DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 24 de xullo de 2007 Páx. 12.688

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de xullo de 2007 pola que se regula a percepción da compoñente singular do complemento específico por función titorial e outras funcións docentes.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 27 de xullo de 2006, ratificou o preacordo alcanzado o día 16 de maio de 2006 na mesa sectorial docente non universitaria, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., FETE-UGT, ANPE e CSI-CSIF, a que se adheriu o STEG, sobre as retribucións do profesorado dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que imparte ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Neste acordo establécese unha compoñente singular do complemento específico por función titorial e outras funcións, por un importe de 15 € mensuais a partir do 1 de xaneiro de 2008, que se verá incremento en 30 € o 1 de xaneiro de 2009. No propio acordo indícase que actividades debe realizar o profesorado para ter o dereito a percibir esta compoñente singular do complemento específico.

Pola súa vez o Acordo do 8 de xuño de 2007, alcanzado na mesa sectorial docente non universitaria, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicias CIG, CC.OO., FETE-UGT, ANPE e CSI-CSIF, sobre catálogos de postos de traballo dos centros de educación infantil, primaria, educación infantil e primaria e centros públicos integrados, e a xornada de traballo dos funcionarios do corpo de mestres, establece que para os efectos de percepción da parte do complemento específico correspondente á titoría e outras funcións docentes considérase que ten horario completo todo o profesorado que alcance as 21 horas lectivas considerando as gardas como tales. Este feito xustificarao a dirección do centro no documento que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Resulta necesario desenvolver os dous acordos mencionados para que, na organización do curso académico 2007/2008, os centros educativos teñan en conta que actividades debe realizar o profesorado para ter o dereito a percibir a parte do complemento específico correspondente a función titorial e outras funcións docentes e como deben xustificarse estas actividades ante a delegación provincial correspondente.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde desenvolve o acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de xullo de 2006, no relativo á percepción polo profesorado da parte do complemento específico correspondente a función titorial e outras funcións docentes.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde resulta de aplicación aos funcionarios docentes dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e ao profesorado de relixión.

Artigo 3º

A contía da compoñente singular do complemento específico por función titorial e outras funcións docentes será de 15 € mensuais con efectividade do 1 de xaneiro de 2008 e de 45 € con efectividade do 1 de xaneiro de 2009, conforme se establece na epígrafe terceira do acordo alcanzado o 16 de maio de 2006 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e todas as organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial docente non universitaria.

Artigo 4º.-Profesorado que ten dereito a percibir a compoñente do complemento específico correspondente á función titorial e outras funcións docentes.

Percibirán a parte do complemento específico correspondente a función titorial e outras funcións docentes:

a) Todo o profesorado que estea nomeado titor ou titora dun grupo de alumnos.

b) Os funcionarios docentes que non sendo titores teñan 21 horas lectivas, considerando as gardas como tales, no caso do profesorado que imparte ensinanzas na educación infantil, educación primaria ou educación especial, e polo menos, dezaoito sesións lectivas, no caso do profesorado que imparte algunha das restantes ensinanzas. Para estes efectos, considéranse horas lectivas as horas de reducións establecidas para o desempeño dos órganos unipersoais de goberno, xefatura de departamento, coordinación de ciclo, coordinación do equipo de normalización e dinamización lingüística, coordinación de formación en centros de traballo, titorías de ciclos formativos e as que, de ser o caso, estean establecidas ou se establezan.

Artigo 5º

Ademais do profesorado titor e do profesorado que teña o seu horario lectivo completo, terá dereito a percibir a parte do complemento específico correspondente a función titorial e outras funcións docentes o profesorado que, dentro do horario lectivo ordinario do alumnado complete o seu horario lectivo realizando algunha das seguintes actividades:

a) Reforzo educativo.

b) Atención á diversidade.

c) Desdobramentos en áreas e materias de lingua galega, lingua castelá, lingua estranxeira, matemáticas, química, bioloxía ou tecnoloxía.

d) Atención específica de apoio ao alumnado estranxeiro e minorías étnicas.

e) Apoio á educación infantil.

Artigo 6º

Ademais do profesorado a que se refire o artigo 5º terán dereito a percibir a parte do complemento específico correspondente á función titorial e outras funcións docentes, o profesorado que, dentro do seu horario lectivo ordinario e horas complementarias fixas, colaboren nalgunha das seguintes actividades:

a) Dinamización das novas tecnoloxías da información e comunicación.

b) Dinamización de biblioteca.

c) Dinamización de convivencia escolar.

d) Dinamización da normalización lingüística, de acordo co Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo.

e) Dinamización da mellora da calidade educativa.

f) Dinamización de programas internacionais.

g) Dinamización de apoio á xestión económica do centro.

h) Outras actividades análogas que redunden na calidade do ensino, no marco que se estableza no proxecto educativo e na programación xeral do centro.

Artigo 7º

Excepcionalmente, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta do centro educativo ou por iniciativa propia, poderá establecer outras funcións que impliquen a percepción desta compoñente do complemento específico, oída a Xunta de Persoal.

Artigo 8º.-Dinamización específica.

1. Para dar cumprimento ao establecido no punto quinto desta orde os centros educativos fomentarán a dinamización de proxectos específicos.

2. Cada centro educativo poderá determinar no seu proxecto educativo as prioridades de actuación das dinamizacións, segundo o contorno socioeconómico e cultural en que se atope.

3. En cada centro poderán existir dinamizadoras e dinamizadores específicos para realizar, cando menos, funcións referidas á biblioteca, convivencia escolar e soporte e dinamización das tecnoloxías da información e comunicación.

4. Ademais, segundo a participación do centro nos diferentes programas, poderá existir a dinamización de programas internacionais, de mellora da calidade educativa e aqueloutras que poidan incidir na mellora da calidade educativa. As previsión de actuacións destas dinamizacións deberán ser reflectidas no proxecto educativo do centro.

5. A dirección designará unha persoa como dinamizadora responsable de cada proxecto específico, por un período de dous anos, priorizando a súa formación específica, a experiencia, o interese e a dispoñibilidade horaria. Actuará baixo a coordinación da xefatura de estudos, agás no caso da dinamización de apoio á xestión económica dos centros, que actuará baixo a coordinación do secretario ou secretaria.

6. Os dinamizadores e as dinamizadoras específicos e o profesorado colaborador que dedique, polo menos, dúas horas semanais das complementarias fixas a estas funcións, terán dereito a percibir a parte do complemento específico correspondente, titoría e outras función docentes.

Artigo 9º.-Definición da dinamización de biblioteca.

A biblioteca escolar é un recurso educativo imprescindible para a consecución dos obxectivos educativos en todas as áreas. Facilita o acceso aos recursos informativos e culturais necesarios nos procesos de ensino e aprendizaxe, favorece un uso contextualizado das tecnoloxías da comunicación e da información e resulta imprescindible para a capacitación e o fomento da lectura, de todo tipo de textos, en todo tipo de soportes.

Artigo 10º.-Funcións da dinamización de biblioteca.

En colaboración co profesorado de apoio, serán as seguintes:

1. Elaborar, en colaboración co profesorado de apoio, o proxecto anual de biblioteca escolar e a memoria final.

2. Coordinar, seguindo as directrices da consellería, a elaboración e posta en práctica do proxecto lector de centro, coa participación de todo o profesorado.

3. Realizar o tratamento técnico dos fondos (seleccionar, organizar, clasificar e catalogar).

4. Informar o claustro das actividades da biblioteca e integrar a súas suxestións.

5. Difundir os fondos existentes e as súas posibilidades de consulta entre toda a comunidade escolar.

6. Definir os criterios para o préstamo e atender o servizo xunto co equipo de apoio.

7. Asesorar o profesorado en técnicas de animación á lectura, estratexias de dinamización, formación de usuarios e traballo documental, seleccionando e elaborando materiais, xunto co resto do profesorado, para a formación do alumnado nestes aspectos.

8. Coordinar o equipo de apoio á biblioteca escolar.

9. Representar o equipo de biblioteca na Comisión de Coordinación Pedagóxica.

10. Aqueloutras funcións que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estableza na súa normativa específica sobre bibliotecas escolares.

Artigo 11º.-Definición da dinamización de convivencia escolar.

A persoa dinamizadora da convivencia coordinará a mellora do clima escolar, a través da función titorial e propoñendo accións cooperativas. Asesorará o resto do profesorado na inclusión de dinámicas de aula, que propicien a mellora da convivencia e a resolución pacífica de conflitos.

Artigo 12º.-Funcións da dinamización de convivencia escolar.

En colaboración co profesorado de apoio, serán as seguintes:

1. Seleccionar aqueles ámbitos do PAT que máis inciden na convivencia e revisar a súa adecuación.

2. Velar pola incorporación e tratamento no PAT de contidos relacionados coas habilidades sociais, a intelixencia emocional, a autoestima, a resolución pacífica de conflitos, a mediación e dinámicas de grupo.

3. Colaborar na dinamización do plan de convivencia xunto co Observatorio da Convivencia do centro.

4. Formar parte do Observatorio da Convivencia do centro.

5. Coordinar actuacións no centro, a realizar desde a titoría, promotoras de valores democráticos de convivencia, de negociación e diálogo e de cultura de paz.

6. Colaborar co departamento de orientación no deseño e desenvolvemento de programas facilitadores da detección de dificultades de convivencia e de relación.

7. Realizar un informe trimestral, logo das sesións de avaliación sobre o estado da convivencia, con propostas de mellora en función dos logros acadados e das dificultades existentes.

8. Promover a participación das familias informándoas e asesorándoas, en especial no relacionado coa convivencia democrática.

9. Valorar as posibilidades de colaboración con organizacións, institucións e colectivos do contorno que poidan completar e reforzar o traballo de centro.

Artigo 13º.-Definición da dinamización das tecnoloxías da información e da comunicación.

Nos centros educativos poderá designarse unha persoa encargada das tecnoloxías da información e da comunicación, que terá como obxectivo o mantemento cotián dos equipamentos informáticos do centro, así como o soporte no seu uso didáctico ao resto dos profesores do claustro.

Artigo 14º.-Funcións da dinamización das tecnoloxías da información e a comunicación.

En colaboración co profesorado de apoio, serán as seguintes:

1. Dinamizar e impulsar o uso das TIC do centro.

2. Mantemento cotián dos equipamentos informáticos do centro, constituíndo o primeiro nivel de soporte destes, contando co apoio, nesta tarefa, do asesor ou asesora TIC da zona, sempre que as circunstancias así o requiran.

3. Dar soporte, no uso didáctico, do equipamento informático do centro, ao resto do claustro, contando co apoio, nesta tarefa, do asesor ou asesora TIC da zona, sempre que as circunstancias así o requiran.

4. Elaborará, por requirimento do equipo directivo e das liñas directrices da Comisión de Coordinación Pedagóxica, o proxecto TIC e a organización e xestión dos medios e recursos tecnolóxicos do centro.

5. Asesorar, de ser o caso, no mantemento do sitio web do centro.

6. Aqueloutras funcións que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estableza na súa normativa específica.

Artigo 15º.-Definición da dinamización de programas internacionais.

Esta dinamización ten por obxectivo favorecer a participación dos centros educativos nos diferentes programas e iniciativas de intercambio e mobilidade noutros territorios do Estado e transnacional, tanto europeas como internacionais.

Artigo 16º.-Funcións da dinamización de programas internacionais.

En colaboración coas persoas de apoio, serán as seguintes:

a) Realizar a busca de socios e establecer as comunicacións oportunas coa conseguinte realización, se é o caso, de visitas preparatorias.

b) Cubrir os formularios requiridos e tramitar as solicitudes diante das axencias responsables.

c) Informar o Consello Escolar e o Claustro do desenvolvemento de cada programa.

d) Cubrir, xunto co secretario ou secretaria do centro, os expedientes académicos e as xustificacións de gastos.

e) Organizar os desprazamentos necesarios de acordo coa programación realizada.

f) Seleccionar os beneficiarios e beneficiarias participantes en función dos criterios previamente establecidos.

g) Aqueloutras funcións que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estableza na súa normativa específica.

Artigo 17º.-Definición da dinamización de mellora da calidade educativa.

Esta dinamización ten por obxecto favorecer a participación dos centros educativos en todos aqueles programas que redunden na mellora da calidade educativa.

Artigo 18º.-Funcións da dinamización de mellora da calidade educativa.

As súas funcións serán as seguintes:

1. Promover no centro proxectos e plans de traballo encamiñados á mellora da calidade da educación.

2. Dinamizar o funcionamento dos plans de mellora e xestión da calidade en que participe o centro educativo.

3. Impulsar a formación do persoal naqueles ámbitos que procuren a mellora do centro no seu conxunto ou de aspectos particulares deste.

4. Promover relacións de colaboración con entidades e organismos que traballen na mellora da calidade.

5. Difundir iniciativas e medidas encamiñadas a dar coñecemento das accións no ámbito de mellora da calidade.

6. Aqueloutras funcións que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estableza na súa normativa específica.

Artigo 19º.-Profesorado que presta servizos nos centros de formación e recursos, no proxecto Siega e nos equipos de orientación específicos e outros destinos docentes.

Terá dereito a percibir a compoñente do complemento específico correspondente a función titorial e outras funcións docentes o profesorado que imparte programas europeos, presta servizos nos centros de formación e recursos, ou nas súas extensións, no proxecto Siega, nos equipos de orientación específicos, en prazas de convenios ou asesoramento, de acordo co previsto no Decreto 244/1999, do 29 de xullo, ou noutras actividades docentes análogas, sempre que teña todo o seu horario dedicado a estas funcións específicas.

Artigo 20º.-Compatibilidade.

A retribución da compoñente do complemento específico correspondente á función titorial e outras funcións docentes será compatible coa percepción da compoñente do complemento específico por razón do desempeño de órganos unipersoais de goberno e de postos de traballo docentes singulares, así como pola consolidación do complemento específico correspondente ao exercicio da dirección dos centros docentes públicos e da compoñente do complemento específico compensador do nivel 24 ao 21 para os funcionarios do corpo de mestres que imparten primeiro e segundo da educación secundaria obrigatoria e do complemento específico compensador entre o nivel 26 e 24 para os funcionarios do corpo de profesores de música e artes escénicas que imparten ensinanzas musicais de grao superior.

Así mesmo, esta compeñente do complemento específico será compatible coa compoñente do complemento específico que, de ser o caso, poida establecerse en recoñecemento do labor do profesorado, atendendo á súa especial dedicación ao centro e á implantación de plans que supoñan innovación educativa, previsto no punto 2º b) do artigo 105 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 21º.-Certificacións.

As direccións dos centros educativos, dos centros de formación e recursos e, cando proceda, os titulares das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou a Subdirección Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Unversitaria certificarán, no modelo que se publica como anexo, as actividades que realiza o profesorado que orixina o dereito, conforme o disposto nesta orde, a percibir a compoñente do complemento específico correspondente á función titorial e outras funcións docentes.

Disposición adicional

En todo caso, cumprirán o requisito para percibir a compoñente do complemento específico correspondente á función titorial e outras funcións docentes, os funcionarios docentes que realicen funcións sindicais ou formen parte dos órganos de representación do profesorado previstos na Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "14300D002P008.PDF"