DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Venres, 07 de marzo de 2008 Páx. 3.959

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento de máquinas recreativas e de azar, aprobado polo Decreto 106/1998, do 12 de febreiro, que aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar, foi un instrumento útil de desenvolvemento normativo de todo un sector empresarial como é o xogo realizado con máquinas recreativas e de azar.

Nos últimos anos, non obstante, co cambio do sistema monetario, a implantación da normativa europea en materia ambiental, desenvolvida polo Real decreto 208/2005, do 25 de febreiro, sobre aparellos eléctricos e electrónicos e a xestión dos seus residuos, a aparición de novas tecnoloxías aplicadas a este sector, a expansión dos xogos pola internet, fan necesaria a modernización deste sector económico que garante unha importante fonte de ingresos ao sector público e que é xeradora dun grande número de postos de traballo no sector privado.

O cambio e modernización que este sector está a realizar, tanto a nivel das distintas comunidades autónomas como a nivel europeo, e a necesidade de incorporar á normativa autonómica -tal como se desprende da sentenza do Tribunal Constitucional do 20 de novembro- a regulación das características de fabricación e homologación dos instrumentos de xogo, fan necesaria a publicación dun novo marco normativo de máquinas que desenvolvan todos os aspectos necesarios para facer atractivos os xogos realizados con aparellos de funcionamento manual ou automático.

Ao mesmo tempo, este regulamento é, nalgúns aspectos, profundamente innovador e introduce modificacións, necesarias para o dinamismo do sector, para superar as insuficiencias normativas reveladas pola experiencia, asumir as decisións xurisprudenciais ditadas sobre a materia e protexer a incidencia social que o xogo mediante máquinas ten.

Neste sentido incorpórase todo un sistema de homologación e identificación de aparellos de xogo. Simplifícanse os trámites administrativos, déixase a porta aberta ao desenvolvemento do sector a través de normas con rango de orde para incorporar a estas empresas, altamente tecnificadas, a posibilidade das tramitacións telemáticas con seguridade para as persoas usuarias, sen mingua do correspondente control administrativo da actividade e clarifícanse determinados aspectos da ordenación anterior que a práctica da súa aplicación demandaba.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oída a Comisión de Xogo de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello de la Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de febreiro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do Regulamento de máquinas recreativas e de azar.

Apróbase o Regulamento de máquinas recreativas e de azar, que se desenvolve a seguir.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. Para os efectos deste regulamento, son empresas operadoras as que explotan máquinas de xogo ou prestan servizos técnicos de mantemento destas e se constitúen baixo a forma de sociedade mercantil.

2. Para os efectos deste regulamento, son empresas prestadoras de servizos de interconexión as empresas que xestionan os aparellos técnicos que conectan as máquinas de xogo e os establecementos de xogo para dar as opcións de xogo interconectado previsto neste regulamento.

Segunda.

1. A partir da entrada en vigor deste decreto e ata o día 31 de decembro de 2010 non se outorgarán novas autorizacións de explotación para máquinas recreativas de tipo B, salvo que se trate da modificación dunha autorización xa existente, polo procedemento de cambio do artigo 48º do regulamento que se aproba.

2. Non obstante o anterior, a partir da entrada en vigor deste decreto, a dirección xeral competente en materia de xogo realizará un estudo sobre a oferta e demanda real das máquinas recreativas de tipo B na Comunidade Autónoma de Galicia, fixando mediante a disposición pertinente e antes da finalización do prazo establecido no punto 1 anterior, a súa planificación.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes que se atopen en trámite á entrada en vigor deste decreto deberán axustarse aos requisitos previstos neste.

Segunda.-As empresas que, para os efectos desta normativa, deban estar inscritas no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo, farán a adaptación do disposto neste regulamento no prazo de seis meses a partir da data de entrada en vigor deste decreto. A falta de adaptación dará lugar á cancelación da inscrición prevista no artigo 27 deste.

Terceira.-A falta de adaptación ao disposto neste regulamento no prazo de seis meses, a partir da data de entrada en vigor deste decreto, no caso das empresas operadoras e as titulares de autorizacións de instalación de salóns dará lugar, ademais, á tramitación dos expedientes de revogación das autorizacións que estean vinculadas á empresa.

Cuarta.-Os salóns autorizados ao abeiro da normativa que se derroga axustaranse ás condicións técnicas e de seguridade sinaladas no regulamento aprobado por este decreto no anexo de condicións técnicas dos salóns recreativos e de xogo, no prazo máximo dun ano desde a súa entrada en vigor. De non realizalo no expresado prazo, incoarase expediente de revogación da autorización e cancelación da inscrición correspondente.

Quinta.

1. A Administración, no prazo de 18 meses, procederá de oficio á substitución documental das guías de circulación e das autorizacións de explotación, vixentes na data de entrada en vigor deste regulamento, mediante a expedición das correspondentes autorizacións de explotación.

2. A expedición dos novos documentos deberá levarse a cabo, antes do transcurso do prazo dun ano, desde a data de entrada en vigor deste regulamento. Para isto será preciso a entrega, ante a delegación provincial competente, dos exemplares das guías e das autorizacións de explotación que se van substituír, por parte das empresas titulares daqueles.

Sexta.

1. A vixencia dos boletíns de instalación de máquinas de tipo B que, á entrada en vigor deste decreto, se atopen validamente concedidos, prorrogarase automaticamente por un período de cinco anos, desde a data do vencemento dos respectivos boletíns de instalación, salvo nos casos en que, de acordo co preceptuado no artigo 55 b), c), d) e f) deste regulamento, concorra algunha causa de extinción.

2. A Administración, de oficio, no prazo dun ano desde a entrada en vigor deste regulamento, entregaralles ás empresas operadoras a autorización de instalación e situación que substitúa os boletíns vixentes.

3. No suposto de que, á entrada en vigor do regulamento, dúas empresas operadoras teñan autorización para a instalación de máquinas de xogo nun mesmo establecemento dos especificados nos artigos 49.1º c) e 50.1º c), non procederá prorrogar a validez do boletín de instalación da máquina de xogo, propiedade da última empresa operadora en acceder ao establecemento de hostalaría. Neste caso a empresa titular que accedeu en último lugar disporá do prazo dun ano para mantela no establecemento. Transcorrido este prazo, retirará a máquina de xogo do establecemento. Para os efectos de antigüidade na instalación, terase en conta a data de dilixenciación do boletín de instalación.

Sétima.

1. Por orde do conselleiro con competencias en materia de xogo desenvolveranse os procedementos de autorización e homologación das máquinas A especial nos seis meses seguintes á entrada en vigor desta norma.

2. Mentres non se publique un desenvolvemento normativo, non se poderán homologar nin autorizar máquinas de tipo A especial.

Oitava.

1. Por orde do conselleiro con competencias en materia de xogo, regularase o procedemento de homologación e autorización de cambio de xogo en máquinas de vídeo tipo B nos seis meses seguintes á entrada en vigor deste regulamento.

2. Mentres non se publique un desenvolvemento normativo, non se poderán homologar e autorizar trocos de xogo en máquinas de vídeo tipo B.

Novena.

A información existente nos departamentos xestores de xogo na Comunidade Autónoma de Galicia, actualmente en bases de datos informáticas, pasará a integrarse nos rexistros creados por este regulamento nos doce meses seguintes á entrada en vigor deste decreto.

Décima.

Facúltase o conselleiro competente en materia de xogo para a elaboración de normas que desenvolvan os procedementos administrativos previstos neste regulamento e a súa xestión telemática.

Disposición derrogatoria

Única.

1. Á entrada en vigor deste decreto quedan derrogadas as seguintes disposicións:

a) Decreto 106/1998, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar.

b) Decreto 45/2005, do 4 de marzo, polo que se establecen medidas sobre a utilización de moedas no funcionamento das máquinas recreativas tipo B.

c) Decreto 257/2006, do 28 de decembro, sobre autorizacións en materia de identificación de máquinas recreativas.

d) Orde do 27 de maio de 1998 pola que se aproban os modelos normalizados de solicitudes e autorizacións previstas no Regulamento de máquinas recreativas e de azar aprobado polo Decreto 106/1998, do 12 de febreiro.

e) Orde do 31 de xaneiro de 2003 pola que se establece o procedemento de homologación dos modelos das máquinas de xogos A especial.

f) Decreto 570/2005, do 29 de decembro, polo que se establece o Plan de máquinas de xogo tipo B na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, quedan derrogadas todas aquelas normas, de igual ou inferior rango, que se opoñan ao previsto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro con competencia en materia de xogo para ditar as normas de desenvolvemento deste decreto en relación coas seguintes materias:

Máquinas.

Homologacións.

Rexistro de Modelos.

Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo.

Identificación e réxime de explotación de máquinas.

Instalación de máquinas.

Réxime de uso das máquinas.

Salóns.

Réxime sancionador.

Segunda.-En relación coas contías das fianzas, dos prezos das partidas e dos premios, o conselleiro con competencias en materia de xogo poderá actualizar as contías en función da evolución de índices tales como o IPC, o incremento do PIB, a evolución do IPREM ou calquera outro índice demostrativo da evolución da economía de Galicia.

Terceira.-No prazo dun mes desde a súa entrada en vigor aprobaranse, mediante orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, os modelos normalizados de solicitudes e autorizacións previstas no regulamento aprobado polo presente decreto.

Cuarta.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de febreiro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este regulamento ten por obxecto:

1. A regulación do xogo desenvolvido mediante máquinas recreativas e de azar, ou aparellos de funcionamento manual ou automático que, a cambio dun prezo certo, ofrecen á persoa usuaria un tempo de utilización para entretemento ou ben para a obtención dun premio.

2. A regulación das devanditas máquinas recreativas e de azar.

3. A regulación das actividades directamente relacionadas con estas máquinas, desde a súa creación ata o seu despezamento.

4. A regulación das persoas físicas ou xurídicas e establecementos dedicados á realización destas actividades, en especial o que se refire ao cumprimento dos requisitos para a instalación das máquinas.

5. A regulación das autorizacións administrativas para a organización, práctica e desenvolvemento de xogos mediante máquinas de xogo.

Artigo 2º.-Exclusións.

As disposicións deste regulamento non serán de aplicación:

a) Ás máquinas expendedoras, entendéndose por tales as que se limitan a efectuar mecanicamente transaccións ou vendas de produtos ou servizos a cambio de billetes ou moedas introducidas nela, sempre que o valor do diñeiro depositado corresponda ao valor de mercado dos produtos que entreguen e o seu mecanismo non se preste a admitir calquera tipo de apostas, combinacións aleatorias, habilidade ou xogo de azar.

b) Ás máquinas tocadiscos ou videodiscos.

c) Ás máquinas ou aparellos de uso infantil accionados por moedas que permiten á persoa usuaria un entretemento consistente no goce dunha simulación mecánica dunha acción dinámica como son a imitación do trote dun cabalo, o voo dun avión, a condución dun tren, dun vehículo ou imitacións de similares características.

d) As máquinas ou aparellos de natureza estritamente manual ou mecánica de competencia pura ou deporte entre dúas ou máis persoas xogadoras, tales como futbolíns, mesas de billar, de tenis de mesa, boleiras, hóckey ou de índole similar, aínda que o seu uso requira a introdución de moedas.

e) As máquinas, aparellos, instrumentos ou dispositivos que utilicen redes informáticas, telemáticas, vía satélite ou calquera outro medio de comunicación ou conexión a distancia, ofrecéndolle á persoa usuaria, durante un tempo e a cambio dun prezo pola súa utilización, unha serie de servizos diferentes aos xogos recreativos e de azar, tales como a internet, chat, correo electrónico, tratamento de texto e imaxes, videoconferencias, transferencias de ficheiros ou servizos análogos, para o seu entretemento, comunicación, información e educación individual. Considérase que existe xogo se pola utilización destes servizos se ofrecen créditos, premios en metálico ou en especie, neste caso observarase o disposto nesta regulación.

f) As máquinas, aparellos, instrumentos ou dispositivos que sexan propios de feiras populares e non permanentes, e que estean xestionados por empresas ou industriais feirantes debidamente acreditados no sector de feira tradicional.

2. Non obstante o disposto no número anterior, as máquinas a que se refiren as letras b), c) e d) deste artigo, cando o seu uso requira o pagamento dun prezo, só poderán ser explotadas por empresas operadoras e deberán figurar necesariamente na máquina, de xeito visible, a denominación, o domicilio social e número de rexistro da empresa operadora.

3. Así mesmo, as máquinas enunciadas na letra d), do punto primeiro deste artigo, que requiran o pagamento dun prezo, non poderán instalarse en establecementos de hostalaría en número superior a dúas, agás cando se trate de máquinas que correspondan a billares, dardos, futbolíns ou deportes federados.

Título II

Das máquinas de xogo

Capítulo I

Definición e réxime das máquinas

Artigo 3º.-Do réxime xurídico e clasificación das máquinas de xogo.

1. Non se poderán homologar nin inscribir como máquinas de xogo aquelas que a súa utilización implique o uso de imaxes ou a realización de actividades ou actitudes que poidan prexudicar a formación da infancia e da xuventude. Quedan tamén prohibidas aquelas que transmitan mensaxes contrarias aos dereitos recoñecidos na Constitución española e, en especial, as que conteñan elementos racistas, sexistas, pornográficos ou que fagan apoloxía da violencia.

2. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de xogo a catalogación dos prototipos que se sometan ao procedemento de homologación e inscrición no Rexistro de Modelos da Comunidade Autónoma de Galicia nalgún dos tipos previstos neste artigo.

3. Para os efectos do seu réxime xurídico, as máquinas de xogo clasifícanse nos seguintes tipos:

a) Máquinas de tipo A ou recreativas.

b) Máquinas de tipo A especial.

c) Máquinas de tipo B ou recreativas con premio programado.

d) Máquinas de tipo C ou de azar.

Sección primeira

Máquinas de tipo A

Artigo 4º.-Máquinas de tipo A ou recreativas.

Son máquinas de tipo A ou recreativas aquelas que se limitan a ofrecerlle á persoa usuaria un tempo de uso ou de xogo, a cambio do prezo da partida, sen que poidan conceder ningún tipo de premio en metálico, en especie ou en forma de puntos cambiables por obxectos ou diñeiro. Estas máquinas poderán ofrecer como único aliciente adicional, e por causa da habilidade da persoa xogadora, a posibilidade de continuar xogando co importe inicial, en forma de prolongación da propia partida ou doutras adicionais.

2. Inclúense tamén neste grupo de máquinas de tipo A os aparellos, instrumentos, dispositivos ou soportes informáticos que, a cambio dun prezo por un determinado tempo de uso, sexan utilizados para a práctica de xogos recreativos e estean instalados en establecementos de pública concorrencia, que poden estar interconectados, mediante un servidor de área local, a unha rede local debidamente autorizada, ou con conexión a redes informáticas, telemáticas, vía satélite ou calquera outro medio de comunicación ou conexión a distancia que estea debidamente homologado pola dirección xeral competente en materia de xogo. En ningún caso poderán conceder estas máquinas, a través de terminais ou desde o servidor central, premios en metálico, en especie ou en forma de puntos cambiables por obxectos ou diñeiro. Así mesmo, mediante a utilización deste tipo de máquinas, tampouco se poderá acceder a sitios ou páxinas da internet, en que se ofreza o cruzamento de apostas, xogos de azar ou premios en

especie ou diñeiro. De todo iso, será responsable a empresa titular do servidor ou ordenador central e, de ser o caso, a empresa prestadora de tales servizos informáticos.

3. Poderán homologarse máquinas de tipo A que, se conforman un só moble, permiten a súa utilización simultánea por dúas ou máis persoas xogadoras. Estas máquinas estarán amparadas por unha única autorización de explotación e, para os efectos de capacidade, computarán como unha soa máquina.

4. O pagamento do prezo da partida poderá efectuarse mediante moeda corrente e/ou mediante sistemas de prepagamento debidamente homologados. Non obstante, o pagamento do prezo da partida en aparellos informáticos tamén poderá efectuarse en efectivo ao persoal do establecemento.

5. As máquinas de tipo A ou recreativas poderán interconectarse entre elas, tanto se se atopan no mesmo salón como noutros, mediante sistemas debidamente homologados, o centro de control dos cales deberá estar situado nun dos salóns que se interconectan.

6. As máquinas tipo A poderán incorporar os requisitos técnicos establecidos no artigo 8º alíneas c) e d) deste regulamento.

Artigo 5º.-Máquinas de tipo A especial.

1. Son máquinas de tipo A especial aquelas que á parte de proporcionar un tempo de uso ou de xogo, poden conceder, eventualmente, un premio directo en especie ou mediante unha cantidade de billetes, fichas ou similares, en función da habilidade, destreza ou coñecemento da persoa xogadora.

2. O valor máximo de mercado do premio en especie, que, eventualmente, a máquina poida entregar, ben directamente ou ben a través de billetes, fichas ou similares, non poderá superar os dez euros.

3. As máquinas tipo A especial poderán incorporar os requisitos técnicos establecidos no artigo 8 alíneas c), d) e g) deste regulamento.

4. O procedemento de homologación e autorización das devanditas máquinas serán fixados mediante orde da consellería competente en materia de xogo, de acordo co que estableza a legalidade vixente.

Sección segunda

Máquinas de tipo B ou recreativas con premio programado

Artigo 6º.-Máquinas de tipo B.

Son máquinas de tipo B ou recreativas con premio programado, aquelas máquinas que, a cambio do prezo da partida ou xogada, conceden á persoa usuaria un tempo de uso ou de xogo e, eventualmente, un premio en metálico, de acordo co programa de xogo, e cos límites que estableza a legalidade vixente.

Artigo 7º.-Requisitos xerais das máquinas de tipo B.

Para ser homologadas e inscritas na sección correspondente do Rexistro de Modelos, as máquinas de tipo B terán que cumprir as condicións seguintes:

a) O prezo máximo da partida será de 20 céntimos de euro. Non obstante o anterior, poderán homologarse máquinas, cun prezo máximo de partida de 50 céntimos de euro, para a súa instalación, exclusiva, nos locais enunciados no artigo 50.1º a) e b) deste regulamento.

b) O premio máximo que a máquina pode entregar non poderá exceder catrocentas veces o prezo máximo da partida simple ou de seiscentas veces o prezo máximo da partida dobre simultánea. O programa de xogo non poderá provocar ningún tipo de encadeamento ou secuencia de premios, cuxo resultado sexa a obtención dunha cantidade de diñeiro superior ao premio máximo establecido.

c) Cada máquina estará programada de forma que devolva, en todo ciclo de corenta mil partidas consecutivas, unha porcentaxe de premios que nunca será inferior ao 70% do prezo das partidas efectuadas.

d) A duración media da partida non será inferior a cinco segundos e sen que a duración máxima de 360 partidas exceda de 30 minutos. Para os efectos da duración, a realización dunha partida dobre simultánea contabilizarase como se se tratase dunha partida simple.

e) Os premios consistirán necesariamente en diñeiro de curso legal e nunca poderán ser entregados en forma de fichas, puntos ou créditos a favor da persoa xogadora.

Non obstante o anterior, o pagamento de premios das máquinas instaladas en salóns de xogo, en salas de bingo e casinos, poderá instrumentarse mediante a entrega á persoa xogadora acertante dun efecto bancario, ou a través de métodos electrónicos de pagamento legalmente admitidos, contra a conta bancaria da entidade titular.

Así mesmo, co fin de facilitar as medidas de seguridade nos salóns de xogo, en salas de bingo e casinos, la dirección xeral competente en materia de xogo poderá autorizar a expedición exclusiva para os devanditos establecementos de soportes ou tarxetas electrónicas de pagamento e reintegro, que se cambiarán dentro das súas dependencias e que evitarán a acumulación de elevadas sumas de moedas nestes locais.

f) As máquinas deberán dispoñer dun mecanismo de expulsión automática dos premios ao exterior, sen necesidade de acción ningunha por parte da persoa xogadora.

g) Para iniciar a partida requirirase que a persoa xogadora accione o interruptor ou dispositivo de posta en marcha. Transcorridos cinco segundos sen facelo, a máquina deberá funcionar automaticamente.

h) No taboleiro frontal deberán constar con claridade as regras de xogo, a descrición das combinacións gañadoras, o importe do premio correspondente a cada unha delas e a porcentaxe mínima de devolución en premios.

i) O contador de créditos da máquina non admitirá unha acumulación superior ao equivalente a 50 veces o prezo máximo autorizado por partida.

j) Deberá constar, así mesmo, no taboleiro frontal e dunha forma visible, a indicación de prohibición de utilización a menores de dezaoito anos.

k) No caso de que se utilice o soporte de vídeo ou sistemas similares, as máquinas poderán presentar a información relativa ás regras de xogo, descrición de combinacións gañadoras e plans de ganancias, a través da utilización das propias pantallas.

l) A memoria electrónica da máquina que determina o xogo deberá ser imposible de alterar ou manipular.

m) As máquinas incorporarán unha fonte de alimentación de enerxía autónoma, que preserve a memoria en caso de desconexión ou interrupción do fluído eléctrico e permita, de ser o caso, o reinicio do programa no mesmo estado.

n) As máquinas non poderán instalar ningún tipo de dispositivo sonoro que entre en funcionamento mentres a máquina non estea en uso por unha persoa xogadora.

o) O xogo poderase desenvolver mediante a utilización de pantalla de televisión ou soporte físico análogo, controlado por sinal de vídeo ou similar.

p) As máquinas poderán ter un máximo de tres xogos homologados, que poderán funcionar indistintamente e requirirán autorización previa para o cambio de todos ou cada un deles por outros igualmente homologados.

Artigo 8º.-Dispositivos opcionais.

Con carácter opcional as máquinas de tipo B poderán estar dotadas dos seguintes mecanismos ou características:

a) Os que permitan por vontade da persoa usuaria arriscar os premios previamente obtidos, practicar o dobre ou nada ou outras apostas análogas, sempre que o programa de xogo garanta o mantemento da porcentaxe de devolución e que non se superen os premios máximos previstos en cada caso.

b) Os que permitan a retención parcial da combinación dunha partida non gañadora por outra posterior.

c) Os que permitan a realización simultánea dun número acumulado de partidas que, en conxunto, non superen o valor de dúas veces o prezo máximo da partida autorizada para cada modelo.

d) Moedeiros aptos para admitir moedas ou billetes de valor non superior en cen veces o prezo máximo autorizado por partida.

e) Acumulador ou contador de moedas, non destinadas ao xogo, que recolla o diñeiro introducido e os premios obtidos e que lle permita á persoa que xogue recuperar o importe acumulado en calquera momento, sempre que non sexa no transcurso dunha partida, ou transferir o diñeiro ao contador de créditos destinados ao xogo. O importe acumulado deberá ser entregado automaticamente á persoa xogadora se transcorren 10 segundos desde que o contador de créditos chegase a cero.

f) Mecanismos que posibiliten o aumento da porcentaxe mínima de devolución a que se fai referencia no artigo anterior.

g) Mecanismos para que non devolvan cambio por importe inferior ou igual a 1 euro, neste caso a máquina estará programada de forma que xogue automaticamente a partida ou partidas sucesivas que correspondan ata a finalización do importe introducido. Esta característica deberá figurar obrigatoriamente no taboleiro frontal da máquina.

h) As que conforman un só moble e permitan a súa utilización simultánea e independente por dúas ou máis persoas xogadoras, para a súa instalación exclusiva nos salóns de xogo ou de tipo B e dependencias habilitadas, para o efecto, en salas de bingo e casinos de xogo. Estas máquinas estarán amparadas por unha única autorización de explotación e, para o efecto exclusivo de capacidade, computarán como unha máquina cada dúas persoas xogadoras ou fracción excedente deste múltiplo.

i) Dispositivos para que as máquinas funcionen mediante tarxeta electrónica ou magnética denominada de prepagamento. Este dispositivo tan só é posible nas máquinas que se instalen en salóns de xogo, bingos e casinos.

Artigo 9º.-Interconexión de máquinas B.

1. Nos salóns de xogo, salas de bingo e nos casinos de xogo poderase autorizar a instalación de sistemas de interconexión de máquinas tipo B debidamente homologados, que poderán outorgar un premio máximo acumulado, cuxa contía non será superior a 3.000 euros. O premio acumulado outorgado polo sistema de interconexión non poderá supoñer unha diminución da porcentaxe de devolución de cada unha das máquinas interconectadas.

2. Coas mesmas condicións anteriores tamén se poderá autorizar a interconexión de máquinas entre os devanditos establecementos mediante sistemas debidamente homologados, o centro de control dos cales deberá estar situado nun dos establecementos que se interconecten.

Sección terceira

Máquinas de tipo C

Artigo 10º.-Definición.

1. Son máquinas de tipo C ou de azar aquelas que, a cambio dunha determinada aposta, lle conceden á persoa usuaria un tempo de uso ou de xogo e, eventualmente, un premio que dependerá sempre do azar.

Para estes efectos, entenderase que existe azar cando as probabilidades de obtención de calquera símbolo, combinación ou premio non dependan dos resultados das partidas anteriores.

2. A instalación deste tipo de máquina só se autorizará en casinos de xogo debidamente autorizados pola consellería competente.

3. As máquinas de tipo C ou de azar poderán interconectarse co obxecto de poder outorgar un premio especial ou superbolsa, así como premios en especie que, por vontade da persoa xogadora, se poderán cambiar por un importe en moeda de curso legal, ben pola suma que supoña o da totalidade dos premios de bolsa das máquinas interconectadas ou ben en función do número de apostas cruzadas. O importe do premio, así como o indicativo do premio en especie ou obxecto, reflectirase nitidamente en cada máquina interconectada.

4. No caso de que a interconexión se autorice entre máquinas situadas en dous ou máis casinos de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia, o sistema de interconexión deberá reunir as características e requisitos técnicos necesarios para garantir o disposto no punto anterior e a empresa prestadora de tales servizos, e atoparse autorizada polo organismo competente en materia de xogo.

Artigo 11º.-Requisitos xerais das máquinas tipo C.

1. Para proceder á homologación e inscrición no Rexistro de Modelos das máquinas de tipo C ou de azar, estas deberán cumprir como mínimo os seguintes requisitos técnicos:

a) O prezo da partida será fixado para cada modelo de máquina na correspondente resolución de inscrición no Rexistro de Modelos, podendo homologar máquinas tipo C que estean deseñadas con varias liñas de aposta e máquinas das denominadas multidenominación, que son aquelas en que o/a cliente pode elixir á súa conveniencia o prezo da partida. Así mesmo, poderanse utilizar, logo da homologación, fichas, tarxetas magnéticas prepagamento ou outro soporte físico, en substitución das moedas de curso legal, para o establecemento de xogo onde se atopen instaladas as máquinas.

O diñeiro introducido na máquina poderá acumularse nun contador de créditos específico e poderá recuperalo a persoa xogadora á súa vontade en calquera momento.

O número de créditos obtidos por cada unidade de aposta será proporcional ao valor monetario desta última.

b) O premio máximo que as máquinas de tipo C poden outorgar nunha partida será o que se fixe para cada modelo na correspondente resolución de inscrición no Rexistro de Modelos da Comunidade Autónoma de Galicia, respectando para tal fin a porcentaxe de devolución que se establece neste artigo. Así mesmo, poderanse homologar máquinas de tipo C ou de azar que permitan a acumulación dunha porcentaxe das sumas apostadas co obxecto de conformar premios especiais ou bolsas de carácter progresivo, cuxa obtención se logrará mediante a consecución de combinacións específicas do xogo de cada modelo.

c) A duración mínima de cada xogada ou partida será 2,5 segundos.

d) Os modelos de cada máquina deberán estar deseñados tecnicamente para que na súa explotación lle devolvan en premios á persoa xogadora, de acordo coa serie estatística de partidas que resulte da totalidade de combinacións posibles, unha porcentaxe non inferior ao 80% das apostas efectuadas, e poderán incrementar a devandita porcentaxe de devolución por vontade da empresa titular da máquina.

No caso de que o modelo da máquina estea deseñado tecnicamente para acumular progresivamente unha porcentaxe do apostado para conformar premios especiais ou bolsas, esta acumulación será adicional á porcentaxe de devolución prevista no parágrafo anterior. Independentemente do enunciado, poderán tamén interconectarse as máquinas de tipo C coa finalidade de outorgar premios especiais que as persoas usuarias daquelas poderán recibir polo simple feito de atoparse xogando nunha delas e sen que se condicione a súa obtención á consecución dunha combinación gañadora do plan de ganancias da máquina ou a contía da aposta realizada.

e) Sen prexuízo do establecido no artigo 12.3º deste regulamento, deberán dispoñer dun mecanismo de pagamento automático dos premios obtidos co fin de que non sexa necesario para obtelos acción ningunha por parte da persoa usuaria.

2. A entrega dos premios deberá consistir en moeda de curso legal, salvo que exista autorización para a utilización de fichas, tarxetas magnéticas prepagamento ou doutros soportes físicos autorizados. Nestes casos, os premios serán entregados á persoa usuaria mediante fichas ou recargas nas tarxetas ou outros soportes que seranlle cambiables ou reintegrables por diñeiro de curso legal dentro do mesmo establecemento de xogo.

3. No taboleiro frontal ou, de ser o caso, na pantalla de vídeo que incorpore a máquina, deberá constar polo menos a seguinte información:

a) Indicación do número de apostas posibles para efectuar por partida.

b) As regras de xogo.

c) Indicación dos tipos e valores das moedas, billetes, fichas, tarxetas ou outros soportes físicos autorizados que acepta.

d) Descrición das combinacións gañadoras e o importe dos premios correspondentes a cada un deles.

e) Porcentaxe mínima de devolución en premios da máquina.

Artigo 12º.-Depósitos de moedas.

1. Salvo autorización en contra, reflectida na resolución de inscrición do modelo no Rexistro de Modelos, todas as máquinas de tipo C ou de azar estarán dotadas dos depósitos internos de moedas seguintes:

a) Un depósito destinado á reserva de pagamentos, que terá como finalidade reter o diñeiro ou fichas destinadas ao pagamento automático dos premios.

b) Un depósito de ganancias, que terá como finalidade reter o diñeiro ou fichas que non sexan empregadas pola máquina para o pagamento automático dos premios. Para tal fin, este depósito deberá atoparse nun compartimento separado de calquera outro da máquina, salvo da canle de alimentación. Estarán exentas destes depósitos as máquinas de tipo C que utilicen como exclusivo medio de pagamento de premios tarxetas prepagamento electrónicas ou magnéticas cambiables ou reintegrables dentro do establecemento por diñeiro de curso legal.

2. Se o volume de moedas que constitúe o premio excedese o 30% da capacidade física do depósito destinado á reserva de pagamentos ou se o premio da máquina constitúe unha parte fraccionaria da unidade utilizada para a realización das apostas e dos pagamentos, os premios seranlle pagados en man á persoa usuaria por persoal empregado dentro do mesmo establecemento.

Estes pagamentos manuais levaranse a cabo igualmente no caso de máquinas multidenominación ou de máquinas que traballen con fichas en substitución de moedas de curso legal, naqueles casos en que existan créditos residuais.

Nestes casos, as máquinas deberán dispoñer dun avisador luminoso ou, de ser o caso, sonoro que se poña en funcionamento automaticamente cando se deba proceder ao pagamento de forma manual, así como dun mecanismo de bloqueo que lle impida a calquera outra persoa usuaria continuar utilizando a máquina ata que o premio sexa aboado.

3. Tamén se poderán homologar e inscribir aqueles modelos de máquinas que dispoñan de mecanismos que permitan a acumulación de premios obtidos como créditos a favor da persoa usuaria, ben que neste caso esta poderá optar en calquera momento pola devolución ou polo reintegro dos créditos acumulados.

Sección cuarta

Contadores e dispositivos de seguridade

Artigo 13º.-Contadores e avisadores.

1. As máquinas de tipo B e C deberán de incorporar contadores que cumpran os requisitos seguintes:

a) Posibilitar a súa lectura independente pola Administración.

b) Identificar a máquina en que se atopan instalados.

c) Estar seriados e protexidos contra toda manipulación.

d) Manter os datos almacenados en memoria, aínda coa máquina desconectada, e impedir o uso da máquina en caso de avaría ou desconexión do contador.

e) Almacenar os datos correspondentes ao número de partidas realizadas e permiso obtidos, de forma permanente e acumulada desde a súa primeira instalación.

2. Os contadores incorporados a este tipo de máquinas quedan suxeitos ao control do laboratorio habilitado para isto.

3. A instalación dos contadores a que fai referencia o punto 1 deste artigo, non será preceptiva para as máquinas de tipo B e C se o establecemento, en que están instaladas, dispón dun sistema informático central autorizado previamente pola dirección xeral competente en materia de xogo e conectado ás máquinas en que queden rexistradas, polo menos, as mesmas operacións que nos contadores individuais das máquinas.

4. As máquinas de tipo C terán un mecanismo avisador luminoso ou acústico situado na parte superior destas, que entrará en funcionamento automaticamente cando sexan abertas para realizar reparacións momentáneas, para encher os depósitos ou por calquera outra circunstancia.

Artigo 14º.-Dispositivos de seguridade.

1. As máquinas de tipo B e C incorporarán os seguintes dispositivos de seguridade:

a) Os que impidan o funcionamento e o uso da máquina ou a desconecten automaticamente cando non funcionen correctamente os contadores preceptivos ou, de ser o caso, o sistema informático que os substitúe.

b) Os que impidan a manipulación dos contadores, preserven a súa memoria, aínda no caso de interrupcións de corrente eléctrica e permitan o reinicio de calquera partida no estado en que se atopaba no momento da interrupción.

c) Os mecanismos protectores que garantan a integridade da memoria de xogo, no momento en que se intente a súa manipulación.

2. As máquinas de rolo deberán ademais, incorporar:

a) Un dispositivo que lle permita á máquina completar o xiro total dos rolos e, de ser o caso, o ciclo do pagamento do premio obtido cando retorne a enerxía á máquina tras a súa interrupción.

b) Un dispositivo que desconecte a máquina automaticamente se, por calquera motivo, os rolos non xiran libremente.

c) Un dispositivo que, en forma aleatoria, modifique as velocidades de xiro de, polo menos, dous rolos ou tambores e, forzosamente, do primeiro deles, para evitar repeticións estatísticas nas máquinas de rolos mecánicos.

Capítulo II

Da homologación e do Rexistro de Modelos

Sección primeira

Homologación e laboratorios de ensaios

Artigo 15º.-Condicións xerais de homologación.

1. Só poderán ser obxecto de fabricación, importación, distribución, comercialización, venda, xestión, explotación e instalación na Comunidade Autónoma de Galicia, as máquinas ou aparellos sometidos a este regulamento con modelos previamente homologados e inscritos no Rexistro de Modelos desta comunidade autónoma.

2. Para tales efectos, enténdese por homologación o procedemento administrativo en virtude do cal so órgano encargado do Rexistro de Modelos da Comunidade Autónoma de Galicia certifica que o prototipo de modelo que se pretende homologar e inscribir cumpre coas especificacións, características e requisitos técnicos establecidos mediante este regulamento.

Artigo 16º.-Ensaios previos.

1. Todos os modelos de máquinas, A especial, B, C e, de ser o caso, os sistemas de interconexión empregados, deberán ser sometidos, con anterioridade á súa homologación e inscrición, a ensaio en entidade ou laboratorio autorizado, de acordo co protocolo de avaliación ou de probas establecido polo órgano competente. As entidades ou laboratorios autorizados emitirán informe sobre se o funcionamento da máquina, o programa de xogo e a distribución de premios se corresponden coas especificacións técnicas contidas na memoria de funcionamento e nos planos da máquina achegados pola empresa fabricante, importadora, distribuidora ou comercializadora ao laboratorio así como na normativa técnica que en cada caso lle sexa de aplicación.

2. No suposto de máquinas de tipo A, deberase achegar coa documentación o correspondente soporte dixital, xunto co sistema que posibilite a súa lectura (CD-ROM ou DVD), así como en soporte papel, no cal se conteña todo o programa dos xogos e as súas distintas funcionalidades, co fin de que a dirección xeral competente en materia de xogo proceda á comprobación de que o modelo que se pretende inscribir non incorre nas prohibicións recollidas no artigo 3º.1 deste regulamento e, ao mesmo tempo, cumpre con todos os requisitos e condicións técnicas exixidas para este tipo de máquinas neste regulamento.

3. No suposto de máquinas de tipo A especial, deberase achegar coa documentación o correspondente soporte dixital, xunto co sistema que posibilite a súa lectura (CD-ROM ou DVD), así como en soporte papel, no cal se conteña todo o programa do xogo e as súas distintas funcionalidades, co fin de que a dirección xeral competente en materia de xogo proceda á comprobación de que o modelo que se pretende inscribir cumpre con todos os requisitos e condicións técnicas exixidas para este tipo de máquinas neste regulamento.

Artigo 17º.-Laboratorios de ensaio de máquinas.

1. Para os efectos deste regulamento, enténdense por laboratorios de ensaios os organismos de control autorizados pola consellería competente en materia de seguridade industrial, encargados de verificar, mediante o correspondente procedemento de avaliación aprobado para o efecto, a conformidade do prototipo ensaiado coas especificacións, características e requisitos técnicos establecidos para cada tipo de máquina.

2. Os laboratorios de ensaio de máquinas poderán ser entidades públicas ou privadas, con personalidade xurídica propia, que deberán dispoñer dos medios materiais e humanos, así como da solvencia técnica e financeira necesaria, e de estrita imparcialidade, para realizar os labores de verificación mencionados no punto anterior. Para tales efectos, deberán cumprir as disposicións técnicas ditadas con carácter estatal e atoparse acreditados e inscritos de acordo coa normativa aplicable.

Sección segunda

Do Rexistro de Modelos da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 18º.-Organización do Rexistro de Modelos.

1. O Rexistro de Modelos é aquel en que se inscriben os modelos das máquinas e dos outros aparellos de xogo sometidos a este regulamento previamente homologados por cumprir os requisitos técnicos previstos na normativa de xogo.

2. O Rexistro de Modelos estará encomendado á dirección xeral competente en materia de xogo e constará das seguintes seccións en que, por orde do conselleiro con competencia en materia de xogo, se desenvolverá, podendo crear subseccións:

a) Sección I: máquinas de tipo A ou recreativas.

b) Sección II: máquinas de tipo A especial.

c) Sección III: máquinas de tipo B ou recreativas con premio programado.

d) Sección IV: máquinas de tipo C ou de azar.

e) Sección V: outros aparellos de xogo.

3. Nas catro primeiras seccións inscribiranse os modelos que concorden co tipo de máquina a que se refire. A sección V recollerá os modelos dos aparellos necesarios para as interconexións previstas neste regulamento, así como todos aqueles dispositivos necesarios para os xogos previstos neste regulamento que non poidan ser tipificados como modelos para inscribir nas seccións anteriores.

Artigo 19º.-Da inscrición.

1. Na inscrición do modelo especificarase a súa denominación, as súas características xerais, os datos de identificación da empresa fabricante, distribuidora, importadora ou comercializadora da máquina ou aparello de xogo así como, se procede, os datos identificativos da memoria de xogo.

2. A inscrición no Rexistro de Modelos outorgará ás persoas que estean inscritas, segundo o que reflicta a inscrición no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo, como titulares para o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dereito a fabricar, distribuír, importar e comercializar as máquinas ou elementos destas que se axusten ás devanditas inscricións e cumpran os demais requisitos exixidos neste regulamento.

3. Non poderán inscribirse no rexistro os modelos de máquinas que teñan nomes idénticos a outros xa inscritos previamente neste, a non ser que o/a solicitante acredite que ten inscrita con data anterior e ao seu nome a citada denominación no organismo administrativo pertinente. Neste caso, procederá a cancelación da primeira inscrición.

4. A inscrición no Rexistro de Modelos unicamente dará fe respecto do contido dos documentos e demais elementos achegados coa solicitude de inscrición.

Artigo 20º.-Da cesión das inscricións de modelos.

1. Só poderá cederse a habilitación rexistral para a fabricación ou importación dun modelo de máquina se tanto o cedente como o cesionario se atopan inscritos no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia e comunicasen por escrito a devandita cesión á dirección xeral competente en materia de xogo, quen procederá a resolver sobre a súa inscrición e, en todo caso, só se relacionará, respecto ao devandito modelo, coa empresa cedente, salvo nas cuestións que deriven das actuacións e situacións en que constaba a empresa cesionaria como titular do modelo cedido.

2. Na comunicación da cesión de modelo indicaranse os números e series das máquinas do modelo que se ceden e xuntarase copia autorizada ante notario do contrato ou título da cesión.

Artigo 21º.-Solicitude de inscrición no Rexistro de Modelos.

1. A solicitude de inscrición no Rexistro de Modelos deberá dirixila a empresa fabricante, distribuidora, importadora ou comercializadora da máquina ou aparello de xogo á dirección xeral competente en materia de xogo mediante escrito que conteña, ademais dos requisitos exixidos polo artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os seguintes datos:

a) Nome comercial do modelo.

b) Nome da empresa fabricante e número do rexistro da empresa para as máquinas fabricadas en España, ou nome da empresa importadora e número e data da licenza de importación, determinando os datos do/da fabricante estranxeiro/a, salvo para o suposto de máquinas procedentes de estados membros da Unión Europea ou do espazo económico europeo, en que será suficiente especificar un responsable da súa comercialización.

c) Dimensións da máquina.

d) Breve descrición do xogo ou xogos no caso das máquinas de tipo A e descrición completa da forma de uso ou do xogo nas de tipo A especial, B e C.

2. Co escrito que solicite a inscrición achegarase a seguinte documentación:

a) Fotografías de 15×10 centímetros, nítida e en cor, dos parámetros exteriores da máquina.

b) En exemplar duplicado, os planos da máquina e do seu sistema eléctrico.

c) Certificado de cumprimento do regulamento electrotécnico para baixa tensión.

d) Memoria de funcionamento da máquina nos termos previstos no artigo seguinte.

e) Declaración CE de conformidade, acreditativa de que o produto satisfai todos os requisitos esenciais das distintas directivas de aplicación.

3. Os documentos sinalados nas letras b) e c) do punto anterior deberán estar subscritos por técnico competente e visados polo colexio oficial respectivo.

Artigo 22º.-Requisitos especiais para a inscrición de modelos de máquinas tipos B e C.

1. No caso de inscrición de máquinas dos tipos B e C, a memoria de funcionamento recollerá e describirá os seguintes extremos:

a) Prezo da xogada ou aposta.

b) Premio máximo que pode outorgar a máquina por partida, así como descrición do plan de ganancias e dos distintos premios, incluíndo os de bolsa que a máquina pode conceder, detallando o procedemento de obtención.

c) Porcentaxe de premios, que especifique o ciclo ou número de xogadas para realizar para o cálculo da devandita porcentaxe.

d) Existencia ou non de mecanismos ou dispositivos que permitan aumentar a porcentaxe de devolución de premios, con indicación da devandita porcentaxe.

e) Outros mecanismos ou dispositivos con que conte a máquina.

2. Para a inscrición destes modelos de máquinas, a empresa fabricante, distribuidora ou importadora deberá achegar coa solicitude, ademais do exixido anteriormente:

a) Informe-resumo estatístico dunha simulación da secuencia do xogo que incluirá, polo menos, dous ciclos. O orixinal desta simulación manterase á disposición da dirección xeral competente en materia de xogo.

b) Dous exemplares do soporte en que se almacena o xogo. Estes soportes só poderán ser substituídos logo da nova homologación. Cando así o requira a dirección xeral competente en materia de xogo, a empresa solicitante verase obrigada pola proporcionar á súa consta o correspondente lector de memoria.

c) Descrición do tipo de contadores homologados que incorpora o modelo e aos que se refire a normativa aplicable.

d) Certificados expedidos polo laboratorio autorizado dos ensaios previos a que se refire o artigo 16 do presente regulamento.

e) Declaración CE de conformidade, subscrita pola empresa fabricante ou representante establecida na Unión Europea, acreditativa de que o produto satisfai todos os requisitos esenciais das distintas directivas de aplicación.

f) Prototipo do modelo, se é requirido.

3. En calquera caso, a dirección xeral competente en materia de xogo garantirá o segredo e a inaccesibilidade doutras persoas ou empresas á documentación técnica achegada pola empresa fabricante ou importadora para inscribir o modelo de que se trate, nos termos previstos polo artigo 37.5º d) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 23º.-Tramitación da solicitude.

1. Presentada a solicitude de inscrición do modelo, a dirección xeral competente en materia de xogo comprobará o estrito cumprimento das condicións e requisitos documentais exixidos para tal fin neste regulamento.

2. Se a solicitude ou a documentación presentada non reunise os requisitos previstos neste regulamento, requirirase o peticionario, para que no prazo de dez días emende a deficiencia ou achegue e complete a documentación preceptiva, indicándolle que se así non se fixer, terase por desistido da súa petición logo da oportuna resolución.

3. A dirección xeral competente en materia de xogo poderá solicitar, tanto doutras administracións públicas coma de entidades privadas, cantos informes considere necesarios para ditar a correspondente resolución.

Artigo 24º.-Resolución.

1. Efectuadas as operacións de comprobación a que se refire o artigo anterior, a dirección xeral competente en materia de xogo, ditará e notificará a resolución que proceda en cada caso, dentro dos dous meses desde a presentación da solicitude. A falta de resolución ten sentido positivo.

2. Acreditados polo/pola solicitante a constitución e depósito da fianza, procederase á inscrición do modelo no rexistro, asignándoselle o número que corresponda e remitíndolle ao/á interesado/a a resolución de inscrición facendo constar nela o devandito número.

Artigo 25º.-Recoñecemento de modelos e certificacións de laboratorio.

As inscricións de modelos e certificacións de laboratorios de ensaio de máquinas recreativas e de azar emitidas por calquera dos estados membros da Unión Europea e aqueles que teñan acordos preferentes con este espazo que avalen a existencia dos requisitos técnicos dispostos neste regulamento, serán recoñecidos e inscritos nos rexistros desta Administración.

Artigo 26º.-Modificación das inscricións.

1. Toda modificación dos modelos de máquinas que se atopen inscritos precisará da autorización previa da dirección xeral competente en materia de xogo. En consecuencia, só poderán comercializarse e explotarse máquinas de modelos modificados a partir da data de notificación á empresa fabricante, distribuidora, importadora ou comercializadora da precitada autorización de modificación.

2. Enténdese por modificación substancial aquela alteración dos elementos do modelo previamente inscrito que afecte, de forma directa, o prezo da partida, o programa de xogo ou o seu plan de ganancias. Os devanditos pormenores deberán ser enunciados de xeito concreto na solicitude mediante informe de técnico competente da empresa.

3. Enténdese por modificación non substancial do modelo aquela alteración que afecte aos restantes elementos ou dispositivos. Cando, a xuízo da dirección xeral competente en materia de xogo, a modificación solicitada se considere que non reviste o carácter de substancial, resolverase sobre a súa autorización sen máis trámites.

4. Cando o devandito órgano considere que a modificación interesada do modelo é substancial, exixiráselle o cumprimento de todos os trámites e requisitos previstos neste regulamento para o procedemento de homologación e inscrición. Nestes supostos, e unha vez autorizada expresamente esta modificación, manterase, para os efectos rexistrais, o mesmo número de modelo, pero engadíndolle a seguir e por orde alfabética a letra que corresponda á específica modificación autorizada.

Artigo 27º.-Cancelación da inscrición.

1. Logo da tramitación do correspondente procedemento con audiencia da empresa fabricante, distribuidora, importadora ou comercializadora do modelo, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de xogo poderá acordar a cancelación da inscrición dun modelo polas seguintes causas ou motivos:

a) Cando o solicite voluntariamente a empresa fabricante do modelo. Para estes supostos, poderá seguir autorizándose a explotación de máquinas do indicado modelo sempre que a empresa titular da máquina ou a empresa comercializadora correspondente acredite, por calquera medio de proba admitido en dereito, que esta se adquiriu con anterioridade á data da solicitude de cancelación rexistral cursada pola empresa fabricante e que se comprometa, así mesmo, expresamente a respectar os dereitos da empresa fabricante en relación con marcas e patentes.

b) Sen prexuízo das sancións que se for o caso corresponda impoñer, cando se constate tras a súa inscrición que o modelo ou, de ser o caso, a súa modificación non reúnen os requisitos e condicións técnicas exixibles ás máquinas e aos seus elementos de xogo pola normativa aplicable nesta materia.

c) O coñecemento posterior por parte da dirección xeral competente en materia de xogo, de falsidades, irregularidades, inexactitudes esenciais na solicitude ou na documentación achegada para a inscrición dos modelos, sen prexuízo das sancións que se impoñan.

2. A dirección xeral competente en materia de xogo ditará e notificará a resolución que proceda adoptar en cada caso dentro do prazo máximo de seis meses, contado desde a data de iniciación do correspondente procedemento de cancelación, salvo nos casos que, conforme o réxime sancionador aplicable nesta materia, se adopte a cancelación do modelo e inhabilitación da empresa fabricante na resolución que se dite para tales efectos no correspondente procedemento sancionador.

Artigo 28º.-Proba de prototipos de modelos.

1. Sen prexuízo do procedemento establecido neste capítulo para a homologación e inscrición de modelos de máquinas de xogo, antes de procederse ás oportunas operacións de ensaio nos laboratorios autorizados, a empresa fabricante ou importadora poderá solicitar autorización para probar o funcionamento de prototipos de máquinas mediante a súa instalación e explotación en establecementos autorizados.

2. A solicitude de autorización para a proba de prototipos de máquinas deberá dirixila a empresa fabricante ou importadora á dirección xeral competente en materia de xogo, xuntando a seguinte documentación:

a) Memoria técnica e de funcionamento do prototipo de máquina que se pretenda someter á proba, incluíndo nesta os planos e fotografías nítidas e en cor de todos os parámetros exteriores da máquina.

b) Declaración responsable da empresa fabricante do prototipo, subscrita polo seu representante legal, en que se faga constar a asunción, por parte da devandita empresa fabricante ou importadora, de toda responsabilidade que puidese derivar durante a realización da proba.

c) Relación de empresas comercializadoras e operadoras a través das cales se procederá á realización da proba, así como dos establecementos en que se vai realizar.

3. Procederá o outorgamento da autorización de proba de prototipos de máquinas nos termos do punto primeiro deste artigo, cando concorran na solicitude as seguintes condicións:

a) O prototipo de modelo que se pretende someter á proba deberá reunir os requisitos e características técnicas xerais aplicables ao tipo de máquina de que se trate.

b) A proba de prototipos de máquinas non excederá en ningún caso tres meses, nin dez unidades por cada modelo que se pretenda estudar.

c) A proba de prototipos de máquinas efectuarase a través de empresas operadoras debidamente inscritas no rexistro correspondente da Xunta de Galicia.

d) Cada ano só se poderá autorizar a cada empresa fabricante ou importadora a proba dun máximo de dez unidades por modelo e sobre tres modelos de máquinas.

e) Os locais en que se pretenda efectuar a proba do prototipo de modelo deberán dispoñer de prazas vacantes para instalar máquinas recreativas do mesmo tipo. A proba do prototipo efectuaraa a mesma empresa operadora que na data da solicitude da proba teña autorizada a instalación de máquinas dese tipo no mesmo establecemento.

f) Non procederá o outorgamento da autorización prevista neste artigo para os modelos de máquinas que na data da súa solicitude se atopen homologados e inscritos no Rexistro de Modelos.

4. Unha vez comprobado pola dirección xeral competente en materia de xogo o cumprimento das anteriores condicións e requisitos documentais, ditarase a correspondente resolución de autorización no prazo máximo dun mes. O silencio da resolución ten sentido positivo.

5. A autorización para a realización das probas de prototipos de máquinas en establecementos autorizados non xerará a adquisición de dereito ningún respecto do réxime de instalación de máquinas recreativas e de azar.

Artigo 29º.-Exhibición de prototipos de modelos en feiras e exposicións.

1. A exhibición dentro da Comunidade Autónoma de Galicia de prototipos de modelos de máquinas non homologadas, con ocasión da celebración de feiras ou exposicións do sector, deberá comunicarlla a entidade expositora á dirección xeral competente en materia de xogo, cunha antelación mínima de quince días á data do seu comezo.

2. Nestes supostos, a exhibición suxeitarase ás seguintes condicións:

a) A duración da exhibición non poderá en ningún caso superar o prazo de dez días naturais.

b) En ningún caso o prototipo se accionará mediante a introdución de moedas ou billetes de curso legal.

Título III

Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 30º.-Estrutura do rexistro.

1. As sociedades mercantís dedicadas á fabricación, comercialización, distribución, importación, instalación, operación ou servizo técnico de máquinas de xogo ou prestadoras de servizos de interconexión, así como á explotación de salóns recreativos e de xogo, que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán de figurar inscritas no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo que, para tal efecto, levará a dirección xeral competente en materia de xogo.

2. O rexistro, que será público, contará coas seguintes seccións:

a) Sección I: empresas fabricantes e importadoras.

b) Sección II: empresas comercializadoras e distribuidoras.

c) Sección III: empresas operadoras de máquinas de xogo e de servizos técnicos.

d) Sección IV: empresas titulares de salóns recreativos e de xogo.

e) Sección V: empresas prestadoras de servizos de interconexión.

f) Sección VI: establecementos autorizados.

3. Cada sección do Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo disporá de subseccións para inscribir as autorizacións que, segundo este regulamento, lle corresponda a cada tipo de empresa. Estas subseccións recollerán a evolución da situación xurídica de cada autorización e serán desenvoltas nunha orde do conselleiro competente en materia de xogo sobre procedementos e desenvolvemento do Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Para a inscrición das autorizacións a que ten dereito cada tipo de empresa será necesario achegar os datos e documentos requiridos para cada procedemento.

Capítulo II

Inscrición de empresas

Artigo 31º.-Requisitos das empresas.

1. Para inscribirse no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia como empresa fabricante ou importadora, comercializadora, distribuidora, empresa operadora de máquinas de xogo e de servizos técnicos ou empresas prestadoras de servizos de interconexión, empresa titular de salón recreativo ou de xogo, deberanse reunir os seguintes requisitos e condicións:

a) Estar constituída baixo a forma xurídica de sociedade mercantil, de conformidade cos requisitos establecidos na lexislación mercantil vixente. O capital social deberá estar totalmente subscrito e desembolsado.

b) Ter como obxecto social, en cada caso, a fabricación ou a importación de elementos de xogo, a súa comercialización, a operación e instalación de máquinas de xogo e prestación de servizos técnicos, ou a explotación de salóns recreativos e salóns de xogo.

c) O capital social mínimo requirido para cada unha das empresas anteriormente referidas será o seguinte:

-Empresas de fabricación, importación, distribución e comercialización de máquinas de xogo: 60.000 euros (sesenta mil euros).

-Empresas operadoras de máquinas de xogo e de servizos técnicos ou empresas prestadoras de servizos de interconexión: 60.000 euros (sesenta mil euros).

-Empresas operadoras de máquinas que deban ser explotadas segundo o artigo 2.2º deste regulamento: 24.000 euros (vinte e catro mil euros).

-Empresas titulares de salóns recreativos e de xogo: 30.000 euros (trinta mil euros), por cada salón.

d) A participación de capital, proveniente de persoas físicas ou xurídicas que non se atopen domiciliadas no espazo económico da Unión Europea, non poderá exceder en ningún caso a proporción establecida na lexislación vixente do Estado.

e) No caso das empresas importadoras, ter unha representación legal con domicilio permanente dentro do territorio do reino de España e, no caso das empresas comercializadoras, ter aberta no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia polo menos unha oficina, almacén ou sucursal con suficientes medios técnicos e materiais para o exercicio da súa actividade comercial.

f) Ter constituída e depositada fianza a favor da consellería competente en materia de xogo, co importe establecido no seguinte artigo. A fianza poderá constituírse en metálico, ou mediante aval bancario ou de sociedade de garantía recíproca, e debe manterse vixente, pola integridade do seu importe, durante a vixencia da inscrición no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os casinos de xogo, os salóns recreativos e de xogo e as salas de bingo, terán a consideración de empresas operadoras, exclusivamente, respecto das máquinas que exploten directamente nestes.

Artigo 32º.-Fianzas.

1. As empresas de xogo previstas no artigo anterior, deberán constituír a favor da consellería competente en materia de xogo e depositar na Caixa de Depósitos da Xunta de Galicia, as fianzas nos importes que se indican:

a) Empresas de fabricación, importación, distribución e comercialización de máquinas e material de xogo: 30.000 euros.

b) Empresas operadoras de máquinas de xogo e de servizos técnicos en función do número de máquinas que pretendan ter en explotación, polos seguintes importes:

Ata 50 máquinas, 39.000 euros.

De 51 a 100 máquinas, 78.000 euros.

De 101 a 250 máquinas, 120.000 euros.

De 251 a 500 máquinas, 150.000 euros.

De 501 a 1.000 máquinas, 200.000 euros.

De 1.001 máquinas en diante, 310.000 euros.

c) Empresas operadoras de máquinas que deban ser explotadas segundo o artigo 2.2º deste regulamento deberán constituír unha fianza de 6.000 euros.

d) Empresas titulares de salóns recreativos e de xogo ou empresas prestadoras de servizos de interconexión: deberán constituír unha fianza por unha contía de 12.000 euros (doce mil euros) ou 24.000 euros (vinte e catro mil) por cada unha das autorizacións de instalación de salón que obtiveren, segundo se trate dun salón recreativo ou dun salón de xogo, respectivamente.

2. As fianzas deberán ser mantidas mentres estean inscritas as empresas no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo, aumentando ou diminuíndo en función das variacións no número de máquinas en explotación ou, de ser o caso, das variacións da cifra de capital social.

Se se producise a diminución na contía da fianza por causa distinta da anterior, a empresa inscrita deberá readaptar esta ata completar a contía no prazo máximo de 15 días desde que teña coñecemento dela.

De non completarse a fianza no devandito prazo, non poderá solicitar a empresa operadora novas autorizacións de explotación e procederase, logo de expediente, á revogación de autorización e cancelación de inscrición e á revogación de autorizacións de instalación vixentes.

3. Existirá un procedemento de modificación de fianza por solicitude da empresa que requirirá, en todo caso, a autorización da dirección xeral competente en materia de xogo. Este procedemento será desenvolvido por orde do conselleiro con competencia en materia de xogo.

4. Poderá solicitarse e procederase á devolución da fianza, unha vez obtida autorización da dirección xeral competente en materia de xogo, cando a empresa sexa dada de baixa do Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo. Non obstante, se existisen obrigas pendentes ou expedientes en trámite que afecten a fianza, só procederá autorizar a súa devolución parcial polo importe dispoñible.

Artigo 33º.-Solicitude de inscrición.

1. As empresas que pretendan inscribirse no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia, nalgunha das cinco primeiras seccións, deberán formular a correspondente solicitude á dirección xeral competente en materia de xogo.

2. Coa solicitude de inscrición deberase achegar, co fin de acreditar a concorrencia dos requisitos e condicións establecidos neste regulamento, a seguinte documentación:

a) Copia da escritura pública de constitución e estatutos sociais, así como a acreditación da súa inscrición no Rexistro Mercantil correspondente.

b) Copia autenticada do documento nacional de identidade, ou documento equivalente en caso de estranxeiros, e certificado de conduta cidadá nos termos previstos na Lei 68/1980, do 1 de decembro, de conduta cidadá, de cada unha das persoas socias se son persoas naturais ou copia da escritura de constitución se fosen persoas xurídicas.

c) Copia do código de identificación fiscal da sociedade.

d) Declaración responsable das persoas administradoras, directivas, xerentes ou persoas apoderadas de non ser condenadas, mediante sentenza firme, dentro dos cinco anos anteriores á data de solicitude da autorización, por delito de falsidade, contra a propiedade ou contra a Facenda pública, así como por calquera infracción penal derivada da xestión ou explotación de xogos non autorizados.

e) Orixinal do xustificante do depósito da fianza prevista no artigo anterior.

f) Nos casos de empresas comercializadoras ou de servizos técnicos ou empresas prestadoras de servizos de interconexión, memoria xustificativa dos medios técnicos, materiais e persoais de que dispoñen para levar a cabo a súa actividade na comunidade autónoma, así como da localización das oficinas, almacéns ou sucursais abertos en Galicia. Así mesmo, deberá xuntarse copia de alta censual na delegación da Consellería de Economía e Facenda correspondente.

3. Para a inscrición no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia, na sección sexta, será suficiente a documentación que presentan as persoas titulares dos establecementos de hostalaría durante a tramitación da autorización de instalación e localización.

Artigo 34º.-Procedemento.

1. A dirección xeral competente en materia de xogo, logo das informacións e comprobacións que xulgue necesarias para constatar a concorrencia de todos os requisitos e condicións regulamentariamente establecidos, resolverá sobre a inscrición da empresa no prazo máximo dun mes.

2. O silencio administrativo conforme o disposto na Lei de Galicia 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, será negativo.

3. En calquera caso, as empresas inscritas no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia estarán obrigadas a remitir á dirección xeral competente en materia de xogo e, de ser o caso, ás delegacións provinciais da consellería competente en materia de xogo, a información que expresamente lles sexa solicitada, relacionada coa súa actividade, na forma e prazo que expresamente se lles indique.

Artigo 35º.-Modificación da inscrición.

1. A modificación da documentación que deben achegar as empresas para a súa inscrición no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia requirirá comunicación dirixida á dirección xeral competente en materia de xogo, dentro do prazo dun mes desde que se producise.

2. A falta de comunicación dará lugar á incoación do correspondente expediente sancionador.

3. As modificacións empresariais que impidan o desenvolvemento da actividade para a cal a empresa está inscrita, por deixar de reunir ou carecer a empresa dos requisitos exixidos pola normativa que se aproba darán lugar á cancelación da inscrición.

Artigo 36º.-Cancelación da inscrición.

1. A permanencia da inscrición queda condicionada ao cumprimento dos requisitos legais e regulamentariamente exixidos no momento da solicitude de inscrición.

2. Só poderá cancelarse a inscrición no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia como empresa de xogo mediante resolución fundada nalgunha das causas ou motivos seguintes:

a) Por vontade da empresa. Nos casos de empresas fabricantes ou importadoras de máquinas recreativas ou de azar, manterase a inscrición dos correspondentes modelos que se atopasen en explotación no ámbito territorial da comunidade autónoma.

b) Pola absorción por outra empresa de xogo como consecuencia dos efectos xurdidos dun acordo de fusión entre sociedades mercantís.

c) Polo incumprimento das obrigas que, sobre a constitución e o mantemento da fianza, se establecen neste regulamento.

d) Pola desconformidade coa realidade dos datos achegados para a obtención da inscrición como empresa de xogo.

e) Por sanción de cancelación imposta no correspondente procedemento sancionador.

f) Por falta de actividade por un período superior a un ano.

g) Pola causa prevista no artigo 35.3º deste decreto.

3. Nos supostos previstos nas alíneas c),d), f) e g), a cancelación irá precedida da audiencia ás persoas interesadas.

Título IV

Identificación e réxime de explotación das máquinas recreativas e de azar

Capítulo I

Identificación das máquinas

Artigo 37º.-Identificación.

As máquinas, reguladas por este regulamento, deberán de contar para a súa identificación, coas marcas de fábrica e o correspondente certificado de fabricación, segundo se establece nos artigos seguintes.

Artigo 38º.-Marcas de fábrica.

1. Con carácter previo á súa comercialización, a empresa fabricante deberá gravar en cada máquina de forma indeleble, abreviada e visible nunha placa pegada ao moble ou carcasa que forma o corpo principal, no panel frontal onde se identifica o plan de ganancias, de ser o caso, e no microprocesador ou memoria que almacena o xogo, os seguintes datos:

a) O código de inscrición do fabricante no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo.

b) Marcación CE.

c) O código de inscrición do modelo na sección correspondente do Rexistro de Modelos da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Serie e número da máquina.

2. O código a que se refire o punto anterior será gravado e selado do seguinte xeito: xxx/iii/zzz, sendo x, i e z os datos contidos nas letras a), c) e d), respectivamente, do devandito punto. Nas máquinas importadas figurará, ademais, o nome ou a marca comercial da empresa fabricante estranxeira e o país de fabricación daquelas. Este requisito non será exixido ás máquinas procedentes dalgún Estado membro da Unión Europea ou do espazo económico europeo.

3. Estas obrigas deberán ser cumpridas pola empresa que teña inscrito o modelo no rexistro.

Artigo 39º.-Certificado de fabricación.

1. O certificado de fabricación é o documento que, emitido polas empresas fabricantes debidamente inscritas na sección correspondente do Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo, serve para obter a preceptiva autorización de explotación.

2. O certificado de fabricación deberá recoller, polo menos, os seguintes datos:

a) Nome ou razón social da empresa fabricante, así como o seu número ou código de identificación fiscal e número de inscrición na sección correspondente do Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo.

b) Tipo e nome de modelo da máquina, número de inscrición no Rexistro de Modelos e serie e número de fabricación desta.

c) Data de fabricación da máquina.

d) Modelos, serie e número dos contadores que incorpora.

e) Data de transmisión da máquina á empresa comercializadora ou operadora.

Capítulo II

Autorización de explotación

Artigo 40º.-Autorización de explotación.

1. A autorización de explotación habilita a empresa operadora a explotar con carácter exclusivo unha máquina recreativa e de azar e ampara, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a legalidade individualizada da específica máquina de xogo en canto á súa correspondencia co modelo homologado e inscrito na sección correspondente do Rexistro de Modelos da comunidade autónoma e á súa titularidade. A devandita autorización deberá ser inscrita no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo.

2. A autorización de explotación deberá ir xunto coa máquina en todos os seus traslados e instalacións e reflectirá os distintos cambios de titularidade que a máquina poida experimentar, así como renovacións, cambios de ámbito territorial ou as baixas da devandita máquina.

3. A autorización de explotación solicitarao a empresa operadora titular da máquina, xunto co documento normalizado, ante a delegación provincial competente en materia de xogo, achegando a seguinte documentación:

Certificado de fabricación da máquina.

Artigo 41º.-Outorgamento da autorización de explotación.

1. A autorización de explotación outorgaraa, logo das comprobacións oportunas, no prazo máximo dun mes, a delegación provincial competente, en impreso normalizado por triplicado, arquivando un na delegación provincial que a emite, outro entregaráselle á empresa operadora titular e a terceira copia colocarase na máquina. O silencio será negativo, de acordo co disposto na Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Na autorización de explotación consignaranse, xunto cos datos contidos no certificado de fabricación, a dilixencia do organismo competente, cos seguintes datos:

a) Nome da empresa operadora titular, código de identificación fiscal e número de inscrición, na sección correspondente, do Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo.

b) Número de autorización de explotación da máquina, que será correlativo.

c) Data de autorización.

d) Data de homologación e número de modelo, na sección correspondente do Rexistro de Modelos.

Artigo 42º.-Vixencia e extinción.

1. A autorización de explotación será válida en tanto non quede extinguida por algunha das causas sinaladas no punto seguinte.

2. A autorización de explotación extinguirase:

a) Por cancelación da inscrición no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da persoa titular da autorización.

b) Por transmisión das autorizacións de explotación sen terse obtido a autorización correspondente.

c) Por destrución da máquina.

d) Por resolución administrativa ditada por solicitude da empresa operadora titular da autorización.

e) Por sanción, de conformidade coa regulación legal e regulamentaria do réxime sancionador consistente na revogación da autorización.

f) Por suspensión provisional da autorización de explotación por tempo superior a 25 meses.

g) Por traslado fóra do ámbito territorial de Galicia.

3. Extinguida a autorización de explotación deberá a empresa operadora titular da máquina retirala da súa instalación e explotación, así como solicitar a súa baixa definitiva. Esta solicitude presentarase ante a delegación provincial da consellería competente en materia de xogo que emitiu a autorización de explotación e coa solicitude entregaranse os exemplares da correspondente autorización de explotación.

De non cumprirse tales requisitos, a delegación provincial ordenará a precintaxe da máquina e tramitará de oficio a súa baixa.

Abondará coa entrega dos exemplares da autorización de explotación cando a extinción se produza pola causa prevista na letra d) do punto anterior.

4. A delegación provincial dará de baixa no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo a autorización de explotación da máquina selando e anulando os exemplares da autorización de explotación correspondentes á máquina e á empresa e devolveralle á persoa solicitante, como xustificante da resolución, o exemplar pertencente á empresa operadora.

Artigo 43º.-Suspensión provisional da autorización de explotación.

Cando por avaría ou por calquera outra causa as empresas operadoras desexen suspender temporalmente a explotación dunha máquina do tipo B ou C, retirarana da súa instalación e explotación e solicitarán da correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de xogo, a suspensión provisional da autorización de explotación, formalizando a solicitude mediante modelo normalizado, o cal deberá ser subscrito pola empresa operadora e con el xuntaranse:

a) Exemplares para a empresa e para a máquina da autorización de explotación a que se refire o artigo 41º.1.

b) Exemplares da comunicación de localización regulada no artigo 56 deste regulamento.

2. Antes de solicitar a suspensión provisional da autorización de explotación a empresa operadora retirará a máquina da súa instalación e explotación e presentaralle á Administración os documentos referidos no punto anterior.

3. Cando a empresa operadora desexe reiniciar a explotación dunha máquina con autorización de explotación en situación de suspensión provisional deberá formalizar a correspondente solicitude ante a delegación provincial da consellería competente en materia de xogo, que tramitou a suspensión, co obxecto de retirar os exemplares da autorización de explotación.

4. A duración da suspensión provisional da autorización de explotación das máquinas recreativas non poderá exceder 25 meses desde a presentación da solicitude. Transcorrido o devandito prazo, a empresa operadora deberá solicitar a baixa definitiva.

De non facelo así, a delegación provincial que tramitou a suspensión ordenará a precintaxe da máquina e tramitará a devandita baixa.

Artigo 44º.-Baixa definitiva da autorización de explotación das máquinas.

1. A empresa operadora, mediante escrito de solicitude ante a delegación provincial competente en materia de xogo, poderá requirir, para os efectos administrativos e fiscais, a baixa definitiva na explotación da máquina, xuntando os exemplares da autorización de explotación correspondentes á máquina e á empresa.

2. Practicadas as dilixencias, devolverase o exemplar da autorización de explotación pertencente á empresa operadora coa dilixencia de baixa para todos os efectos.

Artigo 45º.-Transmisión da autorización de explotación das máquinas.

1. As empresas operadoras que pretendan a transmisión das autorizacións de explotación de máquinas de xogo deberán figurar inscritas na sección correspondente do Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo.

2. A empresa adquirente tamén deberá atoparse inscrita na sección terceira do Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo, encontrarse ao día das obrigas fiscais sobre o xogo e contar coas fianzas necesarias para garantir as novas autorizacións.

3. As máquinas deberán estar no almacén dalgunha das dúas empresas operadoras.

4. A empresa adquirente solicitaralle, nos quince días seguintes ao acordo empresarial, a transmisión á delegación provincial competente en materia de xogo, achegando os seguintes documentos:

a) Título de transmisión, mediante calquera forma xurídica admitida pola lexislación civil ou mercantil, coas sinaturas do seu representante legal.

b) Exemplares da autorización de explotación correspondentes á operadora e á máquina.

5. Examinada a documentación e realizadas as comprobacións pertinentes, o citado organismo efectuará o visado das autorizacións de explotación cos novos datos da empresa operadora propietaria. A resolución emitirase no prazo dun mes, o silencio será negativo, conforme o disposto na Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 46º.-Traslados de ámbitos territoriais.

1. As máquinas que, estando autorizada a súa explotación fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, pretendan ser explotadas nesta comunidade, deberán reunir todos os requisitos e condicións normativas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A empresa operadora, que deberá atoparse inscrita na sección terceira do Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo, solicitaralle á delegación provincial competente en materia de xogo a autorización de explotación mediante o procedemento regulado no artigo 40º deste regulamento, achegando o visado de traslado outorgado pola Administración autonómica de orixe ou documento oficial que o substitúa.

Artigo 47º.-Troco de máquinas.

1. As empresas que desexen cambiar máquinas do tipo A especial, B ou C en explotación por outras da mesma tipoloxía, deberán solicitalo ante a correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de xogo, mediante modelo normalizado.

2. Coa solicitude achegaranse:

a) Certificado de fabricación da máquina que se pretende explotar.

b) Exemplar da autorización de explotación para a empresa, da máquina que está en explotación.

c) Nova comunicación de localización.

3. A delegación provincial da consellería competente en materia de xogo comprobará a documentación a que se refire o punto anterior. Se a documentación está completa e correcta selarase e darase autorización provisional no documento achegado como solicitude polo empresario. Esta autorización é provisional por un prazo de 30 días naturais.

A devandita autorización provisional e a autorización de explotación da máquina que causa baixa será a documentación que amparará a explotación da máquina que se desexa explotar polo prazo de 30 días autorizado.

4. Dentro do mesmo prazo anterior modificaranse os datos correspondentes á máquina na autorización, emitindo os exemplares da autorización modificada, que manterá o mesmo número que tiña a autorización da máquina que causa baixa, e dilixenciaranse os exemplares das comunicacións de localización.

5. A autorización modificada e os correspondentes exemplares da comunicación de localización poranse á disposición do/da solicitante que, para a súa retirada, deberá facer entrega da seguinte documentación:

a) Exemplar para a máquina da autorización de explotación da máquina que se retira.

b) Acreditación, de ser o caso, da explotación da máquina.

Artigo 48º.-Cambio de xogo en máquinas de vídeo tipo B.

1. O cambio ou substitución do xogo en máquinas de vídeo deberá de reunir os requisitos e condicións seguintes:

a) A actualización ou o novo xogo que se instala en máquina de vídeo deberá atoparse previamente homologado e inscrito no Rexistro de Modelos da Comunidade Autónoma de Galicia e quedar garantido que no programa que se vai instalar non existe posibilidade de escritura ou de alteración por parte da persoa usuaria, independentemente do soporte que se utilice.

b) Deberá de existir identidade entre a empresa fabricante da máquina e a da actualización do novo xogo que se vai instalar naquela, salvo nos casos en que se cancelase a inscrición da empresa fabricante no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Xunta de Galicia, ou cesase na fabricación de tales elementos de xogo, no dito caso, poderá substituírse o xogo polo doutro fabricante en activo.

2. As marcas de fábrica do xogo instalado deberán aparecer permanentemente, de forma clara e lexible, na pantalla de vídeo da máquina para os efectos do oportuno control administrativo.

3. Unha orde de conselleiro regulará o procedemento de autorización do cambio de xogo en máquinas de vídeo tipo B.

Título V

Réxime de instalación

Capítulo I

Locais autorizados para a instalación de máquinas

Artigo 49º.-Instalación de máquinas de tipo A ou recreativas e de tipo A especial.

1. As máquinas de tipo A ou recreativas poderán instalarse para a súa explotación comercial nos seguintes establecementos:

a) Nos salóns recreativos e de xogo, salas de bingo e casinos de xogo.

b) En locais e dependencias habilitados para o efecto en centros hoteleiros, cámpings, parques de atraccións, centros de recreo familiar e feiras de mostras.

c) Nos establecementos de hostalaría, bares, cafetarías, restaurantes, clubs e establecementos análogos.

2. As máquinas de tipo A especial poderán instalarse para a súa explotación comercial nos seguintes establecementos:

a) Nos salóns de xogo, salas de bingo e casinos de xogo.

b) Nos establecementos de hostalaría, bares, cafetarías, restaurantes, clubs e establecementos análogos.

Artigo 50º.-Instalación de máquinas de tipo B ou recreativas con premio programado.

1. As máquinas de tipo B ou recreativas con premio programado só poderán autorizarse en:

a) Salóns de xogo ou de tipo B.

b) Locais e dependencias habilitadas para o efecto en salas de bingo e casinos de xogo.

c) Establecementos de hostalaría, bares, cafetarías, restaurantes, clubs e establecementos análogos.

2. Non poderán instalarse máquinas recreativas con premio programado de tipo B nos establecementos de hostalaría que se atopen nalgunha das situacións seguintes:

a) Os situados en estacións de ferrocarril e transporte público, aeroportos, mercados, centros comerciais ou similares, se o local non se atopa pechado e illado do público xeral ou de paso.

b) Os situados en terrazas ou zonas que sexan de ocupación de vías públicas.

c) Que sexan locais específicos para menores de idade.

Artigo 51º.-Instalación de máquinas de tipo C ou de azar.

As máquinas de tipo C ou de azar unicamente se poderán instalar nos casinos de xogo e nos salóns destinados para o devandito fin dentro destes establecementos, os cales disporán dun servizo de vixilancia, que controlará a admisión das persoas que queiran acceder a estes, que non se supere a capacidade do local e que, cando sexa procedente, requirirá a presentación dun documento de identidade suficiente co fin de impedirlle a entrada a menores de idade e invitará a abandonar a sala a aquelas persoas que o teñan prohibido, de acordo co procedemento e o que establece a lexislación vixente.

Artigo 52º.-Número de máquinas por establecemento.

1. O número mínimo de máquinas nos salóns recreativos e de xogo será de dez máquinas por local.

2. O número máximo de máquinas en cada establecemento será:

a) Nos salóns recreativos e de xogo: o número de máquinas que determine a correspondente autorización en función da superficie construída e a capacidade do local, respectando en todo caso as limitacións regulamentarias, contidas no anexo deste regulamento, e non será superior a unha por cada 2 metros cadrados de superficie útil da sala destinada a xogos.

b) Nos establecementos sinalados no artigo 49.1º.b): seis máquinas de tipo A ou recreativa.

c) Nos establecementos sinalados nos artigos 49º.1º c), 49º.2º b) e 50º.1º c): unha soa máquina de cada un dos tipos A ou recreativa, A especial e B ou recreativa con premio programado e non poden instalarse, de xeito simultáneo, máis de dúas máquinas. Non poderán simultanear a instalación de máquinas nun mesmo establecemento empresas operadoras distintas. Non obstante o anterior, a empresa operadora que opere as máquinas de xogo poderá formalizar un acordo, cunha empresa operadora que opere máquinas das previstas no artigo 2.2º deste regulamento, para que esta poida instalar as devanditas máquinas excluídas, de xeito simultáneo, no mesmo establecemento. O citado acordo será entregado á dirección xeral con competencia en materia de xogo para a súa inscrición no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo.

d) Nas salas de bingo, o número de máquinas máximo para instalar será unha máquina de xogo por cada vinte e cinco persoas de capacidade máxima permitida.

e) Nos casinos de xogo o que dispoña a súa regulamentación específica.

3. As máquinas que se instalen non poderán colocarse en lugares e corredores que dificulten a correcta evacuación, circulación ou distribución de público.

4. As máquinas deberán estar colocadas sobre un soporte propio. Non se considerarán, para estes efectos, o mostrador do bar, mesas ou obxectos alleos para este fin.

5. Nos locais autorizados para a instalación de máquinas reguladas neste regulamento, só poderán explotarse xogos autorizados pola consellería competente en materia de xogo.

Capítulo II

Instalación de máquinas recreativas e de azar

Artigo 53º.-Autorización de instalación e localización.

1. A autorización de instalación e localización é o documento administrativo, dilixenciado pola delegación provincial competente, en exemplar triplicado, mediante o cal se vincula, durante un período determinado, unha empresa operadora cun específico local autorizado, para a instalación de máquinas de xogo.

2. A autorización de instalación e localización do establecemento é necesaria pero non suficiente, por si mesma, para a efectiva instalación e explotación no establecemento de máquinas de xogo. Para iso será necesario, ademais, dispoñer da comunicación de localización regulada no artigo 56º deste regulamento debidamente dilixenciada.

3. Correspóndelle á empresa operadora interesada solicitar á delegación provincial da consellería competente en materia de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao lugar en que se atope o establecemento, a autorización de instalación e localización segundo modelo normalizado. Nela faranse constar, polo menos, os seguintes datos:

a) Os datos do establecemento e da persoa titular.

b) Os datos da empresa operadora titular da máquina ou máquinas que se van instalar.

c) O número de máquinas que se van instalar.

d) Data de autorización de instalación das máquinas nun establecemento concreto e o seu vencemento.

e) A sinatura das persoas titulares do local e da empresa operadora debidamente cotexada, entendendo por tal aquela que veña xunto co DNI orixinal do asinante, ou debidamente compulsada.

4. As persoas titulares dos establecementos de hostalaría deberán de achegar, ademais, os seguintes documentos:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade da persoa titular, no caso de persoa física, o código de identificación fiscal e a escritura pública, se for persoa xurídica.

b) Fotocopia da solicitude de licenza municipal de apertura ao seu nome.

c) Copia do documento de alta do/da solicitante da declaración censual tributaria.

d) Documento acreditativo da titularidade ou dispoñibilidade do local.

5. Os casinos de xogo, os salóns recreativos e de xogo e as salas de bingo non precisarán a obtención da autorización de instalación e localización para a instalación daquelas máquinas de xogo que exploten directamente. As devanditas máquinas deberán contar coa preceptiva autorización de explotación e deberase de dilixenciar a comunicación de localización regulada no artigo 56º deste regulamento.

Artigo 54º.-Vixencia e renovación.

1. O período de vixencia da autorización de instalación e localización será o que libremente acorden a persoa titular do establecemento e a empresa operadora, sen que poida ser inferior a cinco anos. A delegación provincial competente en materia de xogo, dilixenciará a autorización polo período e localización acordada, para os efectos da súa validez, incluíndoa no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo. A autorización de instalación e localización poderá deixala sen efecto calquera das partes, cando denuncien a súa validez tres meses antes do seu vencemento. De non ser así, a dita autorización entenderase prorrogada polo mesmo prazo que foi concertada.

2. Durante o período de vixencia da autorización de instalación e localización, os cambios de titularidade do negocio desenvolvido no establecemento non serán causa de revogación daquela. As novas persoas titulares quedarán subrogadas nos dereitos e obrigas que para os anteriores derivasen da autorización en vigor. Os devanditos cambios de titularidade deberán ser comunicados pola nova persoa titular á correspondente delegación provincial da consellería competente en materia de xogo nos quince días hábiles seguintes á data en que teñan lugar. Coa referida comunicación deberán xuntarse os seguintes documentos:

a) A mesma documentación que para a primeira comunicación prevé o artigo 53º.4.

b) Documento acreditativo do cambio na titularidade do negocio desenvolvido no local, a favor da nova persoa titular.

c) Fotocopia do documento nacional de identidade, de tratarse de persoa física, ou do código de identificación fiscal, de tratarse de persoa xurídica.

d) Exemplar orixinal da autorización de instalación e localización en vigor.

3. Comprobados os citados documentos, a delegación provincial da consellería competente en materia de xogo emitirá un novo documento que dará soporte á autorización de instalación e localización en vigor, no cal, unicamente, se modificarán os datos relativos á nova persoa titular do local e, de ser o caso, á súa nova denominación comercial.

4. Nos casos en que, por vontade unilateral da persoa titular do establecemento, se interrompese a explotación das máquinas instaladas neste, non se outorgarán novas autorizacións de instalación e localización, salvo nos casos seguintes:

a) Que recaese sentenza firme que resolva a cuestión.

b) Que sen recaer a sentenza firme referida, expirase o prazo de vixencia da autorización.

c) Que as partes en conflito se adopten por común acordo a extinción da autorización.

5. A empresa operadora titular das máquinas obxecto da interrupción unilateral na explotación poderá, non obstante, instalalas noutros establecementos, sen que iso supoña renuncia ningunha de dereitos, respecto do establecemento onde se produciu a interrupción.

Artigo 55º.-Extinción da autorización de instalación e localización.

A autorización de instalación e localización extinguirase por algunha das seguintes causas:

a) Polo cumprimento do prazo máximo de vixencia da autorización de instalación.

b) Por mutuo acordo das partes, manifestado por escrito ante a Administración.

c) Por sentenza xudicial de extinción da autorización de instalación e localización.

d) Por comprobación de inexactitudes substanciais nos datos consignados ou na documentación achegada para a súa autorización, sendo preceptiva, neste caso, resolución motivada da delegación provincial competente en materia de xogo.

e) Como consecuencia da extinción, por calquera causa, da autorización de explotación que amparaba a autorización de instalación e localización, ou da revogación da inscrición do título de empresa operadora.

f) Por sanción imposta a través do correspondente expediente sancionador, que comporte a extinción ou suspensión da autorización de explotación que ampare a autorización de instalación e localización.

Artigo 56º.-Comunicación de localización.

1. A comunicación de localización é o documento polo que unha empresa operadora comunica a instalación e explotación dunha máquina de tipo A, A especial, B e C específica, da que é titular, nalgún dos establecementos autorizados ou no seu almacén.

2. A empresa operadora deberá efectuar a comunicación con carácter previo á instalación ou retirada da máquina, cunha antelación de 48 horas, mediante a presentación da solicitude achegada do documento administrativo tipo, debidamente cuberto e asinado polo representante legal da empresa operadora, en exemplar triplicado, destinados á Administración, máquina e empresa operadora.

3. A delegación provincial da consellería competente en materia de xogo dilixenciará o citado documento mediante a anotación da data de alta e o selo do organismo, trámite sen o cal a citada comunicación non amparará a instalación ou retirada da máquina.

4. A dilixenciación da comunicación de localización poderá estenderse mediante presentación directa na delegación provincial da consellería competente en materia de xogo ou por vías telemáticas.

5. Todo cambio de situación ou traslado de máquina requirirá unha nova comunicación de traslado, que dará lugar á extinción da anterior.

6. A instalación das máquinas de tipo A, A especial, B e C sen a preceptiva comunicación de localización dará lugar á incoación de expediente sancionador.

Título VI

Réxime de uso

Artigo 57º.-Avarías.

1. Se se producise na máquina unha avaría que non puidese ser rectificada de forma inmediata, impedindo así o seu correcto funcionamento, o encargado do establecemento procederá á súa desconexión e á colocación dun cartel onde se indique esta circunstancia.

2. Efectuado o anterior, non existirá obriga de devolver á persoa xogadora a cantidade de diñeiro que puidese introducir unha vez colocado o cartel de avaría, limitando ao importe máximo dunha soa partida a devolución para lle efectuar á persoa xogadora que introducise diñeiro antes da colocación do cartel de avaría.

Artigo 58º.-Pagamento de premios.

1. As máquinas de tipo B ou recreativas con premio programado e as de tipo C ou de azar deberán dispoñer nos seus depósitos dunha cantidade de diñeiro de curso legal suficiente para o pagamento automático dos premios ás persoas xogadoras, agás nos supostos previstos para as máquinas interconectadas nos establecementos a que se refire o artigo 9º, en que se poderán aboar os premios, ben mediante tarxetas prepagamento ou mediante talón bancario librado pola persoa habilitada para iso no establecemento.

2. Se a cantidade depositada na máquina for insuficiente para o pagamento dun novo premio por producirse sucesivamente o outorgamento doutros premios menores, quedará fóra de servizo.

3. Se por fallo mecánico da máquina ou no suposto previsto no punto anterior non se paga o premio obtido, o encargado do establecemento estará obrigado a pagar o devandito premio ou a diferenza que falte para completalo. En tales supostos, non poderán desenvolverse partidas en tanto non se reparase o fallo mecánico ou encherse o depósito da máquina.

Artigo 59º.-Prohibicións e obrigas.

1. Queda prohibido á empresa de xogo titular da máquina recreativa e de azar, ás persoas titulares dos establecementos en que se atopen e ao persoal ao servizo de ambos os dous:

a) Usar as máquinas dos tipos A especial, B e C en calidade de persoas xogadoras, directamente ou a través doutras persoas.

b) Conceder empréstitos ou diñeiro á conta ás persoas usuarias das máquinas, aínda cando sexa por períodos limitados de tempo ou sen ningún tipo de interese ou remuneración.

c) Conceder bonificacións ou participacións gratuítas ás persoas usuarias das máquinas para xogos ulteriores á vista do importe das apostas.

2. As persoas titulares ou responsables dos establecementos en que se atopen instaladas as máquinas de tipo A especial, B ou C, impedirán o uso destas aos/ás menores de idade, deben figurar no frontal das devanditas máquinas e de forma visible a prohibición de uso a estes/as.

Artigo 60º.-Condicións de seguridade.

1. As persoas propietarias dos establecementos en que se atopen instaladas as máquinas de xogo, así como as empresas titulares destas, estarán obrigadas en todo momento a mantelas en perfectas condicións de seguridade, hixiene e funcionamento.

2. A inspección do estado de conservación e funcionamento corresponderá, entre outros, ao persoal habilitado para tal efecto pola consellería competente en materia de xogo.

Título VII

Das obrigas documentais

Artigo 61º.-Documentación para conservar no local.

Deberá atoparse nos locais onde estivesen en explotación máquinas de xogo:

a) Nos locais de hostalaría e análogos as autorizacións de instalación e localización correspondentes. Estas autorizacións deberán situarse en lugar visible do local ou na propia máquina, para a súa comprobación polo persoal encargado dos labores de inspección.

b) Nos salóns recreativos e de xogo deberá expoñerse, nos termos previstos no punto anterior, a correspondente autorización de instalación de salóns e o permiso de apertura.

Artigo 62º.-Documentación incorporada á máquina.

1. As máquinas de xogo que se atopen instaladas deberán incorporar, de forma claramente visible desde o exterior:

a) As marcas de fábrica, nos termos previstos neste regulamento.

b) A autorización de explotación.

c) A comunicación de localización.

2. A incorporación a que se refire o punto anterior efectuarase na parte frontal ou lateral da máquina.

Artigo 63º.-Documentación en poder das empresas operadoras.

Os titulares das empresas operadoras deberán ter no seu domicilio ou sede social para a súa exhibición, por petición dos servizos de Inspección de Xogo:

a) Certificación da inscrición no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo.

b) O exemplar para a empresa operadora da autorización de explotación da máquina, con excepción feita nos casos de trámite de troco ou transmisión, nos cales se observará o disposto neste regulamento.

c) As comunicacións de localización.

d) Un exemplar da autorización de instalación e localización.

Título VIII

Salóns recreativos e salóns de xogo

Artigo 64º.-Clases de salóns.

1. Enténdese por salón, para os efectos deste regulamento, o establecemento destinado á explotación de máquinas recreativas dos tipos A, A especial ou B.

2. Para os efectos do seu réxime xurídico, os salóns axustaranse á seguinte clasificación, polo tipo das máquinas instaladas nestes:

a) Salóns recreativos.

b) Salóns de xogo.

3. Os salóns recreativos son aqueles establecementos destinados á explotación de máquinas clasificadas por este regulamento como de tipo A ou recreativas.

4. Os salóns de xogo son aqueles establecementos destinados especificamente á explotación de máquinas de tipo A especial e B. Tamén poderán instalarse máquinas de tipo A ou recreativas.

5. Os locais destinados á instalación dos citados salóns deberán cumprir as condicións técnicas establecidas no anexo deste regulamento.

Artigo 65º.-Autorizacións.

A instalación de salóns require primeiramente a obtención da autorización de instalación e, antes da súa posta en funcionamento, do permiso de apertura e da inscrición na sección cuarta do Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo.

Artigo 66º.-Consulta previa de viabilidade.

1. Con carácter previo á solicitude de autorización de instalación, calquera persoa física ou xurídica interesada na explotación dun salón poderá solicitar á dirección xeral competente en materia de xogo consulta sobre a posibilidade de obter autorización para o seu funcionamento.

2. Para obter a devandita información deberá achegar:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou pasaporte en vigor da persoa física ou da persoa representante legal da persoa xurídica.

b) Plano de situación do local.

c) Planos de estado actual e reforma proxectada do local.

Á vista da documentación presentada, a dirección xeral competente en materia de xogo informará sobre a posibilidade de expedir a autorización de instalación do salón, e formulará os reparos que, de ser o caso, fosen procedentes, sendo vinculante o informe nos seus propios termos.

3. A información emitida non implicará a autorización administrativa para a instalación do salón obxecto da consulta.

Artigo 67º.-Autorización de instalación de salóns.

1. A autorización para a instalación de salóns solicitarase ante a dirección xeral competente en materia de xogo. A solicitude deberá reunir os requisitos exixidos polo artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nela indicarase ademais:

a) A localización do salón.

b) A superficie e accesos.

2. Xunto co devandito escrito de solicitude achegarase:

a) Documento que acredite a dispoñibilidade do local.

b) Proxecto básico das obras e instalacións do local, redactado por persoal técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente.

O contido mínimo do devandito proxecto conterá:

-Plano de situación do edificio onde se pretende instalar o salón, a escala 1/1000.

-Plano ou planos de planta do local a escala 1/100.

-Memoria descritiva das instalacións en relación co cumprimento das condicións técnicas contidas no anexo deste regulamento, en que se especifique o número de máquinas de tipo A ou recreativas, A especial e/ou B que se pretendan instalar na superficie útil do local.

3. Recibida a solicitude e documentación presentada, a dirección xeral competente en materia de xogo ordenará practicar as inspeccións técnicas que crea oportunas e resolverá expedindo a autorización solicitada ou denegándoa.

4. Se a solicitude ou a documentación tivesen defectos rectificables, requirirase o interesado co fin de que os emende no prazo de dez días. Transcorrido o devandito prazo sen que os defectos fosen emendados, terase por desistido na súa petición, logo de resolución que deberá será ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico de administracións públicas e de procedemento administrativo común.

5. En ningún caso se autorizará a instalación de salóns a menor distancia de 150 metros dos accesos normais de entrada ou saída de centros que impartan ensino a menores de idade, ou cando exista outro salón, xa autorizado ou en tramitación, a unha distancia inferior a 300 metros do que se pretende instalar.

As autorizacións de instalación outorgadas terán carácter indefinido. En todo caso, a súa eficacia quedará supeditada á obtención do permiso de apertura.

Artigo 68º.-Permiso de apertura.

1. Expedida a autorización de instalación, e no prazo non superior a un ano desde a notificación da correspondente resolución, deberán executarse as obras de adaptación dos locais conforme os proxectos achegados e solicitar en igual prazo, antes de proceder á apertura do salón, o permiso de apertura e a inscrición na sección cuarta do Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo.

2. A solicitude anterior deberá formalizarse en impreso normalizado e con ela achegarase a seguinte documentación:

a) Licenza municipal de apertura ou actividade, ou acreditación de tela solicitada.

b) Certificado de obra acabada e de que as obras e instalacións realizadas se corresponden co proxecto básico polo que se concedeu a autorización de instalación.

c) Documento acreditativo de formalizar a fianza a que se refire o artigo 32º deste regulamento.

3. A dirección xeral competente en materia de xogo poderá ordenar visita de inspección ao local co fin de comprobar a súa correspondencia coa documentación achegada.

4. Se o exame da documentación achegada e, de ser o caso, o resultado da inspección fosen satisfactorios, a dirección xeral competente en materia de xogo expedirá o correspondente permiso de apertura do salón e procederase á inscrición do salón na sección cuarta do Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo.

5. En todo caso, o permiso de apertura expedirase sen prexuízo da correspondente concesión da licenza municipal de apertura ou actividade.

Artigo 69º.-Revogación das autorizacións de instalación.

Procederá a revogación das autorizacións de instalación pola dirección xeral competente en materia de xogo, a través do correspondente expediente, cando concorra algunha das seguintes causas:

a) Solicitude expresa, manifestada por escrito, da empresa titular da autorización.

b) Incumprimento da obriga de manter a fianza polas contías previstas neste regulamento.

c) Inexactitude dos datos achegados na solicitude de autorización.

d) Ditarse resolución denegatoria do permiso de apertura previsto neste regulamento.

Artigo 70º.-Modificación das autorizacións de instalación.

1. Requirirán autorización previa da dirección xeral competente en materia de xogo as modificacións que impliquen unha alteración substancial do proxecto básico aprobado na autorización de instalación, e deben achegarse, xunto á solicitude correspondente, proxecto de reforma, redactado por técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente. Tamén requirirá autorización previa a suspensión de funcionamento do salón por un período superior a seis meses.

2. As restantes modificacións non substanciais, como as que supoñen unha mera redistribución interior de espazos, pequenas melloras ou de simple decoración, deberán ser previamente comunicadas á devandita dirección xeral.

Artigo 71º.-Réxime de salóns.

1. Nos salóns poderá instalarse na fachada un indicador co nome do establecemento e a expresión Salón recreativo ou, de ser o caso, Salón de xogo.

Tanto nos salóns recreativos coma nos de xogo poderase instalar, sen separación ningunha coa sala de xogo, como complemento da actividade principal, un servizo de bar. Nos salóns recreativos queda prohibido o despacho e consumo de calquera tipo de bebidas alcohólicas.

2. Nos salóns de xogo está prohibido o acceso a menores de idade e deberán ter un servizo que velará polo cumprimento da devandita prohibición. Como excepción permitirase a entrada a menores de idade naqueles salóns de xogo que ademais tivesen instaladas tamén máquinas de tipo A se a zona onde estivesen instaladas as máquinas tipo B estivese claramente delimitada e separada por tabiques, biombos ou outros elementos separadores fixos ou móbiles e perfectamente controlado o acceso a esta.

Título IX

Réxime sancionador

Artigo 72º.-Infraccións e sancións.

1. Constituirán infraccións administrativas, nos termos fixados na Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, as accións ou omisións que contraveñan o réxime establecido, para as máquinas de xogo e salóns recreativos e de xogo, tipificados na devandita lei e neste regulamento.

2. En aplicación da normativa referida no punto anterior, un mesmo feito cometido por un mesmo suxeito non poderá ser considerado constitutivo de infraccións administrativas diferentes.

3. As infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 73º.-Infraccións moi graves.

Terán a cualificación de infraccións moi graves as tipificadas no artigo 28 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia e especialmente:

a) A organización, xestión e explotación de xogos mediante máquinas de xogo sen posuír todas as autorizacións legal e regulamentariamente previstas.

b) Utilizar elementos de xogo ou máquinas non homologadas ou non autorizadas, ou substituír fraudulentamente o material de xogo ou das máquinas de tipo B ou C.

c) Fabricar, importar, distribuír, vender, explotar ou instalar máquinas non inscritas no Rexistro de Modelos a que se refire este regulamento ou por persoas ou empresas non autorizadas para instalar máquinas B ou C, ou en locais ou lugares non autorizados.

d) Autorizar ou permitir aos menores de idade a práctica de xogo en máquinas de tipo A especial, B ou de premio programado e C ou de azar.

e) A utilización de documentos non conformes á realidade, para obter os permisos ou autorizacións necesarios, cando non constituíse delito.

f) A carencia dos documentos necesarios para a explotación de máquinas.

g) A organización e a práctica de xogos mediante máquinas en recintos distintos dos autorizados.

h) O feito de superar os límites máximos de premios permitidos por cada máquina.

i) Conceder empréstitos ás persoas xogadoras en lugares en que se practique o xogo mediante máquinas.

j) A inexistencia das medidas de seguridade dos locais exixidas na autorización de instalación ou permiso de apertura ou o non funcionamento destas cando poida afectar a seguridade das persoas.

k) Calquera acción ou omisión que, significando unha alteración ou modificación substancial do disposto neste regulamento ou que fose de aplicación, sexa determinante de defraudación ou engano.

Artigo 74º.-Infraccións graves.

Terán a cualificación de infraccións graves as tipificadas no artigo 29 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, e especialmente:

a) A cesión, por calquera título, de autorizacións para a práctica de xogos mediante máquinas, salvo que estes cumpran os requisitos e condicións fixadas regulamentariamente.

b) Calquera acción de carácter publicitario dos xogos que infrinxa as normas regulamentarias.

c) A negativa a exhibirlles ao persoal do corpo de inspección de xogo ou axentes da autoridade competente os documentos acreditativos das autorizacións administrativas correspondentes, así como non abrir ou mostrar a estes as máquinas ou elementos de xogo.

d) As actitudes de coacción ou intimidación sobre persoas xogadoras no caso de protestas ou reclamación.

e) Non facilitar aos órganos competentes a información necesaria para o axeitado control das actividades de xogos de máquinas, conforme as disposicións da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

f) A admisión de máis persoas xogadoras do que permita o capacidade do local.

Artigo 75º.-Infraccións leves.

Terán a cualificación de infraccións leves as tipificadas no artigo 30 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, e, especialmente, todas as previstas na citada lei e disposicións regulamentarias que, non estando comprendidas nos artigos 28 e 29 desta, non produzan prexuízos a terceiros nin beneficios ao infractor tales como:

a) Faltar o cartel de prohibida a entrada a menores nos salóns en que haxa máquinas de tipo A especial, B e C.

b) A non instalación da máquina dentro das 48 horas seguintes á comunicación de localización do artigo 56º.

c) Non dispoñer de documentación orixinal de acordo co establecido no artigo 63º a) deste regulamento.

d) Incumprir as prohibicións do artigo 59º.1 letras a) e c).

e) Que a documentación incorporada á máquina estea parcialmente tapada.

Artigo 76º.-Sancións.

1. As infraccións moi graves serán sancionadas con multa superior a 18.000 euros ata 100.000 euros, que poderá elevarse ata 600.000 euros no caso de reincidencia ou segundo as contías xogadas, os beneficios obtidos ou a incidencia social.

Como sanción accesoria poderá, ademais, retirarse temporal ou definitivamente a autorización concedida e proceder á clausura do local de xogo. No suposto de revogación da autorización ou clausura definitiva como local de xogo, non poderán concederse, ata transcorridos cinco anos, novas autorizacións para calquera das actividades previstas neste regulamento ás mesmas empresas. Así mesmo poderá, de ser o caso, decretarse a destrución da máquina ou dos elementos de xogo.

2. As infraccións cualificadas como graves serán castigadas con multa superior a 3.000 euros ata 18.000 euros.

3. As infraccións leves serán sancionadas a primeira vez con apercibimento. Se a falta implica unha deficiencia técnica requirirase o infractor para que proceda á súa rectificación inmediata. Se o requirimento non fose atendido ou se reiterase ou persistise na infracción, imporáselle unha multa de 1.000 euros ata 3.000 euros.

4. A sanción levará consigo a devolución dos beneficios ilicitamente obtidos, segundo os casos, á Administración ou ás persoas directamente prexudicadas.

5. Para os efectos deste regulamento, das infraccións cometidas por empresas serán responsables solidarias as persoas xerentes e administradoras destas.

Artigo 77º.-Tramitación dos expedientes sancionadores.

1. A resolución dos expedientes sancionadores correspóndelle:

a) Á persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de xogos e apostas, cando a sanción consista nunha multa de ata 60.000 euros e/ou na retirada da autorización concedida ou na clausura do local por un período máximo de tres anos.

b) Á persoa titular da consellería competente en materia de xogos e apostas, cando a sanción consista en multa superior a 60.000 euros ata 300.000 euros e/ou na retirada da autorización concedida ou na clausura do local por un período máximo de cinco anos.

c) Ao Consello da Xunta de Galicia, cando a sanción consista en multa superior a 300.000 euros e/ou na retirada definitiva da autorización ou clausura tamén definitiva do local.

2. A potestade sancionadora exercerase seguindo o procedemento establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na súa normativa de desenvolvemento. En todo caso, o prazo para ditar e notificar resolución expresa será dun ano desde a data do acordo de iniciación.

3. Iniciado o expediente sancionador por falta grave ou moi grave, a autoridade competente para resolvelo poderá decretar, como medida provisional, o comiso de efectos, máquinas ou instrumentos de xogo relacionados coa infracción.

Cando o persoal inspector proceda a levantar acta por infraccións que poidan ter este carácter de grave ou moi grave e se considere conveniente para os efectos probatorios, este poderá realizar a precintaxe de tales máquinas, efectos ou instrumentos, reflectindo a devandita circunstancia na acta, así como as razóns que a motivaron.

A Administración dispón dun prazo de 30 días naturais para confirmar ou modificar esta medida provisional. Transcorrido o prazo, sen efectuar a oportuna notificación á empresa operadora ou ao titular do local, indistintamente, quedará enervada a devandita medida provisional, sen prexuízo de que poida adoptarse posteriormente.

ANEXO

Condicións técnicas dos salóns recreativos e de xogo

1. Superficie.

A superficie mínima dos salóns recreativos non deberá ser inferior a 50 metros cadrados. Os salóns de xogo disporán dunha superficie mínima de 150 metros cadrados en municipios de máis de 200.000 habitantes e de 100 metros cadrados no resto. En ambos os dous casos, dentro da devandita superficie mínima considerarase incluída a superficie destinada a outras dependencias.

2. Altura.

A altura mínima será de 2,80 metros e, excepcionalmente, admitiranse 2,50 metros en determinados puntos da sala, sempre que non superen o cincuenta por cento da súa superficie.

No resto das dependencias como servizos e aseos, a altura non poderá ser inferior a 2,30 metros.

3. Aseos.

Deberán contar con aseos diferenciados para cada sexo, compostos polo menos por un ante aseo que pode ser común a ambos os dous para os lavabos no suposto en que fosen capacidades inferiores a 50 persoas. Para capacidades superiores, incrementarase un lavabo e un inodoro en cada un dos aseos por cada 100 persoas ou fracción, o de cabaleiros poden colocar un urinario en lugar dun inodoro, sempre que o número total de urinarios sexa como máximo o dobre do de inodoros.

4. Capacidade.

A capacidade máxima permitida establecerase de forma que, descontando a superficie ocupada polo máximo de máquinas permitidas en cada caso, resulte na proporción dunha persoa por cada metro cadrado de superficie útil do salón.

5. Número de máquinas e distribución.

1. O número de máquinas que se poderán instalar e explotar nos salóns recreativos e de xogo será como mínimo de 10 máquinas, dos tipos A ou recreativa, A especial ou B, respectivamente.

2. As máquinas colocaranse de forma que nin elas nin os seus espazos de utilización obstaculicen os corredores e vías de circulación que, en todo caso, deberán ter un ancho mínimo de 1,20 metros.

6. Instalación eléctrica e iluminación.

Será de aplicación o disposto ao respecto polo Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

7. Outras medidas de seguridade.

No relativo á clasificación, ás condicións de compartimentación e materiais, vías de evacuación e a súa sinalización, saídas de emerxencia, escaleiras, medidas de protección contra incendios, instalacións de alarma e, en xeral, normas de seguridade dos locais, será de aplicación o disposto nas disposicións vixentes de protección contra incendios.