DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Venres, 25 de abril de 2008 Páx. 7.305

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 9 de abril de 2008 pola que se establece o sistema de transmisión dos datos mensuais de produción de acuicultura.

O Regulamento (CEE) nº 2371/2002, do Consello, do 20 de decembro de 2002, sobre a conservación e explotación sustentable dos recursos pesqueiros en virtude da política pesqueira común, sinala que o ámbito de aplicación da política pesqueira común abarca a conservación, xestión e explotación dos recursos acuáticos vivos e da acuicultura.

Coa publicación do Real decreto 607/2006, do 19 de maio, que modifica o Real decreto 2064/2004, do 15 de outubro, polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros, establécese que co obxecto de garantir o cumprimento por parte do Estado das súas obrigas coa Unión Europea no control e aplicación das medidas da política pesqueira común, os órganos competentes das comunidades autónomas remitirán á Secretaría Xeral de Pesca Marítima os datos mensuais de produción de acuicultura.

A normativa existente sobre a presentación de estatísticas de produción acuícola, recomenda supervisar a actividade do sector da acuicultura e sometela a control para que as condicións de comercialización resulten satisfactorias; ademais de subliñar que a repercusión da acuicultura no desenvolvemento rexional e no ambiente fan aumentar a demanda de estatísticas para seguir a evolución deste sector.

En canto á comercialización dos produtos da explotación dos recursos mariños e en exercicio das súas competencias, a consellería con competencias en materia de pesca realizará os censos e as estatísticas en materia de pesca e os seus medios de produción. Todo isto dentro do marco normativo que regula e desenvolve a actividade estatística en Galicia e co obxecto de obter información suficiente, fiable e comparable da realidade económica, social e demográfica da comunidade autónoma.

O grao actual de desenvolvemento das tecnoloxías da información e das comunicacións permite a transferencia de arquivos cos datos de venda dos produtos pesqueiros e acuícolas, en consecuencia, co fin de recoller unha información homoxénea, correspóndelle á consellería competente en materia de pesca establecer a estrutura e os contidos dos arquivos de transmisión dos datos de produción de acuicultura.

De acordo co anteriormente disposto, logo da consulta aos sectores afectados, e en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto:

1. Regular o sistema de transmisión e presentación dos datos mensuais de produción de acuicultura, cando non se vendan en lonxa, ante a consellería competente en materia pesqueira.

2. Crear o directorio de entidades asociativas do sector acuícola coa finalidade de permitirlles a estas entidades a transmisión de datos de produción de acuicultura en representación dos seus asociados ou asociadas.

Artigo 2º.-Responsables da transmisión dos datos mensuais de produción de acuicultura.

1. Se a primeira venda de produtos de acuicultura se realiza no establecemento de cultivos mariños será responsable da emisión e presentación dos resumos mensuais de produción a persoa física ou xurídica titular do establecemento.

2. Cando a primeira venda de produtos de acuicultura se produza en establecementos auxiliares de cultivos mariños, que conten coa correspondente autorización, serán responsables de emitir e transmitir estas transaccións as persoas titulares dos ditos establecementos.

3. Os establecementos de cultivos mariños ou os establecementos auxiliares de cultivos mariños que vaian realizar primeiras vendas de produtos da acuicultura deberán estar autorizados pola consellería competente en materia de pesca, segundo establece a Orde do 27 de maio de 2005, pola que se regula a descarga, transporte e primeira venda dos produtos pesqueiros e acuícolas dos que non sexa obrigada a súa primeira venda en lonxa e se establece o procedemento para a autorización.

Artigo 3º.-Transmisión de datos de produción de acuicultura por entidades asociativas.

1. As persoas titulares de establecementos de cultivos mariños que non vendan en lonxa e se atopen inscritos en asociacións de produtores de acuicultura, poderán delegar na entidade colectiva en que se atopen asociados o proceso de transmisión de datos mensuais de produción acuícola.

2. As asociacións de produtores de acuicultura, que asuman a representatividade de titulares de establecementos de cultivos mariños, terán que inscribirse como tales ante o departamento estatístico da consellería competente en materia de pesca. Así mesmo, presentarán o censo de titulares de establecementos de acuicultura aos que representen, censo que manterán actualizado, comunicando as variacións neste censo no momento en que ocorran.

Artigo 4º.-Directorio de entidades asociativas do sector da acuicultura mariña e os seus asociados.

1. Coa finalidade de ter recoñecidas as entidades que poden transmitir os datos de produción dos seus asociados ou asociadas, créase o directorio de entidades asociativas do sector da acuicultura mariña.

2. Para a inscrición das entidades asociativas do sector da acuicultura mariña no directorio que se crea ao abeiro desta orde, estas deberán presentar cuberto ante a Dirección Xeral de Recursos Mariños, o modelo de inscrición que figura no anexo III, xunto cos seguintes documentos:

a) Copia compulsada do DNI da persoa que actúe en representación da entidade asociativa.

b) Orixinal ou copia compulsada do documento administrativo que acredite o recoñecemento/inscrición da entidade asociativa na Dirección Xeral de Relacións Laborais.

c) Censo de titulares a que representa, estruturado conforme se indica no anexo II.

Artigo 5º.-Datos mensuais de produción de acuicultura.

1. As persoas responsables da transmisión dos datos mensuais de produción de acuicultura, descritas no artigo 2º desta orde, remitirán á consellería con competencias en materia de pesca os datos mensuais de produción na primeira semana do mes seguinte ao cal se refiren os datos.

2. O arquivo de datos coa produción mensual de cada establecemento conterá tantos rexistros como transaccións se realizasen nese mes. Para estes efectos, a estrutura e contidos dos rexistros que conformen o arquivo de transmisión axustarase ao modelo descrito no anexo I desta orde.

Artigo 6º.-Comunicación de datos de produción de acuicultura.

A consellería con competencias en materia de pesca establecerá os mecanismos de comunicación axeitados, que permitan o intercambio electrónico de datos mediante formatos e protocolos de transmisión normalizados.

Disposicións adicionais

Primeira.-A consellería competente en materia de pesca facilitaralles aos responsables da comunicación de datos de produción acuícola ou aos seus representantes, os permisos de acceso á Plataforma Tecnolóxica da Pesca para que poidan realizar as transmisións dos arquivos.

Segunda.-A falta de colaboración, a transmisión de datos fóra de prazo ou o incumprimento do establecido nesta orde, poderá dar lugar á incoación do correspondente expediente sancionador de conformidade coa normativa vixente de protección, control, infraccións e sancións en materia marítimo-pesqueira de Galicia.

Terceira.-As administracións públicas competentes en cada caso adoptarán as medidas necesarias co fin de garantir un tratamento confidencial dos datos recibidos en virtude desta orde, restrinxíndose o seu uso aos fins para os que se achegan, agás que se deban usar para protexer a saúde pública.

Cuarta.-Para aqueles produtores aos cales a transmisión telemática de datos de produción acuícola lles represente unha carga desproporcionada con respecto á súa capacidade produtiva, promoveranse por parte da consellería con competencias en materia de pesca os mecanismos axeitados que lle permitan realizar a comunicación da súa produción.

Disposición transitoria

Establécese un período de sesenta días, a partir da publicación desta orde, para que as persoas titulares dos establecementos de cultivos mariños ou establecementos auxiliares de cultivos mariños autorizados para realizar primeiras vendas de produtos da acuicultura, transmitan os seus arquivos mensuais cos datos de produción de acuicultura conforme aos formatos establecidos no anexo I.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Recursos Mariños para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

A transmisión realizarase mediante un arquivo ASCII no que cada liña conteña a información de cada unha das transaccións realizadas coa seguinte estrutura e formato:

Ver referencia pdf "08000D001P009.PDF"

Unha vez xeradas as liñas de datos mensuais, crearase unha última liña de validación na que figurará:

Ver referencia pdf "08000D001P009.PDF"

Todos os campos se tratarán como alfanuméricos, coa inclusión expresa do separador «,» (coma) para os que expresen cantidades decimais.

Utilizarase como separador de campos o tabulador.

ANEXO II

Datos dos titulares que se incorporarán no censo das entidades asociativas do sector da acuicultura.

Ver referencia pdf "08000D001P009.PDF"

Realizarase un rexistro no censo por cada establecemento de cultivos mariños.

Ver referencia pdf "08000D001P009.PDF"