DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Martes, 26 de febreiro de 2008 Páx. 3.214

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 7 de febreiro de 2008 pola que se establece o sistema de transmisión de datos na fase de primeira venda da pesca fresca.

O Regulamento (CEE) nº 2847/1993, do Consello, do 12 de outubro de 1993, polo que se establece un réxime de control aplicable á política pesqueira común segundo modificación operada polo Regulamento (CE) nº 2846/1998, dispón no artigo 9.1º que as lonxas ou outros organismos ou persoas autorizados polos estados membros, encargados da primeira comercialización dos produtos pesqueiros desembarcados nun Estado membro, presentarán na primeira venda unha nota de venda ante as autoridades competentes do Estado membro do territorio no que se efectúe a primeira comercialización. A presentación das notas de venda, en que se relacionen todos os datos necesarios, será responsabilidade das lonxas ou outros organismos ou persoas autorizadas polos estados membros.

O Regulamento (CE) nº 2371/2002 do Consello, do 20 de decembro de 2002, sobre a conservación e explotación sustentable dos recursos pesqueiros en virtude da política pesqueira común, establece no seu artigo 22.2º disposicións aplicables á regulación e control da primeira venda dos produtos pesqueiros.

Coa publicación do Real decreto 2064/2004, do 15 de outubro, polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros, dáse traslado á lexislación nacional do contido destes dous regulamentos, co obxectivo de establecer a normativa básica na materia. A posterior modificación deste real decreto a través do Real decreto 607/2006, do 19 de maio, establece o contido mínimo da nota de venda unha vez feita efectiva a primeira venda. Por outra banda, este real decreto fixa que as notas de venda remitiranse nun prazo de 48 horas a partir da primeira venda, ao órgano competente da comunidade autónoma onde se efectúa a dita venda.

A regulación sobre o control da descarga e transporte de produtos pesqueiros frescos e da acuicultura ata a fase de primeira venda establece, por unha banda, que para transportar por vía terrestre produtos pesqueiros ata a fase de primeira venda estes deberán ir acompañados dun documento de transporte e, por outra, que se os produtos da pesca non son postos á venda ou se destinan a unha posta en venda aprazada, expedirase unha declaración de recollida. Para aqueles lotes de peixes ou mariscos aos que se lles teña emitido calquera destes documentos, a nota de primeira venda deberá conter o tipo de documento que os ampara así como o seu número de referencia.

Finalmente o Decreto 101/2006, do 8 de xuño, de modificación do Decreto 419/1993, do 17 de decembro, regula a posibilidade de venda directa e demais modalidades de venda que os produtores pretendan levar a cabo, sempre que esta se realice a través das lonxas ou centros de venda. Do mesmo xeito sinala que rematada a venda, calquera que fose a modalidade da transacción, a entidade concesionaria da lonxa ou responsable do centro de venda deberá cubrir a correspondente nota de venda que transmitirá ao órgano competente da comunidade autónoma.

De acordo co anteriormente exposto, despois da consulta ás autoridades portuarias, en canto a titulares dos recintos onde se realiza a primeira venda nos portos de interese xeral, e aos sectores pesqueiros e comercializador afectados, en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular o sistema de transmisión de datos de primeira venda dos produtos da pesca fresca e establecer a estrutura e contido dos arquivos de transmisión de notas de venda.

Artigo 2º.-Responsables das notas de venda.

Para os efectos desta orde, serán responsables de cubrir, emitir e presentar notas de venda ante a consellería competente en materia de pesca:

a) Os concesionarios das lonxas ou centros de venda autorizados pola consellería competente en materia de pesca.

b) As vendedurías ou axentes autorizados para a realización da primeira venda de produtos pesqueiros frescos, que actúen dentro dos recintos dos portos de interese xeral. Neste suposto, as notas de venda deberán remitirse á autoridade portuaria titular da lonxa, para os efectos que esta os presenten ante a consellería competente en materia de pesca.

Artigo 3º.-Requisitos que deben reunir os lugares onde se realice a primeira venda.

As lonxas, centros de venda ou axentes autorizados para realizar a primeira venda dos produtos pesqueiros frescos deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de equipamentos informáticos suficientes e axeitados para a obtención e transmisión ao órgano competente da comunidade autónoma de todos os datos que se precisen sobre as transaccións que nelas se efectúen.

b) Dispoñer de sistemas de pesada precisos e axeitados ás características dos produtos pesqueiros obxecto de transacción.

Artigo 4º.-Nota de venda.

1. Unha vez feita efectiva a primeira venda dos produtos da pesca frescos, sexa cal fose a súa modalidade de transacción, deberá cubrirse o documento nota de venda nos termos que establece o Real decreto 607/2006, do 19 de maio, polo que se modifica o Real decreto 2064/2004, do 15 de outubro.

2. Unha vez rematadas as vendas do día, xerarase un arquivo informático coas liñas correspondentes a cadansúa nota de venda. Cada rexistro de nota de venda terá a estrutura que se fixa no anexo I. O arquivo de transmisión quedará rematado cunha derradeira liña de resumo de datos tal como establece o citado anexo.

Artigo 5º.-Transmisión de datos.

Os responsables das notas de venda procederán a realizar a transmisión dos arquivos cos rexistros das notas de venda cara os sistemas de almacenamento de información estatística, a través dos protocolos telemáticos establecidos pola consellería competente en materia de pesca. Estes arquivos remitiranse dentro das 48 horas posteriores ao remate das vendas diarias.

Artigo 6º.-Validación e modificación de datos nas notas de venda.

1. As lonxas, centros de venda e os axentes autorizados poderán proceder a rectificar os erros de identificación, pesada ou asignación de prezo que tivesen lugar durante a primeira venda dentro das 48 horas posteriores á transmisión do arquivo de notas de venda.

2. Unha vez recibidos os arquivos coas notas de venda serán revisados na unidade con competencias en estatística coa finalidade de proceder á súa validación. Logo da súa revisión procederase a informar ás entidades emisoras dos erros e deficiencias que presenten as notas de venda, co fin de que sexan corrixidas en orixe.

3. Os responsables das notas de venda unha vez comprobadas estas deficiencias comunicarán as correccións que correspondan e remitirán de novo aqueles rexistros que deban ser corrixidos.

4. A unidade estatística da consellería competente en materia de pesca poderá realizar periodicamente contraste de datos coas lonxas, centros de venda ou axentes autorizados. Os responsables destes establecementos facilitarán o acceso do persoal adscrito a esta unidade estatística ás dependencias do establecemento e colaborarán no labor de contraste dos datos xerados nas distintas transaccións.

5. Os responsables das lonxas, centros de venda ou os axentes autorizados deberán manter e actualizar os datos dos buques e mariscadores que realizan as vendas nos seus establecementos, comunicando periodicamente á unidade estatística da consellería competente en materia de pesca as modificacións que poidan acontecer e procederán a rectificar aqueles erros de identificación dos que se lles informe desde esta unidade.

6. En todas as notas de primeira venda será requisito imprescindible para a súa validación presentar cuberto correctamente a totalidade dos campos. No anexo II desta orde publícanse determinadas instrucións para a cobertura destes.

Artigo 7º

Cando un lote de produtos pesqueiros frescos posto á venda estea acompañado dun documento de transporte, dunha declaración de recollida ou de calquera dos outros documentos que se citan no Regulamento (CEE) 2847/1993, do Consello, do 12 de outubro de 1993 e as súas posteriores modificacións, deberase facer referencia a estes documentos na nota de venda (campos 21, 22, 23, 24 e 25), así como completar estas notas de venda cos datos que nestes documentos figuren.

Artigo 8º

Aos lotes de produtos pesqueiros frescos que entren nos recintos portuarios coa primeira venda xa realizada e coa correspondente nota de primeira venda emitida pola lonxa ou centro de venda autorizado de orixe, non se lles emitirá, en ningún caso, unha nova nota de primeira venda.

Artigo 9º

Cando excepcionalmente nunha lonxa ou centro de venda autorizado se poñan á venda produtos de acuicultura, deberase expedir a nota de venda que corresponda. No anexo II danse as instrucións para que estas notas de venda poidan diferenciarse das notas de venda de pesca fresca.

Disposicións adicionais

Primeira.-A consellería competente en materia de pesca facilitará a automatización tanto do proceso de venda como da transmisión de datos, naquelas lonxas ou establecementos autorizados que non dispoñan destes sistemas.

Segunda.-A falta de colaboración, a transmisión de datos fóra de prazo ou o incumprimento do establecido nesta orde poderá dar lugar a incoación do correspondente expediente sancionador de conformidade coa normativa vixente de protección, control, infraccións e sancións en materia marítimo-pesqueira de Galicia.

Terceira.-As administracións públicas competentes en cada caso adoptarán as medidas necesarias co fin de garantir un tratamento confidencial dos datos recibidos en virtude desta orde, restrinxíndose o seu uso aos fins para os que se achegan, agás que se deban empregar para protexer a saúde pública.

Disposicións transitorias

Primeira.-Establécese un período transitorio de sesenta días, a partir da publicación desta orde, para que os responsables das lonxas ou centros de venda autorizados adapten os seus programas informáticos de xeito que transmitan os seus arquivos coas notas de venda conforme o formato que figura como anexo I a esta orde.

Segunda.-Unha vez rematado o período fixado na disposición transitoria primeira, rexeitaranse aqueles arquivos que non cumpran co formato e contidos fixados nesta orde.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que contradigan o disposto nesta orde e, en particular, a Orde do 4 de agosto de 2004 pola que se establece o sistema de transmisión de datos na fase de primeira venda da pesca fresca.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Recursos Mariños para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "04000D002P014.PDF"

ANEXO II

Instrucións para cubrir os campos

Campo nº 4. Código da especie (FAO): a lista completa de códigos internacionais de tres letras correspondentes ás especies figura no arquivo ASFIS da FAO (http://www.fao.org/fi/statist/fisoft/asfis/asfis.asp). Así mesmo, pódense consultar na resolución anual publicada pola Secretaría Xeral de Pesca Marítima en cumprimento do artigo 4, número 2º, do Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello, do 17 de decembro de 1999.

Campo nº 9. Tipo de provedor: indicarase o tipo de provedor que realiza a venda. Estará vinculado ao contido do campo nº 10.

Campo nº 10. Nº PERMEX/Nº CNFPO/Nº CFR/ PAVILLÓN+IIR

1. Para os titulares de permiso de explotación para o marisqueo a pé e as súas modalidades de extracción de recursos específicos será obrigatorio facer figurar o número do citado permiso de explotación. O campo nº 9 terá o valor 1.

2. No caso de buques con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e no resto do territorio nacional que realicen a primeira venda nas lonxas ou centros de vendas situados no ámbito territorial de Galicia será obrigatorio facer figurar nas notas de primeira venda o número do censo nacional da frota pesqueira operativa que teñan asignado (http://www.mapa.es/es/pesca/pags/flota/censo.htm). O campo nº 9 terá o valor 2.

3. Para os buques do resto dos países da Unión Europea, que realicen a primeira venda dos seus lotes nas lonxas ou centros de vendas situados no ámbito territorial de Galicia será obrigatorio facer figurar nas notas de primeira venda o número único de identificación dun buque pesqueiro (Community Fleet Register number; http://ec.europa.eu/fisheries/fleet/), que se establece no Regulamento (CE) nº 26/2004 da Comisión de 30 de decembro de 2003 relativo ao rexistro comunitario da frota pesqueira. O campo nº 9 terá o valor 3.

4. Para os buques de países terceiros que realicen a primeira venda de pesca fresca en lonxas ou centros de venda situados no ámbito territorial de Galicia faranse figurar neste campo o pavillón e o indicativo internacional de radio (IIR), podéndose completar coas súas sinais externas que se indicarán no campo nº 13. O campo nº 9 terá o valor 4.

Produtos de acuicultura:

Nos casos en que produtores de acuicultura decidan vender os seus produtos en lonxa ou centros de venda autorizados, os responsables das notas de venda identificarán estes provedores cubrindo correctamente os datos do titular do establecemento de acuicultura nos campos nº 16 e 17; así mesmo, consignarase no campo nº 9 o valor 5.