DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 27 de agosto de 2007 Páx. 14.333

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 13/2007, do 27 de xullo, de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Exposición de motivos.

A mellora e a modernización da función pública debe ser un obxectivo permanente de toda administración pública. Non pode existir unha boa administración pública alí onde o sistema de emprego público é deficiente. Alén disto, a garantía dos principios constitucionais de acceso ao emprego público é un obxectivo irrenunciable na nosa sociedade democrática.

Deste xeito, a racionalización e a modernización do emprego público son, sen dúbida, unha necesidade para facer efectivo o dereito a unha «boa administración» dos asuntos públicos, ao servizo dos cidadáns e das cidadás nunha sociedade democrática avanzada.

Ao aprobarse o Estatuto do empregado público, os poderes públicos de Galicia deben, no entanto, comezar inmediatamente a aplicar unha serie de medidas urxentes para a mellora e a racionalización do emprego público autonómico.

O actual texto é o resultado dese desexo de continuar o camiño da modernización do emprego público e é froito, en boa parte, do intercambio de ideas coas forzas sindicais máis representativas no sector, coas que se constituíu unha mesa de traballo para a elaboración dun borrador de anteproxecto.

Engádeselle unha alínea 6 ao artigo 3 respecto da lexislación supletoria.

Modifícase o artigo 6.1 para dotar de maior transparencia o nomeamento de persoal eventual, coa delimitación ademais das súas funcións.

Refórmase o artigo 7 da lei, referido ao persoal interino. Créase a figura do persoal interino por acumulación de tarefas. Con isto trátase de responder a unha necesidade organizativa na moderna administración pública, que ata o de agora tan só se podía cubrir acudindo a solucións pouco axeitadas como o nomeamento de persoal laboral temporal.

Na súa redacción orixinal, o artigo 9 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, parece exixir que os laborais ocupen postos de traballo «clasificados como tales» na relación de postos de traballo. Porén, é frecuente que o persoal laboral ocupe postos de traballo reservados a persoal funcionario. Son as funcións do posto as que deben definir a súa natureza, e non o tipo de relación xurídica existente entre a persoa contratada e a administración.

A nova redacción do artigo 9.4 intenta establecer, de forma respectuosa cos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, unha regulación dos efectos da declaración de indefinición dunha relación laboral temporal ou da declaración de laboralidade dunha contratación administrativa. A regulación baséase nos pronunciamentos xurisprudenciais máis recentes: o persoal declarado laboral indefinido non ten carácter de fixo, porque os empregos públicos deben proverse de acordo cos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade. Pero, ademais, tras unha sentenza estimatoria dunha reclamación de indefinición laboral, a administración debe regularizar a situación creando a praza coa natureza funcionarial ou laboral que corresponda e poñendo en marcha os procedementos necesarios para a súa cobertura ordinaria.

Os puntos sete, oito, nove e dez desta lei de reforma modifican as competencias de determinados órganos ao lles conferir unha maior participación na ordenación dos recursos humanos da Administración pública autonómica.

O principio de transparencia proxéctase, así mesmo, no establecemento, con carácter obrigatorio, dos rexistros de persoal das entidades locais, como un instrumento fundamental tamén da organización, xestión e planificación do persoal das entidades locais.

A alínea 3 do artigo 25 modifícase para garantir a participación dos representantes do persoal na elaboración das relacións de postos de traballo, no que afecte as condicións de traballo das empregadas e dos empregados públicos.

O artigo 27 modifícase para garantir a periodicidade nos concursos para a promoción profesional do persoal, a efectividade da adscrición por causas de saúde e mais o traslado da funcionaria vítima de violencia de xénero que así o solicite, que se beneficiará ademais das vantaxes que para a traballadora supón a consideración do traslado como forzoso, cando se deba a razóns de violencia de xénero.

Modifícase tamén o artigo 28 para lle dar cumprimento ao obxectivo de redución dos postos que deben ser cubertos por libre designación. O sistema de libre designación debe estar debidamente xustificado, sen que haxa ningunha razón para que con carácter xeral se lles adxudique esta condición a todos os postos de traballo que superen determinado nivel de complemento de destino. Con esta medida poderase acadar unha función pública máis profesionalizada e seleccionada de xeito máis obxectivo, sen prexuízo, desde logo, da súa capacitación e preparación para o desempeño do posto.

O punto dezasete modifica o artigo 33, no que se establecen medidas para asegurar o cumprimento do xa existente deber de acreditación do coñecemento da lingua galega no acceso ao emprego público autonómico. A medida tenta posibilitar o cumprimento, no ámbito da función pública, do establecido no Plan de normalización lingüística, aprobado por unanimidade das forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia, así como do disposto na Lei de normalización lingüística de Galicia.

O punto dezanove modifica o artigo 42 da lei, pola que se elimina a integración automática do persoal que acade postos na Administración autonómica, sen prexuízo do cumprimento dos acordos de mobilidade entre administracións públicas que poidan ser asinados, e se lle presta atención especial, de novo, ás funcionarias vítimas da violencia de xénero.

Suprímese a alínea 5 do artigo 46 e modifícanse os artigos 52, 53 e 55.

A modificación do artigo 60 reforza a promoción interna como un instrumento básico na motivación e a capacitación dos empregados e das empregadas públicos. Así mesmo, engádeselle un parágrafo novo ao artigo 62.4 e créase un artigo 62 bis.

O artigo 63 bis modifícase, así mesmo, para introducir nel os máis modernos criterios de avaliación da actividade das administracións públicas, para medir, ademais do rendemento do persoal ao servizo das administracións públicas, o grao de calidade na prestación dos servizos públicos, con atención especial á proxección na cidadanía das medidas de mellora e modernización.

Outro bo número de medidas de reforma tenden a introducir na Lei da función pública de Galicia mecanismos eficaces de conciliación da vida persoal, laboral e familiar. As medidas están inspiradas en boa medida no Plan integral para a conciliación da vida persoal e laboral na Administración xeral do Estado, aprobado polo Goberno central co aval das organizacións sindicais máis representativas. Porén, téntase introducir melloras nalgunhas cuestións. Esta posición reflíctese na nova redacción dada aos artigos 69 e 70 na súa totalidade.

O marcado carácter social da reforma da lei inspira tamén a disposición adicional sétima, onde se introducen unha serie de medidas para facilitar o acceso ao emprego público das persoas con discapacidade, de conformidade co establecido na normativa estatal. A administración pública debe ser unha organización modélica no establecemento de políticas de integración laboral, facendo efectivo o mandato constitucional, dirixido a todos os poderes públicos, relativo á protección das persoas con discapacidade e á promoción da súa integración como un dos principios reitores da política social.

A lei establécelle prazos a un proceso amplo de funcionarización, tentando rematar deste xeito coa anomalía que supón que persoas suxeitas a réxime laboral estean a realizar tarefas reservadas a funcionarios. Como di a xurisprudencia constitucional, nas administracións públicas a regra xeral debe ser o carácter funcionarial do persoal, tendo carácter taxado os supostos nos que se admite a contratación de persoal laboral.

Introdúcese unha disposición adicional referente a un colectivo moi determinado, que foi transferido á Xunta de Galicia desde o Estado tras a realización dun plan de emprego, ao que se lle recoñece a asimilación dos seus dereitos ao do persoal laboral fixo, e prevese especificamente a súa funcionarización con carácter voluntario.

Así mesmo, créase unha nova disposición adicional décimo sétima.

A lei establece o marco dun proceso de transformación de emprego temporal en emprego fixo. A loita contra a temporalidade nas administracións públicas ten sido obxecto de seria preocupación. As elevadas taxas de temporalidade débense reducir a través de instrumentos absolutamente rigorosos no cumprimento dos principios básicos no acceso ao emprego público pero que, ao mesmo tempo, teñan en conta a experiencia acadada no desempeño do posto con carácter temporal ou interino. A medida, non obstante, ten carácter excepcional e queda limitada a un número de prazas determinado ou determinable.

Remata o texto coa achega de dúas disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e unha disposición derradeira segunda para a súa entrada en vigor.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Artigo único.-Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Un.-Engádeselle unha alínea 6 ao artigo 3, co seguinte teor:

«6. Esta lei e a súa normativa de desenvolvemento seranlle de aplicación supletoria ao persoal de administración e servizos das universidades galegas».

Dous.-Modifícase no artigo 6 a alínea 1 e engádeselle unha nova alínea 5, que quedan redactadas como segue:

«1. É persoal eventual aquel que, en virtude de libre nomeamento das persoas membros do Consello de goberno da comunidade autónoma e con carácter non permanente, ocupa un posto de traballo expresamente cualificado de confianza ou de asesoramento especial e que non estea reservado a persoal funcionario e que figure nas correspondentes relacións de postos de traballo.

O persoal eventual realiza tarefas de confianza e asesoramento especial, particularmente de apoio ao desenvolvemento polos membros do Consello de goberno do seu labor político, así como para o cumprimento das súas tarefas de carácter parlamentario e de relación coas institucións e as organizacións administrativas. Non poderá adoptar, en ningún caso, resolucións que lles correspondan legalmente aos órganos da Administración da Comunidade Autónoma ou das organizacións a ela adscritas».

«5. No caso de que un funcionario público acceda a un posto de traballo de carácter eventual, o seu nomeamento realizarase cumprindo os requisitos para o nomeamento do devandito persoal.

Estes funcionarios, de non optaren por permanecer en servizo activo, serán declarados en situación de servizos especiais».

Tres.-Modifícase o artigo 6.3, que queda redactado como segue:

«3. O Consello da Xunta de Galicia determinará o número de postos reservados a persoal eventual, coas súas características e retribucións, dentro dos correspondentes créditos orzamentarios consignados para o efecto.

A consellaría competente en materia de función pública levará un rexistro público no que figuren as titulacións académicas e as remuneracións percibidas polo persoal eventual».

Catro.-Engádeselle un segundo parágrafo ao artigo 7.1, coa seguinte redacción:

«Por mor da acumulación de tarefas reservadas a persoal funcionario, con carácter excepcional e logo de informe favorable das consellarías competentes en materia de función pública e economía, poderase nomear persoal funcionario interino sen adscrición a praza dotada orzamentariamente. Os nomeamentos durarán un máximo de seis meses dentro dun período máximo de doce. No caso das administracións públicas distintas da autonómica, o informe favorable previo corresponderalles aos seus órganos competentes.

Os nomeamentos por esta causa non poderán superar, en ningún caso, o 20% do total do persoal funcionario do centro directivo, nin o 3% do persoal funcionario da Xunta de Galicia».

Cinco.-Modifícase o artigo 7.3, que queda redactado como segue:

«3. O persoal interino cesará no seu posto cando a súa praza sexa cuberta por un funcionario con carácter definitivo ou por medio dunha adscrición provisional, cando se amortice a devandita praza, cando desaparezan as razóns de necesidade ou urxencia que motivaron o seu nomeamento ou polo transcurso do prazo máximo de duración do nomeamento, no suposto de acumulación de tarefas».

Seis.-Modifícase o artigo 9, que queda redactado como segue:

«Artigo 9

1. É persoal laboral aquel que en virtude de contrato de natureza laboral, que se deberá formalizar, en todo caso, por escrito, ocupe postos de traballo destinados a persoal desta natureza ou ben, con carácter excepcional, postos reservados a persoal funcionario.

2. A selección do persoal laboral efectuarase de acordo coa oferta de emprego público, mediante convocatoria pública e a través do sistema de oposición, de concurso ou de concurso-oposición libre no que se garantan, en todo caso, os principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, sen prexuízo do disposto na alínea 1 do artigo 37 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.

3. Para a realización de traballos de carácter temporal e conxuntural, no caso de vacante ou por razóns de necesidade ou urxencia, que deberán ser debidamente motivadas, poderase contratar persoal laboral de carácter non permanente de conformidade coa lexislación laboral vixente. O contrato deberase formalizar necesariamente por escrito.

A contratación deste persoal non amparado polo disposto nas alíneas anteriores dará lugar á responsabilidade persoal da autoridade ou do funcionario que a autorizase.

4. A administración non poderá converter en fixa ou indefinida unha relación laboral de carácter temporal».

Sete.-Modifícase o número 12 do artigo 12, que queda redactado como segue:

«12. Establecer as bases do sistema obxectivo para o fomento da promoción interna de todo o persoal ao servizo da Administración galega, de conformidade cos termos previstos nos artigos 60 e 61 desta lei».

Oito.-Modifícase a alínea 2.7 do artigo 13, que queda redactada como segue:

«2.7. Propoñer, logo de informe favorable da consellaría competente en materia de facenda e co informe previo da Comisión Superior de Persoal, a oferta de emprego público, que garantirá que non contén requisitos que determinen un prexuízo para as mulleres ou para un colectivo maioritariamente feminino. Esta garantía terá que ser respectada nas correspondentes convocatorias de cobertura de postos de traballo».

Nove.-Modifícase a letra a) do artigo 17, que queda redactada como segue:

«a) Emitir informe con carácter preceptivo no prazo que regulamentariamente se determine, e non superior, en todo caso, a dous meses, sobre os anteproxectos de lei e os proxectos de regulamento, en materia de emprego público autonómico.

Con carácter facultativo, emitirá informe sobre os proxectos normativos de rango legal ou regulamentario relativos á función pública por petición das diferentes administracións públicas».

Dez.-Modifícase o artigo 21, que queda redactado como segue:

«Artigo 21

Os corpos de persoal funcionario dependerán organicamente da consellaría competente en materia de función pública, sen prexuízo da que funcionalmente lles corresponda».

Once.-Modifícase o artigo 23, que queda redactado como segue:

«Artigo 23

As entidades locais constituirán un rexistro de persoal, sometido ao réxime de publicidade que se determine regulamentariamente, consonte a normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

A Administración autonómica cooperará coas entidades locais na constitución dos seus rexistros de persoal cando aquelas carezan de suficiente capacidade financeira, e poderá delegar esta función nos órganos de goberno das entidades supramunicipais».

Doce.-Modifícase o artigo 25.3, que queda redactado como segue:

«3. As devanditas relacións serán públicas, e tanto na súa elaboración coma nas modificacións posteriores deberán ser sometidas a informe dos correspondentes órganos de representación das empregadas e dos empregados públicos, exclusivamente cando supoñan modificación das condicións de traballo destes».

Trece.-Engádeselle un parágrafo segundo ao número 1 do artigo 27, coa seguinte redacción:

«Os concursos para a provisión de postos de persoal funcionario deberán ser convocados cunha periodicidade anual e serán resoltos en seis meses, desde a publicación das listas definitivas de persoas admitidas e excluídas. A Administración da Xunta de Galicia garantirá a existencia dos medios materiais e persoais propios que fagan posible esta periodicidade e garantan a axilidade da resolución dos procedementos.

Para tal efecto, crearanse comisións de valoración, das que se determinará regulamentariamente a súa composición e o seu funcionamento, coa garantía da presenza da representación dos traballadores na súa composición».

Catorce.-Modifícase o artigo 27.7, que queda redactado como segue:

«7. A Administración da Xunta de Galicia poderá adscribir as funcionarias e os funcionarios a postos de traballo en distinta unidade ou localidade, logo de solicitude baseada en motivos de saúde ou rehabilitación do funcionario ou da funcionaria, do seu cónxuxe ou da persoa unida por análoga relación de afectividade, dos fillos e fillas ao seu cargo ou dos ascendentes no primeiro grao de consanguinidade, cando concorran os seguintes requisitos:

a) Informe previo favorable do servizo médico oficial legalmente establecido.

b) Existencia de postos vacantes con asignación orzamentaria.

c) Que o nivel de complemento de destino e específico do posto de destino non sexa superior ao do posto de orixe.

d) Que o funcionario ou a funcionaria reúna os requisitos para o seu desempeño.

e) No caso dos ascendentes, que o funcionario ou a funcionaria conviva con eles.

Esta adscrición terá, sen prexuízo da aplicación da normativa sobre riscos laborais, carácter provisional, e o posto de traballo de orixe da funcionaria ou do funcionario, sempre que o ocupase con carácter definitivo, reservaráselle mentres se manteña a causa que motiva a adscrición. Coa periodicidade que regulamentariamente se determine, e, en todo caso, cada ano, deberase comprobar que persisten as circunstancias que deron lugar á adscrición. A negativa á adscrición por causa de saúde será sempre motivada».

Quince.-Engádese un novo número 9 no artigo 27, coa seguinte redacción:

«9. As mulleres vítimas de violencia de xénero que se vexan obrigadas a abandonar o posto de traballo na localidade onde viñan prestando servizos, para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, terán dereito ao traslado a outro posto de traballo propio do seu corpo, escala ou categoría profesional, de análogas características, sen necesidade de que sexa vacante de necesaria cobertura. Aínda así, en tales supostos a administración pública competente estará obrigada a lles comunicar as vacantes radicadas na mesma localidade ou nas localidades que as interesadas expresamente soliciten.

Este traslado terá a condición de traslado forzoso, para os efectos dos dereitos que para a traballadora puidesen derivar del.

Nas actuacións e nos procedementos relacionados coa violencia de xénero protexerase a intimidade das vítimas, en especial os seus datos persoais, os dos seus descendentes e os de calquera persoa que estea baixo a súa garda ou custodia».

Dezaseis.-Modifícase o artigo 28, que queda redactado como segue:

«Artigo 28

Soamente se poderán cubrir polo sistema de libre designación con convocatoria pública entre persoal funcionario os postos de traballo de subdirectora ou subdirector xeral, as secretarías de altos cargos así como aqueloutros de carácter directivo ou de especial responsabilidade para os cales, excepcionalmente, así se determine nas relacións de postos de traballo».

Dezasete.-Modifícase o artigo 33, que queda redactado como segue:

«Artigo 33

Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego na Administración pública de Galicia e para garantir o dereito dos administrados ao uso da lingua propia de Galicia nas relacións coa administración pública no ámbito da comunidade autónoma, e en cumprimento da obriga de promover o uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia que determina o artigo 6.3 da Lei de normalización lingüística, nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e nas entidades locais de Galicia, terase que demostrar o coñecemento da lingua galega.

Para estes efectos, as bases das convocatorias establecerán que unha ou máis das probas do proceso selectivo se deberán realizar exclusivamente en lingua galega, e iso sen prexuízo doutras probas adicionais, que se puidesen prever, para aqueles postos de traballo que requiran un especial coñecemento da lingua galega».

Dezaoito.-Modifícase o parágrafo segundo da alínea 2 do artigo 42, que queda redactado como segue:

«2. Os mencionados funcionarios que, mediante transferencia, pasen a ocupar postos de traballo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia con carácter definitivo integraranse no correspondente corpo ou escala».

Dezanove.-Engádense novas alíneas no artigo 42:

Dezanove.a).-Engádese unha nova alínea 3 no artigo 42, coa seguinte redacción:

«3. No marco dos acordos que as administracións públicas subscriban coa finalidade de facilitar a mobilidade entre os seus funcionarios, terán especial consideración os casos de mobilidade xeográfica das funcionarias vítimas de violencia de xénero».

Dezanove.b).-Engádese unha nova alínea 4 no artigo 42, coa seguinte redacción:

«4. O persoal doutras administracións en servizo activo na Administración da Xunta de Galicia non poderá superar en ningún caso o 5% dos efectivos totais con que esta conte».

Vinte.-Suprímese o número 5 do artigo 46.

Vinte e un.-Modifícase o número 8 do artigo 52, que queda redactado como segue:

«8. Cando se desempeñen cargos electivos retribuídos e de dedicación exclusiva nas entidades locais, cando se desempeñen responsabilidades de órganos superiores e directivos municipais e mais cando se desempeñen responsabilidades de membros dos órganos locais para o coñecemento e a resolución das reclamacións económico-administrativas. Exceptúanse os funcionarios de Administración local con habilitación de carácter estatal, cando desempeñen postos reservados a eles, que se rexerán pola súa normativa específica, quedando na situación de servizo activo».

Vinte e dous.-Engádense novos números 17, 18, 19 e 20 no artigo 52, coa seguinte redacción:

«17. Cando sexan nomeados como titulares de subsecretarías, secretarías xerais técnicas ou direccións xerais da Administración xeral do Estado».

«18. Cando sexan nomeados como titulares das subdelegacións do Goberno nas provincias ou das direccións insulares da Administración xeral do Estado e non opten por permanecer na situación de servizo activo na súa administración de orixe».

«19. Cando sexan nomeados para desempeñar postos nas áreas funcionais da alta inspección de educación funcionarios ou funcionarias dos corpos docentes ou das escalas nas que se ordena a función pública docente».

«20. Cando pasen a desenvolver cargos directivos nas empresas públicas, nos entes públicos, nas sociedades ou nas fundacións públicas nas que a Xunta de Galicia, directa ou indirectamente, participe ou achegue máis do 50% do capital ou do patrimonio, cando os devanditos cargos sexan designados logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia ou polos seus propios órganos de goberno».

Vinte e tres.-Engádese unha nova alínea 4 no artigo 53, coa seguinte redacción:

«4. A administración pública velará para que non haxa menoscabo no dereito á carreira profesional dos funcionarios públicos que fosen nomeados altos cargos, membros do poder xudicial ou doutros órganos constitucionais ou estatutarios ou que fosen elixidos alcaldes, retribuídos e con dedicación exclusiva, presidentes de deputacións ou institucións equivalentes, deputados ou senadores das Cortes Xerais e membros das asembleas lexislativas das comunidades autónomas. Como mínimo, estes funcionarios recibirán o mesmo tratamento na consolidación do grao e no conxunto de complementos que o que se estableza para os que fosen directores xerais e outros cargos equivalentes ou superiores da correspondente administración pública».

Vinte e catro.-Modifícase o segundo parágrafo da alínea 4 do artigo 55, que queda redactado como segue:

«4. Excedencia para o coidado de fillos e familiares:

Os funcionarios de carreira terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a tres anos, para atender o coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza coma por adopción ou acollemento permanente ou preadotivo, que se contará desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a tres anos, para atender o coidado dun familiar que estea ao seu cargo, ata o segundo grao inclusive de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente, enfermidade ou discapacidade non se poida valer por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.

O período de excedencia será único por cada suxeito causante. Cando un novo suxeito causante dese orixe a unha nova excedencia, o inicio do período desta poñerá fin ao que se viñese gozando.

Esta excedencia constitúe un dereito individual dos funcionarios. No caso de que dous funcionarios xerasen o dereito a gozala polo mesmo suxeito causante, a administración poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas relacionadas co funcionamento dos servizos.

O tempo de permanencia nesta situación será computable para os efectos de trienios, carreira e dereitos no réxime da Seguridade Social que sexa aplicable. O posto de traballo desempeñado reservarase, cando menos, dous anos. Ao transcorrer ese período, a devandita reserva será a un posto na mesma localidade e de igual retribución.

Os funcionarios nesta situación poderán participar nos cursos de formación que convoque a administración».

Vinte e cinco.-Engádese unha nova alínea 6 no artigo 55, coa seguinte redacción:

«6. Excedencia por razón de violencia sobre a muller funcionaria:

1. As funcionarias vítimas de violencia de xénero, para faceren efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, terán dereito a solicitar a situación de excedencia durante seis meses sen ter que prestar un tempo máximo de servizos previos e sen que sexa exixible prazo de permanencia nela.

Durante os seis primeiros meses terán dereito á reserva do posto de traballo que desempeñasen, e o devandito período será computable para os efectos de antigüidade, carreira e dereitos do réxime de Seguridade Social que sexa aplicable.

Cando as accións xudiciais o exixisen, poderase prorrogar este período por tres meses, cun máximo de dezaoito, con idénticos efectos aos sinalados anteriormente, para o fin de garantir a efectividade do dereito de protección da vítima.

Durante os dous primeiros meses desta excedencia, a funcionaria terá dereito a percibir as retribucións íntegras e, se é o caso, ás prestacións familiares por fillo ao seu cargo».

Vinte e seis.-Modifícase a alínea 2 do artigo 60, que queda redactada como segue:

«2. Nas convocatorias das probas selectivas reservarase un mínimo dun 25% das vacantes convocadas para persoal funcionario pertencente a corpos ou escalas do grupo inmediatamente inferior que, posuíndo a titulación exixida e os demais requisitos inherentes á vacante que se vai cubrir, prestasen servizos efectivos durante polo menos dous anos no corpo ou na escala de pertenza.

As devanditas probas, nas cales se deberán respectar os principios de igualdade, mérito e capacidade, poderanse levar a cabo en convocatorias independentes das de ingreso cando, por conveniencia da planificación xeral dos recursos humanos, así o autorice o Consello da Xunta de Galicia.

Poderá participar nos procesos de promoción interna para o acceso ao corpo administrativo da Xunta de Galicia (grupo C) o persoal funcionario do corpo auxiliar da Xunta de Galicia (grupo D) que, aínda que careza da titulación exixida para a pertenza ao grupo C, acredite unha antigüidade mínima de dez anos no grupo D ou ben teña unha antigüidade mínima de cinco anos e supere os cursos de formación que regulamentariamente se determinen».

Vinte e sete.-Engádese un parágrafo final no artigo 62.4, coa seguinte redacción:

«Os funcionarios que cesen nun posto de traballo sen obter outro polos sistemas de provisión previstos no artigo 27 desta lei quedarán ao dispor do conselleiro, que lles atribuirá o desempeño dun posto provisional correspondente ao seu corpo ou escala, dentro da mesma localidade, non inferior en máis de dous niveis ao do seu grao persoal, en tanto non obteñan outro con carácter definitivo, con efectos do día seguinte á data do cesamento e de acordo co procedemento que fixe a consellaría competente en materia de función pública».

Vinte e oito.-Engádese un novo artigo 62 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 62 bis

No suposto de provisión, mediante libre designación, de prazas da administración abertas a funcionarios docentes nas relacións de postos de traballo da Xunta de Galicia, as funcionarias e os funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias terán dereito á reserva da praza que estivesen desempeñando se esta se ocupase con carácter definitivo».

Vinte e nove.-O artigo 63 bis queda redactado como segue:

«Artigo 63 bis

1. A Administración pública galega establecerá sistemas que permitan a avaliación do desempeño dos seus empregados.

A avaliación do desempeño é o procedemento a través do que se mide e valora a conduta profesional e mais o rendemento ou o logro de resultados.

2. Os sistemas de avaliación do desempeño adecuaranse, en todo caso, a criterios de transparencia, obxectividade, imparcialidade e non discriminación, e aplicaranse sen menoscabo dos dereitos dos empregados públicos.

3. A Administración pública galega determinará os efectos da avaliación na carreira profesional, na formación, na provisión de postos de traballo e na percepción das retribucións complementarias correspondentes.

4. A Xunta de Galicia articulará un sistema que, entre outros factores, terá en conta necesariamente:

a) O grao de satisfacción das cidadás e dos cidadáns respecto dos servizos que se lles presten.

b) A boa xestión e organización da estrutura administrativa, para o cal promoverá a utilización por parte do persoal directivo dos datos derivados da xestión para a toma de decisións.

c) A implicación en procesos innovadores e de boas prácticas a prol da excelencia.

d) A normalización e a racionalización de procesos.

e) O grao de cumprimento do Plan de normalización lingüística.

5. Nomearase unha comisión de avaliación do desempeño, da que se regulará a súa composición e o seu funcionamento por decreto do Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de función pública. Poderase nomear máis dunha comisión de avaliación do desempeño cando así se considere necesario».

Trinta.-O artigo 69 queda redactado como segue:

«Artigo 69

1. O persoal funcionario terá dereito, por ano completo de servizos, a gozar dunha vacación retribuída dun mes natural ou de vinte e dous días hábiles anuais, ou aos días que correspondan proporcionalmente ao tempo de servizos efectivos.

2. Así mesmo, terá dereito a un día hábil adicional ao cumprir quince anos de servizo, ao que se lle engadirá un día hábil máis ao cumprir os vinte, vinte e cinco e trinta anos de servizo, respectivamente, ata un total de vinte e seis días hábiles por ano natural.

Este dereito farase efectivo a partir do ano natural seguinte ao do cumprimento dos anos de servizo sinalados no parágrafo anterior.

3. Para os efectos previstos neste artigo, non se considerarán como días hábiles os sábados, sen prexuízo das adaptacións que se establezan para os horarios especiais.

4. No caso de que o período de vacacións coincida co permiso previsto na alínea 4 do artigo 70, a persoa interesada terá dereito á fixación dun período alternativo.

5. O calendario de vacacións elaborarase anualmente, téndose en conta as necesidades dos servizos, oídos os órganos de representación dos funcionarios.

Recoñécese o dereito á elección do período de vacacións a favor das mulleres xestantes e a preferencia de elección de mulleres e homes con fillas ou fillos menores de doce anos ou maiores dependentes ao seu coidado.

6. Os permisos de maternidade, paternidade e lactación, así como os períodos de incapacidade temporal derivados do embarazo, poderanse acumular ao período de vacacións, mesmo despois do remate do ano natural ao que aquelas correspondan».

Trinta e un.-Modifícase na súa totalidade o 70, coa seguinte redacción:

«Artigo 70

1. Concederanse permisos polas seguintes causas xustificadas:

a) Polo falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar dentro do primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, tres días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade e cinco días hábiles cando sexa en distinta localidade.

Cando se trate do falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar dentro do segundo grao de consanguinidade ou afinidade, o permiso será de dous días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade e de catro días hábiles cando sexa en distinta localidade.

b) Por traslado de domicilio sen cambio de residencia, un día na mesma localidade e dous días se hai cambio de localidade. Se a unidade familiar está composta por dous ou máis membros, o permiso será de dous días sen cambio de localidade e de catro se existe cambio.

c) Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal, nos termos legalmente establecidos.

d) Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude, durante os días da súa realización.

e) Por lactancia dun fillo ou filla menor de doce meses, a funcionaria terá dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderá dividir en dúas fraccións. Este dereito poderase substituír por unha redución da xornada normal en media hora ao inicio e ao final da xornada ou ben nunha hora ao inicio ou ao final da xornada. Este dereito poderá ser exercido indistintamente por un ou outro dos proxenitores, no caso de que ambos traballen.

Igualmente, poderase substituír o tempo de lactancia por un permiso retribuído que acumule en xornadas completas o tempo correspondente ou ben por un crédito de horas, podéndose aproveitar, en ambos os casos, en calquera momento, despois do gozo do permiso de maternidade.

A cantidade de horas incluídas no crédito será o resultado de contabilizar o total de horas ás que se tería dereito se se dispuxese do permiso de lactación na súa modalidade dunha hora de ausencia.

Este permiso incrementarase proporcionalmente nos casos de parto múltiple.

Nos supostos de adopción ou acollemento, este dereito computarase durante o primeiro ano desde a resolución xudicial ou administrativa de adopción ou acollemento.

f) Por nacemento de fillos prematuros ou que por calquera outra causa deban permanecer hospitalizados a continuación do parto, a funcionaria ou o funcionario terá dereito a ausentarse do traballo durante un máximo de dúas horas diarias e percibirá as retribucións íntegras.

g) Por razóns de garda legal, cando o persoal funcionario teña o coidado directo dalgún menor de doce anos, de persoa maior que requira especial dedicación ou dunha persoa con discapacidade que non desempeñe actividade retribuída, terá dereito a unha redución dun terzo ou un medio da xornada de traballo, coa diminución proporcional das súas retribucións.

Terá o mesmo dereito o persoal funcionario que precise encargarse do coidado directo dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non se poida valer por si mesmo e que non desempeñe actividade retribuída.

h) As funcionarias embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto polo tempo necesario para a súa práctica e logo de xustificación da necesidade de realización delas dentro da xornada de traballo.

i) O persoal funcionario terá dereito a un permiso retribuído para tratamentos de fecundación asistida polo tempo necesario para a súa práctica, con aviso previo e xustificación da necesidade de realización dentro da xornada de traballo. Se fose necesario o desprazamento, o permiso será de dous días.

j) Para acompañar o seu cónxuxe ou parella en análoga relación de afectividade a tratamentos de fecundación asistida, a exames prenatais e a técnicas de preparación ao parto, o persoal funcionario terá dereito a un permiso retribuído en idénticos termos e condicións de exercicio que os previstos para estes permisos.

k) Nos supostos de accidente ou enfermidade moi grave do cónxuxe, parella en análoga relación de afectividade, familiares en primeiro grao, acollidos/acollidas ou familiares conviventes, e para atender o seu coidado, o persoal funcionario terá dereito a un permiso retribuído cunha duración máxima de trinta días naturais. Cada accidente ou enfermidade xerará un único permiso, que, dentro da duración máxima de trinta días, se poderá utilizar de maneira separada ou acumulada.

l) Por ser preciso atender o coidado dun familiar de primeiro grao, o persoal funcionario terá dereito a solicitar unha redución de ata o 50% da xornada laboral, con carácter retribuído, por razóns de enfermidade moi grave e polo prazo máximo dun mes, prorrogable en circunstancias excepcionais e atendendo á extrema gravidade da enfermidade padecida, ata un período máximo de dous meses.

Se houbese máis dun titular deste dereito polo mesmo feito causante, o tempo de gozo desta redución poderase ratear entre eles, respectando, en todo caso, o prazo máximo dun mes ou, se é o caso, o de dous meses.

m) O persoal funcionario terá dereito a ausentarse para acompañar ás revisións médicas os fillos e as fillas e as persoas maiores ao seu cargo polo tempo necesario, con aviso previo e xustificación da necesidade de realización dentro da xornada de traballo.

2. Poderase conceder permiso polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal e por deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral.

3. Poderase dispoñer de ata nove días ao ano, como máximo, de permiso para asuntos persoais sen xustificación, atendendo sempre ás necesidades do servizo. Así mesmo, terase dereito ao gozo de dous días adicionais ao cumprir o sexto trienio, que se incrementará nun día adicional por cada trienio cumprido a partir do oitavo.

4. En todo caso, concederanse os seguintes permisos:

a) Permiso por parto: terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas. Este permiso ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do fillo ou filla, e por cada fillo a partir do segundo, nos supostos de parto múltiple. O permiso distribuirase á opción da funcionaria sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto. No caso de falecemento da nai, o outro proxenitor poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que reste do permiso.

Malia o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ao parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que ambos os proxenitores traballen, a nai, ao iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o outro proxenitor goce dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai. O outro proxenitor poderá seguir gozando do permiso de maternidade inicialmente cedido, aínda que no momento previsto para a reincorporación da nai ao traballo esta se atope en situación de incapacidade temporal.

Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá exceder das dezaseis semanas ou das que correspondan no caso de discapacidade do fillo ou filla ou de parto múltiple.

Este permiso poderase gozar a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos casos de parto prematuro e naqueles nos que, por calquera outra causa, o neonato deba permanecer hospitalizado a continuación do parto, este permiso ampliarase en tantos días como o neonato se encontre hospitalizado, cun máximo de trece semanas adicionais.

Durante o gozo deste permiso poderase participar nos cursos de formación que convoque a administración.

b) Permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple: terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas. Este permiso ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do menor adoptado ou acollido e por cada fillo, a partir do segundo, nos supostos de adopción ou acollemento múltiple.

O cómputo do prazo contarase á elección do funcionario, a partir da decisión administrativa ou xudicial do acollemento ou a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción, sen que un mesmo menor poida dar, en ningún caso, dereito a varios períodos de gozo deste permiso.

No caso de que ambos os proxenitores traballen, o permiso distribuirase á opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre en períodos ininterrompidos.

Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá exceder das dezaseis semanas ou das que correspondan en caso de adopción ou acollemento múltiple e de discapacidade do menor adoptado ou acollido.

Este permiso poderase gozar a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen.

Se fose necesario o desprazamento previo dos proxenitores ao país de orixe do adoptado ou acollido, nos casos de adopción ou acollemento internacional, terase dereito, ademais, a un permiso de ata tres meses de duración, e durante este período percibiranse exclusivamente as retribucións básicas, podendo gozarse de forma fraccionada, sempre que non se superen os tres meses.

Con independencia do permiso de ata tres meses previsto no parágrafo anterior e para o suposto previsto no devandito parágrafo, o permiso por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, poderase iniciar ata catro semanas antes da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción ou a decisión administrativa ou xudicial do acollemento.

Durante o gozo deste permiso poderase participar nos cursos de formación que convoque a administración.

Os supostos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo coma permanente ou simple, previstos neste artigo serán os que así se establezan na normativa aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia, e o acollemento simple deberá ter unha duración non inferior a un ano.

c) Permiso por paternidade polo nacemento, acollemento ou adopción dun fillo ou filla: terá unha duración de vinte e nove días naturais, que gozará o pai funcionario a partir da data de nacemento, da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. No caso de parto, acollemento ou adopción múltiple, o permiso será de trinta e cinco días naturais.

Nos supostos de adopción ou acollemento, se ambos os proxenitores fosen persoal ao servizo da Administración pública galega, o permiso poderase distribuír á opción dos interesados, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre en períodos ininterrompidos, respectando en todo caso o prazo de duración.

Este permiso é independente do gozo compartido dos permisos previstos nas alíneas a) e b).

A nai poderá gozar deste permiso de paternidade a continuación dos permisos previstos nas alíneas a) e b) nos seguintes supostos:

-Cando o pai falecese antes da utilización íntegra do devandito permiso.

-Se a filiación paterna non estivese determinada.

-Cando os proxenitores non estivesen casados nin estivesen unidos de feito en análoga relación de afectividade.

-Cando en resolución xudicial ditada en proceso de nulidade, separación ou divorcio, iniciado antes da utilización do permiso, se lle recoñecese á nai a garda do fillo ou da filla que acaba de nacer.

No suposto de matrimonio de mulleres ou de unións de feito en análoga relación de afectividade, ao ser unha delas a nai biolóxica, a que non o sexa terá dereito ao permiso de paternidade nos termos fixados nesta alínea.

Nos casos previstos nas alíneas a), b) e c), o tempo transcorrido durante o gozo destes permisos computarase como de servizo efectivo para todos os efectos, garantíndose a plenitude de dereitos económicos do persoal funcionario durante todo o período de duración do permiso, e, se é o caso, durante os períodos posteriores ao gozo deste, se, de acordo coa normativa aplicable, o dereito a percibir algún concepto retributivo se determina en función do período de gozo do permiso.

Os funcionarios que fixesen uso do permiso por parto ou maternidade, paternidade e adopción ou acollemento terán dereito, así que finalice o período de permiso, a reintegrarse ao seu posto de traballo nos termos e nas condicións que non lles resulten menos favorables ao gozo do permiso, así como a beneficiarse de calquera mellora nas condicións de traballo ás que puidesen ter dereito durante a súa ausencia.

d) Permiso por razón de violencia de xénero sobre o persoal funcionario: as faltas de asistencia do persoal funcionario vítima da violencia do xénero, totais ou parciais, terán a consideración de xustificadas polo tempo e nas condicións nas que así o determinen os servizos sociais de atención ou de saúde, segundo proceda.

Así mesmo, o persoal funcionario vítima de violencia de xénero, para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, terá dereito á redución da xornada coa diminución proporcional da retribución ou á reordenación do tempo de traballo, a través da adaptación do horario, da aplicación do horario flexible ou doutras formas de ordenación do tempo de traballo que lles poidan ser aplicables, nos termos que para estes supostos estableza a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia».

Trinta e dous.-Modifícase a disposición adicional sétima, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional sétima. Acceso ao emprego público de persoas con discapacidade.

1. Nas ofertas de emprego público reservarase unha cota non inferior ao 7% das vacantes para seren cubertas entre persoas con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%, de modo que progresivamente se acade o 2% dos efectivos totais da Administración da Xunta de Galicia e dos seus organismos autónomos, sempre que superen as probas selectivas e que, no seu momento, acrediten o indicado grao de minusvalidez e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes, segundo se determine regulamentariamente.

2. A reserva farase sobre o cómputo total das vacantes incluídas na oferta de emprego público, e poderanse concentrar as prazas reservadas para persoas con discapacidade naquelas convocatorias que se refiran a corpos, escalas ou categorías cuxo desempeño se adapte mellor ás peculiaridades das persoas discapacitadas.

3. Cando da aplicación da porcentaxe resulten fraccións decimais redondearase por exceso para o seu cómputo.

4. Se as prazas reservadas e que foron cubertas polas persoas con discapacidade non acadasen a taxa do 3% das prazas convocadas, as prazas non cubertas acumularanse á cota do 7% da oferta seguinte, cun límite máximo do 12%.

5. Ao acadarse o obxectivo do 2% ao que se refire a alínea 1 desta disposición, a porcentaxe mínima de reserva será do 5%, e non serán aplicables as alíneas 3 e 4 desta disposición mentres a porcentaxe se manteña ou se incremente.

6. Poderanse realizar convocatorias independentes, non supeditadas ás ordinarias, nas cales as prazas estarán reservadas a persoas con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%. As probas terán o mesmo contido e grao de exixencia que as que se realicen nas convocatorias ordinarias. En calquera caso, as persoas que participen na convocatoria deberán acreditar a discapacidade e o grao de minusvalidez. As prazas incluídas nestas convocatorias computaranse, en todo caso, na cota reservada na oferta de emprego público para a súa cobertura entre persoas con discapacidade.

7. Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou os períodos de prácticas, estableceranse para as persoas con discapacidade con grao de minusvalidez igual ou superior ao 33% que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, para asegurar que as persoas con discapacidade participan en condicións de igualdade.

8. Tras superar o proceso selectivo, as persoas que ingresen en corpos ou escalas de persoal funcionario ou categorías de persoal laboral da Administración autonómica e dos seus organismos autónomos e que fosen admitidas na convocatoria ordinaria con prazas reservadas para persoas con discapacidade poderanlle solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a escolla das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberase limitar a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa discapacitada».

Trinta e tres.-Engádese unha disposición adicional décimo sexta, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional décimo sexta.

O persoal que, con efectos anteriores ao 7 de outubro de 1996, tivese recoñecida a condición de indefinido na súa relación laboral por sentenza xudicial firme ou por resolución da Subsecretaría de Traballo e Asuntos Sociais do 24 de xullo de 1997 en virtude das previsións contidas no Plan de emprego do Inem terá os mesmos dereitos que o persoal laboral fixo.

Este persoal será obxecto de funcionarización mediante un procedemento selectivo que respecte os principios de igualdade, mérito e capacidade. O persoal que non participe ou que participando non supere o proceso de funcionarización conservará todos os seus dereitos como persoal laboral da Xunta de Galicia.

O proceso de funcionarización deberase iniciar no prazo máximo de doce meses a partir da entrada en vigor desta lei».

Trinta e catro.-Engádese unha disposición adicional décimo sétima, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional décimo sétima.

Os funcionarios de carreira que a partir da entrada en vigor da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía para Galicia, desempeñen ou tivesen desempeñado durante máis de dous anos continuados ou tres con interrupción postos de traballo como director xeral ou superior, director xerente de órganos ou entidades públicas ou postos na administración pública incluídos no ámbito de aplicación da Lei de incompatibilidades de altos cargos percibirán desde a súa reincorporación ao servizo activo, e en canto se manteña esta situación, o complemento de destino correspondente ao posto de traballo que desempeñen ou, se é o caso, ao do seu grao persoal, incrementado na cantidade necesaria para igualalo ao valor do complemento de destino, ou concepto equivalente que a Lei de orzamentos xerais do Estado fixe para os directores xerais, e a suma de ambos os conceptos non poderá ser inferior ao importe do complemento de destino que perciban os funcionarios que

acrediten o nivel máximo establecido legalmente».

Trinta e cinco.-A disposición transitoria primeira queda redactada como segue:

«Disposición transitoria primeira.

No prazo máximo de doce meses desde a entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia convocará as probas selectivas para a realización dun proceso de funcionarización do persoal laboral fixo que ocupe prazas que, pola natureza das súas funcións, deban ser ocupadas por persoal funcionario, logo da valoración, a clasificación e a determinación dos postos de traballo afectados, que será aprobada polo Consello da Xunta de Galicia.

As probas selectivas que se realicen no marco do proceso de funcionarización respectarán, en todo caso, os principios de igualdade, mérito e capacidade e valorarán, entre outros méritos, o tempo de servizos prestados como persoal laboral nos postos obxecto de funcionarización».

Trinta e seis.-Modifícase a disposición transitoria segunda, que queda redactada como segue:

«Disposición transitoria segunda.

O persoal funcionario que ocupe postos que, antes da entrada en vigor desta lei, estivesen clasificados como de libre designación e que, posteriormente, deixen de ter esta forma de cobertura seguirá a ocupar os mesmos postos de traballo ata a provisión destes, aínda que se poderá dispoñer discrecionalmente o seu cesamento antes da devandita provisión.

No caso do cesamento ao que se refire o parágrafo anterior, poderase cubrir o posto de traballo con outra empregada ou empregado público de xeito provisional, mediante adscrición ou comisión de servizos, que rematará cando se provexa definitivamente a praza».

Trinta e sete.-Modifícase a disposición transitoria terceira, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria terceira.

O disposto no artigo 9.4 será aplicable para as declaracións xudiciais de indefinición que se produzan tras a entrada en vigor desta lei de reforma. Non obstante, no período máximo dun ano a partir da entrada en vigor da lei, deberanse realizar, se é o caso, os procesos de creación de prazas derivadas de declaracións xudiciais anteriores á devandita data. As prazas deberán ser cubertas, polo oportuno sistema de selección ou provisión, no prazo máis breve posible».

Trinta e oito.-A disposición transitoria décimo sexta queda redactada como segue:

«Disposición transitoria décimo sexta.

Dentro do marco das medidas de redución da temporalidade e co obxecto de aumentar a estabilidade no emprego público na Administración xeral da Xunta de Galicia, a Comunidade Autónoma galega desenvolverá, por unha soa vez por praza, un proceso selectivo de carácter extraordinario para a substitución de emprego interino ou temporal por emprego fixo.

Seralles aplicable a estes procesos o disposto no artigo 60.2 desta lei.

O proceso afectará aquelas prazas que estean cubertas, interina ou temporalmente, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005 e que continúen, temporal ou interinamente, cubertas no momento da convocatoria.

As prazas que no momento da entrada en vigor desta disposición estean na situación prevista no parágrafo anterior reservaranse para a súa oferta nos procesos extraordinarios que se realicen.

Os procesos selectivos respectarán, en todo caso, os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade e efectuaranse polo sistema de concurso-oposición aberto.

O contido das probas gardará relación cos procedementos, as tarefas e as funcións habituais dos postos obxecto de cada convocatoria. Na fase de concurso poderanse valorar, entre outros méritos, o tempo de servizos prestados nas administracións públicas e a experiencia nos postos de traballo obxecto da convocatoria.

A valoración de méritos das persoas que superasen a fase de oposición só poderá outorgar unha puntuación proporcionada, que non determinará por si mesma o resultado do proceso selectivo».

Disposicións adicionais

Primeira.-Das persoas con discapacidade.

As referencias que nesta lei se efectúan a minusválidos e ás persoas con minusvalidez entenderanse realizadas a persoas con discapacidade.

Segunda.

O persoal funcionario ou estatutario que acceda ao desempeño de postos directivos será declarado no seu posto de orixe na situación administrativa de servizos especiais. O desempeño dos servizos prestados nos citados postos será computado para os procesos de selección e provisión como prestados na praza de orixe, así como para os efectos de trienios e determinación do grao de desenvolvemento profesional.

Disposición derrogatoria

Á entrada en vigor desta lei e respecto do persoal incluído no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, de función pública de Galicia, quedan derrogadas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan a esta lei, e en especial o artigo 46 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, e os artigos Dous (a alínea 2 do artigo 9), trece (a alínea 4 do artigo 69), catorce (as alíneas 5 e 6 do artigo 70) e quince (a alínea 6 do artigo 70), da disposición adicional segunda da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Refundición da normativa vixente en materia de función pública.

O Goberno, no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei, aprobará un decreto lexislativo no que se procederá a refundir a normativa de rango legal vixente en materia de función pública, para o que se formulará un texto único que recolla as sucesivas modificacións habidas desde a publicación da Lei 4/1988, do 26 de maio.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días naturais seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente