DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 18 de decembro de 2007 Páx. 19.854

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE PONTEVEDRA

ANUNCIO da aprobación definitiva da modificación do plan parcial.

O Pleno deste concello, en sesión do 10 de agosto de 2007, entre outros adoptou o seguinte acordo, que, na súa parte dispositiva, di:

«13. Urbanismo e ambiente: proxecto de modificación do Plan parcial do polígono B-4 do PXOUM Fonte Santa para recíproca recualificación de dúas parcelas: aprobación definitiva.

(...).

Rematado o debate e realizada votación ordinaria, o Pleno do concello, por unanimidade, acordou prestar a súa aprobación ao proxecto de acordo da Xunta de Goberno Local de aprobación, con carácter definitivo, da modificación do Plan parcial do polígono B-4 do Plan Xeral de Ordenación Urbana Municipal (PXOUM) Fonte Santa para a recíproca recualificación de dúas parcelas e, en consecuencia, adopta o seguinte acordo:

Primeiro.-Prestar aprobación definitiva ao proxecto de modificación puntual do Plan parcial do polígono B-4 do PXOU Fonte Santa, formulado pola entidade mercantil Áridos Gallegos, S.L. e ratificado pola presidencia da súa xunta de compensación, coa finalidade de modificar a respectiva cualificación de dúas parcelas limítrofes do seu ámbito e de superficie similar, unha de zona verde pública municipal e outra de aproveitamento lucrativo privado denominada 1.6, con recíproca atribución da cualificación adversa a cada unha delas, instrumento redactado polo arquitecto Constancio Plaza Berguices, con visado da Delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia con data do 1 de marzo de 2001 e que conta con informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo do 27 de abril de 2007.

Segundo.-Notificarlles este acto administrativo á entidade promotora, xunta de compensación e aos propietarios que figuren no catastro, con ofrecemento do réxime procedente de recursos e con comunicación expresa á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda nos termos do artigo 92 da LOUGA, dándoselle traslado a esta última dunha copia autenticada de dous exemplares do instrumento aprobado definitivamente con todos os planos e documentos que integran o plan sobre os cales recaese o acordo de aprobación definitiva, debidamente dilixenciados pola Secretaría Xeral do concello, facendo constar a devandita circunstancia.

Terceiro.-Dispoñer a publicación do anuncio do acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia, facendo constar a remisión da documentación á consellería, e a publicación do documento que conteña a normativa e as ordenanzas no BOP, para lograr a súa eficacia e executividade, de acordo co establecido na lexislación de réxime local, concretamente nos artigos 70.2º e 65º da Lei reguladora das bases do réxime local».

Faise constar que na votación deste asunto non estivo presente o concelleiro Ricardo Aguilar Argenti.

Así mesmo, faise constar que con data do 13 de setembro de 2007 tivo entrada na Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes a documentación referida polo punto 3 do artigo 92 da Lei 9/2002.

O que se fai público, salvando os termos que resulten da aprobación definitiva da acta, en cumprimento do ordenado e para os efectos oportunos.

Contra este acordo poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación (artigos 10 e 46 da Lei 29/1998). Isto sen prexuízo de interpor calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.

Pontevedra, 24 de setembro de 2007.

José Luis Mato Rodríguez

Secretario xeral do Pleno