á administración por beneficiarios e entidades colaboradoras e que puidesen afectar o financiamento das actividades subvencionadas, a axeitada e correcta obtención, utilización, gozo ou xustificación da subvención, así como a realidade e regularidade das operacións con ela financiadas.

3. O control financeiro das subvencións poderá abranguer:

a) O exame de rexistros contables, contas ou estados financeiros e a documentación que os soporte de beneficiarios e entidades colaboradoras.

b) O exame de operacións individualizadas e concretas relacionadas ou que puidesen afectar as subvencións concedidas.

c) A comprobación de aspectos parciais e concretos dunha serie de actos relacionados ou que puidesen afectar as subvencións concedidas.

d) A comprobación material dos investimentos financiados.

e) As actuacións concretas de control que deban realizarse conforme o que en cada caso estableza a normativa reguladora da subvención e, se é o caso, a resolución de concesión.

f) Calquera outra comprobación que resulte necesaria en atención ás características especiais das actividades subvencionadas.

4. O control financeiro poderá estenderse ás persoas físicas ou xurídicas ás que se atopen asociados os beneficiarios, así como a calquera outra persoa susceptible de prestar un interese na consecución dos obxectivos, na realización das actividades, na execución dos proxectos ou na adopción dos comportamentos.

Artigo 45.-Obriga de colaboración.

1. Os beneficiarios, as entidades colaboradoras e os terceiros relacionados co obxecto da subvención ou coa súa xustificación estarán obrigados a prestarlles colaboración e facilitarlles canta documentación sexa requirida, no exercicio das funcións de control, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como aos órganos que, de acordo coa normativa comunitaria, teñan atribuídas funcións de control financeiro, a cuxo fin terán as seguintes facultades:

a) O libre acceso á documentación obxecto de comprobación, incluídos os programas e arquivos en soportes informáticos.

b) O libre acceso aos locais de negocio e demais establecementos ou lugares nos que se desenvolva a actividade subvencionada ou se permita verificar a realidade e regularidade das operacións financiadas con cargo á subvención.

c) A obtención de copia ou a retención das facturas, dos documentos equivalentes ou substitutivos e de calquera outro documento relativo ás operacións nas que se deduzan indicios da incorrecta obtención, emprego ou destino da subvención.

d) O libre acceso á información das contas bancarias nas entidades financeiras onde se poida efectuar o cobramento das subvencións ou con cargo ás que se poidan realizar as disposicións dos fondos.

2. A negativa ao cumprimento desta obriga considerarase resistencia, escusa, obstrución ou negativa para os efectos previstos no artigo 33 desta lei, sen prexuízo das sancións que, se é o caso, puidesen corresponder.

3. As autoridades, calquera que sexa a súa natureza, así como os xefes ou directores de oficinas públicas, organismos autónomos e outros entes de dereito público e quen, en xeral, exerza funcións públicas ou desenvolva o seu traballo nas ditas entidades deberán prestarlles a debida colaboración e apoio aos funcionarios encargados da realización do control financeiro de subvencións.

4. Os xulgados e tribunais deberán facilitarlle á administración, de oficio ou por requirimento desta, cantos datos con transcendencia na aplicación de subvencións se desprendan das actuacións xudiciais das que teñan coñecemento, respectando, se é o caso, o segredo das dilixencias sumariais.

Artigo 46.-Do persoal controlador.

1. No exercicio do control financeiro, o funcionario encargado pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de realizalo será considerado axente da autoridade.

2. A Asesoría Xurídica da Xunta deberá prestar a asistencia xurídica que, se é o caso, lles corresponda aos funcionarios que, como consecuencia da súa participación en actuacións de control financeiro de subvencións, sexan obxecto de citacións por órgano xurisdicional.

3. O persoal controlador que realice o control financeiro de subvencións deberá gardar a confidencialidade e o segredo respecto dos asuntos que coñezan por razón do seu traballo.

4. Os datos, informes ou antecedentes obtidos no exercicio do dito control soamente poderán utilizarse para os fins asignados a este, servir de fundamento para a esixencia de reintegro e, se é o caso, para poñer en coñecemento dos órganos competentes os feitos que poidan ser constitutivos de infracción administrativa, responsabilidade contable ou penal.

5. Cando na práctica dun control financeiro o funcionario encargado aprecie que os feitos acreditados no expediente puidesen ser susceptibles de constituír unha infracción administrativa ou de responsabilidades contables ou penais deberao poñer en coñecemento da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para efectos de que, se procede, lle remita o actuado ao órgano competente para a iniciación dos oportunos procedementos.

Artigo 47.-Do procedemento de control financeiro.

1. O exercicio do control financeiro de subvencións adecuarase ao plan anual de auditorías e ás súas modificacións, debidamente motivadas, que aprobe anualmente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

O plan comprenderá os beneficiarios e, se é o caso, as entidades colaboradoras sobre as que se realizarán os controis financeiros, e o seu alcance.

Non obstante, non será necesario incluír no plan de auditorías e actuacións de control financeiro da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma as comprobacións precisas que soliciten outros estados membros en aplicación de regulamentos comunitarios sobre beneficiarios perceptores de fondos comunitarios.

2. A iniciación das actuacións de control financeiro efectuarase mediante a súa notificación aos órganos, aos organismos ou ás entidades obxecto de control e aos beneficiarios e, se é o caso, ás entidades colaboradoras, na que se indicará a natureza e o alcance das actuacións que se van desenvolver, a documentación que nun principio debe poñerse á súa disposición e os demais elementos que se consideren necesarios. Os beneficiarios e, se é o caso, as entidades colaboradoras deberán ser informados, á iniciación das actuacións, dos seus dereitos e das súas obrigas no curso delas. Estas actuacións serán comunicadas, igualmente, aos órganos xestores das subvencións.

Se durante o transcurso do control se producise unha modificación que afecte o alcance das actuacións, esta modificación seralles comunicada igualmente a todos os suxeitos interesados.

3. Cando no desenvolvemento do control financeiro se determine a existencia de circunstancias que puidesen dar orixe á devolución das cantidades percibidas por causas distintas ás previstas no artigo 33, poñeranse os feitos en coñecemento do órgano concedente da subvención, que deberá informar sobre as medidas adoptadas, e a intervención xeral poderá acordar a suspensión do procedemento de control financeiro.

A suspensión do procedemento deberá notificárselle ao beneficiario ou á entidade colaboradora.

4. A finalización da suspensión, que en todo caso se lle deberá notificar ao beneficiario ou á entidade colaboradora, producirase cando:

a) Unha vez adoptadas polo órgano concedente as medidas que, ao seu xuízo, resulten oportunas, estas serán comunicadas ao órgano de control.

b) Se, transcorridos tres meses desde o acordo de suspensión, non se comunicase a adopción de medidas por parte do órgano xestor.

5. Cando no exercicio das funcións de control financeiro se deduzan indicios da incorrecta obtención, destino ou xustificación da subvención percibida, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá acordar a adopción das medidas cautelares que se estimen precisas co obxecto de impedir a desaparición, destrución ou alteración das facturas, documentos equivalentes ou substitutivos e de calquera outro documento relativo ás operacións nas que tales indicios se manifesten.

As medidas serán proporcionadas ao fin que se persiga. En ningún caso se adoptarán aquelas que poidan producir un prexuízo de difícil ou imposible reparación.

6. O órgano que fixese o control deberá emitir informe escrito comprensivo dos feitos postos de manifesto e das conclusións que deles deriven. Este informe terá carácter provisional e remitiráselles tanto ao órgano xestor coma ao beneficiario da subvención ou á entidade colaboradora co fin de que poidan formular durante un prazo de quince días as alegacións que estimen oportunas.

Transcorrido o prazo emitirase informe definitivo, que incluirá as alegacións recibidas do beneficiario ou da entidade colaboradora e as alegacións do órgano xestor, así como as observacións do órgano de control sobre estas.

Se non se recibiron alegacións, o informe provisional elevarase a definitivo.

O informe definitivo será remitido ao órgano xestor e ao beneficiario ou á entidade colaboradora. O informe enviado ao beneficiario ou á entidade colaboradora non incluirá as conclusións referentes á xestión realizada polo órgano xestor, nin as recomendacións que delas deriven.

7. Cando o órgano concedente, en aplicación do disposto no apartado 4 anterior, comunicase a iniciación de actuacións que puidesen afectar a validez do acto de concesión, a finalización do procedemento de control financeiro de subvencións producirase mediante resolución da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma na que se declarará a improcedencia de continuar as actuacións de control, sen prexuízo de que, unha vez recaída en resolución que declara a validez total ou parcial do acto de concesión, se puidesen volver iniciar as actuacións.

8. As actuacións de control financeiro sobre beneficiarios e, se é o caso, entidades colaboradoras deberán de concluír no prazo máximo de doce meses contados desde a data de notificación a aqueles do inicio delas. O citado prazo poderá ser ampliado, co alcance e os requisitos que se determinen regulamentariamente, cando nas actuacións concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que se trate de actuacións que revistan especial complexidade.

b) Cando no transcurso das actuacións se descubra que o beneficiario ou a entidade colaboradora ocultaron información ou documentación esencial para un adecuado desenvolvemento do control.

Para os efectos do prazo previsto, non se computarán as dilacións imputables ao beneficiario ou á entidade colaboradora, se é o caso, nin os períodos de interrupción xustificada que se especifiquen regulamentariamente.

c) No suposto do control financeiro sobre axudas da Unión Europea.

Artigo 48.-Documentación das actuacións de control financeiro.

1. As actuacións de control financeiro documentaranse en dilixencias, para reflectir feitos relevantes que se poñan de manifesto no seu exercicio, e en informes que terán o contido e a estrutura e cumprirán os requisitos que se determinen regulamentariamente.

2. Tanto as dilixencias coma os informes terán natureza de documentos públicos e farán proba dos feitos que motiven a súa formalización, salvo que se acredite o contrario.

3. Os informes seranlles notificados aos beneficiarios ou ás entidades colaboradoras obxecto de control. Unha copia do informe seralle remitido ao órgano xestor que concedeu a subvención e sinalarase, se é o caso, a necesidade de iniciar expedientes de reintegro e sancionador.

Artigo 49.-Efectos dos informes de control financeiro.

1. Cando no informe emitido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma se recolla a procedencia de reintegrar a totalidade ou parte da subvención, o órgano xestor deberá comunicarlle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma no prazo dun mes a partir da recepción do informe de control financeiro a incoación do expediente de reintegro ou a discrepancia coa súa incoación, que deberá ser motivada. Neste último caso, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá emitir informe de actuación dirixido ao órgano xestor. O procedemento de tramitación dos informes de actuación será desenvolvido regulamentariamente.

2. No caso de que manifestase a súa conformidade, deberá acordar, con base no referido informe e no prazo dun mes, a iniciación do procedemento de reintegro, notificándolla así ao beneficiario ou á entidade colaboradora.

3. Durante o mes seguinte ao fin de cada trimestre, o órgano xestor informará á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma das actuacións realizadas durante o trimestre respecto dos procedementos iniciados, así como daqueles que nese período fosen terminados.

No mesmo prazo, os órganos de recadación competentes remitiranlles a cada órgano xestor e á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma información sobre a xestión recadadora realizada sobre aqueles expedientes de reintegro que se atopasen pendentes de xestión no devandito período e sobre aqueles expedientes que se finalizaron.

4. No caso de que nos informes se poña de manifesto a existencia doutras irregularidades non constitutivas de reintegro, o órgano xestor deberá comunicar con periodicidade cuadrimestral as actividades desenvolvidas referentes a estas.

5. Se nos informes se poñen de manifesto outras conclusións ou recomendacións non constitutivas de irregularidade, o órgano xestor deberá comunicar con periodicidade cuadrimestral as actividades desenvolvidas en relación con estas.

Título IV

Infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións

Capítulo I

Das infraccións administrativas

Artigo 50.-Concepto de infracción.

Constitúen infraccións administrativas en materia de subvencións as accións e omisións tipificadas nesta lei e serán sancionables mesmo a título de simple neglixencia.

Artigo 51.-Responsables

Serán responsables das infraccións administrativas en materia de subvencións as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, así como os entes sen personalidade aos que se refire o apartado 3 do artigo 8 desta lei, que por acción ou omisión incorran nos supostos tipificados como infraccións nesta lei e, en particular, as seguintes:

a) Os beneficiarios de subvencións, así como os membros das persoas ou entidades previstas no apartado 2 e segundo parágrafo do apartado 3 do artigo 8 desta lei, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar.

b) As entidades colaboradoras.

c) O representante legal dos beneficiarios de subvencións que carezan de capacidade de obrar.

d) As persoas ou entidades relacionadas co obxecto da subvención ou a súa xustificación obrigadas a prestar colaboración e a facilitar canta documentación sexa requirida en cumprimento do disposto no artigo 45 desta lei.

Artigo 52.-Supostos de exención de responsabilidade.

As accións ou omisións tipificadas nesta lei non darán lugar a responsabilidade por infracción administrativa en materia de subvencións nos seguintes supostos:

a) Cando as realice quen careza de capacidade de obrar.

b) Cando concorra forza maior.

c) Cando deriven dunha decisión colectiva, para quen salvase o seu voto ou non asistise á reunión na que se tomou aquela.

Artigo 53.-Concorrencia de actuacións coa orde xurisdicional penal.

1. Nos supostos nos que a conduta puidese ser constitutiva de delito, a administración pasará o tanto de culpa á xurisdición competente e absterase de seguir o procedemento sancionador mentres a autoridade xudicial non dite sentenza firme, teña lugar o sobresemento ou o arquivo das actuacións ou se produza a devolución do expediente polo ministerio fiscal.

2. A pena imposta pola autoridade xudicial excluirá a imposición de sanción administrativa se se lle impuxo ao mesmo suxeito polos mesmos feitos e idéntico fundamento aos tidos en conta no procedemento sancionador.

3. De non estimarse a existencia de delito, a administración iniciará ou continuará o expediente sancionador con base nos feitos que os tribunais considerasen probados.

Artigo 54.-Infraccións leves.

Constitúen infraccións leves os incumprimentos das obrigas recollidas nesta lei e nas bases reguladoras de subvencións cando non constitúan infraccións graves ou moi graves e non operen como elemento de graduación da sanción. En particular, constitúen infraccións leves as seguintes condutas:

a) A presentación fóra de prazo das contas xustificativas da aplicación dada aos fondos percibidos.

b) A presentación de contas xustificativas inexactas ou incompletas.

c) O incumprimento das obrigas formais que, sen estar previstas de forma expresa no resto de parágrafos deste artigo, sexan asumidas como consecuencia da concesión da subvención, nos termos establecidos regulamentariamente.

d) O incumprimento de obrigas de índole contable ou rexistral, en particular:

1. A inexactitude ou omisión dunha ou varias operacións na contabilidade e nos rexistros legalmente esixidos.

2. O incumprimento da obriga de levar ou conservar a contabilidade, os rexistros legalmente establecidos, os programas e arquivos informáticos que lles sirvan de soporte e os sistemas de codificación utilizados.

3. A levanza de contabilidades diversas que, referidas a unha mesma actividade e exercicio económico, non permitan coñecer a verdadeira situación da entidade.

4. O emprego de contas con significado distinto do que lles corresponde, segundo a súa natureza, que dificulte a comprobación da realidade das actividades subvencionadas.

e) O incumprimento das obrigas de conservación de xustificantes ou documentos equivalentes.

f) O incumprimento por parte das entidades colaboradoras das obrigas establecidas nesta lei que non se recollan de forma expresa no resto de apartados deste artigo.

g) A resistencia, obstrución, escusa ou negativa ás actuacións de control financeiro.

Enténdese que existen estas circunstancias cando o responsable das infraccións administrativas en materia de subvencións, debidamente notificado para o efecto, realizase actuacións tendentes a dilatar, entorpecer ou impedir as actuacións dos funcionarios da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma no exercicio das funcións de control financeiro.

Entre outras, constitúen resistencia, obstrución, escusa ou negativa as seguintes condutas:

1. Non achegar ou non facilitar o exame de documentos, informes, antecedentes, libros, rexistros, ficheiros, xustificantes, asentos de contabilidade, programas e arquivos informáticos, sistemas operativos e de control e calquera outro dato obxecto de comprobación.

2. Non atender ningún requirimento.

3. A incomparecencia, salvo causa xustificada, no lugar e tempo sinalados.

4. Negar ou impedir indebidamente a entrada ou permanencia en locais de negocio e demais establecementos ou lugares nos que existan indicios probatorios para a correcta xustificación dos fondos recibidos polo beneficiario ou pola entidade colaboradora ou da realidade e regularidade da actividade subvencionada.

5. As coaccións ao persoal controlador que realice o control financeiro.

h) O incumprimento da obriga de colaboración por parte das persoas ou entidades ás que se refire o artigo 45 desta lei, cando diso derive a imposibilidade de contrastar a información facilitada polo beneficiario ou pola entidade colaboradora.

i) As demais condutas tipificadas como infraccións leves na normativa da Unión Europea en materia de subvencións.

Artigo 55.-Infraccións graves.

Constitúen infraccións graves as seguintes condutas:

a) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención de subvencións, axudas públicas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade á que se refire o artigo 11 desta lei.

b) O incumprimento das condicións establecidas que alteren substancialmente os fins para os que a subvención foi concedida.

c) A falta de xustificación do emprego dado aos fondos recibidos unha vez transcorrido o prazo establecido para a súa presentación.

d) A obtención da condición de entidade colaboradora que falsee os requisitos requiridos nas bases reguladoras da subvención ou oculte os que a impedisen.

e) O incumprimento por parte da entidade colaboradora da obriga de verificar, se é o caso, o cumprimento e a efectividade das condicións ou dos requisitos determinantes para o outorgamento das subvencións, cando diso derive a obriga de reintegro.

f) As demais condutas tipificadas como infraccións graves na normativa da Unión Europea en materia de subvencións.

Artigo 56.-Infraccións moi graves.

Constitúen infraccións moi graves as seguintes condutas:

a) A obtención dunha subvención que falsee as condicións requiridas para a súa concesión ou oculte as que a impedisen ou limitasen.

b) A non aplicación, en todo ou en parte, das cantidades recibidas aos fins para os que a subvención foi concedida.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control previstas, respectivamente, nos artigos 11 e 12 desta lei, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, ou o cumprimento da finalidade e da realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

d) A falta de entrega, por parte das entidades colaboradoras, cando así se estableza, aos beneficiarios dos fondos recibidos de acordo cos criterios previstos nas bases reguladoras da subvención.

e) As demais condutas tipificadas como infraccións moi graves na normativa da Unión Europea en materia de subvencións.

Capítulo II

Das sancións

Artigo 57.-Clases de sancións.

1. As infraccións en materia de subvencións sancionaranse mediante a imposición de sancións pecuniarias e, cando proceda, de sancións non pecuniarias.

2. As sancións pecuniarias poderán consistir en multa fixa ou proporcional. A sanción pecuniaria proporcional aplicarase sobre a cantidade indebidamente obtida, aplicada ou non xustificada.

A multa fixa estará comprendida entre 75 e 6.000 euros e a multa proporcional pode ir do tanto ao triplo da cantidade indebidamente obtida, aplicada ou non xustificada ou, no caso de entidades colaboradoras, dos fondos indebidamente aplicados ou xustificados.

A multa pecuniaria será independente da obriga de reintegro prevista no artigo 36 desta lei, así como das indemnizacións por danos e perdas que puidesen esixirse. Para o seu cobramento resultará igualmente aplicable o réxime xurídico previsto para os ingresos de dereito público no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. As sancións non pecuniarias, que se poderán impoñer no caso de infraccións graves ou moi graves, poderán consistir en:

a) A perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais das administracións públicas ou doutros entes públicos.

b) A perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de actuar como entidade colaboradora en relación coas subvencións reguladas nesta lei.

c) A prohibición durante un prazo de ata cinco anos para contratar coas administracións públicas.

Artigo 58.-Graduación das sancións.

1. As sancións polas infraccións ás que se refire este capítulo graduaranse atendendo en cada caso concreto a:

a) A comisión repetida de infraccións en materia de subvencións.

Entenderase producida esta circunstancia cando o suxeito infractor fose sancionado por unha infracción da mesma natureza, xa sexa grave ou moi grave, en virtude de resolución firme en vía administrativa dentro dos catro anos anteriores á comisión da infracción.

Cando concorra esta circunstancia na comisión dunha infracción grave ou moi grave, a porcentaxe da sanción mínima incrementarase en 20 puntos porcentuais por cada infracción anteriormente sancionada, ata un máximo de 60.

b) A resistencia, negativa ou obstrución ás actuacións de comprobación e control recollidas na letra c) do apartado 1 do artigo 11 e na letra d) do apartado 1 do artigo 12 desta lei. Cando concorra esta circunstancia na comisión dunha infracción grave ou moi grave, a porcentaxe da sanción mínima incrementarase entre 10 e 75 puntos da seguinte forma:

1.ª) Por non achegar ou non facilitar o exame de documentos, informes, antecedentes, libros, rexistros, ficheiros, xustificantes, asentos de contabilidade, programas e arquivos informáticos, sistemas operativos e de control e calquera outro dato obxecto de comprobación, 15 puntos porcentuais.

2.ª) Por non atender requirimentos da administración, 10 puntos por cada requirimento desatendido.

3.ª) Pola incomparecencia, salvo causa xustificada, no lugar e tempo sinalados, 10 puntos porcentuais.

4.ª) Por negar ou impedir indebidamente a entrada ou permanencia en locais de negocio e demais establecementos ou lugares nos que existan indicios probatorios para a correcta xustificación dos fondos recibidos polo beneficiario ou pola entidade colaboradora ou da realidade e regularidade da actividade subvencionada, 15 puntos porcentuais.

5.ª) Por coaccións ao persoal controlador que desenvolva as actuacións de comprobación e control, 50 puntos porcentuais.

6.ª) Por outras causas establecidas regulamentariamente, ata 20 puntos porcentuais.

c) A utilización de medios fraudulentos na comisión de infraccións en materia de subvencións.

Para estes efectos, consideraranse principalmente medios fraudulentos os seguintes:

1. As anomalías substanciais na contabilidade e nos rexistros legalmente establecidos.

2. O emprego de facturas, xustificantes ou outros documentos falsos ou falseados.

3. A utilización de persoas ou entidades interpostas que dificulten a comprobación da realidade da actividade subvencionada. Cando concorra esta circunstancia na comisión dunha infracción grave ou moi grave, a porcentaxe da sanción mínima incrementarase entre 20 e 100 puntos.

d) A ocultación á administración, mediante a falta de presentación da documentación xustificativa ou a presentación de documentación incompleta, incorrecta ou inexacta, dos datos necesarios para a verificación da aplicación dada á subvención recibida. Cando concorra esta circunstancia na comisión dunha infracción grave ou moi grave, a porcentaxe da sanción incrementarase entre 10 e 50 puntos.

e) O atraso no cumprimento das obrigas formais.

2. Os criterios de graduación son aplicables simultaneamente. O criterio establecido na letra e) empregarase exclusivamente para a graduación das sancións por infraccións leves.

3. Os criterios de graduación recollidos nos apartados anteriores non poderán utilizarse para agravar a infracción cando estean contidos na descrición da conduta infractora ou formen parte do propio ilícito administrativo.

4. O importe das sancións leves impostas a un mesmo infractor por cada subvención non excederá no seu conxunto do importe da subvención inicialmente concedida.

5. O importe das sancións graves e moi graves impostas a un mesmo infractor por cada subvención non excederá no seu conxunto do triplo do importe da cantidade indebidamente obtida, aplicada ou non xustificada ou, no caso de entidades colaboradoras, dos fondos indebidamente aplicados ou xustificados.

Artigo 59.-Sancións por infraccións leves.

1. Cada infracción leve será sancionada con multa de 75 a 900 euros, salvo o disposto no apartado seguinte.

2. Serán sancionadas en cada caso con multa de 150 a 6.000 euros as seguintes infraccións:

a) A inexactitude ou omisión dunha ou varias operacións na contabilidade e nos rexistros legalmente esixidos.

b) O incumprimento da obriga da levanza de contabilidade ou dos rexistros legalmente establecidos.

c) A levanza de contabilidades diversas que, referidas a unha mesma actividade, non permita coñecer a verdadeira situación da entidade.

d) A utilización de contas con significado distinto do que lles corresponde, segundo a súa natureza, que dificulte a comprobación da realidade das actividades subvencionadas.

e) A falta de achega de probas e documentos requiridos polos órganos de control ou a negativa á súa exhibición.

f) O incumprimento por parte das entidades colaboradoras das obrigas establecidas no artigo 12 desta lei.

g) O incumprimento por parte das persoas ou entidades suxeitas á obriga de colaboración e de facilitar a documentación á que se refire o artigo 45 desta lei, cando diso derive a imposibilidade de contrastar a información facilitada polo beneficiario ou pola entidade colaboradora.

Artigo 60.-Sancións por infraccións graves.

1. As infraccións graves serán sancionadas con multa pecuniaria proporcional do tanto ao dobre da cantidade indebidamente obtida, aplicada ou non xustificada ou, no caso de entidades colaboradoras, dos fondos indebidamente aplicados ou xustificados.

2. Cando o importe do prexuízo económico correspondente á infracción grave represente máis do 50% da subvención concedida ou das cantidades recibidas polas entidades colaboradoras, e excedese de 30.000 euros, concorrendo algunha das circunstancias previstas nas letras b) e c) do apartado 1 do artigo 58 desta lei, os infractores poderán ser sancionados, ademais, con:

a) A perda durante un prazo de ata tres anos da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da administración ou doutros entes públicos.

b) A prohibición durante un prazo de ata tres anos para subscribir contratos coa administración ou con outros entes públicos.

c) A perda durante un prazo de ata tres anos da posibilidade de actuar como entidade colaboradora en relación coas subvencións reguladas nesta lei.

Artigo 61.-Sancións por infraccións moi graves.

1. As infraccións moi graves serán sancionadas con multa pecuniaria proporcional do dobre ao triplo da cantidade indebidamente obtida, aplicada ou non xustificada ou, no caso de entidades colaboradoras, dos fondos indebidamente aplicados ou xustificados.

Non obstante, non se sancionarán as infraccións recollidas nas letras b) e d) do artigo 56 cando os infractores reintegrasen as cantidades e os correspondentes xuros de demora sen previo requirimento.

2. Cando o importe do prexuízo económico correspondente á infracción moi grave exceda de 30.000 euros, concorrendo algunha das circunstancias previstas nas letras b) e c) do apartado 1 do artigo 58 desta lei, os infractores poderán ser sancionados, ademais, con:

a) A perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da administración ou doutros entes públicos.

b) A prohibición durante un prazo de ata cinco anos para subscribir contratos coa administración ou con outros entes públicos.

c) A perda durante un prazo de ata cinco anos da posibilidade de actuar como entidade colaboradora en relación coas subvencións reguladas nesta lei.

Artigo 62.-Desenvolvemento regulamentario do réxime de infraccións e sancións.

As disposicións regulamentarias de desenvolvemento poderán introducir especificacións ou graduacións ao cadro das infraccións ou sancións establecidas legalmente que, sen constituír novas infraccións ou sancións, nin alterar a natureza ou os límites das que a lei prevé, contribúan á máis correcta identificación das condutas ou á máis precisa determinación das sancións correspondentes.

Artigo 63.-Prescrición de infraccións e sancións.

1. As infraccións prescribirán no prazo de catro anos que se contarán desde o día no que a infracción se cometese.

2. As sancións prescribirán no prazo de catro anos que se contarán desde o día seguinte a aquel no que adquirise firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción.

3. O prazo de prescrición interromperase conforme o establecido no artigo 132 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A prescrición aplicarase de oficio, sen prexuízo de que poida ser solicitada a súa declaración polo interesado.

Artigo 64.-Competencia para a imposición de sancións.

As sancións en materia de subvencións serán acordadas e impostas polos titulares dos departamentos concedentes, salvo en relación con aquelas que para a súa concesión necesitasen da autorización do Consello da Xunta, caso no que será competente este último. No caso de subvencións concedidas polas demais entidades concedentes, as sancións serán acordadas e impostas polos titulares dos departamentos aos que estivesen adscritas.

Non obstante, cando a sanción consista na perda da posibilidade de obter subvencións, axudas públicas e avais da Comunidade Autónoma, na prohibición para subscribir contratos coa Comunidade Autónoma ou na perda da posibilidade de actuar como entidade colaboradora en relación coas subvencións reguladas nesta lei, a competencia corresponderalle ao Consello da Xunta.

O titular do departamento designará o instrutor do procedemento sancionador cando a dita función non estea previamente atribuída a ningún órgano administrativo.

Artigo 65.-Publicidade das sancións.

1. As resolucións sancionadoras impostas por infraccións graves ou moi graves que gañasen firmeza na vía administrativa publicaranse no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, deberán comunicárselles aos rexistros de subvencións e de contratistas da Administración da Comunidade Autónoma.

2. Todas as sancións administrativas firmes en materia de subvencións figurarán no Rexistro Público de Sancións con expresión das persoas físicas ou xurídicas afectadas, da normativa infrinxida e do importe da sanción.

Artigo 66.-Procedemento sancionador.

1. A imposición das sancións en materia de subvencións efectuarase mediante expediente administrativo no que, en todo caso, se lle dará audiencia ao interesado antes de ditarse o acordo correspondente e que será tramitado conforme o disposto no capítulo II do título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O procedemento iniciarase de oficio, como consecuencia da actuación de comprobación desenvolvida polo órgano concedente ou pola entidade colaboradora, así como das actuacións de control financeiro previstas nesta lei.

3. Os acordos de imposición de sancións poñerán fin á vía administrativa.

Artigo 67.-Extinción da responsabilidade derivada da comisión de infraccións.

A responsabilidade derivada das infraccións extínguese polo pagamento ou cumprimento da sanción ou por prescrición ou por falecemento.

Artigo 68.-Responsabilidades.

1. Responderán solidariamente da sanción pecuniaria os membros, partícipes ou cotitulares das entidades ás que se refire o apartado 3 do artigo 8, en proporción ás súas respectivas participacións, cando se trate de comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

2. Responderán subsidiariamente da sanción pecuniaria os administradores das sociedades mercantís, ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas, de acordo coas disposicións legais ou estatutarias que lles resulten aplicables, que non realicen os actos necesarios que sexan da súa incumbencia para o cumprimento das obrigas infrinxidas, adopten acordos que fagan posibles os incumprimentos ou consintan os de quen deles dependan.

3. No caso de sociedades ou entidades disoltas e liquidadas nas que a lei limita a responsabilidade patrimonial dos socios, partícipes ou cotitulares, as sancións pendentes transmitiranse a estes, que quedarán obrigados solidariamente ata o límite do valor da cota de liquidación que se lles adxudicase ou se lles debese adxudicar.

4. No caso de sociedades ou entidades disoltas e liquidadas nas que a lei non limita a responsabilidade patrimonial dos socios, partícipes ou cotitulares, as sancións pendentes transmitiranse a estes, que quedarán obrigados solidariamente ao seu cumprimento.

Disposición adicionais

Primeira.-Adaptación de procedementos.

Os procedementos establecidos nesta lei adaptaranse regulamentariamente ás condicións de organización e funcionamento da Administración local de Galicia.

Segunda.-Réxime especial das axudas en materia de cooperación exterior.

1. As subvencións en materia de cooperación para o desenvolvemento reguladas na Lei 3/2003, do 19 de xuño, someteranse na súa concesión aos principios de publicidade e concorrencia, salvo que proceda a aplicación do réxime previsto no artigo 19.4 desta lei.

2. Co obxecto de lograr unha maior eficacia e eficiencia na xestión dos fondos públicos destinados á cooperación para o desenvolvemento, as bases reguladoras poderán establecer sistemas específicos de pagamentos anticipados de ata o 100% da subvención concedida, sen a obriga de presentar garantías, así como réximes especiais de xustificación e control cando a natureza dos proxectos ou as características dos destinatarios o requiran.

Terceira.-Axudas en especie.

As axudas consistentes na cesión de bens ou dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma rexeranse pola lexislación do patrimonio. Non obstante, as entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b) e c) do artigo 2.1 desta lei terán a consideración de subvencións en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei, sen prexuízo das especificidades da xestión orzamentaria que regulamentariamente se determinen.

Cuarta.-Actividade de patrocinio.

A actividade do patrocinio rexerase pola súa normativa específica e supletoriamente por esta lei.

Quinta.-Universidades.

As universidades da Comunidade Autónoma de Galicia suxeitaranse ás previsións desta lei sen prexuízo das peculiaridades derivadas da súa propia organización.

Sexta.-Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios.

1. As entidades locais e as universidades da Comunidade Autónoma de Galicia deberán crear un Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios, que permita a súa consulta pública e a elaboración da correspondente información estatística. Este rexistro deberá poñerse en marcha dentro do prazo dun ano a partir da publicación desta lei.

2. En cada un dos rexistros creados consignaranse as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, do programa e do crédito orzamentario ao que se imputan, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade ou das finalidades da subvención.

3. Este rexistro é complementario das obrigas de publicidade ás que están obrigadas as entidades e xestionarase tendo en conta, en todo caso, a necesidade de preservación do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Sétima.-Actualización das contías previstas nesta lei.

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para que, por proposta do conselleiro competente en materia de economía e facenda, poida actualizar, mediante decreto, as contías recollidas nesta lei.

Oitava.-Autorización á consellaría competente en materia de economía e facenda para a regulación de procedementos en materia de subvencións por medios telemáticos.

Autorízase a consellaría competente en materia de economía e facenda para que mediante orde estableza as normas que regulen o emprego de medios electrónicos, informáticos e telématicos nos procedementos relativos ás subvencións previstos nesta lei.

Disposicións transitorias

Primeira.-Réxime transitorio dos procedementos.

1. Aos procedementos de concesión de subvencións iniciados á entrada en vigor desta lei seralles aplicable a normativa vixente no momento da súa iniciación.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, os procedementos de control financeiro, reintegro e revisión de actos previstos nesta lei resultarán aplicables desde a súa entrada en vigor.

3. O réxime sancionador previsto nesta lei seralles aplicable ás persoas beneficiarias e ás entidades colaboradoras, nos supostos previstos nesta disposición, sempre que o réxime xurídico sexa máis favorable ca o previsto na lexislación anterior.

4. A adaptación regulamentaria dos procedementos establecidos nesta lei ás condicións de organización e funcionamento da Administración local de Galicia realizarase no prazo de nove meses a partir da súa entrada en vigor.

Segunda.-Igape.

Os incentivos á actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, establecidos ao abeiro do Decreto 172/2001, do 12 de xullo, dos que a súa xestión lle corresponde ao Instituto Galego de Promoción Económica, regularanse polo disposto nas súas bases reguladoras en tanto non se peche definitivamente o marco de apoio comunitario establecido para o período 2000-2006 pola Comisión Europea, excepto no referido ao réxime de control financeiro e ás infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións, que se rexerán polo disposto nesta lei.

Terceira.-Exoneración da presentación dos xustificantes de acreditación de obrigas tributarias, coa Seguridade Social e débedas coa Administración da Comunidade Autónoma.

A Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma determinará as axudas e subvencións nas que se producirá a exoneración da presentación dos xustificantes de acreditación de obrigas tributarias, coa Seguridade Social e débedas coa Administración da Comunidade Autónoma en tanto non se aproben as disposicións regulamentarias previstas para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación normativa.

1. Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango no que contradigan ou se opoñan ao disposto nesta lei.

2. Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

a) Do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os artigos 78 e 79 e a disposición adicional cuarta.

b) O Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto se opoña ao establecido nesta lei.

c) O Decreto 21/1992, do 29 de xaneiro, que desenvolve o artigo 31 da Lei 15/1991, do 28 decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1992, en materia de subvencións e axudas.

d) Da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, o apartado 5 do artigo 29.

Disposición derradeira

Única.-Desenvolvemento e entrada en vigor.

1. No prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei aprobarase un regulamento xeral para a súa aplicación.

2. Esta lei entrará en vigor tres meses despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xuño de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente