DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Luns, 05 de maio de 2008 Páx. 7.871

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 88/2008, do 30 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

O artigo 30 da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, dispón que o número total de prazas de novo ingreso non pode ser superior ao cento por cento da taxa de reposición de efectivos e que se concentrarán nos sectores, funcións e categorías profesionais que se consideren absolutamente prioritarios ou que se considere que poidan afectar o funcionamento dos servizos públicos esenciais, como criterio de garantía da estabilidade e mellora do emprego público.

Nos termos establecidos no artigo 70.1º da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, poderán con autorización conxunta das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, convocarse ata un 10% de prazas adicionais da oferta de emprego público.

Co obxecto de favorecer a estabilidade no emprego, esta oferta incluirá prazas desempeñadas por persoal interino nomeado ou contratado no exercicio anterior, excepto aquelas sobre as que exista unha reserva de posto ou que estean incursas en procesos de provisión.

O punto 3 do artigo 30 da Lei 16/2007, do 26 de decembro, mantén o criterio de non proceder á contratación de novo persoal temporal nin ao nomeamento de funcionarios/as interinos, agás casos excepcionais e para cubrir necesidades urxentes e inaprazables, con autorización conxunta das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, indicando que en calquera caso, estes nomeamentos e contratacións computarán para os efectos de cumprir o límite máximo da taxa de reposición de efectivos na oferta de emprego público correspondente ao mesmo ano en que aqueles se produzan, e se non fose posible, na seguinte oferta de emprego público, agás que se decida a súa amortización.

Na oferta de emprego público do ano 2008 contémplase un plan de promoción interna para o persoal funcionario dos corpos xerais, excluídas escalas, que consiste en abordar unha promoción interna independente das convocatorias ordinarias. Tamén se introduce, por primeira vez para os funcionarios/as, unha promoción con reclasificación do posto que consiste en abrir as prazas ao corpo e grupo e que acceda por esta quenda. Así mesmo, ofértase a posibilidade dunha promoción por consolidación de grao persoal que estará vinculada á acreditación de coñecementos informáticos, que permitirá a consolidación por este sistema a un número de funcionarios/as.

Así mesmo, nesta oferta incorpóranse medidas de redución de temporalidade no emprego público. A estabilidade no emprego tradúcese nun maior incremento da calidade dos servizos e nunha mellora nos servizos prestados aos cidadáns/ás, por iso, a redución da temporalidade no emprego público é unha prioridade na Administración en Galicia, recollida a través da regulación normativa contida na modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, pola da Lei 13/2007, do 27 de xullo, na súa disposición transitoria décimo sexta e na disposición transitoria novena (bis), primeiro do IV Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Estas disposicións permiten a apertura de procesos de consolidación e estabilización, a través de distintas medidas, todas elas orientadas a resolver a situación laboral daqueles colectivos de persoal que veñen desempeñando o seu traballo con carácter temporal, con relacións de emprego de longa duración, reducindo a temporalidade e primando a estabilidade no emprego, co fin de adquirir a condición de funcionario/a de carreira ou de persoal laboral fixo a través dos correspondentes procesos selectivos que deberán garantir, en todo caso, a aplicación dos principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, así como respectar a libre concorrencia.

Por outra banda, recóllese a posibilidade de funcionarización prevista na disposición adicional décimo sexta e na disposición transitoria primeira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, co fin de darlle a oportunidade ao persoal laboral fixo que ocupe postos de traballo que, pola natureza das súas funcións, deban ser ocupadas por persoal funcionario, de acceder á condición de persoal funcionario a través dos procesos selectivos correspondentes.

Neste marco, correspóndelle á Xunta de Galicia autorizar a convocatoria pública das prazas vacantes, dotadas orzamentariamente, que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes, de acordo co artigo 29 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, establecendo os criterios en que debe enmarcarse a oferta de emprego público, concibida como instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ao servizo da Administración pública, en que deben primar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

Tamén se incorporan prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia procedentes da oferta do ano 2007 aprobada polo Decreto 65/2007, do 12 de abril e ampliada polo Decreto 210/2007, do 31 de outubro, que non foi desenvolvida por completo mediante a publicación das correspondentes convocatorias, polo que todas as prazas non convocadas se incorporan á oferta de emprego público do ano 2008.

En consecuencia, tendo en conta os postos de traballo vacantes en distintos corpos e escalas de administración xeral e especial e de persoal laboral desta comunidade autónoma que afectan o funcionamento dos servizos públicos esenciais, de conformidade co previsto no artigo 30 da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, así como no artigo 23 da Lei 51/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2008, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa ao persoal funcionario de distintos corpos e escalas de administración xeral e especial, así como ao persoal laboral, no ano 2008.

Na súa virtude, negociados os criterios xerais da oferta de emprego público coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de acordo co establecido no artigo 37 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza segundo o artigo 13.2.7 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, logo do informe favorable da Consellería de Economía e Facenda, e co informe previo da Comisión de Persoal, e de conformidade co establecido no artigo 12.8º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de abril de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobación da oferta de emprego público.

De conformidade co disposto no artigo 29.6º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, no artigo 70 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, así como no artigo 30 da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintos corpos e escalas de administración xeral e especial, así como de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia para o ano 2008 nos termos que se establecen neste decreto.

Sen prexuízo do anterior, se durante o exercicio orzamentario correspondente ao ano 2008 e como consecuencia de reestruturacións ou de resolución de procesos de provisión, así como da publicación de novas relacións de postos de traballo (RPT), quedasen máis prazas vacantes, poderán incluírse nunha oferta complementaria.

Artigo 2º.-Cuantificación da oferta de emprego público.

Na oferta de emprego público inclúense as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poden ser cubertas cos efectivos de persoal existentes, de acordo cos criterios e segundo a composición que se detalla no anexo deste decreto.

De acordo co establecido no artigo 70.1º da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público e no punto 1 do artigo 30 da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, con carácter excepcional para atender necesidades sobrevidas poderán convocarse, con autorización conxunta das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e Economía e Facenda, ata un dez por cento de prazas adicionais do total global das cuantificadas na presente oferta de emprego público.

Artigo 3º.-Planificación dos recursos humanos.

A planificación dos recursos humanos na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia orientarase ao correcto dimensionamento do volume de efectivos do sector público, á mellora na distribución e capacitación dos efectivos para unha máis eficaz prestación dos servizos e a potenciar a estabilidade no emprego.

Artigo 4º.-Criterios xerais de aplicación nos procesos selectivos.

1. De acordo coa Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, sinálanse os seguintes principios reitores para o acceso ao emprego público e a adquisición da relación de servizo:

A) Na selección do seu persoal, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia garantirá, ademais dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, os principios de:

-Publicidade das convocatorias e das súas bases.

-Transparencia.

-Imparcialidade e profesionalidade dos órganos de selección e os seus membros.

-Independencia e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección.

-Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións e tarefas que se vaian desenvolver.

-Axilidade, sen prexuízo da obxectividade, nos procesos selectivos.

B) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste decreto.

C) A composición dos tribunais de selección do persoal da Administración pública galega será paritaria para o conxunto da oferta pública de emprego, tanto se se trata de acceso ao emprego como se se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, modificado pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia.

D) Os procesos selectivos que prevexan a realización de probas con respostas alternativas farán públicos os modelos de corrección, na páxina web da Xunta de Galicia ademais de nos lugares que se estipulen na convocatoria.

E) O funcionamento e a actuación dos tribunais de selección axustaranse ás instrucións ditadas pola persoa titular da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza con data do 11 de abril de 2007.

2. Se nun determinado corpo, escala, grupo ou categoría da Administración pública galega se verificase a infrarrepresentación do sexo feminino, entendendo por infrarrepresentación cando exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes, de existir méritos iguais entre dous ou máis candidatos ao finalizar o proceso selectivo e antes da proposta de nomeamento dos candidatos aprobados, deberá aplicarse como primeiro criterio de desempate a preferencia das mulleres, salvo se considerando obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nos candidatos de ambos os sexos existen motivos non discriminatorios para preferir o home, de acordo coa Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.

Artigo 5º.-Persoal de novo ingreso.

1. Nos corpos e escalas de administración xeral e especial da Xunta de Galicia, ofertaranse as prazas que se detallan no anexo.

2. Para o acceso a persoal laboral fixo da Administración da Xunta de Galicia ofertaranse as prazas por grupo que se detallan no anexo. A determinación das categorías farase a través das correspondentes convocatorias.

Artigo 6º.-Promoción interna para o persoal funcionario.

1. No ano 2008, co obxecto de fomentar a promoción interna, convocaranse as prazas que se detallan no anexo, para os/as funcionarios/as dos distintos corpos de administración xeral da Xunta de Galicia. Estes procesos selectivos de promoción interna levaranse a cabo en convocatorias independentes das de ingreso de conformidade co previsto no artigo 60.2º de Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia. A distribución das prazas é a que figura no anexo.

2. Realizarase unha promoción interna separada para permitir que os/as funcionarios/as dos corpos de administración xeral, excluídas as escalas, poidan promocionar ao grupo inmediato superior sempre e cando posúan a titulación necesaria, teñan prestados servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira no corpo de pertenza, reúnan os requisitos e superen as probas que para cada caso estableza a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

De acordo co previsto no artigo 60.2º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, poderá participar nos procesos de promoción interna para o acceso ao corpo administrativo da Xunta de Galicia o persoal funcionario do corpo auxiliar da Xunta de Galicia que, aínda que careza da titulación exixida para a pertenza ao grupo C1, acredite unha antigüidade mínima de 10 anos no grupo C2.

3. Aos aspirantes que superen este proceso de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que veñan desempeñando con carácter definitivo, sempre que estivese aberto ao corpo do grupo de titulación a que se acceda.

No caso de que o aspirante ocupe un posto con carácter definitivo que non estivese aberto ao corpo do grupo de titulación a que se acceda, reclasificarase ese posto e co nivel mínimo do grupo, a excepción dos postos ocupados por funcionarios/as que accedan por promoción interna ao grupo C2.

4. Os aspirantes que participen nos procesos de promoción interna e que superasen a fase de oposición pero non aprobaran por non reunir os méritos suficientes na fase de concurso, quedarán exentos de realizar na seguinte convocatoria algún dos exercicios da fase de oposición que se determinen nesta.

Artigo 7º.-Proceso de promoción para a consolidación de grao persoal.

De conformidade co disposto no artigo 63 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, convocarase un proceso para que o persoal funcionario pertencente ao corpo administrativo da Xunta de Galicia (grupo C1) poida consolidar dous niveis superiores ao grao persoal que teña consolidado, sen que en ningún caso poida exceder do nivel máximo correspondente ao grupo en que figura clasificado o dito corpo. Este proceso estará vinculado á acreditación de coñecementos informáticos tal e como se especificará na correspondente convocatoria.

Para poder participar no proceso de promoción interna para a adquisición dun grao superior será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos:

-Ter prestados servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como funcionario/a de carreira no corpo administrativo da Xunta de Galicia (C1).

-Non ter consolidado o nivel máximo do grupo.

-Superar unha proba selectiva que acredite o nivel de coñecementos informáticos que se determine na convocatoria.

O persoal funcionario que supere este proceso non poderá participar en procesos de promoción interna para acceder ao corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia (grupo A2) ata transcorridos dous anos da efectividade da consolidación.

Artigo 8º.-Persoal veterinario.

Con motivo da execución das sentenzas ditadas nos recursos contencioso-administrativos tramitados tanto polo procedemento ordinario como polo especial de dereitos fundamentais en relación co proceso selectivo para o ingreso na escala de veterinarios do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia convocado pola Orde do 29 de decembro de 2004, o tribunal cualificador deste proceso publicou as novas puntuacións definitivas na fase de concurso correspondente aos/ás aspirantes afectados/as.

Tendo en conta que as novas puntuacións afectan a listaxe de aprobados, razóns de interese público concorrentes neste proceso e a necesidade de evitar danos de difícil reparación aos/ás interesados/as, todos/as aqueles/as que, como consecuencia das referidas execucións de sentenza, pasen a non figurar na relación de aspirantes que superaron este proceso selectivo, continuarán prestando servizos como funcionarios/as interinos nos mesmos postos que viñan ocupando con carácter provisional ata a súa cobertura polos procedementos legais e regulamentariamente establecidos.

Artigo 9º.-Substitución de emprego temporal por emprego fixo.

1. Dentro das medidas de redución da temporalidade, co obxecto de aumentar a estabilidade no emprego público, convocaranse procesos extraordinarios de consolidación e estabilización para dar a oportunidade ao persoal interino e persoal laboral temporal con relacións de emprego de longa duración, de adquirir respectivamente a condición de persoal funcionario de carreira ou persoal laboral fixo nos termos establecidos na disposición transitoria décimo sexta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e na disposición transitoria novena (bis), primeiro do IV Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Estes procesos levaranse a cabo mediante convocatorias extraordinarias de selección con suxeición aos principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e concorrencia competitiva, que se esgotarán coa súa propia resolución e terán carácter excepcional, ofertándose as prazas que figuran no anexo.

As prazas afectadas polo proceso de consolidación serán obxecto de convocatoria independente.

O proceso de consolidación afectará todas as prazas ocupadas por persoal interino con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2005 e que continúen na mesma situación no momento da publicación da convocatoria.

2. Os postos de traballo de persoal laboral dos grupos I e II, vinculados aos acordos de consolidación de emprego público da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible proveranse de conformidade co previsto na disposición adicional décimo sétima en relación co anexo V do IV Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e demais normativa de aplicación.

Artigo 10º.-Procesos de funcionarización.

Os postos de traballo que ocupe o persoal laboral fixo que, pola natureza das súas funcións deban ser ocupadas por persoal funcionario, e non estean clasificados como tales nas relacións de postos de traballo, serán obxecto dentro do segundo semestre do ano 2008 de valoración, clasificación e determinación, que será aprobada polo Consello da Xunta de Galicia. Unha vez cumprida esta previsión, este persoal laboral fixo, mais o que coa mesma condición ocupe postos de funcionarios/as clasificados como tales na distintas relacións de postos de traballo, poderá acceder á condición de funcionario/a a través dos procesos selectivos que se convoquen.

Artigo 11º.-Persoas con discapacidade.

1. Nos procesos selectivos para o ingreso en corpos e escalas de persoal funcionario, así como nos de promoción interna e de persoal laboral, serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co previsto na disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, reservarase unha cota non inferior ao sete por cento das vacantes ofertadas para ser cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 1.2º da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal de persoas con discapacidade, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións, de modo que, progresivamente, se acade o dous por cento dos efectivos totais da Administración da Xunta de Galicia.

A reserva farase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e poderán concentrarse as prazas reservadas para persoas con discapacidade naquelas convocatorias que se refiran a corpos, escalas ou categorías cuxo desempeño se adapte mellor ás peculiaridades das persoas discapacitadas, podéndose excluír desta reserva aqueles corpos, escalas ou categorías que se consideren incompatibles coas tarefas ou funcións que requiran os postos de traballo, sen que a cota de reserva total se vexa alterada.

Cando da aplicación da porcentaxe resulten fraccións decimais redondearase por exceso para o seu cómputo.

O número de prazas reservadas quedará recollido nas correspondentes bases específicas das convocatorias.

Se as prazas reservadas e que foron cubertas polas persoas con discapacidade non acadasen a taxa do tres por cento das prazas convocadas, as prazas non cubertas acumularanse á cota do sete por cento da oferta seguinte, cun límite máximo do doce por cento.

3. A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación nas convocatorias con declaración expresa dos interesados de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará, se obtivese praza, mediante certificación dos órganos competentes. As probas selectivas realizaranse en condicións de igualdade co resto dos aspirantes de promoción interna ou de novo ingreso, segundo corresponda, sen prexuízo das adaptacións previstas neste artigo.

Se na súa realización se lle suscitaran dúbidas ao órgano de selección respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios/as do corpo ou escala ao que se opta, poderán solicitar o correspondente ditame do órgano competente.

4. Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou os períodos de prácticas, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que os interesados deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto os tribunais ou comisión de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

5. Con anterioridade ao nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá requirir, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

6. Os procesos selectivos deberán incluír a posibilidade de que nas convocatorias nas que se estableza unha cota de reserva para persoas con discapacidade, unha vez cubertas as prazas desta cota, os aspirantes que superasen a fase de oposición, pero non obteñan praza pola cota de reserva, poidan optar, en igualdade de condicións, ás prazas do sistema xeral, tanto no caso de acceso por promoción interna como no de quenda libre.

7. Tras superar o proceso selectivo, as persoas que ingresen en corpos ou escalas de persoal funcionario ou categorías de persoal laboral da Administración autonómica e dos seus organismos autónomos e que fosen admitidas na convocatoria ordinaria con prazas reservadas para persoas con discapacidade poderanlle solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a escolla das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberase limitar a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa discapacitada.

Disposición adicional

Queda sen efecto o Decreto 65/2007, do 12 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 (Diario Oficial de Galicia nº 72, do 13 de abril), agás as prazas ofertadas de persoal funcionario e laboral que foron convocadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de abril de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "08500D002P007.PDF"

Ver referencia pdf "08500D003P013.PDF"