DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 12 de setembro de 2007 Páx. 15.037

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de setembro de 2007 pola que se desenvolve a implantación da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 133/2007, do 5 de xullo, establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, marca o calendario de aplicación da nova ordenación educativa, regulada pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

No mencionado Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, establécese que no curso 2007-2008 se implantarán os cursos primeiro e terceiro da educación secundaria obrigatoria. No curso 2008-2009 os restantes cursos, segundo e cuarto.

Así mesmo, no curso 2007-2008 iniciaranse os programas de diversificación curricular e, no curso seguinte, 2008-2009, os de cualificación profesional inicial.

A implantación da educación secundaria obrigatoria require de concrecións que faciliten o seu comezo no curso 2007-2008, tendo en conta que unha parte se rexerá por criterios derivados da nova ordenación do sistema educativo e outra pola regulación anterior.

A disposición derradeira primeira do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, autoriza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a ditar as disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido nel.

En virtude disto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

1. Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación nos centros docentes que impartan estas ensinanzas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Ensinanzas.

De acordo coa Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, a educación secundaria obrigatoria constitúe, xunto coa educación primaria, o ensino básico, que será obrigatorio e gratuíto. A educación secundaria obrigatoria está organizada en catro cursos académicos, os tres primeiros con carácter común e o cuarto curso con carácter orientador en función das capacidades, aptitudes e intereses do alumnado.

3. Implantación.

No ano académico 2007-2008 implantaranse as ensinanzas correspondentes aos cursos primeiro e terceiro e no 2008-2009 as que corresponden aos cursos segundo e cuarto.

4. Escolarización.

a) Con carácter xeral, o alumnado permanecerá escolarizado nesta etapa catro cursos, unha vez completada a educación primaria, desde os 12 ata os 16 anos.

b) Sen prexuízo do anterior, pódense dar circunstancias que fagan variar o establecido con carácter xeral, cambiando a idade de incorporación do alumnado:

-Por contar con altas capacidades e adiantar o comezo desta etapa nun ano.

-Por repetir un ano na etapa anterior e, polo tanto, retrasar a súa incorporación á educación secundaria obrigatoria.

-Por incorporación tardía ao sistema educativo, en especial o alumnado inmigrante. Atendendo ás súas circunstancias, coñecementos, idade e historial académico, poderá ser escolarizado nun ou dous cursos inferiores ao que lle correspondería pola súa idade.

c) O alumnado poderá repetir, como máximo, dúas veces ao longo de toda a etapa. A repetición nun mesmo curso só poderá realizarse unha vez e, excepcionalmente, dúas en cuarto curso, se non se repetiu nos cursos anteriores da etapa e se con isto o equipo de avaliación prevé a consecución dos obxectivos e a titulación de graduado en educación secundaria obrigatoria.

Cando se dea esta situación, os centros educativos contarán cun plan de reforzo educativo que incida naquelas carencias que determinaron a decisión tomada.

Así mesmo, o alumnado con altas capacidades poderá reducir nun ano o tempo de permanencia nesta etapa se non lle foi aplicada esta medida na etapa anterior.

d) O alumnado con necesidades educativas especiais poderá variar tanto a súa incorporación como a permanencia nesta etapa, de acordo coas normas específicas que sexan ditadas ao respecto pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

5. Materias e horario lectivo semanal.

a) As materias e o horario lectivo semanal, así como, se é o caso, o profesorado que as poderá impartir son as que figuran no Decreto 133/2007 (DOG do 13 de xullo).

b) De acordo co Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo (DOG do 29 de xuño), serán impartidas en lingua galega, polo menos, as seguintes materias: ciencias da natureza, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e educación para a cidadanía. Cando a materia de ciencias da natureza se desdobre en bioloxía e xeoloxía, por un lado, e física e química, por outro, ambas as dúas materias impartiranse en galego. O número de materias impartidas en lingua galega será completado de acordo co proxecto lingüístico do centro, que garantirá o cumprimento do establecido para esta etapa no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

c) Tal e como establece a disposición adicional segunda do indicado Decreto 133/2007, a ensinanza de relixión será de oferta obrigatoria para todos os centros, pero o alumnado maior de idade ou os seus pais, nais ou titores/as legais, se é menor de idade, poderá optar por recibir ou non ensinanzas de relixión.

No primeiro caso, cando o alumnado maior de idade ou os seus pais, nais ou titores legais, se é menor de idade, opte por recibir ensinanzas de relixión, decidirá se cursa a materia de relixión católica, doutras confesións relixiosas ou de historia e cultura das relixións.

No caso segundo, cando opte por non recibir ensinanzas de relixión, o alumnado recibirá a debida atención educativa segundo as medidas organizativas establecidas polo centro para tal fin, que estarán incluídas no proxecto educativo, que se adecuará ás normas establecidas de non-discriminación e non comportará aprendizaxes de contidos curriculares.

d) A primeira lingua estranxeira poderá ser, con carácter xeral, francés ou inglés.

A primeira lingua estranxeira escollida será cursada ao longo de toda a etapa.

e) A segunda lingua estranxeira poderá ser alemán, francés, inglés, italiano ou portugués.

f) O alumnado dos cursos primeiro e segundo que presente claras dificultades continuadas no proceso de aprendizaxe, en particular na área de lingua, poderá quedar exento de cursar a materia común de segunda lingua estranxeira. Neste caso recibirá reforzo educativo naqueles aspectos en que se detectasen as dificultades logo do informe pertinente da persoa titora da etapa ou curso anterior coa colaboración do Departamento de Orientación, no cal se fará explícito o motivo da medida adoptada.

No seu expediente académico figurará coa mención de exento/a.

A competencia da decisión recaerá na dirección do centro, oídas as nais, os pais ou os titores/as legais do alumnado afectado pola medida.

g) Para poder ser impartidas outras linguas estranxeiras distintas do francés ou inglés, os centros terán que contar con profesorado, coa titulación de filoloxía ou a licenciatura en tradución e interpretación e a autorización da delegación provincial correspondente, logo do informe da Inspección Educativa.

h) En cuarto curso, o alumnado completará o seu currículo con tres das materias ofertadas como opcionais, que figuran no cadro do anexo do Decreto 133/2007.

Os centros educativos ofertarán estas materias, que poderán ser cursadas cando haxa, con carácter xeral, un grupo non inferior aos 10 alumnos/as.

i) Os centros que, pola súa situación xeográfica, conten cun pequeno número de alumnas e alumnos poderán impartir estas materias, coa autorización previa da delegación provincial, cun número menor de alumnado, que, en calquera caso, non poderá ser inferior a 5 alumnas ou alumnos por grupo.

j) Así mesmo, a materia de matemáticas que, tal como figura no artigo 7 punto 5º do Decreto 133/2007, pode contar con dúas opcións A e B de acordo coas características do alumnado, será ofertada nas mesmas condicións de número de alumnas e alumnos por grupo.

6. Materias optativas.

a) Nos cursos primeiro e segundo non haberá materias optativas.

b) No terceiro e cuarto curso o alumnado cursará unha materia optativa en cada un deles.

c) Os centros educativos poderán ofertar un máximo de catro materias optativas.

d) Entre esas catro materias estarán, obrigatoriamente, cultura clásica, obradoiro de iniciativas emprendedoras e segunda lingua estranxeira.

e) As materias de cultura clásica e obradoiro de iniciativas emprendedoras poderán ser cursadas nun dos dous cursos, terceiro ou cuarto.

f) A segunda lingua estranxeira poderá ser cursada nos dous cursos, terceiro e cuarto.

g) Así mesmo, os centros docentes poderán incluír na súa oferta de materias optativas outra materia, por proposta do centro, tal e como figura no artigo 9.4º do Decreto 133/2007, que garde relación coas características do seu medio sociocultural e/ou cunha iniciación profesional que lle facilite ao alumnado a inserción na vida activa.

h) O centro educativo elaborará a programación da citada materia, que deberá contar coa aprobación da delegación, logo do informe da Inspección Educativa. Se a materia xa viña sendo ofertada e, polo tanto, xa contaba coa aprobación da súa programación, deberá simplemente adecuarse aos aspectos que figuran para todas as materias, en especial os encamiñados á consecución das competencias básicas.

i) O alumnado de cuarto curso poderá optar por cursar como materia optativa unha das pertencentes ao grupo opcional que figura no anexo III do Decreto 133/2007 e que non fose escollida para completar o seu currículo.

j) Cando un centro educativo opte por ofertar máis dunha segunda lingua estranxeira como materia optativa, serán contabilizadas como unha soa para os efectos do cómputo de materias optativas. Neste caso, á parte do requisito de número de alumnas e alumnos por grupo, acreditarán a posibilidade de manter a oferta ao longo da etapa, co fin de asegurar a competencia lingüística nesa ou nesas linguas.

k) O alumnado que opte por cursar a segunda lingua estranxeira en 3º ou 4º curso, sen cursala en anos anteriores, deberá contar coa competencia necesaria para poder seguir a programación correspondente e acadar os obxectivos previstos. Será competencia do departamento didáctico que corresponda avaliar esta circunstancia.

l) As materias optativas deberán contar cun número mínimo de quince alumnas e alumnos. Poderán impartirse con dez no caso das materias de oferta obrigatoria.

m) Sen prexuízo do indicado no punto anterior, poderá ser aplicado o expresado no punto 9 do artigo 4 para as materias opcionais, coa finalidade de atender a diversidade en ámbitos rurais, pequenos núcleos de poboación e/ou outras circunstancias que así o aconsellen.

7. Currículo.

a) O currículo para esta etapa será o que establece o Decreto 133/2007, do 5 de xullo.

b) O currículo poderá ser flexibilizado para poder atender a diversidade do alumnado: por enriquecemento, engadindo ou cambiando a dificultade dalgún dos contidos no caso de alumnado con altas capacidades; con adaptacións que se aparten significativamente dos contidos e criterios de avaliación, no caso de alumnado con necesidades educativas especiais.

En calquera dos casos, a medida adoptada estará encamiñada ao logro das competencias básicas e dos obxectivos xerais da etapa.

c) Nos casos de alumnado con necesidades educativas especiais que non poida seguir as normas establecidas con carácter xeral pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o currículo será adaptado de acordo coas medidas oportunas que determine a Administración educativa, coa finalidade de proporcionarlle unha atención o máis adecuada a cada caso.

d) Os departamentos didácticos concretarán o currículo a través das súas programacións, de acordo coas características do alumnado, tendo sempre presente a atención á diversidade e o logro das competencias básicas.

Será competencia da xefatura do departamento coordinar a elaboración das programacións de acordo co currículo correspondente e coas directrices acordadas no departamento.

En cada unha das materias quedará expreso o tratamento de fomento da lectura, así como das TIC.

e) No caso do proxecto interdisciplinar, que non conta cunha adscrición a un departamento, será competencia prioritariamente da persoa titora e/ou da ou das persoas que o impartan a elaboración da súa programación coas achegas dos departamentos implicados.

f) O profesorado informará o alumnado dos obxectivos que se pretendan alcanzar, así como da necesidade do esforzo compartido para o seu logro.

8. Atención á diversidade.

a) A educación secundaria obrigatoria organízase de acordo cos principios de educación común e de atención á diversidade. As medidas de atención á diversidade nesta etapa estarán orientadas a responder ás necesidades educativas concretas do alumnado e á consecución das competencias básicas e dos obxectivos da etapa.

b) En ningún caso suporán unha discriminación que lle impida ao alumnado acadar estes obxectivos e a titulación correspondente.

c) Será tarefa prioritaria da persoa titora e de todo o profesorado implicado a detección temperá das dificultades para, unha vez detectadas, tomar as decisións máis axeitadas para superalas.

d) As medidas de atención á diversidade poderán incidir no currículo, como recolle o artigo 7 e/ou na organización, con desdobramento, grupos específicos temporais, agrupamento de materias en ámbitos e/ou en programas específicos, programas de diversificación curricular e programas de cualificación profesional inicial.

e) O reforzo educativo nas áreas instrumentais, lingua castelá e galega e matemáticas, será prioritario.

f) Os desdobramento, de seren necesarios, realizaranse nas materias de linguas e matemáticas, sempre que o número total de alumnado por grupo supere os 20 alumnos e o centro conte cos recursos necesarios.

g) Os agrupamentos de materias en ámbitos poderanse adoptar nos cursos 1º e 2º. Estes agrupamentos faranse para efectos de organización e significarán que unha soa persoa deba impartir docencia de máis dunha materia. Cada unha das materias terá o seu propio currículo e o tratamento, para efectos de avaliación, será o mesmo que cando é impartida por separado. En ningún caso significará un programa de diversificación curricular.

h) A persoa titora, en colaboración co Departamento de Orientación, prestaralle toda a información ao alumnado e ás familias, se for preciso, para a elección das materias de cuarto curso que permita conxugar as aptitudes do alumnado coas expectativas do seu futuro inmediato, procurando estimular a continuación dos estudos máis alá da educación secundaria obrigatoria.

i) Os programas de diversificación curricular organizaranse de acordo coa Orde do 30 de xullo de 2007 que os regula.

j) Os programas de cualificación profesional inicial regularanse pola normativa que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dite para tal efecto.

9. Avaliación.

a) A avaliación, tal e como dispón o Decreto 133/2007, será continua, entendendo por tal que se efectuará ao longo de todo o proceso de ensino-aprendizaxe; terá carácter formativo e orientador, de xeito que proporcione a información necesaria para a detección das dificultades do alumnado e a toma de decisións en canto ás medidas precisas para a continuación satisfactoria da súa formación.

Será diferenciada de acordo coas materias que conforman o currículo e terá como referente as competencias básicas e os obxectivos xerais da etapa.

b) Os documentos oficiais de avaliación serán o historial académico da etapa e o informe individualizado, por traslado a outro centro educativo, que terán carácter básico. Así mesmo, serán documentos oficiais de avaliación as actas de avaliación e o expediente académico.

c) Todos estes documentos serán redactados en lingua galega, agás cando teñan que ter efecto fóra da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste caso serán redactados en lingua castelá.

d) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará todos os elementos precisos para o proceso de avaliación nos centros educativos.

10. Profesorado.

a) O profesorado, como piar fundamental no proceso de ensino-aprendizaxe, velará para a consecución dos obxectivos previstos, tanto co traballo individual como co colaborativo, incidindo na participación de toda a comunidade educativa no esforzo compartido.

b) Na distribución do horario dispoñible despois de ser contabilizadas as horas das actividades docentes da súa especialidade e materias afíns que, se é o caso, lle correspondan, será prioritaria a dedicación ao reforzo do alumnado que o necesite para unha mellor atención á diversidade.

c) Sen prexuízo da competencia docente do profesorado do corpo de mestres adscrito aos cursos primeiro e segundo de educación secundaria obrigatoria, de acordo coa disposición transitoria primeira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, as materias de educación secundaria obrigatoria que se indican no anexo IV do Decreto 133/2007 serán impartidas por profesorado de ensino secundario das especialidades que se indican nel.

d) O profesorado do corpo de profesores técnicos de formación profesional poderá impartir a materia optativa ofertada polo centro cando estea relacionada coa familia profesional da súa especialidade, segundo establece o artigo 9 do Decreto 133/2007.

Disposición transitoria

No curso académico 2007-2008 os cursos 2º e 4º da educación secundaria obrigatoria seguirán rexéndose polo Decreto 78/1993, do 25 de febreiro (DOG do 2 de abril), polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, modificado e ampliado polo Decreto 331/1996, do 25 de xullo (DOG do 28 de agosto), e polo Decreto 233/2002, do 6 de xuño (DOG do 17 de xullo), e as ordes que o desenvolven.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as seguintes ordes:

-A Orde do 19 de xuño de 1996 (DOG do 11 de xullo), pola que se regula a implantación da educación secundaria obrigatoria.

-A Orde do 31 de maio de 2001 (DOG do 27 de xuño), pola que se modifica para o curso 2001-2002 o horario semanal da educación secundaria obrigatoria derivado da Orde do 19 de xuño de 1996, pola que se regula a implantación desa etapa.

-A Orde do 1 de xullo de 2002 (DOG do 31 de xullo), pola que se adapta o disposto na Orde do 19 de xuño de 1996, pola que se regula a implantación da educación secundaria obrigatoria ao Decreto 233/2002, do 6 de xuño, polo que se modifica o Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, agás o artigo 5.

-A Orde do 1 de febreiro de 1995 (DOG do 30 de marzo), pola que se publica o catálogo de materias optativas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, se establece o currículo destas materias e se regula a súa oferta.

-A Orde do 30 de abril de 1996 (DOG do 29 de maio), pola que se amplía o catálogo de materias optativas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia e pola que se establece o currículo destas materias e se regula a súa oferta.

Quedan derrogadas así mesmo todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposicións derradeiras.

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as disposicións oportunas para o correcto desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria