DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 18 de decembro de 2007 Páx. 19.807

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 235/2007, do 29 de novembro, polo que se regulan os servizos de aconsellamento e de xestión das explotacións agrarias.

A importancia do sector agrario galego non é exclusivamente económica senón que abrangue ámbitos tan relevantes como o social, o ambiental e o alimentario.

Este aspecto multifuncional das explotacións agrarias determina unha maior complexidade na actividade agraria considerada esta nos seus eidos agrícolas, gandeiros e forestais, polo que é preciso apoiar a implantación de servizos de aconsellamento para que as persoas produtoras desenvolvan a súa actividade con maiores garantías de éxito.

A orientación agro-gandeira do sector agrario galego, cuxa actividade produtiva se desenvolve en explotacións agrarias de pequeno e mediano tamaño, co fin de lograr un adecuado e sustentable progreso técnico nos seus sistemas de produción, fai preciso prever a implantación de entidades que presten servizos de xestión destinados a desenvolver programas zootécnicos e agronómicos para as diferentes orientacións produtivas

O Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, modificada pola Lei 8/2002) establece no seu título II as competencias da comunidade. Segundo o seu artigo 30.3º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de agricultura e gandaría, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1º, 11 e 13 da Constitución. Segundo o seu artigo 27.10º correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en montes e aproveitamentos forestais sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.23 da Constitución.

Consecuentemente co anterior, o Regulamento (CE) nº 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa no marco da política agrícola común e se instauran determinados réximes de axuda aos agricultores e polo que se modifican os regulamentos (CEE) nº 2019/1993, (CE) nº 1452/2001, (CE) nº 1453/2001, (CE) nº 1454/2001, (CE) nº 1868/1994, (CE) nº 1251/1999, (CE) nº 1254/1999, (CE) nº 1673/2000, (CEE) nº 2358/71 e (CE) nº 2529/2001, dispón que os estados membros teñen que instaurar un sistema para aconsellar as persoas dedicadas á agricultura sobre a xestión de terras e explotacións. O Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, sobre a axuda ao desenvolvemento rural por conta do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), inclúe, entre as materias que deben ser obxecto de aconsellamento, os aspectos normativos referentes á seguranza laboral.

O Regulamento (CE) nº 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005, deixa a criterio dos estados membros a creación do sistema de asesoramento e o procedemento de selección dos axentes que deben prestar este servizo de aconsellamento.

O Regulamento (CE) nº 1698/2005 recolle axudas á implantación de servizos de aconsellamento e á utilización destes servizos por parte das persoas dedicadas á agricultura e detentoras de áreas forestais, así como axudas á implantación de servizos de xestión ás explotacións agrarias.

Os servizos de asesoramento estarán destinados a mellorar o rendemento global da explotación e no caso do aconsellamento ás persoas dedicadas á agricultura incluirán como mínimo os requisitos de xestión obrigatorios, o cumprimento das condicións agrícolas e ambientais obrigatorias e a normativa relativa á seguridade laboral.

Tendo en conta que algúns dos requisitos legais de xestión establecidos e as boas condicións agrarias e ambientais teñen vixencia desde o 1 de xaneiro do ano 2005, e que todas as persoas dedicadas á agricultura deben poder acceder de forma voluntaria aos servizos de aconsellamento, estímase conveniente poñer en marcha, canto antes, o sistema de aconsellamento ás explotacións.

Polo tanto, é preciso configurar un marco que regule o establecemento de servizos de aconsellamento no ámbito agrario e o establecemento de servizos de xestión ás explotacións agrarias para os efectos do artigo 25 do Regulamento (CE) 1698/2005, incorporando un rexistro das entidades prestadoras destes servizos e regulando as súas relacións coa Administración.

Este decreto ao mesmo tempo, tamén prevé a implantación de entidades de xestión que lles permita mellorar as condicións técnico-económicas dos seus sistemas de produción, nos seus aspectos globais ou sectoriais.

En consecuencia, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, consultados os sectores interesados de empresas e organizacións profesionais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de novembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto, para os efectos do disposto no capítulo 3 do título II do Regulamento (CE) nº 1782/2003, do Consello, do 29 de setembro, e de acordo co disposto nos artigos 24 e 25 do Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, do 15 de setembro, no que se establecen normas sobre un réxime de axudas, tanto para a creación ou adecuación das entidades privadas recoñecidas que presten servizos de aconsellamento, como para as persoas titulares de explotacións agrarias e forestais que utilicen os seus servizos, ten por obxecto:

-Regular o establecemento e as condicións que deben cumprir os servizos de aconsellamento ás persoas dedicadas á agricultura e detentoras de áreas forestais;

-O recoñecemento daquelas entidades privadas que presten estes servizos de aconsellamento.

2. Da mesma forma ten por obxecto regular o establecemento e as condicións que deben cumprir os servizos de xestión agraria que poden ser auxiliados financeiramente de acordo co disposto no artigo 25 do Regulamento (CE) nº 1698/2005.

Artigo 2º.-Definicións

Para os efectos deste decreto enténdese por:

1. Explotación agraria, o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente pola persoa titular deles no exercicio da actividade agraria, primordialmente con fins de mercado, e que constitúe en si mesma unha unidade técnico-económica.

2. Explotación forestal, o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente pola persoa titular deles no exercicio da actividade exclusivamente forestal, primordialmente con fins de mercado, e que constitúe en si mesma unha unidade técnico-económica.

3. Actividade agraria, o conxunto de traballos que se require para a obtención de produtos agrícolas, gandeiros e forestais. Así mesmo, considerarase como actividade agraria a venda directa por parte da persoa dedicada á agricultura da produción propia sen transformación, dentro dos elementos que integren a explotación, en mercados municipais ou en lugares que non sexan establecementos comerciais permanentes.

Artigo 3º.-Ámbito do aconsellamento.

1. As entidades que presten servizos de aconsellamento ás explotacións agrarias na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos deste decreto deberán estender a súa actividade de aconsellamento, desde o diagnóstico da situación, á proposta e execución de melloras en, polo menos, as seguintes materias:

a) Requisitos legais de xestión, relativos a saúde pública, sanidade animal, sanidade vexetal, ambiente e benestar dos animais, a que se refire o artigo 4 e o anexo III do Regulamento (CE) nº 1782/2003, cuxas disposicións sobre a aplicación da condicionalidade en relación coas axudas directas no marco da política agrícola común se recollen no anexo do Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro.

b) Boas condicións agrarias e ambientais, atendendo, entre outras circunstancias, ás características das superficies de que se trate, incluídas as condicións climáticas e de solo, os sistemas de explotación existentes, a utilización das terras, a rotación dos cultivos, as prácticas de explotación agraria e as estruturas de explotación de acordo co artigo 5 e o anexo IV do Regulamento 782/2003, sen prexuízo das normas que rexen as boas prácticas agrarias, aplicadas no contexto do Regulamento (CE) nº 1698/2005, e das medidas agroambientais aplicadas que superen o nivel de referencia das boas prácticas agrarias. Os requisitos mínimos de boas condicións agrarias e ambientais son os regulados polo citado Real decreto 2352/2004.

c) Normas relativas á seguridade laboral segundo a lexislación comunitaria.

d) No caso de persoas agricultoras mozas, as relacionadas co inicio da súa actividade.

e) A información correspondente ás medidas de acción positiva desde a vertente de xénero.

2. Ademais das materias de obrigado aconsellamento sinaladas no punto anterior, o aconsellamento poderá alcanzar outras materias con obxecto de ofrecer un aconsellamento integral. En particular, incluirá o relativo ás medidas que poidan establecerse en desenvolvemento dos artigos 36.2º e disposición adicional sétima da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

3. As entidades que presten servizos de aconsellamento ao sector forestal deberán ofrecer un aconsellamento integral que, tendo en conta a multifuncionalidade das superficies forestais, permita mellorar o rendemento das explotacións forestais. As entidades que limiten os seus servizos de aconsellamento ás persoas titulares de explotacións forestais non terán que estender a súa actividades ás materias sinaladas no punto 1 deste artigo.

Artigo 4º.-Requisitos das entidades que presten servizo de aconsellamento ás explotacións.

As entidades que pretendan prestar servizos de aconsellamento, para os efectos do Regulamento (CE) nº 1782/2003 e do Regulamento (CE) nº1698/2005, ademais de prestar estes servizos, como contido mínimo, as materias explicitadas no artigo 3, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica e enderezo social e fiscal en Galicia.

b) Dispoñer de oficinas abertas ao público, en horario compatible coa actividade agroforestal e cun ámbito de atención adecuado á dimensión, número e tipoloxía das explotacións a que se pretende ofrecer o servizo de aconsellamento.

c) Dispoñer dun equipo técnico formado, polo menos, polos seguintes tituladas/os universitarias/os:

i. Un universitario/a con título oficial na área de agronomía e outro na área de veterinaria no caso de que os servizos de aconsellamento se refiran á produción agrícola e/ou gandeira, segundo o caso.

ii. Un universitario/a con título oficial na área forestal no caso de que limiten o servizo de aconsellamento ao sector forestal.

iii. Un universitario/a con título oficial na área de agronomía, e outro na área de veterinaria, e un/ha universitario/a con título oficial na área forestal no caso de que os servizos de aconsellamento se estendan ao conxunto da actividade agraria.

d) O número de titulados/as e as súas especialidades en cada unha das súas oficinas de aconsellamento será acorde á dimensión, número e tipoloxía das explotacións a que se pretende ofrecer o servizo de aconsellamento, debendo dispoñer en cada oficina de, polo menos, un/ha universitario/a con título oficial ou titulado/a en formación profesional de grao superior competente nalgunha das áreas sinaladas na letra anterior.

e) O equipo técnico deberá, ademais de dispoñer da titulación exixida nas letras c) e d), acreditar ter recibido unha formación específica oficial en materia de aconsellamento ás explotacións, ou comprometerse a recibila no prazo que determine a consellería competente en materia agraria.

f) Dispoñer do persoal administrativo necesario.

g) Dispoñer de locais, de medios materiais, incluídos os informáticos e telemáticos, axeitados ao labor de aconsellamento, ou comprometerse a adquirilos. Así como dispoñer ou asinar acordos ou convenios con laboratorios recoñecidos para garantir a posibilidade de acceso a equipamentos adecuados de análises de solos, augas, residuos e doutros factores da actividade agraria.

h) Acreditar experiencia e fiabilidade en materia de aconsellamento técnico ás explotacións agrarias, nas materias relacionadas no artigo 24 punto 1, parágrafo segundo, letras a) e b) do Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello do 20 de setembro, sobre a axuda ao desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader).

i) Dispoñer dun sistema de rexistro de persoas usuarias compatible co sistema integrado de xestión e control previsto no capítulo 4 do título II do Regulamento (CE) nº 1782/2003.

Artigo 5º.-Ámbito dos servizos de xestión ás explotacións agrogandeiras.

1. As entidades que presten servizos de xestión ás explotacións agrogandeiras na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos deste decreto estenderán a súa actividade a algún dos seguintes ámbitos:

a) Xestión dos datos produtivos e reprodutivos das explotacións de vacún ovino e cabrún. A prestación deste servizo de xestión incluirá, como mínimo, a toma de datos produtivos e reprodutivos do gando , a toma de datos para a determinación das calidades das producións, a codificación informática dos datos, o mantemento dos datos históricos e a elaboración de informes dirixidos ás explotacións.

b) Xestión de agricultura sustentable das explotacións que non se ven afectadas polas disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa no marco da PAC establecidas no Regulamento (CE) 1782/2003, en concreto polos requisitos de xestión obrigatoria e as condicións agrarias e ambientais satisfactorias que estipulan os artigos 4 e 5 e os anexos III e IV do citado regulamento. A prestación deste servizo deberá ter unha perspectiva integral que permita lograr unha maior eficacia en diversas materias e contribuír a mellorar a viabilidade e o rendemento global da explotación.

c) Actuacións de xestión técnica, de carácter específico, no ámbito da xestión zootécnica e agronómica para as diferentes orientacións produtivas. As ditas actuacións xustificaranse a través dun plan de actuación en que se describan minuciosamente obxectivos, actuacións que se vaian realizar, medios materiais e humanos necesarios, e efectos esperados das actuacións no proceso produtivo.

2. Os servizos de xestión ás explotacións agrogandeiras, estenderán a súa actividade á información correspondente ás medidas de acción positiva desde a vertente de xénero.

Artigo 6º.-Requisitos das entidades que presten servizos de xestión ás explotacións agrogandeiras.

As entidades que pretendan prestar servizos de xestión ás explotacións agrogandeiras, para os efectos do artigo 25 do Regulamento (CE) nº 1698/2005, ademais de prestar estes servizos ás persoas dedicadas á agricultura en, polo menos, o ámbito explicitado no artigo 5º, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica e enderezo social e fiscal en Galicia.

b) Dispoñer de oficinas abertas ao público, en horario compatible oa actividade agraria e cun ámbito de atención adecuado á dimensión, número e tipoloxía das explotacións a que se pretende ofrecer o servizo de xestión.

c) Dispoñer dun equipo técnico acorde á dimensión, número e tipoloxía das explotacións a que se pretende ofrecer o servizo de xestión.

d) Dispoñer do persoal administrativo necesario.

e) Dispoñer dos medios materiais, incluídos os informáticos e telemáticos, axeitados ao labor de xestión, ou comprometerse a adquirilos. Así como dispoñer ou asinar acordos ou convenios con laboratorios recoñecidos para garantir a posibilidade de acceso a equipos adecuados para as análises necesarias para a prestación dos seus servizos de xestión.

Artigo 7º.-Recoñecemento.

1. As entidades privadas interesadas en prestar servizos de aconsellamento ou de xestión para os efectos do artigo 25 do Regulamento (CE) nº1698/2005 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia deberán incluír nos seus estatutos como obxecto social a prestación de servizos de aconsellamento ou de xestión ás persoas dedicadas á agricultura, gandaría ou á explotación forestal e acreditar o cumprimento dos requisitos sinalados no artigo 4º para as entidades de aconsellamento e no artigo 6º para as entidades de xestión.

2. As entidades interesadas en prestar o servizo de aconsellamento ou de xestión, solicitarán por calquera das maneiras previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o seu recoñecemento á consellería competente en materia agraria ou forestal cuxa persoa titular ditará resolución e notificará o dito recoñecemento no prazo máximo de seis meses desde a data da súa solicitude, procedéndose á súa inscrición no Rexistro de Entidades con Servizos de Aconsellamento ou Xestión de Galicia (Resaxega).

No caso de que no citado prazo non se emita resolución expresa, a solicitude entenderase estimada por silencio administrativo, logo de comprobación da realización do ingreso da taxa correspondente.

3. A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

b) No caso de entidades de aconsellamento:

1. Copia cotexada dos estatutos da entidade.

2. Organigrama do servizo, ata o nivel máis descentralizado.

3. Plan ou sistema de aconsellamento e propostas de mellora.

4. Programa de sensibilización.

5. Sistema de seguimento de orientacións.

6. Métodos de autoavaliación técnica de propostas.

7. Plan financeiro, incluído sistema de tarifación.

8. Experiencia no aconsellamento técnico ás explotacións.

9. Dotación de persoal técnico e administrativo de que dispón ou prevé dispoñer e a súa distribución por oficinas de aconsellamento.

10. Equipamento material de que dispón ou prevé dispoñer e a súa distribución por oficinas de aconsellamento.

11. Compromiso de que o seu persoal participe nas actividades formativas que determine a consellería competente en materia agraria e forestal.

12. Xustificante de ter realizado o pagamento da taxa.

c) No caso de entidades de xestión:

1. Copia cotexada dos estatutos da entidade.

2. Organigrama do servizo, ata o nivel máis descentralizado.

3. Plan ou sistema de xestión e propostas de mellora.

4. Sistema de seguimento de orientacións.

5. Métodos de auto avaliación técnica de propostas.

6. Plan financeiro, incluída tarifación.

7. Experiencia na prestación de servizos de xestión técnico ás explotacións agrarias.

8. Dotación de persoal técnico e administrativo de que dispón ou prevé dispoñer e a súa distribución por oficinas.

9. Equipamento material de que dispón ou prevé dispoñer e a súa distribución por oficinas.

10. Compromiso de que o seu persoal participe nas actividades formativas que determine a consellería competente en materia agraria e forestal.

11. Xustificante de ter realizado o pagamento da taxa.

Artigo 8º.-Retirada do recoñecemento.

1. O incumprimento de calquera dos requisitos exixidos neste decreto para o recoñecemento ou das obrigas ou compromisos adquiridos ou a evidencia de falta de fiabilidade técnica, dará lugar á suspensión da inscripción polo prazo que medie ata que se corrixan as carencias detectadas no preceptivo requirimento á entidade de aconsellamento ou de xestión ou das oficinas implicadas. Adoptarase acordo motivado ao respecto que será notificado aos interesados. A suspensión da inscrición non poderá exceder o prazo dun mes, sen prexuízo do previsto no artigo 49.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorrido este prazo sen que se emendase, procederase á revogación da inscrición, logo de audiencia da entidade afectada ou das oficinas implicadas, á súa baixa no rexistro e, de ser o caso, ao reintegro das axudas que puidesen ter percibido. A partir do momento en que se proceda á revogación da inscrición e á baixa no rexistro, a entidade de aconsellamento non poderá seguir desenvolvendo a súa actividade.

A obtención irregular dunha axuda por parte da entidade que presta o servizo de aconsellamento ou dunha persoa titular de explotación, cando a entidade incorra en neglixencia ou colaboración na irregularidade, dará lugar á declaración de extinción do recoñecemento da entidade ou da oficina implicada, procederase de oficio á súa baixa no rexistro e ao reintegro das axudas que puidesen ter percibido que se determinará na mesma resolución en que se acorde a revogación da inscrición.

A obtención irregular dunha axuda por parte da entidade que presta o servizo de xestión dará lugar á declaración de extinción do recoñecemento da entidade ou da oficina implicada, procederase de oficio á súa baixa no rexistro e ao reintegro das axudas que puidesen ter percibido que se determinará na mesma resolución en que se acorde a revogación da inscrición.

2. Nos casos indicados no punto 1, a revogación será acordada polo titular da consellería competente en materia agraria ou forestal. O procedemento aplicable á revogación da inscrición, tras a súa comprobación a través do procedemento oportuno, no rexistro rexerase pola Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 9º.-Obrigas xerais das entidades que prestan servizos de aconsellamento ou xestión.

1. En xeral, as entidades que prestan os servizos no ámbito deste decreto:

a) Deberán cumprir o disposto no artigo 15 do Regulamento (CE) nº 1782/2003 en materia de acceso público de documentos e de divulgación e información de datos de carácter persoal ou individual. En todo caso, esta información estará suxeita ao disposto na Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

b) Deberán coordinarse coa consellería competente en materia agraria e forestal para os efectos de determinar as metodoloxías de traballo e protocolos de actuación.

c) Deberán dispoñer dun sistema de rexistro informatizado, no seu domicilio social e en cada unha das súas oficinas, no que consten os servizos prestados, con indicación, polo menos, dos datos da persoa demandante, da explotación, os temas de consulta, e o consello ou propostas de mellora. Este sistema de rexistro será accesible á autoridade competente para o seguimento e control das actuacións que realiza a entidade.

d) As entidades recoñecidas para prestar os servizos promoverán as melloras máis convenientes, efectuando no caso do aconsellamento ás explotacións agrarias das actividades de formación das persoas dedicadas á agricultura necesarias para o cumprimento dos requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais, e atendendo no seu labor a cantas persoas dedicadas á agricultura o soliciten, sen que poida prevalecer discriminación de ningún xénero ou condición.

e) Para os efectos de comprobar a fiabilidade e eficacia do aconsellamento ou xestión que proporcionan en relación ás materias explicitadas respectivamente nos artigos 3º ou 5º, quedan sometidos ao control e verificación de calidade técnica por parte da consellería competente en materia agraria e forestal os servizos a que atinxe este decreto das entidades privadas e as súas oficinas.

f) As entidades recoñecidas comunicarán ás delegacións provinciais da consellería competente en materia agraria e forestal cantas circunstancias modifiquen as fichas rexistrais a que se refire o artigo 10º deste decreto.

g) As entidades recoñecidas presentarán anualmente, durante o primeiro trimestre de cada ano, ante os servizos provinciais da consellería competente en materia agraria e forestal, un informe de actuacións, en que consten os resultados, logros, dificultades relativos ao desenvolvemento das súas actividades ao longo do ano anterior e perspectivas para o ano en curso. Neste informe constará a relación de explotacións agrarias a que se lle presta o servizo a que atinxe este decreto.

h) As entidades recoñecidas comunicaranlles ás delegacións provinciais da consellería competente en materia agraria e forestal as altas e baixas de explotacións a que se lles presta o servizo nun prazo máximo dun mes desde que se produciu esta.

2. Adicionalmente, as entidades que prestan servizos de aconsellamento deberán:

a) As entidades que prestan servizos de aconsellamento ás explotacións agrarias prestarán especial atención ao cumprimento da obriga de observar os requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais sinaladas no artigo 3º, así como aos aspectos normativos referentes á seguranza laboral que incumbe a toda persoa dedicada á agricultura que reciba pagamentos directos, entendendo por tales todo pagamento aboado directamente a esta en virtude de calquera dos réximes de axuda á renda enumerados no anexo I do Regulamento (CE) nº 1782/2003.

b) Deberán, de ser o caso, contribuír á posta en marcha de contratos de explotación sustentable, na forma establecida pola consellería competente en materia agraria e forestal.

c) Ante unha inspección a unha explotación por parte de organismos competentes e a petición da persoa agricultora ou propietaria forestal interesada, deberá estar presente o persoal dos servizos de aconsellamento que lles prestou o servizo ou, de ser o caso, o que o substitúa.

d) Cada entidade de aconsellamento deberá dispoñer dun estudo, permanentemente actualizado, da súa zona de actuación, que reflicta a situación socioeconómica, con especial referencia ao medio rural, en xeral, e ao sector agrario, en particular, as súas deficiencias, potencialidades, e cantos parámetros e criterios de valoración determine a consellería competente en materia agraria e forestal. En todo caso, cando se trate de entidades de aconsellamento ás explotacións agrarias o citado estudo reflectirá a situación da zona en relación ao cumprimento dos requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais e, de ser caso, as medidas de carácter xeral a adoptar.

Artigo 10º.-Rexistros das entidades recoñecidas que presten servizos de aconsellamento ou xestión.

1. Créase na consellería competente en materia agraria e forestal, adscrito á Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, o Rexistro de Entidades con Servizos de Aconsellamento ou Xestión de Galicia (Resaxega), no que se inscribirán os servizos recoñecidos ou designados e cada unha das oficinas de que dispoñan.

2. As entidades que prestan os servizos de aconsellamento ou de xestión de acordo co disposto no artigo 25 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 serán rexistrados pola Administración pública que outorga o recoñecemento. Así mesmo, deberán rexistrarse as oficinas de aconsellamento de acordo cos datos básicos que se establecen neste artigo.

3. As cesións de datos deste rexistro só poderán efectuarse entre as autoridades competentes da comunidade autónoma e da Administración xeral do Estado, así como da Comisión Europea, exclusivamente para os fins propios de cada administración.

4. Na ficha rexistral das entidades con servizos de aconsellamento ou de xestión constarán, polo menos, os seguintes datos:

-Razón social, CIF, domicilio social, teléfono, fax e correo electrónico.

-Forma xurídica.

-Relación de oficinas de aconsellamento ou de xestión.

-Número total de efectivos persoais: universitarios/as con título oficial, titulados/as en formación profesional de grao superior e administrativos/as.

-Director/a ou representante.

5. Na ficha rexistral da oficina de aconsellamento ou xestión constarán, polo menos, os seguintes datos:

-Entidade titular que presta o servizo ás explotacións e tipo de vinculación entre oficina e entidade.

-Enderezo postal, teléfono, fax e correo electrónico.

-Ámbito xeográfico de actuación: relación de municipios.

-Número de efectivos persoais: técnicos superiores, diplomados/as ou técnicos de grao medio, administrativos/as e outros.

-Director/a, responsable ou representante.

6. Os dereitos de acceso, rectificación e cancelación poderán ser exercidos polas persoas titulares inscritas ante a persoa titular da consellería competente en materia agraria e forestal.

7. Existe a obriga de comunicar as altas, baixas e substitucións do persoal da entidade de aconsellamento ou xestión no prazo de dez días desde que a modificación se efectuou.

Disposicións adicionais

Primeira.-Comités de seguimento e coordinación.

Constituirase un comité de seguimento e coordinación que velará pola axeitada aplicación e cumprimento do establecido neste decreto e permitirá homoxeneizar criterios e avaliar o funcionamento do sistema de aconsellamento e xestión ás explotacións, facultando a persoa titular da consellería competente en materia agraria e forestal para a designación dos seus membros.

O dito comité estará constituído por representantes dos servizos de aconsellamento ou xestión das entidades autorizadas e dos organismos públicos designados e das organizacións agrarias con representación no Consello Agrario Galego. A consellería competente en materia agraria e forestal regulará a través dunha orde a composición do antedito comité.

Segunda.-Órganos ou organismos públicos designados para a prestación de servizos de aconsellamento ás explotacións.

De conformidade co disposto nos programas nacionais e rexionais, aprobados pola Comisión Europea, poderán recoñecerse como servizos de aconsellamento as explotacións ás entidades públicas de aconsellamento que recoñeza a Consellería do Medio Rural, sempre que a súa actividade de aconsellamento se estenda ás materias sinaladas no artigo 3º e cumpran os requisitos do artigo 4º deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultade de desenvolvemento.

Facúltase o conselleiro do Medio Rural para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de novembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural