DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Mércores, 12 de marzo de 2008 Páx. 4.258

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 41/2008, do 28 de febreiro, polo que se establecen os criterios básicos para a autorización dos programas e actividades de prevención en drogodependencias e se constitúe o Comité Técnico de Prevención de Drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, establece no seu artigo 3.3º que as actividades e programas preventivos en materia de drogodependencias «deberán contar cos obxectivos e metodoloxía acorde coa realidade social sobre a que se pretende actuar e dispoñer dun sistema de avaliación das intervencións efectuadas e dos resultados acadados».

Así mesmo, o artigo 22.2º c) da mencionada lei di que é competencia da Administración autonómica «a autorización, rexistro, acreditación e inspección de centros, programas e servizos que, postos en marcha por entidades públicas ou privadas, desenvolvan actividades e accións de intervención en materia de consumo de drogas e problemática asociada a este».

Para dar cumprimento a estes preceptos, púxose en marcha en 1998 o Sistema de Avaliación de Programas de Prevención e Incorporación Social (Sapi) e no ano 2004 a súa aplicación informática Xesapi (Xestión do Sistema de Avaliación de Prevención e Incorporación Social).

Por outra banda, o capítulo II do título III da Lei de Galicia sobre drogas está dedicado á planificación e ordenación, establecendo o artigo 23.1º que «A planificación dos obxectivos, prioridades e estratexias de actuación en materia de drogodependencias que se realicen na Comunidade Autónoma preveranse nun Plan de Galicia sobre drogas».

No Plan de Galicia sobre Drogas 2007-2009, no punto 4.1.3, xa se recolle tamén a aprobación dunha norma de autorización de programas de prevención das drogodependencias, que sexa un instrumento para promover a máxima eficiencia no investimento de recursos públicos dedicados á prevención do abuso de drogas, orientar a toma de decisións e a planificación, presentación, desenvolvemento e avaliación dos programas, e propoñer a creación de grupos técnicos de traballo en materia de prevención de drogodependencias.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, de conformidade co ditame 52/08 do Consello Consultivo de Galicia, e segundo o disposto no artigo 37.1º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, o Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e oito de febreiro de dous mil oito.

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto deste decreto é a regulación dos requisitos para a autorización dos programas e actividades de prevención do consumo de drogas, e a creación do Comité Técnico de Prevención de Drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos do disposto neste decreto, entenderase por:

a) «Programa»: conxunto ordenado de actuacións ou actividades, cunha duración temporal determinada, encamiñadas á consecución dun ou varios obxectivos relacionados entre si.

b) «autorización»: procedemento a través do que a autoridade competente verifica e garante que un programa cumpre requisitos mínimos de calidade, e resulta de interese e utilidade para a consecución de obxectivos merecentes de financiamento e apoio público.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

1. Poderán ser autorizados programas e actividades preventivos no ámbito das drogodependencias, que se desenvolvan por parte de institucións ou entidades legalmente constituídas, con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, así como os que vaian levarse a cabo no mesmo ámbito xeográfico por institucións ou organismos de carácter nacional ou internacional.

2. Constitúe o ámbito material deste decreto:

a) Os programas de información, consello e divulgación dirixidos aos cidadáns sobre as substancias que poidan xerar dependencia, as consecuencias do seu consumo e a súa incidencia no tocante á saúde da poboación.

b) Os programas de prevención do uso indebido de drogas, que comprenderán actividades informativas, de asesoramento e actuacións de carácter preventivo, preferentemente nos ámbitos educativo, familiar, laboral, sanitario e comunitario.

c) A formación en drogodependencias de profesionais dos servizos sanitarios para o asesoramento e a orientación aos usuarios.

d) Outros programas e actuacións de prevención do uso indebido de drogas que, atendendo ás evidencias e avances científicos, se poñan en marcha ao longo do tempo.

Capítulo II

Programas e actividades de prevención das drogodependencias

Artigo 4º.-Requisitos dos programas e actividades preventivas en Galicia.

Os programas e actividades preventivas para os que se solicite autorización deberán ser axeitados aos obxectivos previstos no Plan de Galicia sobre Drogas, e cumprir os criterios de xustificación, coherencia e calidade que se establecen nos anexos deste decreto, baseados no Sistema de Avaliación de Programas de Prevención e Incorporación Social (Sapi), sen prexuízo doutros requisitos que se poidan establecer regulamentariamente por tipos ou grupos de programas.

Artigo 5º.-Financiamento público.

1. Os programas e actividades autorizados poderán ter acceso a financiamento público con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para tal efecto, poderanse utilizar distintos mecanismos de financiamento ou co-financiamento, con implicación doutras entidades ou organismos, baixo a forma de acordos de colaboración, convocatorias de axudas e subvencións en réxime de concorrencia competitiva, ou outros mecanismos legalmente previstos.

3. No caso de formalizarse acordos ou convenios de colaboración con concellos, mancomunidades, organizacións non-gobernamentais ou asociacións sen ánimo de lucro, estableceranse os correspondentes protocolos internos de actividade-financiamento (PIAF), que terán por finalidade a definición e concreción dos compromisos que vai asumir cada unha das partes asinantes para o correspondente exercicio orzamentario.

Capítulo III

Comité Técnico de Prevención de Drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 6º.-Constitución.

1. Créase o Comité Técnico de Prevención de Drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia como órgano colexiado de natureza consultiva e de apoio técnico para o cumprimento e execución das funcións encomendadas no artigo 8 deste decreto.

2. O Comité Técnico de Prevención de Drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia adscríbese á Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias.

Artigo 7.-Composición.

1. O Comité Técnico de Prevención de Drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia estará composto polos seguintes membros:

a) Presidente/a: o/a subdirector/a xeral de Saúde Mental e Drogodependencias.

b) Vicepresidente/a: xefe/a da área de Prevención, Reinserción e Coordinación da Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias.

c) Vogais:

-Seis profesionais da rede de prevención de drogodependencias, propostos entre candidatos voluntariamente presentados no ámbito das reunións do Plan de formación continuada en materia de drogodependencias

-Dous/dúas profesionais con recoñecida experiencia e prestixio no ámbito da prevención de drogodependencias, propostos polo/a titular da Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias.

-Un/Unha vogal en representación do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de asuntos sociais.

d) Secretario/a: un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, designado/a polo/a titular desta. O/a secretario/a terá voz pero non voto nas sesións do comité.

2. Os vogais e o/a secretario/a do Comité serán nomeados e destituídos polo órgano con rango de Dirección Xeral ao que estea adscrita a Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, logo de proposta do/a titular desta última. Na composición do comité procurarase unha representación proporcionada entre mulleres e homes.

Artigo 8º.-Funcións.

O Comité Técnico de Prevención de Drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia terá as seguintes funcións específicas:

1. Asesorar as unidades e órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación con cuestións técnicas sobre a prevención do consumo de drogas.

2. Valorar as solicitudes de autorización de programas e actividades de prevención en drogodependencias.

3. Emitir informe para a resolución de autorización.

4. Fomentar a autorización de novos programas e actividades preventivos en desenvolvemento, cando carezan dela.

5. Promover o deseño e aplicación de programas e actividades preventivos que sigan os principios, criterios e requisitos establecidos neste decreto.

6. Propoñer a modificación ou introdución de novos criterios de avaliación e baremación de programas e actividades preventivos.

7. Emisión de informes ou propostas en materia de programas e actividades preventivos que lle sexan solicitados a través da Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias.

8. Elaborar, aprobar e modificar o seu regulamento de réxime interno.

9. Outras funcións que, en materia de programas e actividades de prevención de drogodependencias, lle poidan ser encomendadas polos órganos competentes.

Artigo 9º.-Normas mínimas de funcionamento.

1. O Comité Técnico de Prevención de Drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia rexerase polo seu regulamento de réxime interno e, no non previsto por este, seranlle de aplicación as normas relativas ao funcionamento dos órganos colexiados contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A periodicidade das reunións ordinarias será cuadrimestral, sen prexuízo da posibilidade de convocar as reunións extraordinarias que se consideren necesarias, cando o/a presidente/a o considere oportuno ou cando o solicite a metade dos vogais que o integran.

3. Ás reunións do Comité Técnico de Prevención de Drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia poderán asistir outras persoas en calidade de asesores, con voz pero sen voto.

4. Os/as vogais que tiveran participar no deseño, elaboración, implantación ou avaliación dalgún programa ou actividade preventiva para o que se solicite autorización, non poderán participar na valoración nin na elaboración do correspondente informe.

Capítulo IV

Procedemento de autorización

Artigo 10º.-Requisito previo.

As institucións ou entidades legalmente constituídas a que se refire o artigo 3º deste decreto, que soliciten a autorización de programas ou actividades de prevención de drogodependencias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán estar inscritas no Rexistro de entidades colaboradoras do Plan Galicia sobre Drogas, creado ao abeiro do Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.

Artigo 11º.-Competencia.

1. A concesión, denegación e revogación das autorizacións que regula este decreto corresponderá ao órgano con rango de dirección xeral ao que estea adscrita a Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias.

2. As resolucións ditadas poderán ser recorridas en alzada ante a conselleira de Sanidade, de conformidade co previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Convocatoria.

O prazo para a presentación de solicitudes de autorización de programas e actividades de prevención, para os efectos da súa autorización, determinarase anualmente a través da correspondente orde de convocatoria.

Artigo 13º.-Procedemento.

1. Aberto o prazo de conformidade co previsto no artigo anterior, as institucións e entidades interesadas presentarán os programas ou actividades de prevención para os que pretendan a autorización.

2. A solicitude será examinada polo Comité Técnico de Prevención de Drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia. Se a documentación presentada resultase incompleta ou non cumprise os requisitos determinados para a aplicación dos criterios contidos no anexo I deste decreto, requirirase ao solicitante para que no prazo de 10 días proceda a completar ou emendar as deficiencias observadas, coa advertencia de que, de non facelo no prazo indicado, teráselle por desistido da súa solicitude e procederase ao seu arquivo, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose na forma prevista no artigo 42.1º desta lei.

3. Examinada a documentación presentada, o Comité Técnico de Prevención de Drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade cos criterios de xustificación, coherencia e calidade que se establecen no anexo I deste decreto, aplicará o baremo recollido no anexo II deste decreto, e formulará o correspondente informe previo ao outorgamento/denegación da autorización solicitada.

4. O informe elevarase ao órgano competente para resolver de conformidade co previsto no artigo 11.1º deste decreto.

5. O prazo máximo para resolver sobre o outorgamento ou denegación da autorización será de 2 meses. Transcorrido o prazo máximo previsto sen que recaia resolución expresa, a solicitude de autorización entenderase desestimada.

Artigo 14º.-Vixencia da autorización.

1. A autorización outorgarase polo tempo que dure o desenvolvemento do programa ou actividade de prevención, de conformidade coa solicitude presentada.

2. No caso de programas ou actividades que sexan de reiteración doutros anteriores que resultasen autorizados, ou teñan carácter periódico, a institución ou entidade solicitante só deberá presentar:

a). A autorización outorgada para o programa precedente.

b) Unha memoria das modificacións que, se é o caso, se producirran no contido, medios, prazos ou custo do programa ou actividade que vaia desenvolver.

Verificados estes extremos, procederase ao outorgamento da autorización, nos termos indicados anteriormente.

Artigo 15º.-Revogación.

1. Os programas e actividades de prevención das drogodependencias estarán sometidos ás facultades de inspección dos órganos administrativos que teñen atribuídas as competencias en materia de drogodependencias, que poderán, en calquera momento, efectuar as comprobacións que coiden oportunas.

2. A autorización poderase revogar, motivadamente e logo de instrución do correspondente procedemento administrativo con audiencia do interesado, pola concorrencia de calquera das seguintes causas:

a) Incumprimento dos requisitos exixidos neste decreto e disposicións que no seu desenvolvemento se diten; ou dos criterios de xustificación, coherencia e calidade que motivaron o outorgamento da autorización.

b) Baixa da entidade solicitante no rexistro de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas.

c) Resolución, administrativa ou xudicial, firme de declaración de responsabilidade derivada do manexo ou utilización de fondos públicos.

d) Razóns educativas, sociais ou sanitarias que aconsellen a revogación da autorización.

3. A revogación da autorización corresponderalle ao mesmo órgano que ten atribuída a competencia para o seu outorgamento, de conformidade co previsto no artigo 11.1º deste decreto.

Artigo 16º.-Catálogo de programas de prevención.

1. Os programas e actuacións preventivos autorizados pasarán a formar parte do Catálogo de programas de prevención, que se levará e manterá actualizado na Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias.

2. O Catálogo será publicado na páxina web do Servizo Galego de Saúde e atoparase dispoñible para calquera interesado.

Disposición adicional

Os procedementos de autorización de programas ou actividades de prevención de drogodependencias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os órganos competentes para a súa tramitación, terán en conta as determinacións da Lei 7/2004, do 16 xullo, para a igualdade de mulleres e homes, así como do Plan Integral de Atención á Saúde da Muller Galega, no que atinxa ás medidas de igualdade.

Disposicións transitorias

Primeira.-No prazo máximo de dous meses contados a partir da entrada en vigor deste decreto, constituirase o Comité Técnico de Prevención de Drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Os programas ou actividades de prevención que, no momento da entrada en vigor deste decreto, estean activos e figuren incluídos no Catálogo de Programas de Prevención da Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, non precisarán da autorización prevista neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias en desenvolvemento, execución e cumprimento das previsións deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

En Santiago de Compostela, vinte e oito de febreiro de dous mil oito

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

ANEXO I

Requisitos para a autorización dos programas de prevención.

Criterios de xustificación, coherencia e calidade aos programas de prevención do consumo de drogas.

Os programas e actividades preventivos para os que se solicite autorización deberán cumprir os criterios de definición, coherencia e calidade que se determinan a seguir, co fin de garantir unha «boa práctica». Así mesmo, deben de estar baseados no Sistema de Avaliación de Programas de Prevención e Incorporación Social (SAPI).

O factor inicial de valoración é a boa definición do programa, correspóndenlle 45 dos 100 puntos totais que se poidan obter. O segundo criterio para a autorización dos programas ten que ver coa coherencia interna na que se valora a garantía de aplicabilidade, correspondéndolle 15 dos 100 puntos totais. O terceiro criterio é o de calidade do programa, ao que lle corresponden 40 dos 100 puntos totais que se poidan obter.

A maioría dos ítems admiten un valor entre 0 e 5, onde o 5 sería a excelencia e o 0 a ausencia completa da variable. Non obstante, os ítems relativos á poboación (0-8), obxectivos do programa (0-7) e a metodoloxía e actividades (0-10 ) admiten valores máis altos.

Descrición dos ítems e criterios de valoración.

1. Definición do programa.

1.1. Análise da situación/xustificación (0-5 puntos).

Trátase de respostar á pregunta «¿Por que se quere realizar o programa?». En moitos casos, o programa correspóndese con criterios prescritivos e prioridades de actuación descritos no Plan de Galicia sobre Drogas (PGD). Noutros casos responde a iniciativas de profesionais deste campo, universidades, ONG, concellos, etc.

A máxima valoración exixiría a presenza dunha análise da situación en función de:

-Existencia de estudo de necesidades.

-Criterios prescritivos: prioridades sanitarias, municipais ou do PXD.

-Actuacións que se dan de forma habitual noutras zonas similares do entorno.

-Datos sobre consumo de drogas e variables relacionadas.

1.2. Descrición da poboación (0-8 puntos).

Descrición da poboación total, potencial beneficiaria e destinataria, tanto en número como nas súas características socio-demográficas e culturais. Tamén se define como vai ser a difusión do programa para garantir a accesibilidade. Puntuarase con 0 cando non se describa ningunha poboación. Igualmente cando só se describa a poboación xeral do contorno e esta non coincida coa poboación destinataria ou diana.

A máxima puntuación exixe estes criterios de valoración:

-Descrición das tres poboacións: total, potencial beneficiaria e destinataria.

-Número, ou estimación dos números, en cada caso.

-Poboacións intermedias e beneficiarios indirectos.

-Descrición dos distintos colectivos.

-Especialmente estimación e descrición da poboación usuaria ou destinataria directa dos programas.

-Vías de difusión do programa ou accesibilidade deste.

1.3. Obxectivos do programa (0-7 puntos).

Valorarase que os obxectivos sexan claros e comprensibles (que se quere lograr co programa), que sexan amplos (necesidade de obxectivos de proceso) e que existan obxectivos xerais e específicos. Valorarase positivamente a presenza de obxectivos operativos: posibilidade de medir o cambio logrado. Cómpre que coa lectura dos obxectivos, se comprenda que se vai facer no programa. Se isto non se consegue, os obxectivos non son completos ou non están claramente definidos.

A máxima puntuación exixiría a presenza destes criterios de valoración:

-Presenza de obxectivos de proceso e de resultados.

-Presenza de obxectivos xerais e específicos.

-Claridade nos obxectivos, relacionada coa comprensión do programa a partir da lectura destes.

-Presenza de obxectivos operativos.

1.4. Actividades/metodoloxía (0-10 puntos).

Descrición da actividade e metodoloxía. Exposición rigorosa e documentada ou xustificada dunha metodoloxía científica de intervención e, ademais, unha descrición completa das actividades concretas.

A máxima valoración exixirá a presenza destes criterios de valoración:

-Descrición completa de cada actividade.

-Presenza explícita dun método contrastado de intervención que fundamente ou dote de sentido á actividade elixida.

-Agrupación de todas as actividades relacionadas cos mesmos obxectivos nun mesmo programa, sen confundir programa e actividade.

1.5. Recursos humanos (0-5 puntos).

Descrición de recursos humanos profesionais (roles, contratos, titulacións e dedicación). Ademais, debe constar a participación de colaboradores voluntarios coas súas tarefas, titulacións e dedicación.

A máxima puntuación darase se hai:

-Descrición do persoal profesional: rol, titulación, tipo de contrato e dedicación.

-Descrición dos colaboradores: tarefas, titulación e dedicación.

1.6. Orzamento (0-5 puntos).

Interesa o custo total do programa e de cales entidades proveñen os fondos, así como o desagregamento do orzamento nas partidas orzamentarias relativas a persoal, material, locais, equipamento, bens e servizos e outros. A puntuación diminuirá na medida en que as contías se agrupen sen especificación dos custos concretos.

Os criterios de valoracións en canto a puntuacións máximas serán:

-Desagregamento das partidas orzamentarias.

-Desagregamento de cada punto.

-Considéranse todas as partidas (persoal, equipamento, locais, etc.).

1.7. Avaliación (0-5 puntos).

Información sobre tipo de avaliación, instrumentos, técnicas e métodos, momentos do programa e usuarios sobre os que se recolle información e indicadores de avaliación utilizados.

A puntuación máxima obteríase cando se fai constar o deseño dun procedemento de avaliación e se describan os instrumentos para realizala: fichas de asistencia, follas de rexistro de actividades, escalas de satisfacción e identificación dos grupos de usuarios e momentos temporais para facelo, etc.

Polo tanto, os criterios de valoración serán:

-Descrición do proceso: quen a fai, cando e con que información e medios.

-Definición de indicadores.

-Identificación de momentos do proceso en que se vai recoller información.

-Identificación dos grupos de usuarios sobre os que se vai recoller información.

-A avaliación de resultados valorarase se se presenta co suficiente rigor metodolóxico.

2. Coherencia do programa.

2.1. Relación entre análise da situación e obxectivos (0-5 puntos).

Trátase de xulgar se os obxectivos presentados no programa se corresponden coas necesidades da poboación que xustifican teoricamente a intervención. Xúlgase a coherencia interna e a valoración será positiva se se aprecia con claridade que a xustificación e obxectivos se relacionan entre si .

Polo tanto, os criterios de valoración serán:

-Os obxectivos farán mención expresa aos problemas/necesidades presentadas na xustificación.

-Os obxectivos son adecuados para traballar nesa situación. (Son habituais na literatura científica).

-Percíbese na lectura que os obxectivos se desprenden de forma lóxica das necesidades percibidas.

-Orixinalidade e brillantez.

2.2. Relación entre obxectivos e actividades (0-5 puntos).

As actividades que se presentan despréndense loxicamente dos obxectivos do programa. Coherencia entre o nivel dos obxectivos nunha escala secuencial (informar, formar, cambiar actitudes, cambiar comportamentos, modificar estilos de vida) e a intensidade da intervención (buscar maiores cambios, intervencións máis intensas e de maior duración temporal).

Polo tanto, os criterios de valoración serán:

-Na descrición da actividade debe constar o obxectivo co que se relaciona e se aprecia a súa pertinencia.

-Deben ser técnicas o métodos de intervención contrastados (coñecidos) para conseguir os obxectivos.

-O horario e intensidade debe estar en consonancia co nivel de cambio que busca o obxectivo.

2.3. Relación entre poboación e metodoloxía (0-5 puntos).

Metodoloxía adecuada para traballar coas poboacións diana, moi relevante en colectivos específicos que poden exixir métodos particulares.

A puntuación máxima relacionarase cun axuste claro e lóxico das actividades coa poboación á que se dirixen, previsión de mecanismos de difusión entre os seus destinatarios e os posibles elementos de calidade.

Polo tanto, os criterios de valoración serán:

-Metodoloxía contrastada cientificamente para traballar coas poboacións diana.

-Accesibilidade da poboación diana ás actividades: difusión e adecuación de horarios e espazos.

-Calidade das actividades: imaxinativas, innovadora e atractivas para a captación e mantemento dos usuarios.

-Actividades e métodos específicos para colectivos específicos e/ou minorías.

3. Calidade do programa.

3.1. Marco teórico (0-5 puntos).

O marco teórico fundamentará o programa e as súas actividades. Debe tratarse de referentes científicos suficientemente estendidos ou contrastados que doten de validez teórica o programa. Valorarase positivamente a relación entre a teoría e a práctica: as actividades deben relacionarse claramente coa teoría e fundamentarse en ela.

Polo tanto, os criterios de valoración serán:

-Presenza dun marco teórico de referencia.

-O marco teórico está aceptado na comunidade científica para o traballo nestas áreas:

-As actividades ou metodoloxía empregada relacionase co marco teórico elixido.

3.2. Recursos materiais e económicos (0-5 puntos).

A dotación de recursos económicos ou materiais ao programa debe ser suficiente para que o programa sexa «realizable». Valorarase a suficiencia dos recursos para a súa realización.

A maior puntuación obteríase cando o orzamento sexa equilibrado e realista, pola posibilidade de aplicar recursos propios ou do entorno.

Os criterios de valoración serán:

-Recursos suficientes para a realización do programa (orzamento realista e recursos adecuados).

-Dotación de recursos materiais, propios da entidade ou do concello ou doutras organizacións que o enriquezan e dotan dunha maior calidade.

3.3. Mapa de factores de risco e protección ou detección de variables que se vaian modificar (0-5 puntos).

É enriquecedor para o programa contar cun mapa dos factores de protección e de risco da poboación que intervén no programa. A valoración positiva neste ítem obteríase se se realizara un mapa ou unha identificación exhaustiva destes factores na análise da situación e, de forma lóxica, se considerasen os consecuentes elementos do programa (obxectivos y actividades).

Igualmente, a valoración sería positiva se se realizou unha identificación precisa de variables a modificar co programa.

Os criterios de valoración serán:

-Existencia de mapa ou identificación de factores de risco e de protección (presentes na análise da situación e no contido da intervención).

-Identificación de variables que se pretenden modificar.

-Avaliación dos cambios.

3.4. Instrumentos (0-5 puntos).

Valorarase positivamente a presenza de instrumentos, tanto o deseño de instrumentos propios para os procedementos internos ou a recollida de información específica, como o uso de instrumentos validados para o coñecemento obxectivo dunha situación referente aos usuarios.

Os criterios de valoración serán:

-Presenza de instrumentos de recollida e transmisión de información nas distintas fases do programa.

-Produción de instrumentos propios adecuados.

-Uso de instrumentos validados.

3.5. Temporalidade/calendario (0-5 puntos).

Valorarase positivamente a temporalidade adecuada: programa ben distribuído temporalmente, lonxitudinal e transversalmente (distribución das actividades).

Os criterios de valoración serán:

-Adecuación da temporalidade ás actividades: horarios suficientes e realistas.

-Correcta distribución ao longo do tempo.

-Horarios e temporalidade que faciliten a accesibilidade dos usuarios.

3.6. Coordinación (0-5 puntos).

Valorarase a importancia de que o programa estea integrado na súa comunidade: coordinación con entidades ou administracións do seu contorno, participación destas e outros axentes, existencia de órganos ou mesas de coordinación ou mecanismos sistematizados.

Os criterios de valoración serán:

-Número de entidades do contorno co que o programa se está a coordinar.

-Participación das administracións locais.

-Participación en mesas ou órganos de coordinación.

-Contactos ou comunicación con organismos (policía, protección civil, recursos sanitarios, colexios ou institutos, AMPAS, AAVV, etc.).

-Mecanismos de coordinación interna: reunións, instrumentos de notificación.

3.7. Recursos humanos (0-5 puntos).

Para obter as puntuacións máximas, valorarase a elevada cualificación ou calidade científico-técnica contrastada do equipamento, suficiencia da dotación de recursos humanos (número e composición por titulacións do equipamento adecuado e dedicación e horarios en relación coa temporalidade do programa).

Os criterios de valoración serán:

-Presenza das titulacións adecuadas ao programa.

-Horario e dedicación suficiente dos profesionais para as actividades.

-Presenza de colaboradores e voluntarios.

-Experiencia contrastada dos equipamentos ou elevada cualificación técnica.

-Correcta distribución de roles e funcións no equipamentos.

3.8. Prioridades de programas (0-5 puntos).

Valorarase positivamente que os programas se axusten basicamente ás prioridades do Plan de Galicia sobre Drogas. Consideraremos tamén que os programas se axusten ás prioridades propostas polas administracións nacionais ou internacionais en materia de prevención.

Os criterios de valoración serán:

-Axustamento ás prioridades do Plan de Galicia sobre Drogas.

-Axustamento a prioridades sociais ou sanitarias doutras administracións públicas.

-Axustamento en canto aos seus contidos e deseño a normas nacionais ou internacionais de intervención nestas áreas.

Ver referencia pdf "05100D003P017.PDF"