DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Venres, 15 de febreiro de 2008 Páx. 2.555

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social.

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 27.23º do Estatuto de autonomía para Galicia, en concordancia co artigo 148.1º.20 da Constitución española, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, que vén ordenar e regular os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais definido como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os servizos sociais de atención primaria inclúense dentro da área de comunidade, establecendo o Decreto 240/1995, do 28 de xullo, polo que se regulan o servizos sociais de atención primaria, como obxectivos prioritarios deste nivel de atención, entre outros, o desenvolvemento de servizos preventivos dirixidos á poboación en xeral e, de forma especial, a aqueles colectivos que se atopen en situación de risco, así como a inserción social dos membros marxinados e excluídos da comunidade.

O citado decreto prevé, entre os equipamentos propios dos servizos sociais de atención primaria, os centros de día, albergues, os centros de acollida e cantos outros poidan ser de utilidade para o traballo social abertos a toda a poboación ou a sectores desta.

En virtude desta habilitación, esta orde vén regular as seguintes tipoloxías de centros: albergues, centros de acollida e inclusión, comedores sociais, centros de atención social continuada e centros de día de inclusión social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, atribúelle á Administración autonómica competencia para a regulamentación das entidades, servizos e centros, públicos ou privados, que presten servizos sociais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo as normas nas cales que se determinen as condicións de apertura, funcionamento, modificación, capacitación do persoal e cesamento de actividades dos centros.

No exercicio desta competencia, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais. A citada norma establece os requisitos xerais que deben cumprir os centros para a súa creación, apertura e posta en funcionamento e remite a regulación dos requisitos específicos para cada tipo de centro e área de actuación á normativa de desenvolvemento.

Esta orde ten por obxecto, así mesmo, a determinación dos requisitos específicos exixibles aos centros e establecementos que prestan atención ao colectivo de persoas en risco de exclusión, tanto públicos como privados, co fin de garantir a adecuación das instalacións, a calidade na prestación dos servizos e unha atención axeitada ás necesidades e características das persoas usuarias.

Así mesmo, as condicións arquitectónicas, materiais, de equipamento e de distribución de espazos que se establecen nesta norma pretenden garantir a seguridade, privacidade, mobilidade e a confianza e desenvolvemento axeitados das persoas usuarias dos centros, procurando, en todo caso, a súa integración no ámbito social máis próximo, facilitando e fomentando a súa relación e integración social.

En virtude do exposto e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo e 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a regulación dos requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, en desenvolvemento do Decreto 240/1995, do 28 de xullo, no referente aos equipamentos propios dos servizos sociais de atención primaria e do Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos centros e programas de servizos sociais.

Artigo 2º.-Definición.

Os centros de inclusión e emerxencia social regulados nesta orde son centros de servizos sociais en que se atenden as necesidades de persoas afectadas por situacións valoradas de exclusión social e, se é o caso, se posibilitan e impulsan actuacións programadas que favorezan a súa efectiva inclusión sociolaboral.

Ademais, desde estes centros proporcionarase atención puntual a persoas en situacións de emerxencia sobrevida.

Artigo 3º.-Tipoloxía de centros.

De conformidade co previsto no artigo 8 do Decreto 240/1995, do 28 de xullo, polo que se regulan os servizos sociais de atención primaria, e para os efectos desta orde, terán a consideración de centros de inclusión e emerxencia social, de acordo co expresado no anexo os seguintes:

a) Albergues: son establecementos para o aloxamento de carácter temporal destinados a acoller persoas en situación de emerxencia social, persoas transeúntes e persoas que están sen fogar, proporcionándolles aloxamento e manutención por un período limitado de tempo.

b) Centros de acollida e inclusión: son centros en réxime residencial temporal nos cales, mediante unha actuación programada, se posibilitan oportunidades de axuste persoal e incorporación sociolaboral ás persoas en situación ou risco de exclusión social.

O seu programa de intervención específico adaptarase ás características e as necesidades sociais a que se pretende dar resposta.

c) Comedores sociais: son establecementos nos cales se ofrece o servizo de almorzo/xantar e/ou cea a persoas en risco de exclusión social con necesidades de manutención.

d) Centros de atención social continuada: son centros abertos en horario continuado e permanente ou, como mínimo, en horario complementario ao resto de recursos sociais de atención ás situacións de exclusión e de emerxencia, nos cales se ofertan servizos de atención a necesidades básicas e/ou urxentes das persoas usuarias.

e) Centros de día de inclusión social: son centros destinados a posibilitar, en réxime diúrno, diversas oportunidades de mellora da inclusión social e de axuste persoal a persoas en situación ou risco de exclusión social, proporcionándolles, entre outros, servizos de terapia ocupacional, autocoidado, habilidades sociais, ocio, educación para a saúde, atención psicosocial, intermediación ou prospección laboral, así como formación de carácter prelaboral adaptada as características das persoas usuarias.

f) Outras unidades vinculadas funcionalmente aos centros:

-Unidade de hixiene, entendida como aquel conxunto de dependencias e instalacións do centro que presten, como mínimo, os seguintes servizos:

-Servizo de duchas, diferenciadas para cada sexo.

-Servizo de roupeiro que cubra as necesidades básicas de roupa e calzado que poidan presentar as persoas usuarias.

-Servizo de lavandaría.

Os servizos da unidade de hixiene poderán utilizalos usuarios/as que, sen pernoitaren no centro, acrediten unha situación persoal, social ou familiar que así o xustifique.

-Unidade de rúa: ten por obxectivo atender o colectivo de persoas sen teito que se atopen na rúa, derivándoos cara aos distintos recursos. O seu funcionamento será continuado e estará dotado de persoal que asegure o funcionamento do servizo, segundo as necesidades existentes na zona.

Aqueles centros que, respondendo a diferentes tipoloxías, se integren nunha mesma edificación poderán compartir aquelas instalacións susceptibles de uso común sempre que se respecte a superficie mínima exixida por usuario e se acredite a súa independencia funcional.

Artigo 4º.-Das autorizacións administrativas.

As entidades prestadoras de servizos sociais que sexan titulares de centros e/ou que desenvolvan programas sociais de inclusión e emerxencia social no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia estarán obrigadas a solicitar as correspondentes autorizacións administrativas de acordo co disposto no Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais e demais normativa que resulte de aplicación neste ámbito.

Artigo 5º.-Requisitos comúns.

Todos os centros de inclusión e emerxencia social deberán cumprir, ademais dos requisitos específicos para cada tipoloxía de centro previstos no anexo desta orde, os requisitos xerais regulados no artigo 7.1º do Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais, e os seguintes:

5.1. Requisitos funcionais:

a) Libro de rexistro de persoas usuarias: comporase de follas cosidas e numeradas correlativamente, nas cales se farán constar os datos persoais das persoas usuarias, a súa idade, a data de ingreso, as posibles incidencias, a data de baixa e o seu motivo. O citado libro, que deberá estar permanentemente actualizado, poderá substituírse por un sistema de fichas nos albergues, comedores sociais e centros de atención social continuada.

b) Libro de reclamacións do centro debidamente dilixenciado: donstará de tres exemplares autocopiativos nos cales queden identificados claramente os datos do centro e da entidade titular, o obxecto da queixa e a identidade do denunciante.

c) Regulamento de réxime interior do centro: recollerá como mínimo, a identificación, localización e capacidade máxima do centro, o obxecto e a finalidade deste, os servizos e programas de que dispoña, as persoas usuarias a que vai dirixido, o réxime de pagamento, se fose o caso, os dereitos e deberes das partes, as canles de participación, etc.

Os centros, de conformidade coa súa tipoloxía, velarán polo respecto aos dereitos das persoas usuarias e garantirán a súa atención integral, respectando o dereito á diferenza. Así mesmo, garantirán a transparencia no servizo e a información e participación das persoas usuarias.

O regulamento de réxime interior será visado pola unidade administrativa competente da Xunta de Galicia e garantirase a súa entrega ao usuario no momento do seu ingreso no centro.

d) Todos os centros deberán ter estandarizados os procedementos de acollida, estadías, despedida, información á familia, parte de incidencias e procedementos de reclamacións e suxestións. En todo caso, garantirase a existencia e o cumprimento dun protocolo de derivación en materia sanitaria das persoas usuarias.

5.2. Requisitos materiais:

a) Todas as dependencias destinadas ás persoas usuarias deberán garantir unha temperatura interior axeitada.

b) O mobiliario e o equipamento do centro será de fácil limpeza e adaptado ás necesidades das persoas usuarias ás que se dirixe, e aos programas, terapias e actividades que nel se leven a cabo.

c) En todos os centros existirá unha caixa de urxencias debidamente dotado e tutelado por persoa responsable. Cando proceda, deberán contar cun armario con chave para a custodia da medicación.

d) Centros residenciais:

Contarán cun teléfono á disposición das persoas usuarias;

-As dependencias dos centros residencias destinadas a dormitorios así como a sala polivalente de uso común, serán de uso exclusivo para este fin e contarán con ventilación natural.

-Semanalmente procederase ao cambio de roupa da cama, de aseo persoal e de durmir ou cada vez que se produza un relevo de usuarios/as.

5.3. Persoal.

Todos os centros deberán contar cun cadro de persoal que garanta:

a) A calidade técnica na execución dos programas e logro dos seus obxectivos.

b) O funcionamento e control ordinario do centro.

c) O apoio ás persoas usuarias no mantemento dos servizos básicos.

Para estes efectos, ademais do persoal de atención directa especificado para cada tipo de centro, deberán contar con:

-Un director responsable que cumpra con algún dos seguintes requisitos:

a) Diplomatura universitaria na rama social.

b) Experiencia mínima de tres anos de traballo con colectivos das mesmas características que as persoas usuarias do centro.

-O centro contará co persoal necesario para o seu mantemento e garantirá a supervisión das persoas usuarias durante a súa permanencia no centro.

Disposición adicional

Única.-Cando, para a autorización dun centro de inclusión e emerxencia social, a adaptación ás condicións estruturais do edificio sexa inviable ou desproporcionadamente custoso, e sempre que non supoña un risco para a saúde ou para a seguridade das persoas usuarias, poderase excepcionar a aplicación dos requisitos previstos nesta norma, mediante proposta debidamente motivada das unidades administrativas instrutoras do procedemento de autorización á vista das xustificacións técnicas presentadas pola entidade titular.

Para tal efecto, será necesario que a persoa titular ou representante legal do centro, na tramitación do correspondente procedemento de autorización, solicite tal excepción, debéndolle xuntar á súa solicitude un informe técnico en que se acrediten as causas da imposibilidade da adaptación do centro.

Disposición transitoria

Única.-Aos centros autorizados ou a aqueles que se atopen tramitando as correspondentes autorizacións administrativas na entrada en vigor desta disposición non lles será de aplicación o disposto nesta orde, no referido aos requisitos estruturais mínimos recollidos nesta norma. Non obstante o anterior, deberanse adaptar ás tipoloxías reguladas nesta orde, segundo a definición e programa que se desenvolverá para cada tipo de centro, mediante a presentación da correspondente solicitude no prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta norma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular do órgano competente en materia de autorización de centros de servizos sociais da Xunta de Galiza para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

ANEXO

Requisitos específicos dos centros de inclusión

e emerxencia social

1. Albergues.

Definición: son establecementos para o aloxamento de carácter temporal destinados a acoller persoas en situación de emerxencia social, persoas transeúntes e persoas que están sen fogar, proporcionándolles aloxamento e manutención por un período limitado de tempo.

Prazas: en xeral, a partir de 10 prazas.

Destinatarios: con carácter xeral aplicarase este recurso a persoas maiores de 18 anos en situación de exclusión ou de emerxencia social que, debido a sinistros na súa vivenda, carencias socioeconómicas, problemas de saúde ou graves conflitos convivenciais ou persoais, pasan por unha situación carencial aguda que inclúe a non disposición efectiva de fogar ou núcleo substitutivo daquel. De maneira excepcional e por razóns de emerxencia poderase dar acollida a menores sen acompañar, para o que será preceptivo comunicar esta circunstancia de maneira inmediata á unidade administrativa competente na área de menores.

Horario: un mínimo de 12 horas diarias, sendo o horario de acollida ata as 22.00 horas.

Servizos:

a) Acollida, valoración e asesoramento.

b) Aloxamento.

c) Manutención.

d) Hixiene.

e) Lavandaría.

f) Roupeiro.

g) Consigna.

h) Enderezo postal.

Outros posibles programas de intervención: inserción social, actividades ocupacionais e atención psicosocial.

A) Requisitos materiais:

a.1. Situación e accesos: procurarase a súa situación nunha zona residencial ben comunicada.

a.2. Zona administrativa: situarase preferentemente á entrada do centro contando como mínimo cun despacho habilitado que permita entrevistas individuais das persoas usuarias.

a.3. Dormitorios:

-Superficies mínimas, individuais 7 m2, dobres 9 m2, triples 12 m2 e cuádruples 14 m2.

-Excepcionalmente poderán existir dormitorios colectivos, garantindo que sexan independentes para ambos os sexos, e cunha capacidade máxima de 8 persoas cunha ratio de 3 m2 por usuario.

-Cada usuario disporá dunha cama de 0,90 m, un armario simple ou consigna onde depositar a roupa e demais utensilios persoais, mesa de noite e cadeira.

-Poderán contar con módulos destinados a unidades familiares, con espazos polivalentes adecuados para tal fin, garantindo a privacidade e intimidade das persoas usuarias e o contacto coas súas fillas e fillos.

a.4. Unidade de hixiene: disporá dun lavabo e dun retrete por cada 5 prazas e ducha con auga quente por cada 6 prazas.

a.5. Zonas comúns: as zonas de uso común terán unha superficie mínima de 15 m2 máis 1,5 m2 por praza a partir de 10. Os centros con capacidade superior a 25 prazas, deberán contar con espazos axeitados para o desenvolvemento de actividades de rehabilitación social.

Estes centros disporán como mínimo dun office con capacidade para ofrecer almorzos, ceas e bebidas quentes.

a.6. Zona ocupacional: poderán contar con espazos ocupacionais, pretalleres, área de atención psicosocial, de orientación profesional ou actividades similares, disporán de condicións de ventilación axeitada para aquelas áreas que impliquen permanencia continuada de persoas e iluminación natural ou artificial apropiada ás actividades que realicen.

B) Requisitos funcionais: levarán un rexistro dos ingresos e saídas e, se é o caso, das persoas usuarias que utilicen os servizos do albergue distintos da pernoita.

C) Persoal de atención directa: contarán cunha persoa técnica titulada na área de servizos sociais

2. Centros de acollida e inclusión.

Definición: son centros en réxime residencial temporal nos cales, mediante unha actuación programada, se posibilitan oportunidades de axuste persoal e incorporación sociolaboral ás persoas en situación ou risco de exclusión social.

En función dos seus obxectivos, os centros de acollida e inclusión, organizarán a súa actividade mediante o deseño, a execución e a avaliación de proxectos de traballo que desenvolvan os seguintes programas de atención:

1. Programa básico de acollemento e inclusión social, dirixido a persoas ou familias excluidas ou en risco de exclusión ou de emerxencia social, nos cales reciben atención social, manutención e aloxamento de xeito estable por un período de tempo determinado, mentres participan nun proxecto de inserción encamiñado ao logro da súa incorporación social e laboral.

Tamén se incluirán neste programa as persoas que pola súa especial á problemática necesitan un seguimento continuado para mellorar as súas condicións de vida, potenciar a súa autonomía e previr a súa exclusión.

2. Programa de apoio social a procesos terapéuticos: destinado a persoas afectadas por distintos tipos de adicción, que estean a participar nun programa terapéutico de rehabilitación levado a cabo nun centro debidamente autorizado. Este programa, que non terá carácter sanitario, só se ofertará cando as persoas usuarias carezan de centros cunha finalidade terapéutica axeitada á súa problemática, próximos ao domicilio familiar, ou ben, cando se acredite a inexistencia de apoio familiar.

Nestes centros, ademais, apoiarase o proceso de incorporación laboral e de normalización social das persoas usuarias.

Contarán cun proxecto de centro en que se fará constar: os obxectivos, contido e fases do programa, metodoloxía e, se é o caso, material técnico que se utilizará, tempo previsto para o seu desenvolvemento e calendario de actividades, sistema de avaliación, orzamento detallado do programa, especificando o custo por estadía, praza e día, así como o organigrama e cadro de persoal do centro.

3. Programa de transición á vida autónoma: consiste na oferta dun aloxamento provisional de características normalizadas para favorecer a transición á vida autónoma de persoas que, sendo vulnerables á exclusión social, contan con capacidade e posibilidades de inserción e normalización.

4. Calquera outro programa, previamente avaliado e co informe do órgano competente da Xunta de Galicia en materia de servizos sociais, que dea resposta a novas necesidades relacionadas coas persoas afectadas por diversos factores de exclusión social.

Número de prazas: en xeral, a partir de 5 prazas.

Destinatarios: persoas maiores de 18 anos ou unidades familiares.

Servizos:

a) Servizo de acollida, valoración e asesoramento.

b) Aloxamento e manutención

c) Atención integral, adquisición de comportamentos e habilidades sociais, itinerarios de incorporación sociolaboral.

d) Atención ás necesidades educativas, sociais, de saúde e de integración que se precisen, segundo o programa do centro.

e) Apoio para preservar a autonomía persoal.

A) Requisitos materiais:

Cando polo número de prazas se sitúen en vivendas normalizadas, poderán contar coa distribución de espazos dunha vivenda familiar, e estarán dotados do equipamento e servizos necesarios para levar a cabo o programa autorizado.

a.1. Zona administrativa: situarase preferentemente á entrada do centro contando como mínimo cun despacho habilitado para realizar entrevistas individuais das persoas usuarias.

a.2. Dormitorios:

-Superficies mínimas aproximadas, con carácter xeral, individuais 7 m2, dobres 9 m2, triples 12 m2.

-Cada usuario disporá como mínimo dunha cama de 0,90 m, mesa de noite, cadeira, armario simple e punto de luz na cabeceira.

-Cando se trate de unidades familiares, deberán contar cuns espazos privados destinados a garantir a intimidade necesaria para as persoas usuarias e o contacto coas súas fillas e fillos.

a.3. Servizos hixiénicos:

Todos os centros disporán de servizos hixiénicos en número suficiente e distribuidos uniformemente polo centro cunha proporción dun baño por cada 6 prazas ou fracción, cun mínimo de dous.

a.4. Zonas comúns:

As zonas de uso común terán unha superficie mínima de 15 m2, máis 1,5 m2 por praza a partir de 10 usuarios. Os centros con capacidade superior a 25 prazas, deberán contar con espazos axeitados para o desenvolvemento de actividades de rehabilitación social.

a.5. Zona ocupacional: poderán contar con espazos ocupacionais, pretalleres, área de atención psicosocial, de orientación profesional ou actividades similares; disporán de condicións de ventilación axeitada para aquelas áreas que impliquen permanencia continuada de persoas e iluminación natural ou artificial apropiada as actividades que realicen.

B) Requisitos funcionais:

b.1. Acollemento e ingreso:

Para permanecer no centro será imprescindible asinar un proxecto de inserción en que conste o nome da persoa responsable do correspondente itinerario de inserción, e a aceptación do regulamento de réxime interior do centro.

A citada documentación deberá constar no expediente individual do usuario.

b.2. Expediente individual: recolleranse os datos persoais da persoa usuaria (identificación, datos económicos, familiares, informes de situación inicial e seguimento, sentenza de incapacitación e filiación do titor legal, etc.), os datos médicos (antecedentes, prescricións médicas asinadas por facultativo, teléfonos de contacto...) e a información relativa ao proceso de inserción social (proxecto de inserción sociolaboral, identificación do acompañante do itinerario de inclusión social, obxectivos, grao de cumprimento e outras observacións).

Os centros que estean a desenvolver programas de apoio terapéutico á distintas adiccións farán constar ademais: o centro ou entidade que procedeu á derivación do caso; o centro de referencia onde se leva a cabo o programa terapéutico de rehabilitación; os datos do terapeuta responsable segundo as distintas fases do programa, para cando sexa necesario a súa localización; os datos sobre os hábitos toxicolóxicos; historia clínica e psicolóxica, así como o tratamento recibido e o prognóstico evolutivo.

C) Persoal de atención directa:

Cando o programa funcional do centro o requira asegurarase a permanencia continuada de persoal durante as 24 horas do día, garantindo ademais as necesidades de acompañamento das persoas usuarias.

C.1. Programa básico de acollemento e inclusión social:

-Unha persoa técnica titulada na área de servizos sociais que poderá exercer a función de director do centro.

-Nos centros de máis de 12 prazas, un técnico superior en integración social, cunha ratio de 0,05 traballadores a xornada completa por usuario, cun mínimo dun técnico.

Cando residan persoas en situacións de dependencia requirirase que o persoal de atención directa, conte coa cualificación axeitada.

C.2. Programa social de apoio a procesos terapéuticos de rehabilitación de distintas adiccións:

-Unha persoa técnica titulada na área de servizos sociais, que poderá exercer a función de dirección do centro. Deberá contar cunha formación específica en terapias de rehabilitación de substancias adictivas.

-Unha persoa con formación en terapias de rehabilitación de substancias adictivas.

C.3. Programa de transición á vida autónoma:

Poderán contar cun educador social ou monitores capacitados en número suficiente para desenvolver as actividades programadas, segundo as necesidades e características das persoas usuarias a que se dirixa.

3. Comedores sociais.

Definición: son establecementos en que se ofrece o servizo de almorzo/xantar e/ou cea a persoas en risco de exclusión social con necesidades de manutención.

Prazas: en xeral contarán cunha capacidade mínima de 15 usuarios/as.

Destinatarios: persoas maiores de 18 anos ou menores acompañados ou autorizados polo titor ou representante legal correspondente.

Horarios: e horario mínimo de atención será de 12.30 a 14.30 horas para as comidas e de 20.00 a 21.30 horas para as ceas.

A) Requisitos materiais:

-Unha dependencia para a realización das entrevistas e o axuste persoal ben no mesmo centro ou na sede da asociación de que dependa o comedor.

-Un mínimo de dous aseos.

Estes centros poderán contar con zonas integradas de hixiene, lavandaría e roupeiro.

B) Requisitos funcionais: disporán dun plan de menús, que garanta a achega dietético e calórico axeitado e que será exposto no taboleiro do centro.

C) Persoal de atención directa: contarán cun/ha diplomado/a en traballo social durante un mínimo de catro horas á semana, responsable da valoración, asesoramento e derivación das persoas usuarias cara aos recursos normalizados.

O cadro de persoal será o axeitado ás necesidades do servizo e deberá cumprir a normativa autonómica en materia de manipulación de alimentos.

4. Centros de atención social continuada.

Definición: son centros abertos permanentemente en horario continuado ou nun horario complementario ao resto de recursos sociais de atención ás situacións de exclusión e de emerxencia, nos cales se ofertan servizos de atención a necesidades básicas e/ou urxentes das persoas usuarias.

En todo caso a intensidade dos servizos deberá incrementarse cando circunstancias climatolóxicas ou doutra índole así o aconsellen.

Prazas: en xeral deberán posibilitar o acollemento dun mínimo de 15 persoas usuarias.

Destinatarios: persoas afectadas por situacións de necesidade inaprazable e emerxencia social que pola súa natureza ou condicionamentos horarios non poidan ser atendidas polos demais dispositivos do sistema.

Servizos:

a) Abrigo.

b) Repartición de alimentos.

c) Hixiene.

d) Roupeiro.

e) Valoración inicial, asesoramento, orientación e derivacións a recursos sociais axeitados.

A) Requisitos materiais:

-Despacho de axuste persoal.

-Sala polivalente de 2 m2 por usuario. Deberá posibilitar distintos ambientes: zona de estar/descanso e zona de comedor/actividades.

-Un mínimo de dous aseos.

-Deberán dispor como mínimo dun office con capacidade para ofrecer alimentos e bebidas quentes.

Poderán contar con zonas integradas de hixiene, lavandaría e roupeiro.

B) Requisitos funcionais: deberán estar adaptados funcionalmente ás condicións das persoas usuarias, así como aos programas e prestacións que se leven a cabo.

C) Ratios de persoal: o cadro de persoal deberá garantir as necesidades do servizo a través de servizos profesionais propios ou ben acordados mediante documento formalizado para tal efecto, con asociacións que traballen no ámbito da inclusión social.

5. Centros de día para a inclusión social.

Definición: son centros destinados a posibilitar, en réxime diúrno, diversas oportunidades de mellora da inclusión social e de axuste persoal a persoas en situación ou risco de exclusión social, proporcionándolles, entre outros, servizos de terapia ocupacional, autocoidado, habilidades sociais, ocio, educación para a saúde, atención psicosocial, intermediación ou prospección laboral, así como, formación de carácter prelaboral adaptada as características das persoas usuarias.

Cada centro contará cun programa específico en función do colectivo atendido e das súas necesidades ofrecéndolles actividades planificadas que conduzan á súa incorporación social e laboral.

Prazas: en xeral a partir de 10 prazas.

Destinatarios: persoas maiores de 18 anos, con distintas problemáticas sociais e/ou persoais que impliquen situacións de marxinación ou risco de exclusión social.

Tamén poderán ser beneficiarios das actividades destinadas á mellora da empregabilidade as persoas menores en idade laboral.

Servizos: segundo as problemáticas específicas dos grupos que integren os distintos centros poderán contar cos seguintes servizos:

a) Información, orientación e asesoramento.

b) Atención social e psicolóxica.

c) Asesoramento xurídico.

d) Actividades formativas de carácter prelaboral, adquisición de habilidades laborais, hábitos de horarios, distribución do tempo, actividades ocupacionais e de inserción social.

e) Coidados da saúde, dinamización sociocultural, información e formación as familias e cantas outras sexan necesarias para a consecución dos obxectivos do programa funcional do centro.

f) Opcionalmente servizo de comedor para as persoas usuarias do centro.

A) Requisitos materiais:

Serán axeitados para levar a cabo o programa funcional do centro.

Como mínimo deberán contar con:

-Despacho profesional:

-Aulas/talleres para a realización das distintas actividades formativas cun mínimo de 12 m2 e cunha proporción de 2 m2 por persoa usuaria.

-Unha sala para a realización de actividades de axuste persoal e social cun mínimo de 12 m2.

-En caso de ofrecer o servizo de comedor disporán de local axeitado a este fin.

-Contarán con aseos distribuídos uniformemente por todo o centro e con duchas con auga quente, cando pola actividade desenvolvida sexa recomendable.

B) Requisitos funcionais:

b.1. Expediente individual: recolleranse os datos persoais da persoa usuaria (identificación, datos económicos, familiares, informes de situación inicial e seguimento, sentenza de incapacitación e filiación do titor legal, de ser o caso, descrición ocupacional-laboral,etc), e a información relativa ao proceso de inserción social (proxecto de inserción sociolaboral, identificación do acompañante do itinerario de inclusión social, obxectivos, grao de cumprimento e outras observacións).

b.2. Programa de intervención: cada centro, segundo as características dos seus usuarios/as, recollerá o seu programa de intervención específico, nun proxecto de centro en que se farán constar os obxectivos, contido e fases do programa, metodoloxía, as accións e as actividades que se levarán a cabo para a súa consecución.

C) Persoal de atención directa:

Contarán con monitores especializados nas áreas técnicas e ocupacionais propias das actividades prelaborais que se vaian desenvolver, cunha ratio de 0,07 por persoa usuaria, cun mínimo dun monitor.