DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Martes, 08 de xaneiro de 2008 Páx. 361

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

DECRETO 251/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o recoñecemento da condición de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas e a creación do rexistro administrativo.

Preámbulo

O Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación, establece que se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións de xestión que, en materia de traballo, emprego e formación vén realizando o Instituto Nacional de Emprego (Inem).

O Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias, entre outras, en materia de formación ocupacional e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral.

Pola súa banda, o artigo 22.1º da Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, establece que lles corresponde aos servizos públicos de emprego a intermediación laboral ben que poderán acudir a outras entidades para favorecer a colocación dos demandantes de emprego.

O día 5 de febreiro do 2007 foi asinado polo presidente da Xunta de Galicia, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, o secretario xeral da Unión Xeral de Traballadores de Galicia e o secretario xeral do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia o acordo polo emprego que, entre outros, supón un novo modelo de servizo público de emprego de Galicia no que establece como primeiro obxectivo a colocación dos demandantes de emprego. Ese obxectivo realízase a través da intermediación entre demandantes e empresas. Parece necesario establecer procedementos que permitan que o Servizo Público de Emprego de Galicia acade índices de intermediación que non sexan testemuñais e, en función diso, deben establecerse todas as medidas correctoras necesarias e no seu anexo define como funcións propias das oficinas de emprego a inscrición e clasificación de demandantes así como a intermediación.

Nese mesmo acordo, no seu punto 1.3º establécese que: «Cara a incrementar esta intermediación ata os niveis definidos nos obxectivos, se establecerán medidas concretas cara á captación de ofertas vinculadas ao Servizo Público de Emprego e outras medidas que poidan potenciar a utilización do Servizo Público de Emprego como elemento de intermediación».

Tendo presentes ese acordo e o establecido na Lei de emprego, o Servizo Público de Emprego de Galicia, no ámbito da captación de ofertas de traballo para a súa tramitación polas oficinas de emprego, está aberto a canta colaboración poida existir.

Ata este ano existía unha rede de centros asociados ao Servizo Galego de Colocación, agora denominado Servizo Público de Emprego de Galicia, en materia de xestión de ofertas de traballo, xunto á rede de centros colaboradores en orientación laboral para o emprego. Dada a asunción das funcións de inscrición, clasificación e intermediación como propias pola rede de oficinas de emprego, precísase unha redefinición da función das entidades que ata agora viñan prestando a súa colaboración.

Este decreto crea e regula un rexistro onde se inscriban as entidades colaboradoras en materia de captación de ofertas para a súa tramitación por parte das oficinas de emprego e as condicións e requisitos de deben cumprir as entidades para a súa inscrición.

Con base no exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e oído o Consello Consultivo de Galicia, por proposta do conselleiro de Traballo e, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia levada a cabo na súa reunión do día trece de decembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1°.-0bxecto.

1. Este decreto ten por obxecto regular o procedemento e os requisitos para o recoñecemento como entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas de traballo e a creación do seu rexistro administrativo.

2. Para os efectos deste decreto terán a consideración de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas de traballo aquelas entidades que realicen, entre outras, as seguintes funcións: posta en contacto co empregador, cumprimento do impreso de captación de oferta asinado polo empregador e remisión á oficina de emprego correspondente para a súa tramitación.

3. Este decreto será de aplicación ás entidades que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2°.-Concepto de entidade colaboradora para a captación de ofertas de traballo.

Poderá ser recoñecida como entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas calquera entidade con ou sen ánimo de lucro, cun ámbito de actuación relacionado coa intermediación laboral.

Enténdese por intermediación laboral tal e como establece o artigo 20 da Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, o conxunto de accións que teñen por obxecto pór en contacto as ofertas de traballo cos demandantes de emprego para a súa colocación.

Este decreto non será de aplicación ás entidades recoñecidas como centros colaboradores en materia de información, orientación e busca de emprego e ás entidades de intermediación pertencentes á Administración local.

Artigo 3°.-Requisitos para a cualificación como entidades colaboradoras do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas.

As entidades para a súa inscrición no rexistro deberán reunir os seguintes requisitos:

a) O obxecto social das entidades deberá ter relación con tarefas de intermediación no mercado laboral.

b) Acreditar experiencia en tarefas relacionadas co mercado de traballo.

c) Contar, como mínimo, cun profesional suficientemente capacitado, con titulación media ou superior prefentemente en psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, socioloxía, educación social e traballo social, para realizar as tarefas de captación de ofertas.

d) Dispoñer dun local con despacho para atención individual aos oferentes de traballo.

e) Dispoñer de correo electrónico.

f) A entidade, de ser o caso, terá que aplicar medidas de seguridade no tratamento da información relacionada coas súas tarefas co Servizo Público de Emprego de Galicia. Ademais deberá contar con software antivirus, debidamente actualizado e con mantemento periódico.

Artigo 4º.-Presentación da solicitude de inscrición.

1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obter o recoñecemento como entidade colaboradora en captación de ofertas do Servizo Público de Emprego de Galicia deberán formalizar a correspondente solicitude segundo o modelo oficial que se xunta como anexo I a este decreto, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e dirixida ao titular da dirección xeral competente en materia de intermediación laboral.

2. As solicitudes irán xunto coa seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa de representatividade suficiente para asinar a solicitude.

b) Título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións.

c) Relación da persoa ou persoas que vaian realizar as tarefas de captación de ofertas de traballo e curriculum vitae delas.

d) Licenza municipal de apertura.

e) Tarxeta de identificación fiscal.

f) Copia compulsada dos estatutos ou normas de funcionamento da entidade.

g) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 3.

h) Proxecto-memoria das accións realizadas no mercado laboral, debéndose detallar o tipo de accións realizadas.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será establecido por resolución da dirección xeral competente en materia de intermedación laboral.

Artigo 5º.-Rexistro e cualificación.

1. Créase na dirección xeral competente en materia de intermediación laboral un rexistro administrativo de entidades colaboradoras do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas, que ten por obxecto a cualificación e a inscrición destas entidades, así como dos actos que se determinen neste decreto e nas normas que o desenvolvan.

2. A inscrición rexistral producirase en virtude de resolución do titular da dirección xeral competente en materia de intermediación laboral e, se é o caso, logo do informe do director da oficina de emprego onde estea situada a entidade solicitante.

3. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta, a documentación necesaria, requirirase o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, será tido por desistido da súa petición, de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ditándose resolución para o efecto.

4. O prazo para resolver será de seis meses contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase estimada a solicitude de cualificación.

5. Contra as resolucións ditadas neste procedemento poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes, desde a súa notificación, ante o titular do departamento competente en materia de intermediación laboral.

Artigo 6°.-0brigas das entidades colaboradores.

Calquera entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia estará obrigada a:

a) Manter as condicións relativas á instalación e estrutura de medios necesarios para a realización das accións acordadas.

b) Utilizar os documentos, táboas de axuda e outros instrumentos que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

c) As ofertas captadas pola entidade deberán derivarse exclusivamente á oficina de emprego correspondente, non podendo publicarse en ningún medio de comunicación por parte da entidade.

d) Presentar a oferta captada na oficina de emprego correspondente no prazo máximo de dous días desde a súa sinatura.

e) Non percibir ningunha retribución económica dos usuarios pola realización das accións desenvolvidas en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no marco desta disposición.

f) Obter o consentimento do usuario para o tratamento automatizado dos seus datos persoais para os efectos da intermediación no mercado de traballo.

g) Solicitar a autorización diante do Servizo Público de Emprego de Galicia previamente e por escrito para calquera cambio que se puidese producir nos datos expresados pola entidade no momento da súa inscrición rexistral.

h) Presentar un balance anual no que se informe dos resultados obtidos en materia de captación de ofertas no prazo de seis meses, contados desde a data do peche do exercicio.

i) Todas aqueloutras obrigas que se desprendan do articulado deste decreto.

Artigo 7º.-Perda da cualificación.

1. Será causa de descualificación como entidade colaboradora en captación de ofertas do Servizo Público de Emprego de Galicia:

a) O incumprimento dalgunha das obrigas das entidades colaboradores ou a perda dalgún dos requisitos necesarios para ser considerada entidade colaboradora.

b) Non acadar captar e tramitar un número mínimo de 36 ofertas de traballo ao ano e que se peche con resultado de contratación por parte da empresa oferente. Non obstante, esta exixencia quedará limitada nun 15% cando máis da metade das contratacións correspondan ao sexo menos representado na poboación activa de Galicia, no senso do artigo 31.1º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

c) O incumprimento do estipulado no artigo 9.3º.

d) Calquera irregularidade que afecte o contido básico das accións de captación de ofertas.

2. A descualificación como entidade colaboradora será acordada mediante resolución do director/a xeral competente en materia de colocación, logo de expediente administrativo tramitado para o efecto e produce de oficio efecto de baixa rexistral.

3. No obstante o establecido no punto anterior, toda entidade colaboradora pode, en calquera momento, solicitar a súa baixa voluntaria no rexistro administrativo.

Artigo 8º.-Captación de ofertas.

1. O servizo de captación de ofertas concretarase nas seguintes accións:

a) Posta en contacto coa entidade empregadora.

b) Formalización do impreso de captación de oferta asinado pola entidade empregadora, onde aparecerá recollido o perfil profesional das vacantes que se van cubrir.

c) Remisión do dito impreso á oficina de emprego correspondente, a cal tramitará a dita oferta.

2. Estas accións faranse de acordo coas instrucións, manuais, e impresos facilitados pola dirección xeral competente en materia de intermediación laboral.

3. En todas as accións que van ser realizadas polas entidades colaboradoras en captación de ofertas, respectarase o principio de igualdade e non discriminación, velando especialmente porque nos perfís profesionais das vacantes que se van cubrir, e nos contactos coa entidade empregadora, non se incorpore de forma directa ou indirecta calquera prexuízo para o acceso aos postos por parte das mulleres. En especial, de acordo co disposto polo artigo 14.11º da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, velarase ademais polo emprego dunha linguaxe non sexista.

4. Enténdese por oferta debidamente tramitada, aquela oferta de traballo que unha vez captada polo centro e remitida á oficina de emprego correspondente para a súa xestión, se peche co resultado de contratación por parte da empresa oferente.

Artigo 9º.-Seguimento das accións de captación de ofertas.

Coa finalidade de comprobar a execución correcta das actividades, de acordo coa normativa reguladora e co contido das accións aprobadas, poderanse facer visitas de seguimento que en calquera momento poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Traballo.

As entidade colaboradoras que leven a cabo accións de captación ofertas de traballo facilitarán, no caso de visitas de seguimento, o acceso ás instalacións nas que se realizan as accións así como toda a documentación de carácter técnico, administrativo ou contable.

Nas visitas de seguimento elaborarase un informe que asinarán o responsable da visita e a persoa persoa responsable da entidade. A sinatura da persoa responsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

Artigo 10º.-Contratación administrativa.

1. Para contratar coa Administración as entidades inscritas no rexistro deberán cumprir todos os requisitos xerais establecidos na Lei de contratos das administracións públicas, texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, e os específicos que correspondan segundo o tipo de contratación que se estableza.

2. Para determinar a contía das compensacións económicas, pola realización das tarefas de captación de ofertas teranse en conta, entre outros, os seguintes criterios:

-Número de ofertas de emprego captadas que culminen coa contratación por parte da empresa oferente.

-O maior número de postos ofertados en relación á oferta captada.

-Captación de novos oferentes, entendendo por tales, aqueles que nos últimos 6 meses non utilizarán o servizo público de intermediación laboral.

Disposición adicional

Para os efectos de regular o procedemento de captación de ofertas que van ser desenvoltas polas entidades inscritas no rexistro, publicarase no Diario Oficial de Galicia unha orde de desenvolvemento deste decreto onde se fixarán, entre outras, as seguintes cuestións: prazo de execución do servizo, compensacións económicas pola realización das accións de captación de ofertas.

Disposicións transitorias

Primeira.-Por resolución do titular da dirección xeral competente en materia de intermediación laboral, no termo de tres meses desde o día seguinte ao da publicación deste decreto, procederase a dar de baixa as entidades recoñecidas como centros asociados ao Servizo Galego de Colocación en virtude da Orde do 6 de maio de 2005 dado que esta figura deixa de existir, unha vez feita, se é o caso, a corresponente liquidación económica.

Segunda.-Os centros recoñecidos como centros asociados ao Servizo Galego de Colocación, en virtude da Orde do 6 de maio de 2005, disporán do prazo dun mes desde a publicación deste decreto para rematar coas ofertas de traballo que se atopen en tramitación.

A partir dese momento, e no prazo de dous meses, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de intermediación laboral por delegación da persoa titular do departamento competente en materia de traballo procederá, se é o caso, a efectuar a correspondente liquidación económica e dalos de baixa como centros asociados ao Servizo Galego de Colocación.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 6 de maio de 2005, pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ao Servizo Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen os centros asociados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da consellería competente en materia de traballo para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Esta decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de decembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo