DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Martes, 08 de xaneiro de 2008 Páx. 349

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 248/2007, do 20 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

A disposición adicional terceira da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, na redacción dada pola Lei 10/2007, do 28 de xuño, sinala no seu punto 2º que terán a condición de parellas de feito as unións de dúas persoas maiores de idade, capaces, que convivan coa intención ou vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal e que a inscriban no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, expresando a súa vontade de equiparar os seus efectos aos do matrimonio.

Así mesmo, a disposición derradeira da Lei 10/2007, do 28 de xuño, establece que no prazo dun mes contado desde a publicación da lei no Diario Oficial de Galicia, a Xunta de Galicia aprobará un decreto mediante o cal se creará e regulará a organización e a xestión do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

En cumprimento do dito mandato, este decreto crea o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia e establece as normas básicas da súa organización e funcionamento.

Por isto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de decembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Título I

Creación do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Créase o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia que se rexerá por este decreto e demais disposicións de desenvolvemento.

2. A inscrición como parella de feito neste rexistro é voluntaria e ten carácter constitutivo. As parellas que desexen inscribirse terán que cumprir os requisitos previstos no punto 2º da disposición adicional terceira da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Artigo 2º.-Adscrición.

1. O Rexistro de Parellas de Feito de Galicia estará adscrito á consellería competente en materia de xustiza.

2. O Rexistro de Parellas de Feito terá un funcionamento descentralizado, configurándose xuridicamente como un rexistro único e xestionándose a través das delegacións provinciais da consellería competente en materia de xustiza na provincia respectiva, a través do persoal funcionario previamente designado para o efecto, baixo a dependencia directa do titular da Dirección Xeral de Xustiza que asumirá as funcións de coordinación, información e aprobación de directrices comúns sobre o procedemento de inscrición e xestión do rexistro.

Artigo 3º.-Dos encargados ou encargadas do rexistro.

Os ou as encargadas do rexistro en cada delegación provincial da consellería competente serán nomeados entre funcionarios e funcionarias da Administración autonómica pertencentes a corpos ou escalas do grupo A, coa licenciatura en dereito. O seu posto terá o nivel orgánico que se estableza na correspondente relación de postos de traballo.

Artigo 4º.-Funcións do rexistro.

Correspóndelle ao Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, a través das delegacións provinciais da consellería competente en materia de xustiza na provincia respectiva, as seguintes funcións:

a) A tramitación e resolución das solicitudes de inscrición e a anotación, así como, de ser o caso, de cancelación e a práctica das que procedan;

b) A certificación e demais formas de publicidade dos datos que constan no rexistro referidas a solicitudes, inscricións, cancelacións, existencia e contido dos pactos, modificacións destes, acreditacións documentais e calquera outra comprendida no correspondente expediente administrativo;

c) A emisión de informes de carácter técnico e estatístico cando sexan requiridos por xulgados, tribunais, o Parlamento e outros organismos públicos;

d) O arquivo e a custodia dos documentos depositados no rexistro en calquera dos soportes utilizados;

e) Redactar a memoria anual do Rexistro de Parellas de Feito correspondente a cada delegación provincial.

Artigo 5º.-Requisitos para a inscrición no Rexistro de Parellas de Feito.

As inscricións no rexistro realizaranse logo da solicitude dos membros da parella de feito acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ser maiores de idade.

b) Non ter relación de parentesco en liña recta por consanguinidade ou adopción nin colateral por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao.

c) Manifestar a vontade de constitución de parella de feito.

d) Non estar ligados por matrimonio.

e) Non formar parella de feito debidamente formalizada con outra persoa.

f) Non estar incapacitados xudicialmente para rexer a súa persoa.

g) Ter un dos membros da parella a veciñanza civil galega.

h) Acreditar o empadroamento dos membros da parella no mesmo domicilio dalgún municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Actos inscritibles.

1. Serán obxecto de inscrición:

a) As declaracións de constitución, modificación e extinción das parellas de feito.

b) Os pactos que os membros da parella de feito consideren convenientes para rexer as súas relacións económicas durante a convivencia e para liquidalas tras a súa extinción, sempre que non sexan contrarios ás leis, limitativos da igualdade de dereitos que corresponden a cada convivente ou gravemente prexudiciais para cada un deles.

2. As inscricións e actos rexistrais terán carácter gratuíto.

Artigo 7º.-Dos soportes de información.

Os asentos practicaranse en libros, corpos ou soportes axeitados para recoller e expresar de modo indubidable, con axeitada garantía xurídica, seguridade de conservación e facilidade de acceso e comprensión, todos os datos que deben constar no rexistro. Os soportes informáticos incluirán, sempre que sexa posible, a totalidade do expediente, incluídos os documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos exixidos para a inscrición.

Artigo 8º.-Publicidade.

A publicidade do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia quedará limitada á expedición de certificacións dos seus asentos por instancia de calquera dos membros da unión, de quen acredite un interese lexítimo ou dos órganos xudiciais, nos termos previstos pola lexislación vixente en materia de protección de datos.

Título II

Organización e funcionamento do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia

Capítulo I

Das solicitudes

Sección Primeira

Disposicións xerais

Artigo 9º.-Requisitos das solicitudes, lugar e forma de presentación.

1. As solicitudes de inscrición, cancelación, incorporación ou modificación de pacto e certificación que se formulen ante o rexistro deberán reunir os requisitos previstos especificamente neste capítulo, así como os xerais regulados no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes a que se refire o punto anterior presentaranse ante a delegación provincial da consellería competente en materia de xustiza correspondente ao domicilio da parella de feito. Tamén poderán presentarse en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro; neste último caso, a tramitación da solicitude e os efectos da inscrición só se producirán respecto da documentación que tivese entrada efectiva no Rexistro de Parellas de Feito e desde a data en que tivese acceso a este.

Sección segunda

Das solicitudes de inscrición

Artigo 10º.-Lexitimación para solicitar as inscricións.

A solicitude deberana efectuar conxuntamente os dous membros da parella, sen prexuízo do previsto sobre representación no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 11º.-Requisitos comúns das solicitudes de inscrición.

1. As solicitudes de inscrición como parella de feito presentaranse no modelo oficial e deberán conter as seguintes mencións:

a) Nome e apelidos de cada un dos membros da parella.

b) DNI de cada un dos solicitantes que teñan nacionalidade española ou designación do documento equivalente noutro suposto.

c) Data de nacemento de cada un.

d) Nacionalidade de cada un.

e) Estado civil de cada un.

f) Fillos e fillas de cada un, comúns ou non comúns.

g) Domicilio da parella.

h) Lugar e data da presentación da solicitude.

2. As solicitudes de inscrición, debidamente asinadas polos dous membros da parella, deberán acompañarse dos seguintes documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos establecidos pola Lei 2/2006, do 14 de xuño:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade de ambos os membros da parella ou, no caso de nacionalidade distinta á española, do documento equivalente no seu país.

b) Certificado de empadroamento dos membros da parella nalgún municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Acreditación do estado civil de ambos os membros da parella mediante certificación do Rexistro civil ou equivalente no caso de estranxeiros. Esta acreditación poderá substituírse, excepcionalmente, por unha declaración xurada da persoa interesada, en que se fará constar, ademais do cumprimento do requisito de inexistencia de vínculo matrimonial, o compromiso de presentar ante o rexistro a acreditación do estado civil tan axiña como sexa posible ou desapareza a causa que impedía presentar esta acreditación ou que a demoraba considerablemente. En todo caso, se no prazo dun ano non se presentase a documentación correspondente, procederase do xeito establecido no artigo 16.2º deste decreto.

d) Declaración de vontade de constituír unha parella de feito, ben mediante comparecencia persoal de ambos os membros ante o encargado ou encargada do rexistro, ben mediante outorgamento de escritura pública ou acta notarial.

e) Declaración responsable de ambos de non teren constituída parella de feito con outra persoa.

f) De ser o caso, sentenza xudicial de divorcio ou nulidade, ou certificado literal de matrimonio en que conste algún destes extremos.

g) Declaración responsable de non ter relación de parentesco en liña recta por consanguinidade ou adopción nin colateral por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao.

h) Declaración responsable de non estar incapacitados para os efectos de prestar o seu consentimento para constituír unha parella de feito.

i) Fotocopia compulsada do libro de familia, ou equivalente, nos casos en que houbese fillos ou fillas comúns ou de calquera dos membros da parella.

3. As solicitudes de inscrición poderán ir acompañadas dun pacto regulador das relacións económicas e patrimoniais da parella, o cal deberá establecerse en escritura pública e aparecer indicado na propia solicitude.

Artigo 12º.-Requisitos das solicitudes de cancelación.

As solicitudes de cancelación da inscrición de parella poderán ser conxuntas ou individuais:

a) As solicitudes conxuntas conterán os datos identificativos de cada un dos membros da parella, o lugar e a data e sinatura de ambos;

b) As solicitudes individuais deberán ir acompañadas ademais do documento que lle acredite a comunicación fidedigna á outra parte, salvo nos casos previstos no artigo 23.2º, alíneas c) e d).

Artigo 13º.-Requisitos das solicitudes de incorporación ou modificación de pacto.

As solicitudes de incorporación de pacto, cando non se tivesen presentado no momento da inscrición da parella, e as solicitudes de modificación do pacto presentado anteriormente, deberán conter os datos identificativos da parella, o lugar e a data e a sinatura de ambos e deberán acompañarse da escritura pública que conteña o pacto regulador das relacións económicas e patrimoniais.

Artigo 14º.-Requisitos das solicitudes de certificación.

As solicitudes de certificación da inscrición, cancelación ou incorporación de pacto deberán conter os datos identificativos da persoa do solicitante e o motivo da certificación. Cando o solicitante sexa unha persoa distinta dalgún dos dous compoñentes da parella inscrita deberá indicar se é persoa con interese lexítimo, cal é o seu interese e acreditalo documentalmente.

Capítulo II

Procedemento de actuación do rexistro

Artigo 15º.-Admisión da solicitude.

1. Ao presentarse unha solicitude ante o rexistro farase constar nela a data e a hora da presentación.

2. Ao solicitante ou solicitantes expediráselles un xustificante da presentación, admitíndose como tal unha copia selada da solicitude presentada.

3. A data de entrada no rexistro competente determinará o inicio do cómputo do prazo para resolver, de conformidade co establecido no artigo 19 deste decreto.

Artigo 16º.-Emenda de defectos.

1. Se a solicitude presentada contivese algún defecto emendable, ou se non se achegase algún dos documentos necesarios, o encargado do rexistro requirirá o solicitante para que emende a falta no prazo de 10 días hábiles. Este prazo poderá ser ampliado ata en 5 días máis, de oficio ou por petición do interesado ou interesada, cando a emenda ou a achega de documentos ou datos requiridos presenten dificultades especiais. O encargado ou encargada do rexistro poderá ampliar ata un máximo de tres meses o prazo no caso de persoas estranxeiras que teñan necesidade de solicitar a documentación aos seus países de orixe.

2. No escrito de requirimento poráselle de manifesto ao interesado ou interesada que, de non cubrilo nos seus propios termos, terase por desistida a parella na súa petición, arquivándose esta logo de resolución.

3. O arquivo dunha solicitude non lle impide á mesma parella volver presentar unha nova solicitude máis adiante.

Artigo 17º.-Tramitación da solicitude.

A tramitación das solicitudes presentadas ante o Rexistro de Parellas de Feito rexerase polas determinacións contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 18º.-Cualificación.

1. O encargado ou encargada do rexistro cualificará as solicitudes presentadas, a acreditación dos requisitos exixidos pola lei e a legalidade dos dereitos e obrigas contidos nos pactos que achega a parella solicitante, e efectuará unha proposta de resolución acordando practicar ou denegar a inscrición, ou, de ser o caso, arquivar a solicitude.

2. Para a cualificación das solicitudes presentadas o rexistro poderá dirixirse en calquera momento aos solicitantes en demanda de aclaracións, co fin de posibilitar a inscrición solicitada.

Capítulo III

Da resolución das solicitudes e das vías de impugnación

Artigo 19º.-Resolución, prazo, motivación e notificación.

1. O titular da delegación provincial da consellería competente en materia de xustiza resolverá de forma expresa acordando practicar ou denegar a inscrición solicitada no prazo de tres meses contados desde a data en que a solicitude tivese entrada no dito centro, sen prexuízo das interrupcións de prazo consideradas no artigo 45.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. As resolucións do titular da delegación provincial serán sempre motivadas.

3. As resolucións serán notificadas á parella solicitante na forma establecida no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 20º.-Recurso.

As resolucións ditadas polo titular da delegación provincial da consellería competente en materia de xustiza serán susceptibles de recurso de alzada ante a persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza.

Capítulo IV

Das inscricións

Artigo 21º.-Forma e contido da inscrición no rexistro.

1. As inscricións axustaranse ao modelo que aprobe a Dirección Xeral de Xustiza da consellería competente en materia de xustiza. Existirá, en todo caso, unha única ficha rexistral por cada parella inscrita que conterá todos os datos relativos á parella con relevancia para os efectos da Lei 2/2006, do 14 de xuño, e deste regulamento. A dita ficha rexistral estará contida en soporte informático, sen prexuízo do resto de soportes empregados para a tramitación de cada expediente.

2. A inscrición expresará:

-O lugar e a data de presentación da solicitude.

-O nome completo dos dous compoñentes da parella.

-O número do seu documento nacional de identidade ou, de ser o caso, do documento equivalente no país de nacionalidade.

-A data de nacemento de ambos.

-O domicilio de cada un dos integrantes da parella.

-O domicilio da parella de feito que sinalen.

-O estado civil de cada un dos membros da parella.

-Os fillos e fillas de cada un, comúns ou non comúns.

-A existencia ou a ausencia de pacto regulador das relacións económicas e patrimoniais e, de ser o caso, a data do pacto e unha breve recensión do modelo de pacto.

-A data da resolución que acorda a inscrición da constitución da parella.

-A data de notificación da resolución.

-A data de resolución da cancelación e, de ser o caso, con indicación da causa de extinción.

-A data e o contido da achega dun novo pacto que modifique ou substitúa o anterior.

-E calquera outra mención que afecte o contido da relación de parella de feito con relevancia para os efectos da Lei 2/2006, do 14 de xuño, e deste decreto.

3. Todos os datos e documentos que afecten unha mesma parella quedarán incorporados e relacionados cun único número de expediente.

4. Todas as inscricións e cancelacións conterán a sinatura, autógrafa ou dixital, do titular do órgano competente para acordalas.

Artigo 22º.-Eficacia da inscrición.

1. Presumirase a validez, salvo proba en contrario, de todas as informacións contidas na ficha rexistro na forma determinada nos asentos correspondentes.

2. A inscrición ou cancelación producirá efectos desde a data da resolución. No caso de discordancia entre a data da resolución que conste na ficha rexistro e a data que conste na resolución orixinal coa sinatura autógrafa do órgano competente prevalecerá esta última.

3. Inscrito ou anotado no rexistro calquera extremo dos considerados no artigo 21.2º deste regulamento, non poderá inscribirse ou anotarse ningún outro de igual, anterior ou posterior data que se lle opoña ou sexa incompatible, salvo resolución en contra dos xulgados ou tribunais.

Artigo 23º.-Cancelación da inscrición.

1. As inscricións extínguense pola súa cancelación.

2. A cancelación terá lugar:

a) Por petición de ambos os membros da parella. A petición deberá facerse por escrito con indicación do lugar e data e a sinatura de ambos.

b) Por petición dun dos membros da parella.

A petición deberá constar por escrito con indicación do lugar e data e a sinatura da persoa que solicita a cancelación. A solicitude deberá ir acompañada de documento que lle acredite suficientemente a notificación da vontade de extinguir a parella ao outro membro.

c) Pola morte ou declaración de falecemento dun dos membros da parella; neste caso será suficiente coa presentación por parte do membro supervivente da parella, ou de calquera outra persoa interesada, do correspondente certificado de defunción ou declaración xudicial de falecemento.

d) Polo matrimonio entre os propios membros da parella. Neste caso deberá achegarse o correspondente certificado do Rexistro civil. A data de extinción da parella que constará neste caso no Rexistro de Parellas de Feito será a do día inmediatamente anterior á do matrimonio contida na certificación matrimonial.

e) Polo matrimonio de calquera dos compoñentes da parella; neste caso a persoa que contraia matrimonio deberá instar a cancelación da súa inscrición como parella de feito acreditándolle a comunicación fidedigna ao outro membro da parella e achegando o correspondente certificado do Rexistro civil. A data da extinción da parella será a do día inmediatamente anterior á do matrimonio contida na certificación matrimonial.

3. A cancelación das inscricións será acordada mediante resolución do titular da delegación provincial.

4. Naqueles casos en que se atope plenamente xustificado o falecemento dun dos dous integrantes da parella de feito ou o matrimonio dun ou de ambos, poderá practicarse a cancelación da inscrición de oficio ou por instancia de parte interesada.

5. A data da cancelación por extinción da parella de feito será a que determine o momento en que se disolve o réxime económico patrimonial pactado pola parella.

Artigo 24º.-Corrección de erros.

O rexistro poderá rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados e interesadas, os erros materiais existentes nos seus actos, de conformidade co disposto no artigo 105 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Capítulo V

Da publicidade rexistral

Artigo 25º.-Publicidade do rexistro.

1. O rexistro expedirá certificacións da inscrición ou de calquera outro extremo dos contidos no rexistro por instancia dos membros da parella de feito, de quen acredite un interese lexítimo e dos xulgados e tribunais de xustiza.

2. A solicitude de certificación deberá precisar o obxecto desta así como o motivo polo que se solicita a certificación.

3. As certificacións serán expedidas e asinadas pola persoa encargada do Rexistro de Parellas de Feito na correspondente delegación provincial e terán validez durante o prazo de tres meses desde a data da súa expedición.

4. As resolucións que acorden a inscrición da parella terán validez para os efectos de acreditar a vixencia da inscrición durante dous meses contados a partir da data da resolución; transcorrido ese prazo perderán os seus efectos acreditativos.

5. As certificacións referidas aos pactos poderán indicar a existencia ou a ausencia de pacto, a data do último pacto validamente incorporado, e a indicación do tipo de réxime económico patrimonial a que se tivese acollido a parella. Cando a solicitude versase sobre algún dos extremos ou estipulacións contidas no pacto, a certificación limitarase a transcribir aquela parte do contido do pacto que sexa suficiente para lle dar cumprimento á solicitude presentada. Se se solicitase o contido completo do pacto, transcribirase integramente con indicación do lugar e da data da sinatura do pacto.

Artigo 26º.-Publicidade dos expedientes.

1. A consulta directa dos expedientes arquivados no rexistro soamente poderá efectuarse, ademais de polos propios membros da parella, por terceiros que acrediten un interese lexítimo nos termos previstos no artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, así como polos órganos xudiciais.

2. A expedición de certificacións e a consulta de documentos contidos nos expedientes quedará limitada a aquelas persoas que acrediten un interese lexítimo.

3. Todos os datos que constan no Rexistro de Parellas de Feito están suxeitos á normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

Capítulo VI

Da coordinación con outros rexistros

Artigo 27º.-Rexistros municipais.

1. As inscricións de parellas de feito practicadas nos rexistros municipais de parellas ou unións de feito naqueles concellos que contasen cun rexistro deste tipo terán acceso ao Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, sempre que se acredite o cumprimento dos requisitos establecidos pola disposición adicional 3ª da Lei 2/2006, de dereito civil de Galicia e o artigo 5 deste regulamento.

2. Os rexistros municipais deberán comunicarlle ao Rexistro de Parellas de Feito de Galicia as inscricións practicadas, con indicación dos pactos subscritos polos membros da parella, así como as cancelacións das inscricións practicadas ou as modificacións que afecten o domicilio da parella ou os pactos.

3. A remisión feita polos concellos deberá contar co consentimento previo e expreso de ambos os integrantes da parella.

4. Os concellos deberán remitir unha copia daquela parte do expediente que resulte necesaria e suficiente para proceder á inscrición da parella, con inclusión do consentimento expreso ou manifestación do encargado ou encargada do rexistro municipal de que ambos os membros da parella consentiron ante o dito rexistro municipal.

5. Cando o Rexistro de Parellas de Feito observe, á vista do expediente municipal, que non está acreditado o cumprimento de todos os requisitos legais ou falta algunha mención das contidas neste regulamento notificarallo á parella para que no prazo propio da fase de emenda de defectos complete a acreditación pendente.

6. Nas resolucións que acorden o que proceda nos procedementos administrativos iniciados tras a remisión do expediente por parte dos rexistros municipais farase constar esta circunstancia.

7. En todo caso, a constitución da parella de feito só se entenderá efectuada a partir da súa inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

Artigo 28º.-Rexistros autonómicos.

1. O Rexistro de Parellas de Feito de Galicia coordinarase con outros de similar natureza doutras comunidades autónomas a través dos correspondentes convenios.

2. Unha vez producida a coordinación entre os rexistros autonómicos, a declaración xurada exixida polo artigo 12º.2, alínea e) deste decreto substituirase pola certificación negativa de cada un deles, pedida polo propio Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

3. Os convenios que se subscriban para tal fin con outras comunidades autónomas incluirán, sempre que sexa posible, a interconexión telemática das correspondentes bases de datos, sen prexuízo das necesarias autorizacións administrativas e a necesaria protección de datos de carácter persoal, que quedará debidamente salvagardada nos propios convenios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o titular da consellería competente en materia de xustiza, para que, no ámbito das súas competencias, dite as normas de desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Mediante orde da consellería competente en materia de xustiza aprobaranse os modelos de solicitude susceptibles de presentación ante o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de decembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza