DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Mércores, 12 de decembro de 2007 Páx. 19.567

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 226/2007, do 22 de novembro, polo que se crea o Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia.

A participación da cidadanía e dos sectores sociais implicados no eido ambiental constitúe un dos principios rectores da normativa existente en materia de ambiente. Neste sentido, son numerosas as normas que, nos seus diferentes ámbitos de regulación, conteñen referencias á dita participación e colaboración nesta materia; así, as leis 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia, 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia ou 8/2002, do 18 decembro, de protección do ambiente atmosférico de Galicia, fan unha referencia expresa a devandita participación. Unha forma axeitada de posibilitar a participación cidadá no ámbito ambiental é a través das entidades que con este fin sexan creadas polos cidadáns, como instrumentos idóneos de canalización dos intereses ambientais dun determinado colectivo.

O carácter específico das entidades de carácter ambiental motiva que a consellería competente en materia de ambiente estime a oportunidade de crear un Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental, en concreto, de asociacións, fundacións e outras entidades que, sen ánimo de lucro, teñan como fin primordial o estudo, a conservación, a promoción e/ou a defensa dos recursos naturais e do ambiente.

Este rexistro configúrase como un rexistro de carácter administrativo adscrito á consellería competente en materia de ambiente, no cal se poderan inscribir todas aquelas entidades que con este carácter así o desexen. Neste sentido regúlase nesta disposición o Rexistro de entidades de carácter ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia, o procedemento de inscrición, datos que deben constar nel e as obrigas das entidades inscritas.

Polo exposto, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de novembro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de novembro do dous mil sete,

DISPOÑO:

capítulo i

disposicións xerais

Artigo 1º.-Creación.

Créase o Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia como un rexistro público de carácter administrativo, adscrito á consellería competente en materia de ambiente.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación ás entidades de carácter ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto ás asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que teñan como fin primordial o estudo, a conservación, a promoción e/ou a defensa dos recursos naturais e do ambiente e que o seu ámbito de actuación estea comprendido na Comunidade Autónoma de Galicia.

capítulo ii

procedemento de inscrición

Artigo 3º.-Solicitude de inscrición.

1. As entidades que desexen inscribirse no rexistro deberán formular unha solicitude segundo o modelo normalizado que figura no anexo I, dirixida á secretaría xeral da consellería competente en materia de ambiente.

2. Á solicitude de inscrición deberá xuntarse a seguinte documentación:

-Copia da escritura ou acta fundacional da entidade.

-Copia dos estatutos da entidade.

-Xustificante do pagamento da correspondente taxa, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que a entidade solicitante sexa unha asociación deberá achegar ademais certificación acreditativa da súa inscrición no Rexistro Central de Asociacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

3. O disposto no número anterior non será aplicable no caso de que a entidade solicitante sexa unha fundación, sendo requisito imprescindible para a súa inscrición no Rexistro de Entidades da Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia que a fundación solicitante estea inscrita na sección da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

En todo caso, a fundación solicitante deberá achegar o xustificante de ter aboado a taxa correspondente á inscrición no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Resolución de inscrición.

1. A secretaría xeral competente en materia de ambiente procederá a examinar a documentación presentada, e requirirá á interesada no caso de non terse achegada a documentación preceptiva, conforme dispón o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue a dita documentación, coa indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistida da súa petición, logo da resolución expresa que deberá ser ditada nos termos do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. No suposto de resultar completa a documentación, procederase a verificar o carácter ambiental da entidade, conforme o reflectido no artigo 2º desta disposición, procedendo no caso de conformidade para resolver, polo/a secretario/a xeral da consellería competente en materia de ambiente a súa inscrición no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental nun prazo máximo de tres meses.

3. Transcorrido o prazo de resolución sinalado sen terse notificado ao interesado a resolución expresa da súa solicitude, entenderase estimada a solicitude de inscrición, conforme dispón o artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de comprobación de que o interesado aboou a correspondente taxa.

Artigo 5º.-Recursos.

As resolucións desestimatorias da solicitude de inscrición no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia poderán ser recorridas en alzada ante o/a conselleiro/a competente en materia de ambiente, nos termos e prazos previstos nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

capítulo iii

Do Rexistro de Entidades de carácter ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 6º.-Almacenamento da documentación.

Inscrita a entidade, a secretaría xeral competente en materia de ambiente procederá ao almacenamento da documentación mediante procedementos informáticos de lectura óptica dotados de garantías de protección suficientes, tras o que lle devolverá á entidade a documentación debidamente dilixenciada.

Artigo 7º.-Contido dos asentamentos de inscrición no rexistro.

1. O asentamento de inscrición dunha fundación no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental expresará a denominación da fundación inscrita e o seu carácter ambiental, e poderán consultarse máis datos desa fundación no rexistro de Fundacións de Interese Galego da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O asentamento de inscrición das entidades que non teñan a condición de fundacións expresará, como mínimo, as seguintes circunstancias:

a) Constitución da entidade, con indicación da acta fundacional e data de constitución, denominación, enderezo, correo electrónico, de ser o caso, órganos directivos, recursos económicos e fins.

b) Estatutos da entidade e a súa modificación, de ser o caso.

c) Acordo da declaración de utilidade pública da asociación, de ser o suposto.

d) Acta da asemblea xeral anual máis recente.

e) Suspensión ou disolución da entidade.

Artigo 8º.-Cancelación do asentamento de inscrición.

1. Dará lugar á cancelación do asentamento de inscrición no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) No caso de que a entidade inscrita sexa unha fundación, a cancelación da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Comunidade Autónoma de Galicia ou a perda do seu carácter ambiental.

b) No caso de que a entidade inscrita sexa unha asociación, a cancelación da súa inscrición no Rexistro Central de Asociacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou a perda do seu carácter ambiental.

c) No caso de entidades inscritas distintas de asociacións ou fundacións, a cancelación da inscrición producirase pola extinción ou disolución da entidade inscrita, pola perda do seu carácter ambiental ou por non achegar, nos seis primeiros meses do ano, copia da acta da asemblea xeral anual realizada o ano anterior.

2. A cancelación da inscrición realizarase mediante resolución motivada do/a secretario/a xeral da consellería competente en materia de ambiente, garantindo, en todo caso, a audiencia da entidade interesada.

Artigo 9º.-Obrigas das entidades inscritas.

As entidades inscritas de carácter asociativo deberán remitirlle ao Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia copia legalizada da acta da asemblea xeral anual de socios, nun prazo de tres meses desde a súa realización.

Artigo 10º.-Coordinación entre o Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental e o Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

1. O Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia comunicaralle a inscrición de fundacións neste rexistro á sección da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A sección da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Comunidade Autónoma de Galicia comunicará ao Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia calquera modificación, así como a cancelación nos asentamentos de inscrición deste Rexistro das Fundacións inscritas no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional

Única.-A inscrición no Rexistro de entidades de carácter ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia poderá ser requirida para o acceso ás canles de financiamento con cargo a recursos da comunidade autónoma, en concreto, ás distintas axudas que poida establecer a consellería con competencia en materia de ambiente, nos termos que se determinen nas correspondentes bases das convocatorias.

Disposición transitoria

Única.-Adaptación do Rexistro de Asociacións Protectoras do Ambiente.

As asociacións inscritas no Rexistro de Asociacións Protectoras do Ambiente, creado polo Decreto 88/1987, do 14 de abril, que desexen inscribirse no Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán realizar no prazo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto a correspondente solicitude de inscrición acompañada dos seguintes documentos:

a) Unha copia dos estatutos da entidade, no caso de telos modificado con respecto aos que constan no Rexistro de Asociacións Protectoras do Ambiente.

b) Certificación expedida pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou a súa delegación provincial correspondente, segundo o caso, que acredite a súa inscrición no rexistro central ou provincial de asociacións, respectivamente.

c) A acta da última asemblea xeral anual, nos termos sinalados no artigo 9º.

d) Certificado emitido polo/a secretario/a ou membro do órgano de representación da entidade con facultades para certificar sobre os acordos sociais, co visto e prace do/a presidente/a ou representante legal da asociación, no cal se faga constar calquera cambio no domicilio social ou dos titulares dos órganos de goberno e representación da asociación con respecto aos que constan no Rexistro de Asociacións Protectoras de Ambiente, coa indicación de todos os novos datos da súa localización e identificación, respectivamente.

e) Xustificante do pagamento da correspondente taxa.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 88/1987, do 14 de abril, polo que se crea o Rexistro de Asociacións Protectoras do Ambiente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de ambiente para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de novembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

Ver referencia pdf "23900D001P007.PDF"